O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) están a xuntar forzas, novamente, para ofrecer á comunidade de estudantes da nosa terra un verán plenamente tecnolóxico: divulgación e lecer para facer abrollar as moitas capacidades creativas que levan dentro. Con este motivo, organizan estes meses de verán (de xullo a setembro) un completo programa (TechKids) de xornadas de robótica, pilotaxe de drons, creación de apps e videoxogos e animación 3D. Esta semana ábrese coas actividades de robótica de Oroso (luns 29) e Fisterra (martes 30). Será nas aulas CeMIT das dúas localidades.
Os mozos e mozas interesados en participar nestas xornadas deben inscribirse na Aula CeMIT da súa localidade. TeckKids, para quen non o saiba, abéirase ao Plan Digitalent da axencia AMTEGA, e está destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega. Respecto do obradoiro Robótica para tod@s, que é o que se celebra en Oroso e Fisterra (en ámbolos casos en horario de 10.00 a 14.00 horas), mestura algoritmos e linguaxes co funcionamento de distintos robots. “A actividade iniciará ás nenas e nenos de 9 a 16 anos na programación dun xeito entretido”, segundo informan o CPEIG e AMTEGA, explicando que na actividade empregarase un Mbot, un robot comercial que dispón das ferramentas precisas para mergullar ás nenas e nenos nos segredos e nas potencialidades da robótica, dunha maneira lúdica, “xa que presenta os resultados dun xeito diferente”.
A actividade consistirá en superar mini-retos, cada un dos cales, unha vez resoltos, instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación. Os participantes iniciaranse na programación por bloques, aprendendo o ciclo da vida do software, os condicionais, as variables e os algoritmos. “Coñecerán tamén as partes do robot e a función que desenvolven, condutividade e circuítos eléctricos cando constrúan o control remoto do MBot, ademais de debuxar, recortar e pegar o control do robot”, engaden as entidades organizadoras. Nestas xornadas de difusión tecnolóxica sobre robótica tamén se inclúe a actividade MBot Segueliñas, onde se fará que o robot siga a liña dun circuíto, co alumnado competindo para ver que cousas fan ir máis rápido á máquina. Deste xeito, “aprenderán o ciclo da vida do software e os condicionais”, sinalan o CPEIG e máis a AMTEGA. Amais, xogarase cun MBot radiocontrol, construído un mando a distancia para controlalo coma se fose un coche de radiocontrol. Aprenderán eventos, electricidade e comunicación sen fíos e, finalmente, achegaráselles a actividade MBot Labirinto, construíndo un pequeno labirinto para ser percorrido polo MBot e axudalo a atopar a saída.
A aula CeMIT de Ribeira vai organizar este mes de agosto dous cursos de balde con software libre sobre novas tecnoloxías dirixidos aos máis novos e impartidos por Manuel Bello, novo axente TIC encargado da xestión desta dependencia. A concelleira de Administración, Innovación Tecnolóxica e Transparencia, Atención e Participación Cidadá, Ana Barreiro, manifestou na presentación destes cursos que se trata “dunha aposta pola alfabetización dixital e inclusión tecnolóxica dos cidadáns e cidadás e, como estamos en temporada estival, tócalle aos máis pequenos da casa.” Deste xeito, dixo, contribúese á conciliación.
O primeiro comprende o tramo de idade de 6 a 9 anos e desenvolverase do 6 ao 16 de agosto, en horario de 10.00 a 12.00 horas, cun cómputo total de 18 horas lectivas. Entre a materia impartida atópase o manexo básico do sistema (accesorios do sistema, crear carpetas e ordenar datos), coñecer o teclado, edición básica de texto, debuxar co ordenador, buscar imaxes en Internet, ordenar fotos e crear unha montaxe de imaxes. O segundo treito comprende a rapazada de 10 a 14 anos, desenvolvéndose do 20 ao 30 de agosto, en horario de 10.00 a 12.00 horas, cun cómputo total de 18 horas lectivas. Os asistentes aprenderán a manipulación de imaxes (descargar fotos de Internet, retocar e crear montaxe de imaxes), editar son e vídeo (descargar de Youtube, editar as descargas e engadir son). O Concello explicou que existe un límite de prazas establecido en 12 para cada unha das accións formativas e as inscricións estarán abertas desde o 29 de xullo ao 2 de agosto, podendo formalizarse tanto na páxina web do Concello www.ribeira.gal, dentro do apartado Aula CeMIT, coma nas propias instalacións situadas debaixo da escola infantil municipal, na rúa Cubeliños 1.
Por outra banda, a concelleira lembrou que a aula CeMIT está aberta para calquera persoa que queira facer consultas ou suxestións sobre aspectos relacionados coas novas tecnoloxías.
Un total de oitenta centros docentes da nosa terra veranse beneficiados este curso (2019/2020) coa súa inclusión no proxecto de libro dixital (eDixgal) da Consellería de Educación. Deles, 33 son da provincia da Coruña. Así se fai saber na resolución definitiva da convocatoria para a selección de centros que se suman ao proxecto o vindeiro ano académico.
A iniciativa eDixgal, impulsada pola Consellería de Educación e a axencia AMTEGA, púxose en marcha no curso 2014/2015 cun total de 84 centros educativos e 2.300 alumnas e alumnos na etapa de educación primaria en toda Galicia. Coas novas incorporacións a comunidade de centros adheridos ao proxecto chegará a 347 centros de ensino e a 27.000 alumnas e alumnos. Os seus obxectivos fundamentais son transformar as nosas aulas tradicionais en aulas innovadoras e dixitais, coa colaboración de toda a comunidade educativa e de empresas da nosa terra, e loitar contra a fenda tecnolóxica que separa os núcleos urbanos de boa parte do rural.
O programa, que vai dirixido aos centros públicos que impartan ensinanzas de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO e que conten con aulas dixitalizadas, achega aos colexios unha manchea de materias de modalidade dixital (a totalidade das mesmas para os de Primaria, e media ducia de materias para os de Secundaria). Os centros adscritos a este proxecto disporán “da conexión á rede axeitada e cos medios tecnolóxicos necesarios na aula”, así como para o profesorado e alumnado; e terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos de balde subministrados pola Xunta. Así mesmo, contarán con máis de 3.400 recursos do repositorio de contidos do espazoAbalar.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Lei da Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), o marco xurídico para consolidar unha administración integramente dixital e universalizar o seu uso e acceso a toda a cidadanía. Os primeiros desenvolvementos normativos desta Lei serán os relativos á automatización de prazo por incidencias técnicas, ao rexistro electrónico de apoderamentos e á concreción do marco galego de competencias dixitais.
A lei, que entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación, adapta á realidade do sector público autonómico as obrigas das leis estatais 39 e 40/2015 e aséntase en tres principios; só unha vez, evitando reclamar datos que xa obran en poder da Administración; a proactividade, empregar a información que a Administración ten do cidadán para prestar servizos personalizados e adiantarse ás súas necesidades; e a automatización dos procesos para conseguir unha xestión máis eficiente.
Entre as principais novidades da Lei está a transformación das actuais oficinas de Rexistro en espazos de asesoramento e apoio, nos que prestará asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos e solicitudes como na tramitación da identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de representación. Precisamente, a creación dun rexistro de apoderamentos será un dos primeiros desenvolvementos normativos da Lei, que permitirá que unha persoa autorizada poida facer trámites telémáticos en representación doutra.
Nesta liña, a Lei tamén establece a posta en marcha da figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poida realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa.
A lei consolida a sede electrónica da Xunta como o punto de acceso único, sinxelo e accesible na rede a calquera recurso ou servizo da Administración. A lei dá especial relevancia a carpeta do cidadán, na que poden xestionar online toda a información referente aos seus trámites administrativos e consultar o estado dos mesmos con todas as garantías de seguridade. Baseándose nesta información, a Administración poderá prestar servizos personalizados e proactivos, evitando reclamar a petición daquela documentación que xa consta na carpeta do cidadán.
En relación coa tramitación online, un dos primeiros desenvolvementos normativos desta Lei será a tramitación do Decreto de ampliación automática de prazos, que garantirá a ampliación do prazo daqueles procedementos que se vexan afectados por unha incidencia técnica durante a súa xestión.
A norma define, por primeira vez, a creación dun marco galego de competencias dixitais, tomando como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia, para que os cidadáns poidan acreditar os seus coñecementos dixitais e mellorar as súas competencias profesionais. Ademais, promoverase a inclusión dixital con actuacións de formación en función do nivel (alfabetización, capacitación e innovación dixital), na que a Rede de Aulas CeMIT constituirá un instrumento de apoio importante.
Así mesmo, a lei contempla a definición dun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais.
Estase a traballar na concreción deste marco de competencias dixitais, que se prevé que estea regulado no 2020.
Senta as bases para o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público, coa dotación de medios para a realización do desempeño no novo contexto dixital, acceso remoto ou teletraballo, mobilidade, que deberá permitir: o uso de escritorios e aplicacións corporativas en calquera dispositivo e lugar; o emprego de terminais ou dispositivos adaptados aos perfís dos empregados públicos; e posibilitar contornas de traballo colaborativas e a creación de redes de usuarios con actividades comúns.
A lei regula o Arquivo Electrónico Administrativo como o elemento que albergará todos os expedientes do sector público autonómico en tramitación e os finalizados e a plataforma de interoperabilidade pasaXe! como o nodo para o intercambio de datos e documentos entre administracións públicas.
Entre as novidades que incorpora a lei está a configuración dixital de procedementos administrativos e servizos para que teñan un funcionamento plenamente electrónico e ofrecer aos cidadáns uns servizos homoxéneos, personalizados e fáciles de utilizar. As directrices, de obrigado cumprimento, recóllense nas Guías para a habilitación electrónica de procedementos e servizos.
Establece que o Centro de Proceso de Datos (CPDI) e a rede corporativa da Xunta constitúen a infraestrutura dixital básica necesaria para dar soporte á administración dixital, que deberán asegurar a prestación de todos os servizos dixitais a nivel de posto de traballo.
A Lei establece que a Xunta disporá dun Plan de continuidade dos servizos dixitais, que determinará os requisitos de seguridade, calidade e continuidade, as accións preventivas, correctivas e reactivas e o establecemento de responsabilidades que permitan garantir a dispoñibilidade dos servizos dixitais.
O 85,6% dos fogares galegos ten un servizo de internet contratado, segundo se recolle no estudo “A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2018”, publicado hoxe. Esta porcentaxe supón un incremento dun 20% respecto ao ano 2015, o dobre que o rexistrado no conxunto do Estado no mesmo período de tempo.
O informe, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito a Amtega, amosa que o crecemento na contratación a internet rexístrase especialmente nos núcleos de menos habitantes. Así nas entidades de poboación con menos de 5.000 persoas, a porcentaxe de fogares con servizo de internet sitúase no 69%, fronte ao 54,4% de 2015; e nos núcleos de 5.000 a 10.000 habitantes o 81% do fogares dispoñen deste servizo, fronte ao 65,5% rexistrado tres anos antes.
Cómpre destacar como a convivencia con nenos eleva, considerablemente, a porcentaxe de contratación de internet. O 99% dos fogares con nenos en idade escolar teñen internet contratado mentres que nos fogares sen nenos a porcentaxe descende ata o 81,4%.
No 2018 tamén aumenta a porcentaxe de usuarios de internet, que acada o 80%, 10 puntos máis que tres anos antes. Neste indicador destaca o incremento rexistrado entre os maiores 65 anos, dos cales un 34,8% accederon a internet en 2018, mentres que en 2015 esta porcentaxe non superaba o 21%. Aumenta, tamén, o uso entre as persoas de 55 a 64 anos, que pasa dun 50% en 2015 a máis dun 67% en 2018.
Este incremento é especialmente significativo en Galicia, onde máis do 25% da poboación ten máis de 65 anos. Nas restantes franxas de idade, os galegos igualan ou superan a media estatal no uso da rede con valores por riba do 96%,agás na franxa dos 45 aos 55 anos que se sitúa nun 88,8%, só a 2 puntos de distancia da media do Estado.
Ao igual que na contratación, a convivencia con nenos incide significativamente no uso de internet. Así, nos fogares con nenos en idade escolar obrigatoria a porcentaxe de uso sitúase no 93,5% mentres que nos fogares sen nenos descende ata o 75,3%.
O móbil desbanca ao portátil para acceder á rede. O 98,2% dos fogares galegos empregan o teléfono móbil para conectarse a internet, mentres que o ordenador portátil é empregado polo 65,8% dos fogares.
Aos usos habituais da Rede, como a busca de información ou o envío de correos electrónicos, súmanse novos usos como a banca electrónica, que empregan o 58,9 dos galegos ou os espazo de almacenamento na nube, aos que recorren o 46,5% dos internautas.
O 76,5% da poboación que utilizou internet empregou redes sociais nos últimos tres meses, destacando as orientadas á comunicación e ao intercambio de mensaxes (Whatsapp, Telegram, Skype...), de modo que a actividade máis estendida en redes é a de chatear e/ou enviar mensaxes.
En canto ás aplicacións no móbil, as máis empregadas polos galegos son as redes sociais, ás que acceden o 95,6% dos galegos con smartphone, seguidas das de metereoloxía cun 71% de usuarios e as de banca electrónica cun 53%.
O 28,5% dos internautas galegos declararon ter sufrido algún incidente relacionado coa seguridade en internet no último ano. A recepción de spam é o incidente máis frecuente (82,3%), seguido a moita distancia polo ataque de virus e/ou software malicioso (20%).
Un dos riscos asociados aos incidentes de ciberseguridade é facilitar información de carácter persoal a través de internet. Neste senso, cabe salientar que un 62,7% dos internautas galegos facilitaron voluntariamente información de contacto e datos persoais. Ademais, a metade dos internautas (51,3%) facilitaron detalles de pago, como número de tarxetas de crédito ou de contas bancarias.
A desconfianza ante os posibles perigos da navegación ou uso de internet, tamén incide nas redes wifi ás que se conectan. Así, un 40,6% dos internautas galegos verifica que as redes wifi distintas á do seu domicilio cumpre cuns requisitos mínimos de seguridade e só se conecta a redes wifi con seguridade.
O 46,6% dos internautas fixo algunha compra a través da Rede nos últimos tres meses. Entre os produtos e servizos adquiridos destacan a roupa e complementos (52,3%), produtos e servizos relacionados coas viaxes (billetes para medios de transporte, aluguer de coches, hoteis... (33,5%), roupa e material deportivo (31,7%) e entradas para espectáculos (29,8%).
Dous de cada tres internautas xestionaron online coa Administración no último ano, o que sitúa a Galicia a 20 puntos por riba da media estatal no uso da Administración dixital.
As xestións sanitarias, como a solicitude de cita médica ou o cambio de tarxeta, xunto coa tramitación da declaración da renda, son as xestións administrativas más frecuentes. O 72% dos galegos fixo xestións sanitarias coas administracións no último ano e o 50,4% utilizou internet para presentar a declaración da renda.
En torno ao 13% dos internautas galegos empregaron internet para facer xestións educativas, universitarias ou non, apuntando tamén un incipiente 5% de trámites agrogandeiros realizados en liña, como a solicitude de permisos de queima ou movemento de gando.
Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org
A Fundación ONCE colaborou coa Xunta de Galicia para conseguir que 2021 sexa o ano Xacobeo máis accesible ata a data, polo que asesorou ao Goberno rexional en todo o relativo a accesibilidade incluído no plan estratéxico preparado para o desenvolvemento deste evento e presentado recentemente na Cidade da Cultura de Galicia.
Desta forma, o plan contén unha serie de puntos dirixidos a mellorar a accesibilidade do Camiño de Santiago para que os peregrinos con distintos tipos de discapacidade poidan facer o roteiro coa maior autonomía e comodidade posible.
En concreto, a Fundación ONCE puxo ao dispor da Xunta o "Camiño de Santiago para todos", un proxecto concibido para mellorar a accesibilidade dos distintos camiños, empezando polo francés, o máis visitado polos peregrinos, que incluirá unha aplicación móbil con información accesible e fácil de entender, orientada especialmente ás persoas con discapacidade. Desta forma o ano Xacobeo será máis accesible.
Como icona do "Camiño de Santiago para todos", deseñouse un elemento en 3D que representa a unha peregrina e que será a imaxe identificativa dos puntos do camiño que conteñan información accesible (carteis e balizas beepcons).
Tanto o sistema de beepcons como o tamaño da cartelería permitirán que os peregrinos detecten o punto informativo sen necesidade de achegarse demasiado a el, ou, mesmo, sen que estea visible. Desta forma, poderán detectar balizas nun radio de entre 15 e 30 metros mediante un sistema que os conducirá ata elas. Estas balizas utilizaranse para sinalizar puntos clave do Camiño, como bifurcacións ou entradas a municipios.
En canto á cartelería, ofrecerá información relativa á propia aplicación (que é e onde descargala), así como ao momento concreto no que se atopa o usuario. Para acceder a esta información, os paneis dispoñen de códigos vumark.
Ademais, a app permite ao peregrino acceder a alertas, notificacións ou información relativa a accesibilidade vinculada ao tramo do camiño no que se atope.
A Fundación ONCE colabora coa Xunta de Galicia para lograr que o 2021 sexa o Ano Xacobeo máis accesible para as persoas con discapacidade, coa elaboración dun plan estratéxico no que a accesibilidade e a tecnoloxía terán un papel fundamental.
A parte principal desta colaboración plasmouse neste plan estratéxico deseñado para que o desenvolvemento deste evento permita a participación de todas as persoas.
Un dos puntos clave é a mellora da accesibilidade do Camiño de Santiago, algo no que a Xunta e a fundación levan tempo traballando de forma conxunta.
Froito desta colaboración entre as dúas entidades foi a creación do proxecto Camiño de Santiago para Todos, no que se agrupan distintas iniciativas para mellorar a accesibilidade destes roteiros.
O proxecto recolle a creación dunha aplicación móbil con información accesible e fácil de entender dirixida a persoas con discapacidade.
Así mesmo, en distintos puntos do camiño instalouse o sistema de beepcons, as balizas intelixentes de Ilunion para axudar á orientación de persoas con discapacidade visual, e adaptouse a cartelería para cubrir as necesidades de todas as persoas.
O Grupo Stellae da Universidade de Santiago vén de radiografar os hábitos e a capacitación TIC do noso alumnado. Fíxoo a través do estudo Competencia dixital en estudantes de educación obrigatoria. Entornos socio-familiares, procesos de apropiación e propostas de inclusión, realizado coa subvención do Ministerio de Economía e Industria. O obxectivo do traballo foi comprender o nivel de alfabetización tecnolóxica dos nosos menores de idade ao remataren Primaria, segundo explican as investigadoras Adriana Gewerc Barujel e Esther Martínez Piñeiro. No estudo reflíctese un dato preocupante que en certa maneira desmente (ou matiza) o mito dos nativos dixitais: vinte de cada cen estudantes de sexto curso de Primaria teñen unha competencia dixital baixa.
A partir da análise dos resultados dunha proba realizada entre 764 rapaces e rapazas de toda a Comunidade, o grupo de investigación da USC conclúe que “o 67% do alumnado posúe unha competencia de nivel medio, mentres que unicamente doce de cada cen alcanzan un nivel alto”. Como explican as investigadoras da USC, de media o alumnado obtén na proba unha nota final de 6 nunha escala de 10 puntos, “se ben, atendendo aos coñecementos, o alumnado suspende en tres das cinco áreas analizadas”. Concretamente o alumnado suspendería en información (nota media de 4,8), creación de contidos (4,6) e resolución de problemas (4,8). Fronte isto as autoras do estudo sosteñen que é preciso incidir máis nun “mellor manexo de conceptos coñecemento competenciais básicos”. Pola contra, as puntuacións máis altas (por riba de 7,5) están relacionadas coas actitudes do alumnado en todas as áreas da competencia dixital, “especialmente na de seguridade e comunicación”.
O Concello de Ourense ofrecerá, a través da Universidade Popular, unha oferta de 140 cursos formativos en diferentes áreas, incluíndo as múltiples vertentes actuais das novas tecnoloxías da información: redes sociais, robótica, ofimática ou fotografía dixital, entre outros eidos.
Segundo informa o Goberno local, a comisión técnica vén de seleccionar os proxectos do ámbito da educación non formal de cara á súa inclusión no programa 2020, no que participan 80 entidades. Tivéronse en conta parámetros como a calidade dos proxectos, a innovación e maila súa aplicación práctica. Na longa listaxe de obradoiros formativos, que podemos consultar nun documento en PDF específico, inclúense cursos de iniciación á robótica (Safe Educación e Formación), de introdución á mercadotecnia dixital e a plataforma Prestashop (Captioma Galicia), de creación de contidos para YouTube e de series de TV (Gonzalo García Palmeiro), de fotografía dixital nocturna e smartphotos con teléfonos móbiles (Víctor Barro Casal), de Sistemas de Información Xeográfica (Alba Dasairas Bouzada), de redes sociais e creación de blogs e de informática administrativa (Delta PC), de marketing e vendas (Delfina Franqueira), de xestión de perfís profesionais e empresariais en redes sociais (Alba Aldá Lameiras), de Wordpress (Carmen Mª Rúa), e de ofimática e factura electrónica (Pacios Ramón Informática e Formación).
Os dispositivos intelixentes supoñen un gran avance para moitas persoas con discapacidade que poden manexalos desde un smartphone ou a través da voz. Nesta liña enmárcase o acordo entre Ilunion IT Services e Geeksme, que busca o desenvolvemento conxunto de solucións da internet das Cousas en moitos ámbitos distintos.
Estas solucións permiten que todo o que nos rodea se volva intelixente, o que permite incrementar en gran medida a súa accesibilidade para persoas maiores ou persoas con discapacidade.
O adxectivo "intelixente" que actualmente se pon a moitos dispositivos significa, a grandes liñas, que está conectado a Internet ou a algún outro dispositivo.
Esta "intelixencia" permite que ese dispositivo, ou ben se poida utilizar dunha forma máis sinxela e accesible, ou que aprenda a adaptarse ás necesidades, os gustos e os costumes dos seus usuarios.
En calquera caso, trátase de solucións que en xeral, a condición de que estean ben deseñadas e desenvolvidas, supoñerán unha mellor usabilidade para as persoas, en especial para aquelas que en moitos casos teñen dificultades para manexalas, como as persoas con discapacidade e as persoas maiores.
O acordo entre Ilunion IT Services e Geeksme prevé o desenvolvemento conxunto de novos proxectos que utilizan esta tecnoloxía da internet das Cousas en áreas como os servizos, o sector sociosanitario, o hospitalario, o farmacéutico, o de transportes, o da loxística, a banca ou os seguros, entre outros.
Por unha banda, Geeksme achegará o seu coñecemento e a súa capacidade tecnolóxica no deseño, desenvolvemento, fabricación e promoción das solucións, mentres que Ilunion encargarase da instalación, o mantemento e a loxística.
Ademais, o feito de que o acordo de Geeksme sexa cunha empresa como Ilunion, que forma parte do Grupo Social ONCE, é unha mostra da importancia que a accesibilidade e as persoas con discapacidade teñen na colaboración entre as dúas entidades.