A Fundación ONCE mantén aberta a súa liña de axudas ao emprendemento para persoas con discapacidade que na primeira metade do ano permitiu impulsar un total de 14 proxectos, moitos deles ligados á tecnoloxía.
Unha aplicación que facilita o aparcamento de vehículos a persoas con mobilidade reducida, unha clínica dental e unha pastelería que utilizan a realidade aumentada, ou un xogo que favorece a estimulación cognitiva son algúns dos exemplos dos proxectos que participaron nesta liña de axudas no primeiros seis meses de 2019.
O obxectivo destas axudas, cuxo importe base é de 3.000 euros pero que pode alcanzar os 18.000 euros por proxecto, é o de fomentar o emprego e mellorar a empregabilidade e a inserción socio laboral das persoas con discapacidade.
As axudas enmárcanse no Programa Operativo do Fondo Social Europeo de Inclusión Social e Economía Social 2018-2022 (Poises) e, na primeira metade do ano, foron a parar no 57% dos casos a mulleres.
Desde o inicio desta liña de axudas en 1988, un total de 1.746 emprendedores con discapacidade recibiron este impulso para iniciar unha actividade de autoemprego.
Para este período, entre 2018 e 2022, a Fundación ONCE ten previsto destinar 2,6 millóns de euros para o fomento do emprego por conta propia, con criterios específicos para favorecer a colectivos como as mulleres, os maiores de 45 anos ou os parados.
Así mesmo, o programa prima aos proxectos de creación de empresas que xeren emprego para outras persoas con discapacidade ou que impulsen o desenvolvemento rural, a tecnoloxía, o turismo especializado, a agricultura ecolóxica, a saúde, o medioambiente ou a innovación social.
A aula CeMIT da Guarda vén de ampliar a cantidade dos cursos ofertados sobre novas tecnoloxías da información e faino cunha programación continua de actividades ao longo do ano, tanto para perfís básicos coma avanzados e para todas as idades. Así o vén de informar o Concello, que lembra que o devandito espazo de formación e divulgación tecnolóxico-dixital, que se atopa no primeiro andar do Centro Cultural da Guarda, tamén pon a disposición de residentes e visitantes a posibilidade de acceder libremente a Internet.
Entre os cursos que programa con regularidade o espazo CeMIT local e que veñen de ser obxecto de ampliación figuran os seguintes: informática básica para nenos e para adultos, mecanografía, procesador de textos, follas de cálculo, redes sociais, manexo desmartphones, entre outros.
O Concello engade que todas aquelas persoas que desexen estar informadas sobre a oferta e programación de actividades TIC da Guarda poden contactar a través do enderezo electrónico cemit.aguarda@xunta.gal ou chamando ao 986 61 1850. A aula CeMIT local conta coa presenza dun técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego.
A Biblioteca Municipal do Centro Ágora da Coruña vai organizar en outubro, entre os días 14 e 25, unha actividade formativa de alfabetización dixital para a cidadanía. Trátase, máis en detalle, dun curso de iniciación á informática, Internet e correo electrónico, dirixido a maiores de catorce anos e de trinta horas de duración. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse entre o 7 e o 14 de outubro. A formalización da matrícula pódese facer de maneira presencial na Biblioteca Pública do Centro Ágora, que é onde se vai desenvolver a actividade formativa, en horario de 9.00 a 12.00 horas.
O curso vai especialmente encamiñado a persoas sen coñecementos tecnolóxicos que queiran tirar partido das ferramentas dixitais, comezando polos usos máis básicos e subindo logo novos chanzos no seu coñecemento TIC. “Neste curso”, sinala a organización, “adquiriremos as habilidades básicas para o manexo do teclado e do rato, para a administración e uso de arquivos e cartafoles, para a procura de información na Internet, o acceso a servizos e trámites en liña e a creación e xestión dunha conta de correo electrónico”. A actividade incluirá unha aproximación á historia de Internet e os seus conceptos básicos; explicacións e prácticas co teclado e co rato; creación, denominación e emprazamento de carpetas; prácticas en buscadores, uso de arquivos e coñecemento sobre os seus formatos, descarga de ficheiros ou conceptos sobre como visitar web de interese e tirarlles o máximo proveito. Tamén se introducirá ao alumnado en correo electrónico, en xestión de contactos ou no uso dos dispositivos móbiles, entre outros moitos contidos.
En verán a nosa terra énchese de oportunidade de lecer, propiamente dito, pero tamén de lecer científico e tecnolóxico. Nesta liña de achegar diversión creativa e enriquecedora á rapazada é onde se insire a xira Creactivity da Obra Social LaCaixa, que está percorrer os concellos da nosa xeografía cun amplo abano de actividades STEM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Este mes de agosto a iniciativa fai unha recalada en Rianxo, os días 19 e 20, logo das súas arribadas a Cedeira, Bueu, Mondoñedo ou Vilagarcía, entre outras localidades.
O horario da cita rianxeira será de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. Trátase dun espazo de experimentación e divulgación activa para nenas e nenos a partir de 7 anos onde se practica, en palabras da Obra Social LaCaixa e o Concello de Rianxo, “a arte de pensar coas mans, con elementos ideados para fomentar a creatividade, o espírito emprendedor, a cooperación e a reflexión”. Baseado na metodoloxía de traballo e formación do deseño intelixente (Design Thinking), o espazo Creactivity busca que os participantes realicen creacións e construcións científicas ou tecnolóxicas, xa sexa de forma individual ou colectiva, que respondan os retos suxeridos ou aos seus propios desafíos a través da manipulación, observación e exploración de materiais e fenómenos. O Creactivity inspírase no movemento Tinkering liderado polo Exploratorium de San Francisco.
O obxectivo último do Creactivity é “empoderar aos nenos e nenas para intervir no mundo que lles rodea”. Inspírase, tamén, no movemento mundial argalleiro: o movemento Maker, que defende un xeito colectivo de facer innovación, enxeños concretos que axuden a mellorar a nosa vida e a protexer o medio ambiente potenciando as moitas cualidades que todas as nenas e nenos levan dentro. Trátase da filosofía do “faino ti mesmo” levada ao extremo, en tecnoloxías e ciencia.
Esta finde (o sábado 10 e o domingo 11) celebrarase na Coruña unha nova edición dos obradoiros de robótica e as charlas didácticas da operadora, os obradoiros CreaR. Será no marco da Mercado da Colleita da Coruña e a través desta cita porase o foco nas posibilidades que as novas tecnoloxías nos ofrecen se se fai un bo uso delas. A cita será no número 1 do paseo das Pontes, no marco do mercado ecolóxico e de produtos naturais que impulsa a compañía cervexeira galega Hijos de Rivera. As actividades do operador de cable irán destinadas a nenas e nenos de entre 5 e 10 anos. Logo da recalada na Coruña, CreaR arribará en Pontevedra, Cangas, Cambre e Lugo.
A presenza de R no Mercado da Colleita ten que ver cunha temática que é lindeira da innovación e a calidade: a sustentabilidade. En base a isto, informa a operadora, “este ano quixemos que os peques da casa tivesen unha participación máis activa a prol da contorna natural”. Por iso, os nenos poderán redeseñar o medio co apoio da súa creatividade: empregando materiais naturais (terra, area, palla e auga) construirán estruturas ou espazos de xogo e aprenderán a facer unha casa ou calquera outro elemento sustentable mediante a técnica da bioconstrución. Os obradoiros, para un máximo de 20 nenos por sesión, desenvolveranse nas mañás do sábado 10 e domingo 11 de agosto, organizados en dúas quendas: para nen@s de 5 a 7 anos, de 11:00 a 12:00 h; e para nen@s de 8 a 10 anos, de 12:00 a 13:00 h. Para formalizar a inscrición nas actividades, cómpre que nos acheguemos a recoller a nosa entrada, previo convite, na tenda R da rúa Compostela, 8 da Coruña (de luns a venres, de 10:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:30 h; e os sábados, de 10:00 a 14:00 h).
Ademais dos talleres CreaR, no Mercado da Colleita a compañía de cable celebrará outras actividades abertas a todo o mundo, para as que non será preciso dispoñer de convite previo. “Así”, explica a empresa, “viaxaremos no tempo con xogos tradicionais coma, entre outros, caldeiros colgados, carreiras de tartarugas ou carreiras de coches”. No espazo de R, ademais, “os non tan peques poderán evocar a súa nenez botando man dalgún dos xogos populares de toda a vida”. Os obradoiros de CreaR proseguirán o seu periplo até final de ano para visitar as localidades de Pontevedra, Cangas, Cambre e Lugo. En todos os casos, os talleres están abertos ao público xeral, tanto a clientes coma a non clientes do operador galego. Toda a información para participar, no blog de R.
Os obradoiros CreaR son outra das accións de R como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia e colaborador do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia (Digitalent), que desenvolve a Xunta de Galicia a través da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).
A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, indicou hoxe que o Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta recibiu 394.756 visitas e 2.132 solicitudes de información pública
Dende a súa apertura, o 7 de marzo de 2016, no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia foron consultadas máis de 1,5 millóns de páxinas, cun promedio de catro páxinas por visita. O Portal de Transparencia contén máis de 1.200 páxinas web nas que se poden visualizar máis de 3.000 documentos.
As páxinas máis visitadas foron as de altos cargos da Administración xeral, normativa en tramitación, contías das retribucións do persoal, axenda institucional de altos cargos, contratación pública, información de transparencia das entidades instrumentais do sector público autonómico e oferta pública de emprego
Con respecto ás solicitudes de acceso á información pública, segundo explicou a directora xeral, as peticións son de distinta natureza e van desde informacións relativas a información institucional, organizativa e de planificación, sobre relacións coa cidadanía, en materia de persoal, económica, estatística e orzamentaria, en materia patrimonial, en materia de contratación pública, convenios, xestión, así como subvencións e axudas.
Segundo a súa forma de presentación, 1.551 foron presentadas por medios electrónicos e 581 en papel, cun salientable incremento da utilización dos medios electrónicos por parte da cidadanía para formular ditas solicitudes con respecto aos anos anteriores. Por departamentos competentes para resolver as solicitudes de información pública, cómpre indicar que en cómputo global o maior número de solicitudes foi recibido na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, seguidas da Consellerías do Mar, e de Infraestruturas e Mobilidade.
No século XXI, as persoas na terceira idade teñen un peso determinante na sociedade, afúndese o sistema familiar tradicional e xorden solucións tecnolóxicas ás necesidades dos maiores nunca pensadas: antes a vida non era tan longa e as limitacións da ancianidade superábanse coa axuda de persoas novas.
Ao revisar mortuorias en La Voz de Galicia, obsérvase a grande proporción delas en que aparece a casa patrucial baixo nome e apelidos (e alcume, se cadra) do defunto. En todas as familias había fillos que quedaban na casa. Fronte a iso, no rural e no urbano dáse hoxe o fenómeno dos vellos independentes: persoas que non poden contar con fillos nin parentes novos, mais tampouco queren abandonar a vivenda na que probablemente formaran a familia. Os maiores de aldea desexan vivir a pé da horta que lles dá a saúde do exercicio e da comida; os de cidade adoran o barrio, a praza, o parque...
Con capital intervención dos enxeñeiros de Telecomunicación, funcionarios e asesores, a Comisión Europea trazou liñas-piares sobre envellecemento activo e atención médica no lar. O un está relacionado co outro pois, malia a actividade saudable dos maiores, o deterioro físico é inevitable. Destes piares foron xurdindo solucións baseadas nos avances en varios aspectos: os sensores e a electrónica ligada a eles e as redes, sen fíos ou con eles.
A miniaturización e a produción masiva dos sensores conduciu a que se poidan medir variables do ambiente e do corpo humano, detectar presenzas e identificar persoas a prezos razoables. Canto ás redes, desenvolvéronse a 2G, a 3G e a 4G con soporte de comunicacións liberadoras de anciáns, mentres nas redes de cabo se pasaba do par telefónico, con baixa capacidade de transmisión, ao coaxial, capaz de transmitir a alta velocidade; ata chegarmos á fibra óptica, cuxa capacidade de transmisión supera á de calquera dispositivo que a ela se conecte. As redes locais de norma wifi, e microrredes de bluetooth e zigbee, completaron a oferta de apoios.
Chegados a este momento, prolifera nos países da Unión Europea o perfil do vello independente... pero menos. Pode ser pensionista activo no eido profesional, persoa disposta a aproveitar o tempo de prórroga con boa saúde ou xa con ela deteriorada (indo a peor segundo aumenta a idade). Pode vivir en compañía doutra persoa do seu tempo (caso dos matrimonios) ou só (pois a viuvez é un estado final natural). En calquera caso, manifesta estar a xeito na casa mentres se poida valer, tanto máis canto máis telecoidado se vexa.
Un proxecto europeo dirixido a ese efecto é o Activage, coa parcería dunha grande empresa galega no deseño e na fabricación. En probas xa para a contorna da vivenda, vai pasar a un novo estadio coa comunicación estendida fóra dela. Na xestión do servizo colaboran o Sergas e a Cruz Vermella, na instalación do equipamento e na relación co usuario a calquera momento de calquera día.
Os técnicos da organización filantrópica estudan a vivenda do usuario e colocan sensores de apertura e peche de portas, da casa e da neveira; de presenza nunha selección de cuartos de uso ineludible: alcoba, baño, estar, escritorio (no caso de actividade profesional na casa); de fume... Todos eses sensores teñen cadanseu emisor vía zigbee. A isto o Sergas engade un conxunto de aparellos (tensiómetros, coagulómetros, básculas...) conectados por bluetooth.
Unha centraliña contén o coordinador das redes do lar (wifi, zigbee, bluetooth...) que recolle os sinais dos sensores, e máis o correspondente enrutador para a conexión da vivenda ao centro de atención da Cruz Vermella (por cabo ou por radio). A centraliña é doada de manexar con botóns, colocados nela máis un de colar; conta cun micrófono de altísima sensibilidade, que recolle a voz do usuario desde calquera recanto da casa, e un altofalante moi potente. A centraliña e as súas funcións garanten seguridade e discreción sobre o que aconteza na vivenda teleasistida.
A comunicación usuario-centro de atención ten calidez humana. O persoal do centro, en función do conversado co usuario e das súas necesidades, dispón como actuar, con medios propios ou do Sergas, os bombeiros, a policía...
O sistema Activage engade un elemento de intelixencia informática moi ben ideado: en base aos rexistros da sensorización, descobre as rutinas do usuario e, no caso de estas se veren alteradas, procede á interrogación vía audio a través da centraliña. A falta de resposta, os responsables dese servizo na Cruz Vermella e no Sergas deciden o que facer a continuación.
A Cruz Vermella reparte responsabilidades con algunha persoa próxima ao usuario (restos do esquema familiar antigo), quen debe custodiar os elementos de acceso á vivenda -as chaves- non lonxe desta, en previsión de ter que entrar a dar socorro ao seus habitantes cando estes non sexan capaces de franquear a entrada (por exemplo, no caso de caída ou perda de conciencia).
Tanto esas persoas de soporte como o usuario dispoñen dunha aplicación para teléfono móbil que amosa a estatística dos sensores, relacionable coas rutinas normais (non abrir a porta da neveira ou non entrar no cuarto de baño indica falta de actividades vitais básicas).
Un novo paso na integración do usuario no sistema de protección baseado na vivenda é dotalo dunha pulseira intelixente conectada ao teléfono móbil vía bluetooth. A pulseira recolle variables vitais do usuario e o móbil envíaas ao centro de control, de xeito que o sistema de seguimento poida prever problemas de saúde e, se os valores se fixeren críticos, dispararía unha alarma, estando o usuario na casa ou xeolocalizado en calquera lugar...
Segundo falamos da 5G e da Internet das cousas, avanza a idea das casas e os edificios intelixentes: todos os aparellos hanse poder comunicar entre eles, e entre eles e os humanos que (polo momento) rexen a vida dos seus conxéneres. Iniciativas coma a do Activage hanse ter que abrir á nova circunstancia tecnolóxica (pensemos nos proxectos de demostración sobre 5G en Galicia, a iniciarse nas cidades, onde tanto vello mora independentemente).
Sería logo bo (e seica xa se está a traballar no asunto) que, contando coas novas ferramentas telemáticas, entre a Cruz Vermella e os seus parceiros tecnolóxicos discorresen como mellorar o sistema nun aspecto crítico: o acceso intelixente -e inviolable- ás vivendas sen necesidade de recorrer ás chaves físicas. Xa se sabe o que implicaría media hora perdida en ilas procurar para abrir a vivenda de alguén que tivo un derrame ou un infarto (e aínda se pode dar o caso de non atopar a quen custodia esas chaves.
Artigo de Xavier Alcalá publicado en La Voz de Galicia o 04/08/2019.
O Hospital Mare de Déu da Mercè de Irmás Hospitalarias desenvolveu, conxuntamente coa empresa Farmadosis, a app para mellorar a saúde mental Medicat-e, unha ferramenta coa cal se busca mellorar a adherencia á medicación dos pacientes psiquiátricos.
Esta aplicación móbil, que se empezou a prescribir a pacientes con trastorno mental severo e con patoloxía dual, é unha medida innovadora para combater o que se considera un problema de saúde pública: o non cumprimento do tratamento indicado polo médico.
Estímase que ata o 50 % dos pacientes crónicos non se toma adecuadamente a medicación receitada, porcentaxe que chega ao 80 % no caso das persoas con enfermidade mental.
A diferenza doutras app do ámbito da saúde que se poden descargar actualmente, Medicat-e é unha ferramenta que conecta permanentemente o paciente e o profesional sanitario. "A través do seu computador, o médico pode facer un seguimento en tempo real do cumprimento do tratamento e actuar con inmediatez se a persoa non se está tomando a medicación ou non o está facendo adecuadamente", explica José Román, xerente do Hospital Mare de Déu da Mercè.
"Isto non só nos axuda a evitar unha recaída na enfermidade, senón que tamén contribúe a reducir os riscos sociais que poden comportar algúns trastornos mentais graves sen a intervención farmacolóxica necesaria", asegura.
Os pacientes psiquiátricos son quenes teñen maior potencial de evolucionar positivamente na súa enfermidade grazas ao tratamento, pero á vez son quenes presentan unha maior taxa de incumprimento da medicación prescrita, que chega ata o 80 %.
"Poder detectar esquecementos ou erros na medicación, permítenos reaccionar rapidamente, poñéndonos en contacto co paciente ou o seu coidador, ou mesmo actuar a través do equipo do noso Programa de Seguimento Individualizado (PSI) no domicilio do paciente, se fose necesario", sinala o doutor Pedro Roy, director médico do Hospital Mare de Déu da Mercè. "En persoas con delirio ou con adicción a unha substancia, saltarse unha das tomas pode ter consecuencias moi graves para a súa saúde e a súa contorna", indica. "Hai que ter en conta, ademais, que a miúdo tratamos con pacientes polimedicados e, nestes casos, poder comprobar que se segue a dosificación e o programa prescrito é esencial para evitar os efectos da incompatibilidade entre fármacos".
A app para mellorar a saúde mental e optimizar o seguimento do tratamento é unha aplicación móbil Medicat-e pódese descargar gratuitamente desde a web do Hospital Mare de Déu da Mercè, aínda que o seu uso realízase por prescrición facultativa. "Empezamos a prescribila a persoas con trastorno mental severo e con patoloxía dual, pero o noso obxectivo é que a acaben utilizando todos aqueles perfís de paciente que presentan unha mala adherencia á medicación, como pode ser o paciente psicoxeriátrico, explica José Román.
Para poder empezar a utilizala, o Hospital Mare de Déu da Mercè proporciona un usuario e un contrasinal ao paciente, e os profesionais sanitarios axúdano a descargarse a app no seu teléfono móbil ou no do seu coidador, no caso de que a alteración das funcións cognitivas provocada pola enfermidade non lle permita facer uso dela de maneira autónoma. A partir deste intre, todos os datos que se recollen desde Medicat-e monitóranse desde o Hospital Mare de Déu da Mercè e o médico pode facer un seguimento on-line de todos os seus pacientes que empregan esta ferramenta.
A través do teléfono ou outros dispositivos móbiles, o paciente recibe avisos que lle indican a dose de medicamento que se ten que tomar e cando o ten que tomar. "Tamén podemos informar de maneira inmediata sobre calquera cambio no tratamento", asegura o doutor Roy. Ademais de rexistrar se se medicaron correctamente, en Medicat-e os pacientes poden atopar toda a información necesaria sobre o seu tratamento, por exemplo o programa de medicación, así como os prospectos, as incompatibilidades e as fotos dos fármacos, para que non confundan os diferentes comprimidos. Tamén hai unha pestana onde se indican os recursos dispoñibles para pedir axuda.
Outra das peculiaridades desta ferramenta é que toda a información e datos que permite recoller xestiónanse desde o Hospital Mare de Déu da Mercè e trátanse coa máxima confidencialidade, como parte da historia clínica do paciente. "Hoxe en día podemos descargarnos moitas app que monitoran diferentes aspectos da nosa saúde, pero toda a información que introducimos cae en mans dos xigantes tecnolóxicos e non sempre sabemos o uso que fan dela", explica Luisa Mimun, responsable do Departamento de Informática do Centro.
"A información que obtemos con Medicat-e non só é moi valiosa para o Hospital, senón para todos os outros actores da rede sanitaria pública a través dos cales se presta un servizo integral ao paciente, como é a atención primaria", explica o doutor Pedro Roy. "Ata agora non tiñamos datos fiables sobre a adherencia á medicación dos nosos usuarios e podelos recoller é un gran avance para que o tratamento sexa máis efectivo e para que o paciente evolucione máis rapidamente", asegura.
A comunidade GALPon (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra), en colaboración coa Industriosa, vai organizar o vindeiro 14 de setembro un obradoiro con feitura de hackathonsobre o mundo de posibilidades creativas e comerciais que se abren cos e-Téxtiles, que é como se coñece os téxtiles que inclúen elementos electrónicos (como pequenos computadores ou unidades de memoria) e que teñen capacidade para interactuar, recibir ou achegar información (xermolos do que se vén chamando Internet das Cousas). Este obradoiro estará dirixido por Paola Guimerans.
A actividade abéirase ao convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2019 da Xunta de Galicia.O obxectivo da cita, segundo reflicte Mancomún, é “mostrar o florecente eido dos e-Téxtiles que, igual que sucede con outros ámbitos do movemento maker, como a impresión 3D, ou a robótica, popularizouse vinculado a esta vangarda tecnolóxica”.
O obradoiro estruturarase en dúas partes, unha primeira consistente nun relatorio por parte da directora do obradoiro e, de seguido, o obradoiro propiamente dito. No transcurso da xornada experimentarase cos téxtiles intelixentes ou e-Téxtiles con tecidos e fíos condutores, sensores, actuadores e outros materiais máis tradicionais para realizar un prototipo de proxecto vestible co microcontrolador circuit playground express. O horario do relatorio será de 10.00 a 11.30 horas e o do obradoiro das 11.30 horas até as 18.30. As prazas dispoñibles no relatorio serán 80 e as do obradoiro 40. O emprazamento da sesión está aínda por determinar, confirmarase en datas vindeiras.
Como dixemos, o obradoiro estará dirixido por Paola Guimerans (@paolaguimerans), artista, educadora e tecnóloga creativa. Cursou estudos de MFA Design and Technology no Parsons School of Design, Nova York, e traballou no NY Fashion Technology Lab. En 2017 defendeu a súa tese doutoral na Universidade Complutense de Madrid baixo o título A tecnoloxía como material creativo: E-téxtiles e as súas derivacións no campo das artes visuais.
Paula é asesora en innovación educativa e participa no desenvolvemento de novos contidos curriculares e transversais adaptados á educación escolar e superior universitaria. É autora da plataforma de recursos Prototipadolab e fundadora da iniciativa Aula STEAM. Dende hai unha década participa en foros e conferencias nacionais e internacionais tales como Make Education New York World Make Faire, Conference on Tanxible, Embedded, and Embodied Interfaces TEI13 ou iated International Academy of Technology, Education and Development conference, entre outros.