A aula CeMIT de Boiro, o espazo formativo de alfabetización e capacitación dixital emprazado na rúa Manuel María (no edificio do Centro Social), ten preparado un completo programa docente e dinamizador para este mes de setembro. Segundo informa o Concello, a aula achegará catro cursos para permitir á cidadanía introducirse nos usos básicos e nas principais vantaxes das ferramentas dixitais, complementándose o programa cunha actividade formativa sobre maquetación web.
O primeiro dos obradoiros, Maquetación web con HTML e CSS, celebrarase os días 2, 3, 4 e 5 de setembro en horario de 10 a 12 horas. O seguinte, Inicio á informática, está previsto para os días 11, 12 e 13 de setembro, en horario de mañá, tamén. O terceiro do mes, Inicio a Internet, celebrarase os días 16, 17, 18 e 19 de setembro, co mesmo horario cós anteriores obradoiros. O programa docente complétase con Inicio ao correo web, os días 24, 25 e 26 do mesmo mes, desta con volta con horario de 10 a 12.30 horas.
Para máis información sobre as actividades formativas cómpre acudir á aula CeMIT, escribir un correo ao enderezo axentetic@boiro.org ou chamar por teléfono ao 981 842 635.
As bibliotecas municipais da Coruña queren contribuír este ano á alfabetización e capacitación tecnolóxicas da cidadanía. E faino cun programa de formación que inclúe unha manchea de obradoiros e que está dirixido a “proporcionar os coñecementos básicos para desenvolvernos no mundo dixital”.
O programa, que aínda estará en activo nesta recta final de 2019 (ofrecendo en agosto, setembro, outubro, novembro e decembro máis actividades formativas en diferentes emprazamentos, dos que se dá conta nun documento PDF en liña), bota luz sobre diferentes ámbitos TIC de gran utilidade para o noso día a día: comunicación, correo, emprego, participación cidadá, compras, trámites administrativos, etc. Asemade, pon o foco nas utilidades dos dispositivos actuais: computador, móbil, libro electrónico e tableta.
Os cursos son os seguintes:
Os emprazamentos onde están a ter lugar estes obradoiros son a Biblioteca Ágora, Biblioteca Fórum, a Biblioteca Os Rosales, a Biblioteca Monte Alto, a Biblioteca Sagrada Familia e a Biblioteca Infantil e Xuvenil.
A Xunta de Galicia apoia a 132 beneficiarios dentro do programa de axudas á dixitalización da Industria 4.0. Este programa, cofinanciado entre o Igape e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, comprenderá un investimento de preto de 2,30 millóns de euros. Estas axudas servirán para apoiar a adquisición de equipos e software, así como as colaboracións necesarias para a súa implementación, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas promovidas a nivel individual.
O obxectivo primordial destas axudas é mellorar o traballo das pemes nos mercados rexionais, nacionais e internacionais, facilitando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados. Deste xeito, os proxectos no eido dixital destas compañías serán financiados ao 30% no caso das pequenas empresas, e ao 20% para as medianas, facilitando a súa modernización e mellorando a súa competitividade a través da interconexión dixital entre as empresas vinculadas pola súa actividade. A segunda convocatoria destas características permanecerá aberta para a presentación de proxectos ata o vindeiro 20 de setembro.
Esta resolución súmase á recente concesión de axudas por valor de 376.000 euros coas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, apoia o desenvolvemento de 23 plans de formación nos que se prevé que participen ata 200 pemes. Neste caso, a organización de clústeres e colectivos empresariais dos diferentes sectores produtivos activará espazos de colaboración desenvolvidos por un mínimo de 6 empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na posta en marcha de ferramentas dixitais.
No abeiro do desenvolvemento da Axenda Industria 4.0, a liña de apoios á dixitalización permitiu en 2018 chegar a un total de 170 empresas que recibiron prestacións por parte da Xunta, con axudas de 3,8 millóns de euros, que mobilizaron investimentos por valor de 9,3 millóns á súa vez.
O programa total da Axenda destinará 350 millóns de euros en catro anos co obxectivo de anticiparse aos cambios, aumentar o tamaño das empresas, favorecer o talento dixital e a reinvención da industria. Ademais da activación de novas rutas e proxectos, esta folla de ruta prevé o reforzo dos programas xa en funcionamento e a posta en marcha de novas liñas de actuación que faciliten a transformación dixital, co desenvolvemento de servizos, solucións, ferramentas de colaboración e financiamento 4.0 para as pemes galegas como obxectivo.
Deste xeito, o propósito é afondar no impulso á mellora da competitividade do tecido empresarial como parte dunha economía global e afectada, habilitando a creación de 13.500 empregos industriais e a mobilización de 900 millóns entre 2019 e 2022.
Varias compañías, como Kintrans ou Signall, tentaron nos últimos anos desenvolver software capaz de interpretar a linguaxe de signos, permitindo así aos seus usuarios comunicarse facilmente con calquera persoa. Pero o certo é que non tiveron gran éxito ata agora.
Con todo, un novo algoritmo desenvolvido polos Google AI Labs, podería ser a clave para materializar ao fin un sistema usable de tradución simultánea entre persoas xordas e oíntes. E bastaría, para iso, con usar un smartphone.
Este novo algoritmo é capaz de seguir o movemento das mans do usuario unha vez que tivo a ocasión de mapealas enfoncándoas coa cámara do seu móbil. "A nosa solución utiliza aprendizaxe automática para calcular os 21 puntos clave en 3D dunha man dentro dun fotograma de vídeo".
Pero este aspecto do algoritmo non foi fácil de desenvolver: os diferentes tamaños de cada man, a velocidade dos seus movementos e o feito de que, durante a conversación, uns dedos poidan obstruir a visión doutros... todos estes aspectos constituíron interesantes retos para os investigadores.
Para reducir os requirimentos de hardware do algoritmo, apostaron por reducir a cantidade de datos que o algoritmo necesitaba analizar, para que así o tempo de resposta fose menor. Así, abandonaron a idea de detectar a posición e o tamaño de toda a man como conxunto, e empezaron por detectar a palma (a parte máis distintiva e regular da mesma).
A continuación, o sistema detecta os cinco elementos que brotan da mesma (os dedos). Para lograr todo isto, fixeron que a IA analizase 30.000 imaxes (cada unha con diferentes poses e condicións de iluminación) e aprendese de todas elas, aínda que iso requiriu que un equipo de humanos etiquetase manualmente os 21 puntos clave en cada unha desas imaxes.
Agora, é capaz de recoñecer o tamaño e ángulos das palmas das mans,** asignándolles coordenadas en base á posición estimada dos dedos e cotobelos**. O algoritmo tamén permite calcular a profundidade dos elementos da imaxe.
No seu blogue corporativo, os investigadores de Google AI Labs explican que a novidade da súa proposta reside en que rompe co enfoque ata agora vixente, baseado en potentes contornas de escritorio, logrando un rendemento en tempo real a pesar de funcionar en teléfonos móbiles.
Desde Google afirman que seguirán traballando en mellorar a súa precisión e anuncian a dispoñibilidade do código fonte do algoritmo para outros investigadores que queiran consultalo.
A cidadanía de Vigo vai ter ao seu alcance un completo programa formativo destinado a facilitarlle o emprego básico das novas ferramentas tecnolóxicas, de gran utilidade para fortalecer a súa empregabilidade, a súa comunicación e mesmo a súa relación coas administracións públicas. Segundo vén de informar o Concello, xa está aberto o proceso para participar nos cursos de alfabetización dixital que promove o Goberno local e dos que informou este mércores o alcalde, Abel Caballero. Impartiranse nos meses de setembro e outubro, con formación sobre informática, robótica, mecanografía, Internet e ofimática básica.
As clases terán lugar na aula de formación TIC na Avenida de Beiramar e en setembro abordarán materiais como a procura de emprego e a iniciación á folla de cálculo, á informática e á robótica. En outubro, Internet e trámites administrativos, mecanografía e ofimática básica. Os interesados poden informarse e/ou inscribirse no teléfono 010 ou no 986810260, cos requisitos de estar empadroado na cidade de Vigo. O Concello concederá preferencia a aquelas persoas que non participaran previamente no mesmo curso solicitado.
TechKids, o itinerario galego de empoderamento dixital da mocidade, segue adiante o seu periplo nesta segunda quincena de agosto. Esta mesma semana e a seguinte, os obradoiros (actividades formativas e divulgativas sobre robótica, drons, aplicacións e videoxogos e animación en 3D) chegarán a Boiro (19 de agosto), O Barco de Valdeorras (20 de agosto), Pontedeume (22) e Betanzos (23). Todas as sesións desta semana xirarán arredor da robótica participativa e construtiva (Robótica para tod@s).
A semana que vén proseguen as quendas en Barreiros (26 de agosto, co obradoiro de drons Voa con nós), en Santa Comba (o 27, novamente baixo a temática da robótica creativa), en Ortigueira (29 de agosto, continuando o fío divulgativo da robótica), en Cuntis (29 de agosto, co obradoiro Videoxogos e animación 3D), en Guitiriz (novamente a robótica) e en Padrón (novamente os videoxogos e a animación en 3D).
O programa TechKids é unha escolma de actividades divulgativas e lúdicas (un total de 40 xeiras para estimular o talento da rapazada) impulsadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a axencia autonómica AMTEGA, abeirado o plan DigiTalent desta última entidade.
Entre as cousas concretas que vai achegar o programa para a rapazada, atópase o obradoiro Robótica para tod@, que mestura algoritmos e linguaxes co funcionamento de distintos robots. “A actividade iniciará ás nenas e nenos de 9 a 16 anos na programación dun xeito entretido”, segundo informan o CPEIG e AMTEGA, explicando que na actividade empregarase un Mbot, un robot comercial que dispón das ferramentas precisas para mergullar ás nenas e nenos nos segredos e nas potencialidades da robótica, dunha maneira lúdica, “xa que presentan os resultados dun xeito diferente”.
A actividade consistirá en superar mini-retos, cada un dos cales, unha vez resoltos, instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación. Os participantes iniciaranse na programación por bloques, aprendendo o ciclo da vida do software, os condicionais, as variables e os algoritmos. “Coñecerán tamén as partes do robot e a función que desenvolven, condutividade e circuítos eléctricos cando constrúan o control remoto do MBot, ademais de debuxar, recortar e pegar o control do robot”, engaden as entidades organizadoras. Nestas xornadas de difusión tecnolóxica sobre robótica tamén se inclúe a actividade MBot Segueliñas, onde se fará que o robot siga a liña dun circuíto, co alumnado competindo para ver que cousas fan ir máis rápido a máquina. Deste xeito, “aprenderán o ciclo da vida do software e os condicionais”, sinalan o CPEIG e máis AMTEGA. Amais, xogarase cun MBot radiocontrol, construído un mando a distancia para controlalo coma se fose un coche de radiocontrol. Aprenderán eventos, electricidade e comunicación sen fíos e, finalmente, achegaráselles a actividade MBot Labirinto, construíndo un pequeno labirinto para ser percorrido polo MBot e axudalo a atopar a saída.
O segundo dos obradoiros será sobre drons, no cal os rapaces aprenderán conceptos básicos de teoremas de Pitágoras e trigonometría, ademais de adquirir habilidades cognitivas visuais. Os nenos e nenas de 9 a 16 anos aprenderán a integrar a programación co mundo dos drons. A actividade constará de dous retos. No primeiro deles, os rapaces e rapazas iniciaranse no mundo dos vehículos aéreos non tripulados, creando un circuíto onde adestrarán as súas habilidades na pilotaxe destas aeronaves. Comezarán coñecendo que é un dron, por que voa, que partes ten, e despois pilotaranos. Unha vez iniciados nisto, probarán unhas gafas FPV para “sentir a velocidade vendo o que ve un coche teledirixido con cámara incluída”, explican as entidades organizadoras, engadindo que “para as máis habilidosas e habilidosos que cheguen a dominar o dron e mailo coche, probarán a pilotaxe FPV nun vehículo aéreo remoto”. Na segunda parte da actividade, programarán un aparello voado e por medio dunha programación por bloques, converterano nunha aeronave non tripulada e autónoma. Por medio de Scratch, empregando un dron especial chamado Tello executarán un programa feito polo CPEIG.
Os rapaces e rapazas de 12 a 18 anos poderán asistir a un obradoiro sobre como crear unha aplicación móbil, onde aprenderán a desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles. Empregarase a App Inventor, un contorno de desenvolvemento de software creado por Google Labs para elaborar aplicacións para Android. O usuario, dun xeito visual e a partires dun conxunto de ferramentas, irá enlazando unha serie de bloques para crear a ferramenta. Segundo explican o CPEIG e AMTEGA, Google App Inventor destaca por dous grandes factores: a simplicidade de uso e Google Play, factores que permitirán crear un gran número de apps e a maiores poder distribuílas de balde.
A actividade iniciará ás nenas e nenos na programación no sistema operativo Android. Unha vez rematada a sesión, os alumnos terán creada a súa conta e os seus proxectos de app, gardados na nube. Ademais de iniciarse na programación e facilitar eses primeiros pasos, os alumnos poderán seguir na súa casa mellorando a súa aplicación móbil e publicala cando o consideren.
Na primeira parte da actividade, a rapazada creará unha app onde se comunique vía Whatsapp a súa situación mediante xeolocalización Wi-Fi ou GPS. Na segunda parte, cada quen poderá deseñar e comezar a programar unha aplicación que solucione unha inquedanza propia. Recoméndase que os nenos leven un móbil ou tableta con sistema operativo Android para poder ver en funcionamento nun dispositivo a súa creación.
Finalmente, nesta edición do programa organizaranse obradoiros sobre creación de personaxes de videoxogos e animación 3D, en colaboración co congreso internacional Mundos Digitales. As nenas e nenos a partir de 14 anos poderán adestrarse no mundo da animación, efectos visuais, videoxogos ou realidade virtual. Explicaranse tamén cales son os perfís profesionais que se demandan en cada un destes sectores e a formación e estudos que se deben ter para poder traballar en empresas deste ámbito de actividade. Ademais, relatarase dunha maneira visual e didáctica as experiencias doutros profesionais, algúns deles galegos.
Con esta experiencia, búscase “que os rapaces vexan os gráficos 3D desde un punto de vista máis amplo, que lles permita converter a súa creatividade, conxuntamente co coñecemento da técnica e a tecnoloxía, na súa profesión, con gran futuro e gran demanda de profesionais especializados”.
O concello de Boiro vai recibir esta semana a visita do proxecto itinerante Creactivity, impulsado pola Obra Social La Caixa para facer voar o talento innovador, científico, tecnolóxico e artístico que todas as nenas e nenos levan dentro. A xira, unha xira STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e Maker (argalleira e creativa, baseada no método-principio básico e integrador de Faino coas túas mans), chantará o seu autobús creativo na praza do Concello os días 21, 22 e 23 de agosto.
O vehículo será o centro de operacións dun completo programa de actividades para espertar o enxeño da rapazada, a súa destreza e a súa creatividade. Estas accións van destinadas a escolares de entre 6 e 16 anos, e tamén a grupos familiares. As xeiras terán unha duración de 90 minutos. Os cativos participarán en obradoiros con materiais cotiás e ferramentas para dar vida ás súas propias ideas. O espazo conta con diferentes áreas para poñer en práctica diversas habilidades como unha zona de mecánica, con engrenaxes, máquinas, bolas e pinballs; unha zona de vento, con tubos por onde flúe o ar; outra de electricidade e unha cuarta de luz, co sistema stopmotion.
A xira Creactivity visitou os días pasados as localidades de Rianxo (até hoxe 19 de agosto), Cedeira, Bueu, Mondoñedo, Carballo, Cangas ou Vilagarcía, entre outras vilas e cidades.Baseado na metodoloxía de traballo e formación do deseño intelixente (Design Thinking), o espazo Creactivity busca que os participantes realicen creacións e construcións científicas ou tecnolóxicas, xa sexa de forma individual ou colectiva, que respondan os retos suxeridos ou aos seus propios desafíos a través da manipulación, observación e exploración de materiais e fenómenos. O Creactivity inspírase no movemento Tinkering liderado polo Exploratorium de San Francisco.
O obxectivo último do Creactivity é “empoderar aos nenos e nenas para intervir no mundo que lles rodea”. Inspírase, tamén, no movemento mundial argalleiro: o movemento Maker, que defende un xeito colectivo de facer innovación, enxeños concretos que axuden a mellorar a nosa vida e a protexer o medio ambiente potenciando as moitas cualidades que todas as nenas e nenos levan dentro. Trátase da filosofía do “faino ti mesmo” levada ao extremo, en tecnoloxías e ciencia.
A concelleira de Innovación Tecnolóxica de Ribeira, Ana Barreiro Rego, clausurou o pasado venres os primeiros cursos infantís de introdución á informática, que baixo o título Agosto Dixital, está a organizar o Concello este verán na aula CeMIT. A acción formativa estivo dirixida a nenos e nenas de 6 a 9 anos, e nela participaron 21 cativos. Segundo informou o Goberno local, malia que o programa inicial era fornecer á rapazada dun único curso, duplicáronse as prazas dada a demanda, dando cabida a dúas clases diarias con participación de 12 e 9 alumnos respectivamente.
Ana Barreiro entregou aos pequenos cadanseus diplomas acompañada do axente TIC responsable da xestión da aula, Manuel Bello. Do 20 ao 30 de agosto haberá un novo curso sobre novas tecnoloxías, desta vez orientado a rapazada de 10 a 14 anos. A aula CeMIT de Ribeira está situada no número 1 da rúa Cubeliño. As novas instalacións foron inauguradas en 2012, nos baixos da Escola Infantil Municipal. A aula CeMIT de Ribeira ocupa un espazo duns 80 metros cadrados e conta cunha ducia de postos informáticos de traballo, equipo profesional de videoconferencia e proxección de vídeo, entre outros equipamentos tecnolóxicos avanzados.
A Escola Galega de Administración Pública convocou unha nova edición do Curso superior de administración electrónica en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
Esta actividade ten como finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da administración electrónica, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da nosa comunidade. Así, os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques a administración dixital para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.
Este curso superior, que servirá para dar formación a 80 empregados públicos, terá lugar entre o 24 de setembro e o 22 de outubro e será impartido na modalidade semipresencial, con 30 horas presenciais en Santiago de Compostela e 84 en teleformación.
Cómpre destacar que esta actividade é gratuíta e vai dirixida ao persoal empregado público da Administración autonómica e das entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia que pertenzan ao grupos A1 e A2 do persoal funcionario ou aos grupos I e II do persoal laboral. No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes poderán cubrirse por persoal empregado público da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia.
A presentación de solicitudes estará dispoñible na zona de matrícula da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula) ata o 16 de setembro.
Coas novas tecnoloxías pasa un pouco como co cambio climático: por moito que se insista na necesidade de transformarnos tecnoloxicamente, por unha banda, e de ser máis sustentables e racionalmente enerxéticos, pola outra, sempre hai persoas, empresas e entidades que, polas razóns que sexan, non poden afrontar os cambios. Segundo un informe da Cámara de Comercio de España, feito a través da súa Comisión de Dixitalización, a porcentaxe de empresas que aposta por capacitarse en innovación é menor do que se pensaba. A día de hoxe, menos do 23% das PEME forman en TIC aos seus empregados. Porén, a taxa varía segundo o número de empregados: canta máis envergadura, máis capacitación dixital.
Desta maneira, nas firmas nas que traballan entre 10 e 49 empregados a porcentaxe delas que forman aos seus empregados en novas tecnoloxías ascende a un 18,5%; séguenlle as compañías de entre 50 e 249 empregados cun 37,4%. Estas cifras contrastan co 66,1% das grandes empresas que realizan accións de formación especializada en TIC para os seus traballadores. En canto a empresas que tiran proveito de expertas e expertos en ferramentas dixitais, tamén se aprecian diferenzas segundo o tamaño. De 10 a 49 empregados, só o 13,5% dispoñen dalgún empregado TIC, o 41,4% das PEME entre 50 e 249 empregados contan con eles e o 72% das grandes corporacións teñen nos seus cadros de persoal expertos nesta materia.