main content

main content
12/09/201918:09
Presentación de Pont-Up Store.
Pontevedra

A nova edición de Pont-Up Store virá con máis de 60 actividades

O 18 de setembro vai comezar en Pontevedra a nova edición (a sexta) dunha das feiras de emprendemento de meirande prestixio e renome do ámbito galego e estatal, sobre todo polo que ten de diversa, vistosa, participativa e reivindicadora da aventura (non sempre reivindicada como se merece) do emprendemento e da innovación. Trátase de Pont-Up Store, que presentou hoxe nos seus detalles en Pontevedra e que se desenvolve, con epicentro na praza de España até o día 21, achegando un programa de máis de 60 actividades e visualizando os achados e propostas novas de 46 empresas. O lema: reivindicar a afouteza da xente valente que se lanza a materializar, contra vento e marea, unha idea de negocio.

Na cita de hoxe participou o profesor do Campus de Pontevedra Pedro Figueroa, director da feira, quen dixo que o obxectivo desta edición (e das que están por vir) é “facer da cidade o centro da innovación e do emprendemento de Galicia”. Asemade, puxo o foco no carácter descentralizado do evento, que, se ben ten o centro de operacións na praza de España (onde terán emprazamento de seu as case 50 empresas innovadoras que participan na feira), achegará actividades neste e noutros recantos da cidade: máis de 60 accións, coloquios, obradoiros ou presentacións, agrupados nos diferentes espazos que conforman o programa deste evento promovido pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea, co Concello como patrocinador principal. Tamén concorreron na presentación o vicerreitor do campus, Jorge Soto, a concelleira de Promoción Económica, Gloria Blanco, e o deputado provincial Gregorio Luís Agís, salientando que se trata dunha “iniciativa crucial no ano académico e no ano social e económico de Pontevedra”, como lembrou o vicerreitor, destacando a importancia dun evento que achega “oportunidades ás persoas que están a facer innovación e economía social, que están a crear pequenos laboratorios creativos dentro das súas empresas” e constitúe para a Universidade “unha oportunidade” para proxectarse como “parte da cidade”.

46 exemplos da “xente valente”

O impulso da xente valente é o lema desta edición do Pont-Up Store, para a que foron seleccionadas 46 novas empresas, que darán a coñecer os seus proxectos a través das tres modalidades de participación no evento. Así, 36 delas contarán cun espazo de balde na carpa da praza de España e algunhas delas participarán, xunto ás dez restantes, no Puntazo Express, evento no que dez emprendedores defenderán os seus proxectos diante dos e ás responsables de catro empresas, ou ben serán as organizadoras das 14 actividades demostrativas que se desenvolverán na contorna da praza de España. Respecto da orixe e ámbito temático dos proxectos empresariais seleccionados (elixidos de entre as 168 candidaturas presentadas nesta edición) veñen todos eles de diferentes recunchos da nosa xeografía e céntranse sobre todo no medio ambiente e na sustentabilidade.


Laboratorio creativo, economía social ou videoxogos

Grazas ao apoio activo de máis de 40 entidades, empresas e institucións, o programa do Pont-Up Store reúne neste 2019 máis de 60 actividades agrupadas en diferentes bloques, por exemplo o Laboratorio Creativo, que terá como sede a Sala X de Belas Artes e onde está previsto celebrar unha actividade centrada “na unión de música e vídeo”, coa participación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ao igual que uns obradoiros tecnolóxicos para nenos ou un coloquio sobre educación dixital. Outro bloque é o Espazo Gaming, que reúne actividades vencelladas aos videoxogos na sede da Vicerreitoría, ao que cómpre engadir o Espazo de Economía Social e Creativa ou unha exposición promovida pola Xunta que presenta diferentes “exemplos relevantes no mundo do cooperativismo”. Así mesmo, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor agrúpanse iniciativas como un coloquio promovido pola comunidade WordPress Pontevedra ou un almorzo sobre os novos camiños do emprendemento, coordinado por AJE Pontevedra, AEMPE e Cámara de Comercio. Como novidades desta sexta edición, figuran propostas como o Espazo de Igualdade (que inclúe, entre outras cousas, un encontro de emprendedoras coordinado pola fundación Woman Forward, un coloquio sobre emprendemento feminino e unha exposición sobre as gañadoras dos premios María José Wonenburger, impulsadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, así como un encontro da comunidade Mulleres Atlánticas) ou o Espazo de Innovación Social, no que se presentarán os proxectos Galician Rural Lab e Vulnerables, xunto co Espazo Tecendo Redes.

12/09/201912:09
Logo PuntoGal.
Santiago de Compostela

A Xunta estuda novas liñas de colaboración coa asociación PuntoGal

  • A directora de Sociedade Dixital da Amtega participou hoxe no encontro dos GeoTLDs, o grupo que integra arredor de 90 rexistradores de dominios de cidades, rexións ou comunidades lingüísticas
  • A Asociación PuntoGal é a organizadora desta xuntanza, que achega, por primeira vez a Galicia, a representantes de dominios como “.berlin”, “.paris”, “.amsterdam”, “.cat” ou “.eus”, entre outros
  • A Administración autonómica apoiou a candidatura do “.gal”, institucional e financeiramente, e adoptou o dominio de maneira preferente para a súa presenza na Rede


A Xunta de Galicia analizará novas liñas de colaboración coa Asociación PuntoGal, segundo avanzou hoxe a directora da Área de Sociedade Dixital da Amtega, Rosa Méndez, na apertura do encontro dos GeoTLDs, esta mañá en Santiago de Compostela.

GeoTLDs, integra arredor de 90 rexistradores de dominios de cidades, rexións ou comunidades lingüísticas, que abordarán ata o día 13 diferentes temas de interese para o colectivo como a lexislación relativa á protección de datos, ou liñas estratéxicas de márketing.

Durante a xuntanza a directora de Sociedade Dixital recalcou o compromiso da Administración autonómica co dominio galego na rede e a intención de seguir colaborando para consolidar a presenza do “.gal” en internet. Rosa Méndez participou neste encontro, organizado pola Asociación galega PuntGal en Santiago de Compostela, e que achega, por primeira vez a Galicia, a representantes de dominios como “.berlin”, “.paris”, “.amsterdam”, “.cat” ou “.eus”, entre outros. 

Apoio da Xunta ao “.gal”

O 25 de xullo de 2014 entraron en funcionamento os primeiros dominios “.gal”, resultado dun proceso de oito anos, impulsado pola Asociación PuntoGal, que contou coa implicación de diversas institucións, entre elas a Xunta de Galicia, que apoiou a iniciativa institucional e financeiramente. A Administración autonómica foi unha das entidades pioneiras que nesa xornada activou 9 dominios “.gal” en internet.

En coherencia con esta implicación, e entendendo que o dominio .gal é unha oportunidade para o posicionamento de Galicia e da lingua galega en internet, a Administración autonómica galega tomou a decisión de adoptar de maneira preferente o dominio .gal para a súa presenza na Rede.

Logro histórico

A consecución do dominio “.gal” foi un fito histórico, froito do apoio de toda a sociedade galega. Ao obxectivo de acadar un dominio en galego se adheriron máis máis de 14.000 cidadáns, 114 institucións das máis diversas disciplinas, xunto con máis de 20 centros de emigrantes doutras comunidades autónomas e doutros países como Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, Arxentina, Estados Unidos, Uruguai ou Brasil

12/09/201908:09
Foto de grupo dos premiados pola OMT.
San Petersburgo

O proxecto Amuse, da Fundación ONCE, Premio da OMT á Innovación en ONG

  • Foi desenvolvido por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade 
O proxecto "Amuse", impulsado pola Fundación ONCE e desenvolvido por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, foi galardoado co Premio da Organización Mundial do Turismo (OMT) á innovación en organizacións non gobernamentais. Os galardóns foron entregados durante a cerimonia de clausura da Asemblea Xeral do organismo internacional que tivo lugar en San Petersburgo.
 
Os Premios da OMT recoñecen a contribución das institucións públicas e privadas, así como das organizacións non gobernamentais (ONG), ao desenvolvemento dun sector turístico máis competitivo, responsable e sustentable que se esforza por lograr a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable e os seus 17 ODS.  
 
Para Jose Luís Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, este premio supón "o apoio, a través deste proxecto, ao dereito que teñen todas as persoas con discapacidade para gozar da cultura e levar a cabo actividades de lecer como parte do turismo. Neste sentido, animamos ás administracións públicas e entidades culturais, para que impulsen a instalación deste tipo de avances tecnolóxicos que garanten a igualdade de todas as persoas."
 
Pola súa banda, a directora comercial de ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, Pilar Soret, sinalou que "este premio da OMT recoñece o valor da accesibilidade como parte integrante das solucións tecnolóxicas ao servizo do turismo, contribuíndo á normalización desta característica, tanto no ámbito do turismo en xeral como no da tecnoloxía aplicada ao turismo".
 
Ao seu xuízo, esta distinción supón "un recoñecemento á actividade de desenvolvemento tecnolóxico aplicado ao turismo que desde hai anos leva a cabo ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade e no que a accesibilidade sempre está considerada como condición básica para garantir o seu uso por todas as persoas e asegurar a non discriminación por condicións como a idade, discapacidade ou outras".
 

Que é "Amuse"?

"Amuse" é un innovador sistema de guiado, baseado na tecnoloxía das balizas intelixentes "beepcons", que facilita ás persoas con discapacidade o acceso á información dos contidos dos museos. 
 
A través de "Amuse" e alí onde estea instalado este sistema, o usuario pode elixir dúas modalidades de visita: Guiada ou libre. En cada unha delas, accederá á información sobre as obras expostas, así como a vídeos e audios explicativos.
 
Así mesmo, incorpora recoñecemento automático de imaxes para poder acceder á información de calquera obra con só enfocala co dispositivo móbil. Tamén inclúe o modo xogo, co cal o visitante poderá aprender aínda máis e dunha maneira diferente e divertida acerca dos traballos expostos. 
 

Vídeos accesibles

Para as persoas con discapacidade, Amuse inclúe información sobre o tipo de accesibilidade, así como vídeos explicativos en lingua de signos e audiodescritos.  
 
Amuse xa está instalado en Tabacalera – Promoción da arte, espazo dependente do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, no que se desenvolve un programa permanente de exposicións temporais e de actividades ao redor da fotografía, a arte contemporánea e as artes visuais.
 
Actualmente, esta "app" atópase dispoñible para móbiles compatibles con bluetooth de baixa enerxía ("Bluetooth Low Energy") para os sistemas operativos iOS e Android. Tamén conta cunha ferramenta en liña, que permite que o cliente actualice a través de internet os contidos e os xogos cantas veces estime oportuno e dunha forma rápida, sinxela e sen custo adicional.
12/09/201908:09
Unha man suxeita un teléfono coa aplicación Amuse fronte a unha escultura nun museo.
San Petersburgo

A OMT premia a tecnoloxía Amuse da Fundación ONCE e Ilunion

A Organización Mundial do Turismo premiou a tecnoloxía de Amuse, impulsada pola Fundación ONCE e desenvolvida por Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade, que axuda ás persoas con discapacidade visual a moverse polos museos e a acceder á información dispoñible.

Amuse recibiu o premio á innovación en organizacións non gobernamentais que a OMT entregou na clausura da Asemblea Xeral deste organismo internacional celebrada en San Petersburgo.

Esta tecnoloxía está baseada nas balizas intelixentes Beepcons de Ilunion e ten como obxectivo facilitar e enriquecer as visitas de persoas con discapacidade aos museos.

Amuse é útil aos usuarios tanto a través dunha visita guiada, coma se a persoa con discapacidade se move libre polas instalacións, xa que é capaz de indicar a localización das obras e facilitar o acceso á información.

Nesta información, Amuse incorpora vídeos e audios explicativos da obra que se presenta. Uns vídeos que ofrecen a información tanto en lingua de signos como con audiodescripción para garantir a súa accesibilidade.

11/09/201908:09
Ricardo Chavarriaga.
Málaga

A Fundación ONCE aborda os beneficios da interacción home-máquina para as persoas con discapacidade

  • Na conferencia inaugural do Congreso de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade a cargo do profesor Ricardo Chavarriaga
 
A Fundación ONCE abordará os beneficios que a tecnoloxía BCI (Brain-Computer Interface), baseada na interacción home-máquina, pode achegar ás persoas con discapacidade e mellorar a súa calidade de vida. Será no marco do Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade que terá lugar en Málaga do 23 ao 25 de outubro.
 
Ricardo Chavarriaga, profesor e principal investigador da Ecole Polytechnique Fédérale de Lausana, en Suíza, será o encargado de impartir a conferencia inaugural. Disertará sobre a Interacción Cerebro-Computador (Brain Computer Interaction en inglés), unha tecnoloxía que se basea na adquisición de ondas cerebrais para daquela ser procesadas e interpretadas por unha máquina ou computador.
 
Os beneficios desta tecnoloxía para todas as persoas e como as innovacións neste ámbito poden mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, serán o tema central da súa intervención. 
 

Congreso Tecnoloxía e Turismo

Por segundo ano consecutivo, o Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade, organizado pola Fundación ONCE, terá lugar no Palacio de Feiras e Congresos da capital malagueña. Nesta terceira edición mostrará como a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos e servizos melloran a vida de todas as persoas.
 
O Congreso estará aberto a propostas relacionadas coas Tecnoloxías e Servizos de Acceso á Información e a Comunicación, a interacción persoa máquina, o fogar dixital e a vida independente, a robótica para a autonomía persoal, as "smart city", a realidade aumentada, o turismo para todas as persoas, a accesibilidade nos seus distintos aspectos e as regulacións e normas relativas ao turismo. 
 
Expón unha gran diversidade de temas, materias e proxectos de toda índole no campo da tecnoloxía e o turismo para favorecer a integración e inclusión das persoas con discapacidade.
 
O seu obxectivo é mostrar o que a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos ou servizos poden facer polas persoas. "As persoas, os dereitos, a innovación e os produtos e servizos que se ofrecen, son elementos que se deben ter en conta neste século XXI para poder atender as necesidades individuais dentro dunha oferta global".
 
 
Ricardo Chavarriaga
Enxeñeiro en Electrónica da Pontificia Universidade Javeriana en Cali, Colombia. É un apaixonado por temas de innovación responsable e o efecto da tecnoloxía na sociedade. Ten máis de 12 anos de experiencia en interfaces cerebrais, neurociencia computacional e intelixencia artificial. O seu traballo enfócase no desenvolvemento de neurotecnoloxías que promoven unha relación simbiótica entre humanos e dispositivos artificiais. Para iso, baséase no estudo dos procesos cognitivos, o desenvolvemento de sistemas artificiais que se adaptan ás capacidades e preferencias dos seus usuarios, así como o uso de técnicas de deseño centrado no usuario.

 

11/09/201908:09
Participantes nunha edición anterior da XGN Encounter diante dos seus ordenadores.
Silleda

Abertas as pre-inscricións para edición 19 de XGN R Encounter

A Feira Internacional de Galicia Abanca acollerá do 11 ao 13 de outubro a décimo novena edición do histórico encontro informático xuvenil XGN R Encounter, que chega á súa terceira convocatoria con patrocinio e colaboración de R (19 edicións en total). A cita, que tamén contará co apoio da Consellería de Política Social, abriu o seu prazo de pre-inscrición este 10 de setembro.

Pola súa banda, o prazo de reservas comezará ás 10.00 h do martes 17 de setembro. Segundo informan as entidades organizadoras, “será daquela cando os rexistrados poderán tamén seleccionar os seus postos, o que facilitará aos participantes que acudan en grupo situarse na mesma zona da party”. O prezo de participación con reserva será de 35 euros e poderase realizar a través da web, mentres que o custo na billeteira será de 40 euros.

Nesta edición a macro-quedada volve contar coas súas tres zonas: a Intranet, na que os inscritos poderán gozar dun posto con conexión á rede que lles permitirá navegar a 10 Gbps de velocidade e terán dereito tanto a acampar no interior do pavillón como a participar en torneos exclusivos; a Extranet, cun completo programa de actividades tanto para rexistrados como para visitantes, e a súa Zona Expositiva, con presenza de empresas relacionadas co material informático, novas tecnoloxías e lecer electrónico.

A cita abrirá as súas portas de xeito non oficial o día 10 pola tarde. A apertura “oficial” será o día seguinte. Haberá melloras e novidades, co obxectivo de situar o encontro entre os máis importantes de España: na cabeza da clasificación das partys estatais. Segundo informa R, para tal fin “serán determinantes” os vencellos coa rede de Encounters do Grupo Euskaltel a través da súa Fundación, que vén desenvolvéndose en Euskadi desde hai 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e a Technium R Encounter de Ourense.

A última edición da cita galega, que se celebrou do 12 ao 14 de outubro do ano pasado, supuxo “un gran paso nun proxecto de crecemento que xa comezara na súa convocatoria anterior e que en 2018 destacou pola notable cantidade e calidade das actividades, o maior confort dos asistentes e a gran estabilidade da rede”, sinalan as entidades organizadoras, que salientan tamén o alto número de inscritos na dita convocatoria, que ascendeu a preto de 900 (fronte aos 800 da cita anterior).

11/10/201911:00h
1 mes 1 profesión dixital
Silleda

XGN R Encounter 2019

A XGN R Encounter é unha reunión multitudinaria de afeccionados e profesionais da informática que buscan intercambiar coñecementos e realizar durante varios días todo tipo de actividades relacionadas coa informática.

Constitúe parte dun fenómeno que tivo a súa orixe a finais da década dos oitenta no norte de Europa, en países tales como Noruega, Dinamarca ou Alemaña. No 2019 alcanzará a súa decimonovena edición.

10/09/201913:09
Participantes no piloto 5G.
Vigo

Galicia desenvolverá 17 proxectos piloto que permitirán dispoñer dos servizos avanzados do 5G en eidos como a sanidade, a loita contra incendios ou a industria

  • O presidente da Xunta participou esta mañá na presentación do Piloto 5G
  • Feijóo incide en que Galicia aspira a ser unha das primeiras rexións europeas en dispor dos servicios avanzados do 5G que posibilitarán: a calidade dos servizos públicos, incrementar a competitividade das empresas e as cidades intelixentes
  • Lembra que Galicia foi a primeira comunidade que aprobou un plan para facilitar a extensión desta tecnoloxía: o Plan Galicia 5G
  • Para consolidar o ecosistema 5G galego confirma que esta mesma semana empeza o primeiro curso de especialista en tecnoloxías de quinta xeración, con 200 horas lectivas e a participación de expertos do mundo empresarial

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que Galicia desenvolverá 17 proxectos piloto que permitirán dispoñer dos servizos avanzados do 5G en eidos como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación.

Durante o acto esta mañá de presentación do Piloto 5G, déronse a coñecer os 8 novos proxectos que terán efectos en ámbitos tan relevantes como a asistencia técnica remota ás máquinas do sector naval ou a exploración e diagnóstico oftalmolóxico, e que se suman ás outras 9 iniciativas nas que xa están a traballar os principais operadores adheridos ao Nodo 5G do plan da Xunta.

“En total desenvolveranse 17 proxectos en Galicia de uso en ámbitos de especial interese para a nosa comunidade”, abundou, incidindo en que, despois de que en xuño, Vigo e A Coruña foran das primeiras cidades en contar con redes 5G de España, Galicia é hoxe, xunto con Andalucía, unha das dúas comunidades que acollerán o desenvolvemento dos primeiros pilotos 5G subvencionados por Red.es.

“Todas estas decisións que implican a operadores e administracións públicas non son fortuítas, senón que responden ao interese de Galicia e as súas administracións por esta nova tecnoloxía e ao traballo desenvolvido para situarnos como territorio preferente para acollela”, afirmou, facendo fincapé en que non é casual que a comunidade fose a única que presentou a esta convocatoria candidaturas dos tres principais operadores, sendo a de Telefónica a finalmente seleccionada.

Conscientes de que tecnoloxías emerxentes como o 5G permitirán desenvolver novos modelos de negocio e consolidar a especialización tecnolóxica da Comunidade, Feijóo incidiu en que Galicia aspira a ser unha das primeiras rexións europeas en dispor dos servicios avanzados do 5G, que permitirán mellorar aspectos como a calidade dos servizos públicos, incrementar a competitividade das empresas e favorecer o desenvolvemento de cidades intelixentes e vehículos conectados.

Con este obxectivo, subliñou que Galicia foi a primeira comunidade que aprobou un plan para facilitar a extensión desta tecnoloxía: o Plan Galicia 5G. Unha folla de ruta que traballa xa para facilitar aos municipios un modelo de ordenanza tipo que axilice os despregues e, posteriormente, elaborar un catálogo de solucións técnicas para a extensión do 5G en núcleos históricos e contornas protexidas.

Así mesmo, e para consolidar o ecosistema 5G galego, Feijóo confirmou que esta mesma semana empeza o primeiro curso de especialista en tecnoloxías de quinta xeración, con 200 horas lectivas e a participación de expertos do mundo empresarial.

Feijóo concluíu lembrando que a aposta da Administración autonómica polas infraestruturas capaces de mellorar a nosa conectividade, fai posible que Galicia sexa a terceira comunidade con mellor cobertura 4G; e que o 98% da poboación teña acceso a internet a través de redes fixas e sen fíos.

10/09/201912:09
Un mozo escoita o seu teléfono móbil.
Santiago de Compostela

Eye-D compila distinta tecnoloxía moi útil para persoas con discapacidade visual

Eye-D é unha aplicación moi completa que ofrece diferente tecnoloxía moi interesante para persoas con discapacidade visual, como un lector de textos (OCR), un identificador de imaxes ou un localizador GPS para axudar a situarnos, todo reunido nunha aplicación moi accesible.

Sen dúbida Eye-D é unha aplicación interesante mesmo na súa versión gratuíta, xa que a maioría das persoas con perda de visión atoparán ferramentas que lle sexan útiles. Con todo, tamén ten puntos de mellora.

Así o mostra en exhaustiva análise que como sempre realizaron os nosos compañeiros de Orientatech, que destaca a utilidade de moitas destas ferramentas pero tamén algúns aspectos negativos.

Por exemplo, lamentan que a versión iOS só estea en inglés, que a identificación de texto poida ser mellorable, sobre todo en Apple, e que nas imaxes non se ofreza unha descrición do que capta a cámara.

No caso da identificación de texto, a análise de Orientatech sinala que os resultados foron mellores en Android, aínda que admiten que iso pode depender tamén da cámara do terminal, e engaden que debería de ter algún sistema para indicar ao usuario se está a captar ben todo o texto, xa que os seus principais usuarios son persoas con discapacidade visual.

Para coñecer todo sobre esta tecnoloxía, o mellor é que vos leades a análise de Orientatech nesta ligazón.

10/09/201910:09
Sede de Coremain.
Santiago de Compostela

Coremain, líder en igualdade de xénero

A empresa tecnolóxico-dixital Coremain, con sede principal en Compostela (no Polígono de Costa Vella) vén de obter un máis que relevante recoñecemento polos seus esforzos en materia de fendas sociais e laborais. Máis en detalle, foi elixida polos responsábeis do Informe Ardán, edición 2019, como a empresa co índice de igualdade de xénero máis alto de toda Galicia. A investigación (un máis que referencial xeito de tomar o pulo ao noso tecido produtivo, salientando os seus puntos máis innovadores, referenciais e competitivos) foi elaboradora, novamente, polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, en colaboración coa Universidade.

Segundo informa Coremain, o dito recoñecemento conseguiuse “grazas ao plan de igualdade transversal que vimos desenvolvendo de maneira colaborativa e para o que creamos unha Comisión de Igualdade encargada de avaliar e realizar o seguimento das diferentes medidas postas en marcha”. A día de hoxe, Coremain está integrada por 403 persoas, das que o 37% son mulleres, sendo no 63% dos casos contratacións de carácter indefinido. Ademais, o 46% dos postos de responsabilidade son ocupados por mulleres. A empresa TIC tamén lembra que se trata do segundo ano que Ardán incorpora este indicador no seu informe, para o que se analizaron 393 empresas do ámbito galego con valoracións de entre 0 e 1.000 puntos. Para dar forma á resolución deste parámetro, avaliáronse indicadores na igualdade por funcións, retribucións e actuacións, como a calidade da contratación, o treito salarial, o tipo de xornada, a posición xerárquica e outras medidas como a formación, promoción ou conciliación laboral. A partir da devandita análise, déuselle forma a un ranking coas 22 empresas que sobranceaban por acadar un nivel de igualdade laboral “moi superior á media, con máis de 800 puntos acumulados”. A firma TIC de Compostela, Coremain, resultou ser a compañía con mellor puntuación.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS