main content

main content
03/09/201910:09
Un portátil, un smartphone e unha axenda de papel enriba dunha mesa.
Pontevedra

A rede SmartPEME regresa en setembro con 38 novos obradoiros TIC

SmartPEME, a rede da Deputación de Pontevedra para a capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da provincia, volve este mes de setembro con novas accións encamiñadas a facer avanzar a dixitalización e a competitividade. Para a comarca de Vigo, trátase de 19 novas accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas, Vigo e Porriño. A estas citas cómpre sumar as sete previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación) e outras seis en Cambados, ás que cómpre engadir seis obradoiros máis en Lalín. En total, 38 obradoiros dados a coñecer. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es

Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. No que atinxe ás actividades da contorna viguesa, a oficina SmartPEME de Vigo acollerá este mes de setembro os seguintes obradoiros: Mellora o Impacto da túa Web Grazas a Google Analytics, que terá lugar o xoves 5 de setembro das 18 ás 21 horas; Mellora o teu Posicionamento Web con Google Search Console, o martes 10 de setembro de 19 a 21 horas; Emprendemento: Oportunidades e Ferramentas, o xoves 12 de setembro das 19 ás 21 horas; Inbound márketing, o martes 17 de setembro das 19 ás 21 horas; O teu Contido Efémero: Stories en Facebook e Instagram, o xoves 19 de setembro, desde as 19 ás 21 horas; Responsabilidade Social Corporativa para PEME, Persoas Autónomas e Emprendedoras, o martes 24 de setembro das 19 ás 21 horas, e Promoción e Comercialización de Actividades Turísticas en Liña, o xoves 26 de setembro das 17 ás 19 horas. A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3.

A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: Mellora o Impacto da túa Web Grazas a Google Analytics, o martes 3 de setembro das 18 ás 21 horas; Mellora o teu Posicionamento Web con Google Search Console, o xoves 5 das 19 ás 21 horas; Vídeo co teu Smartphone: Crea, Grava e Edita como un Profesional, o martes 10 de setembro das 18 ás 21 horas; Xestión e Comercialización de Vivendas e Apartamentos Turísticos, o martes 17 de setembro das 17 ás 19 horas; Experiencias SmartPEME: Grupo Drongal, o martes 24 de setembro, das 19 ás 21 horas, e Era unha Vez o Cliente: da Captación á Fidelización, o xoves 26 de setembro das 19 ás 21 horas. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do Concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.

Polo que se refire á oficina de Ponteareas, as quendas comezan o xoves 5 de setembro con Mellora o Impacto da túa Web Grazas a Google Anaylitics, que terá lugar desde as 18 ás 21 horas, e continuarán o 10 de setembro con Mellora o teu Posicionamento Web con Google Search Console, que se desenvolverá das 19 ás 21 horas. O resto dos obradoiros son os seguintes: Vende os teus Produtos en Facebook e Instagram, o xoves 12 de setembro das 19 ás 21 horas; Apps de Edición: Sácalle Partido ao teu Instagram, o martes 17 de setembro das 18 ás 21 horas; Como Utilizar Instagram para Promover a túa Empresa, o xoves 19 de setembro das 19 ás 21 horas, e Xestión e Comercialización de Vivendas e Apartamentos Turísticos, que terá lugar o martes 24 de setembro, das 17 ás 19 horas. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, núm. 5.

No que se refire a Cambados, as quendas comezan con O teu Plan de Márketing Dixital Paso a Paso, que terá lugar o xoves 5 de setembro das 18 ás 21 horas; Desenvolve a túa Propia Estratexia de Email Márketing, o xoves 12 de setembro de 19 a 21 horas; Mellora o Impacto da túa Web Grazas a Google Analytics, o martes 17 de setembro de 18 a 21 horas; Copywriting para a Promoción de Tours, Experiencias e Actividades, o xoves 19 de setembro, de 17 a 19 horas; Experiencias SmartPEME: A Quinta de San Amaro, o martes 24 de setembro, de 19 a 21 horas, e, por último, Vende os teus Produtos en Facebook e Instagram, o xoves 26 de setembro, de 19 a 21 horas. A oficina SmartPEME de Cambados atópase no Centro ExpoSalnés, no paseo da Calzada s/n.

O programa da sede da propia Deputación en Pontevedra comeza este martes 3 de setembro con Inbound Márketing, das 19 ás 21 horas, e continuarán o xoves 5 de setembro co obradoiro Copywriting para a Promoción de Tours, Experiencias e Actividades, que se desenvolverá das 17 ás 19 horas. As outras accións formativas son as seguintes: Desenvolve a túa Propia Estratexia de Email Márketing, o martes 10 de setembro, das 19 ás 21 horas; Crea unha Campaña de Email Márketing con MailChimp, o xoves 12 de setembro, das 19 ás 21 horas; Emprego de Vídeo nas Redes Sociais: YouTube, o martes 17 de setembro, das 19 ás 21 horas; Vídeo co teu Smartphone: Crea, Grava e Edita como un Profesional, o xoves 19 de setembro, das 18 ás 21 horas, e Mellora a túa Presenza en Liña Promovendo as Entradas do teu Blog, o martes 24 de setembro das 19 ás 21 horas.

As novas citas do mes na oficina SmartPEME de Lalín serán Xestión e Comercialización de Vivendas e Apartamentos Turísticos, que terá lugar o martes 3 de setembro de 17 a 19 horas; Apps de Edición: Sácalle Partido ao teu Instagram, o xoves 5 de setembro de 18 a 21 horas; O teu Plan de Márketing Paso a Paso, o martes 10 de setembro de 18 a 21 horas; Como Utilizar Instagram para Promover a túa Empresa, o xoves 12 de setembro de 19 a 21 horas e, por último, O teu Contido Efémero: Stories en Facebook e Instagram, o martes 17 de setembro de 19 a 21 horas. Por outra banda, na Estrada desenvolverase o obradoiro Fotografía os teus Produtos ou Servizos para as Redes Sociais, o mércores 25 de setembro de 19 a 21 horas. A oficina SmartPEME de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.


Datos sobre o Proxecto SmartPEME

SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

03/09/201908:09
Cartel da iniciativa.
Ames

A aula CeMIT de Ames comeza setembro cun curso en familia sobre programación

Logo do peche de verán, o Concello de Ames informou hoxe da apertura da súa aula CeMIT, que comeza o mes con novidades importantes relativas ao seu labor permanente de divulgación e alfabetización tecnolóxica. A programación de cursos de setembro inclúe incorporacións como un curso en familia e maila ampliación nos horarios de cursos para adultos, con dúas horas por sesión. 

Respecto da ampliación do horario, tivo a súa primeira quenda a pasada primavera, acadándose resultados moi satisfactorios por parte da veciñanza. En base a isto, este setembro as clases pola mañá serán de 10:30 a 12:30 horas e polas tardes de 18:00 a 20:00 horas. Respecto da outra novidade, o curso en familia, será unha actividade formativa onde pais e nais poderán matricularse cos seus fillos e fillas para aprender xuntos/as. Esta nova iniciativa porase a funcionar cunha actividade sobre a ferramenta de programación Scratch, moi axeitada para aquelas usuarios e usuarios que estean a dar os seus primeiros pasos na construción de programas e de aplicacións. Esta actividade desenvolverase o luns 9 de setembro, en horario de 9:30 a 13:30 horas. Segundo lembra o Concello, Scratch é unha linguaxe de programación por bloques “moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación”, dando pé a que logo afonden na robótica educativa e outros eidos máis avanzados da tecnoloxía e da robótica.

02/09/201917:09
Rapaces no albergue onde unha rapaza manexa un coche teledirixido mediante FPV.
Bergondo

A Xunta aposta pola formación en robótica e manexo de drons no albergue xuvenil de Gandarío

  • A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a directora da Amtega, Mar Pereira, visitaron hoxe os campamentos que teñen lugar nas instalacións de Bergondo
  • Rapazas e rapaces de 13 e 14 anos aprenden habilidades tecnolóxicas no marco da Campaña de verán
  • Nestas instalacións, plenamente accesibles, tamén se desenvolve un campamento específico para xente nova con discapacidade centrado no ocio e no deporte

 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe o compromiso coa formación nas novas tecnoloxías e a accesibilidade das actividades organizadas ao abeiro da Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Fabiola García, acompañada pola directora da Amtega, Mar Pereira, visitou os dous campamentos que se están a desenvolver no albergue xuvenil de Gandarío, un centrado na innovación e outro nas actividades deportivas e de ocio orientado para mozas e mozos con discapacidade.

A conselleira indicou que soamente nesta temporada estival pasaron por estas instalacións da Xunta en Gandarío 860 rapazas e rapaces repartidos en 15 campamentos. Na actualidade hai 80, dos cales 50 están a participar no campamento tecnolóxico Digitalia, no marco do Plan DigiTalent.

Neste campamento aprenden dunha maneira lúdica a técnica do vídeo mapping, que consiste na elaboración de vídeos para a súa representación nocturna sobre edificios; a crear, controlar e voar drons; e a empregar ferramentas informáticas para construír e poñer en funcionamento robots.

Habilidades fundamentais para o día de mañá

Fabiola García, que agradeceu á Amtega o seu compromiso coa formación da xuventude en materia de innovación e tecnoloxía, salientou que este campamento é unha experiencia enriquecedora que permite aos participantes adquirir coñecementos e habilidades que lles serán de gran valor no día de mañá se optan por unha saída profesional relacionada cos avances tecnolóxicos. Estes participantes combinan a súa formación con actividades na praia e no mar como vela, kaiak, snorkel ou paddle surf, entre outras.

Pola súa banda, a directora da Amtega, Mar Pereira, destacou a importancia de impulsar as vocacións tecnolóxicas en idades temperás e lembrou que ese é un dos obxectivos do Plan DigiTalent que a Xunta puxo en marcha o ano pasado en colaboración co ecosistema dixital.

Campamento específico para discapacidade

Ademais desta actividade tecnolóxica, no albergue de Gandarío está a ter lugar outro campamento no que conviven 30 mozas e mozos con algún tipo de discapacidade. Ao longo do verán foron 90 as prazas reservadas para xente nova con algún tipo de discapacidade nestas instalacións plenamente adaptadas, fronte as discapacidades físicas e tamén cognitivas grazas á instalación de pictogramas, sinalizacións mediante debuxos dos diferentes servizos e espazos deste albergue.

02/09/201908:09
Foto de grupo dos rapaces cos seus títulos.
Ribeira

Clausurado outro dos cursos TIC da aula CeMIT de Ribeira

aula CeMIT de Ribeira, centro local de formación e alfabetización tecnolóxico-dixital, acolleu o venres a clausura do último dos cursos de informática para nenos e nenas incluídos no Agosto Dixital. Desta vez foron doce os rapaces que, con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos, recolleron os seus diplomas da man da concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro Rego.

Desde o día 20, os pequenos estiveron mergullándose nas TIC guiados polo novo axente TIC, Manuel Bello. Antes, xa o fixeran outros 21 cativos, con idades de entre 6 e 9 anos, repartidos en dous grupos debido á alta demanda. Agora, desde a organización procederase a artellar para este outono novas accións formativas coas que mellorar as capacidades tecnolóxicas da poboación ribeirense.

30/08/201909:08
Cartel do evento.
Málaga

O Congreso de Tecnoloxía e Turismo da Fundación ONCE analizará os retos e oportunidades dos videoxogos para as persoas con discapacidade

  • Mostraranse os retos e as oportunidades dos videoxogos e levarase a cabo unha demostración do videoxogo "Fornite".

Os retos e oportunidades que os videoxogos teñen para as persoas con discapacidade, así como para a propia industria será un dos eixos do "Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade", organizado pola Fundación ONCE, e que se celebrará en Málaga do 23 ao 25 de outubro.

Así, no primeiro día haberá unha mesa redonda na que confirmaron a súa asistencia Pablo Pérez Ortega, analista de normativa e certificación accesibilidade de Electronics Arts (EA); Jose María Moreno, director xeral da Asociación Española de Videoxogos (AEVI); Juan Aguado Delgado, investigador da Universidade de Alcalá de Henares; e Carlos de la Iglesia, director de Comunicación e Desenvolvemento Corporativo de Microsoft España.

Demostración e sorteo para visibilizar oportunidades dos videoxogos

Como complemento á devandita mesa redonda que terá lugar durante a mañá do primeiro día, tamén levará a cabo unha demostración do videoxogo "Fornite" na que participarán xogadores con e sen discapacidade. Ademais, os asistentes poderán participar no sorteo dunha XBOX e licenzas para FIFA20 e Anthen, e coñecer de primeira man os retos e oportunidades dos videoxogos.

A exhibición de videoxogos e o sorteo será o 23 de outubro ás 17.30 horas no Auditorio FYCMA.

Terceira edición do Congreso

Por segundo ano consecutivo, o evento terá lugar no Palacio de Feiras e Congresos da capital malagueña, onde mostrará como a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes e os produtos e servizos accesibles melloran a vida de todas as persoas.

Así, na súa terceira edición, o congreso está aberto a propostas relacionadas coas Tecnoloxías e Servizos de Acceso á Información e a Comunicación, a interacción persoa máquina, o fogar dixital e a vida independente, a robótica para a autonomía persoal, as "smart city", a realidade aumentada, o turismo para todas as persoas, a accesibilidade nos seus distintos aspectos e as regulacións e normas relativas ao turismo.

Unha vez finalizado o prazo para presentar as comunicacións, o Comité Científico está a seleccionar as que se presentarán no congreso, que se incluirán no Libro de Comunicacións que se colgará na web. As mellores valoradas publicaranse na Revista sobre Accesibilidade e Deseño para Todos "JACCES".

O congreso expón unha gran diversidade de temas, materias e proxectos no campo da tecnoloxía e o turismo para favorecer a integración e inclusión das persoas con discapacidade. O seu obxectivo é mostrar o que a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos ou servizos poden facer polas persoas.

"As persoas, os dereitos, a innovación e os produtos e servizos que se ofrecen son elementos que se deben ter en conta neste século XXI para poder atendelas necesidades individuais dentro dunha oferta global", consideran os organizadores do encontro.

A inscrición é gratis para persoas con discapacidade.

Máis información na páxina web do Congreso

30/08/201909:08
Varias persoas utilizan o mando adaptado de Xbox mediante pulsadores.
Málaga

Os videoxogos e a discapacidade centran o Congreso de Tecnoloxía e Turismo de Málaga

Os videoxogos para persoas con discapacidade serán os grandes protagonistas na nova edición do Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade que a Fundación ONCE celebrará entre os próximos 23 e 25 de outubro en Málaga.

Nestas xornadas, distintos expertos analizarán os retos e as oportunidades que os videoxogos ofrecen para as persoas con discapacidade, e farase un repaso das tendencias internacionais e os casos de éxito no turismo e a tecnoloxía accesible.

Os videoxogos serán os protagonistas dunha mesa redonda no primeiro día do congreso no que participarán representantes de Electronic Arts, da Asociación Española de Videoxogos (AEVI) e de Microsoft.

Tamén, dentro das actividades centradas nesta área, faranse demostracións do videoxogo Fortnite, un dos máis populares na actualidade, nas que participarán xogadores con e sen discapacidade.

Doutra banda, estas xornadas, que por segundo ano consecutivo celebraranse no Palacio de Feiras e Congresos da capital malagueña, mostrarán como a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, e os produtos e servizos accesibles melloran a vida de todas as persoas.

Áreas como a interacción entre as persoas e as máquinas, os fogares dixitais e a vida independente, a robótica, as Smart cities, a realidade aumentada ou o turismo para todas as persoas tamén terán un papel importante neste congreso internacional.

Entre os proxectos que se presentarán nestes días está o do Camiño de Santiago Francés accesible, que busca facilitar o percorrido destas sendas a persoas con discapacidade a través da tecnoloxía.

30/08/201909:08
Imaxe da aplicación Bocciapp.
Santiago de Compostela

Se aínda non coñeces o Boccia descúbreo e xoga grazas á tecnoloxía

Boccia é un xogo e un deporte paralímpico moi popular entre as persoas con discapacidade física que agora todo o mundo pode descubrir e probar grazas á tecnoloxía, coa aplicación Bocciapp, desenvolvida pola Fundación Vodafone en colaboración coa Confederación Aspace, Aspace Oviedo e a Fundación Universidade de Oviedo.

O Boccia é un deporte inspirado no xogo de orixe italiana bocce e que desde o ano 1984 é deporte paralímpico.

Xógase con seis bólas de cor vermella e seis de cor azul, e unha branca, que é a bóla diana. Os participantes deben tratar de que as súas bólas acaben o máis preto posible da branca.

Trátase dun deporte adaptado no que as persoas con maiores dificultades de movemento poden utilizar ramplas.

A súa versión app tamén é accesible e está prevista para que se poida manexar utilizando dispositivos adaptados como pulsadores.

30/08/201908:08
Cartel da iniciativa.
Ordes

O CIM da Mancomunidade de Ordes empoderará dixitalmente ás mulleres da comarca

Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes está a organizar estes días unha serie de actividades formativo-tecnolóxicas para favorecer a empregabilidade das veciñas dos seis concellos integrantes da entidade. Trátase das accións incluídas no programa Enredando, a través do cal, dezaseis mulleres recibirán adestramento dixital para empoderarse dende o punto de vista persoal, fortalecer cadanseus currículos, mellorar e actualizar coñecementos, optimizar a capacidade para facer trámites dixitais coas administracións e, tamén, favorecer a procura de emprego. 

A iniciativa abrangue unha serie de xornadas de balde nos municipios integrados na mancomunidade, sesións que van servir (en termos máis concretos) para introducir ás participantes no emprego dun computador, dun smartphone e dunha tableta. A primeira edición será en Trazo, entre o 27 de agosto e o 11de setembro, de 17 a 20 h. As actividades proseguirán en Tordoia, entre o 2 e o 17 de setembro, para logo estenderse a Oroso, Ordes, Mesía, Frades e Cerceda. 

Os obradoiros tamén porán o foco en empoderar ás mulleres para interrelacionarse coas entidades públicas a través das ferramentas da Administración Electrónica, por exemplo para facer trámites, xestións e comunicacións co SERGAS, a Seguridade Social, Facenda ou as administracións locais (os concellos).

30/08/201908:08
App de sendeirismo.
A Laracha

A mocidade da Laracha experimentará coas aplicacións para sendeirismo

Co remate do verán, o Concello da Laracha vai organizar unha actividade formativa que quere pór de manifesto o potencial de coñecemento e divulgación das novas ferramentas dixitais en materia de medio natural. A actividade desenvolverase entre os días 13 e 15 de setembro e, segundo informa o departamento local de Xuventude, “centrarase na dinamización e posta en valor do patrimonio natural a través das oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías”. Estará aberta á participación de mozas e mozos de entre 14 e 30 anos, podéndose inscribir de balde no Concello até o 6 de setembro. 

En temos concretos, trátase dunha experiencia práctica de lecer formativo nas Fragas do Eume, onde se levará a cabo un completo programa de rutas e xogos, poñendo o foco nos beneficios de traballar colectivamente. A folla de ruta inclúe formación nas posibilidades de varias ferramentas TIC, como por exemplo Wikiloc, a aplicación referencial para os sendeiristas, moi acaida para almacenar e compartir roteiros ao aire libre xeorreferenciadas e puntos de interese de todo o mundo. A experiencia virá acompañada, tamén, dun concurso de fotografía natural no que os participantes poderán subir imaxes á conta Instagram @xuventudedalaracha. As tres contribucións que reciban maior número de gústame serán as gañadoras. Haberá cámaras deportivas a xeito de premio. 

A iniciativa vén da man do Concello da Laracha en colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

29/08/201911:08
Pantallazo de QGIS.
A Coruña

Bricolabs introdúcenos en setembro nas posibilidades de QGIS para coñecer e documentar o mundo

O sábado 28 de setembro, a asociación Bricolabs vai organizar un obradoiro de introdución ao software libre QGIS e as sas potencialidades para a edición de mapas e datos xeográficos. A cita, abeirada ao programa de sesións Entre Tuxes (integrada á súa vez no programa de actividades da OSHWDem 2019), celebrarase no Espazo Maker de Bricolabs, no museo Domus – Casa do Home da Coruña, en horario de 11.00 a 13.30 horas.

O obradoiro será impartido por Miguel Ángel Rodríguez Muíños (@mianromu no Twitter). QGIS, como lembraremos, é con toda probabilidade o máis referencial e popular Sistema de Información Xeográfica de código aberto (libre e multiplataforma) de cantos temos ao noso alcance. Permite sacar o máximo proveito do universo GIS (Geographical Information System) e co engadido de contarmos, velando polo bo funcionamento do sistema, pola súa evolución e pola súa dispoñibilidade, cunha nutrida comunidade de desenvolvedores e usuarios. As siglas GIS, para quen non o saiba, abranguen recursos tecnolóxicos para avaliar información espacial, dar forma a consultas interactivas e editar información e mapas, entre outras cousas. 

O obradoiro de Bricolabs, que nos introducirá no manexo básico de QGIS, está dirixido a persoas maiores de 18 anos e a menores de idade (a partir de 14 anos, pero acompañados dun adulto durante toda a xornada).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS