main content

main content
29/08/201909:08
Cartel da iniciativa.
Ribeira

O bus de Creactivity estará até o venres en Ribeira

O proxecto itinerante Creactivity, impulsado por Obra Social La Caixa, recala en Ribeira co obxectivo de fomentar a aprendizaxe lúdico-construtiva a través de disciplinas científico-tecnolóxicas e artísticas. Esta convértese na última parada nos concellos de Arousa Norte despois de que percorrese RianxoBoiro e A Pobra do Caramiñal. Previamente o percorrido pasou por Cedeira, Bueu, Mondoñedo, Carballo, Cangas ou Vilagarcía, entre outras vilas e cidades.

Trátase dun espazo-obradoiro onde se practica a arte de pensar coas mans, con elementos ideados para fomentar a creatividade, o espírito emprendedor, a cooperación e a reflexión. O vehículo alberga o centro de operacións dun completo programa de actividades dirixido a rapazada a partir dos 7 anos. Até o venres 30 o vehículo de La Caixa estará emprazado na avenida do Malecón, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas. A infraestrutura móbil será o centro de operacións dun completo programa de actividades para espertar o enxeño da rapazada, a súa destreza e a súa creatividade. Os cativos participarán en obradoiros con materiais cotiás e ferramentas para dar vida ás súas propias ideas. Baseado na metodoloxía de traballo e formación do deseño intelixente (Design Thinking), o espazo Creactivity busca que os participantes realicen creacións e construcións científicas ou tecnolóxicas, xa sexa de forma individual ou colectiva, que respondan os retos suxeridos ou aos seus propios desafíos a través da manipulación, observación e exploración de materiais e fenómenos. O Creactivity inspírase no movemento Tinkering liderado polo Exploratorium de San Francisco.

O obxectivo último do Creactivity é “empoderar aos nenos e nenas para intervir no mundo que lles rodea”. Inspírase, tamén, no movemento mundial argalleiro: o movemento Maker, que defende un xeito colectivo de facer innovación, enxeños concretos que axuden a mellorar a nosa vida e a protexer o medio ambiente potenciando as moitas cualidades que todas as nenas e nenos levan dentro. Trátase da filosofía do “faino ti mesmo” levada ao extremo, en tecnoloxías e ciencia.

28/08/201909:08
Un mozo utiliza o seu computador portátil cuns auriculares.
Santiago de Compostela

Unha tecnoloxía moi usada por persoas con discapacidade visual renóvase

Os lectores de documentos en formato PDF teñen multitude de usos, pero un dos máis importantes é o recoñecemento de texto para que persoas con discapacidade visual poidan utilizar esta tecnoloxía para acceder ao contido de documentos que non estean en formato accesible. Unha das opcións máis utilizadas, FineReader de Abbyy presentou a súa décimo quinta versión con importantes melloras.

FineReader 15 incorpora unha serie de melloras respecto a as versións anteriores entre as que se atopa un mellor recoñecemento de texto, permitindo a persoas cegas ou cunha perda parcial da visión acceder ao contido dun documento que non estea en formato accesible, así como a unha folla de papel escrita ou en tinta.

O escáner de documentos é un dos aliados que moitas persoas con discapacidade visual utilizan para acceder ao contido de papeis escritos. Con todo, non son os únicos documentos que non son accesibles. Na actualidade aínda hai moita documentación na internet, especialmente en PDF, que non teñen un formato accesible para todas as persoas.

En ambos os casos, FineReader, que está dispoñible para Windows, é unha ferramenta clave xa que axuda a detectar o texto e a recoñecer as palabras escritas, de maneira que o usuario poida acceder ao seu contido.

Neste sentido, a nova versión de FineReader mellorou a precisión da súa ferramenta de recoñecemento de texto para asegurar a accesibilidade de case calquera documento.

Doutra banda, FineReader 15 incorpora tamén melloras da man da intelixencia artificial para detectar as distintas partes dun documento, como o encabezado ou o rodapé, e facilita a edición e o deseño.

28/08/201908:08
Vista cenital dunha mesa de traballo onde hay dous portáiles contrapostos nos que está traballando dúas persoas.
Mos

Mos planta cara á fenda dixital cun curso de eAlfabetización

Axencia de Colocación de Mos vai organizar nesta recta final da tempada estival unha acción formativa para derrubar barreiras de empregabilidade: as barreiras que separan os profesionais con coñecementos tecnolóxicos daqueles que non os teñen. Estamos a falar dun Curso de Alfabetización Dixital cuxo desenvolvemento está previsto entre os días 29 de agosto e 5 de setembro, na sede da Axencia de Colocación. As persoas interesadas xa poden inscribirse. O curso é de balde e facilita os coñecementos “básicos e imprescindibles” para o uso dun computador. 

Tamén se dirixe a familiarizar aos participantes coas metodoloxías precisas para tirar proveito do seu equipo informático, e coas recomendacións básicas para un uso diario persoal e laboral. Impartirase do 29 de agosto ao 5 de setembro, de 9:30 a 13:30 horas.

Segundo informa o Concello a conto da orixe desta actividade, o curso quere responder a unha demanda crecente: a demanda de alfabetización dixital en todo tipo de sectores e empresas. Amais, engade, “a tecnoloxía xa está presente no día a día de todas as firmas que queiran ser competitivas”, polo que a formación TIC resulta moi aconsellable de cara a unha boa integración no mercado laboral. “Trátase dun curso totalmente gratuíto pensado para persoas que se inician no uso do computador e Internet”, explica o Concello, engadindo que as persoas que queiran inscribirse xa poden facelo nas instalacións da Axencia de Colocación.

27/08/201908:08
Mans dunha muller sobre o teclado dun portátil.
A Coruña

A Cámara de Comercio da Coruña achega este ano 75 cursos online

Cámara de Comercio da Coruña está a preparar para estes últimos meses do ano un amplo programa formativo para impulsar a capacitación das empresas, autónomos e profesionais en materia de competitividade, tecnoloxías, rendibilidade, comunicación integral, captación e mantemento de clientes, xestión ou busca de novos mercados. O programa, que ten un marcado cariz tecnolóxico, ten dúas modalidades: unha presencial e unha online

A primeira inclúe arredor de dúas ducias de actividades de temáticas tan diversas como a contabilidade e a análise de balances, o compliance penal, as habilidades de comunicación, a confección de organigramas empresariais, a xestión de equipos ou as técnicas de vendas máis innovadoras. 

Pola súa banda, a programación online conta cuns 75 cursos, que abranguen cuestións como as linguas estranxeiras, as metodoloxías do community management, as ferramentas Access e Excel, a contratación laboral, o comercio exterior ou as políticas de igualdade na empresa, entre outras moitas temáticas de interese para as PEME de múltiples sectores. A maioría das actividades, tanto presenciais como as que se desenvolven en liña, son bonificables.

Para maior información, os interesados poden poñerse en contacto coa Cámara no correo electrónico formacion@camaracoruna.com, chamando ao 981 21 60 72 ou vía web.

04/09/2019De 16:00h a 20:00h
1 mes 1 profesión dixital
Aula CeMIT da Fonsagrada

TechKids - Voa con nós: drons (A Fonsagrada)

No taller de drons os rapaces aprenderán conceptos básicos de teoremas de pitágoras e trigonometría, ademais de adquirir habilidades cognitivas visuais. Os nenos e nenas de 9 a 16 anos aprenderán a integrar a programación co mundo dos drons. A actividade constará de dous retos. No primeiro deles, os rapaces e rapazas iniciaranse no mundo dos drons creando un circuíto onde adestrarán as súas habilidades na pilotaxe destas aeronaves.

Comezarán coñecendo que é un dron, por que voa, que partes ten, e despois pilotaranos. Unha vez iniciados na pilotaxe, probarán unhas gafas FPV para sentir a velocidade vendo o que ve un coche teledirixido con cámara incluída. Para os máis habilidosos que cheguen a dominar dron e coche, probarán a pilotaxe FPV nun dron.

Na segunda parte da actividade, programarán un dron, é dicir, desde un ordenador e por medio dunha programación por bloques, converterán o dron nunha aeronave non tripulada e autónoma. Por medio da programación en Scratch, empregando un dron especial chamado “Tello”, executarán un programa feito polo CPEIG.

03/09/2019De 10:00h a 14:00h
1 mes 1 profesión dixital
Aula CeMIT de Abegondo

TechKids - Robótica para tod@s (Abegondo)

Nestas xornadas de verán impartirase un taller de “Robótica para tod@”, mesturando algoritmos e linguaxes co funcionamento de distintos robots. A actividade iniciará ás nenas e nenos de 9 a 16 anos na programación dun xeito entretido. A bondade máis importante da robótica é a de separar ao alumno da pantalla e facer que interactúe co mundo real a través dos sensores e dos actuadores dun robot.

Usarán o MBOT, un robot comercial que dispón das ferramentas precisas para facer que a programación sexa unha actividade divertida, xa que presenta os resultados dun xeito diferente. A actividade consistirá en superar mini retos. A resolución de cada reto instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación. Os participantes iniciaranse na programación por bloques, aprendendo o ciclo da vida do software, os condicionais, as variables e os algoritmos. Coñecerán tamén as partes do robot e a función que desenvolven, condutividade e circuítos eléctricos cando constRúan o control remoto do MBot, ademais de debuxar, recortar e pegar o control do robot.

Nestas xornadas de difusión tecnolóxica sobre robótica programarase a actividade MBot Segueliñas, onde se fará que o robot siga a liña dun circuíto, onde os alumnos competirán para ver que fai ir máis rápido ao robot. Aprenderán o ciclo da vida do software e os condicionais. Tamén se xogará con MBot radiocontrol, e facendo uso do makey makey os rapaces construirán un mando a distancia que controlará o MBot coma se fose un coche de radiocontrol. Aprenderán eventos, electricidade e comunicación wireless. Finalmente terase o MBot Labirinto, onde os participantes construirán un pequeno labirinto e tentarán que o MBot o percorra ata atopar a saída. Aprenderán algoritmos e bucles.

02/09/2019De 09:00 a 14:00h
1 mes 1 profesión dixital
Aula CeMIT de Arzúa

TechKids - Videoxogos e animación 3D (Arzúa)

Os nenos a partir de 14 anos poderán adestrarse no mundo da animación, efectos visuais, videoxogos ou realidade virtual.

Explicaranse tamén cales son os perfís profesionais que se demandan en cada un destes sectores e a formación e estudos que se deben ter para poder traballar en empresas deste sector. Ademais, relatarase dunha maneira visual e didáctica as experiencias doutros profesionais, algún deles galegos, que pensaban que desde Galicia non era posible traballar nestes sectores e que se converteron a día de hoxe en profesionais recoñecidos destas industrias.

Con esta experiencia, búscase que os rapaces vexan os gráficos 3D desde un punto de vista máis amplo, que lles permita converter a súa creatividade, conxuntamente co coñecemento da técnica e a tecnoloxía, na súa profesión, con gran futuro e gran demanda de profesionais especializados.

26/08/201914:08
Presentación da aplicación informática que facilitará a xestión da biomasa forestal preto das vivendas.
Santiago de Compostela

A Xunta forma ao persoal dos concellos no emprego da aplicación informática que facilitará a xestión da biomasa forestal preto das vivendas

  • O conselleiro do Medio Rural presidiu hoxe o acto de presentación desta ferramenta a alcaldes, concelleiros e técnicos municipais de toda Galicia
  • José González aposta pola ordenación forestal como a mellor arma para loitar contra o problema dos incendios nos montes e agradeceu a implicación dos municipios galegos nesta materia
  • O conselleiro destacou que a aplicación ‘Xesbío’ permitirá xestionar e elaborar diferentes tipos de notificacións para os titulares de parcelas nestas franxas e ofrecerá tamén a posibilidade de xerar un documento de adhesión dos particulares ao contrato de xestión da biomasa 
     

O conselleiro do Medio Rural, José González, reiterou hoxe a súa aposta pola ordenación forestal como a mellor arma para loitar contra o problema dos incendios nos montes. Advertiu ademais que esta é unha tarefa de todos, independentemente de cores políticas, e agradeceu, nese sentido, a implicación dos concellos galegos nesta materia. Fixo estas declaracións hoxe en San Caetano durante a apertura da xornada informativa sobre a aplicación informática “Xesbío”, dirixida a alcaldes, concelleiros e técnicos municipais dos 97 concellos que xa contan co plan municipal de prevención e extinción de incendios, para xestionar os incumprimentos e notificacións vinculados á xestión de biomasa forestal na contorna das vivendas.

Ao tempo, o titular de Medio Rural sinalou que grazas a este compromiso todas as administracións e os particulares traballan de xeito coordinado e conxunto a prol da ordenación e da limpeza de predios de cara a anticiparse ao problema dos lumes, na procura da Galicia verde que pretendemos.

Así, o conselleiro explicou que a finalidade da ferramenta informática Xesbío é dar soporte á Administración local na xestión da biomasa nas rede de faixas secundarias, situadas preto das vivendas. Esta aplicación permitirá xestionar e elaborar diferentes tipos de notificacións que os concellos lle enviarán aos titulares de parcelas nestas franxas e ofrecerá tamén a posibilidade de xerar un documento de adhesión dos particulares ao contrato de xestión da biomasa.

Neste aspecto, José González explicou que un dos maiores problemas cos que se atopaban os gobernos locais era o de identificar estes terreos e, a continuación, ao seu propietario. Grazas a esta ferramenta, creada ex profeso para este fin pola Consellería do Medio Rural en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), facilitaráselles moito aos gobernos locais a execución das súas competencias neste ámbito, algo co que se comprometera a Xunta ao abeiro do acordo.

Desta forma, e segundo sinalou o titular de Medio Rural, todo o relacionado coa tramitación administrativa queda solucionado con esta aplicación, pois permitirá xerar un modelo de dilixencia de comunicación previa, outro de dilixencia de notificación e un terceiro de anuncio de comunicación a responsables descoñecidos.

Interese dos concellos

Así, o conselleiro adiantou que a día de hoxe están adheridos ao convenio de protección das aldeas 222 concellos galegos e ademais xa hai máis de 16 que se mostraron interesados en crear unha aldea modelo no seu municipio, o que permitirá optimizar a xestión da biomasa preto das vivendas.

A iniciativa das aldeas modelo nace co obxectivo de executar a limpeza das franxas secundarias e poñelas a producir. Unha vez despexadas esas franxas porase en valor ese terreo creando actividade agrogandeira nelas, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, etc. Todo isto funcionará como devasa natural fronte o lume xa que, desenvolvendo actividade económica nas franxas non será preciso rozar todos os anos.

O conselleiro destacou que a aplicación ‘Xesbío’ permitirá xestionar e elaborar diferentes tipos de notificacións para os titulares de parcelas nestas franxas e ofrecerá tamén a posibilidade de xerar un documento de adhesión dos particulares ao contrato de xestión da biomasa.

26/08/201912:08
Controis feitos a man para o MBot.
Santiago de Compostela

TechKids chega a Barreiros, Santa Comba, Ortigueira, Guitiriz, Cuntis e Padrón

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organizan nestes meses de verán (xullo, agosto e setembro) un completo programa (o programa TechKids) de xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons, creación de app e videoxogos e animación 3D. Esta vindeira semana celebrarase unha xeira sobre pilotaxe de drons (Voa con nós) na aula CeMIT de Barreiros (luns-26), outros talleres de Robótica para tod@s nas aula de Santa Comba (martes-27), Ortigueira (xoves-29) e Guitiriz (venres-30), ademais doutros obradoiros sobre Videoxogos e animación 3D en Cuntis (xoves-29) e en Padrón (venres-30). Os mozos e mozas interesados en participar nestas xornadas deben inscribirse na aula CeMIT da súa localidade.

O programa TechKids é unha escolma de actividades divulgativas e lúdicas (un total de 40 xeiras para estimular o talento da rapazada) impulsadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a axencia autonómica AMTEGA, abeirado o plan DigiTalent desta última entidade.

Programación e robótica

Entre as cousas concretas que vai achegar o programa para a rapazada, atópase o obradoiro Robótica para tod@, que mestura algoritmos e linguaxes co funcionamento de distintos robots. “A actividade iniciará ás nenas e nenos de 9 a 16 anos na programación dun xeito entretido”, segundo informan o CPEIG e AMTEGA, explicando que na actividade empregarase un Mbot, un robot comercial que dispón das ferramentas precisas para mergullar ás nenas e nenos nos segredos e nas potencialidades da robótica, dunha maneira lúdica, “xa que presenta os resultados dun xeito diferente”. 

A actividade consistirá en superar mini-retos, cada un dos cales, unha vez resoltos, instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación. Os participantes iniciaranse na programación por bloques, aprendendo o ciclo da vida do software, os condicionais, as variables e os algoritmos. “Coñecerán tamén as partes do robot e a función que desenvolven, condutividade e circuítos eléctricos cando constrúan o control remoto do MBot, ademais de debuxar, recortar e pegar o control do robot”, engaden as entidades organizadoras. Nestas xornadas de difusión tecnolóxica sobre robótica tamén se inclúe a actividade MBot Segueliñas, onde se fará que o robot siga a liña dun circuíto, co alumnado competindo para ver que cousas fan ir máis rápido a máquina. Deste xeito, “aprenderán o ciclo da vida do software e os condicionais”, sinalan o CPEIG e máis AMTEGA. Amais, xogarase cun MBot radiocontrol, construído un mando a distancia para controlalo coma se fose un coche de radiocontrol. Aprenderán eventos, electricidade e comunicación sen fíos e, finalmente, achegaráselles a actividade MBot Labirinto, construíndo un pequeno labirinto para ser percorrido polo MBot e axudalo a atopar a saída. 

Circuítos de habilidades na pilotaxe de drons

O segundo dos obradoiros será sobre drons, no cal os rapaces aprenderán conceptos básicos de teoremas de Pitágoras e trigonometría, ademais de adquirir habilidades cognitivas visuais. Os nenos e nenas de 9 a 16 anos aprenderán a integrar a programación co mundo dos drons. A actividade constará de dous retos. No primeiro deles, os rapaces e rapazas iniciaranse no mundo dos vehículos aéreos non tripulados, creando un circuíto onde adestrarán as súas habilidades na pilotaxe destas aeronaves. Comezarán coñecendo que é un dron, por que voa, que partes ten, e despois pilotaranos. Unha vez iniciados nisto, probarán unhas gafas FPV para “sentir a velocidade vendo o que ve un coche teledirixido con cámara incluída”, explican as entidades organizadoras, engadindo que “para as máis habilidosas e habilidosos que cheguen a dominar o dron e mailo coche, probarán a pilotaxe FPV nun vehículo aéreo remoto”. Na segunda parte da actividade, programarán un aparello voador e por medio dunha programación por bloques, converterano nunha aeronave non tripulada e autónoma. Por medio de Scratch, empregando un dron especial chamado Tello executarán un programa feito polo CPEIG. 

Aprender a desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles

Os rapaces e rapazas de 12 a 18 anos poderán asistir a un obradoiro sobre como crear unha aplicación móbil, onde aprenderán a desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles. Empregarase a App Inventor, un contorno de desenvolvemento de software creado por Google Labs para elaborar aplicacións para Android. O usuario, dun xeito visual e a partires dun conxunto de ferramentas, irá enlazando unha serie de bloques para crear a ferramenta. Segundo explican o CPEIG e AMTEGA, Google App Inventor destaca por dous grandes factores: a simplicidade de uso e Google Play, factores que permitirán crear un gran número de apps e a maiores poder distribuílas de balde.

A actividade iniciará ás nenas e nenos na programación no sistema operativo Android. Unha vez rematada a sesión, os alumnos terán creada a súa conta e os seus proxectos de app, gardados na nube. Ademais de iniciarse na programación e facilitar eses primeiros pasos, os alumnos poderán seguir na súa casa mellorando a súa aplicación móbil e publicala cando o consideren. 

Na primeira parte da actividade, a rapazada creará unha app onde se comunique vía Whatsapp a súa situación mediante xeolocalización Wi-Fi ou GPS. Na segunda parte, cada quen poderá deseñar e comezar a programar unha aplicación que solucione unha inquedanza propia. Recoméndase que os nenos leven un móbil ou tableta con sistema operativo Android para poder ver en funcionamento nun dispositivo a súa creación.

O futuro profesional no mundo dos videoxogos e animación 3D

Finalmente, nesta edición do programa organizaranse obradoiros sobre creación de personaxes de videoxogos e animación 3D, en colaboración co congreso internacional Mundos Digitales. As nenas e nenos a partir de 14 anos poderán adestrarse no mundo da animación, efectos visuais, videoxogos ou realidade virtual. Explicaranse tamén cales son os perfís profesionais que se demandan en cada un destes sectores e a formación e estudos que se deben ter para poder traballar en empresas deste ámbito de actividade. Ademais, relatarase dunha maneira visual e didáctica as experiencias doutros profesionais, algúns deles galegos.

Con esta experiencia, búscase “que os rapaces vexan os gráficos 3D desde un punto de vista máis amplo, que lles permita converter a súa creatividade, conxuntamente co coñecemento da técnica e a tecnoloxía, na súa profesión, con gran futuro e gran demanda de profesionais especializados”.

26/08/201908:08
Cartel da iniciativa.
Pontevedra

A Deputación de Pontevedra brinda un setembro ateigado de formación TIC para a mocidade

Deputación de Pontevedra fará arrancar en setembro dez novos obradoiros do proxecto Millennials 2019, o plan de empregabilidade xuvenil pola vía da capacitación innovadora, creativa e tecnolóxica. Entre estas accións formativas figura a nova edición de dous cursos TIC en Pontevedra e Vigo que se están a desenvolver desde xullo, pero dos que a Deputación decidiu realizar unha nova convocatoria pola “súa gran demanda e acollida”. 

Trátase dos obradoiros Márketing Dixital: Estratexias SEO, SEM, Redes Sociais e Análise de Tráfico Web, que se ofrecerá en Pontevedra do 17 de setembro ao 7 de novembro, e Creación de Contidos Dixitais (Videoxogos, Imaxe e Vídeo), que se desenvolverá en Vigo do 17 de setembro ao 18 de novembro. 

As persoas interesadas poden inscribirse xa a través das contas cursoEOI.pontevedra@eoi.es e cooperacion@depo.es. Os oito cursos restantes desenvolveranse, ademais de en Pontevedra e Vigo, en Vilagarcía e Ponteareas. No caso de Pontevedra, están previstas as accións formativas Creación e Xestión de Tendas en Liña, que terá lugar na sede da da Deputación de Pontevedra do 19 de setembro ao 18 de novembro, con 316 horas; e Xestión de Fidelización de Establecementos Turísticos, que tamén terá lugar no Centro Príncipe Felipe do 17 de setembro ao 28 de outubro, con 166 horas.

Por outra banda, Vigo acollerá tamén outras catro accións formativas, na sede da Deputación na cidade olívica. Trátase de Deseño e Prototipado Rápido mediante Impresión 3D e Mecanizado, de 316 horas e que se desenvolverá do 16 de setembro ao 18 de novembro; Creación de Aplicacións Móbiles (Aplicacións para Android e iOS), tamén de 316 horas e que será do 17 de setembro ao 18 de novembro; Organización e Xestión de Produción: Lean Manufacturing 4.0, de 312 horas entre o 16 de setembro e o 18 de novembro e, por último, Xestión de Empresas Turísticas. Deseño e Desenvolvemento de Produtos, con 166 horas repartidas entre o 16 de setembro e o 28 de outubro.

Amais, Deseño e Prototipado Rápido mediante Impresión 3D e Mecanizado é o curso programado para Matosinhos (Vilagarcía), cun total de 316 horas entre o 16 de setembro e o 15 de novembro, mentres que o CDL de Ponteareas acollerá a acción formativa Programación Web con Software Libre (Web Development Bootcamp) do 17 de setembro ao 19 de novembro, cun total de 316 horas.

As inscricións nestes outros oito cursos poden facerse a través da web da EOI e as persoas interesadas poden obter máis información a través do enderezo electrónico coooperacion@depo.es ou no teléfono 986 804 100 (extensións 40652 e 40267).

O proxecto Millennials está dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, con cursos deseñados e adaptados ás súas necesidades e ás necesidades do tecido industrial da provincia, no marco do Plan Nacional de Garantía Xuvenil. Este proxecto enmárcase así mesmo no convenio de colaboración entre a institución provincial e a Escola de Organización Industrial.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS