main content

main content
17/09/201908:09
Cartel do evento.
Pontevedra

A segunda WordCamp Pontevedra celebrará a universalidade e a accesibilidade de WordPress

Estes 21 e 22 de setembro vaise falar no Campus de Pontevedra como acubillos web accesibles e dispoñibles para todo o mundo: de información universal e internautas universais e de como tirar abaixo atrancos entre uns e outros coa axuda do xestor WordPress. Todo isto vén a conto porque a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación vai acoller nas devanditas xornadas a segunda edición da WordCamp Pontevedra, no que van participar arredor de trinta expertas e expertos en diferentes aspectos vinculados co desenvolvemento web. En total, haberá 28 coloquios. O evento (o único WordCamp da nosa terra) porá o foco no WordPress e nas súas posibilidades.

Organizado por voluntarios da comunidade WordPress Pontevedra, co apoio da organización internacional WordPress Foundation, o foro ampliou este ano a súa capacidade aos 275 asistentes. Así mesmo, ao abeiro do convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a WordPress Foundation, resérvanse 55 entradas a un prezo reducido de 10 euros para as e os integrantes da comunidade universitaria. A WordCamp verase precedida, na xornada do venres 20, polo coloquio Emprende con WordPress, inserido na programación do Pont-Up Store, o encontro de emprendemento que a Universidade promove, no marco do Campus Crea, entre o 19 e o 21 de setembro.

Xa o sábado, CCSS e da Comunicación acollerá ao longo da xornada unha serie de coloquios que, como explica Juan Hernando, presidente da comunidade WordPress Pontevedra, permitirán afondar de cheo neste xestor de contidos “tanto desde o prisma do usuario como do desenvolvemento”. Ao abeiro do congreso combinaranse unha serie de relatorios de 25 minutos cun bloque de charlas rápidas de 10 minutos, tanto de iniciación como de nivel medio e avanzado. Nos coloquios tocaranse temas como a mercadotecnia en liña, a visualización en buscadores, a Internet das Cousas (IoT), a elaboración de blogs e podcasts, o comercio electrónico ou aspectos de deseño e lexislación.

Un total de 16 expertos e 14 expertas, profesionais especializados, foron seleccionados para dar forma ao programa deste evento. Entre eles figuran, entre outros, Fernando Tellado, autor do blog en castelán sobre WordPress máis visitado, e Ana Cirujano, únicos representantes españois na WordCamp Europe 2019, que o pasado mes de xuño reuniu máis de 3.000 persoas en Berlín. Un dos seus organizadores, José Ramón Padrón, participará no evento de Pontevedra, ao igual que o profesor da facultade Xabier Martínez Rolán. O domingo 23 o evento completarase coa celebración do Día do Contribuídor, no que as e os participantes aprenderán a colaborar co proxecto de WordPress en labores de tradución, soporte, deseño, mercadotecnia ou desenvolvemento.

17/09/201908:09
Pleno do Concello de Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela

Santiago achega un obradoiro de formación en desenvolvemento de aplicacións web

Concello de Santiago vai organizar, cunha subvención autonómica de 180.000 euros, un novo obradoiro de emprego TIC para favorecer a empregabilidade e a formación avanzada da xuventude local. En total, beneficiaranse dezaseis alumnas e alumnos en situación de busca de traballo. A actividade adestrará aos participantes en desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web. O obradoiro Santiago Sustentable ten, tamén, o obxectivo de deseñar e construír un portal temático sobre eficiencia na xestión de recursos, coidado do medio ambiente, xestión smart e participación cidadá.

A información sobre a actividade xa está publicada na web da Axencia Local de Colocación. Segundo se fai saber na páxina, o obradoiro é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas polo vieiro das TIC, co-financiando pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, e promovido polo Concello. O programa de adestramento terá unha duración de medio ano. Implicará a contratación das alumnas e alumnos como traballadoras/es.

17/09/201908:09
 Cristóbal Cuenca Almenar.
Ferrol

Crístóbal Cuenca, de Clarity AI, falará en Ferrol do potencial das tecnoloxías para compatibilizar riqueza e ben social

Cristóbal Cuenca Almenar, experto en Intelixencia Artificial e doutor en Física de Partículas pola Universidade de Valencia, estará este venres 20 de setembro en Ferrol, ao abeiro do ciclo Café con Ciencia, para falar da súa experiencia investigadora en sistemas intelixentes e no desenvolvemento de aplicacións fintech innovadoras, rendibles e centradas nas persoas, no ben social e na sustentabilidade. A cita, que vén da man da empresa Ártabro Tech e a Universidade da Coruña, celebrarase no salón do primeiro andar do Casino Ferrolán, ás 19.30 horas.

Segundo nos lembran Ártabro Tech e a UDC, Cristóbal Cuenca conta cunha longa carreira como investigador en España e no estranxeiro. Amais, ao abeiro da startup Clarity AI, na que traballa, desenvolveu unha ferramenta para orientar os investimentos financeiros non só polo seu rendemento económico, senón tamén polo social e ambiental. O seu relatorio convócase baixo o seguinte epígrafe: Ciencia de datos para investir nun mundo mellor.

En palabras de Ártabro Tech, a empresa de Cristóbal Cuenca é un exemplo de como a tecnoloxía pode enfocarse a mellorar o mundo. A súa creadora, Rebeca Minguela (incluída na lista dos 100 emprendedores de menos de 40 anos máis influentes do Foro Económico Mundial) lanzou Clarity AI co convencemento de “que a tecnoloxía pode ser unha ferramenta para combater a desigualdade”. A startup desenvolveu un software que determina, a través da análise dunha enorme cantidade de datos, cal é o impacto ético, social e ambiental dos investimentos, é dicir, busca o mellor lugar para poñer o diñeiro, pensando no ben dos petos propios pero tamén nos petos alleos, no desenvolvemento integral e no beneficio da contorna natural.

Cristóbal Cuenca desenvolveu a súa actividade científica no laboratorio Fermilab, en Chicago, onde realizou a súa tese doutoral, e no CERN como investigador postdoutoural en proxectos para a Universidade Irvine e a Universidade de Yale. Cursou un MBA no IE Business School en Madrid e traballou no eido da Ciencia de Datos en diferentes empresas.

16/09/201908:09
Impresión 3D.
Vilagarcía de Arousa

A mocidade de Vilagarcía poderá mellorar o seu currículo con formación en Impresión 3D

Concellería de Xuventude de Vilagarcía vai impulsar o mes que vén un curso de balde sobre Deseño Prototipado por Impresión 3D. A actividade formativa, cuxo prazo de inscrición foi ampliado (aínda estamos a tempo para formalizar a nosa participación), desenvolverase entre o primeiro de outubro e o 2 de decembro no Centro Municipal de Formación de Matosinhos (Vilagarcía). O obradoiro está dirixido á mocidade de 16 a 30 anos e ofértase a través do proxecto Millennials da Deputación de Pontevedra cuxo obxectivo é mellorar a empregabilidade e facilitar o acceso ao mercado laboral da mocidade. Os interesados poden anotarse a través da páxina web deste proxecto.

Poderán concorrer até un máximo de dezaoito mozas e mozos en desemprego de idades entre os 16 e os 30 anos. O curso, subvencionado polo Fondo Social Europeo, é unha actividade de gran potencial e interese para fortalecer as opcións dos alumnos de atoparen un traballo, xa que a experiencia en impresión 3D e en moitas das tecnoloxías que rodean esta contorna creativa están a ser requiridas por unha chea de empresas e entidades no mercado laboral. O curso ten unha duración de 316 horas, das cales 200 son horas lectivas, 16 horas de titorías técnicas e de empregabilidade, e 100 horas de carga estimada de traballo do alumnado en proxectos individualizados. A formación será impartida por profesionais/formadores coñecedores do sector e que dispoñen de contactos continuos con empresas do sector e que colaborarán na inserción laboral dos alumnos. Polo que se refire aos contidos, estes son os bloques principais: Módulo de deseño industrial CAD, Módulo de mecanizado CNC, Módulo de impresión 3D e Empregabilidade.

16/09/201908:09
Robot.
Santiago de Compostela

Un total de 30 centros de ensino poderán sumarse o vindeiro curso ao programa 'Club de Ciencia'

  • No curso 2018/19 participaron nesta iniciativa 91 centros, que terán continuidade na mesma
  • A Consellería de Educación acaba de convocar tamén os premios ‘Desafíos STEM’

 

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de convocar a selección de 30 novos centros docentes públicos para sumarse ao programa de innovación educativa Club de Ciencia durante o curso 2019/20. Os 91 centros que participaron no curso 2018/19 verán tamén prorrogada a súa continuidade neste programa.

Así mesmo a Consellería vén de convocar a terceira edición dos premios Desafíos STEM: programación, robótica e impresión 3D, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado nos centros cos materiais e a formación recibida nestes ámbitos.

Club de Ciencia

O obxectivo do Club de Ciencia – que forma parte da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020– é estimular o espírito científico entre o alumnado galego ao tempo que impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.

Para iso, funciona como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que podan dar resposta ás súas curiosidades, aos seus intereses e resolver problemas. Deberá estar formado por un ou máis docentes de calquera especialidade e alumnado de educación primaria, secundaria obrigatoria ou bacharelato. Un dos docentes actuará como coordinador do club.

Cada centro docente seleccionado para desenvolver un Club de Ciencia recibirá unha achega económica de 1.250 €. O importe máximo da convocatoria, que conta tamén con orzamento para a continuidade dos centros implicados no curso que acaba de rematar, ascende a 151.250 €.

As actividades vencelladas a este programa desenvolveranse fóra do horario lectivo do alumnado nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente, cun mínimo de catro horas ao mes.

Poderán presentar solicitudes aqueles centros docentes públicos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que impartan ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou bacharelato. A solicitude e documentación débese presentar en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Ademais, remitirase ao correo electrónico clubdeciencia@edu.xunta.gal. O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 30 de setembro de 2019.

Este é o cuarto ano consecutivo que se pon en marcha esta iniciativa, que naceu como experiencia piloto no curso 2016/17 con 9 centros e que se ampliou a 29 centros no 2017/18 e a 91 centros de ensino público no 2018/19.

Desafíos STEM

Os proxectos que se presenten aos premios Desafíos STEM deberán estar elaborados enteiramente polo alumnado coa dotación que a Consellería realizou aos centros públicos de ensino non universitario dende o curso 2016/17, tales como equipamento de robótica educativa, placas de Comunicación e Programación e equipo de Impresión 3D.

Para empregalos, o alumnado conta cos coñecementos específicos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) presentes nas aulas galegas a través das distintas materias troncais, específicas e máis concretamente nas materias de libre configuración autonómica de Programación para a educación secundaria obrigatoria e Robótica para bacharelato.

Poderán presentar solicitudes aqueles centros docentes públicos de ensino non universitario que impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou bacharelato. Cada centro presentará ata un máximo de 6 equipos, configurados por un mínimo de 3 alumnos e un máximo de 6. O anexo de solicitude e a documentación de cada proxecto STEM remitirase ao correo electrónico desafiostem@edu.xunta.gal, antes do 30 de setembro de 2019.

O curso pasado participaron nesta convocatoria, enmarcada na Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020, un total de 11 centros educativos.

Categorías e Desafíos

A convocatoria establece dúas categorías. A primeira delas, STEM iniciación, para proxectos sinxelos realizados por alumnado de iniciación, vai dirixida ao alumnado de 1º, 2º, 3º da ESO, FP Básica ou Programa de Mellora da Aprendizaxe e Rendemento (PMAR). A segunda, STEM afondamento, para proxectos máis complexos, será para o alumnado de 4º ESO, 1º ou 2º bacharelato.

En cada categoría, cada proxecto poderá presentarse ao Desafío Robots, ao Desafío Programación ou ao Desafío Impresión 3D. Cada proxecto debe presentarse a unha única categoría e un, varios ou todos os desafíos que se propoñen.

O Desafío Robots consistirá nun proxecto no que, nun escenario, un ou varios robots realizan determinadas accións ou tarefas encamiñadas a dar solución a unha situación que teña aplicación na realidade da vida diaria, da industria etc; mentres que a Programación será arredor dun proxecto tecnolóxico que dea solución a unha necesidade concreta onde se utilicen linguaxes de programación.

Pola súa banda en Desafío Impresión 3D presentaranse proxectos tecnolóxicos onde se utilice unha impresora 3D para o deseño e construción de todas ou parte das pezas da maqueta.

Haberá 6 premios, un por cada desafío e categoría de 2.000 euros cada un para o centro docente do equipo gañador. Ademais, a persoa titora de cada equipo gañador recibirá da consellería unha certificación como 1º premio de innovación educativa cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.

16/09/201907:09
Unha persoa maior utiliza o novo Doro 7030.
Berlín

Doro renova a súa gama de móbiles "tradicionais" para persoas maiores

A semana pasada falabamos do novo smartphone 8080 de Doro, no que a compañía daba un salto de deseño e potencia. Con todo, Doro non esqueceu que moitas das persoas maiores prefiren móbiles "tradicionais", máis sinxelos, e por iso renovou tamén o seu catálogo de teléfonos funcionais.

Non todas as persoas, especialmente moitas persoas maiores pero tamén persoas con certo tipo de discapacidade, se senten cómodas utilizando un smartphone, tanto pola súa complexidade como polo uso da pantalla táctil.

Por esta razón, Doro, a compañía especializada en teléfonos e dispositivos fáciles de usar pensados para persoas maiores, decidiu renovar esta gama de teléfonos chamados funcionais, nos que prima facilitar a utilización das funcións básicas do terminal.

Así, aproveitando a feira IFA de Berlín, a compañía presentou catro teléfonos incluídos nesta gama: os modelos Doro 6060, 7030, 6620 e 7010.

Os catro dispositivos manteñen a parte nuclear da compañía, é dicir, teléfonos fáciles de usar que incorporan servizos de seguridade e que utilizan unha interface sinxela. Así, os catro modelos incorporan botón de asistencia, GPS e son compatibles con audífonos.

O seu deseño tamén é fundamental, con botóns separados e cunha forma ergonómica para facilitar o agarre.

O Doro 6060 é un teléfono plegable, mentres que o 6620 ten unha pantalla grande e clara para facilitar ver imaxes e texto dunha forma máis grande.

Pola súa banda, os modelos 7010 e 7030 están pensados para utilizar as redes 4G LTE e incorporan unha cámara coa que os usuarios poderán compartir vídeos e fotografías de forma fácil e rápida a través de WhatsApp ou Facebook.

14/09/201911:09
Man sostendo un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta organiza este mércores unha xornada para presentar os casos de uso 5G que se desenvolverán en Galicia

  • O encontro “Os retos do 5G en Galicia. Casos de uso” exporá as 17 iniciativas dos tres principais operadores, que aplican o 5G ao ámbito sanitario, turístico, as emerxencias ou a loita contra os incendios
  • O acto acollerá tamén a adhesión do Observatorio Nacional do 5G ao Nodo galego 5G, impulsado pola Amtega como punto de encontro entre axentes do sector para consolidar un ecosistema galego do 5G

 

A Cidade da Cultura acolle o vindeiro día 18 de setembro a Xornada “Os retos do 5G en Galicia. Casos de uso”, na que se darán a coñecer os 17 pilotos que se están a desenvolver en Galicia baseados nesta tecnoloxía. O encontro, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Retegal, afondará nas vantaxes desta tecnoloxía para cuxo despregamento a Unión Europea esixe aos Estados membros realizar, previamente, casos de uso.

O encontro arrancará coa sinatura dun convenio para formalizar a adhesión do Observatorio Nacional do 5G ao Nodo Galego 5G, un punto de encontro para consolidar un ecosistema galego do 5G do que xa forman parte os tres principais operadores, e a Universidade de Vigo. A asistencia é de balde e pode realizarse a través da conta de correo, casosdeuso5G@retegal.gal.

Tras a apertura, que correrá a cargo da directora da Amtega, Mar Pereira, e o CEO da Mobile World Capital Barcelona Foundation (MWCapital), o responsable do Observatorio Nacional do 5G, Federico Ruiz, exporá a situación do 5G en España, o caso galego e o labor do Observatorio. A continuación, será a quenda dos operadores: Telefónica, Vodafone e Orange abordarán o seu papel na posta en marcha dos pilotos 5G e os retos e vantaxes que suporá esta tecnoloxía.

A segunda parte da xornada centrarase na visión dos responsables de empresas e sectores nos que se aplicarán estes casos de uso. Responsables do CTAG, AXEGA, Portos, universidades, Sergas ou CRTVG, entre outros, exporán as vantaxes dos pilotos 5G na industria, na automoción, na sanidade, na cultura ou o turismo.

Preto dunha vintena de casos de uso 5G en Galicia

A Amtega puxo en marcha en xullo de 2018 o Plan Galicia 5G, complementario ás medidas europeas e estatais, cun dobre obxectivo: por unha banda, que Galicia sexa das primeiras rexións europeas en dispoñer de servizos 5G e, por outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesarios para desenvolver posibles casos de uso desta tecnoloxía localícese na Comunidade.

Unha das primeiras medidas do Plan foi a posta en marcha o pasado mes de novembro do Nodo de Cooperación 5G cun convenio asinado por Orange, Vodafone e Telefónica, no que se recolle o compromiso dos tres operadores. No marco deste Nodo os operadores comprometéronse a realizar 9 de casos de uso 5G en diferentes ámbitos esenciais para Galicia. A estas iniciativas súmanse outras 8 que realizará Telefónica no marco dun proxecto subvencionado por Red.es. En total 17 casos de uso 5G en Galicia.

Outra das medidas do Plan é a relacionada coa formación e onte comezaba o primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G, grazas a adhesión da Universidade de Vigo ao Nodo de Cooperación 5G, a través dun convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a Amtega, a Universidade de Vigo e Retegal.

O programa formativo ofrece a diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G.

13/09/201913:09
Mar Pereira na inauguración do primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G de Galicia.
Vigo

Máis dunha vintena de profesionais e estudantes inician o primeiro curso de especialista universitario en 5G de Galicia

  • A directora da Amtega e o reitor da Universidade de Vigo inauguraron hoxe a primeira edición desta formación especializada, enmarcada no Plan Galicia 5G
  • Será impartido por expertos de multinacionais de telecomunicacións, fabricantes de tecnoloxías e docentes da Universidade
  • A Xunta puxo en marcha o Plan 5G o ano pasado para situar á Comunidade como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas nesta tecnoloxía
  • Xa están pechados 17 casos de uso 5G en ámbitos como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación

Os 23 matriculados no primeiro Curso de Especialista Universitario en tecnoloxías de Quinta xeración 5G recibiron hoxe a benvida da directora da Axencia para Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, na xornada inaugural que se celebrou esta mañá na Escola de Enxeñaría en Telecomunicacións.
 
A posta en marcha deste Curso é froito dun acordo subscrito este ano entre a Amtega, a Universidade de Vigo, e o operador público Retegal o pasado mes de febreiro. Este programa formativo, enmarcado no Plan Galicia 5G da Xunta, ofrece a diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G. 
 

Impartido por expertos

Os alumnos son, maioritariamente, profesionais do sector tecnolóxico cunha experiencia laboral de entre cinco e dez anos, aos que suman estudantes de Master ou nos últimos anos de Grao e persoas en situación de desemprego.
 
O curso, con 200 horas lectivas, estrutúrase en 6 módulos, que se impartirán presencialmente os xoves e venres polas tardes na Escola de Enxeñaría en Telecomunicacións durante os meses de setembro a decembro máis o proxecto fin de curso. Superadas todas as fases, os alumnos obterán o título de “Especialista en Tecnoloxías de Quinta Xeración (5G)”.
 
O cadro docente está integrado, tanto por profesores da Universidade como por profesionais expertos do sector, tanto de operadores (Movistar, Orange, Vodafone), como fabricantes (Nokia Spain, Ericsson) e desenvolvedores de solucións verticais (PSA, RTVE, CTAG, SERGAS). 
 

Plan Galicia 5G

O Plan Galicia 5G é a ferramenta estratéxica da Xunta de Galicia para impulsar o ecosistema 5G galego e favorecer o despregamento destas redes en Galicia. Coa sinatura do acordo, o pasado mes de xaneiro, para a posta en marcha deste Curso, a Universidade de Vigo, formalizou a súa adhesión ao Nodo de Cooperación 5G, un punto de encontro entre desenvolvedores e demandantes de solucións desta tecnoloxía para actuar como concentrador dos retos derivados das demandas do mercado e as capacidades das empresas do ecosistema 5G de Galicia. En novembro formalizábase a adhesión ao nodo dos operadores Vodafone, Orange e Telefónica para realizar casos de uso con esta tecnoloxía en ámbitos de especial interese para Galicia.
 

Preto dunha vintena de pilotos 5G

A Comunidade foi a primeira do Estado en poñer en marcha un plan para situarse como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas en 5G e facilitar que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesarios para desenvolver posibles casos de uso localícese na Comunidade.
 
No último ano as diferentes medidas do Plan autonómico foron conformando un contexto que favoreceu a aposta dos operadores por Galicia para desenvolver as súas iniciativas de 5G:
  • No primeiro trimestre do ano pechouse o compromiso de Vodafone, Orange e Telefónica para realizar 9 casos de uso con tecnoloxía 5G.
  • En maio a Comunidade acolleu a primeira conexión 5G en roaming a nivel mundial
  • En xuño Vigo e A Coruña foron das primeiras cidades en contar con redes 5G.
  • e, xunto con Andalucía, Galicia é unha das dúas comunidades, que acollerán o desenvolvemento dos primeiros pilotos de 5G, subvencionados por Red.es.
 
En total, impulsados polo Plan da Xunta e polo Estado, desenvolveranse 17 casos de uso en 5G en ámbitos de especial interese para Galicia como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación.
13/09/201910:09
Logo Pont-Up Store.
Pontevedra

R recunca cos seus obradoiros formativos en Pont-Up Store

A operadora galega R vai ser unha das empresas colaboradoras de Pont-Up Store, a feira de emprendemento e innovación que se celebra en Pontevedra, con epicentro na praza de España, a partir do 18 de setembro. A compañía de cable, que acode ao evento co gallo de deixar constancia da súa aposta “pola cultura emprendedora en Galicia” (unha aposta da que abrollou unha aceleradora propia, DiCO Challenge), estará presente en Pontevedra coas actividades do seu programa CreaR, o seu proxecto educativo, divulgador e dinamizador para a rapazada.

Ao abeiro disto, R achegará obradoiros de stop motion nos que, xogando, as nenas e nenos participantes aprenderán as bases da que sería, en palabras da operadora, “unha das técnicas de animación máis antigas da historia do cinema”. En paralelo e simultaneamente impartiranse as charlas didácticas dirixidas á xeración que non naceu na era dixital; pais, avós, titores e educadores.

Lugar e hora

As actividades serán o sábado 21 de setembro na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Rúa Maestranza, 2). Haberá un obradoiro para nenas e nenos de 7 a 9 anos (e máis charla educativa) en horario de 10.00 a 12.00 horas, e un obradoiro para a rapazada de entre 10 e 12 anos (máis charla) en horario de 12.00 a 14.00 horas. O máximo de prazas é de 30.

13/09/201908:09
Imaxe dunha pantalla mostrando sinais cerebrais dunha muller sentada ao fondo.
Málaga

Controlar a tecnoloxía co cerebro, o futuro para as persoas con discapacidade

A capacidade de detectar e interpretar as ondas cerebrais abre un campo enorme para facilitar o uso da tecnoloxía a moitas persoas con discapacidade, especialmente cunha discapacidade física, que teñan problemas de mobilidade para manexar os dispositivos.

Os beneficios e bondades desta liña de investigación e desenvolvemento son tan importantes que será o tema inaugural do Congreso de Tecnoloxía e Turismo para a Diversidade que a Fundación ONCE celebra entre o 23 e 25 de outubro en Málaga.

Nesta conferencia inaugural, o profesor Ricardo Chavarriaga explicará como a innovación neste ámbito pode mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade.

Esta tecnoloxía, denominada Brain-Computer Interface baséase na detección das ondas cerebrais para que sexan procesadas e interpretadas por unha máquina, permitindo así manexar os dispositivos co cerebro.

Sen dúbida trátase dunha das tecnoloxías máis interesantes para as persoas con discapacidade e problemas de mobilidade que teñan problemas para interactuar cos dispositivos.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS