A iniciativa Coruña Dixital, retoma esta semana a súa liña de actividade, que promete ser especialmente intensa esta tempada, ademais de particularmente técnica e divulgativa
A iniciativa Coruña Dixital, programa de actividades de divulgación e impulso TIC posto en marcha polo Concello, retoma esta semana a súa liña de actividade, que promete ser especialmente intensa esta tempada, amais de particularmente técnica e divulgativa. O programa, concibido por Coruña Dixital en colaboración coa ampla comunidade de colectivos tecnolóxicos da cidade, inclúe entre outras cousas unha nova edición do #LAIC, o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación, un máis que relevante espazo de traballo sobre Internet, narrativas populares, creatividade ou humor viral na Rede (estas foron algunhas das temáticas tratadas en profundidade nas anteriores edicións do laboratorio).
A curto prazo, estes 4 e 5 de outubro celébrase na Facultade de Informática a primeira edición de AtlánticaConf, un evento creado de maneira conxunta por varias comunidades técnicas e no que colabora Coruña Dixital.
A devandita actividade compleméntase co congreso TechLing, que, como se indica no seu nome, abriranos unha xanela ás principais novidades do momento en materia de tecnoloxías e ensino de linguas. As inscricións, lembra Coruña Dixital, están abertas ata o 4 de outubro.
Por outra banda, o 9 de novembro a Domus vai acoller a oitava edición da Feira das Tecnoloxías Libres OSHWDem, que organiza a asociación Bricolabs. Trátase dun encontro maker e argalleiro aberto a todos os públicos, cunha morea de proxectos tecnolóxicos e moitos robots en competición.
Amais, Coruña Dixital lembra que até o venres 4 de outubro os centros escolares poden inscribirse en A Coruña Educa, unha ampla oferta municipal de propostas orientadas a dotar ao alumnado de ferramentas e estratexias no eido dixital.
A maiores, a asociación TADEGA celebra un congreso adicado á educación e á atención á diversidade, con presenza tecnolóxica nos obradoiros que ofrece aos seus participantes. A inscrición está aberta e ten desconto ata o 30 de outubro.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía o prazo de presentación de candidaturas á XII edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre co obxectivo de facilitar a aqueles que teñan presentado o seu proxecto nos recentes tribunais do mes de setembro teñan algo máis de tempo para participar neste premio (inscrición, preparación da memoria, etc). Así as persoas interesadas terán ata o vindeiro venres día 4 de outubro para completar a súa inscrición.
Lembramos que os requisitos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de Hardware Libre.
As e os estudantes interesados en participar neste premio deben seguir todos os pasos requiridos nas bases do premio antes do día 4 de outubro:
Inscribir o proxecto na forxa de mancomún no tópico “Concursos > Premio ao mellor PFC con Software Libre > 2019”
Entregar unha memoria (máximo 10 páxinas) explicativa dos aspectos específicos do Software Libre e actividade pública do proxecto. A memoria deberá publicarse na sección Documentos do proxecto na Forxa
Darse de alta na lista de correo do premio onde se resolverán todas as dúbidas que poidan ter os participantes, así como se realizará a coordinación do acto de resolución do premio.
Cubrir o formulario de inscrición
Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, o xurado seleccionará os finalistas que deberán acudir ao acto de resolución do premio, que se celebrará o último venres de outubro, o día 25 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Os finalistas deberán realizar unha breve presentación do traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos do seu proxecto relacionados co Software Libre, dos logros acadados, das perspectivas de futuro … Os criterios de valoración que terá en conta o xurado á hora de tomar a súa decisión son os seguintes aspectos:
Nivel de actividade pública do traballo. Valorarase a publicación continúa do traballo, ben sexa utilizando as listas de correo dun proxecto existente, as da forxa de mancomun.gal ou calquera outro medio web, coma por exemplo blogs persoais; a colaboración con outros proxectos de software libre, a creación de comunidade, etc.
Uso adecuado dunha licenza libre: valorarase a correcta elección dunha licenza libre e posterior aplicación da mesma ao código do proxecto.
Calidade do proxecto: deseño e implementación.
Este premio ten por obxectivo non só recompensar a un proxecto tecnicamente bo, senón a un bo proxecto de software libre. Está dotado con 2.250€, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e nun segundo de 750€, grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), e do Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL), respectivamente. Ambas entidades son patrocinadoras do premio no marco do convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.
Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal mancomún. Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio, tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega como da Oficina de Software Libre do CIXUG.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2019 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), poñen en marcha a segunda edición do programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos', que ofrece catro encontros con mulleres referentes no ámbito tecnolóxico e científico e seis obradoiros durante o mes de outubro. É unha das iniciativas do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos.
O obxectivo do GIRL STEM consiste en orientar e empoderar ás rapazas con charlas inspiradoras destas directivas e investigadoras que lles falarán do seu traballo, para animar ás máis novas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Cómpre lembrar que o alumnado feminino nas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), apenas se sitúa en torno ao 25%, segundo os datos achegados polo Informe ‘El Desafío de las Vocaciones STEM’ publicado hai unha semana pola Asociación Española para a Digitalización DigitalES.
Do 4 ao 14 de outubro GIRL STEM ofrecerá diversos encontros entre rapazas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato e mulleres tecnólogas referentes nos seus sectores. Ademais dos encontros, levaranse a cabo seis obradoiros en centros de primaria, nos que se desenvolverán dinámicas orientadas a familiarizar ás nenas e nenos coa ciencia e normalizar o seu coñecemento e o seu uso dentro de xogos e actividades cotiás.
Na selección das mulleres referentes tívose en conta a súa actividade profesional no ámbito TIC, valorando aspectos como a notoriedade da súa traxectoria, así como a súa repercusión mediática, o seu liderado e participación en proxectos innovadores e habilidades para a motivación grupal.
Montserrat Guardia (4 de outubro na Coruña) | Experta en blockchain, unha das tecnoloxías que maior impacto social terá nos próximos anos, é neste momento a directora xeral de Alastria, o consorcio de Blockchain no que participan máis de 420 membros de primeira liña procedentes da industria, o sector público e o mundo académico de España. Anteriormente foi directora xeral de Banco Sabadell, a quinta entidade financeira más grande de España. Acumula máis de 20 anos traballando en novas tecnoloxías e participando na transformación dixital de grandes compañías, como Technip, SchlumbergerSema, e de grandes eventos, como os Xogos PanAmericanos 2007 e o Mundial de Fútbol de 2002.
Yaiza Rubio (9 de outubro en Ourense) | É analista de Intelixencia en Elevens Paths (a unidade de ciberseguridade de Telefónica). Ten pasado por importantes empresas no ámbito da intelixencia como S21 ou Isdefe. Ademais é membro do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade Autónoma de Madrid (UAM) e colaboradora do Centro de Análise e Prospectiva da Gardia Civil. É docente universitaria en cursos de posgrao sobre análise de intelixencia, seguridade e fontes abertas. Publicou xunto a Félix Brezo o libro ‘Bitcoin; a tecnoloxía blockchain e a súa investigación. Participou como poñente en prestixiosas convencións de hackers como DefCON e Black Hat.
Beatriz Martínez (11 de outubro en Lugo) | Cunha dilatada experiencia no sector das telecomunicacións, Beatriz intégrase no equipo de Solutions Architects de RED HAT para apoiar as actividades de Cloud e Infraestrutura. A súa traxectoria profesional multidisciplinar, ocupando diferentes posicións na industria, permitíronlle desenvolverse e comprender os diferentes retos e necesidades do cliente tanto no desenvolvemento técnico como de negocio.
Mar Capeáns (14 de outubro en Pontevedra) | É científica senior no CERN (Xenebra, Suiza), onde leva liderando distintos grupos de traballo desde 1992, e onde actualmente exerce como Coordinadora Técnica das melloras tecnolóxicas do experimento LHC, coñecido popularmente como acelerador e colisionador de partículas, un proxecto fundamental dentro do campo da investigación nuclear. Ten publicado máis de 450 artigos científicos no campo da Física de Altas Enerxías e a instrumentación, é editora da revista Journal of Instrumentation (JINST) e participou como asesora en Consellos Científicos e na avaliación de finaciamento competitivo de programas de Física de partículas a nivel internacional e para programas da Comisión Europea.
Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recolle a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.
A Xunta e a Unión de Consumidores de Galicia veñen de poñer en marcha a Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica, que se desenvolverá durante os meses de setembro, outubro e novembro.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, visitaron hoxe na Estrada un destes cursos, que contan cunha duración de oito horas, repartidas en catro sesións de dúas horas cada unha. En total, a iniciativa chegará a oito concellos. Ademais da Estrada, programáronse sesións en Ordes, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Carballiño, Boiro, Monterroso e Moaña.
A escola sobre comercio e banca electrónica é unha aposta pola formación en novas tecnoloxías entre as mulleres do rural galego co fin de diminuír a fenda dixital, e por fomentar o apoderamento financeiro e a autonomía económica nun contexto onde estas transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día.
Así, durante o obradoiro, as participantes adquirirán coñecementos e habilidades relacionadas coa banca e o comercio electrónico, coñecerán os seus dereitos como persoas consumidoras, así como as ferramentas necesarias para exercer estes dereitos.
Máis de 150 escolares de Ourense participarán a partir desta semana en tres xornadas organizadas pola Tecnópole co obxectivo de impulsar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. O programa de citas de divulgación da Tecnópole, que o ano pasado constou de dúas xornadas, amplía en 2019 a participación do Parque Tecnolóxico de Galicia na iniciativa Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) e na que teñen parte activa 17 parques de toda España.
A primeira xornada será este venres 4 de outubro, coa participación de estudantes do Colexio Maristas de Ourense. Os días 10 e 17 de outubro serán senllos grupos do Colexio Plurilingüe Divina Pastora e do IES Ramón Otero Pedrayo os que se trasladen ao Parque Tecnolóxico de Galicia para ter presenza activa na iniciativa, deseñada para aumentar o número de alumnas que se matriculan na especialidade de ciencias ou tecnoloxía na educación secundaria, contribuíndo así a romper a fenda de xénero nos estudos STEM (siglas en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). O programa de actividades deseñado por Tecnópole porá o foco en dotar de referentes e modelos de inspiración para as rapazas. Por unha parte, visitarán unha exposición que fai un percorrido por 19 mulleres científicas e tecnólogas de todos os tempos e, por outra, terán ocasión de compartir en primeira persoa a experiencia de varias galegas con perfís destacados nestas áreas. Ademais, participarán en dous obradoiros nos que se lles proporán retos que deberán resolver en grupo mediante solucións innovadoras. As ganadoras competirán con equipos de toda España por un premio final. Todas as participantes nas xornadas recibirán a guía Que quero ser de maior?, na que se explican as saídas profesionais dos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) organizan o vindeiro 3 de outubro a conferencia “A revolución da Intelixencia Artificial na medicina actual”, que forma parte do programa de transferencia de coñecemento sobre novas tendencias tecnolóxicas dentro do convenio de colaboración asinado ente ambas entidades.
O relatorio terá lugar na Sala Eisenman da Cidade da Cultura ás 11.30 da mañá e será impartida polo catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Pública de Navarra e profesor honorario da University of Nottingham (Reino Unido), Humberto Bustince. Responsable e fundador do grupo de investigación da UPNA sobre Intelixencia artificial e Razoamento Aproximado (GIARA), Bustince é autor de máis de 250 artigos científicos e foi recoñecido este ano co Premio Nacional de Informática.
No evento presentarase o efecto que a Ciencia dos Datos e o Big Data están a ter na medicina e analizarase o novo concepto de medicina personalizada, ou de precisión, á que están dando orixe. Ademais, Humberto Bustince detallará proxectos que xa foron realizados e algunhas liñas futuras, sen esquecer as súas implicacións éticas e técnicas.
A xornada está dirixida tanto a profesionais do sector tecnolóxico como ao resto de sectores e, por suposto, á cidadanía en xeral e ás administracións públicas. As persoas interesadas deberán confirmar a súa asistencia enviando un correo a comunicacion@aetg.gal
Esta conferencia nace como unha iniciativa da Oficina Concellos xestionada pola AETG no marco da súa colaboración coa Amtega.
A Oficina Concellos ofrece un servizo de asesoramento e soporte especializado sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación. Calquera concello que precise de axuda neste ámbito pode chamar ao teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h ou ben enviar a súa consulta ao enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.
Google e a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) volvéronse a xuntar por segundo ano na campaña "Vive un Internet seguro", que nesta ocasión céntrase nas persoas maiores e os mozos, co obxectivo de que poidan gozar da tecnoloxía dunha forma segura e sen risco.
Con este fin, ambas as entidades elaboraron unha guía para persoas maiores na que recollen consellos para que a idade non se converta nun obstáculo que impida que poidan gozar da internet e das vantaxes que ofrece a tecnoloxía.
Sen dúbida as persoas maiores son un dos colectivos máis vulnerables no uso da internet, unha situación que tamén afecta a outras persoas como os nenos e os mozos, ou as persoas con discapacidade.
Para os nenos e novos, Google e a OCU elaboraron tamén unha guía dirixida aos pais e aos educadores para axudalos a ensinar aos máis pequenos como utilizar a tecnoloxía dunha forma segura.
O obxectivo desta guía é dar ferramentas a pais e educadores para que poidan explicar aos nenos e mozos como recoñecer e abordar os retos que presenta o uso da internet e da tecnoloxía dunha forma orixinal e dinámica.
Estas dúas guías enmárcanse na campaña "Vive un Internet seguro" coa que as dúas entidades tratan de dar aos internautas as ferramentas necesarias para asegurar a súa protección en materia de privacidade e seguridade na rede.
Nesta campaña colaboran tamén a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) e o Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE).
O próximo luns 21 de outubro de 2019 comeza Talentia Summit ’19 cunha duración de tres días consecutivos. Un gran evento promovido dende a corporación municipal de Santiago que pretende ser un referente a nivel nacional respecto á xestión e o desenvolvemento do talento e o emprego.
Talentia Summit ’19 é un gran encontro de profesionais enfocado no talento e o emprego, cuns obxectivos específicos: