main content

main content
10/10/201909:10
Momento da presentación.
Ourense

Yaiza Rubio animou ás mozas ourensás a facerse fortes no universo TIC

Yaiza Rubio, analista de seguridade en ElevenPaths, a unidade de protección tecnolóxica de Telefónica, participou onte nun encontro con estudantes do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, no que fixeron acto de presenza unhas 250 rapazas e rapaces, ao abeiro do programa Girl STEM: derrubando estereotipos, que impulsan AGASOL e AMTEGA. Rubio achegou datos que explican os porqués da presenza máis reducida de mulleres nos estudos e profesións científicas e tecnolóxicas.

A relatora recoñeceu que existe “un teito claro que se fai moi evidente nas direccións das empresas onde un 90% das persoas con postos de responsabilidade son homes”, pero animou ás rapazas a perseverar, non deixarse vencer por pequenos fracasos e traballar duro e sen complexos: “Ás veces, os impedimentos poñémolos nós mesmas sen darnos conta, temos que confiar nas nosas capacidades e pensar que este é un sector moi práctico, dá igual que sexas muller ou home, tes que pensar no valor diferencial que podes achegar a un traballo”.

A analista engadiu que “precisamos fomentar as carreiras tecnolóxicas nas mulleres, fan falta escolas que aposten por ensinar tecnoloxía; son habilidades que hai que ir incorporando dende moi cedo porque as profesións do futuro non se van parecer nada ás que coñecemos hoxe”, dixo, engadindo que agora, máis ca nunca, precísanse moitos perfís tecnolóxicos no ámbito da seguridade porque “a ameaza cibernética é mundial”.

Yaiza realizou co alumnado un xogo de simulación dun delito de suplantación de identidade a través dun dispositivo móbil. A experiencia serviu, por unha banda, para advertir a mozas e mozos dos perigos de instalar aplicacións que non sexan de confianza, aceptando condicións e permisos que poden ser usados para atentar contra a nosa privacidade e identidade. Por outra banda, a analista valeuse deste exemplo para facerlles ver o útil que pode ser a tecnoloxía como profesión para resolver situacións que supoñen un problema moi frecuente no noso día a día. Neste sentido, ofreceu un dato reflectido no informe que ven de publicar hai menos dun mes a Asociación Española para a Dixitalización, onde se asegura que hai máis de 10.000 empregos vacantes en España arredor das carreiras STEM que non poden cubrirse porque non existen perfís profesionais para realizar estes traballos.

09/10/201914:10
Impresora 3D.
Santiago de Compostela

A Cidade da Cultura albergará no 2020 o centro Gaiástech, un espazo de demostración e experimentación en tecnoloxías disruptivas

  • Ofrecerá ao ecosistema dixital galego unha ampla carteira de servizos para facilitar o seu posicionamento nas tendencias tecnolóxicas da vindeira década
  • Desenvolverá un servizo de vixilancia tecnolóxica para identificar novas oportunidades nos mercados e ofrecerá soporte e asesoramento especializado para que os diferentes sectores integren as novas tecnoloxías dixitais
  • Porá á disposición do sector espazos para a demostración e a experimentación de solucións tecnolóxicas con equipos de realidade aumentada e virtual
  • Contará cunha plataforma tecnolóxica que posibilitará o traballo colaborativo dos axentes dixitais dende calquera lugar, o acceso aos recursos dixitais en rede e a retransmisión e participación en streaming das súas actividades

 

O Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura acollerá no segundo semestre do 2020 o Centro GaiásTech, un espazo de demostración e experimentación en tecnoloxías disruptivas, que ofrecerá ao ecosistema dixital galego unha ampla carteira de servizos para facilitar o seu posicionamento nas tendencias tecnolóxicas da vindeira década.

O GaiásTech exercerá, ademais, o papel de coordinador da Rede de Nodos de especialización tecnolóxica de Galicia, a través dos que se desenvolverán modelos de colaboración público-privados para impulsar as tecnoloxías dixitais de máis impacto: 5G, Intelixencia Artificial, Big Data ou Ciberseguridade.

O centro, cuxa licitación se publica hoxe, é froito dun convenio entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega) e a Consellería de Cultura e Turismo, que suman un investimento de preto de 2 millóns de euros para a remodelación de ao redor de 1.500 metros cadrados do Centro de Emprendemento, a dotación de equipamento e a súa xestión.


Servizos

Desde o GaiásTech elaborarase e divulgarase o mapa de capacidades dixitais de Galicia e desenvolverase un servizo de vixilancia tecnolóxica, que permitirá identificar as tendencias dixitais nos mercados, así como as posibles oportunidades de posicionamento para o sector TIC.

Tamén ofrecerá soporte e asesoramento especializado aos diferentes sectores para que integren as novas tecnoloxías dixitais. Para facilitar o aliñamento da demanda e a oferta TIC o GaiásTech porá a disposición do sector espazos para a demostración e a experimentación de solucións tecnolóxicas.

Será, ademais, un escaparate do talento dixital galego, servindo como canle de divulgación de proxectos innovadores e de boas prácticas de dixitalización. Acollerá talleres, formación e foros de debate e reflexión multidisciplinares sobre o impacto da revolución dixital na sociedade e a economía.

O GaiásTech configúrase, tamén, como un centro de experimentación e creatividade dixital para facilitar o achegamento do coñecemento tecnolóxico a idades temperas, en liña coas actuacións do Plan DigiTalent da Xunta para promover as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos.

Equipamento avanzado

O futuro centro GaiasTech contará co seu xemelgo dixital na rede, unha plataforma tecnolóxica que integrará a axenda tecnolóxica de Galicia; facilitará o traballo colaborativo dos axentes dixitais dende calquera lugar; permitirá o acceso aos recursos dixitais en rede; así como a retransmisión e participación en streaming en calquera actividade ou foro.

Os espazos de demostración e experimentación dixital disporán de equipamento avanzado, que permitirá a aplicación de técnicas de realidade aumentada e virtual para conseguir experiencias inmersivas.

Por outra banda, a segunda fase do Centro de Proceso de Datos Integral dotará de capacidade de almacenamento e procesamento ao GaiásTech para dar resposta ás necesidades de instalación de plataformas e solucións tecnolóxicas avanzadas.

09/10/201914:10
Persoas diante de ordenadores asistindo a un curso informático.
A Coruña

As bibliotecas da Coruña ofrecen cursos e servizos para achegarnos á tecnoloxía

As Bibliotecas Municipais da Coruña van poñer o foco este outono na formación tecnolóxica, mostrando como tirar o mellor partido posible das novas ferramentas dixitais. Estamos a falar de varios servizos de balde e actividades formativas entre os que se atopa o servizo de Atención Tecnolóxica Personalizada, activo xa en varias bibliotecas da cidade. Consiste, en liñas xerais, na presenza no horario e día indicados dunha persoa experta que axuda a resolver dúbidas puntuais: desde a configuración dun teléfono ata cuestións relacionadas co manexo de redes ou a seguridade dixital. Segundo informan dende Coruña Dixital, non é preciso pedir cita previa e, no caso de ser necesaria para resolver os problemas tecnolóxicos das usuarias e usuarios, é posible solicitar unha segunda cita.

Ademais desta atención personalizada, todas as bibliotecas da cidade ofrecen un servizo de Wi-Fi de balde a través dos equipos informáticos dos usuarios ou nos ordenadores do centro, que poden empregarse unha hora ao día. Estes equipos poden reservarse de maneira telemática, seguindo as instrucións que se detallan na web das bibliotecas. A maiores do devandito, a rede municipal de bibliotecas ofrece varios cursos en diferentes centros da cidade: 

  • Configuración do teléfono móbil. Aprendizaxe a un nivel básico nos centros Rosales, Ágora e Fórum Metropolitano.
  • Iniciación á informática, Internet e correo electrónico. Aprendizaxe a un nivel básico para o manexo destas ferramentas dixitais. 
  • Nivel intermedio de informática, Internet e correo electrónico.
09/10/201912:10
Cartel da iniciativa.
A Coruña

A Deputación da Coruña súmase ás celebracións da Semana Europea da Ciberseguridade

Rematou o verán e o traballo incansábel para acadarmos unha información e unhas comunicacións máis e mellor protexidas, ao tempo que accesibles, entra nun relevante pico de actividade. Neste pico insírese unha das novas iniciativas de Europe Direct A Coruña, centro oficial de información da Comisión Europea pertencente á Deputación da Coruña, que organiza durante os meses de outubro e novembro a acción Eu♥Ciberseguridade, no marco da Semana Europea da Programación #CodeWeek, unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea dentro do Plan de Acción de Educación Dixital e da estratexia para construír un mercado único dixital.

Ao abeira da adhesión de Europe Direct á campaña #CodeWeek, a entidade organizará unha serie de obradoiros e charlas de sensibilización sobre o uso seguro e responsable das TIC. Os obradoiros están dirixidos a un público novo, con idades comprendidas entre os 9 e os 14 anos, e terán dúas edicións. A primeira edición celebrarase os venres 18 e 25 de outubro en horario de 17:30 a 19:30 h. A segunda edición realizarase os venres 8 e 15 de novembro, no mesmo horario. A través desta actividade os mozos “aprenderán a identificar contidos falsos, coñecerán os ciberataques e estafas online máis empregadas na actualidade e saberán xestionar correctamente a privacidade e a súa reputación dixital”.

Pola súa banda, as charlas para adultos, diríxense a pais, nais ou outros familiares do alumnado participante, educadores e técnicos de información xuvenil, co obxectivo de que poidan acompañar aos menores no seu contacto diario coas tecnoloxías TIC. Así, informan a Deputación, “coñecerán ferramentas para o seguimento da actividade dos menores, métodos de defensa fronte a virus e fraudes, ou como reaccionar tras un ataque á seguridade”. A primeira celebrarase o 25 de outubro de 2019, en horario de 17:30 a 19:30 h, e a segunda xeira será o 15 de novembro de 2019. As actividades impartiranse na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña (Rúa Rego de Auga 37, A Coruña).

09/10/201910:10
Yaiza Rubio.
Ourense

Yaiza Rubio, analista de seguridade de Telefónica, estará hoxe no IES Blanco Amor de Ourense

Yaiza Rubio, analista de seguridade en ElevenPaths, a unidade de ciberseguridade de Telefónica, será a convidada hoxe do programa Girl STEM, a través dunha xornada de divulgación e debate co alumnado do Instituto Blanco Amor de Ourense (hoxe entre as 11.30 e as 13.00 horas).

Como lembraremos, o dito programa é unha iniciativa para derrubar estereotipos e falsas crenzas sobre a participación e a potencialidade das mulleres nas carreiras científicas e tecnolóxicas. Do que se trata é de lembrarlles que existe unha ampla comunidade feminina de profesionais STEM e de que moitos dos grandes achados de investigación do noso tempo veñen da man de mulleres. O programa vén da man da Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Yaiza Rubio impartirá a sesión que terá lugar hoy mércores, 9 de outubro, no IES Blanco Amor da Ourense. Participará alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato. Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Yaiza Rubio intentará desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando datos e exemplos inspiradores. Logo abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces dos institutos convocados. Con esta iniciativa, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa tan só o 25%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola AMTEGA.

Quen é Yaiza Rubio

Yaiza Rubio é analista de seguridade en ElevenPaths, a unidade de ciberseguridade de Telefónica. En 2017 converteuse na primeira muller hacker española en participar nas conferencias internacionais DefCON e BlackHat. Na actualidade, é a technical lead de Tokenización de Red, unidade de Telefónica destinada ao deseño de solucións centradas na transparencia sobre o uso dos datos persoais.

08/10/201915:10
Presentación da 19ª edición de Xuventude Galicia Net (XGN) R Encounter.
Santiago de Compostela

Preto dun millar de afeccionados e profesionais da informática daranse cita na decimonovena edición de Xuventude Galicia Net R Encounter

  • Celebrarase do 11 ao 13 de outubro no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca
  • A directora xeral de Xuventude destaca que este é un evento de referencia para a mocidade de toda España no que se conxuga a innovación, a formación e o ocio
  • O responsable da Fundación Semana Verde de Galicia destacou que estamos ante a terceira party máis importante de España, cun crecemento de máis dun 12% respecto o ano pasado

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, deron a coñecer esta mañá os contidos da 19ª edición de Xuventude Galicia Net (XGN) R Encounter, que reunirá a preto dun millar de afeccionados e profesionais da informática do 11 a 13 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca. Á presentación desta party informática tamén asistiron o director de Empresas de R e do grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle, e o xerente da Fundación Euskaltel, Sabino San Vicente.

A directora de Xuventude, Cristina Pichel salientou que XGN R Encounter se ten consolidado coma unha cita de referencia para a mocidade de dentro e de fóra de comunidade, pois cada ano aumenta o número de participantes, o programa de actividades e a velocidade de conexión, que nesta edición se duplica ata chegar a 20 xigas. Tamén apuntou que o obxectivo é ofrecer un espazo de ocio ao redor da tecnoloxía, os videoxogos e a creación dixital, así como favorecer que a mocidade galega coñeza as opcións de empregabilidade deste sector. Neste sentido, desde este venres e ata o domingo, Galicia será o epicentro das novas tecnoloxías e a informática grazas a este encontro no que se conxunta a innovación, a formación e o ocio.

Pola súa banda, o responsable da Fundación Semana Verde de Galicia destacou que a XGN R Encounter é a terceira party más importante de España e que este ano consegue medrar máis dun 12% respecto o ano pasado, ratificándose como punto de encontro de todos os amantes das novas tecnoloxías e do ocio electrónico.

Espazos para inscritos e visitantes

A XGN R Encounter deste ano vólvese articular nas súas tres zonas habituais: a Intranet, orientada para os inscritos, que poderán acampar no interior do pavillón e participar en actividades exclusivas. A zona Extranet, cun amplo abano de propostas tanto para inscritos como para visitantes que acudan ao recinto; e o espazo expositivo para as empresas relacionadas co material informático, as novas tecnoloxías e o ocio electrónico.

Nas actividades da zona Intranet destacan os concursos de arte dixital nas súas tres vertentes: creación de imaxes, música e programación. Non falta tampouco o hardware, con modificación e personalización de equipos ou as granxas de impresoras 3D. Así mesmo, desenvolveranse competicións para PC e videoconsola.

Entre os contidos da zona aberta para todos aqueles que se acheguen ao recinto cómpre apuntar o programa de conferencias, que abordarán temas como os negocios en internet, a seguridade e a privacidade na rede, os hackers ou as últimas novidades no desenvolvemento de software. Tamén terá lugar unha xornada de empresas organizada por R e obradoiros de robótica e de chovafoam, material para o vestiario de cosplay (actividade consistente en empregar disfraces e accesorios para representar unha idea ou un personaxe dun videoxogo, cine, manga ou comic).

A programación deste ano tamén inclúe outras alterativas de ocio, como xogos de mesa, xadrez, billar, pistas deportivas, zona de consolas, espazos de realidade virtual, campionato de karting, partidos de fútbol burbulla, un rocódromo, unha zona de rol e outra de nerf ou unha exposición de figuras de ciencia ficción.

08/10/201914:10
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Todo o que quixemos saber sobre a protección dixital, ao detalle en Cybersec@Gal

Este mes de outubro celébrase na Coruña, Santiago e Vigo o encontro Cybersec@Gal, o primeiro foro galego sobre seguridade na empresa dixital, impulsado pola Cátedra R en Ciberseguridade (desenvolvida en colaboración coas universidades da Coruña e de Vigo) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG. O foro contará con importantes apoios da nosa terra e do ámbito estatal, como por exemplo a colaboración da axencia autonómica AMTEGA, de AtlantTIC, do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) ou, tamén, do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC). Ás devanditas entidades únense o Centro Tecnolóxico Gradiant, Estrella Galicia, Emetel ou Abanca.

O congreso desenvolverase na sede da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (días 14 e 15 de outubro), na Biblioteca da Cidade da Cultura (o día 16) e no Auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e o Archivo de Galicia (o 17 de outubro). O evento consiste en catro xornadas de obradoiros, ciber-desafíos e charlas, nas que se falará de solucións, normativas, desafíos e ameazas para a seguridade na contorna dixital. Está dirixido, por unha banda, a estudantes e recentemente licenciados e, pola outra, ao ecosistema empresarial, da man de expertos estatais e internacionais que exporán diversos aspectos no terreo da seguridade TIC. Durante a xornada de clausura entregaranse un total de seis premios valorados en 2.600 euros en total: un premio á Tese de Doutoramento en Ciberseguridade (700 euros), dous premios á Tese fin de Mestrado en Ciberseguridade na UDC e a UVigo(400 euros cada un), dous premios á Tese de Fin de Grao en Ciberseguridade na UDC e a UVigo (300 euros cada un) e un premio reto Gradiant - Hijos de Rivera (500 euros).

17/10/2019De 09:00 a 19:00h
1 mes 1 profesión dixital
Facultade de Informática da Coruña

Machine Learning Workshop Galicia (WGML2019).

Nos últimos anos, o interese da industria e da comunidade investigadora polas tecnoloxías asociadas ao Aprendizaxe Máquina ou Machine Learning incrementouse notablemente. Coa irrupción das tecnoloxías Big Data, a mellora nos algoritmos de aprendizaxe e a aparición do Deep Learning, esta rama da Intelixencia Artificial converteuse nun referente en case calquera campo de coñecemento.

A pesar de todos os seus beneficios para a sociedade e a industria, o seu potencial máximo está aínda por explotar, polo que temos por diante un futuro cheo de novos retos e oportunidades.

Logo do éxito colleitado en Santiago de Compostela (WGML2016 e WGML2017) e Vigo (WGML2018), con múltiples relatorios e máis de 100 participantes entre investigadores e empresas en cada unha delas, o Centro de Investigación en Tecnologías da Información e as Comunicacions(CITIC) e a Facultade de Informática de A Coruña (FIC) asumen a organización da IV Edición do Machine Learning Workshop Galicia, que terá lugar o 17 de outubro de 2019 na Coruña.

08/10/201914:10
Cartel do evento.
A Coruña

O CITIC organiza xunto coa FIC o cuarto Machine Learning Workshop Galicia

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña organiza xunto coa Facultade de Informática da UDC a IV Edición do Machine Learning Workshop Galicia (WGML2019). Tralo éxito obtido nas anteriores edicións en Santiago de Compostela (WGML2016 e WGML2017) e Vigo (WGML2018), o 17 de outubro celébrase a cuarta edición na Facultade de Informática da UDC. Este congreso acollerá múltiples conferencias con máis dun centenar de participantes.

A base do congreso, a súa razón de ser, está no máis que notable incremento, a longo dos últimos anos, do interese da industria e da comunidade investigadora polas tecnoloxías asociadas ao Aprendizaxe Máquina ou Machine Learning. Segundo lembran o CITIC e máis a FIC, coa irrupción das tecnoloxías Big Data (análise de datos a gran escala) a mellora dos algoritmos de aprendizaxe e a aparición do Deep Learning (aprendizaxe profunda), esta rama da Intelixencia Artificial estase a converter nun referente en practicamente calquera eido de coñecemento.

O comité científico do WGML2019 está integrado, entre outros, polos investigadores do CITIC Ricardo Cao Abad e Bertha Guijarro e polo CEO de Cinfo (empresa ubicada no CITIC), Antonio Rodríguez del Corral. Colaboran na organización o CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela, o CESGA, e atlanTTic da Universidade de Vigo. 

Programa

  • 09:00 - 09:30 Rexistro 
  • 09:30 - 09:45 Acto de apertura 
  • 09:45 - 10:15 Relatorio convidado I 
  • 10:15 - 11:30 Sesión de comunicacións II 
  • 11:30 - 12:00 Pausa para café 
  • 12:00 - 13:30 Sesión de comunicacións II e retos 
  • 13:30 - 14:00 Sesión de pósteres I 
  • 14:00 - 15:15 Pausa para comida 
  • 15:15 - 17:00 Sesión de comunicacións III 
  • 17:00 - 17:30 Sesión de pósteres II 
  • 17:30 - 18:15 Pausa para café 
  • 18:15 - 18:45 Relatorio convidado II 
  • 18:45 - 19:00 Acto de clausura
08/10/201909:10
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Os principais recursos para a transformación tecnolóxica, polo miúdo en Talentia Summit

Outubro de 2019 vai pasar á historia como o mes no que, con toda probabilidade, máis e mellor se falou na nosa terra de emprendemento e as súas múltiples ramificacións. Un exemplo destacado disto é Talentia Summit 19, encontro impulsado polo Concello de Compostela e a Axencia Local de Colocación e programado para os días 21, 22 e 23 de outubro. Como dixemos en anteriores ocasións, o evento artellarase en dúas vertentes: a do 21 (co foro de relatorios estratéxicos e a xornada de apertura institucional no Auditorio de Galicia) e a vertente dos días 22 e 23 (coa Feira do Talento no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago). Os puntos en común de todo isto serán as capacidades que todas e todos atesouramos (para mellorar empresas e impulsar e renovar o sistema produtivo galego) e as oportunidades que nos brindan as novas ferramentas dixitais para dar o mellor de nós.

Este labor de optimización pode materializarse de moitas maneiras, pero está claro que a transformación dixital á que están abocadas as nosas empresas é un bo caldo de cultivo para exercitar o talento de cada quen. Cousas como automatizar procesos, minimizar custes, xerar fluidez e dinamismo nas tarefas e funcións da empresa, optimizar e mellorar a comunicación e romper barreiras a nivel internacional.  En Talentia Summit porase o foco na necesidade de xuntar dous mundos: o das e dos profesionais que veñen empurrando coas súas ideas innovadoras, por unha banda, e as empresas que destacan con diversos casos de éxito en materia de transformación tecnolóxica, pola outra. “En Talentia queremos presentar un lugar especializado no impulso dixital con proxectos referentes en Galicia a nivel europeo”. Por este motivo, empresas e profesionais presentes no encontro abordarán os seguintes temas:

  • Big Data. Afondando no potencial da información a gran escala xerada polos distintos servizos web para incrementar a produtividade, a competitividade e a marxe de manobra das empresas.
  • Realidade Virtual. Entendéndoa como unha contorna de escenas de aparencia real. Xerada mediante tecnoloxía informática, o usuario figúrase que está inmerso nesta realidade.
  • Realidade aumentada. Conxunto de tecnoloxías que permiten que un usuario visualice parte do mundo real a través dun dispositivo tecnolóxico con información gráfica engadida.
  • Impresión dixital 3D. Salientando a posibilidade de realizar unha impresión con pezas ou maquetas volumétricas, a partir dun deseño feito por ordenador.
  • IoT (Internet of Things). Todo está conectado, e o eido IoT céntrase na interconexión entre obxectos cotiás e Internet. Está relacionado co fogar intelixente.
  • Computación na Nube (Cloud Computing). O almacenamento de arquivos e documentos en Internet a través dun sistema que organiza todo o subido á Rede.
  • Intelixencia artificial. Segundo explica a organización do Talentia, unha máquina intelixente ideal é un axente flexible que percibe o seu entorno e leva a cabo accións que maximicen as súas posibilidades de éxito nalgún obxectivo ou tarefa.
  • Robótica. Os robots chegaron. En Talentia porase o foco nos sistemas intelixentes que realizan tarefas programadas para mellorar e optimizar o rendemento empresarial. “A industria xa é 4.0”, lembra a organización.
  • Blockchain. Estrutura de datos nas que a información contida agrúpase en conxuntos (bloques) aos que se lles engaden metainformacións relativas a outro bloque da cadea anterior nunha liña temporal, de xeito que grazas a técnicas criptográficas, a información contida nun bloque só pode ser repudiada ou editada modificando todos os bloques posteriores.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS