main content

main content
14/10/201909:10
Presentación da iniciativa.
Lugo

A Deputación de Lugo introduce novidades tecnolóxicas no seu servizo de teleasistencia no fogar

xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou hoxe abrir o procedemento para contratar o servizo de teleasistencia domiciliaria que ofrece de balde a entidade provincial á veciñanza de 67 concellos. O novo contrato suporá un investimento de 750.000 euros e terá unha duración de dous anos. Implica o incremento do número de prazas ofertadas nun 13%, até chegar ás 1.795. Tamén implica a posta en xogo das máis avanzadas tecnoloxías de seguimento, control e comunicación. Estes e outros datos foron achegados pola voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto.

Segundo fixo saber, o novo prego contempla cousas diversas como o fornecemento gratuíto de unidades de control remoto adicionais; de 48 dispositivos periféricos vinculados ao terminal de teleasistencia (detectores de caídas, de gas, de fumes, de movemento e de presencia), incluíndo a súa instalación, mantemento e prestacións vinculadas aos mesmos; e de 48 terminais de teleasistencia móbil que conten cun sistema de xeolocalización e monitoraxe, que permitan a emisión de alarmas e a localización da persoa usuaria. Tamén están incluídos aparellos que faciliten o uso do servizo a persoas con dificultades de comunicación verbal ou auditiva (dispositivos móbiles con software específico que posibiliten á persoa usuaria activar unha alerta no centro de atención de forma sinxela).

Todas estas melloras non estaban contempladas no contrato do 2013. A voceira provincial socialista subliñou que o servizo de teleasistencia é unha prestación que garante a atención as 24 horas do día e os 365 días do ano a todos os maiores da provincia con dificultades na súa autonomía, favorecendo “a permanencia e a integración no entorno familiar e social das persoas usuarias deste servizo, sobre todo dos que viven no rural”. Grazas a esta iniciativa, dixo “os usuarios e os seus familiares viven con máis tranquilidade, pois saben que contan cun sistema de chamada en situacións de emerxencia”, indicou.

14/10/201908:10
Libro aberto enriba dun portátil nunha biblioteca.
Santiago de Compostela

A Xunta e as tres universidades galegas ofrecen 50 bolsas para facilitar a incorporación de perfís non tecnoloxicos ao sector TIC

  • Están destinadas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura
  • Este mes de outubro iniciarase a comunicación co sector tecnolóxico para que as empresas interesadas poidan adherirse ao proxecto
  • No mes de xaneiro, tras a selección das empresas, abrirase a convocatoria aos estudantes interesados en acceder a estas bolsas
  • É unha das iniciativas Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais


Na era da robótica, a intelixencia artificial e a economía do dato, as organizacións non só demandan perfís tecnolóxicos para poñer en marcha novos avances, tamén necesitan especialistas en humanidades, ciencias da saúde e ciencias sociais e xurídicas, dende filósofos ata avogados que acheguen unha visión ética do negocio.

Neste contexto, a Xunta pon en marcha as Bolsas DigiTalent con 50 prazas para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre o sectores TIC e non TIC. Esta actuación articúlase a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).

Adhesión das entidades colaboradoras

Este mes de outubro iniciarase a comunicación co sector tecnolóxico para que as empresas interesadas poidan adherirse ao proxecto. Na fase de selección de empresas, as entidades poderán expresar as súas preferencias en canto ás áreas de coñecemento ou titulacións dos bolseiros respondendo así ás súas necesidades.

A través desta actuación contribuirase a que as empresas tecnolóxicas poidan acceder a unha canteira de talento que contribúa a cubrir vacantes de postos caracterizados pola confluencia das TIC co resto de ámbitos de coñecemento.

Convocatoria a estudantes

Unha vez seleccionadas as empresas, a previsión é que no mes de xaneiro se abra a convocatoria para que aqueles alumnos e alumnas que cumpran cos requisitos de acceso poidan presentar as súas candidaturas para participar no programa.

Serán un total de 50 bolsas destinadas a estudantes de últimos cursos das áreas de coñecemento seguintes: Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura. Os interesados en acceder a estas axudas deberán estar matriculados en calquera das tres universidades galegas e ter superado o 75% dos créditos.

Os bolseiros DigiTalent recibirán formación teórico-práctica por un período de tres meses en empresas do sector tecnolóxico que estean a desenvolver proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como BigData, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións Cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, economía colaborativa ou wearables. Estas prácticas non laborais terán una duración de 20 horas semanais e serán remuneradas.

Plan DigiTalent

Estas bolsas enmárcanse no Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, impulsado pola Amtega para potenciar as vocacións STEM desde idades temperás, promover a adaptación de estudantes, titulados e profesionais á demanda de novos perfís dixitais e maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional na economía dixital. 

No marco dos seus tres eixos, neste curso 2019/2020 desenvolveranse un total de 37 actuacións, 18 delas orientadas á impulsar as vocacións científico-técnicas entre o mais novos; outras 13 orientadas a impulsar novos perfís dixitais; e as 6 restantes están orientadas a formar a perfís directivos para liderar a transformación dixital da súa empresa.

Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, ofrece información actualizada (datas, localizacións e instrucións para a participación) sobre as actuacións.

12/10/201914:10
Rapaza sostendo unha representación dunha molécula.
Santiago de Compostela

Un total de 450 alumnos de 21 centros educativos públicos participarán na Semana STEM a partir deste domingo

  • O obxectivo é reforzar os coñecementos científico-tecnolóxicos no eido educativo, necesarios para darlles resposta aos desafíos profesionais do futuro

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar a resolución dos 21 centros seleccionados para participar este outono na Semana STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), da que tomarán parte un total de 450 alumnas e alumnos (un máximo de 25 por centro) a partir de mañá, cando arrinca a primeira quenda de estadías.

Este campamento de innovación educativa impulsado pola Xunta de Galicia está dirixido a rapaces de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros públicos galegos, co obxectivo de ampliar os seus coñecementos científico-tecnolóxicos a través de estadías dunha semana de duración en réxime de internado durante os meses de outubro, novembro e decembro deste ano. A actividade é totalmente gratuíta para as familias e desenvólvese nos Peares.

A relación de centros seleccionados é a reflectida no seguinte cadro:

Provincia
Concello
Centro
Curso
Quenda
A Coruña
Arteixo
IES Manuel Murguía
1º ESO
1-7/12
A Coruña
Cambre
CEIP Portofaro
5º EP
13-19/10
A Coruña
Carral
CEIP Vicente Otero Valcárcel
6º EP
10-16/11
A Coruña
Cee
IES Agra de Raíces
2º ESO
8-14/12
A Coruña
Cerceda
CPI Plurilingüe O Cruce
1º ESO
17-23/11
A Coruña
Culleredo
CEIP Plurilingüe de Tarrío
6º EP
27/10 a 2/11
A Coruña
Culleredo
CEIP Plurilingüe Ría do Burgo
6º EP
3-9/11
A Coruña
Ferrol
CEIP Cruceiro de Canido
6º EP
10-16/11
A Coruña
Ferrol
IES Sofía Casanova
1º ESO
1-7/12
A Coruña
Santiago de Compostela
CEIP Pío XII
5º EP
13-19/10
A Coruña
Santiago de Compostela
CEIP Raíña Fabiola
6º EP
3-9/11
A Coruña
Fene
CEIP Plurilingüe Os Casais
5º EP
20-26/10
Lugo
Láncara
CPI Ramón Piñeiro
1º ESO
24-30/11
Lugo
Lugo
IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes
2º ESO
8-14/12
Lugo
Monforte de Lemos
IES A Pinguela
1º ESO
17-23/11
Lugo
Viveiro
CEIP Plurilingüe de Covas
5º EP
20-26/10
Ourense
Ourense
IES 12 de Outubro
1º ESO
24-30/11
Pontevedra
Lalín
IES Laxeiro
1º ESO
24-30/11
Pontevedra
O Porriño
CEIP Plurilingüe Antonio Palacios
6ºEP
27/10-2/11
Pontevedra
Salvaterra de Miño
CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón
6ºEP
10-16/11
Pontevedra
Tomiño
CEP Pedro Caselles Beltrán
5ºEP
20-26/10

Edudixital 2020

A Semana STEM forma parte do conxunto de accións da Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020) postas en marcha pola Consellería de Educación coa finalidade de fomentar o espírito científico e tecnolóxico entre o alumnado galego.

O seu obxectivo é reforzar os coñecementos científico-tecnolóxicos no eido educativo, necesarios para dar resposta aos desafíos profesionais do futuro. Deste xeito, as estadías proporcionan un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumente o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.

As actividades non só serán académicas, senón tamén de carácter lúdico-recreativo e servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo do alumnado nas aulas. Os contidos dos cursos inclúen un programa de actividades académicas, de obradoiros, de tempo libre e deportivas. En calquera caso, a finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado, o traballo en equipo, o aprender facendo mediante un enfoque “maker”, a creatividade e a motivación para mellorar as súas competencias STEM.

11/10/201914:10
Inauguración da 19 edición da Xuventude Galicia Net R Encounter.
Silleda

A Xuventude Galicia Net R reúne no Recinto Feiral Semana Verde a case un milleiro de afeccionados e profesionais da informática

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, inauguraron esta mañá a maior “party” informática de Galicia
  • A 19 edición do encontro sobre novas tecnoloxías e ocio electrónico contará cun 12% máis de inscritos que o ano pasado
  • O Recinto Feiral Semana Verde será estes días o lugar mellor conectado de toda Galicia
  • Alfonso Rueda defende que a Xunta cumpre o compromiso de diversificar a actividade da Semana Verde coa combinación entre as actividades tradicionais e novos eventos

 

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, inauguraron hoxe a 19 edición da Xuventude Galicia Net R Encounter que reunirá ata o domingo no Recinto Feiral Semana Verde a case un milleiro de afeccionados e profesionais da informática.

O número de inscritos medrou este ano máis dun 12% respecto á edición anterior e ratifica o evento informático como punto de encontro de referencia para a xuventude nun espazo adicado ás novas tecnoloxías e ao ocio electrónico. Tamén se duplicará a zona de realidade virtual e a velocidade de conexión convertendo estes días ao recinto feiral no lugar mellor conectado de Galicia.

Alfonso Rueda destacou que é o quinto ano consecutivo no que a maior party informática de Galicia se celebra no recinto feiral da Semana Verde, o que demostra a consolidación desta nova ubicación. Este encontro, no que se abordará a tecnoloxía desde todas as súas perspectivas, é un exemplo do compromiso da Xunta na diversificación da actividade da Fundación Semana Verde de Galicia.

Desta forma, o Goberno galego busca incluír cada ano novos eventos no calendario de feiras da Semana Verde que permitan abrir novas oportunidades e garantir a viabilidade do recinto e, ao mesmo tempo, manter as actividades tradicionais como o mercado gandeiro ou a feira multisectorial de mostras e ocio.

Á inauguración da Xuventude Galicia Net R Encounter tamén acudiron o director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; ademais do conselleiro delegado do Grupo Euskaltel, José Miguel García; o xerente da Fundación Euskaltel, Sabino San Vicente; e o director de Empresas R e Grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle.

O evento informático este ano vólvese articular nas súas tres zonas habituais: a Intranet, dirixida en exclusiva para os inscritos; a zona Extranet, aberta tanto aos inscritos como aos visitantes; e o espazo expositivo para as empresas relacionadas co material informático, as novas tecnoloxías e o ocio electrónico.

Nas actividades da zona Intranet celebraranse os concursos de arte dixital nas súas tres vertentes: creación de imaxes dixitais, música dixital e programación. Non falta tampouco o hardware, con modificación e personalización de equipos ou as granxas de impresoras 3D. Ademais, levaranse a cabo competicións para ordenador e videoconsola.

Entre os contidos da zona aberta destaca o programa de conferencias, nas que se abordarán temas como os negocios en internet, a seguridade e a privacidade na rede, os hackers ou as últimas novidades no desenvolvemento de software. Tamén terá lugar unha xornada de empresas organizada por R e obradoiros de robótica e de chovafoam ou accesorios para deseñar o vestiario de personaxes de ciencia ficción (cosplay).

A programación deste ano tamén inclúe outras alternativas de ocio, como xogos de mesa, xadrez, billar, pistas deportivas, zona de consolas, espazos de realidade virtual, campionato de karting, partidos de fútbol burbulla, un rocódromo, unha zona de rol e outra de nerf ou unha exposición de figuras de ciencia ficción.

Galicia conta este mes de outubro con outros eventos deste tipo nos que se mesturan tecnoloxía e xuventude. Por unha parte, Mocidade, un encontro entre rapazas e rapaces de Galicia-Norte de Portugal que se celebrará do 25 ao 27 deste mes na Cidade da Cultura. Outra das citas é o primeiro torneo autonómico de League of Legends (LOL) que se está a desenvolver na rede de Espazos Xoves da Xunta de Galicia.

27/10/2019De 11:00 a 14:30h
1 mes 1 profesión dixital
Salón de Convencións do Edificio CINC da Cidade da Cultura

Xornada Final de Tech Kids

A “Xornada Final de Tech Kids” contará coas seguintes actividades para rapaces e rapazas de entre 10 e 17 anos:

  • Tech Escape Room (1º Premio #Apuntastech?): xogo de escape onde se potencia o traballo cooperativo e colaborativo a través da resolución de enigmas e crebacabezas.
  • Drone Led Racing (Pilotaxe de drons): disfruta da experiencia de voar e pilotar drons mentres se aprenden aspectos técnicos e da contorna de xeito atractivo.
  • Microbit Experience: obradoiro para a realización de divertidos programas para crear emojis en movemento, enviar mensaxes secretos entre microbits (pequenos ordenadores programables), ademais de programar varios xogos como o de cara ou cruz ou realizar un dado electrónico.
  • Leap Motion (Obradoiros formativos): sensor de movemento controlado por ordenador mediante xestos no aire onde debuxar, mover estruturas e construír coas túas mans o que se nos vai reflexando no videoxogo.
  • Electric Paint (Tecnoloxía xestual): experimentos con pintura condutiva que funciona sobre multitude de superficies como a roupa, os mobles, as paredes e tela.
  • A maxia do cine (Chroma Key): obradoiro onde os/as nenos/as poderán converterse en protagonistas do súa propia aprendizaxe mediante a realización de escenas das súas películas favoritas a través da creación dun escenario virtual.
17/10/2019De 09:00 a 14:00h
1 mes 1 profesión dixital
Auditorio Xosé Neira Vilas (Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura)

CyberSec@GAL

Coñecemento e experiencia unidos para converter a Galicia en referente no campo da Ciberseguridade. Ese é o obxectivo primeiro do evento CyberSec@GAL,que comeza a súa andaina nuns días, impulsado pola cátedra R en Ciberseguridade e as Universidades da Coruña e Vigo, e coa colaboración da AMTEGA, Gradiant, Emetel, Hijos de Rivera e Abanca.

Serán 4 xornadas de obradoiros, ciber-retos e relatorios, nas que se falará de solucións, normativas, desafíos e ameazas para a seguridade na contorna dixital.

11/10/201910:10
Beatriz Martínez.
Lugo

Beatriz Martínez, enxeñeira de Red Hat, participa este venres en Lugo ao abeiro de Girl STEM

Beatriz Martínez, enxeñeira do equipo Solutions Architets da multinacional tecnolóxica Red Hat profesional especializada en crear sistemas para xestionar nubes de almacenamento de datos, será a protagonista do programa de actividades de Girl STEM este venres 11 de outubro. En virtude da súa participación no programa, impulsado por AGASOL e AMTEGA para derrubar muros en materia de vocacións TIC femininas, Beatriz Martínez falará ante o alumnado de Lugo a partir das 11.30, na sede de Afundación en Lugo (o 16 da praza Maior). Participarán mozas e mozos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro de Bacharelato do IES Gregorio Fernández de Sarria e o CPI Ramón Piñeiro de Lugo.

Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Beatriz Martínez lanzarase a desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando datos e exemplos inspiradores. Logo, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces dos institutos convocados.

Con esta iniciativa conxunta entre AGASOL e AMTEGA, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa tan só o 25%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola dita axencia.

Quen é Beatriz Martínez

Cunha dilatada experiencia no sector das telecomunicacións, Beatriz intégrase no equipo de Solutions Architets de Red Hat para apoiar as áreas de Cloud e Infraestrutura, traballando con sistemas de almacenamento de datos para grandes empresas en todo o mundo. A súa traxectoria profesional multidisciplinar, en diferentes posicións na industria, permitíronlle desenvolverse e comprender os retos e necesidades arredor de distintos ámbitos relacionados coa enxeñería das telecomunicacións, tanto no desenvolvemento técnico como de negocio.

10/10/201921:10
Dous mozos de compras pasan por diante dun escaparate.
Noia

A Xunta e a Federación Galega de Comercio informan en Noia sobre a nova plataforma para empregar o tícket dixital

  • A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou no encontro no que se afondou nesta iniciativa que se desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Comercio
  • O tícket dixital achega aos clientes unha maior comodidade e garantía, ao tempo que serve para minimizar o uso do papel e os contaminantes da impresión
  • Esta medida enmárcase no programa Comercio 360, co que se busca mellorar a competitividade do comercio de proximidade poñendo ao consumidor no centro de todas as decisións

 

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou esta tarde en Noia nunha xornada na que se informou aos comerciantes da nova plataforma de tícket díxital que a Xunta desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Comercio.

Tal e como se salientou na reunión, que se celebrou en colaboración co centro comercial aberto Noia Histórica, o tícket electrónico permite achegar unha maior comodidade e garantía aos clientes, evitando a perda ou deterioro do tícket en papel, ao tempo que minimizan o uso do papel e os contaminantes vinculados aos procesos de impresión.

Esta medida enmárcase no programa Comercio 360, unha iniciativa coa que se busca mellorar a competitividade do comercio de proximidade poñendo ao consumidor no centro de todas as decisións. Con 5,7 millóns de euros para este ano, búscase poñer en valor a aposta polo produto local, a sustentabilidade e a economía circular, a responsabilidade social e o deseño.

10/10/201917:10
Clausura do seminario sobre novas tecnoloxías no agro.
Lugo

A Xunta enxalza o uso das novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida e o traballo dos cidadáns das zonas rurais

  • A Consellería do Medio Rural, a través da iniciativa europea Leader, aposta pola alfabetización dixital para eliminar as disimetrías entre o urbano e o rural

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, participou esta mañá na clausura do seminario sobre novas tecnoloxías no agro onde destacou que o uso das novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC) permite mellorar a calidade de vida e traballo dos cidadáns das zonas rurais de Galicia, fortalecendo a creación de valor engadido na economía rural.

Neste senso, Pérez Dubois sinalou que o emprego das TIC é clave para conseguir unha cohesión territorial e reforzar a vertebración económica e social ao mellorar a competitividade das empresas e servizos ubicados no rural galego. Un obxectivo que tamén persegue a Consellería do Medio Rural e que incorpora ao agro a través da iniciativa europea Leader.

Así, Pérez Dubois salientou que a través deste programa europeo preténdese impulsar proxectos que equilibren as diferenzas entre o urbano e o rural, creando servizos que superen o illamento xeográfico e permitan aumentar a interacción social. Neste sentido, o director xeral agradeceu ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) 4 Comarca de Lugo, organizador deste seminario, por apostar polo uso das TIC e puxo en valor diversos proxectos que recibirán axudas Leader a través deste grupo e que favorecerán o impulso e dinamización do rural de Galicia mediante o uso destas tecnoloxías.

10/10/201914:10
Participantes no IV Foro Autonómico TIC de Gartner.
Santiago de Compostela

Galicia acolle por primeira vez o Foro Autonómico Gartner, que reúne no Gaiás aos responsables TIC de oito comunidades autónomas

  • Abordan os retos da transformación dixital de cara a vindeira década da man desta consultora tecnolóxica internacional
  • A directora da Amtega abriu o encontro, ao que asisten os seus homógolos de Madrid, País Vasco, Navarra, Andalucía, Cataluña, Extremadura e Castilla-La Mancha

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, abriu esta mañá o IV Foro Autonómico TIC de Gartner, o primeiro que se celebra en Galicia. No encontro, no que participan os responsables da área de transformación tecnolóxica doutras sete comunidades autónomas, abordaranse os retos das administracións públicas para impulsar a transformación dixital no seus territorios de cara a vindeira década.

A responsable da Amtega expuxo no Foro a traxectoria do actual Goberno galego na dixitalización da Comunidade e avanzou as liñas da futura Estratexia Dixital de Galicia 2030, que fai foco no posicionamento do ecosistema dixital galego nas tecnoloxías disruptivas. En liña coas directrices da Unión Europea, o Goberno autonómico apostará na nova folla de ruta polo 5G, a Intelixencia Artificial, o Big Data ou a Ciberseguridade.

Os analistas de Gartner abordaron aspectos chave para as Administracións públicas como as estratexias para incluír as TIC na axenda política, os modelos de financiamento para a transformación dixital ou a evolución das infraestruturas tecnolóxicas para dar resposta ás demandas futuras derivadas da dixitalización.

A Amtega formalizou este ano un acordo con Gartner para compartir co sector tecnolóxico o coñecemento de expertos internacional de primeiro nivel en transformación dixital. A multinacional americana, referente para a toma de decisión en estratexias de investimento en tecnoloxía, tanto para empresas como para Administracións, está a colaborar coa Axencia autonómica na elaboración da Estratexia dixital galega 2030.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS