main content

main content
03/10/201915:10
Presentación da charla sobre intelixencia artificial.
Santiago de Compostela

A Estratexia Dixital de Galicia 2030 busca posicionar á comunidade nas tecnoloxías disruptivas con maior potencial cara a vindeira década

  • A directora da Amtega inaugurou hoxe a conferencia do catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, Humberto Bustince
  • A futura folla de ruta dixital fará foco na aplicación novas tendencias tecnolóxicas en todos os ámbitos da economía e en atopar solucións para diminuír fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais avanzadas
     

A Intelixencia Artificial e a súas aplicacións á medicina actual centraron o relatorio que o catedrático de Ciencias dá Computación e Intelixencia artificial dá Universidade Pública de Navarra (UPN), Humberto Bustince, impartiu hoxe no Gaiás..

O responsable e fundador de grupo de investigación da UPN sobre Intelixencia artificial e Razoamento Aproximado Bustince e galardoado este ano co Premio Nacional de Informática, inaugurou o ciclo de charlas tecnolóxicas que organizan a Asociación de Enxeñaría en Telecomunicación de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A directora da Axencia autonómica, Mar Pereira, que inaugurou o encontro xunto co presidente da AETG, Julio Agrelo, sinalou que o obxectivo destes encontros é compartir con expertos de primeiro nivel ideas e experiencias ao redor das tecnoloxías disruptivas, que centrarán as estratexias dixitais da próxima década e, loxicamente, a Estratexia Dixital de Galicia 2030.

Aposta polas tecnoloxías disruptivas

Neste sentido, Mar Pereira lembrou que a futura estratexia dixital galega, actualmente en fase de elaboración, fará foco nas oportunidades de aplicar novas tendencias tecnolóxicas en todos os ámbitos da economía; na necesidade de atopar solucións para diminuír a fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais avanzadas, e no impulso ao emprendemento tecnolóxico.

Pereira sinalou que Galicia aspira a ser a segunda comunidade que elabore unha estratexia sobre intelixencia artificial e que se está a traballar na creación dunha rede de nodos de especialización tecnolóxica coordinados desde o Gaiás. Xa está en marcha o Nodo Galicia 5G e estase a traballar no de Blockchain e o de Intelixencia artificial.

A Estratexia Dixital de Galicia 2030, aprobada o pasado mes de maio polo Consello da Xunta, pivotará sobre catro vectores, aliñados coas directrices europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.

03/10/201914:10
Nena usando un caso de realidade virtual.
Silleda

XGN R Encounter achegaranos as mellores experiencias coa impresión 3D e a realidade virtual

Este mes de outubro imos celebrar as novas tecnoloxías como se merecen: entre multitudes e contando cun amplo programa de actividades para intercambiar coñecemento, habilidades, recursos e confraternidade. Todo isto vén a conto porque a Feira Internacional de Galicia Abanca acolle do 11 ao 13 de outubro a décimo novena edición do histórico encontro informático xuvenil XGN R Encounter, que chega á súa terceira convocatoria con patrocinio e colaboración de R (19 edicións en total). A cita, que tamén contará co apoio da Consellería de Política Social, será unha ocasión de ouro para tomarmos o pulso ás tecnoloxías máis avanzadas.

 Tal e como nos lembra a organización dende o Facebook de seu, a sección Hardware de XGN preséntase como unha oportunidade para que deixemos “voar a nosa imaxinación” na granxa de impresoras 3D (aberta dende o venres 11 a partir das 16.00 horas) ou, tamén, nos obradoiros de Realidade Virtual, que incluirán diversos kits para experimentar a fondo con eles (na Zona VR Experience, habilitada o venres e o sábado en horario de 10.00 a 22.00 horas, na que “teremos ao alcance da man sensacións únicas”, como por exemplo poñernos na pel dun sobrevivente dun apocalipse zombie, ou dun jedi manexando unha espada láser ao ritmo da música, ou dun artista da rúa debuxando cun spray sobre as paredes).

Nesta edición, a macro-quedada volve contar coas súas tres zonas: a Intranet, na que os inscritos poderán gozar dun posto con conexión á rede que lles permitirá navegar a 10 Gbps de velocidade e terán dereito tanto a acampar no interior do pavillón como a participar en torneos exclusivos; a Extranet, cun completo programa de actividades tanto para rexistrados como para visitantes, e a súa Zona Expositiva, con presenza de empresas relacionadas co material informático, novas tecnoloxías e lecer electrónico.  A cita abrirá as súas portas de xeito non oficial o día 10 pola tarde. A apertura “oficial” será o día seguinte.

Haberá melloras e novidades, co obxectivo de situar o encontro entre os máis importantes de España: na cabeza da clasificación das partys estatais. Segundo informa R, para tal fin “serán determinantes” os vencellos coa rede de Encounters do Grupo Euskaltel a través da súa Fundación, que vén desenvolvéndose en Euskadi desde hai 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e a Technium R Encounter de Ourense.

A última edición da cita galega, que se celebrou do 12 ao 14 de outubro do ano pasado, supuxo “un gran paso nun proxecto de crecemento que xa comezara na súa convocatoria anterior e que en 2018 destacou pola notable cantidade e calidade das actividades, o maior confort dos asistentes e a gran estabilidade da rede”, sinalan as entidades organizadoras, que salientan tamén o alto número de inscritos na dita convocatoria, que ascendeu a preto de 900 (fronte aos 800 da cita anterior). Sinalar tamén que aínda está aberto o prazo para facermos a nosa reserva para participar en XGN, e que se pode formalizar rapidamente a través da web do encontro informático xuvenil.

03/10/201914:10
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O CPETIG desenvolve esta semana o seu curso de tratamento de evidencias dixitais

Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) celebra esta mesma semana (estes 4 e 5 de outubro) o seu Curso de Tratamento e análise de evidencias dixitais. A actividade, que se desenvolve na Cidade da Cultura, na aula II, é un complemento formativo da nova xornada Iuristicgal, fixada para o 23 de outubro no mesmo escenario compostelán. O curso, organizado en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA, terá unha duración de doce horas e contará coa presenza activa de Víctor Salgado, Gonzalo Sotelo, Juan Luis Miguens e Miguel Abal.

A primeira sesión, o venres día 4 en horario de tarde, será impartida por Víctor Salgado, avogado-socio de Pintos&Salgado, que presentará un relatorio xurídico-práctico sobre informática pericial. O sábado día 5 a sesión matinal será impartida por Gonzalo Sotelo, policía xudicial especialista en eCrime, co relatorio Evidencias dixitais, valor probatorio. O contido formativo completarase coa sesión de tarde sobre Informe pericial: modelo normalizado do CPETIG, na que serán relatores Juan Luis Miguens e Miguel Abal, secretario e vicesecretario do Colexio.

As persoas asistentes a este curso poderán solicitar o acceso ao Corpo oficial de peritos do CPETIG, COP. Segundo informa o colexio galego, a oportunidade desta oferta formativa “entronca directamente co carácter determinante do axeitado estudo e análise das evidencias dixitais na informática pericial, consideradas como calquera rexistro xerado ou almacenado nun sistema dixital que poida ser utilizado como proba nun proceso legal”. En palabras do CPETIG, un bo manexo das evidencias é hoxe en día “un reto para os profesionais, peritos informáticos ou telemáticos”, na medida na que utilizar os medios e métodos idóneos resulta imprescindible para que non se malogre a finalidade procesal. O curso dará as claves para traballar de xeito eficaz coas evidencias dixitais, de xeito que sirvan como un instrumento de valor legal en procesos xudiciais ou en investigacións forenses, ofrecendo formación especializada dirixida á adquisición de competencias e coñecemento do catálogo de técnicas que poden ser combinadas para o estudo de casos concretos de evidencias dixitais.

03/10/201907:10
Presentación da Cátedra Aldaba WIB (Women, ICT and Business).
A Coruña

Aldaba, a UDC e a UVigo xuntan forzas para fomentar a presenza feminina nos estudos TIC

A empresa tecnolóxica Aldaba, con sede principal na Coruña, vén de xuntar forzas coas universidades da Coruña e Vigo para crear unha iniciativa conxunta de formación TIC dende unha óptica feminina, tirar abaixo estereotipos de xénero na docencia dixital e fomentar a empregabilidade do alumnado galego. A Cátedra Aldaba WIB (Women, ICT and Business) foi presentada hoxe nos seus detalles polo reitor da UDC, Julio Abalde, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o director da devandita empresa TIC, Enrique Fernández Pérez.

Na súa reunión formalizaron o acordo para a constitución da cátedra, que ten o obxectivo de facilitar “a incorporación laboral dos estudantes da Facultade da Informática da UDC e da Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo, así como mostrar a relevante presenza das mulleres no eido TIC”. Con isto último búscase espertar vocacións tecnolóxicas entre as mozas. Abalde e Reigosa salientaron “o carácter exemplar desta Cátedra interuniversitaria”, a segunda existente entre ambas as dúas entidades. Tamén destacaron a importancia da relación público-privada que se establece coa empresa Aldada, acabada de premiar polo Consello Social da UDC cun galardón que pon de manifesto o seu espírito innovador. Pola súa banda, o director da empresa explicou que esta Cátedra ten como “finalidade incentivar as vocacións tecnolóxicas femininas”, para o que están previstas unha serie de actividades en colexios e institutos. Neste punto, o reitor da UDC apuntou o dato de matrícula de mulleres en Informática que está no 12%, na liña doutras universidades españolas e do resto de Europa e “cunha tendencia á baixa”. Segundo fixo saber, combater estas cifras é hoxe en día un dos grandes desafíos, sobre todo polo importante talento feminino que a docencia e o empresariado TIC deixan de gañar.

03/10/201907:10
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A comunidade youtubeira e os seus seareiros xúntanse este xoves en Santiago

proxecto Youtubeir@s, un xeito creativo e participativo de transformar YouTube e outras redes sociais en fervedoiros de creatividade audiovisual en galego, chega este xoves 3 de outubro a un dos intres álxidos desta súa terceira edición, que xa está na recta final, impulsada polos concellos de Rianxo, A Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Santiago e Teo, e polas universidades da Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña. A terceira edición do certame, que repartirá 6.500 euros nas diferentes categorías (que teñen o prazo de presentación pechado dende o 27 de setembro), celebra este xoves en Santiago o acto Lista de reprodución ao vivo.

Trátase, en palabras das entidades organizadoras, dunha oportunidade para ver as facianas e escoitar os puntos de vista das creadoras e creadores que conforman a comunidade youtubeira, cada día maior e con mellores altofalantes.

Consistente nun encontro directo entre youtubeir@s e seareir@s, a Lista de reprodución ao vivo emula, segundo os impulsores do proxecto, “ás bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas”, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”. Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos “vídeos vivos”. Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, a segunda fase abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). A cita será entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela).

Premios Youtubeir@s

Os Premios Youtubeir@s establecen este ano un total de catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos (exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese), vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.

Amais destas catro modalidades, entregaranse distincións á creatividade, á eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade lingüística, recoñecementos decididos todos por un xurado “de recoñecido prestixio” que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6.500 euros en galardóns.

02/10/201912:10
Moza traballando nun portátil.
Pontevedra

A Deputación de Pontevedra ofrece en outubro 37 obradoiros TIC

SmartPEME, a rede da Deputación de Pontevedra para a capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da provincia, comeza este outono de 2019 con novas e importantes accións encamiñadas a facer avanzar a dixitalización e a competitividade. Para a comarca de Vigo, trátase de 18 novas accións formativas a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en PonteareasVigo e Porriño. A estas citas cómpre sumar as sete previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación) e outras tantas (sete) en Cambados, ás que hai que engadir seis obradoiros máis en Lalín. En total, 37 obradoiros dados a coñecer.

Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. No que atinxe ás actividades da contorna viguesa, a oficina SmartPEME de Vigo acollerá este mes de outubro os seguintes obradoiros: Vídeo co teu Smartphone: Crea, Grava e Edita coma un Profesional, que se desenvolverá o martes 1 de outubro, de 18 a 21 horas; Desenvolve a túa Propia Estratexia de E-mail Marketing, que será o martes 8 de outubro, de 19 a 21 horas; Crea unha Campaña de E-mail Marketing con MailChimp, programado para o martes 15 de outubro, entre as 19 e as 21 horas; Social Media Listening: o que se di de ti en Internet, que se realizará o martes 22, entre as 19 e as 21 horas; Motores de Reservas para Empresas Turísticas, o xoves 24 de outubro, de 17 a 19 horas; e, finalmente, Optimiza a túa Páxina de Facebook, que será o martes 29 de outubro, de 18 a 21 horas. Estes obradoiros impartiranse na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (rúa Oporto, núm. 3).

A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: Aprende a Promover a túa Empresa con Pinterest, que se desenvolverá o martes 1 de outubro de 19 a 21 horas; Optimiza a túa Páxina de Facebook, que será o xoves 10 de outubro de 18 a 21 horas; Así Funciona Whatsapp Business, o martes 15 de outubro de 19 a 21 horas; Como Impulsar o teu Negocio cun Podcast, que terá lugar o xoves 17 de outubro de 19 a 21 horas; Motores de Reservas para Empresas Turísticas, que será o martes 22 de outubro de 17 a 19 horas; e, por último, Apps de Edición: Sácalle Partido ó teu Instagram, que se desenvolverá entre as 18 e as 21 horas do martes 29 de outubro. A totalidade destes obradoiros será impartida no Multicentro do Concello do Porriño (Ribeira, s/n, Torneiros).

Polo que se refire á oficina de Ponteareas, as quendas son: Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet, que se desenvolverá o 1 de outubro entre as 18 e as 21 horas; Mellora a túa páxina web e posiciónaa en buscadores, que será o martes 8 de outubro de 19 a 21 horas; O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram, cuxa realización será entre as 19 e as 21 horas do xoves 17 de outubro; Emprego de vídeo nas redes sociais: Youtube, que se desenvolverá o martes 22 de outubro de 19 a 21 horas; Copywriting para a promoción de tours, experiencias e actividades, o martes 29 de outubro de 17 a 19 horas; e, por último, Vídeo co teu smartphone: Crea, grava e edita como un profesional, que se impartirá o mércores 30 de outubro entre as 18 e as 21 horas. A totalidade destes obradoiros será impartida no Centro de Desenvolvemento Local (Lomba do Cruceiro 5, Ribadetea, Ponteareas).

No que se refire a Cambados, o programa inclúe os obradoiros Mellora o teu Posicionamento Web con Google Search Console, que este martes 1 de outubro, de 19.00 a 21.00 horas; Social Media Listening: O que se di de ti en Internet, programado para o martes 8 de outubro, entre as 19 e as 21 horas; Apps de Edición: Sácalle Partido ó teu Instagram, o xoves 10 de outubro, de 18 a 21 horas; Xestión e Comercialización de Vivendas e Apartamentos Turísticos, que será o martes 15 de outubro, entre as 17 e as 19 horas; Deseña Sinxelamente Imaxes Abraiantes e Profesionais, que será na sala de xuntas do Centro Comercial Arousa, o xoves 17 de outubro, de 19 a 21 horas; Guía de Boas Prácticas para Redes Sociais, o xoves 24 de outubro, desde as 19 ata as 21 horas; e, finalmente, Aprende a Usar Correctamente Facebook para Empresas, que terá lugar o martes 29 de outubro, de 19 a 21 horas. Estes obradoiros impartiranse no Centro Exposalnés de Cambados (paseo da Calzada, s/n), agás Deseña Sinxelamente Imaxes Abraiantes e Profesionais, que terá lugar na sala de xuntas do Centro Comercial Arousa.

O programa da sede da propia Deputación en Pontevedra abrangue os seguintes cursos: Xestión e Comercialización de Vivendas e Apartamentos Turísticos, que se desenvolverá o martes 1 de outubro, de 17 a 19 horas; Fotografía Gastronómica co Teléfono Móbil, que será o xoves 3 de outubro, de 19 a 21 horas; Crea a túa Tenda en Liña con Prestashop, programado para o xoves 10 de outubro, entre as 18 e as 21 horas; Desenvolve a túa Propia Estratexia de Email Marketing, que se realizará o martes 15, entre as 19 e as 21 horas; Crea unha Campaña de Email Marketing con MailChimp, o xoves 17 de outubro, de 19 a 21 horas; Iniciación ó SEO I: Conceptos, Palabras Clave e Primeiros Pasos, que se desenvolverá o 24 de outubro, entre as 19 e as 21 horas; e, finalmente e en relación co anterior, Iniciación ó SEO II: Optimiza a túa Páxina Web para Gañar Visibilidade, que será o martes 29 de outubro, de 19 a 21 horas. A totalidade destes obradoiros será impartida no edificio administrativo da Deputación (avenida de Montero Ríos, s/n. Pontevedra).

As novas citas do mes na oficina SmartPEME de Lalín serán as seguintes: Optimiza a túa Páxina de Facebook, este xoves 3 de outubro, entre as 18 e as 21 horas; Fotografía de Produto: Todo o que Debes Saber, que será o martes 8 de outubro, de 19 a 21 horas; Crea unha Páxina Profesional con WordPress, que está programado para o martes 15 de outubro, de 18 a 21 horas; Copywriting para a Promoción de Tours, Experiencias e Actividades, o xoves 17 de outubro, de 17 a 19 horas; Plugins de WordPress para Mellorar a túa Web, cuxo horario será de 19 a 21 horas do martes 22 de outubro; e, finalmente, Mellora a túa Presenza online Promocionando o teu Blog, que se desenvolverá no viveiro de empresas da Estrada, o mércores 30 de outubro, entre as 19 e as 21 horas. Estes obradoiros impartiranse no Viveiro de Empresas de Lalín (Polígono Lalín 2000, parcela E), a excepción de Mellora a túa Presenza online Promocionando o teu Blog, que será no viveiro de empresas da Estrada.

02/10/201912:10
Cartel da iniciativa.
Ames

A aula CeMIT de Ames celebra o outono con formación TIC para todas as idades

aula CeMIT de Ames vén cun completo programa de actividades para estes meses de outubro e novembro, todas elas co nexo común de ser actividades anti-fenda dixital. Trátase dunha ducia de actividades, a desenvolver na Casa da Cultura de Bertamiráns (sede da aula CeMIT), entre as que destacan un ciclo de introdución á informática para adultos (con prazas cubertas pero con opción de inscribirnos en listaxe de agarda), un curso de iniciación a Internet (con prazas libres) e outro de iniciación ás redes sociais.

Ademais, ofértase un ciclo de ofimática co desenvolvemento de tres obradoiros dende mediados de outubro ata principios de novembro. Segundo explican dende a aula CeMIT local, tamén se ofertarán cursos de follas de cálculo con LibreOffice Calc I e II (con prazas cubertas pero con posibilidade de facer a inscrición para a lista de agarda) e de presentacións con LibreOffice Impress (a desenvolver a principios de novembro e con prazas vacantes). Isto complétase en novembro cun ciclo de empregabilidade: dous cursos centrados na mellora da empregabilidade dos alumnos e alumnas mediante a creación dun currículo adaptado as súas necesidades e a busca de emprego a través de Internet. Para ámbolos dous casos aínda hai prazas libres. 

A programación para outubro e novembro abrangue tamén tres cursos destinados aos nenos e nenas: un de informática de nivel básico e dous de mecanografía, un para nenos e nenas menores de 10 anos e outro para maiores desta idade. Para os dous primeiros aínda hai vacantes, mentres que o curso de mecanografía para maiores de dez anos admite inscricións para a lista de agarda.

23/10/2019De 09:30 a 13:00 h.
1 mes 1 profesión dixital
Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela)

Iuristicgal 19

O obxectivo é informar e concienciar aos xuristas e outros profesionais forenses dos avances en materia xurídica e probatoria nos casos en que intervén o factor informático no proceso e dos importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial, así como sensibilizar sobre a axuda que poden prestar os peritos informáticos nas causas xudiciais e as claves de valoración da proba informática.

En definitiva, trátase de dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica ao tempo que incrementar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial co uso das novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas.

02/10/201907:10
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Nova edición de Iuristicgal: “Intelixencia artificial e xustiza”, o 23 de outubro na CdC

A IX Xornada de Informática Xudicial, Iuristicgal19, terá lugar o día 23 de outubro na Cidade da Cultura, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA.

A xornada, convocada baixo o título “Intelixencia artificial e xustiza”, vai dirixida a profesionais da xustiza, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados, peritos e xuristas en xeral. Ten como obxectivo informar e concienciar dos importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial e incrementar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial mediante as novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas.

A edición deste ano terá carácter condensado, con dous relatorios e unha mesa redonda que se desenvolverán en sesión de mañá, e será inaugurada pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, acompañada polo presidente do CPETIG, Marcos Mata. Intervirán como relatores Moisés Barrio, letrado do Consello de Estado e autor do libro “Dereito dos robots”, que presentará o relatorio “A intelixencia artificial ante o Dereito”; e Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional, que exporá “Evolución da proba electrónica no ámbito xudicial: o presente e as perspectivas de futuro”. A xornada completarase cunha mesa redonda sobre “As vantaxes e os perigos das novas ferramentas tecnolóxicas para a defensa dos nosos dereitos”, moderada por Víctor Salgado, director técnico da xornada.

Como novidade, este ano o acceso a Iuristicgal é gratuito, previa reserva da praza. Máis información e inscricións en http://iuristicgal.cpetig.gal.

Oportunidade

Considerando a complexidade técnica e casuística destas tecnoloxías así como a innovadora lexislación aplicable, a xornada pretende dar resposta á necesidade de formación dos profesionais da xustiza, profesionais forenses e xuristas en xeral, ao obxecto de que coñezan esta lexislación e a nova realidade tecnolóxica que a orixina, así como as novas ferramentas dispoñibles para interpretala correctamente e aplicala ao caso concreto.

1 mes 1 profesión dixital
Sede Afundación A Coruña - Cantón Grande, 8

Girl STEM (A Coruña)

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúan a traballar para reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

O obxectivo do programa Girl STEM consiste en orientar e empoderar ás rapazas con charlas inspiradoras destas directivas e investigadoras que lles falarán do seu traballo, para animar ás máis novas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos, especialmente nas rapazas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS