A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acolle este martes 24 a fase de clasificación da I Liga Nacional Interuniversitaria de Retos no Ciberespazo, que organiza a Dirección Xeral da Garda Civil e o Centro Universitario da Garda Civil. Segundo nos contan dende a FIC, a cita deste martes consiste nun campionato no que se porán a proba as habilidades técnicas do alumnado en distintos eidos da seguridade en Internet e as novas tecnoloxías.
O campionato artéllase dúas fases, a primeira, clasificatoria durante os meses de setembro e novembro que se desenvolverá en quince sedes universitarias en España e a segunda, a fase final, que terá lugar no Centro Universitario da Garda Civil.
A fase de clasificación da UDC comezará mañá ás 9:00 horas na aula 2.10 da Facultade de Informática coa participación de catro equipos. As sesións comezarán cunha conferencia dos coordinadores do campionato que dará paso aos retos. Os finalistas serán os que obteñan un maior número de puntos, elixíndose un representante de cada universidade, que pasarán á fase final na que terán que superar unha serie de desafíos de habilidade semellantes e complementarios aos da fase inicial. Os premios consistirán en material tecnolóxico, bolsas de estudo e períodos de prácticas en empresas. Para máis información sobre esta actividade, cómpre visitar a web da Liga Nacional.
A Aula de Informática do Milladoiro abre hoxe o prazo para anotarse nos cursos TIC que organiza para este último trimestre do ano 2019. A oferta está formada por un obradoiro de mecanografía para adultos; outro de correo electrónico tamén para maiores de 16 anos; e un curso de iniciación á programación con Scratch, dirixido a nenos e nenas de 9 a 12 anos. Ao remate desta nova as e os asistentes poderán obter a solicitude de inscrición das diferentes accións formativas, que son de balde e que van dirixidos a persoas de máis de 16 anos (agás o de Scratch, que é para a rapazada de entre 9 e 12).
O curso sobre mecanografía, unha actividade de cinco horas de duración, desenvolverase os días 15, 17, 22, 24 e 29 de outubro. Achéganse 10 prazas por quenda (de 10:00h a 11:00h ou de 18:00h a 19:00 horas). Por outra banda, no mes de novembro está prevista a realización dun obradoiro de correo electrónico, pensado para persoas maiores de 16 anos que queiran sacar rendemento á ferramenta. Este obradoiro de catro horas e media de duración terá lugar os días 12, 14 e 19 de novembro, en horario de 10:00h a 11:30h ou de 18:00h a 19:30 horas. O número de prazas por quenda é de 10. Finalmente, a programación complétase coa realización dun curso de iniciación á programación con Scratch, dirixido a nenos e nenas de 9 a 12 anos, co obxectivo de elaborar tarxetas de Nadal. O curso ten unha duración de dúas horas e desenvolverase o 23 de decembro, en horario de 11:00 a 13:00 horas. Hai dez prazas dispoñibles.
O prazo de inscrición para estes obradoiros está aberto desde este luns, 23 de setembro, até que se cubran todas as prazas, o que se fará por orde de inscrición. Para inscribirse é preciso estar empadroado no Concello de Ames e para que se formen os grupos é preciso un mínimo de sete persoas que confirmasen asistencia. As inscrición poderanse facer en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 9:30h a 13:30 horas; ou a través dun correo ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, no que deberá enviarse cuberta e asinada a solicitude de inscrición no curso que se desexe.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na rolda de prensa de presentación dos primeiros resultados do Creative Loci Iacobi, un dos proxectos europeos nos que a Xunta vén participando nos últimos anos coa vista posta no vindeiro Xacobeo 21 e que permite aplicar novas tecnoloxías para promover o Camiño de Santiago en Europa, tanto entre os peregrinos e potenciais turistas como entre os investigadores.
Como explicou, trátase dunha iniciativa coa que o Goberno galego continúa a “establecer instrumentos estables de cooperación europea en materia turística” co resto de Europa ao tempo que divulga a Ruta Xacobea dando resposta ás necesidades actuais da peregrinación e aliñándose cos obxectivos do Smart Camiño que busca aproveitar ao máximo a experiencia do Camiño grazas ás vantaxes da tecnoloxía. Neste sentido, Nava Castro tamén fixo referencia ao Plan estratéxico do Xacobeo 21, a folla de ruta que está a marcar o traballo para o vindeiro ano santo e que busca ofrecer a mellor Galicia no plano cultural, turístico, económico e social.
Na rolda de prensa, a directora de Turismo de Galicia estivo acompañada por Covadonga Riesco, da empresa Malvado Group, e Xoel Vázquez da empresa Xoia, dous dos socios do proxecto encargados de deseñar e desenvolver varias das ferramentas dixitais das que deron todos os detalles neste acto.
Como explicaron, ao abeiro do Creative Loci Iacobi Galicia estará incluída nos diferentes tours virtuais creados en Europa dos que forman parte diferentes puntos de España, Bélxica, Francia, Lituania, Polonia ou Portugal. Son viaxes audioguiadas, con música e sons que teñen como guía un personaxe histórico destacado en cada un dos oito territorios do proxecto. No caso de Galicia o narrador é o Mestre Mateo.
Ademais, deseñouse unha app audioguiada de realidade aumentada e editouse unha revista divulgativa con modelos en 3D de diferentes valores patrimoniais de cada territorio que permiten ver a través do teléfono móbil versións practicamente reais, en 3D e en miniatura, de patrimonio como o Pedrón da Igrexa de Santiago de Padrón, o Santiago Maior da Porta Santa da Catedral de Santiago, o Santiago Peregrino do Colexio de San Xerome ou varias pezas do Museo das Peregrinacións, entre outras.
Como explicou Nava Castro, o proxecto Creative Loci Iacobi contribúe a seguir posicionando a Galicia en Europa a través do Camiño de Santiago grazas a unha iniciativa “transversal, innovadora e tecnolóxica” que crea ferramentas útiles tanto para o impulso da investigación ao redor da Ruta Xacobea, como para os peregrinos e potenciais turistas. “O Camiño de Santiago é un elemento clave na marca Galicia e debemos coidalo, mantelo e tamén poñelo a disposición e coñecemento de todos”, dixo.
Nava Castro recordou ademais, a importancia que estas ferramentas terán tendo en conta o alto nivel de fidelidade dos peregrinos ao Camiño e o seu papel como futuros turistas xa que, segundo o Estudo do Impacto Socioeconómico do Camiño de Santiago elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), o 98% recomendaría facer a ruta e o 85% afirma que volverá a Galicia como turista.
Ademais de Galicia -que foi o socio coordinador-, o proxecto Creative Loci Iacobi contou como socios coa Federación Europea do Camiño de Santiago, a Asociación de Municipios dos Camiños de Santiago en Lituania, a Federación do Turismo da Provincia de Namur en Bélxica, o municipio de Vila Pouca de Aguiar en Portugal, o Voivodato de Kujawkso-Pomorskie de Polonia, así como as empresas Malvado Group e Xoia.
Todas estas utilidades así como mapas creativos e outras ferramentas que están en desenvolvemento estarán dispoñibles nas plataformas dixitais de Turismo de Galicia e nas de todos os socios e serán, ademais, facilmente transferibles a outros países polos que transcorren os Camiños de Santiago e a outras rutas transnacionais europeas ao contar entre os nosos socios coa Federación Europea do Camiño de Santiago, que está en permanente crecemento coa adhesión de novos membros.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha unha nova edición do Plan DigiTalent para o curso 2019/2020 con 36 iniciativas, 13 máis que na anterior edición, para impulsar as vocacións tecnolóxicas, os novos perfís dixitais e reforzar as capacidades dos profesionais que teñen que liderar a transformación dixital.
As liñas do Plan para este curso pecháronse nunha xuntanza de traballo que tivo lugar esta semana coas empresas tecnolóxicas do pacto dixital, que se adheriron ao Plan, Indra, everis, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain, Telefónica, Vodafone, DXC, Orange e o Clúster TIC.
Para motivar e potenciar as vocacións STEM desde idades temperás, este curso desenvolveranse 9 iniciativas diferentes, que posibilitarán que máis de 1.600 nenos e nenas en idade escolar participen en talleres e actividades lúdico-formativas en torno á robótica, o uso seguro de internet ou desafíos tecnolóxicos.
Ademais, levaranse de novo aos centros educativos charlas e actividades divulgativas para achegarlles aos máis novos o interese polos estudos científico-tecnolóxicos, prestando especial atención ás nenas, ofrecendo máis de 900 prazas.
Neste eixo cabe destacar a posta en marcha este curso do programa da Fundación Vodafone “DigiCraft no teu cole”, ao que se poderán adherir 50 centros educativos, para reforzar as competencias dixitais de nenos e nenas de 6 a 12 anos. Ademais, desenvolverase a terceira edición de Tecnólog@ por un día con máis de 60 prazas no que os participantes experimentarán un día de traballo no marco das profesións dixitais.
Adicionalmente, celebraranse novas edicións do concurso The North Codes e da competición World Robot Olympiad Galicia que porán a proba o enxeño e coñecementos TIC dos participantes.
No segundo eixo do Plan orientado a impulsar os novos perfís dixitais, porase en marcha programa de Bolsas DigiTalent, que ofrecerá 50 bolsas para realizar prácticas non laborais en empresas do sector TIC a estudantes de carreiras de Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais, Xurídicas, Arquitectura e Enxeñaría matriculados en calquera das tres universidades galegas superados o 75% dos créditos.
Impulsaranse, ademais, novas actividades de sensibilización e asesoramento (talleres, sesións inspiradoras, concursos, premios, etc.) no marco de iniciativas lideradas pola empresa everis como a Cátedra de Transformación Dixital ou a Cátedra R de Ciberseguridade.
Así mesmo, este mes de setembro comezou o Curso de Especialista en 5G impulsado pola Amtega en colaboración coa Universidade de Vigo e o operador público Retegal para a capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G a diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico.
Por último, para promover as capacidades de e-liderado que permitan ás persoas identificar, crear e explotar oportunidades derivadas da innovación dixital, darase continuidade ás actuacións de acompañamento no proceso de transformación dixital e como accións formativas a través do Centro Demostrador TIC, o programa AceleraTIC ou o Reacciona TIC.
Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recolle a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.
En concreto, ata o de agora promovéronse nestes tres eixos un total de 23 actuacións, 13 delas orientadas á impulsar as vocacións científico-técnicas entre os máis novos. Ademais, o Plan contou con outras 5 iniciativas orientadas a impulsar os novos perfís dixitais e as 5 restantes están orientadas a formar a perfís directivos para liderar a transformación dixital da súa empresa. No seu conxunto, as distintas actividades desenvoltas chegaron ata o momento a máis de 5.300 persoas.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social promove o coñecemento, a formación e o ocio ao redor dos videoxogos a través da organización do primeiro torneo a nivel autonómico do coñecido xogo LOL (League of Legends). A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou esta iniciativa hoxe no Espazo Xove de Noia acompañada por representantes da Asociación Xuvenil La Grotta, que se encargarán de xestionar in situ o programa.
Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia que terá lugar nos 12 Espazos Xoves xestionados pola Administración autonómica, co fin de favorecer a participación de mozos e mozas da zona e da contorna próxima.
Antes do inicio de cada unha das competicións organizarase unha dinámica formativa centrada no coñecemento e uso responsable dos videoxogos. Posteriormente dará comezo o encontro, cuxo número de equipos dependerá da poboación do concello onde se sitúa cada Espazo Xove. Deste xeito, nos concellos con máis habitantes poderán participar ata un máximo de catro equipos, mentres que nos de menos poboación a competición será entre dous equipos. Cada equipo estará conformado por cinco mozos/as, dos cales unha persoa actuará como capitán.
Tras esta fase inicial, os 16 equipos clasificados participarán nunha fase final, cuxa data e lugar de celebración será determinado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. En todo caso, esta última fase terá lugar en fin de semana e os gastos de manutención e aloxamento correrán a cargo da Xunta de Galicia.
Neste programa poderán participar mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, ambos inclusive, que se organizarán en equipos de 5 persoas, ata un máximo de 32 equipos. A admisión dos equipos para poder participar nesta competición realizarase por estrita orde de inscrición a partir de hoxe ás 16.00 horas.
As inscricións, que se poderán rexistrar ata tres días antes do inicio da competición en cada Espazo Xove, realizaranse a través do formulario correspondente na web de Xuventude. A persoa que actúe como capitán do equipo deberá cubrir este formulario, achegando o DNI dos demais membros do grupo. A maiores dos cinco membros de cada equipo, poderanse rexistrar outros cinco suplentes.
Toda a información do programa pode consultarse no seguinte enderezo web xuventude.xunta.es.
O Concello de Santiago vai organizar en outubro, a partir do 21, o encontro Talentia Summit 19, unha xuntanza de talento, emprego e innovación que acollerá preto dun centenar de empresas punteiras e personalidades de relevancia, como a ministra de Economía e Empresa en funcións, Nadia Calviño.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou hoxe os detalles do evento que, segundo fixo saber, insírese no compromiso firme do Concello por “crear emprego cualificado e empresas no ámbito tecnolóxico e cultural”.
Acompañou ao rexedor na presentación o técnico municipal responsable da área de Emprego, Xavier Ferreiro, quen destacou “o salto cualitativo e cuantitativo” que dá a feira este ano, co obxectivo de internacionalizala xa en 2020. Sobre o programa, salientou os dous días “de feira aberta”, que será "non só un espazo de encontro entre empresas e posibles traballadores, senón tamén entre as empresas e provedores de servizos". Ademais, respecto á edición pasada, citou o incremento de postos de traballo ofertados (preto de 850), de empresas presentes (sobre 100) ou de certificados (máis de 25).
Segundo engadiron, esta edición porá o foco en como afecta a transformación dixital ás persoas e tamén no compromiso social empresarial cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) acordados pola ONU no marco da Axenda 2030. Sobre este horizonte estará presente, como conferenciante no Foro Talentia, Federico Buyolo, director xeral da Oficina do Alto Comisionado para a Axenda 2030. Durante tres xornadas (do 21 ao 23 de outubro), a clave do encontro será a potenciación do talento, “dando visibilidade ás organizacións e empresas máis comprometidas co desenvolvemento, a promoción e a retención do talento”. Doutra banda, os/as participantes poderán presentarse as empresas, acreditarse mediante certificacións de competencias dixitais ou idiomas, e asistir a conferencias, obradoiros ou exposicións sobre a transformación dixital e outras moitas actividades para mellorar a súa capacidade de acadar un emprego. O luns 23 de setembro abrirase o prazo para reserva de prazas a través da web talentiasummit.com. Dende a organización prevén superar as 3.500 persoas asistentes que participaron na edición do pasado ano, polo que avisan de que as prazas se completarán axiña.
Hoxe inaugurouse a sexta edición da Pont-Up Store, escaparate mundial do emprendemento galego e mostra referencial de achados e propostas innovadoras do noso. Na apertura das actividades, en plena praza de España de Pontevedra, o director da feira, Pedro Figueroa, lembrou a importancia da sustentabilidade como piar temático fundamental dos proxectos exhibidos este ano e recordou a presenza salientable das mulleres á fronte das diversas iniciativas seleccionadas neste edición: o 66% das mesmas (case medio cento) están impulsadas por mulleres. Pont-Up Store vén da man do Campus CREA (UVigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal.
Respecto de outras novidades relativas a esta sexta edición, Figueroa tamén destacou a relevancia do rural nos proxectos achegados (case a metade dos mesmos procedendo das vilas e das aldeas). No acto tamén participou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, quen enxalzou o gran potencial da feira para contribuír “á creación de riqueza a través do empuxe dos emprendedores”. Na súa intervención, Reigosa lembrou como nun momento “no que a nosa xuventude ten moitas veces que emigrar para buscar un futuro económico mellor e no que temos unha caída demográfica preocupante”, a universidade pública, “como institución inserida na sociedade”, aspira a que Galicia sexa “un lugar mellor para vivir, agarimoso co medio ambiente, igualitario”. O acto de apertura contou tamén coa presenza activa do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e das vicerreitoras de Transferencia, María Consuelo Pérez, e de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, así como de representantes das diferentes institucións e empresas que colaboran co evento. “O Pont-Up Store é xa un referente, dentro e fóra de Pontevedra”, salientou o tenente de alcalde, Tino Fernández, nun acto no que o deputado provincial Gregorio Luís Agís, destacou que esta iniciativa “tense convertido nun evento fundamental para o emprendemento en Galicia”, e no que tamén interveu o presidente de AEMPE, José María Corujo, en representación dos diferentes patrocinadores.
Produtos orientados a reducir os residuos plásticos, moda sustentable, mobiliario artesanal realizado a partires de materiais recuperados, motocicletas eléctricas ou zapatillas veganas son algunhas das propostas que os emprendedores e emprendedoras presentan á cidadanía nun recinto no que tamén contan cun espazo a Área de Captación de Alumnado da Universidade e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Un espazo no que tamén están presentes proxectos empresariais xurdidos nas aulas, como a spin-off da Universidade MycoaGalicia Plantae, que centra a súa actividade “en dar a coñecer os recursos micolóxicos dos montes galegos”, e que foi impulsado polas/os tituladas/os en Bioloxía María Cabaleiro, Andrés Cordeiro, Paula Estévez e Hugo Fernández, impulsores desta empresa xunto coa profesora Marisa Castro.
O impulso da xente valente é o lema desta edición do Pont-Up Store, para a que foron seleccionadas 46 novas empresas, que están dando a coñecer os seus proxectos a través das tres modalidades de participación no evento. Así, 36 delas contan cun espazo de balde na carpa da praza de España e algunhas delas participan, xunto ás dez restantes, no Puntazo Express, evento no que dez emprendedores defenden os seus proxectos diante dos e ás responsables de catro empresas, ou ben serán as organizadoras das 14 actividades demostrativas que se desenvolverán na contorna da praza de España. Respecto da orixe e ámbito temático dos proxectos empresariais seleccionados (elixidos de entre as 168 candidaturas presentadas nesta edición) veñen todos eles de diferentes recunchos da nosa xeografía e céntranse sobre todo, como dixemos, no medio ambiente e na sustentabilidade.
Grazas ao apoio activo de máis de 40 entidades, empresas e institucións, o programa do Pont-Up Store reúne neste 2019 máis de 60 actividades agrupadas en diferentes bloques, por exemplo o Laboratorio Creativo, que terá como sede a Sala X de Belas Artes e onde está previsto celebrar unha actividade centrada “na unión de música e vídeo”, coa participación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ao igual que uns obradoiros tecnolóxicos para nenos ou un coloquio sobre educación dixital. Outro bloque é o Espazo Gaming, que reúne actividades vencelladas aos videoxogos na sede da Vicerreitoría, ao que cómpre engadir o Espazo de Economía Social e Creativa ou unha exposición promovida pola Xunta que presenta diferentes “exemplos relevantes no mundo do cooperativismo”. Así mesmo, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor agrúpanse iniciativas como un coloquio promovido pola comunidade WordPress Pontevedra ou un almorzo sobre os novos camiños do emprendemento, coordinado por AJE Pontevedra, AEMPE e Cámara de Comercio. Como novidades desta sexta edición, figuran propostas como o Espazo de Igualdade (que inclúe, entre outras cousas, un encontro de emprendedoras coordinado pola fundación Woman Forward, un coloquio sobre emprendemento feminino e unha exposición sobre as gañadoras dos premios María José Wonenburger, impulsadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, así como un encontro da comunidade Mulleres Atlánticas) ou o Espazo de Innovación Social, no que se presentarán os proxectos Galician Rural Lab e Vulnerables, xunto co Espazo Tecendo Redes.
A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de pór en marcha un programa formativo de empoderamento tecnolóxico-financeiro para as mulleres do noso rural, e faino en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade. Os obradoiros impartiranse en oito concellos galegos (Moaña, A Estrada, Ordes, Boiro, Monforte de Lemos, Monterroso, O Carballiño e o Barco de Valdeorras) entre finais do mes de setembro e mediados de novembro. Nos cursos introducirase ás asistentes en cuestións como os usos e posibilidades da banca electrónica ou o ecommerce. A idea é achegar formación axeitada para compensar a progresiva desaparición da banca tradicional.
En palabras da UCGAL, a Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica constitúe un xeito de “combater a fenda dixital”, fomentar a capacitación financeira e a autonomía económica “nun contexto no que o número de oficinas bancarias diminúe de maneira progresiva e no que as transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día”.
Entre os obxectivos destes obradoiros está o seguinte: que as asistentes adquiran coñecementos e habilidades relacionadas coa Sociedade da Información (banca electrónica, comercio electrónico) e, a maiores, coñezan os seus dereitos como persoas consumidoras e as ferramentas existentes que permiten o exercicio dos mesmos. UCGAL e a Secretaría Xeral de Igualdade colaboran por primeira vez nun proxecto que busca tamén “facilitar a participación das mulleres no entorno dixital e reforzar as súas competencias neste eido ao fin de facelas partícipes dos avances que proporciona a Sociedade da Información”. Na actividade, achegando recursos prácticos e coñecemento, participarán un completo equipo de instrutoras e instrutores con experiencia tanto en novas tecnoloxías como no ámbito do consumo. As actividades levaranse a cabo nas aulas CeMIT dos devanditos concellos e a súa duración será de oito horas, repartidas en catro sesións de dúas horas cada unha. O número de prazas é limitado. As inscricións realizaranse chamando ao 981 56 64 11 ou enviando un correo electrónico a prensa@consumidores.gal.
O obradoiro de Moaña levarase a cabo o 24, 25 e 30 de setembro e o 1 de outubro, en horario de 18.00 a 20.00 horas. O da Estrada será o día 30 de setembro e o 2, 7 e 9 de outubro en horario de 10.30 a 12.30 horas. O obradoiro de Ordes é de 17.00 a 19.00 horas, os días 1, 3, 15 e 17 de outubro. O de Monforte celebrarase en horario de 17.00 a 19.00 horas, os días 7, 9, 14 e 16 de outubro. O curso do Barco de Valdeorras desenvolverase de 17.00 a 19.00 horas, os días 18, 21, 25 e 28 de outubro. O do Carballiño é os días 18, 21, 25 e 28 do mesmo mes, en horario de 16.30 a 18.30 horas. O de Boiro desenvolverase en horario de 17.30 a 19.30 horas, o 23, 24, 30 e 31 de outubro. O de Monterroso celebrase xa en novembro, os días 5, 6, 12 e 13 dese mes, en horario de 16.00 a 18.00 horas.
Baixo o título de Outono Dixital, a aula CeMIT de Ribeira acollerá durante os meses de outubro e novembro novos cursos co obxectivo de introducir á veciñanza nos distintos eidos das novas tecnoloxías. A encargada de detallar a programación foi a concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, acompañada do axente TIC Manuel Bello. En total, son sete as accións formativas ofertadas a persoas maiores de 18 anos e de distintos tipos de perfís.
Existe un límite de prazas establecido en 12 para cada unha das accións formativas e as inscricións poden formalizarse tanto na páxina web, coma nas propias instalacións da aula, situada debaixo da escola infantil municipal, na rúa Cubeliños 1 e no teléfono 981876043.
Tamén se manifestou a intención de abrir un grupo de WhatsApp co obxectivo de informar das convocatorias para o 2020. Así mesmo, Ana Barreiro anunciou que se celebrarán cursos de balde en tódalas parroquias que o requiran, sempre que a demanda sexa dun mínimo de 5 veciños, con posibilidade de consensuar os contidos.
O Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón vén de abrir as inscricións para o curso Formadas no Dixital: Aumenta as oportunidades laborais. Esta acción formativa de empoderamento tecnolóxico ten como principal obxectivo, segundo concretan dende o CIM, “ofrecer ás mulleres formación en novas tecnoloxías orientadas á busca de emprego e potenciar as habilidades dixitais que permitan un desenvolvemento e capacitación dixital óptima”.
As inscricións deberanse formalizar no CIM de Boqueixón enviando un correo electrónico a cim@boqueixon.com ou chamando ao teléfono 981 513 061. A ficha de inscrición pódese descargar na web municipal www.boqueixon.com.
As clases darán comezo o vindeiro 8 de outubro na Aula de Informática do Centro Sociocultural Camilo José Cela de Lestedo (enriba das instalacións da Escola Infantil Municipal Raíña Lupa). As sesións desenvolveranse todos os martes e mércores do vindeiro mes en horario de 17.00 a 19.00 horas. Dende o CIM animan ás veciñas a participaren nesta acción formativa. O curso conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad.