A Coruña quere avanzar na integración social de colectivos en risco. Para isto, o Servizo Municipal de Emprego e Empresa vén de pór en marcha o proxecto Coruña Suma, co-financiado polo Fondo Social Europeo, co obxectivo de “promover a capacitación profesional das persoas desempregadas con máis dificultades para a súa incorporación ao mercado de traballo”. A iniciativa de formación e adestramento abrangue apartados específicos de novas tecnoloxías.
Segundo fai saber o Concello, Coruña Suma é unha iniciativa integradora mesmo na metodoloxía empregada: unha metodoloxía que mobiliza a participación activa dos servizos sociais municipais así como das entidades comprometidas co Pacto Local polo Emprego (sindicatos, entidades do terceiro sector, entidades empresariais, representantes dos traballadores e traballadoras, entidades de economía social, universidade...), que desenvolven unha actividade complementaria da municipal. O proxecto conta cun equipo de coordinación e tres equipos técnicos especializados na xestión de itinerarios integrados e personalizados de inserción, activación para o emprego e adestramento laboral. Cada un destes equipos está formado por cinco profesionais de orientación e intermediación laboral, situados en diferentes barrios: Rosales-Labañou-Agra do Orzán, Sagrada Familia-Mallos e II fase de Elviña-Monelos-Barrio das Flores.
O plan é que nos vindeiros tres anos, a través dos 96 itinerarios do proxecto, se achegue formación a 1.440 persoas desempregadas e se consiga que polo menos 936 (o 65%) accedan a un posto de traballo (o 60% delas serán mulleres). A través de Coruña Suma ofrécese formación con prácticas en empresas en sectores profesionais como: atención a persoas dependentes, comercio e mercadotecnia, deporte, administración, hostalería e turismo, industria alimentaria e informática-TIC (programación con Java, xestión comercial, etc). O orzamento total deste proxecto é de 5.594.142,07 €, cun co-financiamento do Fondo Social Europeo do 80%, 4.475.313,66 € e unha achega municipal do 20%, que ascende a 1.118.828,41 €.
O 66% dos usuarios da sede electrónica da Xunta cualifica o seu funcionamento de bo ou moi bo. Así se recolle a través das enquisas realizadas entre os usuarios nos últimos meses e que serven á Administración para coñecer o seu grao de satisfacción, recoller suxestións e definir futuras liñas de actuación para evolucionar o funcionamento da sede.
A mellora máis reclamada polos usuarios é o autocompletado de campos, para evitar duplicar datos en distintas fases do procedemento; a inclusión de novos procedementos, a implantación dun asistente virtual ou permitir comentarios nas solicitudes.
A sede electrónica, que foi renovada hai un ano para mellorar a súa usabilidade e accesibilidade, concentra a maior porcentaxe de xestións online que realizan os galegos, seguida das oficinas virtuais de o rexistro electrónico.
A xestión online está a consolidarse entre os galegos como a opción para relacionarse coa Administración. Entre xaneiro e xuño de 2019 máis do 50% das xestións rexistradas pola Administración autonómica presentáronse online, ben a través da sede electrónica da Xunta ou das oficinas virtuais, ou no rexistro electrónico. Este é un dos datos que recolle un informe sobre o sistema de indicadores do Plan de Goberno e Administración Dixital de Galicia 2020, elaborado pola Amtega.
O sistema de indicadores do Plan de Administración Dixital ten como obxectivo dar conta da evolución de uso e implantación dos diferentes servizos dixitais para comprobar o nivel de adaptación ás obrigas da Lei 39/2015. Esta información achega valor para a toma de decisións relativas á implantación das medidas do Plan. O sistema de indicadores recolle tanto información de uso por parte de cidadáns e empresas como a nivel interno.
De feito constata o incremento por parte dos empregados públicos da Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, con 4,7 millóns de consultas no primeiro semestre do ano e 64 servizos. Esta plataforma que lle evita aos cidadáns documentos que xa están en poder da administración como o DNI, certificados de familia numerosa ou discapacidade, títulos universitarios... experimentou un aumento no número de consultas de máis do 32% no último ano.
As notificacións electrónicas, que o usuario pode recibir no móbil en lugar de en papel a través da caixa de correo, incrementáronse máis dun 41%, pasando de máis de 137.000 en 2018 a máis de 233.800 en xuño de 2019.
Aínda que se segue a asinar en papel o uso da sinatura dixital continúa a estenderse no funcionamento interno da Administración e na relación con outras administracións e entidades, que poden empregar a Sala de Sinaturas para rubricar documentos. No primeiro semestre deste ano rexistráronse na Xunta máis de 1,8 millóns de documentos asinados electrónicamente fronte a algo máis de 1 millón de 2018.
Aínda que o uso dos servizos dixitais está cada vez máis estendido, as xestións online non poden supoñer unha barreira para ningún cidadán na súa relación coa administración. Por iso, a recentemente aprobada Lei de Administración Dixital de Galicia establece a transformación das actuais oficinas de Rexistro nunha Rede de Oficinas de Atención á Cidadanía, nas que se prestará asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos, solicitudes e documentación como na tramitación da identificación dixital.
En liña co anterior está a figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poda realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa. Con tal fin, a norma establece a creación do Rexistro electrónico xeral de apoderamentos.
Ademais, a norma define, por primeira vez, a creación dun marco galego de competencias dixitais, tomando como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia, para que os cidadáns poidan acreditar os seus coñecementos dixitais e mellorar as súas competencias profesionais
A Administración do futuro máis inmediato busca ter unha visión integral do cidadán, que estea no centro de todo o proceso e que non sexa un actor máis. Conseguilo dará resposta a demanda da sociedade de ter ao seu alcance unha administración máis transparente, proactiva e con máis e mellores servizos.
Tras varios anos de experimentación, un equipo de investigadores e desenvolvedores da universidade sueca de Boras crearon un novo modelo de chaqueta que incorpora pequenos motores hápticos que producen unha vibración localizada, permitindo a comunicación con persoas cunha discapacidade visual e auditiva.
As persoas xordocegas adoitan necesitar a axuda doutra persoa que se comunica con elas mediante o tacto, xeralmente na palma da man ou nas costas.
O obxectivo da tecnoloxía desenvolvida pola universidade sueca é mellorar a autonomía destas persoas creando tecidos que se poidan comunicar co usuario mediante vibracións localizadas.
O último modelo creado por este centro universitario é unha chaqueta que na parte frontal ten un tecido formado por distintos cadrados de tea brancos e negros, como un taboleiro de xadrez. Cada un destes cadrados incorpora un pequeno motor que vibra para comunicarse co usuario xordocego.
Esta tecnoloxía sumarase a outros proxectos no programa Suitceyes da Unión Europea, liderado pola Universidade de Boras, para crear solucións para o guiado de persoas sordociegas.
Estoutros proxectos son, por exemplo, unha tecnoloxía para recoñecer obxectos e caras nas que traballa un equipo grego; ou sensores para detectar obstáculos e traducilo a vibracións que están a ser desenvolvidos por un equipo inglés en Leeds.
Todos estes proxectos que se unen no programa Suitceyes teñen un obxectivo común, axuntar a última tecnoloxía para impulsar a autonomía das persoas xordocegas.
Un total de 51 centros de educación primaria e secundaria de A Coruña, Lugo, Vigo e Ourense participaron durante este primeiro semestre do ano nun programa da confederación COGAMI (Promoción de Educación Inclusiva) para formar a profesores e alumnado sobre as persoas con necesidades específicas, por unha banda, e sobre as novas tecnoloxías accesibles e o seu potencial para favorecer a integración das primeiras, pola outra. O programa, que incluíu actividades de sensibilización, contou coa participación de 232 docentes e 1.115 alumnas e alumnos.
Este proxecto que realiza COGAMI en Galicia faise a través da confederación estatal COCEMFE e é financiado a través dos fondos do 0,7% do IRPF que chegan cando as persoas contribuíntes marcan o recadro de Actividades de Interese Social cando fan a declaración da renda. As temáticas das formacións impartidas polas tres profesionais que levan a cabo este proxecto son sobre Diversidade afectiva-sexual e de xénero, Dinamización de patios de recreo inclusivos, Boccia e outros deportes adaptados ademais de sobre Produtos de apoio para as Actividades da Vida Diaria e acceso ás novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC.
A través deste proxecto constituíuse unha rede de titores tecnolóxicos de apoio ao profesorado destinados á atención dos estudantes con necesidades específicas por motivo das súas características e diversidades. A finalidade é a de promover as melloras na aprendizaxe e previr o fracaso ou abandono escolar en ciclos formativos obrigatorios e non obrigatorios. Segundo informa COGAMI, isto acádase coa introdución de metodoloxías e tecnoloxías inclusivas nos centros educativos que favorezan a autonomía persoal do alumnado. Este programa conta con titoras e titores que teñen por misión motivar, sensibilizar, acompañar, informar e formar no uso das tecnoloxías inclusivas ao profesorado que conta nas aulas con estudantes que requiren este tipo de soporte.
Este sábado 3 de agosto temos en Lugo unha nova cita coas vertentes máis construtivas e participativas das novas tecnoloxías. Estamos a falar do obradoiro de montaxe de impresoras 3D con Ender 3 que organiza a asociación Makers Lugo, en horario de 10.30 a 13.30 horas. Está previsto complementar o taller de montaxe cunha serie de actividades abertas a todos os públicos que terán o obxectivo común de formar aos participantes en deseño e impresión 3D.
Ao longo da xornada o programa da asociación pasa polo seguinte: montar tres impresoras da marca Creality, máis polo miúdo do modelo Ender 3. Os aparellos resultantes do traballo colectivo ficarán no local de Makers Lugo para usos posteriores, complementando o labor de divulgación e experimentación achegado pola impresora 3D coa que xa conta o colectivo. A intención é tirar partido de todos estes enxeños para elaborar o planningformativo do ano nas devanditas materias.
Makers.lugo é unha asociación sen ánimo de lucro, creada en xaneiro de 2014, co ánimo de contribuír á construción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a hardware e software libre. Dende a asociación organizan quedadas, obradoiros e charlas para introducir á xente no movemento Maker e nas súas amplas posibilidades de desenvolvemento, participación e democratización da tecnoloxía e a innovación.
O Concello de Lugo ampliou até mañá, dous de agosto, o prazo para inscribirnos no curso Aprende a ser Instagramer, que organiza o Goberno local (área de Novas Tecnoloxías) a través da iniciativa Tecnoloxíza-T. O curso, que se levará a cabo no Edificio de Novas Tecnoloxías emprazado en pleno casco antigo da cidade da Muralla, é cen por cen de balde e diríxese a mostrarnos as oportunidades, desafíos e modos de emprego de Instagram, a popular rede social de fotografía e vídeos, cada vez máis usada non só con fins creativos e comunicativos, senón tamén como instrumento de primeira orde para complementar un currículo e impulsar a nosa empregabilidade e os nosos contactos.
O horario do curso é de luns a venres de 11.00h a 13.00h, do 5 ó 9 de agosto. O número total de prazas é de 15, para menores de idades comprendidas entre 14 e 16 anos. O obradoiro está encamiñado a usuarios/as cun nivel informático medio. Como dixemos, forma parte do programa Tecnoloxíza-T do Concello de Lugo, que foi presentado o pasado mes de maio pola concelleira Rosana Rielo e que vén constituído, este ano, por un total de 19 e obradoiros, con 225 prazas, a desenvolver na Aula do Castiñeiro e na de María Balteira, así como no Edificio de Novas Tecnoloxías. O obxectivo: mellorar os coñecementos da cidadanía no eido das TIC e as súas múltiples e variadas vertentes.
O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá, a empresa Estación de Servizo J.R Vilariño, unha das empresas beneficiadas polas axudas da última convocatoria para dotar de banda larga ultrarrápida ás empresas illadas, da que se beneficiaron un total de 25 empresas da provincia da Coruña de 17 concellos distintos.
Este plan subvenciona entre o 70 % e 100 % dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 € por proxecto. O custo mínimo do proxecto será de 2.000 €. Cun importe total de máis de 360.000 euros na provincia a Axencia autonómica apoia económicamente para que as empresas teñan acceso a redes de entre 30 e 600Mbps.
Ovidio Rodeiro destacou que concretamente na comarca de Santiago beneficiáronse destas achegas 9 empresas dos concellos de Melide, Arzúa, O Pino, Val do Dudra, Frades e Toques. Estas axudas, que ascenden nesta área a 135.000 euros, están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.
A primeira medida deste Plan foi a mellora da conectividade nos polígonos industriais. En colaboración co operador R facilitouse a cobertura de redes de 350Mbps a 81 que albergan a máis de 1.750 empresas en Galicia. Para conseguilo instaláronse un total de 55 centrais de cabeceira de fibra óptica que permiten, non só atender aos polígonos, senón tamén estender estes servizos de banda larga ultrarrápida ás poboacións próximas a estas centrais.
Estes 81 polígonos cubertos, sumados aos que xa dispoñían de cobertura ou foron cubertos polos operadores, fan un total de 131 polígonos con acceso a redes de máis de 100 Mbps, que concentran o 93% da superficie empresarial ocupada.
Estas actuacións contribúen a eliminar a barreira existente á hora de contratar servizos axeitados de alta velocidade por parte das empresas e autónomos situados en zonas illadas que non dispoñen desta cobertura. Nos últimos catro anos incrementáronse en máis dun 72% as contratacións de servizos de máis de 30Mbps entre as pemes e as grandes empresas galegas
A mellora da conectividade do tecido empresarial é unha das liñas de actuación do Plan de Banda Larga 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). En catro anos as medidas do Plan posibilitaron o acceso a redes de ata 600Mbps a máis de 1.750 empresas de 81 polígonos industriais e outras máis de 80 situadas fora destas áreas.
O Plan de Banda larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta e asume os obxectivos de Europa, complementando as actuacións do Estado. A Axenda Dixital para Europa establece o deber de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30 Mbps para a totalidade da poboación.
A rapazada que queira dar o paso de usuaria a desenvolvedora de tecnoloxías vai ter unha boa oportunidade para facer evolucionar os seus coñecementos prácticos TIC da man da operadora galega R. Ao abeiro do seu proxecto educativo-tecnolóxico CreaR para pequenos e maiores, a segunda fin de semana de agosto (o sábado 10 e o domingo 11) celebrarase na Coruña unha nova edición dos obradoiros de robótica e as charlas didácticas da operadora. Será no marco da Mercado da Colleita da Coruña e a través desta cita porase o foco nas posibilidades que as novas tecnoloxías nos ofrecen se se fai un bo uso delas.
A presenza de R no Mercado ten que ver cunha temática que é lindeira da innovación e a calidade: a sustentabilidade. En base a isto, informa a operadora, “este ano quixemos que os peques da casa tivesen unha participación máis activa a prol da contorna natural”. Por iso, nunha edición estival desta acción lúdica e didáctica, os nenos poderán redeseñar o medio co apoio da súa creatividade. Utilizando materiais naturais (terra, area, palla e auga) construirán estruturas ou espazos de xogo e aprenderán a facer unha casa ou calquera outro elemento sustentable mediante a técnica da bioconstrución. Os obradoiros, para un máximo de 20 nenos por sesión, desenvolveranse nas mañás do sábado 10 e domingo 11 de agosto, organizados en dúas quendas: para nen@s de 5 a 7 anos, de 11:00 a 12:00 h; e para nen@s de 8 a 10 anos, de 12:00 a 13:00 h.
Para formalizar a inscrición nas actividades, cómpre que nos acheguemos a recoller a nosa entrada, previo convite, na tenda R da rúa Compostela, 8 da Coruña (de luns a venres, de 10:00 a14:00 h e de 17:00 a 20:30 h; e os sábados, de 10:00 a 14:00 h). Ademais dos talleres CreaR, no Mercado da Colleita a compañía de cable celebrará neste marco outras actividades abertas a todo o mundo, para as que non será preciso dispoñer de convite previo. “Así”, explica a empresa, “viaxaremos no tempo con xogos tradicionais coma, entre outros, caldeiros colgados, carreiras de tartarugas ou carreiras de coches”. No espazo de R, ademais, “os non tan peques poderán evocar a súa nenez botando man dalgún dos xogos populares de toda a vida”.
Os obradoiros CreaR son outra das accións de R como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia e colaborador do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia (Digitalent), que desenvolve a Xunta de Galicia a través da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).
O Centro Español do Subtitulado e a Audiodescripción (CESyA) e a Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), ofertarán o curso de accesibilidade audiovisual: as claves do subtitulado, que será impartido do 1 outubro ao 30 de novembro de 2019.
O CESyA, centro dependente do Real Padroado sobre Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, xestionado pola UC3M, ofrecerá un curso de accesibilidade audiovisual e subtitulado, que terá lugar do 1 de outubro ao 30 de novembro. O período de admisión finalizará o 23 de setembro.
O obxectivo desta formación é concienciar aos novos profesionais da comunicación, a tradución e o xornalismo para que comprendan a necesidade de crear contidos accesibles para as persoas con discapacidade auditiva.
Estes estudos online realizaranse de forma telemática a través da plataforma de ensino virtual Aula Global, que conterá tanto os contidos teóricos como as tarefas prácticas.
Para a realización dos exercicios do curso de accesibilidade audiovisual, utilizaranse ferramentas informáticas de software libre que non requiran a adquisición de licenzas.
O profesorado estará composto polos investigadores do CESyA, Israel González (departamento de Informática da UC3M), Mónica Souto e Gonzalo Martín.
Os docentes realizarán un seguimento de cada alumno mediante a corrección dos traballos realizados, estando sempre dispoñibles para resolver dúbidas ou cuestións relacionadas coa temática do curso.
Máis información sobre o curso e a matriculación: Web da UC3M
Se es unha persoa con discapacidade visual seguramente utilizas ou oíches falar de Jaws, o lector de pantallas desenvolvido por Freedom Scientific que se converteu nunha das tecnoloxías para persoas cegas máis utilizada en todo o mundo.
En calquera caso, ou por se non coñeces as novidades das últimas versións desta tecnoloxía, os compañeiros de Orientatech, o proxecto posto en marcha a través da Fundación Tecsos, da Cruz Vermella Española e a Fundación Vodafone España, analizaron Jaws en profundidade.
Na súa análise destacan que Jaws é un dos lectores de pantallas máis potentes e personalizables do mercado, polo que se converte nunha das ferramentas de accesibilidade máis útiles para os usuarios de Windows con discapacidade visual.
Ademais, trátase dunha tecnoloxía completa xa que, ademais do lector de pantallas tradicional, incorpora outras opcións moi interesantes e sen custo adicional como un lector de texto en imaxes (OCR) ou Jaws Tandem, que permite controlar o computador en remoto.
Podedes ler a review completa nesta ligazón.