main content

main content
28/05/201908:05
Exterior do edificio da Biblioteca Ánxel Casal.
Santiago de Compostela

A Biblioteca Ánxel Casal móstranos como aproveitar as TIC na nosa vida cotiá

Botar luz sobre todas as actividades diarias (comunicacións, busca de datos, trámites administrativos) que podemos facilitar e axilizar por medio das novas tecnoloxías. Este é o gran obxectivo común dos obradoiros que prepara a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago para este mes de xuño: dous talleres de balde parar formar á cidadanía nas vertentes máis prácticas dos novos dispositivos. Segundo informa a biblioteca, os cursos teñen un carácter práctico de cara á súa aplicación e aproveitamento na vida cotiá.

Os cursos Queres perder o medo ao teu smartphone? e Xestións por internet: banca online, e-Administración, e-Saúde, servizos electrónicos serán impartidos por profesorado da academia Tesdai.

A celebración das sesións formativas terá lugar nas salas de traballo en grupo do terceiro andar. Para o curso Queres perder o medo ao teu smartphone? as persoas participantes deberán traer o seu propio teléfono intelixente. No curso Xestións por internet, a biblioteca porá a disposición de cada unha das persoas admitidas un ordenador portátil con conexión a Internet vía Wi-Fi. Ademais, deberán traer un teléfono móbil para acceder á rede sen fíos.

O período de inscrición abrirase o 4 de xuño e prolongarase ata o 14 de xuño. Requírese inscrición previa chamando ao 881 999 401 ou acudindo directamente ao mostrador do andar baixo da biblioteca. Para poder participar é necesario ser socio ou socia da biblioteca.

28/05/201908:05
Participantes na xornada.
A Coruña

Máis de 80 nenas participaron na iniciativa Oracle4Girls no CITIC

Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña converteuse este sábado 25 de maio nun centro de traballo das rapazas e para as rapazas. Estamos a falar da iniciativa Oracle4Girls, na que participaron máis de 80 nenas e arredor dunha trintena de pais e nais. O obxectivo deste proxecto posto en marcha por Oracle é achegar ás pequenas as disciplinas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).

O evento, que tivo lugar nas instalacións do CITIC no Campus de Elviña, estivo composto por sete obradoiros de circuítos con plastilina condutiva, de iniciación á programación, de controladores de tráfico e de coches teledirixidos, entre outras actividades creativas. Segundo fai saber o centro coruñés, a metodoloxía utilizada nestes talleres de formación baseouse na realización de pequenos proxectos, que permiten ás nenas e adolescentes gañar autoconfianza. En canto ás charlas para pais e nais, a primeira delas desenvolveuse baixo o epígrafe O futuro da tecnoloxía e foi impartida pola investigadora do CITIC e coordinadora do Grao en Enxeñaría Informática da UDC, Laura Castro. Centrouse na importancia da tecnoloxía no presente e no futuro, salientando o papel da educación para promover a vocación científica. A segunda charla, Navega con Rumbo, veu da man da analista forense e membro do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Pilar Vila, que achegou recomendacións para un uso seguro de Internet.

O programa Oracle4Girls xa se levou a cabo noutras cidades como Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Sevilla, Málaga e Xixón, acadando unha participación de máis de 800 nenas en total.

28/05/201907:05
Funda-guía impresa en 3D para un teclado de portátil.
Madrid

Fundación ONCE presenta "Expo 3D Produtos de apoio" unha mostra de obxectos impresos en 3D que melloran a vida de persoas con discapacidade

  • A mostra "Expo 3D Produtos de apoio" da Fundación ONCE inaugúrase este mércores, 29 de maio, ás 11 horas, na Sala Cambio de Sentido de Fundación ONCE (Rúa Sebastián Herrera, 15. Madrid).

 

Baixo o título de "Expo 3D Produtos de apoio", a Fundación ONCE mostra unha serie de deseños innovadores impresos en 3D que permiten mellorar a vida diaria das persoas con discapacidade . 

A exposición "Expo 3D Produtos de apoio" estará aberta ao público desde o luns 27 de maio ata o venres 7 de xuño na Sala Cambio de Sentido da Fundación ONCE (Rúa Sebastián Herrera, 15), en Madrid.

Inauguración

A inauguración da "Expo 3D Produtos de apoio" terá lugar o mércores 29 de maio, ás 11 horas, e contará coa participación de Jesús Celada, director do Real Padroado sobre Discapacidade, acompañado por José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, e Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE.

Paloma Cid, técnico da Dirección de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE, será a encargada de explicar tecnicamente en que consiste o proxecto e ofrecerá unha visita guiada da exposición na que os asistentes poderán ver a impresora 3D en funcionamento.

Proxecto impresión 3D 

O proxecto púxose en marcha dentro do convenio marco que a Fundación ONCE ten co Real Padroado sobre Discapacidade.

A impresión 3D está a converterse nun recurso de indiscutible utilidade en diversos ámbitos, como o industrial e o sanitario, por mencionar dúas das áreas nas que esta técnica ten máis proxección. A Fundación ONCE, ao amparo do convenio co Real Padroado sobre Discapacidade súmase ao uso desta tecnoloxía, deseñando diferentes elementos que faciliten a vida a todas as persoas. Esta modesta exposición mostra algúns dos produtos de apoio sobre os que se estivo traballando durante o pasado ano. O obxectivo é facilitar diferentes tarefas da vida diaria de modo que as persoas poidan executalas da maneira máis independente posible. Todos os deseños da Fundación ONCE son de libre descarga para que quen o necesite, poidan adaptalos ás súas necesidades e imprimilos. https://www.thingiverse.com/fundaciononce/collectionse

28/05/201907:05
Imaxe do curso de Google sobre accesibilidade de aplicacións que mostra a varias persoas utilizando distinta tecnoloxía.
Santiago de Compostela

Google ensina a crear tecnoloxía accesible para persoas con discapacidade

Google segue apostando por mellorar a accesibilidade dos seus teléfonos e da experiencia dos usuarios con discapacidade. Por unha banda, mellora as axudas do sistema operativo Android, mentres que por outro anima aos desenvolvedores de aplicacións a ter en mente a todas as persoas cando deseñen os seus programas.

A Academy for App Success (Academia para ter éxito cunha aplicación) de Google preparou un curso específico para animar e axudar aos desenvolvedores de Android a facilitar o uso das aplicacións a todas as persoas.

O curso explica primeiro que é a accesibilidade dunha aplicación, é dicir, a posibilidade de que calquera persoa, independentemente de se ten unha discapacidade ou non, poida utilizar o programa.

Así mesmo, o curso denominado "Introduction to app accessibility" (Introdución á accesibilidade de aplicacións) subliña os beneficios que gozan as aplicacións que están deseñadas para o seu uso por todas as persoas.

Neste sentido, fai fincapé en como a mellora da accesibilidade afecta á experiencia de usuario.

Por último, o curso ofrece distintas ferramentas para mellorar a accesibilidade dunha aplicación.

Así, Google sinala que, aínda que boa parte da accesibilidade depende do deseño, tamén na programación do código é clave para que todo o mundo poida usar a app.

O cuso defende que pequenos cambios no código da app pode supoñer unha gran diferenza para os usuarios que necesitan tecnoloxía accesible, como pode facelo compatible co lector de pantalla Talkback ou con pulsadores a través de Switch Access.

Se che interesa o curso, podes atopalo aquí: Introduction in App Accessibility

27/05/201913:05
Participantes na Noite das Telecomunicacións. Foto de Eduardo Pérez.
Oleiros

Galicia acubillará o desenvolvemento de 18 pilotos baseados no 5G

A nosa terra vai ser un referente no novo (e prometedor) estándar de telefonía móbil, o 5G. Así o explicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, no transcurso da nova edición (a 24) da Noite das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que organizan o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia. Segundo fixo saber, na nosa Comunidade desenvolveranse un total de 18 casos de uso e pilotos de 5G. Levaranse a cabo nas sete principais cidades galegas “en ámbitos clave para Galicia como a sanidade, as emerxencias, o turismo ou a loita contra os incendios, entre outras”, sinalou. 

Estas iniciativas, engadiu, darán resposta aos requirimentos de Europa aos Estados membros de realizar “casos de uso”, é dicir escenarios nos que se probe e pilote esta tecnoloxía, como paso previo á súa extensión. Así o explicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, na clausura da XXIV Noite das Telecomunicacións, onde tamén lembrou que no marco do Nodo 5G ao que están adheridos Vodafone, Telefónica, Orange e a Universidade de Vigo, vanse a realizar 9 casos de uso baseados en tecnoloxía 5G, cun investimento total de 2 millóns de euros. “A estas iniciativas hai que sumar outras 9 subvencionadas pola entidade estatal Red.es e a compañía Telefónica para desenvolver tamén na Comunidade, e que suporán un investimento público privado de 11,5 millóns de euros en pilotos”, engadiu. 

Plan Galicia 5G

Todas estas liñas de acción abrollan dun programa concreto: o Plan Galicia 5G. Este púxose en marcha en xullo de 2018, complementando as medidas europeas e estatais, cun obxectivo duplo: por unha banda, que Galicia estea na vangarda europea en disposición de servizos 5G e, por outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesarios para desenvolver posibles casos de uso desta tecnoloxía localícese na Comunidade. Unha das primeiras medidas do Plan foi a posta en marcha o pasado mes de novembro do Nodo de Cooperación 5G cun convenio asinado por Orange, Vodafone e Telefónica. Outra das medidas do Plan é a relacionada coa formación. Galicia contará a partir de setembro co primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G, grazas á adhesión da Universidade de Vigo ao Nodo de Cooperación 5G, a través dun convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a AMTEGA, a Universidade de Vigo e RETEGAL.

27/05/201909:05
Rosana Rielo cos carteis de Tecnoloxíza-T!
Lugo

Lugo presenta 19 cursos para avanzar na formación dixital da cidadanía

Lugo preme o acelerador en materia de formación TIC e co Edificio de Novas Tecnoloxías como referente de divulgación. Así o vén de dar a coñecer a edil Rosana Rielo, responsable de Concello e Cidadanía, que presentou o xoves un amplo programa de obradoiros para o verán, agrupados baixo a etiqueta deTecnoloxíza-T! Son, en total, 19 cursos con 225 prazas, a celebrar dende o 3 de xuño. Desenvolveranse no dito Edificio de Novas Tecnoloxías e máis na Aula do Castiñeiro e na de María Balteira. O obxectivo é optimizar e impulsar a capacitación dixital da cidadanía. Os obradoiros complétanse con titorías tecnolóxicas. 

No caso da aula do Castiñeiro, as actividades están dirixidas sobre todo a rapaces e rapazas de 8 a 14 anos, e no resto, aberto a todas as idades. Así mesmo, na aula do Castiñeiro as actividades serán en xornada de mañá e na de María Balteira e no Edificio de Novas Tecnoloxías, serán ben en quenda de mañá ou de tarde. Por temáticas, tocaranse cuestións como a edición de fotografía e vídeo, a informática en xeral (introdución), a robótica, as aplicacións móbiles, os trámites bancarios dende os smartphone, as posibilidades do móbil, a comunicación por Whatsapp, as redes sociais no noso smartphone, como aprender a sermos instagrammers ou youtubers, como crear videoxogos ou as posibilidades do Autocad.

Tal e como explicou Rielo, o número máximo de alumnos e alumnas é de 10 ou 15, dependendo da actividade formativa, sendo o mínimo de persoas inscritas de 8 no caso de que as prazas ofertadas sexan 15, ou de 6 no caso de 10 prazas. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición no Edificio de Novas Tecnoloxías, até as 20:00 horas do día do peche da inscrición, que é distinto para cada curso. O acceso ás actividades formativas será por sorteo, que se celebrará ás 20:30 horas do propio día do peche da inscrición. A listaxe de persoas admitidas poderá consultarse no propio centro ou a través do Servizo de Información Municipal 010. Será necesario asistir a un 80% das horas para recibir o diploma. No caso de que a demanda supere amplamente a oferta, a entidade local poderá organizar máis dun curso.

24/05/201923:05
Participantes na Noite das Telecomunicacións. Foto de Eduardo Pérez.
Oleiros

Galicia posiciónase no impulso ao 5G co desenvolvemento de 18 pilotos baseados nesta tecnoloxía

  • Realizaranse nas sete principais cidades galegas en ámbitos clave para Galicia como a sanidade, as emerxencias, o turismo ou a loita contra os incendios
  • A directora da Amtega clausurou hoxe a XXIV Noite das Telecomunicacións, baixo o lema “A Converxencia tecnolóxica 5G”
  • A Axencia puxo en marcha en xullo de 2018 o Plan Galicia 5G, complementario ás medidas europeas e estatais


Desenvolveranse un total de 18 casos de uso e pilotos de 5G nas sete principais cidades galegas en ámbitos clave para Galicia como a sanidade, as emerxencias, o turismo ou a loita contra os incendios, entre outras. Estas iniciativas dan resposta aos requirimentos de Europa aos Estados membros de realizar “casos de uso”, é dicir escenarios nos que se probe e pilote esta tecnoloxía, como paso previo á súa extensión. 

Así o explicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na clausura da XXIV Noite das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que organizan o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.

No marco do Nodo 5G ao que están adheridos Vodafone, Telefónica, Orange e a Universidade de Vigo, vanse a realizar 9 casos de uso baseados en tecnoloxía 5G, cun investimento total de 2 millóns de euros.

A estas iniciativas hai que sumar outras 9 subvencionadas por Red.es a Telefónica para desenvolver tamén na Comunidade, e que suporán un investimento público privado de 11,5 millóns de euros en pilotos.

Plan Galicia 5G

A Amtega puxo en marcha en xullo de 2018 o Plan Galicia 5G, complementario ás medidas europeas e estatais, cun dobre obxectivo: por unha banda, que Galicia sexa das primeiras rexións europeas en dispoñer de servizos 5G e, por outra, que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesarios para desenvolver posibles casos de uso desta tecnoloxía se localizase na Comunidade.

Unha das primeiras medidas do Plan foi a posta en marcha o pasado mes de novembro do Nodo de Cooperación 5G cun convenio asinado por Orange, Vodafone e Telefónica. Outra das medidas do Plan é a relacionada coa formación. Galicia contará a partir de setembro co primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G, grazas a adhesión da Universidade de Vigo ao Nodo de Cooperación 5G, a través dun convenio asinado o pasado mes de febreiro entre a Amtega, a Universidade de Vigo e Retegal.

Estratexia Dixital de Galicia 2030

A directora da Amtega destacou que, ademais do 5G o Goberno galego quere aproveitar as tecnoloxías dixitais como a intelixencia artificial, a Internet das cousas, a intelixencia do dato ou a ciberseguridade para conseguir uns sectores produtivos máis competitivos que poidan facer fronte aos desafíos da globalización; ofrecer solucións as necesidades derivadas do reto demográfico; contribuír a un desenvolvemento máis sostible que protexa o medio ambiente; fomentar a capacitación dixital das persoas para que poidan facer fronte aos retos laborais e sociais derivados da transformación dixital.

Con este obxectivo vense de aprobar o proceso de lanzamento da Estratexia Dixital de Galicia 2030. Con esta nova folla de ruta para a vindeira década o Goberno galego reafirma o compromiso e aposta polo tecnoloxía adquiridos en 2009, e que se foi renovando e reforzando cos diferentes obxectivos marcados nas dúas Axendas Dixitais de Galicia. 

24/05/201908:05
Un paciente de Parkinson ponse o cinto equipado co Holter STAT-ON coa axuda da doutora Àngels Bayés. Fotos: UPC.
Barcelona

Investigadores desenvolven un dispositivo con intelixencia artificial para monitorar aos pacientes de Parkinson

Dez anos de investigación conxunta do Centro Médico Teknon, a Universidade Politécnica de Cataluña (UPC) e "Sense4Care" deron como resultado un dispositivo que permite monitorar todo o día aos pacientes de Parkinson, recompilando unha información clave para axustar con maior precisión o tratamento que han de seguir.

O dispositivo STAT-ON, "o Holter para o Parkinson", utiliza intelixencia artificial e ten un pequeno sensor que se coloca nun cinto especialmente deseñado para el, que permite unha monitoraxe continua do estado motor do paciente na súa contorna familiar.

Técnicas de intelixencia artificial

Debido a que cada persoa móvese dunha maneira diferente, o Holter pensouse para poder adaptarse a cada paciente. Para iso usa os primeiros datos que obtén do paciente, "aprendendo" os seus movementos e, mediante técnicas de intelixencia artificial, personaliza os algoritmos que emprega para rexistrar os seus síntomas motores. Unha vez feito este paso, o Holter traballa de forma autónoma e é moi fácil de utilizar. Mentres é portado polo paciente, non necesita ningún tipo de accionamento nin conexión.

"Dado que o dispositivo non é invasivo, o paciente pode usalo na súa vida normal", afirma Joan Cabestany, investigador do Departamento de Enxeñería Electrónica da UPC e de Sense4Care, "o Holter rexistra o seu estado motor en cada momento do día. Logo xérase un informe do estado motor do paciente ao longo da xornada".

Importancia de coñecer en cada momento o estado do paciente

O tratamento actual do Parkinson é de tipo sintomático, dirixido a equilibrar no posible a falta de certos neurotransmisores como a dopamina. Ao cabo duns dous anos de bo control clínico con levodopa, o precursor da dopamina, aparecen fluctuacións nun 50% dos pacientes. Así, os síntomas motores do Parkinson avanzado fluctúan varias veces durante o día, en relación coas tomas de levodopa.

É o que se coñece como períodos ON e OFF, e son resultado da dispoñibilidade ou non de dopamina a nivel cerebral. O estado ON adoita aparecer ao pouco da inxesta de medicación e é cando o paciente se sente ben, cunha funcionalidade práctica e correcta dos movementos. Pola contra, o estado OFF é cando os síntomas motores adoitan manifestarse, limitando severamente a mobilidade e a independencia en moitos pacientes.

Recompilación de datos clave

O tratamento do Parkinson avanzado céntrase en controlar estas fluctuaciones, pero ata a data os neurólogos atopáronse coa dificultade de poder facer unha adecuada avaliación das mesmas. Con este dispositivo é posible rexistrar de forma permanente as fluctuacións ON/OFF que experimentan os pacientes, así como monitorar outros síntomas motores para adecuar moito mellor os tratamentos e mellorar de forma significativa a calidade de vida destas persoas.

"Este dispositivo non proporciona ningún tipo de diagnóstico", explica a doutora Àngels Bayés, da Unidade de Parkinson do Centro Médico Teknon " Quirónsalud, "pero a información recompilada é de gran valor para os profesionais da saúde, que poden así determinar con precisión o verdadeiro estado dun paciente".

24/05/201907:05
Momento de entrega dos premios dunha anterior celebración.
Oleiros

Todo listo para a celebración este venres da Noite das Telecomunicacións 2019

Este venres 24 de maio celébrase en Oleiros, na Finca Montesqueiro, a 24 edición da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, organizada novamente polo Colexio e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG). Na cita participarán arredor de 300 profesionais TIC. O decano do colexio, Julio Sánchez Agrelo, intervirá ao inicio do evento, no decurso do cal entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2019. A Noite dará comezo ás 20.00 horas. 

A nova convocatoria da celebración tecnolóxica (a número 24) desenvolverase baixo a temática da tecnoloxía 5G, o novo estándar de comunicación móbil chamado a ser o impulso definitivo da gran revolución tecnolóxica que estamos a piques de presenciar.... e vivir: a revolución da Internet das Cousas, da análise da información a gran escala e mesmo da robótica e da Intelixencia Artificial. A cita, engade a organización, contará coa presenza activa de empresas pioneiras na implantación desta tecnoloxía 5G en Galicia e outras relacionadas. O fito principal do acto estará marcado, precisamente, pola entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2019, cuxa gala estará conducida polo célebre actor galego, Manuel Manquiña. O evento desenvolverase seguindo este plan: 

  • 21,40 h. (aprox).- Intervención do decano do COETG, Julio Sánchez Agrelo. 
  • 22,10 h. (aprox).- Intervención do Enxeñeiro do Ano, Rafael Moya. 
  • 22,15 h. (aprox).- Intervención da directora da AMTEGA, Mar Pereira.
23/05/201917:05
Relatores de Galicia TIC.
Santiago de Compostela

Os expertos reunidos en GaliciaTIC coinciden en alentar a transformación

Hoxe celebrouse en Santiago, na Cidade da Cultura e ante a presenza duns 250 asistentes, a nova edición (a 27) de GaliciaTIC, o senlleiro encontro tecnolóxico galego. No congreso, organizado pola asociación de empresas dixitais Ineo, participaron relatores de primeiro nivel, até 30, como por exemplo Ed Gabrys, experto analista da consultora Gartner, quen pronunciou a conferencia inaugural. Gabrys asegurou que para que a transformación dixital “sexa efectiva” é preciso que as organizacións e empresas aposten “polo cambio cultural”. E engadiu: “Coido que o problema real non é que a cultura da organización sexa resistente ao cambio, senón que os líderes de transformación dixital carecen con frecuencia dos métodos ou das ideas para cambiar os comportamentos culturais”. 

A XVII edición de GaliciaTIC 2019 congregou a preto 250 asistentes e abordou os retos aos que se enfronta o sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación na nosa terra. Así, nos intres previos á intervención de Gabrys, celebrouse un debate no que participaron expertos da denominada tripla hélice da innovación (administración, universidade e empresa) e que foi moderado polo director do foro, Miguel Merino. Segundo asegurou Merino, “atopámonos ante un momento clave debido á maduración de tecnoloxías que marcan un antes e un despois na liña do desenvolvemento innovador, que son cada vez máis coñecidas e empezan a ser aplicadas ao mundo empresarial e á sociedade en xeral”. No debate participaron Mar Pereira, directora da AMTEGA; Miguel Merino, en representación da Universidade de Vigo; Fernando Vázquez, director executivo e fundador de Imatia; Ramón Ares, director executivo de Ozona e Luis Sestelo, presidente de Ineo. Os cinco abordaron os desafíos do sector TIC galego e temas como a importancia da internacionalización ou as solucións á escaseza de talento tecnolóxico-dixital. Mar Pereira, directora de AMTEGA, arrincou o debate falando do impacto que ten a tecnoloxía en todos os aspectos e incidiu en que hai que reforzar o ecosistema dixital coa especialización e as alianzas: “Necesitamos perfís que xestionen e lideren proxectos de transformación dixital que son os que nos sitúan de maneira diferencial en todo o mundo”.

Merino, pola súa banda, explicou que o sector TIC en Galicia representa o 5% do total de España, e que isto só se reflicte nun 2,7 % da súa contribución ao PIB nacional. A este respecto, Fernando Vázquez, de Imatia, apuntou a que “o problema do medre pasa polo investimento” e fixo fincapé na importancia de capitalizar as empresas “para que estas poidan crecer e apostar pola creación de produtos”. Para Luis Sestelo, é fundamental a colaboración empresarial: “Precisamos que as compañías poidan traballar de maneira colaborativa, fai falta gañar tamaño e especializarse”. Ramón Ares, CEO de Ozona, salientou que “en Galicia cústanos ceder a propiedade. A maior parte das empresas son froito de iniciativas profesionais que se concretaron en empresas, que son dirixidas polas mesmas persoas que as crearon e ás que lles custa ceder parte da xestión”. Ares animou a todas as tecnolóxicas a “traspasar fronteiras” e fixo fincapé “na calidade das empresas galegas que están internacionalizadas”. 

Ao longo da mañá, GaliciaTIC 2019 acolleu outras mesas de debate nas que participaron especialistas de empresas de renome como Orange, Microsoft, Nokia, R, Abanca, Telefónica, Hijos de Rivera, Sanitas ou Deloitte, entre outras moitas. Tratáronse cuestións como a Intelixencia Artificial na empresa, o traballo dixital, a computación na nube, as tecnoloxías 5G, as Cidades Intelixentes, a aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito sanitario, a escaseza do talento TIC e a Industria 4.0, automatizada, sustentable e eficiente.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS