main content

main content
23/05/201912:05
Impresora 3D.
As Pontes

Os vehículos solares centran unha nova sesión dos Amigus Labs

Este vindeiro mes de xuño as argalleiras e argalleiros que queiran avanzar nas súas capacidades e coñecementos van ter unha ocasión ideal para facelo: unha nova edición dos Amigus Labs, os obradoiros maker que convocan regularmente os integrantes da Asociación Amigus en colaboración con Merca nas Pontes. A cita será os días 1 e 2 de xuño na Biblioteca Profesional de Música das Pontes. Será a edición 19.2 dos Amigus Labs. Avanzarase nos tres proxectos que levarán á comunidade Amigus á cuarta Regata Solar que organiza Marine Instruments en Baiona o vindeiro 22 de xuño.

Trátase de tres proxectos abertos, realizados ao abeiro do Fab Lab de Amigus, nos que calquera pode participar para fomentar a creatividade en común e a colaboración. En todos eles empréganse software e hardware libre ou de código aberto. As tarefas pendentes son as seguintes:

  • Por unha banda, cómpre rematar a programación e configuración dun banco de probas, para analizar de forma sinxela a eficiencia de distintos motores e hélices e verificar cal achegará un meirande rendemento. O prototipo desenvolveuse con dous Arduinos Nano, sensores de IR e UV, un sensor de carga e un voltímetro mediante un divisor de corrente. Os valores que se avaliaron nos Amigus Labs previos foron en parte os empuxes que fornecen cada conxunto de hélices e o motor en función de diferentes condicións de corrente simuladas que se obteñen coa placa solar. 
  • Outro dos labores a retomar é a construción do barco solar, de novo deseñado e impreso en 3D e que está xa nun avanzado estado de desenvolvemento: restan uns derradeiros retoques de pintura no casco, e falta engadirlle a electrónica e mecánica e comenzar as probas de navegación no Lago das Pontes. Segundo informan dende Amigus, “este ano o buque ten un deseño máis eficiente, baseámonos unha vez máis no deseño dun trimarán con hydrofoil, que esperemos que nos faga un excelente rendemento, tal e como fixo nas probas do simulador”.
  • O terceiro dos proxectos é un coche solar, que se está acabando de imprimir en 3D, evitando botar man (no posible) de pezas comerciais. Durante a Amigus Labs montaranse e deseñaranse as partes de hardware e software libre para o control. Tódalas actividades realizaranse de 10:00 a 20:00, facendo unha parada para xantar de 14:00 a 16:00 o sábado e de 10:00 a 14:00 o domingo.
23/05/201908:05
Cartel do evento.
A Coruña

Youtubeir@s convoca dúas xuntanzas para impulsar máis vídeos en galego nas redes

O certame Youtubeiras.gal, dirixido a encher as redes de vídeos en galego da nosa mocidade, vai coller impulso con dous grandes encontros de intercambio entre persoas xeradoras de contidos dixitais no Youtube. O obxectivo: motivar a súa vinculación e crear redes conxuntas de traballo. Cómpre lembrar que o concurso atópase a día hoxe na súa terceira edición, baixo o epígrafe Conéctate á comunidade e multiplícate

O certame vén da man dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua. Unha das grandes novidades deste ano foi a posta en marcha de recursos extra para facer medrar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, amais de fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade que producen contido en Youtube. Froito destes obxectivos convocáronse as dúas xuntanzas das que falamos ao comezo deste artigo. A primeira delas, Youtubeir@s en conexión, celebrarase o vindeiro 8 de xuño na Coruña e estará aberta á participación de todas as persoas que no panorama galego creen vídeos no Youtube.

A finalidade é achegar un espazo para reflexionar sobre o panorama creativo nesta plataforma dende varios ámbitos, a cuestión lingüística na Rede, a perspectiva temática ou o eido de fomento de públicos. Esta xornada de convivencia, dinamizada por Ben Curiosa (equipo de profesionais ao servizo do coñecemento e a creatividade en común) celebrarase entre as 10.30 e as 13.30 horas no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña (Rúa da Veeduría, 2). As prazas para participar son limitadas e cómpre inscribirse a través de formacion@youtubeiras.gal.

O segundo evento, Lista de reprodución ao vivo, será o 28 de xuño entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela). Esta cita quere emular o espírito das bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”. Esta será a metodoloxía: cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá facer preguntas e interactuar cos chamados “vídeos vivos”. Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). O público que desexe participar deberá inscribirse antes do 26 de xuño a través do correo formación@youtubeiras.gal.

22/05/201916:05
Asistentes ao acto da primeira conexión 5G en roaming a nivel mundial.
Tui

Galicia aspira a ser das primeiras rexións europeas en dispoñer dos servizos avanzados que posibilitará o 5G en eidos como o vehículo conectado ou a extinción de incendios

  • Feijóo asevera que a Comunidade quere seguir aproveitando as oportunidades desta tecnoloxía para mellorar tamén a calidade dos servizos públicos básicos, como a sanidade –coa prestación de servizos médicos a distancia- ou a educación
  • O presidente da Xunta incide en que Galicia conta, entre outros aspectos, cun hipersector TIC, formado por 3.400 empresas e máis de 23.000 profesionais
  • O titular da Xunta avoga por seguir apostando pola formación e lembra que só en España o impacto económico do 5G nos sectores da automoción, saúde, transporte e servizos públicos será de máis de 14.600 millóns antes do 2025
  • Afirma que a cidade de Vigo e a cidade da Coruña converteranse nas dúas primeiras cidades de España e das poucas de Europa que van ter cobertura 5G

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia aspira a ser das primeiras rexións europeas en dispoñer dos servizos avanzados que posibilitará o 5G en eidos como o vehículo conectado ou a extinción de incendios.

Durante o acto celebrado con motivo da primeira conexión 5G Vodafone en mobilidade (roaming) a nivel mundial, entre Tui e Valença do Minho, Feijóo aseverou que a comunidade galega quere seguir aproveitando as oportunidades desta tecnoloxía para mellorar a calidade dos servizos públicos básicos, como a sanidade –coa prestación de servizos médicos a distancia- ou a educación; incrementar a competitividade das empresas; e favorecer o desenvolvemento das cidades intelixentes e os vehículos conectados.

Para isto, resaltou que a Comunidade conseguiu conformar un nodo 5G, co compromiso dos tres principais operadores -Vodafone, Telefónica e Orange- para realizar 9 casos de uso de 5G ata o 2020. Ao respecto, destacou, a modo de exemplo, os tres proxectos piloto de Vodafone: un en materia de extinción de incendios. Outro sobre a ambulancia 5G, conectada en tempo real a través de redes sen fíos de alta capacidade que permite a monitorización do paciente crítico remoto. E, en relación á terceira iniciativa, Feijóo destacou a aposta polo coche conectado, para a mellora na xestión do tráfico en interseccións coa comunicación entre vehículos e viandantes, entre outros aspectos.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta incidiu en que Galicia non só quere estar presente nesta revolución cotiá que imos vivir, senón que conta ademais con capacidade e fortalezas para posicionarse: con empresas tractoras en sectores como a automoción, o téxtil ou a alimentación; cun hipersector TIC, formado por 3.400 empresas e máis de 23.000 profesionais; con universidades e centros tecnolóxicos en ámbitos como as telecomunicacións, a supercomputación e a automoción, ou a Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo; con proxectos innovadores directamente relacionados coas tecnoloxías 5G, como o corredor entre Vigo e Porto para realizar ensaios transfronteirizos en torno ao vehículo conectado; e co operador público neutro, Retegal, con capacidade para facilitar e racionalizar os despregamentos en rede.

Así mesmo, Feijóo fixo fincapé na importancia de ofrecer formación neste eido, mentres os diversos sectores profesionais toman conciencia das oportunidades e cambios que pode supoñer o 5G en conxunción con outras tecnoloxías, referíndose á posta en marcha, en setembro, do novo Curso de Especialista en Tecnoloxías de Quinta Xeración, con 200 horas lectivas e a participación de expertos do mundo empresarial. Non en van, estímase que só en España o impacto económico do 5G nos sectores da automoción, saúde, transporte e servizos públicos será de máis de 14.600 millóns de euros antes do 2025.

Feijóo concluíu reiterando que Galicia aspira a seguir posicionándose no eido do 5G como a única Comunidade en presentar iniciativas dos tres operadores ás axudas estatais para subvencionar pilotos 5G. “E a cidade de Vigo e a cidade da Coruña converteranse nas dúas primeiras cidades de España e das poucas de Europa que van ter cobertura 5G” abundou.

Primeira conexión transfronteriza con 5G a nivel mundial

Vodafone España e Vodafone Portugal, xunto a Ericsson levaron a cabo hoxe a primeira conexión 5G de datos transfronteriza do mundo, entre as localidades de Tui e Valença do Minho.

Deste xeito, dous xogadores profesionais do equipo Giants Vodafone (Fox y Tojor) completaron o traxecto entre Tui e Valença en dous coches mentres xogaban en sendas tablets a PUBG Mobile.

Durante o traxecto os gamers desfrutaron das vantaxes do 5G, con valores de latencia inferiores a 10ms e velocidades superiores aos 700Mbps.

O gaming é un dos sectores que se verá máis beneficiado desta tecnoloxía, xa que proporciona as latencias necesarias para xogar en tempo real en calquera momento e en calquera lugar. O 5G reducirá notablemente os tempos de resposta das apps móbiles, permitindo a aparición de novas categorías de xogos móbiles, así como de potenciais campionatos e ligas profesionais nestas plataformas.

22/05/201911:05
Catro rapazas mirando un portátil.
A Coruña

O 25 de maio temos no CITIC unha cita coas rapazas e as novas tecnoloxías

As celebracións das contribucións femininas á investigación científica e tecnolóxica non cesan. Se o mes pasado, o 25 de abril celebramos no mundo (e na nosa terra) o Día Internacional das Rapazas nas TIC, este mes de maio, o día 25, as mozas tecnólogas volverán ser protagonistas. O motivo? O desenvolvemento no Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (o CITIC) do evento Oracle4Girls. O obxectivo é fomentar o interese das nenas e as adolescentes polos estudos científico-técnicos, amais de visualizar as importantes oportunidades que se abren a través destes vieiros formativos.

A cita vén da man do CITIC da UDC e Oracle Academy e inclúe diferentes obradoiros formativos de temática tecnolóxica nos que participarán ao redor de 100 nenas con idades comprendidas entre os 5 e os 17 anos. O proxecto Oracle4Girls, como dixemos, ten como finalidade promover o interese das nenas e as adolescentes nas ramas tecnolóxicas e contribuír así a fomentar a presenza feminina nas carreiras STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Mathematics). Durante a xornada, as rapazas poderán participar en diferentes accións divulgativas nos que se fomentará a creatividade e a experimentación a través de talleres de robótica, programación e tecnoloxía.

De maneira paralela aos obradoiros, desenvolveranse dúas charlas para nais e pais. A primeira, baixo o título O futuro da tecnoloxía, celebrarase ás 10.00 horas e será impartida por Laura M. Castro, coordinadora do Grao de Enxeñaría Informática da UDC e investigadora do CITIC. A segunda charla, Navega con Rumbo, será ás 12.00 horas e será impartida por Pilar Vila do CPEIG. As persoas interesadas en asistir ao evento poden formalizar a súa inscrición na web do evento.

22/05/201908:05
Un home maior conversa cun mozo de forma divertida.
Santiago de Compostela

A tecnoloxía que anima a mozos a adoptar avós e loitar contra a soidade

  • O programa MenCia de United Way, que busca ofrecer acompañamento semanal continuo a persoas maiores que viven en soidade en residencias, uniuse á tecnoloxía de Adopta un Avó para animar aos mozos para ofrecer a súa compañía a persoas maiores en soidade que viven en residencias.

O obxectivo deste proxecto conxunto é mellorar o benestar dos maiores, aumentando as súas capacidades físicas e impulsando o seu achegamento á sociedade mediante o restablecemento de relacións que foi perdendo.

Aí é onde entra Adopta un Avó, unha app que pon en contacto a mozos e maiores que necesitan compañía. A través da tecnoloxía, os mozos interesados en acompañar aos maiores elixen a residencia que máis lles conveña e o día e a hora das visitas que mellor se adapte á súa dispoñibilidade.

A idea é que, ademais de facer compañía á persoa maior, o mozo participante aprenda da experiencia e sabedoría do seu novo "avó". As visitas realízanse sempre en parella para enriquecer aínda máis o encontro.

Antes de realizar a primeira visita, os mozos reciben unha sesión de formación e coñecerán ao equipo de voluntarios para facilitar o inicio da relación coa persoa maior á que van acompañar.

Este fantástico proxecto foi, ademais, recoñecido polo Banco Santander na súa XI Convocatoria de Proxectos Sociais, que recibirán axudas coas achegas voluntarias dos empregados da entidade e do propio banco.

21/05/201917:05
Cartel do evento.
Madrid

A directora da Amtega sinala que a transformación dixital permitirá á administración pública ofrecer uns servizos personalizados e proactivos

  • Mar Pereira participou hoxe en Madrid no Digital Enterprise Show 2019, un foro internacional que aborda as tendencias e os desafíos da economía dixital
  • Interveu nun panel no que se abordaron os retos das Comunidades Autónomas na dixitalización das Administracións Públicas
  • Destacou que Galicia segue unha estratexia, planificada e cun orzamento asignado que serviu para investir en plataformas e infraestruturas tecnolóxicas, ciberseguridade e capacitación dixital para avanzar neste camiño
  • Sostivo que estes proxectos deben ser transversais, desenvolverse nun modelo de cooperación interadministrativa e ir acompañados do marco xurídico adecuado
  • Lembrou que está en trámite parlamentario o Proxecto de Lei de Administración Dixital de Galicia


Pasar dunha Administración reactiva e xeneralista a uns servizos públicos proactivos e personalizados é un dos obxectivos principais do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020, que está a desenvolver a Xunta de Galicia. Así o destacou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, durante a súa intervención esta mañá no Digital Enterprise Show (DES) 2019, que se está a celebrar en Madrid.

A directora da Amtega participou, xunto con responsables das Comunidades de Madrid, Andalucía, Valencia e Cataluña, no Panel "Digital First. Innovación 4.0 e dixitalización nas Administracións públicas” no que abordaron os principais desafíos autonómicos no desenvolvemento das estratexias de transformación dixital e expuxeron os plans en marcha e obxectivos das súas comunidades neste ámbito. 

Mar Pereira sinalou que para acadar a transformación dixital son precisos, tanto liderado político, como capacidade executiva para desenvolver un proxecto que teña impacto transversal na organización, ademais de orzamento e tempo.

O caso galego

Neste sentido, Galicia leva traballando desde 2010 na dixitalización da Administración cunha estratexia planificada, primeiro o Plan de Modernización da Administración e agora o Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020, que cunhas medidas definidas permitiron investir en plataformas e infraestruturas tecnolóxicas, medidas de seguridade e capacitación dixital, tanto dentro como fóra da Administración para evitar a fenda dixital. 
A directora da Axencia afondou na necesidade de que todas estas medidas vaian acompañadas do marco xurídico adecuado e lembrou que en Galicia está en trámite parlamentario o Proxecto de Lei de Administración Dixital, que busca acadar un marco normativo único para consolidar unha administración integramente dixital, máis accesible e proactiva. 

Por último, a directora da Amtega destacou a importancia da cooperación interinstitucional en todo este proceso para facilitar un modelo conxunto de servicios que facilite a reutilización e a interoperabilidade entre administracións. A Xunta de Galicia ten a disposición dos concellos e deputacións unha carteira de servizos dixitais para facilitar a incorporación das entidades municipais, especialmente das máis pequenas, á transformación dixital. 

Digital Entreprise Show (DES) 2019

O DES é un evento internacional para directivos sobre dixitalización, que celebra este ano a súa cuarta edición. O certame, que se consolida como o maior foro profesional europeo sobre transformación dixital, reúne en Madrid entre hoxe e o día 23 de maio, a máis de 20.000 profesionais de todo o mundo para coñecer as tecnoloxías que están a impulsar a competitividade e novos modelos de negocio para empresas. 

21/05/201914:05
Cartel do evento.
Oleiros

O COETG-AETG celebra esta semana a súa gran celebración anual

Esta semana vanse celebrar as cousas que nos levan directos cara ao progreso tecnolóxico, científico, social, empresarial e cultural. Ou sexa, celébranse as novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e os esforzos humanos por estendelas, universalizalas e empregalas para crear un mundo mellor. Estamos a falar da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebra o venres 24 de maio na Finca Montesqueiro emprazada en Oleiros, A Coruña da man do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG). Durante o seu transcurso, entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións

Segundo nos contan dende o COETG-AETG, a nova edición da Noite (a número 24) desenvolverase baixo a temática da tecnoloxía 5G, o novo estándar de comunicación móbil chamado a ser o impulso definitivo da gran revolución tecnolóxica que estamos a piques de presenciar... e vivir: a revolución da Internet das Cousas, da análise da información a gran escala e mesmo da robótica e da Intelixencia Artificial. 

A cita, engade a organización, contará coa presenza activa de empresas pioneiras na implantación desta tecnoloxía 5G en Galicia e outras relacionadas. En termos máis xerais, a Noite preséntase novamente como un dos grandes eventos de networking e confraternidade tecnolóxica de Galicia e todo o ámbito estatal. Alí estarán, unha vez máis, boa parte das máis destacadas empresas e entidades do sector TIC, na compaña das e dos integrantes do colexio-asociación. 

Desta volta, a Noite celebrarase na Finca Montesqueiro emprazada en Oleiros, A Coruña, co que se pretende dar continuidade ao carácter itinerante de celebración por distintos puntos da xeografía galega (o ano pasado desenvolveuse no Hotel Los Escudos de Vigo). 

Coma en edicións anteriores, no acto converxerán os profesionais, as empresas e as entidades máis representativas do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), tanto de Galicia como a nivel nacional ou internacional, con representación na nosa Comunidade.

Premios Galicia das Telecomunicacións 

Os galardóns Premio Galicia das Telecomunicacións, que serán entregados este 24 de maio na Finca Montesqueiro de Oleiros (no decurso da XXIV Noite Galega das Telecomunicacións), irán dar este ano a Rafael Moya Fernández, ao CTAG, a Nova Pescanova e á aplicación Aperta. Con estas distincións, sinalan as entidades convocantes (COETG-AETG), enxálzase novamente o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e empresas. 

Como dixemos, vanse entregar catro premios. O primeiro deles, o Premio Enxeñeiro do Ano 2019 recoñece a traxectoria de Rafael Moya Fernández un enxeñeiro de telecomunicación cunha dilatada e fecunda traxectoria profesional en Galicia. Moya leva máis de 23 anos vinculado a Telefónica e actualmente é o director de Operacións da Zona Norte desta compañía. O xurado tivo en conta para outorgar este premio “a contribución deste profesional ao progreso da profesión, ocupando diferentes postos de responsabilidade e a súa constante sintonía e proximidade con todos aqueles cos que traballou directamente”. 

O Premio Socio de Honra, que recoñece a aqueles persoeiros ou entidades que salienten pola súa promoción das telecomunicacións na nosa Comunidade Autónoma, distingue o labor do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG). As xuntas directivas do COETG e a da AETG valoran como razóns determinantes da concesión deste premio “a contribución do CTAG ao desenvolvemento das TIC e a súa implicación no sector, a través dos proxectos de vangarda que desenvolve como é o caso do proxecto do vehículo autónomo”. 

O Premio Axians 2019 á Empresa Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación distingue o labor de Nueva Pescanova, “pola utilización das TIC na transformación do grupo para seguir sendo un referente a nivel mundial na captura, cultivo, produción e comercialización de produtos do mar en 80 países”, segundo a acta do xurado, que destaca tamén que o actual plan estratéxico da multinacional viguesa concibe “as TIC como panca de cambio en todos os seus procesos produtivos”. 

O Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais impulsado pola axencia autonómica AMTEGA recae este ano no proxecto Aperta. Trátase dunha aplicación desenvolvida por un grupo de estudantes da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo cuxo obxectivo é axudar a combater o acoso (o bullying) nos centros educativos. O xurado valorou como razóns determinantes para outorgar esta distinción a vocación social dun proxecto que pretende facer fronte á violencia escolar, grazas ao deseño dunha aplicación sociométrica que consiste na automatización dos tests que actualmente se realizan nos colexios para comprobar o ambiente social existente nunha clase.

Finalmente, o quinto dos premios do colectivo de enxeñeiros de telecomunicación recoñecerá ao mellor expediente académico nesta disciplina e será entregado unha vez finalice o curso nun acto de seu.

21/05/201908:05
Cartel do evento.
A Coruña

Coruña Bloggers celebrará o seu terceiro aniversario a semana que vén

Os encontros mensuais de Coruña Bloggers perderon a súa periodicidade hai uns meses, de xeito que as súas últimas dúas edicións tiveron lugar en novembro no marco da Mobile Week Coruña, e agora preparan o seu retorno, e o día 29 de maio ás 19:30 horas celebrarán a súa edición número 22 na Fundación Barrié.

Este encontro, que servirá como terceiro aniversario de Coruña Bloggers, ten xa aberta a súa inscrición de balde, e como vén a ser habitual, prégase aos asistentes que acudan á cita cun mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros que entregaranse á Cociña Económica. Até o momento esta iniciativa achegou uns 2.475 quilogramos de alimentos.

Nesta ocasión o evento botará a andar cun relatorio de José Nogueira, avogado que dirixe Sistemius, e que afondará no marco legal en negocios dixitais, para que os asistentes poidan coñecer de primeira man a información legal que deben ter as súas páxinas web ou como poden realizar captacións de datos dun xeito válido. Tamén abordará temas como a responsabilidade dos contidos das páxinas web, aspectos legais a ter en conta na venda en liña ou como xestionar os dereitos de imaxe, plaxio de contidos...

Diana Pardo Varela collerá o relevo para impartir un obradoiro sobre LinkedIn como unha plataforma dende a que situarse na foto de oportunidades profesionais a través do storytelling. Explicará tres erros que non deben cometerse nesta plataforma social profesional e exporá dez claves sobre esta rede.

21/05/201908:05
Persoas visitando o Museo da Cidade da Cultura.
Santiago de Compostela

GaliciaTIC mostra esta semana as oportunidades da nosa terra na revolución dixital

Esta semana temos unha cita coas novas tecnoloxías en Santiago: unha relevante xuntanza arredor da transformación tecnolóxica das empresas na compaña de centos de profesionais da nosa terra. Estamos a falar da 27 edición de GaliciaTIC. A cita é o 23 de maio e virá, novamente, da man da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) e INETEC. Desenvolverase baixo o epígrafe Tendencias tecnolóxicas e oportunidades para Galicia e co obxectivo de superar a cifra de participación acadada na anterior convocatoria, a do ano pasado: 250 profesionais. 

O evento inaugurarase cun debate sobre a situación actual e de futuro do sector TIC en Galicia, analizando retos e oportunidades. Esta mesa contará coa participación de Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Luis Sestelo, presidente de Ineo; Fernando Vázquez, director executivo e fundador de Imatia; Ramón Ares, director executivo de Ozona e de Miguel Merino, director de GaliciaTIC, como moderador. Seguidamente, Ed Gabrys, experto analista de Gartner, a prestixiosa consultora tecnolóxica, achegará un relatorio sobre o cambio cultural que se debe dar nas organizacións para conseguir unha verdadeira transformación dixital. 

Tras esta conferencia celebraranse unha serie de mesas nas que diversos expertos abordarán temas como as Cidades Intelixentes, o monitoraxe da experiencia do usuario, a computación na nube, a aplicación e desenvolvemento de tecnoloxías 5G, as oportunidades e retos que brinda a Intelixencia Artificial na empresa, as tecnoloxías aplicadas á saúde e á Industria 4.0 e a escaseza do talento TIC, así como as solucións a esta problemática. 

Segundo fai saber Ineo acerca dos principais desafíos que se mostran e encaran en GaliciaTIC, o tempo que estamos a vivir é un intre clave de maduración nas tecnoloxías innovadoras e a súa aplicación ao mundo empresarial e á sociedade: un intre para achegar impulsos á transformación tecnolóxica dos sectores e das empresas, poñendo o foco nas de menor tamaño. “É por iso que na vindeira edición de GaliciaTIC seguiremos contribuíndo á devandita transformación, atraendo a sectores non tecnolóxicos e emprestando especial atención ás ferramentas e servizos que conformarán un novo ecosistema dixital nos vindeiros anos”, explican dende a organización do evento, que concentrará as actividades previstas nunha xornada matinal na que se darán cita ducias de profesionais do sector TIC e, tamén, representantes diversos de empresas non tecnolóxicas.

20/05/201914:05
Mozos visitando unha instalación da UDC.
A Coruña

A UDC impulsa as vocacións STEM con máis de medio cento de iniciativas

Universidade da Coruña está a ofrecer máis de 50 iniciativas de fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado de bacharelato da nosa terra (alumnado do STEMbach). Este impulso ás áreas chamadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, polas súas siglas en inglés) materialízase a través de once facultades e escolas diferentes dos campus de A Coruña e Ferrol. As propostas, permiten ás alumnas e alumnos desenvolver o seu proxecto de investigación na UDC sobre temas do máis diverso e atraente. Por exemplo: afondar no comportamento mecánico do aceiro a baixas temperaturas, mellorar a mobilidade viaria da cidade ou facer unha tarefa real cun robot autónomo que requira Intelixencia Artificial.

Tamén hai proxectos sobre radioactividade ambiental, a evolución da paisaxe e do clima, o estudo do cariotipo humano ou a análise da seguridade informática da rede de datos dun centro de secundaria, entre outros. Ademais, o profesorado da Universidade da Coruña está a disposición dos centros educativos para colaborar na dirección doutros proxectos de investigación que sexan propostos.

Amais disto, a UDC pon en xogo outros recursos para fortalecer esta vertente formativa, como visitas ás facultades e centros de investigación, xornadas, obradoiros, así como seminarios, relacionados coas materias STEM. De feito, neste curso recibiuse a visita dos centros IES Agra do Orzán, IES María Casares, IES Ramón Mª Aller Uloa, IES Francisco Daviña Rey e IES Arcebispo Xelmírez II. Para facilitar a coordinación cos quince centros galegos que imparten o STEMbach, en marzo a Universidade da Coruña lanzou unha páxina web, www.udc.gal/stembach, adicada a este novo Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía. Nela, ademais de información de interese, os titores e alumnos dos centros educativos poden consultar os proxectos de investigación e as actividades complementarias de formación ofertados.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS