main content

main content
09/05/201918:05
Mozos nun posto de Galiciencia 2019.
San Cibrao das Viñas (Ourense)

As tecnoloxías para mellorar o mundo copan a Galiciencia 2019

Os grupos participantes en Galiciencia 2019, a feira científico-tecnolóxica da Tecnópole de Ourense, puxeron onte as súas cartas sobre a mesa. Ou sexa, deron a coñecer os proxectos que se presentan nesta edición do evento, unha serie de talentosas e innovadoras iniciativas que tocan todos os paus tecnolóxicos e investigadores co obxectivo común, todos eles, de mellorar a vida das persoas. 

A maior feira científica de Galicia, que se prolongará até mañá, celebra a súa décimo cuarta edición coa previsión de máis de 2.000 visitas. En total, compiten polo premio final 50 propostas (secundaria), con 29 fóra de concurso (primaria) Este ano a Galiciencia bateu récords de participación: presentáronse 134 proxectos, boa parte dos cales proviñan da nosa terra. A alimentación saudable, a mellora calidade de vida, a seguridade viaria e a redución do impacto ambiental protagonizan gran parte das contribucións (79) que se expoñen no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense).

Alimentación

Segundo informan os organizadores, este ano incrementouse o número de proxectos sobre alimentación, dada a temática central desta convocatoria. Neste eido insírense contribucións como o proxecto para a creación dunha cadea de comida rápida saudable que elabora os menús en función das características de cada persoa (a cargo do alumnado do Colexio SEK-Atlántico de Poio (Pontevedra), un invernadoiro de patacas para viaxes espaciais que permite o cultivo sen terra e controlado mediante unha aplicación móbil (a cargo do Colexio Montecastelo de Vigo) ou unha app para dispositivos con máis de 30 receitas específicas para persoas cun ril transplantado (IES O Couto).

Calidade de vida

A mellora da calidade de vida está detrás dun bo número de propostas. Dúas alumnas das Aulas Tecnópole (Ourense) presentan unha pulseira con capacidade para facer seguimento dos síntomas dunha crise epiléptica e enviar sinais de alerta. Do IES Menéndez Pidal da Coruña chega un mapa dixital que dá indicacións aos cidadáns para moverse de forma máis saudable e eficiente pola cidade, e dúas alumnas do Colexio San José de Ourense deseñaron un monedeiro antimicrobiano. Amais, do Colexio Compañía de María de Santiago procede un espirómetro deseñado e impreso en 3D que permite detectar anomalías pulmonares, co obxectivo asociado de concienciar a xuventude sobre os riscos do consumo de tabaco.

Programación para estradas máis seguras

No eido das tecnoloxías para a seguridade viaria insírese o sistema de acendido intelixente para coches que se bloquea cando detecta que o condutor está bébedo, e que vén da man dunha alumna do Colexio Maristas de Ourense. Na mesma liña sitúase o Bikerduino, o casco con luces LED que lle indica aos vehículos que circulan pola estrada, mediante movementos de cabeza, se o ciclista está freando ou que dirección quere coller nun cruce.

Compromiso co medio

O deseño de biomateriais (de orixe orgánica e biodegradables) capaces de substituír o plástico é un reto compartido por dous dos equipos participantes, un do Centro Educativo Galén de Lugo e outro do Colexio Eduardo Pondal de Cangas (Pontevedra). Amais, a biorremediación e o uso de especies vexetais para loitar contra insectos e especies invasoras son aplicados por equipos de Ourense, Lugo e Pontevedra para eliminar contaminantes tóxicos no fogar, erradicar a vespa velutina usando fungos e limpar as plantas de parasitos.

Enxeños robóticos

A maiores de todo o devandito, os enxeños tecnolóxicos teñen especial presenza na edición 2019 da feira. Do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela chega, de feito, unha avanzada neveira portátil baseada nunha célula Peltier. Alumnos do CPR Cemar de Mondariz (Pontevedra) presentan aplicacións dos drons multirrotores en transporte de enfermos e servizos anti-incendios, entre outros. E do IES A Xunqueira, de Pontevedra, procede un téxtil que incorpora electrónica para axudar a comunicarse ás persoas con diversidade funcional.

09/05/201907:05
Visita da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira á Galiciencia.
San Cibrao das Viñas (Ourense)

Máis de 150 investigadores noveis participan na feira Galiciencia que se desenvolve ata o venres na Tecnópole

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asistiu á xornada inaugural da maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, que se desenvolverá ata o 10 de maio no recinto de Tecnópole, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, na que se expoñen un total de 79 proxectos científicos e de innovación. Díaz Mouteira subliñou a importante contribución deste evento para “cultivar entre os escolares a creatividade e a orixinalidade” contribuíndo a espertar vocacións científicas e emprendedoras.

Coa saúde e os bos hábitos como tema principal, durante estes días pasarán pola décimo cuarta edición de Galiciencia máis de 150 investigadores noveis procedentes de 43 centros educativos, a maior parte deles de Galicia pero tamén hai representación de Asturias, Andalucía e Cataluña. A feira conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt).

08/05/201912:05
Cartel da iniciativa.
Ourense

La Molinera amosará aos profesionais as múltiples e variadas utilidades de Facebook

Este mes de maio, o centro de coñecemento La Molinera, será máis ca nunca un centro de divulgación tecnolóxica para as empresas: unha fonte de recursos para axudalas a abordar a súa adaptación aos novos tempos dixitais. Entre as actividades punteiras do centro de Ourense para este mes de maio salienta Progresa dixitalmente, unha iniciativa baseada na rede social Facebook para persoas de entre 18 e 30 anos (terán prioridade as desempregadas) que “desexen mellorar as súas competencias actuais ou adquirir novas ferramentas para o éxito profesional ou persoal dentro da economía dixital”. 

Segundo informa o Concello, trátase da primeira que se imparte esta formación na nosa terra. O Goberno local tamén pon o foco na importancia de mostrar como tirar proveito da dita rede social e na relevancia de ligala ao tecido empresarial da cidade: “Asociar a imaxe de Facebook a La Molinera é un éxito da xestión e do programa formativo deste centro de coñecemento tecnolóxico”, sinala o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, engadindo que Progresa dixitalmente será impartido por Gdoce en colaboración coa Concellería de Emprego e Promoción Económica os días 14, 21, e 28 de maio en horario de 16:00 a 20:00 horas nas instalacións de La Molinera.

A formación será presencial, dentro dun proxecto que chegará a 12.500 persoas en toda España, e adaptada a cada participante. Para garantir os obxectivos de formación, haberá un formador por cada grupo de 30 participantes. O programa de formación basearase en seis módulos dos cales se impartirán 3 unidades de formación en cada un dos eventos. Os eventos terán unha duración total de 4 horas que se estruturarán en bloques de 70 minutos con descansos entre cada un, de maneira que se poidan programar nunha soa xornada de tarde facilitando así a conciliación con calquera horario.

08/05/201908:05
Reunión de participantes do Coruña Hacks.
A Coruña

Os Coruña Hacks ultiman este sábado os seus proxectos solidarios e cidadáns

A iniciativa Coruña Hacks (impulsada polo grupo GPUL, Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña co obxectivo de dinamizar a produción de software libre na comarca e estreitar as ligazóns da comunidade desenvolvedora local), chega este sábado á súa final: a terceira e derradeira sesión da actual andaina de Coruña Hacks. Será no Centro Ágora en horario de 10.00 a 20.00 horas. En boa maneira, prolongarase e intensificarase o frutífero espírito de traballo común e irmandade acadado nas sesións previas de Coruña Hacks, que tiveron o formato de hackatons e nas que se encararon problemas reais da cidadanía con respostas concretas de software libre. 

A andaina de Coruña Hacks que remata este sábado comezou o 6 de marzo e materializouse logo en dúas intensas sesións de traballo. Entre os proxectos materializados dende marzo atópanse OpenSmartFitness (plataforma libre para recoller e xestionar a información persoal sobre o exercicio físico realizado a través de sensores tamén libres como unha pulseira ou un velocímetro para a bici), subastasAEAT (aplicación para buscar no BOE as diversas poxas que realiza a AEAT e poder facer algún procesamento interesante sobre estes datos) e Web e Infraestrutura de Coruña Developers (web para xuntar a comunidade tecnolóxica argalleira da Coruña e comarca cun calendario que aglutine todos os eventos relacionados). Nesta última sesión avaliaranse as tarefas realizadas durante as xeiras previas e serán entregados os premios aos proxectos. Esta edición de Coruña Hacks traerá como novidade unha versión do evento para rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos. Nesta versión, que se chama Coruña miniHacks, os grupos aprenderán a programar e desenvolver xogos e aplicacións utilizando sobre todo Scratch, pero co punto de mira posto (tamén) en linguaxes e plataformas como Python ou Arduino. A diferenza das outras sesións a deste sábado 11 de maio desenvolverase de 16:00 a 19:00 horas, seguido da gala de presentación e premios.

Que son os Coruña Hacks?

Coruña Hacks, para que non o saiba, é un laboratorio permanente de hackatons nos “que aprender e traballar en común no desenvolvemento de prototipos de aplicacións informáticas”. Nestes obradoiros a tempo completo teñen cabida “todas as persoas que o desexen do ámbito do desenvolvemento informático, o deseño multimedia ou interesadas no código aberto, con independencia de cal sexa o seu nivel de coñecementos”, sinalan os impulsores. 
Coruña Hacks conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Laboratorio Cidadán Co-Lab, da Área de Participación e Innovación Democrática, e por suposto de Coruña Dixital, que ten entre os seus obxectivos “conectar persoas e comunidades interesadas na cultura dixital, no uso creativo e construtivo da tecnoloxía e na posta en marcha de proxectos innovadores, sustentables e con capacidade transformadora”.

08/05/201908:05
Cartel da iniciativa.
Ponteareas

Ponteareas achega as mulleres ao potencial das TIC para atopar emprego

A poboación feminina de Ponteareas vai ter ao alcance da man unha actividade para formarse en novas tecnoloxías e en recursos dixitais que contribúan a optimizar o currículo, a empregabilidade e as posibilidades de atopar o traballo ideal. Estamos a falar do Curso de balde de perfeccionamento informático para a busca de emprego, que vén da man da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, que dirixe Verónica Carrera.

A actividade, que xa ten aberto o prazo de inscrición (dende onte e até o 21 de maio) esta dirixida a mulleres maiores de 16 anos. Ao abeiro da programación do plan de igualdade local, Verónica Carrera, ofrece este novo curso totalmente de balde para promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. A primeira quenda será do 22 de maio ao 29 de maio de 10 a 13 horas e a segunda quenda do 24 ao 31 de maio tamén de 10 a 13 horas. A matrícula realizarase online escaneando o código QR do cartel ou a través do sitio web habilitado

Carrera explicou que durante estas seis horas de formación achegaránselles ás participantes técnicas e coñecementos que lles faciliten a procura de emprego a través da Rede, facilitándolles sitios web nos que informarse das ofertas de emprego e plataformas nas que inscribirse. Aquelas persoas que desexen obter maior información deben poñerse en contacto co Centro de Información á Muller (CIM) emprazado no edificio do centro social na rúa Oriente, aberto ao público de nove a tres da tarde de luns a venres.

07/05/201907:05
Puzzle cunha imaxe dunha placa Arduino.
Barro

SmartPEME organiza en Barro catro novas accións de capacitación TIC

SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da Deputación de Pontevedra, vai organizar este mes de maio catro accións formativas na súa sede de Barro: catro citas que poñen en xogo nas posibilidades da placa libre Arduino. Estas actividades súmanse ás 21 da comarca de Vigo, ás sete previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación), ás sete de Cambados e ás sete de Lalín. En total, 46 obradoiros. As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.

Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”. A primeira cita celebrarase este xoves, 9 de maio ás 17:00 horas, coa acción Programación con Arduino I. O xoves 16, ás 17.00 horas, levarase a cabo o obradoiro Programación con Arduino II. A terceira acción, Programación con Arduino III impartirase o xoves, 23 de maio, ás 17:00h. E, por último, Programación con Arduino IV impartirase o xoves 30 de maio ás 17:00 horas. 

A oficina SmartPEME de Barro atópase no viveiro de empresas do Polígono e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.

07/05/201907:05
Dúas nenas xogando cun robot.
Pontevedra

Os centros educativos de Pontevedra contarán con axudas da Deputación para os seus proxectos STEM

Deputación de Pontevedra vén de activar unha liña de axudas para os centros escolares e as súas iniciativas de fomento da ensinanza STEM, ou sexa, a ensinanza de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. O programa, que foi presentado esta fin de semana pola presidenta (Carmela Silva), quere poñer o foco no ámbito medioambiental e en tirar abaixo calquera tipo de atranco que se poida interpoñer entre o alumnado e a formación innovadora (en forma e en contido), especialmente en relación coas mozas. 

“Dende esta Administración”, sinalou Carmela Silva, “queremos lograr que as disciplinas STEM sexan atractivas para as nosas rapazas e rapaces, porque estas materias son as que van xerar a riqueza no futuro e son o futuro”, dixo, lembrando que hoxe en día e no futuro as carreiras STEM son “as que van xerar máis emprego, máis actividade económica e máis riqueza, e as administracións temos que ser pioneiras en poñer en marcha proxectos que permitan que, nesta provincia, especialmente as rapazas, se tomen moi en serio estas disciplinas e opten por cursar estes estudos”. As axudas do programa, dirixidas aos centros escolares públicos de primaria e secundaria da provincia, encamíñanse a impulsar proxectos relacionados co medio ambiente no marco das disciplinas STEM.

Esta liña de subvencións conta cun orzamento de 10.000 euros e outorgaranse por concorrencia competitiva, segundo os criterios fixados nas bases. Os proxectos que opten ás axudas teñen que estar impulsados polo alumnado e coordinados por persoal docente. A finalidade é que sexan as alumnas e os alumnos os que ideen o proxecto, o desenvolvan e o saquen adiante, sempre co apoio e axuda do profesorado. Para optar a esta iniciativa, as propostas deben cumprir dúas premisas: estar relacionadas co medio ambiente e desenvolverse a través das disciplinas STEM. Deben contemplar, ademais estes obxectivos: promover o desenvolvemento de competencias, capacidades e aptitudes científicas e tecnolóxicas; fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía con accións que faciliten a aprendizaxe; e impulsar a participación activa de alumnado e profesorado.

07/05/201907:05
Adolescentes sentados nunha aula informática.
Santiago de Compostela

Coremain mostra á rapazada como se traballa nunha empresa TIC

Coremain é unha das empresas que participan no plan Digitalent da axencia AMTEGA, dirixido a fomentar as xa de por si importantes capacidades tecnolóxicas e científicas do noso alumnado. En virtude disto, a empresa TIC con sede principal no Polígono de Costa Vella de Santiago está a realizar actividades para mostrar á rapazada como é o día a día dunha empresa de novas tecnoloxías e que posibilidades se abren ao abeiro desta profesión, chamada a impulsar a gran revolución económica do noso tempo. A finais de abril, sen ir máis lonxe, Coremain recibiu os primeiros estudantes inscritos en O Core das TIC, a proposta desenvolvida pola empresa ao abeiro de Digitalent

En virtude desta actividade, un total de sete estudantes de bacharelato do IES Brión (A Coruña) viviron “en primeira persoa” como é o día a día nunha compañía TIC, coñecendo a organización e a forma de traballar da empresa e experimentando de maneira práctica os labores da profesión tecnóloga. Por unha banda, e no marco dos proxectos de automatización desenvolvidos pola área BPO de Coremain, puideron coñecer o ciclo de vida dun proxecto TIC, desde o seu inicio ao detectarse unha necesidade dun servizo, até a formación do equipo e o acordo co cliente, a través dun obradoiro práctico. Os alumnos, deste xeito, utilizaron algunhas das tecnoloxías que aplica o equipo técnico de Coremain, executando unha práctica de automatización xunto a algúns compañeiros do equipo de I+D do proxecto.

En materia de robótica, realizaron un exercicio dunha función en .NET para a composición dunha calculadora, a través da cal puideron coñecer a linguaxe utilizada no proxecto e a súa aplicación para dar intelixencia aos robots. Até o mes de xuño a compañía compostelá proseguirá recibindo a visita doutros estudantes galegos inscritos ao proxecto O Core das TIC.

1 mes 1 profesión dixital
Tecnópole. San Cibrao das Viñas (Ourense).

Galiciencia 2019

Galiciencia 2019 é a maior feira científica que se celebra en Galicia desde 2006, co obxectivo principal de achegar a ciencia á sociedade. Consiste na organización e desenvolvemento dun certame científico que ten como público obxectivo estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato; e que permanece aberto ao público xeral.

06/05/201908:05
Un neno utiliza unha tableta de Microsoft e as ferramentas de aprendizaxe na escola.
Santiago de Compostela

"Learning tools", a tecnoloxía de Microsoft para facilitar a aprendizaxe

"Learning tools", ou Ferramentas de aprendizaxe como se traduciu ao galego, é unha tecnoloxía que reúne unha serie de axudas que Microsoft incorporou aos seus programas máis populares cunha clara intención: facilitar a aprendizaxe a nenos con discapacidade ou con dificultades e lograr aulas máis inclusivas.

Estas ferramentas son moi variadas, pero cumpren o mesmo obxectivo, que é o de facilitar a aprendizaxe a todos os nenos e axudalos no seu día a día no colexio a través dunha serie de axudas que cobren un espectro moi amplo de necesidades.

Seguramente o programa para o que son máis útiles estas "Learning tools" é Word, o procesador de texto da familia Office no que se concentran a maior parte destas axudas.

As opcións son moi variadas, desde ampliar o ancho das columnas para facilitar a comprensión, cambiar a cor da páxina para reducir a fatiga visual ou foco de liña, para facilitar a concentración nunha parte do texto e evitar distraccións.

Estas ferramentas tamén permiten aumentar o espazo entre palabras, letras ou liñas; dividir as palabras automaticamente por sílabas para facilitar a lectura; ou ler en alto o texto seleccionado.

Como se pode ver son moitos os nenos con distintos tipos de discapacidade e dificultades de aprendizaxe que se poden beneficiar destas axudas.

Outra ferramenta moi útil que está incorporada na opción de lector inmersivo é o dicionario de imaxes, pensado especialmente para nenos con problemas de aprendizaxe como a dislexia xa que mostra unha representación gráfica de cada palabra para facilitar a comprensión do texto.

O mellor de todo é que non é necesario ningún tipo de descarga ou programa adicional, senón que as axudas xa están incluídas nos programas de Microsoft. No caso de Word, que é o máis recorrente, basta con entrar no menú "Vista" e seleccionar a opción "Ferramentas de aprendizaxe".

Outros programas para os que están dispoñibles estas ferramentas son One Note, con opcións dirixidas especialmente a nenos con dislexia; Outlook, coa posibilidade de ler en alto os correos; o explorador da internet Edge, que le en voz alta as páxinas e documentos PDF; ou Teams, onde están dispoñibles as opcións de axuda á lectura.

"Learning tools", ou Ferramentas de aprendizaxe, son un conxunto de axudas moi útiles pensadas para facilitar a aprendizaxe no colexio e dirixidas a lograr aulas máis inclusivas dunha forma sinxela.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS