main content

main content
18/02/201914:02
Las Acacias BOT imponse na First LEGO League Galicia.
Ferrol

Las Acacias BOT imponse na First LEGO League Galicia

Finalmente celebrouse este sábado en Ferrol a First LEGO League Galicia, a edición galega da competición internacional do mesmo nome e que se celebra por quinto ano consecutivo da man do Campus de Ferrol e, máis en detalle, do profesor José Antonio Becerra Permuy. Na proba, que é o torneo clasificatorio da liga mundial de LEGO promovido pola UDC e a Fundación Scientia, participaron máis de 300 estudantes, o que supuxo un novo récord en materia de implicación do noso alumnado. Impúxose finalmente o equipo do colexio de Fomento Las Acacias de Vigo, Las Acacias BOT.

Máis en detalle, o equipo vigués obtivo o Premio Fundación Scientia, que lle dá o pase ao torneo estatal que terá lugar en Tenerife os días 23 e 24 de marzo. Xunto co equipo vigués irá, como segundo clasificado, o equipo Emotional Tricks, do CPI A Xunqueira de Fene. Nesta edición, participaron un total de 37 equipos e preto de 300 mozos e mozas de Galicia e Asturias. Ademais destes dous equipos que pasan á competición nacional, na mañá do sábado resultaron galardoados os seguintes equipos:

  • Primeiro Premio Airbus ao Proxecto Científico: Xunquinautas, do CPI A Xunqueira de Fene.
  • Segundo Premio Gabadi ao Proxecto Científico: Anonymous Bot, do IES Fene. 
  • Primeiro Premio Deputación da Coruña ao Comportamento do Robot: Montecastelo Little Bot, do Colexio de Fomento Montecastelo de Vigo.
  • Primeiro Premio Concello de Ferrol aos Valores First LEGO League: Mega Space Team, de Mega Ribeira, de Ribeira. 
  • Segundo Premio aos Valores First LEGO League: Casanovasquad, do Club de Ciencia do IES Sofía Casanova, de Ferrol.
  • Primeiro Premio Santander Innovación ao Deseño do Robot: Montecastelo Little Bot, do Colexio de Fomento Montecastelo, de Vigo. 
  • Segundo Premio ao Deseño do Robot: Green Galactics, do Colexio de Fomento Peñarredonda, da Coruña.
  • Premio Fundación Princesa de Girona ao Emprendemento: Frouximakers, do CPI de Atios, de Valdoviño. 
  • Premio LEGO Education ROBOTIX ás novas promesas: Palacio de Granda, do Colexio ISP Laude Palacio de Granda, Siero, Asturias. 

O xurado ademais propuxo ao equipo Las Acacias Bot, do colexio de Fomento Las Acacias de Vigo, para un dos catro premios Global Innovation que entrega a First LEGO League España. O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presidiu a entrega de premios e no seu discurso avogou polo empoderamento das mulleres na ciencia e a tecnoloxía. “ A tecnoloxía tamén é para as mozas e anímovos a que eses campos tamén sexan femininos”, declarou. “É unha alegría ver tantos nenas e nenas traballando en robótica e ciencia, anímovos a que sigades esa vocación e vos apuntedes en estudos da rama científica e tecnolóxica”, concluíu o reitor. Colaboran nesta edición Santander Universidades, a Deputación Provincial da Coruña e mais o Concello de Ferrol. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.

 

Detalles da competición
A competición First LEGO League consta de varias demostracións. Os participantes teñen que presentar un proxecto científico que nesta edición xira arredor da temática do espazo co desafío #INTOORBIT, ademais de deseñar, construír e programar un robot que ten que superar unha serie de retos. Na terceira proba, os alumnos deberán demostrar unha serie de valores de equipo. Os equipos, de entre dous e dez membros, están formados por estudantes de 10 a 16 anos. A First LEGO League ten unha edición Junior, non competitiva, dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos. Por equipos, de entre 2 a 6 participantes, os máis pequenos deseñan e constrúen unha maqueta con pezas LEGO e preparan un póster ilustrativo do seu traballo.

18/02/201908:02
Gañadores e asistentes á cerimonia de entrega de premios de D3Mobile 2018 na EPS de Enxeñaría de Lugo.
Lugo

D3Mobile reúne a promesas ‘STEM’ na EPS de Enxeñaría da USC

  • Estudantes de Pamplona, A Proba do Caramiñal, Vimianzo e Viveiro recollen no campus lugués galardóns dun torneo no que en 2018 participaron 500 escolares de 17 países

 

Os equipos galardoados na D3Mobile Metrology World League 2018, un campionato pioneiro de modelado 3D de precisión teléfono móbil e/ou tablet orientado a estudantes preuniversitarios e promovido polo grupo de investigación Cigeo da USC en colaboración con Universia do Banco Santander, o Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG), Fundación Mujeres, ademais doutras entidades públicas e privadas, recolleron este venres os seus respectivos premios no marco dunha cerimonia de entrega de agasallos que congregou na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC a docentes e a novas promesas ‘STEM’ (acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) que están a realizar estudos de ESO e BAC en diferentes centros educativos de ensino medio de Pamplona, A Proba do Caramiñal, Vimianzo e Viveiro.

A sexta edición deste campionato repartiu tamén diversos galardóns a equipos procedentes doutras localizacións españolas, así como á formación Buddy, da Borusan Asim Kocabiyik Vocational and Technical Anatolian High School de Istambul (Turquía), que se proclamou campión absoluto cunha figura sobre Capadocia escaneada en 3D, e a participantes de Bulgaria ou México, entre outros países. Tras avaliar a calidade de medida e visual dos modelos 3D elaborados polos 29 equipos que acadaron a final, o xurado acordou proclamar vencedores da categoría Metrólogos aos alumnos turcos Omer Yigit Uzun e Serkan Sevinc, coordinados polo profesor D. Mustafa Toruntay. Na segunda proba, os gañadores elaboraron un modelo 3D sobre Capadocia, e na terceira conseguiron un erro medio inferior a 0,02 mm nas medicións realizadas nun modelo 3D de 350 mm. de diagonal maior

Navarra foi a gran protagonista da gala de entrega de premios da D3Mobile 2018 grazas aos premios colleitados nesta competición polo alumnado do IES Iturrama de Pamplona, o centro educativo mellor clasificado neste torneo logo dos éxitos individuais acadados por dous dos seus equipos inscritos na D3Mobile Metrology Worl League: Iruma, que se proclamou subcampión mundial do torneo, Leonardo, que recibiu o Premio Fundación Mujeres por un modelado 3D da escritora e inventora americana Amanda Jones.

O profesor do IES Iturrama de Pamplona e coordinador do equipo Iruma ,José Miguel Zabaleta Trecu, xunto cos integrantes do grupo, Andoni Alfonso, Xabier Pabolleta, Ander Dufur, Mikel Garces, Irati Saragüeta, Markel Iruretagoyena, Xabier Leonardo e Unai Arana, recolleron os premios que acreditan a brillante competición desta formación, que rematou en segundo lugar da clasificación final. Asemade, o equipo Leonardo, coordinado polo mesmo docente e formado por dous destes estudantes pamplonicas recolleu o premio outorgado pola Fundación Mujeres e do que fixo entrega María Hervada.

Antes de subir ao estrado a delegación pamplonica, a organización de D3Mobile 2018 fixo un recoñecemento público ao bo traballo desenvolvido nesta competición polo equipo mexicano BPFIS2, do Colexio Baden Powell de San Mateo Tecoloapan, Atizapán de Zaragoza (México). Este grupo, formado polas alumnas Ingrid Montserrat Barcenas e Vanesa Barcenas Hernández e coordinado por polo profesor José Octavio Matías Rodríguez, acadou o premio ao vídeo máis votado polo público co seu modelo en 3D, un documento audiovisual proxectado no marco da cerimonia.

Na categoría Artistas 3D gañou o modelo 3D dun peixe de peluche elaborado por un equipo do IES Terra de Soneira de Vimianzo (A Coruña), formado por Aitana Castiñeira De León e Sergio Castiñeira Vilariño, baixo a coordinación da profesora Ana Isabel Penedo Branco, quen defendeu na súa intervención “o enorme talento” dos estudantes de áreas rurais, a pesar de verse afectados por “ limitacións técnicas”.

 

Campións de Galicia e de Lugo

O gañador do premio ao mellor equipo de mozos metrólogos galegos, outorgado pola Xunta de Galicia, foi para o equipo Sapoconchos, do IES da Pobra do Caramiñal (A Coruña), liderado pola profesora Margarita Saborido Ojea e formado polos alumnos Román Pego Cánibe, Adrián Sánchez Piñeiro e Jorge López Ramos. O mellor clasificado da provincia de Lugo foi o equipo Canosomo, do IES Vilar Ponte de Viveiro, composto por Pedro Canoura Quirce e Diego Fernández Somoza, e dirixido pola profesora Ana Belén Lamas Lombao. Este equipo, que recibirá o premio da Deputación Provincial de Lugo, escaneou en 3D un dragón.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidiu a cerimonia de entrega de premios da sexta edición de D3 Mobile Metrology World League, no marco dun acto no que tamén o tenente de alcalde do Concello de Lugo, Miguel Fernández; o deputado provincial Pablo Rivera Capón; o director do Servizo Rexional do Instituto Xeográfico Nacional, Pablo Carballo; o subdirector Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación de Profesorado, Iván Mira Fernández; a coordinadora do grupo de investigación Cigeo da USC, Mariluz Gil Docampo, e o tamén profesor na EPSE e director do proxecto D3mobile, Juan Ortiz.

O director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC, Tomás Cuesta; o director do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, Pablo Vila Lameiro, e o catedrático de Xenética Paulino Martínez, tamén participaron nesta cerimonia de entrega da D3Mobile Metrology World League 2018, un evento que serviu tamén para o lanzamento da D3Mobile 2019, unha iniciativa que nesta nova edición pretende ser “unha ferramenta para a divulgación científica da actividade que está a desenvolver a Agrupación Estratéxica de Investigación que vén de crearse no campus de Lugo baixo o acrónimo de BioReDes.

 

18/02/201908:02
Zapatillas braille.
Madrid

Fundación ONCE apoia a posta en marcha de 68 proxectos de emprendedores con discapacidade

  • A iniciativa conta coa colaboración do Fondo Social Europeo 
 
Un total de 68 emprendedores con discapacidade puideron poñer en marcha as súas iniciativas durante 2018 grazas ao apoio da Fundación ONCE a proxectos de emprendemento ou creación de empresas da economía social por parte de persoas con discapacidade. 
 
O obxectivo destas axudas, que a Fundación ONCE ofrece en calidade de Organismo Intermedio do Programa Operativo do Fondo Social Europeo de Inclusión Social e Economía Social 2018-2022 (Poises), é fomentar o emprego e mellorar a empregabilidade e a inserción socio laboral do colectivo. 
 
Desde a posta en marcha desta iniciativa de fomento do autoemprego en 1988, déronse axudas a un total de 1.746 emprendedores con discapacidade. 
 
Nesta edición, de novo os proxectos aprobados acumulan un alto grao de innovación. Entre as iniciativas presentadas, figuran, por exemplo, un parque de cultivo de ameixa, un albergue de peregrinos, unha academia de formación en lingua de signos ou un proxecto de venda online de cómics descatalogados. 
 
Ademais, hai varias iniciativas relacionadas co turismo, a organización de actividades recreativas ou coa restauración de mobles e cursos. Tamén un proxecto liderado por un mozo afiliado á ONCE que deseña zapatillas personalizadas en braille.
 
Das 68 axudas concedidas un 60 por cento foron destinadas a homes e un 40 por cento para mulleres. En canto á distribución xeográfica, 26 son de Andalucía, 11 son de Cataluña e 10 de Galicia. En Asturias aprobáronse 5 proxectos, 4 en Madrid e en Murcia 3. Concedéronse 2 axudas en Canarias, Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana e Estremadura. Por último, aprobouse un proxecto en Castela e León.
 
Axudas
No período de execución 2018-2022, a Fundación ONCE destinará 2,6 millóns de euros para impulsar o emprendemento de persoas con discapacidade. Ademais, nesta convocatoria incorporáronse criterios específicos para favorecer, por exemplo, o emprendemento das mulleres con discapacidade.
 
Os emprendedores reciben unha axuda económica fixa e mínima de 3.000 euros que se pode incrementar en función do seu perfil: ata 2.000 euros máis aos colectivos con discapacidade con especial dificultade, entre os que se atopan persoas con parálise cerebral, enfermidade mental ou discapacidade intelectual; 1.000 euros máis ás mulleres, aos parados de longa duración, aos maiores de 45 anos e aos inmigrantes, e ata 2.000 euros máis ás vítimas de violencia de xénero, ás familias monoparentais e aqueles fogares con todos os membros en desemprego e fillos menores a cargo. 
 
Doutra banda, tamén se prima ás empresas que xeren emprego para outras persoas con discapacidade; aos proxectos que ademais fomenten o desenvolvemento de sectores en crecemento como a agricultura ecolóxica; aos que contribúan ao desenvolvemento rural, e aos que teñen que ver coas tecnoloxías e sociedade da información, o turismo especializado, servizos de saúde, medio ambiente e aos dirixidos a investigación e desenvolvemento ou á innovación social. 
 
Con todo, a suma total da axuda non será, en ningún caso, superior aos 18.000 euros.
18/02/201908:02
Logo Simpático.
Santiago de Compostela

Galicia simplifica e mellora a accesibilidade aos servizos en liña da área de maiores e persoas con discapacidade

  • A Consellería de Política Social está a implantar o denominado proxecto Simpatico para facilitar a comunicación con cidadanía e empresas a través da web
  • Funciona como experiencia piloto en servizos como o programa Benestar en Balnearios, as axudas para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal e de asistencia persoal e no recoñecemento de grao de discapacidade
  • Adáptase o texto para usar palabras e frases máis facilmente comprensibles e os formularios de solicitude son máis sinxelos
     

 

A Consellería de Política Social está a desenvolver un proxecto para mellorar o diálogo entre a cidadanía e a administración a través de páxinas web máis accesibles. A iniciativa denomínase Simpatico (Simplificación da Interacción coas Administracións públicas a través da Tecnoloxía da Información para Cidadáns e Compañía) e a súa implantación entra na súa recta final.

Con este proxecto apóstase por facilitar e democratizar o modo en que as galegas e galegos interactúan coa administración cando se trata de tramitacións en liña, tamén chamados e-services. En concreto, a experiencia de Simpatico céntrase en dous colectivos: as persoas maiores e aquelas con discapacidade intelectual. Trátase de simplificar os procedementos, engadir preguntas e respostas ou ofrecer unha guía in situ ás persoas usuarias do servizo.

Algúns exemplos significativos dos e-services seleccionados como experiencia piloto son o programa de Benestar en Balnearios, para que as persoas maiores poidan solicitar prazas en distintos balnearios galegos, axudas individuais para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal e de asistencia persoal e o recoñecemento do grao de discapacidade. En todos estes servizos adáptase o texto para usar palabras e frases máis facilmente comprensibles e ocúltanse campos de formularios cuxo contido xa é coñecido pola administración ou non é preciso encher.

Na implantación de Simpatico estiveron tamén implicadas a Federación de Universitarios Sénior (Fegaus), a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal). Estas entidades asistiron a sesións de presentación do proxecto, probárono e propuxeron novas funcionalidades e cambios co obxecto de mellorar a comunicación entre a administración e o usuario de a pé.

18/02/201908:02
Rexistro Central de Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela

Os galegos presentaron preto de 300 demandas online nos últimos seis meses de 2018

  • Desde o pasado mes de agosto pódense iniciar a través da sede xudicial electrónica os procedementos monitorios en todos os partidos xudiciais
  • Os cidadáns tamén poden consultar a situación dos expedientes dos que son parte no espazo “a miña carpeta”, que en 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos
  • Ademais a sede permite comprobar a autenticidade de documentos electrónicos emitidos pola Administración de Xustiza en Galicia e dar de alta apoderamentos de xeito electrónico
  • O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial

 

Nos últimos cinco meses de 2018 os galegos presentaron a través da sede xudicial electrónica un total de 270 procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador. 

A presentación telemática de procedementos monitorios comezou a implantarse o pasado ano nos órganos xudiciais de Vigo e A Coruña e, actualmente, xa está habilitada en todos os partidos xudiciais para os procedementos monitorios das xurisdicións civil ou social. 

A través de https://sede.xustiza.gal os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo “a miña carpeta”, que durante 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos.
Na sede tamén se pode comprobar a autenticidade e integridade de documentos electrónicos emitidos pola Administración de Xustiza en Galicia, e dar de alta un aproderamento de xeito electrónico rexistrar un apoderamento apud acta. O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial.

Cómpre lembrar que a sede está accesible tamén a través do portal xustiza.gal, no que están dispoñibles a axenda de sinalamentos de vistas, o calendario de gardas, a calculadora de taxas xudiciais ou o censo de letrados 

 

Plan Senda
A posta en marcha da sede xudicial electrónica foi un dos fitos previstos no Plan Senda 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e os profesionais do eido xudicial. 

Cun orzamento de máis 26,6 millóns de euros o Plan Senda 2020 é a estratexia para consolidar o traballo previo realizado no Plan Senda 2014 e que sentou as bases do Expediente Xudicial Electrónico en Galicia, onde están en marcha todas as pezas que permitirán unha xustiza integramente dixital.

15/02/201913:02
Mans sobre un teclado.
Santiago de Compostela

A Amtega inicia este luns o curso de formación preparatorio para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática

  • As 180 persoas matriculadas nesta convocatoria terán que superar un exame presencial, tras o seguimento do curso na modalidade de teleformación titorizada
  • A finais do mes de marzo abrirase unha nova convocatoria de probas de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios adquiridos por calquera outra vía ou por autoformación
  • O certificado, que emite a Amtega, acredita a capacitación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inicia este luns, 18 de febreiro, a formación das 180 persoas que se matricularon nestes días no curso de teleformación preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar no mes de maio.

O curso de preparación de 190 horas de duración impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

En canto ao perfil das 180 persoas matriculadas, seleccionadas de entre 1.674 solicitudes de inscrición, destacar os seguintes datos: a media de idade é de 40 anos; unha gran maioría son mulleres, (128 mulleres por 52 homes); o 55% ten estudos medios-superiores (57 licenciados e 42 diplomados); a maior parte se conectan todos os días a internet (166) e utilizan o software libre un total de 116 persoas matriculadas.

En canto á procedencia, seguen a ser maioritarias as domiciliadas nas provincias de A Coruña e Pontevedra, con 89 e 54 participantes respectivamente, fronte ás 21 persoas da provincia de Lugo e as 16 procedentes de Ourense.

Hay que recordar tamén que as persoas demandantes de emprego ou cunha discapacidade igual ou superior ao 33% gozaron de exención no pagamento das taxas de exame. Das 180 persoas matriculadas, 40 son demandantes de emprego e 7 son persoas con discapacidade.

 

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT, baixo a modalidade de autoformación.

 

Próxima convocatoria de exames presenciais

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2019, que terá a súa continuación con novos exames presenciais neste primeiro semestre para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios, ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa, ata chegar a un número superior ás 1.500 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 7.000 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (2.110 en cursos de teleformación titorizada e 4.923 en probas presenciais de acceso libre) e 3.140 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia despois de superar as probas convocadas nas aulas da rede CeMIT.

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

15/02/201913:02
Unha persoa cega camiña pola beirarrúa preto dun parque.
Alcorcón

A tecnoloxía fai accesibles os parques a persoas con discapacidade visual

  • A aplicación Blind Explorer facilita a mobilidade de persoas con discapacidade visual en exteriores e converteuse na clave para mellorar a accesibilidade de varios parques na localidade madrileña de Alcorcón

 

Blind Explorer é unha tecnoloxía de navegación persoal precisa que guía a persoas cegas por camiños descoñecidos utilizando sons en tres dimensións e liberando as súas mans e a súa mente para mellorar a seguridade e a súa autonomía.

O uso desta app permitiu ao concello de Alcorcón, en Madrid, facer accesibles algúns dos seus parques municipais, polos que as persoas con discapacidade visual pódense mover con tranquilidade utilizando este sistema de navegación.

En concreto, os parques que son accesibles a través de Blind Explorer son os de Os Castelos, Mayarí, A República e As Comunidades.

A tecnoloxía de Blind Explorer foi desenvolvida pola empresa Geko Navsat, que recibiu numerosos premios e recoñecementos pola súa aposta pola accesibilidade de persoas con discapacidade para mellorar a súa calidade de vida.

1 mes 1 profesión dixital
Fira de Barcelona

Mobile World Congress 2019

MWC 2019 Barcelona Mobile World Congress 2019, a Feira GSMA, será o evento máis importante do mundo en canto a tecnoloxías para a telefonía móbil, sendo o lugar onde empresas provedoras de servizos móbiles, fabricantes de teléfonos móbiles, distribuidores de contidos, etc., mostrarán todas as novidades presentes e futuras neste inquedo mundo da telefonía móbil. En definitiva un evento referente do sector da telefonía móbil a nivel mundial e unha cita case imperdible para os mellores profesionais e empresas do mesmo.  En definitiva, o evento de referencia mundial en todo o relacionado coa telefonía móbil.

15/02/201913:02
Presentación para o MWC de solucións de innovación social por parte da FVE.
Barcelona

A Fundación Vodafone presenta no MWC solucións de innovación social baseadas en Intelixencia artificial e Realidade Aumentada

  • EntamAR, é unha solución tecnolóxica baseada en Realidade Aumentada para a infancia hospitalizada que permite a nenos que están a atravesar unha hospitalización de longa duración desenvolver a súa imaxinación, a súa creatividade e a súa aprendizaxe nunha contorna lúdica
  • Showleap é un tradutor de lingua de signos a voz en tempo real que permite a comunicación entre persoas xordas e oíntes
  • MJN-SERAS é unha solución que mediante un wearable e unha aplicación móbil recompila datos en tempo real para avaliar o risco e avisar antes de que unha persoa sufra unha crise de epilepsia

 

A Fundación Vodafone España presentou esta mañá en Barcelona as solucións de innovación social que mostrará na próxima edición do Mobile World Congress (que se celebrará entre o 25 e o 28 de febreiro), todas elas dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas a través da tecnoloxía. O acto contou coa presenza de Mari Satur Torre, Directora Xeral da Fundación Vodafone España, e Albert Buxadé, Director de Vodafone en Cataluña.

EntamAR: realidade aumentada para infancia hospitalizada

EntamAR é unha solución tecnolóxica de realidade aumentada liderada pola Cruz Vermella Mocidade e co asesoramento e colaboración da Fundación Tecsos, da Fundacion Vodafone España e da Cruz Vermella Española. Está dirixida a nenos que están a atravesar unha hospitalización de longa duración e que mediante o uso das diferentes funcionalidades poderán desenvolver a súa imaxinación, a súa creatividade, así como tamén a súa aprendizaxe nunha contorna de xogo utilizando as novas tecnoloxías.

A aplicación desta tecnoloxía, desenvolvida sobre a plataforma ONIRIX, lévase a cabo desde dous escenarios de uso. No primeiro, deseñaranse diferentes xogos (pistas, cluedo, escape room) nas zonas comúns do hospital con elementos de realidade aumentada para que os nenos e nenas ingresados poidan xogar e competir entre eles. O segundo escenario está máis enfocado á apropiación do espazo do hospital por parte dos nenos e nenas ingresados xa que terán a posibilidade de introducir de maneira virtual elementos 3D e 2D co fin de personalizar ao seu gusto a súa propia habitación ou outras zonas do hospital.

EntamAR forma parte do programa de "Infancia hospitalizada" impulsado pola Cruz Vermella Mocidade, no que case 2.000 voluntarios de toda España levan a cabo actividades de apoio escolar e de lecer e tempo libre con nenos e nenas en proceso de diagnóstico ou tratamento dunha enfermidade de longa duración nun centro hospitalario.

O primeiro piloto comezou a finais de 2018 no Hospital Universitario Central de Asturias (HUCA) en Oviedo. Nas próximas semanas levarase ao Hospital da Fe en Valencia e ao longo de 2019 espérase que o proxecto continúe o seu despregamento no resto de hospitais españois.

Gañadores da XII Edición dos "Premios Vodafone á Innovación"

Como cada ano estarán presentes tamén na caseta de Vodafone os proxectos galardoados na última edición dos "Premios Vodafone á Innovación".

Showleap: é unha solución que ten como obxectivo axudar na comunicación das persoas xordas ou con discapacidade auditiva permitíndolles comunicarse con calquera persoa oínte ou que non entenda a lingua de signos. O tradutor de lingua de signos Showleap está composto pola cámara do terminal do usuario que detecta o movemento e recoñece as imaxes da persoa que está signando e un software (que pode instalarse no móbil, tablet ou portátil do usuario) que traduce en tempo real o que a persoa xorda expresa en lingua de signos e pásao a texto e voz. Ademais, cando a persoa oínte fala á persoa xorda, a aplicación converte estas palabras a texto para que a persoa xorda poida lelas no seu dispositivo.

MJN-SERAS: é unha proposta desenvolvida por MJN Neuroserveis, que mediante un wearable en forma de audífono (personalizado con tecnoloxía 3D) e unha aplicación móbil que contén algoritmos de Intelixencia artificial, é capaz de medir de maneira continua o risco de sufrir unha crise de epilepsia, rexistrar as crises e almacenar os datos de actividade cerebral da persoa.

A aplicación ten como funcionalidade principal un semáforo de risco de crise. Se o semáforo está en verde implica risco baixo de crise, o que se traduce en calidade de vida para a persoa xa que pode programar actividades sen preocuparse de sufrir unha crise. O semáforo en vermello implica risco moi alto de crise polo que se inician os protocolos (programables) de seguridade. Estes protocolos van desde o aviso á persoa ou coidadores, como así tamén a xeolocalización. Ademais, o paciente debe sempre confirmar o seu estado despois dunha crise. De non ser así o sistema podería iniciar o protocolo de urxencia xa que significa que o paciente pode sufrir un accidente despois da crise.

15/02/201908:02
Presentación da guía turística en realidade virtual.
Pontevedra

Os turistas poderán coñecer os mosteiros das Rías Baixas con visitas virtuais

As novas tecnoloxías fanse fortes no turismo pontevedrés, tanto para mostrar os atractivos da provincia, como para atraer visitantes, comunicarse con eles e mantelos no tempo. E mesmo para mellorar a súa experiencia. Onte mesmo a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou unha guía sobre a arquitectura eclesiástica da provincia, Mosteiros das Rías Baixas, que se complementa cunha nova liña de visitas virtuais a estes monumentos históricos. Estas iniciativas supoñen a estrea dun produto turístico que é a primeira acción, este ano 2019, do proxecto Fame de Experiencias da Deputación. 

Respecto da guía Mosteiros das Rías Baixas, vén cunha tirada de 2.000 exemplares en galego, castelán e inglés, e recolle información sobre a historia, estrutura de construción, modo de vida, oficios, lendas e actividade económica dos seis conxuntos relixiosos máis importantes da provincia: mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro en Silleda, de finais do século X; mosteiro de Santa María de Aciveiro en Forcarei, de 1135; mosteiro de Santa María de Armenteira en Meis, de mediados do século XII; mosteiro de San Xoán de Poio, do ano 942; mosteiro De San Salvador ou San Benito de Lérez, en Pontevedra, de finais do século X e mosteiro de Santa María de Oia, principios do século X. 

A guía compleméntase coas novas visitas virtuais con gafas VR (Realidade Virtual) tamén aos mosteiros da provincia. Estas poden facer a través da web https://turismoriasbaixas.com. Segundo fixo saber a presidenta provincial, as lentes específicas están a disposición da cidadanía, de balde, nas oficinas do Palacete, do aeroporto de Peinador, do mosteiro de Armenteira e tamén dos Mosteiros de Carboeiro, Aciveiro, Poio, San Benitiño e Oia. Para a visita virtual, engadiu Silva, “o único necesario é un teléfono móbil, co que descargar un código QR ou ben visitar a web turismoriasbaixas.com, seleccionar o modo VR e introducir o móbil nas gafas; despois achegarnos ás lentes e facer a visita virtual, un verdadeiro percorrido polo mosteiro de Armenteira e de Carboeiro nestes momentos, porque a idea é ampliar a visita nos vindeiros meses aos demais”.

Volvendo á guía da arquitectura eclesiástica pontevedresa, cederase en préstamo nos mosteiros e poderase adquirir no castelo de Soutomaior ou na plataforma de venda castelodesoutomaior.com. A guía presenta lendas como as da Ponte do Demo do mosteiro de Carboeiro, Ero de Armenteira ou o oso de Oseira e historias como as loitas contra a piratería no mosteiro de Oia, as neveiras do Candán, o aceite milagreiro de San Benitiño ou as recollidas na biblioteca do mosteiro de Poio. 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS