main content

main content
15/02/201907:02
Presentación de
Santiago de Compostela

‘Lingua de Namorar 2019’ promove o galego nas relacións persoais da mocidade e na internet

  • O secretario xeral de Política Lingüística e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado presentaron en rolda de prensa a oitava edición da iniciativa, dirixida a mozos e mozas de 14 a 35 anos
  • Cada participante poderá enviar un máximo de dúas propostas ata o próximo 28 de febreiro
     

As consellerías de Cultura e Turismo e de Política Social, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, presentaron esta mañá, coincidindo coa celebración do Día dos namorados, unha nova edición de Lingua de namorar, o concurso de mensaxes de amor dirixido á mocidade que ten como finalidade principal dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e na internet.

O secretario xeral de Política Lingüística explicou que “este tipo de iniciativas perseguen animar unha mocidade que habitualmente domina o galego a dar pasos para empregalo de maneira habitual”. “Ás veces, nos institutos dous rapaces que falan o galego na súa casa relaciónanse exclusivamente en castelán porque lles parece que é o que os seus iguais esperan deles”, sinalou Valentín García, “pero nós queremos que vexan que non é así, darlles ese empuxonciño que os leve a probar e decatarse de que usar o galego para falar cos compañeiros e para establecer novas relacións é o máis normal do mundo”.

Pola súa banda, Cristina Pichel explicou que esta edición preséntase cunha imaxe renovada, un novo logo que aglutina os tres conceptos que definen o programa: a lingua galega, a tecnoloxía vinculada coa xuventude e o amor. Así mesmo, animou aos mozos e mozas a participar nunha iniciativa que o ano pasado alcanzou os 1.500 participantes, cifra récord ata o momento. "Unha cifra que nos motiva a seguir promovendo este tipo de accións, encamiñadas a promover o uso do galego na mocidade e facelo, con liberdade, nun ámbito tan íntimo como son os sentimentos", recalcou.

 

Proceso de participación

O certame ‘Lingua de Namorar’ está dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos, que se dividirán en dúas categorías de idade: de 14 a 19 anos e de 20 a 35. As mensaxes presentadas a concurso deberán estar escritas en lingua galega e poderanse redactar en prosa ou en verso. A súa extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

Para facer chegar as mensaxes, cómpre rexistrarse previamente no web do certame: http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar. Todas as mensaxes serán publicadas nesta páxina e estarán identificadas polo título e mais polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as mensaxes de amor é o 28 de febreiro. Unha vez rematado este prazo, abrirase outro para realizar as votacións, que abranguerá do 1 ao 7 de marzo.


Resolución do xurado e premios

O xurado do concurso elixirá as mensaxes gañadoras entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. A súa resolución publicarase o 18 de marzo na páxina web do concurso. 
Establécense tres premios por cada unha das categorías. Na categoría A (de 14 a 19 anos), o primeiro premio é unha tablet SPC Gravity PRO; o segundo, un libro electrónico EareaderBQ Cervantes e o terceiro, un altofalante portátil DAEWOO. Na categoría B (de 20 a 35 anos), o primeiro premio consiste nun ordenador portátil HP; o segundo, nun sistema de son NEVIR e o terceiro nuns auriculares True Wireless Stereo DAEWOO.

14/02/201908:02
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Volve Youtubeir@s con máis premios e actividades

Encher as redes de audiovisuais galegos non é que sexa positivo, enriquecedor e recomendable, é que vai ter recoñecemento. Esta é a premisa básica do certame Youtubeir@s, cuxa nova edición, a terceira, foi dada a coñecer onte na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, nun acto que foi concorrido non só polo público e medios asistentes, senón polo número de representantes das moitas entidades organizadoras: unha ducia de concellos da nosa terra, as nosas tres universidades e maila Deputación da Coruña. Segundo fixeron saber, esta terceira edición levaranos un pouco máis lonxe con respecto do conseguido nas anteriores: convocaranse máis creadoras e creadores, incrementaranse contías de premios e categorías e xeraranse máis actividades de difusión e formación. 

Ao mesmo tempo, a finalidade é “consolidar a comunidade de youtubeir@s que naceu, participou e medrou ao abeiro desta iniciativa nos últimos anos”. E todo isto complementando e enriquecido coa presenza do galego, que se reivindica nas redes como unha lingua do noso tempo, perfectamente válida para todo tipo de propostas de innovación audiovisual e, sobre todo, para facerse forte a través de YouTube. 

Na presentación participou Mónica Fernández Valencia, coordinadora do proxecto, quen xunto a Martiño Noriega, alcalde de Santiago; José Antonio Cacabelos, alcalde do Grove; Goretti San Martín Rei, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Raquel García Abuín, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística de Rianxo, e Gumersindo Feijóo, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, presentou o groso de actividades que se desenvolverán neste 2019.

 

Logros previos
Na cita cos medios e co público reunido na Facultade de Comunicación compostelá debulláronse os fitos acadados nas anteriores convocatorias, salientándose que máis de 380 persoas, con idades comprendidas entre os 18 e os 80 anos, acudiron aos cursos de formación e que ao abeiro do proxecto se produciron máis de 2.000 minutos de contido en galego en Youtube. Ademais, destacouse que máis 400 persoas participaron xa nas dúas edicións dos Premios Youtubeir@s, unha das liñas de acción deste proxecto que, para esta edición, aumenta o número de categorías e incrementa a súa dotación económica ao pasar dos 5.500 euros de 2018 aos 6.500 euros desta terceira convocatoria. A devandita contía total repartirase nos galardóns das categorías nas que se divide o certame: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle e vídeo-cantarmos. Esta última categoría é unha das grandes novidades deste 2019 e con ela recoñecerase e incentivarase o gran talento musical que está presente en YouTube. 

A estas catro modalidades engádenselle outras catro que, un ano máis, premiarán os vídeos que destaquen en creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e calidade lingüística. A estes oito galardóns cómpre xuntarlles, a maiores, o premio do público, chamado #propostayoutubeira, coa que se impulsará por segundo ano consecutivo a interacción entre as persoas usuarias na rede social Facebook, que poderán propoñer a través do correo electrónico, proposta@youtubeiras.gal, un vídeo do que sexan seareiros/as. Este ano, amplíase o prazo de inscrición, que principia este 13 de febreiro e remata o vindeiro 27 de setembro.


Formación
Unha das grandes bazas do Proxecto Youtubeir@s é a formación, tal e como se sinalou no acto celebrado en Compostela. Esta liña docente centrará este ano unha parte importante dos seus esforzos en cursos e obradoiros destinados sobre todo á comunidade educativa, por ser o alumnado dos nosos centros educativos (integrado por nativas e nativos dixitais) o principal destinatario do concurso, malia o seu carácter interxeneracional. En base a isto, o proxecto achegarase ao alumnado de secundaria mediante cursos e obradoiros de formación impartidos un ano máis pola produtora Illa Bufarda e coa incorporación ao corpo docente da actriz Laura Villaverde, coñecida por ser a youtubeira Chola, It Girl; ou Marga Rodríguez Tilve, comunicadora audiovisual e youtubeira en As Cousas do Choio.


Youtubeir@s en conexión
Outra vertente desta nova edición é a iniciativa Youtubeir@s en conexión, cuxo obxectivo é consolidar a comunidade de youtubeiros e youtubeiras xa existente, amais de “ampliar a súa base social, dar visibilidade ao seu traballo de creación na rede en galego e fomentar o intercambio e o debate”. Ao abeiro disto, en xuño levaranse a cabo na Coruña dous grandes eventos. No primeiro deles, baixo o nome de Lista de reprodución ao vivo, diferentes youtubeir@s compartirán a súa experiencia coas persoas asistentes que irán cambiando dun a outro como quen cambia de vídeo na Rede. O segundo será a Xornada para Youtubeir@s, que convoca a comunidade youtubeira galega para reflexionar sobre o panorama creativo a varios niveis (lingüístico, temático, creación de públicos), de xeito que se propicie, en palabras das entidades organizadoras, “un lugar de reflexión e conexión para tecer redes e, ao tempo, fortalecer a comunidade entre as persoas creadoras”. 

O certame Youtubeir@s, para quen non o saiba, é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

14/02/201907:02
Muller usando unha pulseira electrónica e unha tablet.
Santiago de Compostela

Galicia reduce a fenda dixital de xénero a mínimos históricos

  • A diferenza no uso de Internet entre homes e mulleres sitúase en 0,7 puntos, moi por debaixo dos 1,8 puntos da media española e dos 3 da media europea
  • No último ano este indicador diminuíu 2,3 puntos na Comunidade, sendo a formación e a idade algúns dos factores determinantes no nivel de uso
  • As mulleres de menos de 64 anos superan ou igualan aos homes no acceso á Rede
  • Os galegos e galegas con formación secundaria empregan Internet na mesma medida, mentres que entre as persoas con estudos más básicos son as mulleres as que usan menos a Rede
  • Os homes galegos superan en 1,4 puntos ás mulleres nas compras por internet pero elas empregan máis a Administración electrónica

 

O 78,8% dos galegos e o 78,1% das galegas utilizaron Internet nos últimos tres meses. Esta diferenza de apenas 0,7 puntos sitúa a fenda dixital de xénero en Galicia no valor máis baixo desde que se rexistran datos neste ámbito. É unha das principais conclusións do estudo monográfico A Sociedade da Información dende una perspectiva de xénero, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O informe recolle un descenso de 2,3 puntos porcentuais respecto ao ano anterior en Galicia, que se distancia tanto da media española, situada en 1,8 puntos, como da media da Unión Europea que está en 3 puntos.

 

Posición no contexto europeo e estatal e evolución
Cabe salientar que a fenda de xénero en Galicia é inferior á que se rexistra en Croacia (13 puntos), Austria (6 puntos) e Italia (6 puntos). No extremo oposto, os países con menor fenda de xénero respecto á media europea son: Irlanda (-3 puntos, con vantaxe das mulleres), Finlandia e Lituania (-1 punto).

En Galicia, a fenda dixital de xénero no uso de Internet foise reducindo de forma lenta pero constante, experimentando unha diminución de 2,3 puntos o último ano. A nivel estatal a redución é de 2,1 puntos porcentuais no mesmo período.

 

Factores inciden na fenda de xénero
O nivel formativo é unha das variables que máis incide nas diferenzas no uso de Internet. As persoas con estudos mais básicos, especialmente as mulleres, son as que menor uso fan da ferramenta, con diferenzas que superan os 10 puntos porcentuais fronte aos homes.

A fenda de xénero no uso de Internet presenta unha tendencia marcada pola idade, diferenciando unha ruptura dixital arredor dos 64 anos. Así, as mulleres con menos de 64 anos superan ou igualan aos homes no uso de Internet, mentres que a partir desa idade as distancias aumentan sensiblemente en detrimento do uso feminino da Rede, cunha fenda de xénero de 8,2 puntos porcentuais entre os maiores de 65 anos.

Con respecto á situación laboral, o uso de Internet é practicamente universal entre as mulleres estudantes e que desempeñan unha actividade no mercado laboral. Pola contra, as mulleres adicadas ás tarefas do fogar ou xubiladas son dous colectivos especialmente afectados polas diferenzas de sexo á hora do acceso á Rede.

O estudo do OSIMGA analiza, en detalle, a influencia do hábitat na fenda dixital segundo o sexo, atendendo as seguintes variables xeográficas: provincias, tamaño de hábitat, áreas comarcais e nos sete concellos con maior poboación de Galicia

As diferenzas no uso de Internet entre homes e mulleres son máis acusadas nas vilas galegas de máis de 50.000 habitantes, onde a fenda de xénero no uso de Internet supera os 2,6 puntos porcentuais. Pola contra, o uso de Internet entre as mulleres é superior que entre os homes nos concellos de menos de 10.000 habitantes.

 

As mulleres interactúan máis coas administracións a través de Internet
Á hora de realizar compras a través da Rede, as diferenzas por xénero son sensiblemente maiores en España que en Galicia. En España os homes que fan compras na Rede superan ás mulleres en 4,9 puntos porcentuais; en Galicia só en 1,4 puntos. Neste sentido, a idade resulta determinante, de xeito que as mulleres novas, por baixo dos 34 anos, empregan o comercio electrónico en maior medida que os homes.

O estudo analiza tamén a interacción coas Administracións Públicas a través de Internet, observándose como as internautas galegas relaciónanse a través da Rede, en maior medida, coas Administracións Públicas que os homes. O 66,8 das galegas realizaron xestións online nos últimos tres meses fronte ao 65,3% dos homes.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal.

13/02/201908:02
Presentación dos resultados do proxecto de I+D+i Prebencar.
Santiago de Compostela

Prebencar e Smart Cardia impulsan a prevención e a rehabilitación cardíaca a través das TIC

A empresa galega Balidea, referente en aplicacións e servizos tecnolóxicos avanzados, presentou hoxe no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) os resultados do proxecto de I+D+i Prebencar, do que falamos en novembro de 2016, con motivo da súa posta en marcha. Na cita no hospital compostelán tamén se deron a coñecer detalles dos obxectivos de Smart Cardia, que é a prolongación do primeiro. Segundo fixo saber Balidea, os dous están encamiñados a estender e facilitar a saúde cardiovascular a través das TIC. Nun plano máis específico, Prebencar pon o foco na prevención e Smart Cardia no proceso de rehabilitación cardíaca.

Os dous proxectos están impulsados por dous consorcios de empresas integrados por Balidea e Imagames no primeiro caso; e Balidea, SM Tecnología e Imagames no segundo. Así mesmo, contan coa Fundación Idis e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) como centros tecnolóxicos asociados. Tanto Prebencar como Smart Cardia teñen a súa orixe na necesidade de dar resposta ás demandas asistenciais detectadas por profesionais sanitarios do ámbito da cardioloxía e céntranse no desenvolvemento de ferramentas TIC cunha vontade dupla: afondar no empoderamento dos pacientes, outorgándolles unha meirande autonomía na xestión diaria da súa saúde cardiovascular; e no fornecemento de terapias avanzadas, que impliquen unha atención personalizada e con técnicas de motivación a través da gamificación (uso e aplicación de metodoloxías propias dos xogos con fins terapéuticos) para acadar unha maior adherencia á terapia.

Interviñeron na presentación o doutor José Ramón González Juanatey, xefe de Servizo de Cardioloxía e UCC do CHUS, que valorou “as amplas formas de aplicación destas ferramentas” facendo balance da incidencia das doenzas cardiovasculares; e o doutor Carlos Peña Gil, cardiólogo do Servizo de Cardioloxía e UCC do CHUS e IP de Prebencar e Smart Cardia, quen expuxo a súa utilidade no proceso de recuperación cardíaca e o empoderamento de pacientes.

Pola súa parte, José Lorenzo Rodríguez Currais, director executivo de Balidea, salientou “as múltiples vantaxes que se poden extraer do emprego de solucións tecnolóxicas no ámbito sanitario”. Balidea tamén recalcou que estes proxectos están co-financiados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para o fomento da cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do sistema rexional de innovación, que conta con co-financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). 

Polo que se refire a Prebencar, é un asesor virtual intelixente concibido para empregar como ferramenta de prevención. O seu obxecto é facilitarlle ao cidadán, aos profesionais sanitarios e aos servizos de saúde a promoción de actividades de prevención cardiovascular primaria a nivel poboacional, buscando un cambio nos costumes e hábitos sociais. En 2018 finalizáronse os desenvolvementos do proxecto e realizouse a validación e avaliación de resultados, a partir da proba piloto realizada con usuarios reais (profesionais médicos e pacientes), polo que entra agora en fase de comercialización. 

Pola súa banda, Smart Cardia propón unha plataforma para a xestión clínica do proceso de rehabilitación cardíaca no caso de pacientes que xa sufriran un infarto agudo de miocardio. Segundo explica Balidea, “a súa finalidade é desenvolver unha plataforma que facilite aos profesionais sanitarios a xestión do proceso de rehabilitación cardíaca, integrando compoñentes intelixentes e de predición e interfaces gráficas usables”. Ademais, facilitará a posta en marcha de programas de rehabilitación cardíaca, permitindo que, “desde o primeiro día”, os profesionais sanitarios “traballen no marco dun proceso de anticipación, sen variabilidade e controlado, seguro e con indicadores de calidade”.

13/02/201908:02
Rapaza usando unha impresora 3D.
Pontevedra

En marcha a terceira edición do laboratorio de fabricación dixital de Barro, o Depo FabLab

Onte, da man da Deputación de Pontevedra, deuse por activada a terceira edición do laboratorio de fabricación dixital DepoFabLab, un espazo de encontro maker e participativo onde se nos permite (e se nos alenta) dar renda solta as nosas capacidades argalleiras en materia de robótica e tecnoloxías abertas. O laboratorio, emprazado no espazo de coworking do Polígono de Barro, comezou a súa andaina de 2019 co obradoiro A que nivel se atopa a tecnoloxía e que ferramentas hai para crear, no que están a participar un total de 15 persoas.

O segundo dos obradoiros celebrarase o 19 de febreiro sobre Deseño 3D con ferramentas libres e impresión 3D I; o 12 de marzo será a quenda de Deseño 3D con ferramentas libres e impresión 3D II. Pola súa banda, Deseño 3D con ferramentas libres e impresión 3D III,desenvolverase o 26 de marzo; e o 23 o obradoiro de Arduino con ferramentas libres I. Máis tarde, o día 30 do mesmo mes, chegará Arduino con ferramentas libres II. O ciclo pecharase o 7 de maio con Arduino con ferramentas libres III.

Todos os obradoiros desenvólvense polas tardes, e teñen capacidade para un máximo de 15 persoas, xa que son os espazos de traballo dispoñibles no Fab Lab. Segundo engade a Deputación, o acceso é libre e soamente require inscrición previa, habendo aínda prazas vacantes para as persoas que queiran anotarse a través de www.depo.gal/coworking-en-pontevedra/obradoiros-fab-lab-3-edicion, ou no correo electrónico cwpontevedra@eoi.es.

Segundo explica a entidade provincial, o espazo Depo FabLab ten o obxectivo de ser “un punto de referencia na provincia de Pontevedra para as persoas emprendedoras, buscando atraer proxectos de corte innovador e tecnolóxico”. Amais, busca fomentar a aprendizaxe teórica e práctica sobre as últimas ferramentas tecnolóxicas en canto a dixitalización, impresión ou robótica. A nivel de equipamento, o laboratorio tecnolóxico conta con impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, unha fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónica diverso, ferramentas e ordenadores de sobremesa con gran capacidade de procesamento e almacenamento.

13/02/201908:02
Sesión de plenos do Concello da Coruña.
A Coruña

O Concello da Coruña solicitará o apoio da Xunta e o Estado á Cidade das TIC

O Concello da Coruña vén de dar un novo paso no proxecto impulsado conxuntamente coa UDC para converter a Fábrica de Armas na Cidade das TIC, un proxecto do que falamos polo miúdo en xaneiro con motivo da súa presentación e dos primeiros contactos relevantes co Goberno central e para o que se están a procurar novos e significativos respaldos. Onte mesmo o pleno do Concello aprobou por unanimidade instar á Xunta a emprestar “a máxima colaboración, apoio e participación” no deseño, planificación, tramitación e posta en marcha da Cidade das TIC nos terreos da antiga Fábrica de Armas da Coruña. 

Segundo fixo saber o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, a iniciativa está a ser liderada pola Universidade e conta “dende o primeiro intre” co apoio do Concello, sendo o seu obxectivo crear no dito emprazamento militar “un ecosistema económico e académico que facilite a transferencia de coñecemento, a captación e retención de talento e a atracción e desenvolvemento dun tecido industrial altamente competitivo”. Segundo salientou o Executivo municipal, o proxecto “supón unha grande oportunidade para, por unha parte, recuperar a actividade industrial da antiga fábrica e, pola outra, situar a cidade como referente do noroeste peninsular nas economías baseadas no coñecemento, a innovación e as Tecnoloxías da Información e a Comunicación”. A moción aprobada onte fai fincapé en que a Cidade das TIC xa conta co “visto e prace” do Ministerio de Defensa. Ao mesmo, pide o máximo apoio institucional e económico á iniciativa de posta en valor da Fábrica de Armas por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, o IGAPE, o Goberno central e demais entes públicos, “en colaboración, coordinación e cooperación coas entidades promotoras e implicadas, particularmente coa Universidade e o Concello”.

13/02/201908:02
CreaR.
Carballo

Volven en febreiro os obradoiros CreaR con actividades para toda a familia

Co novo ano e xa metidos en febreiro, a operadora galega R non quere que decaia a formación tecnolóxica que, ademais de enriquecedora, sexa divertida. Por esta razón retoma os obradoiros itinerantes de CreaR pola nosa xeografía, unha xira que o ano pasado levou a divulgación tecnolóxica pola feira Pont Up Store de Pontevedra, Baiona, Xuventude Galicia Net (en Silleda), Ribadeo, Tui, Caldas, O Porriño, Santa Comba ou a Mobile Week da Coruña, e que agora comeza unha nova edición con máis obradoiros e charlas didácticas poñendo o foco “nas bondades que nos ofrecen as novas tecnoloxías”. A primeira cita será en Carballo este 23 de febreiro.

En primeiro lugar, retómanse os obradoiros de robótica para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos, cos que se quere “potenciar a creatividade dos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias como o traballo en equipo ou a oratoria”. Segundo informa R, o proxecto temático destas novas xeiras será a programación e construción dunha cidade, incluíndo cousas como un coche con plastilina condutiva (con luz de seu), un semáforo programado ou unha barreira de acceso. Estes obradoiros terán dúas horas de duración e neles terán cabida un máximo de 30 nenas e nenos. “O noso obxectivo”, explican dende R, “é achegarlles unha experiencia divertida para gañaren en seguridade e dar saída ao seu talento”. Ao carón disto, porase o foco nos valores do emprendemento e nos alicerces dos conceptos STEAM: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas. 

Para desenvolver ao máximo os ditos obxectivos, a operadora volverá contar coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores e o seu innovador método educativo.

Por certo, que os obradoiros CreaR tamén terán contidos para nais, pais e docentes, que poderán escoitar (mentres a rapazada se divirte e crea) consellos dun pedagogo especializado para resolver dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes emillennials poden facer da internet e das redes sociais. Estas charlas sobre temas diversos desenvolveranse en espazos adxacentes aos talleres CreaR e están pensadas para un máximo de 40 persoas. Pilotando as sesións estará o equipo de Sherpa Digital, resolvendo dúbidas sobre a contorna dixital.

Como dixemos, os obradoiros e as charlas do programa CreaR arrincan a súa andaina o vindeiro 23 de febreiro en Carballo, e de aí até o final de ano visitarán tamén as localidades de Vilagarcía de Arousa, Ourense, Monforte de Lemos, Nigrán, A Coruña, Pontevedra, Ribeira e Narón. 

O proxecto educativo CreaR está aberto ao público xeral, tanto a clientes como a non clientes do operador galego. Tan só é preciso contar con algún dos convites que R porá a disposición da xente nos puntos de venda das localidades onde se celebre a acción cada mes.

Os obradoiros enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.

12/02/2019De 17:00 a 18:30 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Introdución á realidade virtual. Vive unha experiencia única

Seguro que oíches falar ultimamente da "realidade virtual", pero sabes en que consiste e que utilidades ten para a saúde e para as nosas vidas?

Neste curso queremos que descubras as utilidades que ten esta nova tecnoloxía, os dispositivos que se utilizan nela e cos cales poderás viaxar a calquera parte do mundo. O único límite é a "imaxinación"!

Contidos:

  • Concepto de realidade virtual.
  • Dispositivos dispoñibles no mercado.
  • Aplicacións de realidade virtual: tipos e obxectivos das mesmas.
  • Diferentes experiencias que nunca imaxinaches.

Atrévete a experimentar unha nova realidade!

12/02/201908:02
Cartel do evento.
A Coruña

MOLAB convoca a súa terceira competición de desenvolvemento de videoxogos na Coruña

A asociación de desenvolvemento de videoxogos, Monkey Laboratory (MOLAB), con sede na Coruña, vainos achegar unha Game Jam entre os días 22 ó 25 de febreiro. A cita, segundo informa a asociación estudantil, consiste nunha competición na que se convida aos participantes a crearen un videoxogo integramente nos días especificados e de maneira non presencial. O evento levarase a cabo mediante a plataforma online Itch. 

Quen queira máis información sobre as bases de participación pode atopala na páxina oficial de MOLAB para o evento,https://itch.io/jam/ii-molab-gamejam. A temática, que todos os concursantes deberán seguir, revelarase o día de inicio da proba.

Segundo informa a asociación, a análise dos xogos presentados será realizada por un xurado composto por profesionais galegos do sector tecnolóxico e dos videoxogos, de empresas como Polygon-e, Imaxin Software, Xoia Software ou Gato Salvaje, xunto a persoal docente das facultades de Informática e de Ciencias da Comunicación.

Durante a tarde do xoves 28 de febreiro farase unha xuntanza na Facultade de Informática da Coruña ás 18:00h. Ese mesmo día, no mesmo lugar, daranse a coñecer os gañadores nas categorías de Mellor Videoxogo, Game Design, Deseño Artístico e Sonoro e Aplicación AR/VR. Esta última, principal novidade nesta edición do evento, contará co patrocinio da empresa Xoia Software, que ofertará un premio ao gañador da mesma.

11/02/201918:02
Dúas rapazas nun laboratorio.
Vigo

As titulacións tecnolóxicas e científicas non queren seguir perdendo talento feminino

A Universidade de Vigo fixo hoxe un chamamento a xuntar forzas para incrementar a presenza feminina nas carreiras científicas e tecnolóxicas, en boa medida para impedir que o progreso da nosa terra fique sen o importante e imprescindible talento das mulleres investigadoras. A proclama veu da man do propio reitor, Manuel Reigosa, durante a benvida ás alumnas participantes nas xornadas conmemorativas deste 11 de febreiro (Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia) na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, nas que participaron unhas cen estudantes de terceiro e cuarto de Ensino Secundario Obrigatorio de catro institutos da contorna viguesa.

Nas actividades deste 11 de xaneiro, baixo o título xenérico de Elas fan CienTec, participaron tamén investigadoras sénior e alumnas de diferentes titulacións da Universidade de Vigo, amais das responsables da Unidade de Igualdade. O programa incluíu unha manchea de obradoiros destinados a fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as mozas. 

Na cita tamén interveu a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, quen lembrou que os valores da xornada celebrada hoxe son aínda máis meritorios pois esta tivo a súa orixe no desexo espontáneo das investigadoras consolidadas de tender pontes coas novas xeracións e contribuír a loitar conta a fenda de xénero científico-tecnolóxica.

A carón do reitor e a directora da Unidade de Igualdade, deulles a benvida ás estudantes a docente Soledad Torres, coordinadora dos talleres neste centro, quen coincidiu co reitor ao mostrou a súa preocupación polas importantes contribucións das mulleres ao progreso tecnolóxico que fican no tinteiro pola caída da súa presenza nas carreiras STEM. “Albiscamos con bastante sorpresa a falta de vocacións científicas e, especialmente, tecnolóxicas, das mulleres. Tendes que ser conscientes de que sodes quen, sodes tan capaces ou máis ca os homes”, sinalou o reitor.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS