
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a través da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), continúa ofrecendo formación dixital online, a través a plataforma de teleformación EMA, que conta cun amplo catálogo de cursos para poder continuar formándose no eido dixital sen saír da casa.
Os cursos están catalogados desde un nivel máis básico, como o uso da tableta, o aproveitamento do smartphone, as redes sociais, ata o uso da administración electrónica, operacións dixitais, o tratamento de imaxes e vídeos, etc. Para acceder a estes recursos tan só é preciso darse de alta na Rede a través da páxina web de CeMIT.
Apoio para os maiores
A Rede, cuxa actividade fai especial fincapé nas persoas con máis dificultades no acceso a tecnoloxía, entre eles o colectivo de maiores, colabora estes días co aliado dixital Fegaus na iniciativa #MayoresActivosEnCasa, e a través da plataforma web Canal Sénior, Calquera cidadán con conexión a internet, pode participar nas charlas sobre tecnoloxía, historia, arte, manualidades, etc.
Ademais, axentes TIC responsables da formación das aulas CeMIT están a centrar a súa labor formativa estas semanas no acompañamento personalizado e titorización, principalmente, das persoas maiores, ben a través do teléfono para os alumnos e alumnas con menos coñecementos, ou a través de correo electrónico, redes sociais ou aplicacións de videoconferencia.
Neste último mes, a formación dixital para as persoas maiores orientouse principalmente á comunicación a través das ferramentas e aplicacións dixitais e tamén no uso de servizos dixitais, coma a solicitude de cita no médico (para a consulta telefónica) a través da plataforma de É-Saúde ou a banca electrónica. A formación complétase con propostas de ocio como xogos de memoria, culturais e visitas virtuais, exercicio ou receitas.
Para coñecer as aulas que están a desenvolver este tipo de actividades, aconséllase contactar directamente cos responsables dos centros CeMIT.
Guías e publicacións con propostas e recomendacións tecnolóxicas
A Amtega, desde o comezo do estado de alerta sumouse a iniciativa #EuQuedoNaCasa e desde a web Faitedixital publica diariamente unha gran variedade de entardas para toda a cidadanía con propostas de recursos tecnolóxicos que permiten sacar un maior aproveitamento desta situación que estamos a vivir, impulsando un uso seguro e responsable da tecnoloxía no fogar, asegurando un bo teletraballo ou manténdote activo física e mentalmente.
Esta semana as publicacións estiveron dirixidas ás persoas maiores e tamén publicarase a Guía para persoas maiores “Aproveita o tempo na casa coa tecnoloxía“.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.
As administracións están a pór en marcha estes días medidas para evitar que a fenda se agrande e permitir que todas as familias poidan seguir coa actividade escolar a través da teledocencia. A Xunta atópase entre estas administracións. Estes días pasados, de feito, repartiu un importante número de computadores e conexións a Internet entre as familias con escasos recursos. O primeiro subministro de material desenvolveuse en menos dunha semana. O segundo foi anunciado este venres 17 de abril para ser repartido na segunda quincena de mes.
O primeiro lote estaba constituído por 1.000 equipos informáticos con cadansúas conexións a Internet de balde para fogares con estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional. O segundo lote (anunciado este 17 de abril) inclúe 1.750 computadores máis, con cadansúas conectividades. En total, 2.750 equipos prontos para empregar e navegar. Segundo explicou a AMTEGA, cada subministro informático é un pack formado por un ordenador ultraportátil idéntico aos empregados polo alumnado no proxecto de Educación Dixital E-DIXGAL, xunto cun kit que permite a súa conexión de balde á Rede (grazas á colaboración dos operadores R, Vodafone e Orange) e mediante un router Wi-Fi 4G xunto coa correspondente liña de datos 4G. A familias recibirán os equipos e a conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa, mentres dure o Estado de Alarma.
BigML, a plataforma pioneira e líder en Aprendizaxe automática, fundada en Oregón (USA) e coa súa sede europea en Valencia, e a Fundación ONCE anuncian unha alianza estratéxica para impulsar a creación de novas aplicacións que aumenten as capacidades dos profesionais con retos cognitivos ou físicos.
Esta colaboración vai permitir potenciar a adopción da Aprendizaxe automática entre todo tipo de profesionais. Para iso BigML contará coa dilatada experiencia da Fundación ONCE para que a súa plataforma sexa máis accesible e inclusiva.
BigML axudará á Fundación ONCE a formar aos seus empregados e colaboradores e acompañaraos no proceso de creación das súas propias aplicacións de Aprendizaxe automática. O obxectivo final é crear a primeira plataforma mundial de Aprendizaxe automática accesible desde a que se poidan desenvolver novas aplicacións intelixentes en todo tipo de industrias e negocios.
A Aprendizaxe automática empeza a ser xa unha realidade en corporacións e institucións que o aplican día a día de forma práctica en casos de negocio onde o gran volume de datos fai imposible que os humanos podamos tomar decisións acertadas de forma eficiente.
Entre as aplicacións de Aprendizaxe automática no mundo real destacan: a predición da demanda de stock, o poder anticipar cando unha máquina ou parte dela vai necesitar reparación evitando así parar a cadea de produción, a detección de actividades anómalas ou fraudulentas, o incremento do aforro de enerxía, a mellora do soporte a clientes, a automatización da revisión de textos similares de forma que os traballadores poidan dedicar tempo de calidade a outras tarefas máis creativas, a predición de enfermidades, etc. O acordo subscrito entre BigML e a Fundación ONCE pretende conseguir que este tipo de proxectos nos poida levar a cabo tamén persoas con discapacidade. Por iso, a iniciativa xoga un papel relevante na promoción da Aprendizaxe automática e a accesibilidade universal no Ámbito tecnolóxico, fomentando a igualdade de oportunidades laborais e o acceso ao emprego.
Para facilitar a inclusión de profesionais con discapacidade no tecido empresarial español, a Fundación ONCE e BigML organizarán xornadas, congresos, seminarios e actividades formativas que axudarán a mellorar a ocupación, emprendemento e emprego público.
O conselleiro delegado de BigML, Francisco Martín, sinala que "a nosa misión desde fai xa máis de nove anos foi democratizar a Aprendizaxe automática e facelo fácil e accesible a todo o mundo. Esta nova alianza permítenos contar coa gran experiencia da Fundación ONCE para facer BigML moito máis inclusivo e á súa vez axudar a desenvolver aplicacións de gran impacto. Todo o equipo de BigML está moi entusiasmado e motivado coa colaboración".
Pola súa banda, José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, asegura que "este convenio sitúa á entidade nunha posición de vangarda dentro dun campo que permitirá avanzar na inclusión das persoas con discapacidade". A innovación e as novas tecnoloxías, prosegue Donoso, "deben ter en conta a estas persoas, de maneira que non queden excluídas e se xeren oportunidades para a súa plena inclusión social".
Dada a situación de confinamento na que vive a sociedade española pola crise do coronavirus, a Fundación ONCE acaba de poñer en marcha unha iniciativa de videotutoriais baixo o título 'Comunicación accesible que nos achega'.
Nestes vídeos explícase de forma sinxela e afable como sacar partido de distintas plataformas de comunicación online que existen na actualidade, tendo sempre presente o punto de vista da accesibilidade.
Así, distintos técnicos e responsables da dirección de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE ensinarannos como poder acceder a Zoom e crear unha reunión, como sacar partido aos distintos asistentes persoais que hai no mercado, e crear documentos accesibles con Word, entre outros.
Todos os vídeos iranse colgando na canle de Youtube da Fundación ONCE e difundiranse a través de redes sociais.
Que haberá un antes e un despois da pandemia de coronavirus, sabémolo ben, como tamén sabemos ben que é probable que nunca antes houbera tanta oferta de teleformación como neste período de confinamento. Neste senso, o Concello de Santiago vén de facer historia argallando a cifra nada desprezable dun centenar de cursos pertencentes a 20 áreas profesionais: 1.500 prazas ofertas para que a xuventude saque partido dunha situación adversa como a que estamos a vivir para avanzar en capacidade de innovación, adestramento e empregabilidade. Por certo que tamén están a ser históricas as cifras de participación: contabilizáronse 850 reservas de praza nun só día.
O período de inscrición para as 1.500 prazas ofertadas (inscrición gratuíta) abriuse onte a través da web de Talentia Summit. Na mañá deste xoves 16 de abril xa estaban cubertas máis da metade das prazas.
Segundo informou o Concello, a oferta de formación en idiomas como o inglés e o francés en diferentes niveis (A1, A2, B1, B2) foi “un éxito”, esgotándose as prazas en menos de 24 horas. Polo que respecta aos cursos relacionados con administración de empresas, os de mercadotecnia (marketing) e comunicación, así como os de turismo, tamén se rexistrou “un abundante volume de inscricións, quedando poucas prazas dispoñibles no mediodía deste xoves”.
Tamén quedan prazas sen cubrir na ampla oferta de aplicacións informáticas, como o paquete Microsoft (Word, Excel, Access e Powerpoint), que lle permitirá ás persoas que os cursen obter un certificado que avale os seus coñecementos en ofimática. Neste momento, dende a área de Emprego anunciaron que están a verificar as inscricións para comprobar que se cumpren os requirimentos da oferta formativa: ser maiores de 16 anos e estar empadroados no Concello de Santiago. O inicio dos cursos está previsto para este luns 20 de abril, aínda que a formación online permite comezar cando o alumnado estime conveniente.