
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
As operadoras telefónicas, en termos xerais, están demostrando estar á altura das circunstancias durante este tempos de confinamento, reclusión forzosa da cidadanía e crise sanitaria. Á longa listaxe de melloras nos seus servizos hai que engadir a apertura de boa parte dos mesmos ou, tamén, a posta en marcha de iniciativas directamente solidarias e humanitarias. Nun punto equidistante entre estes ámbitos de actuación, Movistar impulsou unha iniciativa que pon o foco nas persoas maiores e nas súas necesidades: trátase dun servizo especial de atención telefónica que reduce ao máximo os pasos para obteren información ou resolver avarías de voz ou conectividade. En Galicia xa empregaron o servizo preto de 6.000 usuarios de máis de 65 anos, entre o 2 e o 5 de abril.
Segundo informa Movistar, do que se trata é de dar prioridade á atención personalizada e de facer máis sinxelas as locucións, poñendo a disposición dos maiores teleoperadores “dispostos a guialos con paciencia no proceso de información ou solución de incidencias”. A operadora tamén informa que esta iniciativa supón “o meirande nivel de prioridade e de personalización na atención posto en marcha até agora pola compañía, superior mesmo ao servizo Priority do que dispoñen os mellores clientes”.
Como se activa
O servizo ponse en marcha cando, ao chamar ao 1004, aparece a locución que nos pon ao tanto da situación de emerxencia da COVID-19 e da posibilidade, se somos maiores de 65 anos, de recibir atención urxente e prioridade na chamada, unha cuestión á que deberemos contestar positivamente. O servizo actívase tamén cando se di que o motivo é unha avaría, ligando nese caso, directamente e sen pasos intermedios, cun axente telefónico.
Vantaxes a maiores
Ademais das vantaxes sinaladas, os maiores teñen á súa disposición a un experto tecnolóxico que lles axuda coa configuración da súa Wi-Fi, computador, smartphone, videoconsola ou Smart TV. Se finalmente non se consegue arranxar a avaría, esta etiquétase como prioritaria para que sexa tratada no menor tempo posible tanto de forma remota como de xeito presencial. O sistema ocúpase tamén de centralizar a xestión e evitar que os maiores teñan que contar o seu problema a máis dun axente.
Respecto da nosa terra, o nivel de prioridade fai que en Galicia se estea atendendo a máis do 90% das chamadas recibidas, “que na súa inmensa maioría teñen que ver con incidencias de voz, TV e conectividade”.
Google e Apple están a colaborar no desenvolvemento dunha API que facilite a creación de aplicacións móbiles para a loita contra a COVID-19, permitindo un mellor seguimento das persoas infectadas e os seus contactos, para o que, en vez de analizar a posición GPS dos dispositivos, empregarían a tecnoloxía Bluetooth para saber que persoas estiveron na proximidade de outras, para que ao detectarse unha infección poida advertirse aos que estivesen en contacto co infectado da posibilidade de ter contraído o coronavirus, facilitando así a construción dunha cadea de infección que axude especialmente a identificar a infectados asintomáticos.
Esta solución tecnolóxica desenvolveuse cos EE.UU. en mente, pero con vocación global, e dende Reuters aseguran que está a ser benvida polos membros da Unión Europea, mentres que nas páxinas de El País apuntan a outro desenvolvemento na mesma dirección nunha entrevista a enxeñeira galega que lidera a aplicación móbil europea que rastrexará os contaxios da COVID-19.
Carmela Troncoso, enxeñeira de telecomunicacións pola Universidade de Vigo, está a liderar un equipo de máis de 20 persoas de 8 institucións europeas para crear unha aplicación que poida estar dispoñible en maio e que facilite aos cidadáns saber se estiveron preto de alguén que deu positivo en coronavirus á vez que mantén a súa privacidade. Falamos dunha iniciativa chamada DP-3T (rastrexo distribuído de contactos preservando a privacidade), que está a evolucionar a grande velocidade e que basearase nunha aplicación móbil empregada de xeito voluntario e respectuosa co Regulamento Xeral de Protección de Datos (GDPR). A aplicación instalada nos smartphones dos usuarios xerará unha clave privada que mantense no terminal e que serve para ir rexistrando os contactos do usuario con outras persoas que teñan a aplicación instalada e coas que non manteñan o distanciamento social, de xeito que se unha destas persoas dá positivo por coronavirus a súa clave privada pase a un servidor para que as persoas que estivesen en contacto con ela reciban unha notificación no móbil que as inste a illarse voluntariamente e facerse a proba do coronavirus. Deste xeito sería posible cortar a cadea de infeccións cando os usuarios aínda son asintomáticos.
Polo momento descoñécese se en Europa adoptaremos solucións baseadas na colaboración entre Google e Apple ou optaremos por desenvolvementos totalmente europeos como o DP-3T, pero semella que en calquera caso apostarase por solucións descentralizadas que poñan por diante a privacidade dos usuarios e os seus dereitos fundamentais, para evitar as reticencias da cidadanía ao seu control telemático desproporcionado.
Terceira entrada da Guía para maiores “Aproveita o tempo na casa coa tecnoloxía“.
A situación excepcional provocada pola pandemia do coronavirus e a obriga de permanecer illados acentúan a situación de soidade e desconexión social de moitas persoas.
A diminución de actividades e rutinas cotiás, a baixada de estimulación sensorial e a diminución do contacto social poden alterar significativamente o estado de ánimo polo que é aconsellable unha boa xestión da sensación de soidade ou preocupación.
A tecnoloxía xoga un papel fundamental para manternos conectad@s os uns cos outros achegando aos nosos fogares multitude de medios para mitigar o tempo de lecer e enriquecelo.
Estar informad@s é importante pero debes evitar a exposición excesiva á información sobre o COVID-19, elixindo sempre medios de comunicación contrastados e reservar momentos do día concretos para facelo posto que é preciso desconectar deste tipo de noticias.
Ler a prensa por internet a través dos medios dixitais ao noso alcance (móbil, tablet ou ordenador) así como dirixirnos a fontes oficiais para obter material informativo relativo á pandemia é vital para consumir información veraz e actualizada.
Así pois, a través da páxina web do Ministerio de Sanidade ou do Sergas poderás atopar información para a cidadanía sobre esta enfermidade en continua revisión e actualización como:
Outros exemplos son:
A programación dos medios de comunicación foise modificando segundo as necesidades actuais da sociedade. Así, os medios audiovisuais públicos autonómicos puxeron en marcha diversas medidas e campañas dirixidas a axudar á poboación máis lonxeva nestes tempos.
Entre estas iniciativas atópase a adaptación da súa grella de programación ao público sénior, incluíndo novos espazos dirixidos a eles e as súas necesidades, así como a ampliación da dedicación en programas de entretemento e informativos xa existentes.
Neste senso a CRTVG a través da súa canle TVG leva a cabo unha serie de iniciativas co obxectivo de entreter e informar como son:
Para aqueles que navegan por internet, é un bo momento para entrar en contacto con comunidades virtuais onde compartir intereses con outras persoas maiores e voluntari@s.
Os canais de sociabilización cobran tamén especial importancia nesta situación sendo vital o contacto diario con familiares e amizades a través de redes sociais como Facebook ou Instagram, videochamadas a través de ferramentas como Skype ou a través de mensaxería instantánea como WhatsApp.
O uso das TIC e da robótica social son alternativas atractivas de entretemento e estimulación cognitiva. Os xogos cos que exercitar a memoria e outras habilidades mentais así como as plataformas multimedia para ver películas e series en directo ou mesmo obras de teatro.
Ler, escoitar música ou ver vídeos a través de internet tamén che poden axudar a pasar mellor o tempo de lecer e enriquecernos culturalmente a través do móbil ou tablet.
Este momento tamén pode ser indicado para aprender a facer cousas novas a través da rede, por exemplo, apuntándose a algún curso.
Así mesmo, as aulas CeMIT continúan ou están preparando a súa programación e atenden á cidadanía a través dunha tradicional chamada telefónica para os alumnos e alumnas con menos coñecementos, ata o emprego do WhatsApp, o correo electrónico, o Facebook ou o uso de aplicacións para facer videoconferencias como Jitsi Meet.
Os usuarios/as da Rede tamén teñen a súa disposición a plataforma de teleformación EMA que conta cun amplo catálogo de cursos para poder continuar formándose no eido dixital sen saír da casa. Os cursos están catalogados desde un nivel máis básico, como o uso da tableta, o aproveitamento do smartphone, as redes sociais, ata o uso da administración electrónica, operacións dixitais, o tratado de imaxes e vídeos, etc. Para acceder a estes recursos tan só é preciso darse de alta en CeMIT a través da seguinte ligazón.
A Federación Gallega de Asociaciones Universitarias Séniors (FEGAUS), conta cunha plataforma para poder formarse a través de seminarios en liña multitemáticos que axudan a adquirir novos coñecementos e habilidades para incluír a tecnoloxía na vida diaria. Algúns exemplos son:
En resumo, o uso da tecnoloxía na vida diaria das persoas maiores ofrécelles a posibilidade de reunir e compartir información, establecer relacións sociais e compartir opinións, colaborar e atender necesidades, formarse e en definitiva, enriquecer o lecer cunha gran oferta cultural.
A Xunta vén de reforzar a colaboración que viña mantendo co Centro Criptolóxico Nacional en materia de ciberseguridade coa sinatura dun convenio que formalizaron estes días a secretaria de Estado Directora do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Paz Esteban, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.
O acordo fixa un marco de actuación conxunta entre o CCN e a Xunta de Galicia para impulsar a ciberseguridade no contexto do desenvolvemento da sociedade da información, mediante o intercambio de información, formación especializada e proxectos tecnolóxicos.
O CCN e a Xunta comprométense a incentivar unha política preventiva de seguridade, baseada na detección e alerta temperá de ameazas. Ambas as institucións compartirán información e procedementos de detección, análise, resposta e resolución de ciberincidentes.
Así mesmo, o convenio establece que o CCN proporcionará toda unha serie de documentación sobre normas, instrucións, guías e recomendacións para a Administración con obxecto da súa adaptación ás contornas da Xunta de Galicia, así como a utilización de ferramentas de seguridade e produtos ou programas específicos.
Do mesmo xeito, ambos os organismos colaborarán na realización de auditorías técnicas ou de cumprimento sobre sistemas de información e en programas de formación enfocados á capacitación interna dos empregados de cada unha das partes e no fomento de boas prácticas en materia de ciberseguridade.
Este convenio vén a complementar a colaboración que a Xunta mantén con outras entidades estatais nesta materia como co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) co que Amtega tamén asinou un convenio o pasado mes de novembro para poñer en marcha accións de capacitación e concienciación destinadas a cidadáns e empresas.
Sobre o CCN-CERT, CERT Gobernamental Nacional
O CCN- CERT é a Capacidade de Resposta a incidentes de Seguridade da Información do Centro Criptológico Nacional, CCN, adscrito ao Centro Nacional de Intelixencia, CNI. Este servizo creouse no ano 2006 e a súa misión, é contribuír á mellora da ciberseguridade española, sendo o centro de alerta e resposta nacional que coopera e axuda a responder de forma rápida e eficiente aos ciberataques e a afrontar de forma activa as ciberamenazas, incluíndo a coordinación a nivel público estatal das distintas Capacidades de Resposta a Incidentes ou Centros de Operacións de Ciberseguridad existentes.
Ciberseguridade durante a crise do COVID-19
Este convenio vén a intensificar a xa existente colaboración entre o CCN e a Administración autonómica e que nestes días de crise sanitaria é especialmente importante para levar a cabo unha resposta global e conxunta aos ciberataques, en particular aqueles relacionados co COVID-19 e o ámbito sanitario.
Desde que se iniciou o estado de alarma a Xunta adoptou unha serie de medidas de seguridade específicas, entre as que destacan o incremento da vixilancia e as campañas de concienciación.
Así incrementouse a supervisión e vixilancia da seguridade, en particular dos accesos remotos corporativos que utilizan os empregados públicos que están teletraballando de forma excepcional desde a súa casa. Estes accesos remotos vixíanse en detalle as 24 horas os 7 días da semana para detectar calquera problema de seguridade. Tamén se incrementou a vixilancia da ciberseguridade dos servizos de administración electrónica e outros servizos dixitais esenciais para a cidadanía e os propios empregados públicos.
Ademais, aumentouse a frecuencia das campañas de concienciación de ciberseguridade, con especial atención aos principais riscos existentes durante esta crise, por exemplo as campañas de correos maliciosos (phishing, virus en documentos adxuntos, etc.), que están a utilizar o cebo do COVID-19 para enganar aos usuarios, co obxectivo de facerse coas súas credenciais de acceso ou de executar software malicioso tipo ransomware ou similar, cifrando toda a información á que ten acceso o usuario. Nesta liña de actuación, enviáronse correos específicos de concienciación a todos os empregados e publicouse na web e na intranet corporativa información de seguridade relacionada con este tema.
Plan Director de Ciberseguridade
A sinatura deste acordo enmárcase dentro das medidas do Plan Director de Ciberserguridade da Xunta, que ten entre os seus obxectivos principais protexer os servizos públicos dixitais fronte a este tipo de ameazas e crear un clima de confianza para xeneralizar o seu uso por parte de cidadáns e empresas.
As medidas deste Plan permitiron incrementar a capacidade de prevención, resposta e recuperación da Administración autonómica ante incidentes de ciberseguridade. Entre 2015 e 2018 investíronse 6,4 millóns de euros nas actuacións do Plan, que se ampliou o ano pasado con novas medidas e que conta con 10,9 millóns de euros ata 2021
Entre as últimas medias do Plan está a posta en marcha do Centro de Servizos de Ciberseguridade, CSIRT.gal, que dá servizo ao sector público autonómico e forma parte dunha plataforma integrada por 42 centros, entre os que está o Centro Criptológico Nacional, o Incibe, a Policía Nacional, Garda Civil e outros organismos, ademais dalgunhas comunidades autónomas.
Segunda entrada da Guía para maiores “Aproveita o tempo na casa coa tecnoloxía“.
Ante a pandemia do Covid-19 é importante incidir na importancia de coidar a saúde seguindo as recomendacións de seguridade e prevención de contaxios das autoridades sanitarias, xa que estas son simples e efectivas, e ademais a tecnoloxía permitirache evitar ou diminuír moitas das situacións de risco.
Neste contexto, o uso da tecnoloxía darache apoio na atención social, sanitaria e persoal proporcionando seguridade e autonomía, para evitar a soidade e previr riscos.
A principal medida de seguridade que nos afecta a tod@s é a prohibición de saír á rúa pero isto non é impedimento para poder proverse de alimentos ou dos elementos necesarios para facer unha vida normal dentro dos nosos fogares.
A tecnoloxía xunto con multitude de movementos sociais altruístas está facendo posible que moitas persoas reciban esta axuda sen necesidade de desprazarse.
Por isto, é recomendable delegar nun familiar, profesional ou voluntari@ a compra de alimentos ou mediciñas para evitar saír do domicilio, ou realizar a compra online para proverse destas materias, é outra das medidas máis utilizadas.
Así mesmo temos ao noso alcance ferramentas gratuítas para o aprovisionamento de mediciñas como o mapa web “Preciso a alguén que me baixe á farmacia” que conecta a persoas voluntarias para axudar a persoas que solicitan axuda durante o confinamento. Esta plataforma tamén oferta servicios como supermercados, clínicas veterinarias, centros sociais que ofertan comidas ou mesmo bancos de alimentos.
Tamén organizacións como a Cruz Vermella están a ofertar servicios de asistencia a través dos seus voluntari@s que realizan chamadas de seguimento e detección de necesidades da poboación máis vulnerable, así como o reparto de artigos básicos nos fogares (distribución de alimentos, kits de hixiene ou medicamentos).
Por último, non debemos esquecer seguir unha serie de medidas preventivas á hora de recibir a nosa compra ou calquera paquete na casa:
Tal e como indican as recomendacións do Ministerio de Saúde é fundamental evitar acudir aos centros de saúde e hospitais salvo en caso de urxencia médica.
Durante esta situación de alarma sanitaria debemos ser conscientes da gran afluencia de casos prioritarios que se están a atender nos centros médicos e previr de maneira activa a sobrecarga ou colapso. Así pois, en caso de sufrir febre, tose ou dificultade para respirar, chama ao 900 400 116 para casos leves ou ao 061 nas emerxencias e casos graves.
Para evitar desprazamentos, o Sergas pon a túa disposición os servizos da plataforma E-Saúde onde podes solicitar cita médica de xeito online e consultar os resultados das túas probas ou medicación. Tamén contas co servizo de cita telefónica para a atención por parte dun médico dende o teu domicilio.
Algúns servizos adicionais e de interese que che ofrece esta ferramenta son:
Adicionalmente, o Sergas puxo a disposición de toda a cidadanía o autotest Coronavirus para proporcionar información áxil e actualizada sobre cuestións relacionadas con esta enfermidade e a través de preguntas concretas ofrece recomendacións adaptadas á situación particular de cada persoa.
Hoxe en día existen unha serie de ferramentas accesibles para todo o mundo que axudan a romper co illamento, potenciar o envellecemento activo, fortalecer e enriquecer a participación social do maior posibilitando espazos de igualdade e permitindo o establecemento de lazos afectivos con persoas que comparten os mesmos intereses, preocupacións e necesidades.
As tecnoloxías aplicables á mellora da calidade de vida son moi variadas e interesantes. As seguintes son só algúns exemplos:
Todos estes son algúns exemplos do que a tecnoloxía che pode ofrecer, pero sabemos que algunhas visitas non se poden evitar como as de profesionais de atención a domicilio, sanitarios, coidadores e familiares que che axudan coas túas tarefas diarias, polo que é importante evitar o contacto ao saudar, mantendo a distancia de seguridade de dous metros, así como ventilar a vivenda todos os días polo menos durante 10 minutos e limpar as superficies en contacto con produtos de limpeza. E adicionalmente:
Nestes días o apoio das ferramentas TIC é vital para previr o illamento e para manterse activos sen esquecer que non estamos sós e proximamente centraremos a publicación en como manternos entretid@s e en contacto con outras persoas grazas á tecnoloxía.