
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
As novas ferramentas tecnolóxicas de loita contra o COVID-19 que o Goberno puxo en marcha son accesibles para as persoas con discapacidade grazas á participación da Fundación ONCE no proxecto.
Trátase da aplicación oficial de AsistenciaCOVID-19, impulsada polo Goberno para que a poboación poida facerse un autodiagnóstico do coronavirus, e do Hispabot-Covid19, unha canle de consulta sobre o COVID-19 a través de WhatsApp.
O Goberno informou este mércores da posta en marcha do asistente conversacional Hispabot-Covid19. É unha canle de consulta automática que utiliza a intelixencia artificial e a linguaxe natural para responder as inquietudes da cidadanía sobre o COVID-19 con información oficial, precisa e actualizada.
Hispabot-Covid19 é un servizo "chatbot" que permitirá aos cidadáns obter respostas inmediatas ás preguntas máis comúns sobre o coronavirus durante as 24 horas do día.
Ambos os servizos son accesibles para as persoas con discapacidade grazas á participación da Fundación ONCE no proxecto destas ferramentas tecnolóxicas.
AsistenciaCOVID-19
O obxectivo desta aplicación, posta en marcha o pasado luns pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, é desconxestionar os teléfonos de atención sanitaria das diferentes comunidades autónomas, á vez que ofrecer información oficial e de confianza.
Técnicos do departamento de Accesibilidade Universal e Innovación da Fundación ONCE traballaron para que as persoas con discapacidade poidan acceder ao autodiagnóstico, ben sexa a través da aplicación, da web ou usando o chatbot desenvolvido para o proxecto.
Así, traballouse no correcto uso do idioma nalgúns elementos como, por exemplo, a lectura dos emojis ou iconas, a boa contextualización da cantidade de ligazóns e referencias que o chatbot prové, sendo fontes de recursos que complementan a información do propio compoñente, así como a correcta orde de lectura para persoas con discapacidade, que usan como ferramentas tecnolóxicas de apoio un lector de pantalla
A aplicación permite ofrecer recomendacións e pautas de actuación a través da solicitude dunha serie de datos de identificación e de saúde relacionados cos síntomas experimentados. Ademais, a través do sistema de xeolocalización vía GPS do teléfono móbil, con permiso do usuario, validará a comunidade autónoma na que se atopa para personalizar as respostas en función dos protocolos de cada unha delas.
A formación empresarial e profesional está a superar os obstáculos do COVID-19 e desenvólvese plenamente no plano virtual, de man de entidades como a Cámara de Comercio de Santiago, que presentou este luns 13 de abril os programas Constrúe o teu futuro: cursos axeitados para facer voar o emprendemento xuvenil cando a situación económica e social se normalice. A actividade colle corpo con dúas contribucións tecnolóxicas, cuxo inicio en streaming está previsto para o 20 de abril: Tendas virtuais e emprendemento e máis Formación de Social Media, Marketing Dixital e Emprendemento. Celébranse en colaboración coa Fundación INCYDE e co apoio económico do Concello de Santiago e do Fondo Social Europeo. Os cursos están dirixidos a mozos e mozas menores de 30 anos e inscritos en Garantía Xuvenil.
O obxectivo das accións pasa por achegar aos participantes coñecementos e habilidades empresariais esenciais como a creatividade e o traballo en equipo, amais de recursos para xestionar o risco.
O programa sobre redes sociais e mercadotecnia dixital está dirixido a persoas emprendedoras e profesionais que desexen especializarse en competencias de marketing dixital e no aproveitamento efectivo das redes sociais e a chamada Web 2.0, “permitíndolles incrementar a súa calidade profesional e mellorar a súa empregabilidade”. A idea é axudalas a definir a súa propia estratexia de comunicación nos novos medios sociais (redes sociais, blogs, buscadores, etc.), o plan online de promoción empresarial-profesional e a execución de accións para mellorar a reputación dos seus produtos e servizos na Internet.
Polo que se refire ao programa sobre tendas virtuais, estará dirixido a mozos e mozas interesadas en mellorar ou consolidar á actividade comercial a través da programación e creación de tendas en liña. Con este programa achegarase formación en deseño de tendas online con Wordpress, sobre o contexto que rodea o sector da venda na Internet, sobre como facer plans de mercadotecnia en liña e sobre como acceder a provedores e recursos valiosos para seguir a aprendizaxe unha vez terminado o curso.
Os programas formativos en streaming son de balde previa inscrición na páxina web da Cámara de Comercio de Santiago.
A Asociación Compostela Monumental segue adiante coa súa intensa actividade de formación para favorecer a empregabilidade das mulleres con contidos tecnolóxicos e, tamén, con recursos que axuden a superar con información avanzada o parón produtivo, económico, social e docente da crise sanitaria. Segundo informa a entidade, esa semana inícianse dous novos cursos online: por unha banda TIC, redes sociais e marca persoal e, pola outra, Manipulación de alimentos.
O primeiro, o que se centra nas comunidades dixitais e nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), ten como obxectivo “dar a coñecer ás alumnas as distintas redes sociais existentes de face á procura de emprego e aprender a xestionar a marca persoal de cada unha delas”. Teresa Hernández, técnica orientadora de Compostela Monumental será a encargada de impartir esta acción formativa de 15 horas e que está prevista que finalice o próximo día 24 de abril.
Ao mesmo tempo, levarase a cabo dixitalmente o Curso de Manipulador de Alimentos, impartido por Recursos Galicia e cunha duración de 10 horas, estando previsto o seu remate para o día 20 de abril. As alumnas participantes no mesmo adquirirán os coñecementos básicos en materia de hixiene e seguridade alimentaria.
Estas accións forman parte do itinerario formativo de turismo e comercio do programa integrado de emprego de Compostela Monumental en colaboración coa Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta de Galicia. Nestes momentos Compostela Monumental ten activo un terceiro curso virtual, Prevención de Riscos Laborais, que remata o día 27 deste mes.
Para achegar información oficial á cidadanía, e seguindo os pasos da OMS e outras organizacións, o Goberno estreou o asistente conversacional Hispabot-Covid19, que a través de WhatsApp responde de xeito automático as preguntas que faga a cidadanía, para o que válese dun sistema baseado en intelixencia artificial que extrae as súas respostas de información oficial actualizada coa vantaxe de que este chatbot responde automaticamente durante as 24 horas do día.
Para poder conversas con este novo chatbot temos que engadir á axenda do noso móbil o número de teléfono +34 600 802 802, que é dende o que podemos expor as nosas dúbidas para recibir resposta ao instante. Esta ferramenta desenvolvida para o Ministerio de Sanidade e impulsada pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital probouse con máis de 200 preguntas formuladas de mil xeitos diferentes, e achega dende as cifras actuais sobre o COVID-19 até información sobre síntomas da enfermidade achegada polo Ministerio de Sanidade. Deste xeito búscase reducir a presión sobre as liñas de atención telefónica sanitarias.
A Consellería de Política Social vén de ampliar ata as 24 horas ao día, sete días á semana, o servizo de videointerpretación que ofrece a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). Esta ferramenta permite que as persoas xordas poidan obter información ou comunicarse cos teléfonos de emerxencia, coma 112, 061, 012 ou o teléfono de información sobre o coronavirus 900 400 116.
Ata este momento, o servizo funcionaba de luns a venres de oito da mañá a oito da tarde. Agora pasará a funcionar de xeito ininterrumpido durante o estado de alarma. Esta ampliación garante o acceso das persoas xordas aos teléfonos de emerxencia durante o confinamento.
Tamén se ampliou o directorio de teléfonos aos que se pode chamar desde a aplicación de videointerpretación, para incluír tamén o teléfono gratuito do coronavirus (900 400 116), dedicado a resolver dúbidas e consultas relativas á pandemia, e outros servizos de emerxencia habilitados para calquera xestión.