main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

08/04/202008:20
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Cancélase, por mor do COVID-19, a segunda edición de ApuntasTech?

segunda edición do concurso ApuntasTech?, unha das grandes actividades de divulgación tecnolóxica da tempada, tivo que se cancelada debido ao Estado de Alarma polo coronavirus. A organización (o CESGA en colaboración coa Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, CPEIG, a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas - Nodo Galicia e a Asociación Puntogal) decidiu pospoñer a celebración do certame ao ano vindeiro, “polas dificultades para convocar as ideas do alumnado de Primaria e Secundaria nun intre no que non están nos centros escolares”.

Como lembraremos, o concurso está destinado a promover vocacións tecnolóxicas femininas. O seu obxecto principal é xerar un catálogo de propostas concretas que axuden a espertar o entusiasmo pola tecnoloxía e alentar as vocacións tecnolóxicas temperás, principalmente entre as nenas de 10 a 15 anos (5º e 6º de Educación Primaria e 1º e 2º da ESO). A organización agradece a participación no concurso e anima aos estudantes e docentes a presentar as súas ideas para a vindeira edición.

08/04/202007:50
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

Catro tecnólogas referenciais celebrarán coa mocidade galega o Día das Rapazas nas TIC máis virtual

O Día Internacional das Rapazas nas TIC será este ano, máis ca nunca, unha celebración do potencial das tecnoloxías para facer fronte común contra a adversidade e, tamén, unha conmemoración de todas as grandes cousas que teñen que dicir as nenas, as mozas e as mulleres en materia dixital. Será o 23 de abril a partir das 11.00 horas e este ano, por mor da pandemia de COVID-19, potenciarase unha vertente virtual que xa viña de antigo (todas as edicións galegas da xornada abriron xanelas en streaming cos institutos de secundaria da nosa terra).

O Día das Rapazas nas TIC vén da man da Secretaría Xeral de Igualdade e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Participarán catro tecnólogas galegas mostrando o seu día a día e a importancia de seguir preparando o terreo para a incorporación de novas profesionais do coñecemento e a innovación. Na cita, escolares de toda Galicia están convidadas e convidados a coñecer, da man das catro relatoras, importantes achados en materia de Intelixencia Artificial, videoxogos, comunicacións de radio e tecnoloxías de arqueoloxía moderna. A cita galega, na que tamén xuntan forzas a Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas (AMIT) e a Asociación Puntogal, é a oitava convocatoria do Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day). Celebrarase o vindeiro 23 de abril no CESGA e será retransmitida en directo a través de Internet de 11 a 12 horas para todos os escolares de Galicia.

Fórmula virtual

Este ano, debido á situación de Estado de Alarma pola pandemia do COVID-19, a xornada organizarase dunha maneira diferente mediante multiconferencia web. Será, en palabras da organización, “unha gran oportunidade para coñecer a catro protagonistas que contarán, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todos e todas”. A través destes catro relatorios, o alumnado terá a oportunidade de preguntar e consultar calquera dúbida sobre o seu traballo. Participarán catro mulleres galegas excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: 

  • Amparo Alonso Betanzos é catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) e presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial (AEPIA). Dirixe o grupo LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) que obtivo recoñecemento e premios internacionais polo seu traballo en IA aplicada a diferentes ámbitos. É investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC.
  • María Fernández Hermida é unha artista dixital galega da industria dos videoxogos. Traballou no Estudio Gato Salvaje na creación de contornas 3D e guións para xogos. Desde hai tres anos é Women in Games Ambasssador (embaixadora das mulleres no videoxogo), ou sexa, integrante dunha organización internacional (Women in Games) que promove este ámbito do lecer tecnolóxico como “unha carreira para mulleres, que organiza charlas e apoia ás mulleres nesta industria”.
  • Isabel Expósito Pérez é enxeñeira en Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo), na especialidade de Comunicacións de Radio. Traballa como técnica do laboratorio Antelia, que forma parte do grupo de investigación Sistemas Radio, recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia. O grupo Sistemas Radio é un dos que conforman o centro AtlantTIC, centro de referencia a nivel internacional de investigación en Telecomunicacións da Uvigo.
  • Patricia Mañana Borrazás é arqueóloga, coordinadora do proxecto DIMENSO e profesora no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Ten máis de 20 anos de experiencia en escavacións arqueolóxicas, nas que estivo aplicando durante máis dez anos novas tecnoloxías á documentación patrimonial, como fotogrametría e escáneres de múltiples tipos, 3D, estacións totais, GPS, escáner de luz estruturada, láser de curto alcance e terrestre, etc.

Inscrición e instrucións para participar no evento

Segundo informan as entidades organizadoras, para participar neste coloquio en directo só é preciso enviar un correo electrónico a e-learning@cesga.es, indicando o curso e o centro ao que pertence o alumno e desde que localidade se conecta. Tamén é recomendable indicar o tipo de dispositivo (se é unha computadora, unha tableta, un móbil…) co que se conecta. Pódese seguir e difundir toda a información do evento e das actividades na web de eLearning do CESGA e no seu Twitter @ICTGoGirls.

Día Internacional das Rapazas nas TIC

O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar positivamente as novas tecnoloxías para o desenvolvemento académico, investigador e profesional. O evento está organizado e promovido polo CPEIG, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA, AMIT e a Asociación.GAL. Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica, Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVIGO), a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), GalsTech, Hello Sisters! e MujeresTech. A Secretaría Xeral de Igualdade e o CESGA, promotor e coordinador do proxecto europeo ICT-Go-Girls!: Promoting Entrepreneurship through ICT for Secondary School Girls (Promoción do emprendemento a través das TIC entre rapazas de educación secundaria), considerado como referente pola propia Unión Europea, levan desde 2013 impulsando e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción das Tecnoloxías da Comunicación e Información (TIC), especialmente para conseguir que as mulleres alcancen unha presenza igualitaria no sector dixital, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 a 15 anos, franxa de idade que se considera chave para cambiar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre as rapazas.

07/04/202017:09
Que podo facer para manterme activ@ mentalmente?
Santiago de Compostela

Que podo facer para manterme activ@ mentalmente?

Segunda entrada da Guía para manterte activo física e mentalmente.

O confinamento motivado pola crise do COVID-19 está facendo proliferar as opcións formativas, culturais e de ocio que temos ao noso alcance sen movernos da casa. Este fenómeno está funcionando como cohesionador social en momentos críticos e de illamento posto que, a pesar da distancia, mantennos activ@s e conectad@s a través da tecnoloxía.

Pero nesta gran oferta debemos ser críticos e selectivos co que consumimos e investimos o noso tempo, sendo capaces de elixir aquelo que é seguro, veraz e que nos enriquece tanto á hora de formarnos como no noso tempo de lecer.

Mantente informad@ e evita noticias falsas

Con esta crecente necesidade de estar ao tanto das últimas novas é fácil caer na sobre e des-información como hábito para manterte ao día do que está a acontecer. Sen embargo é preciso ter especial coidado á hora de seleccionar o que é relevante ou veraz do que non.

A continuación proporcionámosche algúns consellos para consumir e compartir só datos e imaxes seguros:

  • Sé escéptic@ coa información que che chega por redes sociais ou WhatsApp. Evita compartir cadeas de mensaxes de persoas que non coñeces.
  • Non te quedes no título, mira ben cal é a fonte da información que consumes, para verificar que a orixe é verídica e fiable. Diríxete na medida do posible a fontes e organismos oficiais como o Ministerio de Saúde ou a OMS.
  • Crea un hábito para estares informad@, seleccionando poucas fontes e mantente actualizad@.
  • Se desconfías, revisa os datos e contrasta informacións ata despexar dúbidas.

Fórmate a través de medios online

As universidades galegas continúan ofrecendo alternativas para manter o ritmo académico nestes días de confinamento:

  • Baixo o lema #UDCnonpara, a Universidade da Coruña ofrece, por exemplo, formación en materia de teletraballo, teleformación, videotutoriais e actividades en liña.
  • A Universidade de Vigo, #UVigodesdecasa, reforza a súa oferta de teledocencia cun catálogo de salas virtuais en directo e tamén ofrece guías e manuais para o traballo e a docencia desde a casa.
  • A Universidade de Santiago de Compostela, pola súa banda, puxo a través YouTube, videotitoriais sobre eLearning e triplicou a capacidade do seu Campus Virtual e tamén publicou unha serie de pautas para unha mellor xestión emocional durante o teletraballo e en familia no marco da crise do COVID-19.

A Rede CeMIT tamén pon a disposición da cidadanía o seu Espazo Multimedia de Aprendizaxe (EMA) que complementa a formación online que están realizando os axentes TIC de CeMIT, facilitando o acceso a un amplo catálogo de cursos de formación dixital gratuítos e sen necesidade de matriculación nin reserva de praza, para o seu uso, tan só é preciso darse de alta como usuari@ da Rede CeMIT.

Tamén no eido da formación TIC, a Fundación Estatal para a Formación no Emprego, Fundae, a través da súa plataforma Dixitalízate, pon a disposición de tod@s unha gran variedade de cursos gratuítos, de grandes empresas tecnolóxicas. E no referente á ciberseguridade, o CCN-CERT ofrece un curso online de 10 horas que trata temas como a protección do correo electrónico, navegación segura, seguridade en dispositivos móbiles e redes inalámbricas, entre outros contidos.

Aprender un idioma pode ser unha forma de evadir a nosa mente e á vez formarnos. Ademais, existen evidencias que demostran que favorece o crecemento da mente e a multitarefa, evita a demencia, amplía a capacidade de memorización e agudiza a capacidade de atención. Para formarte durante estes días de illamento en idiomas, tes a túa disposición un gran número de aplicacións para o teu móbil ou tablet a través de Google Play Store para Android ou iTunes Apple para sistemas iOS. A variedade de aplicacións é moi ampla e poderás aprender gramática, vocabulario, facer exercicios, ver vídeos para aprender a pronunciación e fonética, etc.

Non renuncies á oferta cultural e de lecer

Moitos organismos e organizacións trasladan, na medida do posible, as súas actividades a medios dixitais. Bibliotecas online, catálogos de películas e series ampliados, concertos a través de Instagram, representacións de teatro a través de streaming e, incluso, moverse polos corredores de museos como o Thyssen “Thyssen desde a casa” ou Picasso “Museo Picasso virtual” agora é posible sen saíres da casa.

A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña #aculturasegue, cunha programación de lecer cultural no eido dixital que aglutina toda a oferta cultural, entre a que pode destacar:

  • O acceso a máis de 4.500 títulos de libros, 31 revistas ou 300 películas en formato electrónico e de maneira gratuíta a través da plataforma GaliciaLe, que é a plataforma de préstamo de libros, revistas, películas e audiolibros en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas. Para acceder tan só necesitas rexistrarte e non será preciso ter o carné de lector de ningunha biblioteca pública galega.
  • A visita virtual a todos os museos xestionados pola Xunta, a visita ao patrimonio galego para coñecer a os nosos mosteiros e catedrais a través de visitas virtuais 360º, así como explorar o noso patrimonio cultural e natural a través da canle de YouTube de Turismo de Galicia, ou acceder á web do Camiño de Santiago mentres as Rutas Xacobeas non se poidan percorrer a pé.
  • O acceso a contidos de actualidade e de interese histórica a través das canles de YouTube, así como a través das redes sociais da Cidade da Cultura, o CGAC ou o CGAI.

Adicionalmente a esta iniciativa, son moitas as bibliotecas e centros culturais que abren unha ventá á lectura e outros recursos formativos cos que enriquecerse durante este tempo de corentena. O acceso gratuíto ao catálogo de libros electrónicos, realización de talleres virtuais, celebración de días especiais... son exemplos disto. Así mesmo outras plataformas dixitais abren os seus servizos ao público durante este período sumándose ao movemento #QuédateEnCasaLeyendo ou #YoMeQuedoEnCasaLeyendo, onde atoparás unha gran variedade de lectura.

O amplo catálogo de ocio e entretemento cultural que temos á nosa disposición tamén se viu incrementado expoñencialmente nestes días grazas ás plataformas multimedia que abren os seus recursos na súa totalidade coma por exemplo a RTVE co seu catálogo de películas.

Así como, movementos promovidos pola cidadanía de xeito voluntario, como cantantes e músicos que ofrecen a posibilidade de emitir concertos en directo en streaming ou a través das súas redes sociais como YouTube, Instagram ou Facebook. Algunhas das iniciativas lanzadas nos últimos días son:

  • Cuarentena Fest: Varias bandas españolas súmanse a este festival en streaming para achegar a música en tempos difíciles.
  • #YoMeQuedoEnCasaFestival: Bandas e cantantes moi recoñecidos ofrecen desde o inicio da corentena concertos a través de Instagram.

Incluso se están a recuperar antigas costumes como a do xogo, ben en grupo, ou en solitario para matar o tempo. Os beneficios dos xogos van desde elevar o coeficiente intelectual, potenciar a memoria, ata facilitar a resolución de problemas. Algúns exemplos que poden axudarte a manter a túa mente activa e dos que poderás descargar aplicacións a través do teu móbil ou tablet son:

  • Xogos para activar a mente: que poden ir desde adestrar a mente, realizar retos con outros usuari@s, xogos de memoria ou realizar tradicionais pasatempos en formato dixital.
  • Xogos para activar a túa creatividade a través de xogos para colorear, debuxar, pintar desde o teu ordenador.

Mantén o contacto cos teus amig@s e familia

Para manter un bo equilibrio mental precisamos estar emocionalmente tranquil@s e conectad@s uns cos outr@s e as novas formas de comunicación e apps que temos ao noso alcance facilítannos esta labor a través da comunicación virtual. Algunhas das ferramentas máis empregadas para a realización de videochamadas son: WhatsApp, Skype, Facebook, Instagram ou Facetime.

Non fagas nada

E xa para rematar, non te esquezas de desconectar e “non facer nada”. Para que o cerebro estea activo e creativo, primeiro debe estar descansado, polo que non facer nada, tamén é fundamental como punto de inicio para poñer a mente en marcha. É importante atopar un momento para relaxarnos e desconectar.

Mediante a tecnoloxía, tamén podes desconectar a túa mente e relaxarte en función dos teus gustos e prioridades, empregando aplicacións para o teu móbil ou tablet que che axuden a realizar exercicios de meditación, de respiración ou relaxación durante un intre cada día.

07/04/202011:23
Pantallazo da ferramenta Asistencia COVID-19.
Santiago de Compostela

Estréase a aplicación oficial do Goberno sobre o COVID-19

O Goberno vén de estrear a súa aplicación oficial para achegar asistencia aos cidadáns na crise do COVID-19, podendo accederse a esta ferramenta vía web ou descargando a correspondente aplicación para Android ou para iPhone, aínda que esta iniciativa do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital ten unha aplicación desigual na xeografía española, de xeito que polo momento só sería válida para Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Estremadura e Asturias, remitindo ás aplicacións de cadansúa autonomía nos casos de Madrid, Cataluña e País Vasco e deixando desatendida a Galicia, aínda que dende o Goberno aseguran estar a traballar para ampliar a cobertura desta aplicación.

Asistencia COVID-19 permite recibir instrucións e recomendacións en función do estado de saúde dos usuarios, avalía o estado de saúde en función dos síntomas, axuda aos profesionais que traballa pola nosa seguridade e benestar e permite a autoavaliación cada 10 horas para manter actualizada a información sobre o estado de saúde. O principal obxectivo desta aplicación é desconxestionar os servizos de atención telefónica sobre o coronavirus, pero tamén pretende servir de referente na obtención de datos unificados e homoxéneos sobre o coronavirus, deixándose claro que a aplicación móbil non é un servizo de diagnose médica e, pese ás informacións que circulan, non realiza un seguimento da posición do usuario valéndose da localización de cada usuario, senón que os datos de posición empréganos unicamente para establecer a comunidade autónoma actual.

06/04/202013:03
Que podo facer para manterme activ@ fisicamente?
Santiago de Compostela

Que podo facer para manterme activ@ fisicamente?

Primeira entrada da Guía para manterte activo física e mentalmente.

Ao longo destes días son moitos os artigos e novas en prensa, televisión e redes sociais que nos repiten reiteradamente que temos que manternos activos, pero é importante saber o por que e máis aínda importante é facelo ben e sen riscos para á saúde.

Segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde), a realización de actividade física ten importantes beneficios para a saúde e contribúe a previr enfermidades, especialmente neste momento de illamento. Así, manterse activ@ físicamente axudaranos a ter unha vida máis sa e feliz, aumenta o noso benestar e permítenos desfrutar dunha mellora na esperanza e calidade de vida, é dicir, permitiranos vivir máis e mellor!

Neste sentido, o Consello Superior de Deportes (CSD) e o Consello Xeral da Educación Física e Deportiva (COLEF) puxo en marcha a campaña #YoMeMuevoEnCasa para promover a actividade e o exercicio físico nos fogares durante os días do estado de alarma polo COVID-19 coas seguintes recomendacións: evita o sedentarismo (non pases moito tempo sentado e reduce o tempo diante das pantallas) e loita contra a inactividade aumentando a túa actividade física.

Con estas recomendacións e a pesar de non poder saír da casa, este pode ser un bo momento para realizar exercicio físico, e neste post, presentaremos como grazas ás TIC e cunha conexión a Internet, poderás realizar exercicio na casa a través de distintos medios:

Participa en clases en directo e mantén o teu ritmo, ou busca o teu momento e accede a videotitoriais de profesionais

A televisión, YouTube ou as redes sociais coma Instagram e Facebook facilítannos unha gran variedade de propostas para manternos activ@s estes días. A continuación facilitámosche algunhas iniciativas:

  • Para axudar á preparación e motivación d@s deportistas profesionais, a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, sumouse á iniciativa ‘Píldoras Solidarias. Entrenamento Mental’ da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte (SIPD) que preside o psicólogo deportivo galego Joaquín Dosil e consiste en pílulas de 10 minutos de adestramento mental en directo. Para participar nestas actividades é preciso completar o seguinte formulario: https://forms.gle/FE7oaoowsvBxbkQd8.
  • A UDC ofrécenos unha canle de exercicios online en UDCTV na que se emiten vídeos en aberto para realizar actividade física na casa co obxectivo de que todo o mundo poida seguir estes vídeos de curta duración e cree rutinas propias en función dos seus intereses.
  • RTVE, a través da súa páxina web, recuperou e puxo a disposición de toda a cidadanía o programa de ximnasia dos anos 80 de Eva Nasarre “Posta a punto”, e na súa programación en directo, emite o programa “Móvete na casa” de luns a venres ás 09.00 horas, onde durante 30 minutos o monitor de fitness da academia de Operación Triunfo, Cesc Escolà, propón exercicios sinxelos por idades e con obxectos de uso cotiá.
  • Adicionalmente, desde as diferentes canles de YouTube, Instagram ou Facebook adestradores persoais e especialistas poñen á túa disposición clases que poden ser seguidas en directo ou en calquera outro momento. Algúns exemplos son:
    • A Deputación de Ourense co “Programa de adestramento deportivo por Internet” cos monitores do Pazo dos Deportes "Paco Paz" e de luns a venres, ás 10 horas (orientada ao acondicionamento físico) e ás 19 horas (centrada no adestramento en familia), ofrecen clases gratis e un programa que inclúe ximnasia de mantemento, baile, pilates, ioga, step e gap a través de Facebook (@PazoPacoPazDeputaciondeOurense), Twitter (@PazoPacoPaz) e YouTube (@PazoPacoPaz),
    • A nivel local, tamén se promoven iniciativas coma o Multiusos das Fontes do Sar en Santiago de Compostela que ofrece titoriais e clases en directo en redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter) cos seus instrutores e a través da aplicación Trainingym ofrecen máis de 350 sesións e clases virtuais aos seus abonados. Outro exemplo son as clases virtuais dos profesionais do Complexo deportivo de Campolongo, que permiten aos seus usuarios continuar coas clases a través de YouTube e cos seus monitores de confianza.
    • Nas redes sociais están a xurdir iniciativas como a de @yomemuevoencasa en Instagram que está a ter unha gran repercusión por contar con algúns dos gurús do fitness e adestradores persoais que ofrecen plans de adestramento en directo cada día nos seus perfís.
    • Os ximnasios e outras entidades deportivas tamén aproveitan as redes sociais para manter aos seus usuarios en forma, habilitando nas súas webs espazos para seguir as clases e actividades online, para recomendacións e consellos, vídeos curtos para exercitar diferentes músculos ao teu ritmo, etc.

Descárgate aplicacións e móvete na túa casa

Outra das vías que nos ofrecen as TIC para realizar exercicio na casa é o manexo de aplicacións para o móbil e tablets que están dispoñibles nas plataformas dixitais da Google Play Store para Android ou a iTunes Apple para sistemas iOS.

Se optas por esta vía para facer exercicio, tan só terás que descargar unha ou varias apps, segundo o que queiras facer.

 

E xa para finalizar, non queremos despedirnos sen lembrarche que é preciso ter unha serie de precaucións e recomendacións á hora de realizar exercicio na casa:

  • Realizar exercicio tendo en conta o teu estado físico actual. Se non estás habituado a realizar actividade, comeza de forma suave e gradual, incrementando pouco a pouco o tempo e intensidade da actividade.
  • Quenta antes de comezar a actividade física e estira os teus músculos ao finalizar. Non comeces nin remates bruscamente a actividade.
  • Leva roupa cómoda e calzado adecuado.
  • Non fagas actividade física despois de comer.
  • Mantente hidratad@ adecuadamente.
  • Unha vez rematado o exercicio físico, no caso de que suases, cando remates, sécate e cámbiate de roupa para evitar arrefriarte, tamén é importante reforzar a hixiene corporal.
  • Mantén a túa casa ventilada e tenta expoñerte ao sol.
  • E sobre todo, segue sempre as recomendacións das autoridades sanitarias e se tes dúbidas sobre como facer exercicio na casa, contacta con profesionais cualificad@s do deporte e ten coidado coas propostas que circulan pola rede, asegurándote que contan coas cualificacións necesarias.

Esperamos que pronto poidamos desfrutar do deporte e a actividade física ao aire libre e nos nosos centros deportivos, pero mentres tanto, lembra que este é un bo momento para comezar ou continuar facendo exercicio desde as nosas casas e sacando o máximo partido a todos os recunchos e obxectos que temos por casa... #EuQuedoNaCasa, #EuMóvomeNaCasa e #EuEntrenoNaCasa.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS