main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

13/04/202008:18
Turistas guiados por unha guía.
Santiago de Compostela

A Xunta amplía a oferta de teleformación para profesionais do sector turístico con cinco novos cursos este mes de abril

  • A iniciativa desenvólvese online, de maneira gratuíta, a cargo de especialistas que combinan faladoiros en directo con material e actividades de avaliación
  • O obxectivo do plan, con capacidade para chegar a 2.000 usuarios, é contribuír á mellora das competencias dixitais dos traballadores no contexto desta crise
     

A Xunta de Galicia amplía as accións do seu plan de teleformación para o sector turístico, a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CHSG), que programa este mes de abril cinco novos cursos gratuítos online tras celebrar outros tantos nas últimas semanas. O obxectivo desta iniciativa, a cargo de especialistas na materia e con capacidade para chegar ata a 2.000 usuarios da Comunidade, é facilitar aos traballadores á mellora en diferentes competencias como a xestión dixital, a comunicación e o márketing en liña.

Os dous novos cursos da vindeira semana impartiranse polo experto en transformación dixital e desenvolvemento de negocio online Tirso Maldonado. O primeiro deles, o luns 13, abordará a Implantación de CRM e email márketing para empresas turísticas, mentres que o segundo, previsto para o xoves 16, centrarase no Márketing dixital para restaurantes. En ambos casos comezarán ás 11:00 horas.

O luns 20 será a queda do emprendedor Celso Gómez, co faladoiro Como comunicar cos clientes das empresas turísticas superada a crise. O xoves 23 impartirá o curso Boas prácticas no márketing dixital para saír da crise. O programa actual, que poderá ampliarse en función da demanda, leva por título Google Analytics para hoteis e restaurantes e terá lugar o luns 29 a cargo de Tirso Maldonado. Sempre ás 11:00 horas.

Os docentes imparten formación específica e, ao realizarse en directo, responden ás dúbidas dos participantes. Así mesmo, ofrécese material informativo e documental e realízanse actividades de avaliación e ampliación dos coñecementos. A duración da actividade é de catro horas, das que ata dous corresponden a faladoiros en directo.

Formulario de inscrición

O programa completo de accións formativas está dispoñible no Espazo Profesional da web de Turismo de Galicia, onde os interesados poden acceder ao formulario de matrícula. Teñen participación prioritaria os propietarios de pequenas e medianas empresas, traballadores de bares, cafeterías, restaurantes, aloxamentos e outros establecementos hostaleiros así como outros profesionais do sector turístico.

09/04/202011:02
Mans tecleando nun portátil.
Santiago de Compostela

A Xunta reparte a práctica totalidade dos ordenadores e conexións a Internet para familias con menos recursos

  • Xa están entregados nos centros o 99% dos equipos e o 1% restante será recepcionado á volta das vacacións de Semana Santa de acordo coas direccións dos centros
  • O equipamento distribuíuse en todos os centros públicos galegos que imparten Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional, que se encargan de entregalos ás familias
  • Cada centro recibiu tres portátiles, que van equipados cun router WIFI e conectividade 4G gratuíta, grazas á colaboración dos operadores R, Vodafone e Orange

A Xunta entregou en menos dunha semana a práctica totalidade dos 1.000 portátiles con conexións a Internet gratuítas, destinados a familias con menos recursos e cuxos fillos cursen Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato ou Formación Profesional. A entrega dos restantes completarase a volta das vacacións escolares de Semana Santa ante a petición dos propios centros. Esta medida, aprobada no último Consello da Xunta, realízase en colaboración cos operadores R, Vodafone e Orange. A familias recibirán os equipos e a conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa, mentres dure o estado de alarma.

Os portátiles entréganse ás familias a través dos seus centros de ensino, grazas á colaboración dos equipos directivos, cos que se contacta previamente para pechar a entrega do equipamento. Todos os centros públicos que imparten Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato ou Formación Profesional recibiron tres equipos con conectividade, que distribúen entre as familias atendendo á súa situación socioeconómica, priorizando o alumnado dos cursos de final de etapa que titulen (4º da ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP) e a aquelas familias que non dispoñan nos fogares de ordenador nin de conexión a internet.

Triplícase o uso das plataformas online

A dotación deste equipamento forma parte do paquete de medidas que puxo en marcha a Xunta para facilitar o seguimento en liña da actividade educativa. Entre as últimas actuacións está a posta a disposición dos docentes a pasada semana dunha plataforma de videoconferencia que permitiu na primeira semana activa máis de 30.000 reunións virtuais, nas que participaron máis de 100.000 docentes e alumnos.

Ademais, desde o 30 de marzo os provedores de contidos da plataforma E-Dixgal: aulaPlaneta, Edebé, Netex e Pearson, permiten o acceso ao seus contidos aos centros que non están integrados na iniciativa, unha medida da que se poden beneficiar ata 95.000 rapaces.

Por outra banda, as plataformas coas que xa contaba a comunidade educativa galega incrementaron o seu uso desde a entrada en vigor da emerxencia sanitaria en Galicia. Ata o 4 de abril, último día lectivo, a aplicación abalarMóbil triplicou os usuarios diarios, e fronte aos 28.000 de media diaria antes da crise, a semana pasada rexistráronse diariamente máis de 80.000 usuarios, chegando a máis de 217.000 o venres.

Tamén as Aulas Virtuais dos centros triplicaron o número de usuarios, pasando duns 18.000 de media diarios antes da emerxencia sanitaria a rexistrar máis de 58.000 ao comezo da semana pasada, triplicando tamén o uso da plataforma, que pasou de 1 millón de interaccións diarias a máis de tres millóns. Na plataforma de E-Dixgal rexistráronse incrementos de uso diario entre o 90% e o 110% sobre os habituais anteriormente.

Videotitoriais para os docentes

Para facilitar o acceso a todos os servizos dixitais educativos dispoñibles para toda a comunidade educativa, habilitouse un espazo tanto no portal educativo, https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/espazo/servizos-dixitais) como na canle do espazoAbalar en Youtube (https://www.youtube.com/espazoAbalar), nos que se indica como acceder a eles, manuais de uso, e videotitoriais dos servizos e funcionalidades máis demandadas das aulas virtuais, o sistema de videoconferencia, e da plataforma de comunicación coas familias.

A día de hoxe están dispoñibles oito videotitoriais sobre as cuestións máis demandadas: cinco sobre o uso das aulas virtuais por parte do profesorado; dous sobre o uso do servizo de videoconferencia por parte do profesorado e do alumnado e un sobre o uso do servizo de comunicación ás familias e alumnado por parte do profesorado.

Nestes dez días que levan dispoñibles, os videotitoriais recibiron unhas 14.000 visualizacións, destacando o de uso do servizo de videoconferencia por parte do profesorado con máis de 4.100 visualizacións.

08/04/202011:33
Cartel da iniciativa.
Madrid

Voluntarios da Fundación ONCE e Atresmedia colaboran para loitar contra a soidade provocada polo coronavirus

Voluntarios da Fundación ONCE e Atresmedia colaborarán de forma conxunta para loitar contra a soidade á que se enfrontan algunhas persoas con discapacidade que non poden saír dos seus fogares con motivo da declaración do estado de alarma.

 

Desde mediados do mes de marzo a Unidade de Voluntariado da Fundación ONCE levou a cabo unha readaptación das súas actuacións, de maneira que se produciu unha focalización na atención individualizada daquelas persoas con discapacidade que pola súa situación necesitan apoio para a compra alimentaria ou de produtos farmacéuticos.

 

Esta actividade enmárcase dentro da iniciativa #NoEstaisSolos, que a Fundación ONCE está a desenvolver para atender as necesidades das persoas con discapacidade, así como do movemento asociativo. Ademais, está a colaborar co movemento Coronavirus Makers para a impresión de produtos 3D, o lanzamento de material formativo na internet ou a campaña de 'Consolo Espiritual' xunto con Mensaxeiros da Paz.

 

Pola súa banda, o grupo Atresmedia conta con #AisladosPeroNoSolos, unha iniciativa de voluntariado online para acompañar, durante o período de illamento obrigatorio, a tres colectivos especialmente vulnerables nesta crise do Covid19: enfermos illados en hospitais, persoas con discapacidade e persoas maiores que se atopen soas.

 

As persoas que o desexen poden poñerse en contacto cos voluntarios ben a través do correo electrónico voluntariado@fundaciononce.es ou do número de teléfono 600 539 572.

08/04/202011:06
Dous mozos mirando riseiros un smartphone.
Madrid

O Real Padroado sobre Discapacidade recompila actividades de lecer accesible para persoas con discapacidade sensorial

  • Entre as acitividades de lecer accesible atópanse ferramentas e plataformas sobre teatro, lectura, cinema, videoxogos, museos e mesmo aplicacións de citas,

Real Padroado sobre Discapacidade, a través do Centro Español do Subtitulado e a Audiodescripción (CESyA), fixo unha recompilación de distintas actividades de lecer accesible para persoas con discapacidade sensorial entre as que se atopan iniciativas relacionadas coa lectura, o teatro ou o cinema, entre outras.

O obxectivo desta recompilación de lecer accesible é conseguir que estas persoas poidan facer fronte dunha forma máis amena á situación de confinamento que vive España desde o pasado 14 de marzo cando se decretou o estado de alarma pola crise do coronavirus. Ademais, entre as funcións do Real Padroado sobre Discapacidade atópase a xeración e transferencia do coñecemento, a sensibilización e concienciación social no ámbito da discapacidade e a accesibilidade, todo iso en aras a conseguir a inclusión real e efectiva na sociedade.

Lectura e teatro

Así, para os amantes da lectura, varias editoriais e escritores publicaron os seus libros gratis en formato dixital (normalmente en PDF) dentro das súas páxinas web ou facendo recitais en directo a través das súas redes sociais. Deste xeito, as persoas con discapacidade sensorial poderán descubrir que obras puxeron ao dispor dos cidadáns, xa que a maioría son compatibles cos sistemas de lectura de pantalla.

Tamén contan con Nubico e Storytel, plataformas de libros dixitais que ofrecen un período de proba para acceder ao seu catálogo de maneira ilimitada. A primeira é do Grupo Planeta e Telefónica e a segunda está orientada aos audiolibros. Ademais, a aplicación GOLD permite descargar tanto en iOS como en Android calquera libro da Biblioteca Dixital ONCE en formato DAISY e TLO e lelo co audio (DAISY) ou co lector de pantalla e/ou unha liña Braille (TLO).

Doutra banda, dispoñen de Amazon Kindle, que conta cunha sección da súa web dedicada exclusivamente a ofrecer miles de títulos gratuítos que se van actualizando cada día. É compatible coa funcionalidade de accesibilidade TalkBack, aplicación que facilitará a axuda de audio.

A accesibilidade tamén chega ao teatro. A Teatroteca, medioteca creada polo Centro de Documentación Teatral do Ministerio de Cultura e Deporte, ofreceu 1.500 obras de teatro gratis por streaming. Esta mediateca conta cunha sección accesible con subtítulos para persoas xordas e con audiodescrición para persoas con discapacidade visual. Así mesmo, existe a plataforma online en inglés de musicais Broadway, pero conta só con subtitulado e non en todas as obras.

Ademais, YouTube dispón dunha gran cantidade de vídeos con representacións de teatro, curtametraxes, titoriais e contido de entretemento. Algúns dos vídeos están subtitulados e aos que non o están pódeselles engadir.

Museos, xogos, videoxogos e apps de citas

As persoas con discapacidade auditiva poden gozar das exposicións virtuais gratuítas do Museo do Prado, o Raíña Sofía, o Thyssen ou o Museo do Louvre de París, entre outros museos, a través de directos de Facebook, vídeos e fotos das principais obras das súas mostras. Pola súa banda, o Museo Tiflolóxico proporciona visitas online adaptadas a persoas con discapacidade visual.

Tamén existen aplicacións que fan accesibles videoxogos e xogos tradicionais para persoas con discapacidade visual. Por exemplo, ABlind Legend, o primeiro xogo de acción e aventura móbil sen vídeo onde os oídos substitúen aos ollos; PuzzleFeed ofrece crucigramas, sudokus e crebacabezas adaptados a persoas con discapacidade visual, e Blind Minigames, que conta con minixogos de memoria, animais e números para nenos.

Doutra banda, o confinamento tamén ofrece a posibilidade de coñecer xente nova a través de foros con grupos temáticos de WhatsApp para atopar persoas coas mesmas afeccións ou que vivan na mesma cidade que nós. Doutra banda, nesta situación pódese coñecer a alguén especial, aínda que as aplicacións de citas non son de todo accesibles.

Con todo, DeafDating é unha aplicación de citas pensada e adaptada para persoas con discapacidade auditiva, ou Blindlee, que non se dirixe especificamente ás persoas con discapacidade visual pero cuxo funcionamento pode estar adaptado a elas, xa que consiste nunha videochamada de tres minutos con distintas persoas.

Cinema e recomendacións

Estes días poden servir para que as persoas con discapacidade sensorial exploren outro lecer accesible coas novas formas de consumir series e películas. Netflix ou Amazon Prime contan con servizos de subtitulado, aínda que este adoita ser interlingüístico, para ver a película cos subtítulos nun idioma diferente ao que se escoita, tamén hai casos nos que hai subtitulado adaptado para persoas con discapacidade, pero adoita darse no idioma orixinal da produción, algo que sucede tamén coas audiodescricións.

Pola contra, Movistar Plus conta con series e películas adaptadas para persoas con discapacidade, xa que ofrece contido con subtítulos e audiodescricións que seguen a normativa técnica de accesibilidade en España, así como producións interpretadas en lingua de signos. Así mesmo, RTVE ofreceu unha mostra de cinema gratuíta na súa páxina e, aínda que non todas as películas están audiodescritas, a inmensa maioría teñen un subtitulado accesible.

Ademais, AudescMobile é unha aplicación móbil que serve para acceder á audiodescripción de producións audiovisuais que se emitan nun cinema, por televisión, en DVD, Blu-ray ou a través de plataformas dixitais.

Finalmente, como o confinamento durará, en principio, ata o próximo 26 de abril, o Real Padroado sobre Discapacidade lembra que é fundamental cumprir coas recomendacións do Goberno para seguir loitando contra o coronavirus e saír só para a compra de produtos indispensables. Neste sentido, pide respecto e comprensión por parte da sociedade con aquelas persoas con discapacidade, que teñen algunha alteración conductual, e que teñen dereito a saír á rúa como tratamento terapéutico, sempre respectado as medidas necesarias para evitar contaxios.

Algunhas persoas con discapacidade son colectivo de risco, por iso lembran que os servizos de comida a domicilio seguen activos e tamén existen servizos de envío de medicamentos , por exemplo www.telefarmaciaapp.com, con envío gratis a Madrid. Así mesmo, as persoas con ou sen discapacidade visual poden facer uso da aplicación Medicamento Accesible Plus para obter máis información sobre os seus medicamentos.

Polo que respecta ás persoas con discapacidade auditiva ou que non comprenden ben o castelán, poden utilizar a ferramenta Blappy cando necesiten poñerse en contacto con persoal sanitario ou de emerxencias. Esta aplicación permite establecer unha conversación a través da tecnoloxía bluetooth do teléfono móbil.

Sobre o Real Padroado sobre Discapacidade

O Real Padroado sobre Discapacidade é un organismo autónomo da Administración Xeral do Estado cuxa misión é promover a inclusión social en liña coa Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade de Nacións Unidas. Entre as súas funcións, recollidas no Plan Estratéxico do organismo, atópanse producir, recompilar e difundir o coñecemento científico-técnico en materia de sobre discapacidade; promover a formación e o desenvolvemento profesional das persoas con discapacidade en investigación, innovación e emprendemento; desenvolver actuacións de sensibilización e concienciación social en materia de discapacidade e accesibilidade, recoñecendo e promocionando boas prácticas e políticas innovadoras, e facilitar a colaboración en materia do ámbito da discapacidade entre os distintos niveis da Administración Pública, así como co terceiro sector e entidades privadas.

Sobre o CESyA

O Centro Español do Subtitulado e a Audiodescrición (CESyA) é un centro asesor do Real Padroado sobre Discapacidade, xestionado pola Universidade Carlos IIII de Madrid, cuxo proxecto multidisciplinar consiste en favorecer a accesibilidade na contorna dos medios audiovisuais a través dos servizos de subtitulado e audiodescripción.  Ademais, entre as súas funcións está asesorar tecnicamente ao Real Padroado sobre Discapacidade nos produtos, servizos e tecnoloxías que provean de accesibilidade ás persoas con discapacidade nas contornas educativas, culturais, inserción laboral e televisión mediante actividades de contribución social, formación, investigación, innovación e trasferencia tecnolóxica. Tamén realiza unha actividade de comunicación e difusión, así como asesorías técnicas a administracións públicas, empresas e usuarios.

08/04/202008:41
Mans usando un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta amplía a validez de Chave365 e habilita o restablecemento de contrasinais para este servizo a través de videoconferencia

  • Estas medidas estarán vixentes mentres dure o estado de alarma para facilitar a xestión online coa administración
  • Chave365 é un sistema de claves concertadas a través do móbil, que permite a tramitación telemática sen ter que empregar o DNI electrónico ou os certificados dixitais

Para facilitar a xestión online dos cidadáns a Xunta vén de ampliar o período de validez do servizo Chave365 a aqueles usuarios aos que lles expire durante o estado de alarma e polo tempo que dure o mesmo. Ademais, a Administración autonómica exime aos usuarios da obrigatoriedade de modificar anualmente a clave de acceso. As persoas ás que lles corresponda realizar este cambio durante a vixencia do estado de alarma poderán seguir utilizando o sistema mentres se manteña esta situación.

Como complemento ao anterior vén de establecerse un mecanismo non presencial para rexenerar as claves do Chave365 a aqueles usuarios aos que se lles bloqueen durante o estado de alarma. O cidadá só terá que poñerse en contacto con teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012, que o remitirá ao equipo de soporte correspondente que realizará unha videochamada para comprobar a identidade do usuario e proceder rexenerar as claves do seu Chave365.

Canles online

A sede electrónica e as oficinas virtuais da Xunta son, nese momento, as portas de entrada á Administración na Rede para a xestión online. A súa dispoñibilidade é fundamental para garantir a relación telemática dos cidadáns coa Administración e a xestión daqueles trámites abertos nese momento, como a presentación de ERTES ou a solicitude de axudas como as de comedores escolares. O uso da sede electrónica acadou nestes días incrementos no seu uso superiores ao 61%.

Chave365 é un sistema de claves concertadas a través do móbil que permite a xestión online sen ter que empregar o DNI electrónico ou os certificados dixitais.

A Xunta puxo en marcha o Servizo Chave365 en 2015 para simplificar a xestión telemática coa Administración, ante as dificultades de uso do certificado electrónico e para evitar que as persoas menos familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías quedasen excluídas dos servizos electrónicos. Este servizo dota aos cidadáns e as empresas dun mecanismo de identificación e sinatura electrónica sinxelo que ofrece garantías de seguridade similares ao certificado electrónico.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS