
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A plataforma VoluntariosCovid19.com nace co obxectivo de poñer en común as ganas de axudar que teñen, sobre todo, centos de miles de profesionais afectados agora mesmo por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego 'aínda que está aberta a calquera persoa que queira achegar a súa axuda- e as necesidades de persoal que teñen hospitais, clínicas, concellos ou mesmo mercados, en primeira instancia, e persoas afectadas directamente polo COVID-19, xa sexa en forma de compañía virtual ou para facer a compra ou ir a por medicamentos á farmacia, entre outras moitas opcións.
Con este proxecto, VoluntariosCovid19 quere axudar, por unha banda, a todas as entidades, institucións, empresas e persoas afectadas a atopar os profesionais adecuados e dispostos a colaborar para o que sexa necesario, xa sexa como informático nunha sala de hospital, celador, facendo a compra a persoas en risco que non poden saír á rúa, cociñando para quen o necesite, dando clases a nenos ou adultos, chamando a persoas que sufran ansiedade ou soidade para compartir un intre xuntos'
VoluntariosCovid19 asegúrase de que cada voluntario, dependendo do seu perfil, achega o seu tempo a iniciativas adecuadas co seu coñecemento. Para iso, combina de forma intelixente as iniciativas existentes cos voluntarios dispoñibles para que a axuda chegue de forma rápida e, sobre todo, eficazmente. 'Se se inscribe un técnico informático, é máis útil que axude a que funcione a rede de comunicacións dun hospital que fabricando máscaras, por exemplo', matiza Juan Quintanilla, portavoz da plataforma. 'O importante é sacar o mellor de cada un e aplicalo alí onde é necesario en cada momento'.
VoluntariosCovid19.com quere aproveitar as capacidades dos centos de miles de profesionais que, de súpeto, atopáronse cun ERTE e non poden achegar os seus coñecementos como o facían antes nas súas empresas, pero que queren seguir sendo útiles para a comunidade e devolver ao Estado o que reciben en forma de axuda ou prestación.
Como funciona VoluntariosCovid19.com
VoluntariosCovid19.com foi desenvolvido por Syntonize e Onnit, unha startup dixital 100% española líder en xestión de voluntariado que axuda a cidadáns e empresas a xestionar os programas de voluntariado; e a ONG, fundacións e á comunidade educativa a buscar aos voluntarios idóneos ou o financiamento necesario para os seus proxectos, que será a encargada, ademais de certificar as actividades levadas a cabo por cada profesional.
Onnit será a encargada de certificar as actividades levadas a cabo por cada profesional ofrecéndolles o seu propio CV social co que demostrar que os profesionais afectados por ERTE nesta conxuntura non estiveron parados, mantiveron e mesmo reforzaron as súas inquietudes, as súas ganas, os seus coñecementos e a súa experiencia para achegar socialmente á comunidade nun momento de crise.
Na actualidade, en VoluntariosCovid19.com pódense atopar iniciativas garantidas para que calquera persoa poida elixir cal é a que máis se adapta ás súas capacidades. Ademais, tanto institucións como empresas ou particulares poden rexistrar as súas peticións para buscar colaboradores. A plataforma presenta as iniciativas filtradas por intereses, localización ou datas para facilitar a participación de cada voluntario.
A Xunta de Galicia vén de solicitarlle ao Goberno do Estado traballar nun marco común estatal que estableza os criterios básicos de privacidade e interoperabilidade que deben garantir as diferentes aplicacións das CCAA sobre o uso da tecnoloxía e os datos para combater e superar a crise do COVID19. Así llo trasladou esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, á Secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas, durante a xuntanza interterritorial convocada por este departamento para abordar as iniciativas de dixitalización relacionadas co COVID-19.
Mar Pereira expuxo as premisas básicas que a Xunta considera que deben primar no desenvolvemento deste tipo de solucións tecnolóxicas, como a análise das mellores prácticas identificadas a nivel internacional, así como a adaptación á regulación española e europea no relativo, tanto ao Regulamento de Protección de Datos como no dereito á privacidade das persoas.
Tamén se incidiu na necesidade de contemplar criterios esenciais de proporcionalidade e ética no uso dos datos, sempre vinculados a deseñar mecanismos de contención e control da pandemia e, polo tanto, operativos só mentres as autoridades sanitarias así o consideren preciso. Ademais, recalcouse a importancia de integrar estas posibles novas solucións cos protocolos e sistemas de información asistenciais, sociais, epidemiolóxicos da Xunta e garantir a súa interoperabilidade.
Creación cun comité de xestión intelixente do dato
En relación coas solucións tecnolóxicas en marcha, a Xunta solicitou ao Goberno do Estado comezar a dispoñer dos datos da iniciativa DataCovid, desenvolta polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
Galicia creará un comité técnico de xestión intelixente do dato para analizar e deseñar os mecanismos adecuados de análise e explotación dos datos que se poidan extraer das diferentes solucións tecnolóxicas creadas para combater a pandemia, como a que xa ten en marcha o Ministerio para facilitar a toma de decisións durante a xestión da crise e nas fases posteriores de recuperación.
No encontro puxéronse en común as solución tecnolóxicas nas que tanto o Ministerio como as diferentes CCAA están a desenvolver para a xestión da crise sanitaria, así como as diferentes iniciativas nas que se está a traballar para o deseño do plan de desescalada. Tanto os representantes autonómicos como estatais coincidiron en que a tecnoloxía e a dixitalización son un instrumento esencial que permitiu manter a actividade dos servizos públicos, facilitar a teledocencia e o teletraballo.
Primeira entrada da Guía para maiores “Aproveita o tempo na casa coa tecnoloxía“.
Hoxe queremos dirixirnos aos máis de 850.000 galegos e galegas que tedes máis de 60 anos e especialmente aos que vivides en fogares unipersoais. Queremos dicirvos que continuedes coas vosas rutinas diarias desde as vosas casas e vos apoiedes na tecnoloxía para poder mellorar a vosa calidade de vida e estar máis activos, especialmente nestes días de alerta sanitaria.
Os beneficios da tecnoloxía para toda a sociedade son moitos, pero concretamente, para as persoas maiores, poderíamos resumilos en que:
Nesta entrada, presentarémosche como a tecnoloxía pode axudarte nas túas rutinas diarias e a manter o teu corpo e a túa mente activos especialmente mentres non poidamos saír das nosas casas.
A tecnoloxía pode ser un bo aliado para organizar o teu día e no establecemento de rutinas diarias e horarios que van desde levantarse, asearse, almorzar, ler a prensa, facer a cama e recoller a casa, poñer unha lavadora, escoitar música, preparar a comida, comer, escoitar as novas, facer exercicio, ler un libro, retomar algunha afección, falar cos amig@s e familiares, preparar a cea, cear, ver a televisión, unha película ou unha serie e deitarse.
Emprega o teu móbil ou tablet e apunta nunha nota o que vas a facer hoxe, ou mándallo a un familiar por WhatsApp, para que tamén o saiba e dálle os bos días.
Tamén podes aproveitar para crear unha nota no teu móbil coa lista da compra e as cousas que vas precisando para que logo non se che esqueza nada e a poidas enviar facilmente á persoa que che axude con esta tarefa, ou incluso facer a compra por Internet para evitar saír da casa.
Avanzando un pouco máis, tes a túa disposición os asistentes virtuais que cunha simple interacción a través de voz natural, tamén poden axudarte nas pequenas tarefas que che sexan máis custosas, para consultar dúbidas sobre unha receita, o tempo, información, establecer alarmas para tomar as medicinas, realizar compras, etc.
Incluso as actividades domésticas, aínda que sexan actividades menores como facer a cama ou limpar a casa, axudarante a deixar atrás a inactividade, e realizar algo de exercicio ou pasear polas diferentes estancias da casa farán que circule o sangue mellorarán a túa saúde e o teu estado de ánimo.
Neste caso, a tecnoloxía tamén te axudará a manterte activo na casa e a través do teu móbil poderás contar os pasos que realizas ao longo do día ou ter o teu adestrador persoal que che axudará a realizar exercicio segundo o nivel no que te atopes. Tan só terás que descargar a aplicación que máis che interese a través de Google Play Store para Android ou iTunes Apple para sistemas iOS ou visualizar algún dos vídeos dispoñibles en YouTube.
Adicionalmente, ao longo destes días xurdiron moitas iniciativas para realizar exercicio desde a casa, nas que poderás participar xunto con outras persoas, seguindo sempre as recomendacións dos especialistas.
Aproveita o illamento para manter unha boa alimentación e unha dieta equilibrada, isto fará que o confinamento sexa mellor e potenciará o teu benestar físico e emocional.
Este pode ser un bo momento para aprender novas receitas ou trucos para mellorar os teus menús, e Internet pode axudarte nesta labor, xa que existe unha gran variedade de vídeos e titoriais na rede que che darán ideas e técnicas para elaborar os teus almorzos, comidas e ceas.
Ponte mans á obra co apoio do teu móbil ou tablet, sácalle unha foto ao teu resultado e compárteo nas redes sociais ou cos teus amig@s e familiares.
Para os que aínda non empregades os dispositivos electrónicos de forma habitual, (segundo os datos do IGE 2018, en Galicia o 76,54% das persoas de máis de 65 anos), estes son algúns dos exemplos nos que a tecnoloxía che pode abrir unha gran variedade de opcións e oportunidades e nas próximas publicacións, presentaremos outras moitas aplicacións das TIC para facilitar as tarefas do día a día, para manterte en contacto cos teus seres queridos, entreterte, manter a túa mente áxil ou sentirte máis seguro a través de sistemas de teleasistencia.
E por último, lembra, a tecnoloxía é de gran utilidade para toda a cidadanía e tamén para as persoas maiores. Pide axuda sempre que o precises.
O blog A escola infantil na casa posto en marcha pola Xunta rexistrou máis de 33.000 visualizacións na súa primeira semana de funcionamento nos 90 vídeos publicados con actividades para as nenas e nenos de 0 a 3 anos.
Os máis de 1500 profesionais das 172 escolas infantís da Rede Autonómica están a desenvolver un traballo importante para xerar material educativo que permita ás familias acompañar aos máis pequenos en xogos educativos que dean continuidade ás dinámicas que se levan a cabo dentro das escolas infantís.
Dada a boa acollida do blog, que foi moi eloxiado por Unicef Galicia o mesmo día do seu lanzamento, todos os profesionais seguen traballando na elaboración de novos materiais que segan aportando novidades en canto aos contidos e permita manter ese fío condutor entre as escolas e as familias.
A estas actividades didácticas teñen acceso todas as nenas e nenos de Galicia, non só aqueles matriculados nalgunha das escolas infantís autonómicas no enderezo electrónico: https://www.escolasinfantisdegalicia.es/aescolainfantilnacasa/.
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) continúa a súa actividade divulgativa e formativa para pemes e autónomos con diversas actividades en streaming, que nestes días están rexistrar notables incrementos de participación. Con estas sesións, en colaboración con diversos axentes tecnolóxicos da Comunidade e que teñen o formato #DemosXweb, búscase fomentar o teletraballo e tratar diversos aspectos de utilidade á hora de adoptar esta modalidade de traballo na casa.
Para as vindeiras semanas de confinamento, o CDTIC ten máis actividades por streaming programadas, todas de balde, e nas que animan a participar, coma sempre, mediante inscrición na súa web ou a través da aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS.
Para esta mesma semana están programadas unha sesión sobre comercio electrónico para hoxe, día 14, que impartirá Hacce; outra de fomento do teletraballo con Microsoft Teams, mañá, día 15, a cargo de Captology; e, por último, unha sobre recomendacións de ciberseguridade e privacidade para o xoves 16 da man da consultora APDTIC. Todas elas están previstas en horario de 10:00 a 10:45.
Ademais, desde o CDTIC xa se está a traballar para ofrecer, ao longo do mes, máis sesións por streaming para axudar durante o período de confinamento: unha sesión de xestión documental con Docuten para o 22; outra de ciberseguridade con Computer-3, o día 23; e outra de marketing automático o 29.
Cinco actividades con récords de participación
Desde a entrada en vigor do estado de alarma celebráronse cinco actividades que tiveron unha grande acollida e nas que se bateron récords de inscrición neste tipo de demostracións por streaming.
En todas elas destacou a elevada participación das persoas que seguiron a sesión e a interacción con elas, que se traduciu na formulación de numerosas preguntas polo chat que foron atendidas no momento, coma se se tratase dunha sesión presencial, por parte dos relatores. Para quen non puido seguir en directo estes seminarios, na web do CDTIC están dispoñibles para a súa visualización na ligazón: https://cdtic.xunta.gal/en-diferido.
A última destas sesións antes da Semana Santa foi “Mellora a túa comunicación corporativa con Rocket.Chat”, retransmitida o 8 de abril e impartida por Queres Tecnologías.
Un día antes, o 7 de abril, Christian Delgado falou do uso de WhatsApp na empresa e no comercio, unha sesión na que se afondou no emprego profesional ou mesmo comercial e as boas prácticas desta rede social e na que se alcanzou unha participación récord.
Por outra banda, organizáronse tres sesións dedicadas a temas relacionados co teletraballo: Anubía Soluciones en la Nube impartiu, o día 3 de abril, o seminario “Xestión de proxectos integrada en OdooERP teletraballando”; o 2 de abril, Sistemius abordou os aspectos legais do teletraballo; e o 24 marzo foi a quenda da empresa Dotcom Factory con “Teletraballo simple e xa con G-Suite de Google”.
Emerxencia sanitaria COVID-19
A emerxencia sanitaria do coronavirus forzou a moitas empresas a recorrer ao teletraballo. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a través do CDTIC, quere servir de guía para favorecer esta modalidade de traballo publicando, cada día, unha entrada sobre diferentes ferramentas que poden ser de utilidade a todas as persoas que, na actualidade, están recorrendo a esta práctica.
Podes acceder a todas estas publicacións a través da seguinte ligazón: https://cdtic.xunta.gal/node/9138.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.