main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

03/04/202008:15
Videoconferencia das usuarias da aula CeMIT de San Sadurniño.
Santiago de Compostela

A Rede CeMIT continúa a súa actividade formativa a pesar da chegada do COVID-19 grazas ao uso de ferramentas dixitais

  • Os usuarios/as da Rede CeMIT continúan coa súa formación online en materia dixital grazas ao acompañamento virtual dos axentes TIC encargados das aulas.
  • As ferramentas dixitais  permiten manter activo o funcionamento da Rede e están a enriquecer a formación dos alumnos/as que adquiren novos coñecementos dixitais dun xeito práctico e dinámico.

Trala chegada do COVID-19 e as medidas de seguridade implantadas polo goberno, as aulas CeMIT pecharon as súas portas e cesaron a súa actividade presencial. Sen embargo, isto non foi impedimento para continuar ofrecendo un catálogo formativo de calidade aos seus usuarios/as que teñen á súa disposición cursos e charlas online e o acompañamento virtual dos axentes TIC encargados dos centros da Rede.

O uso de novos mecanismos de contacto cos usuarios/as non só mantén activo o funcionamento da Rede senón que tamén está a enriquecer a súa formación proveéndoos de alternativas seguras para seguir adquirindo coñecementos en materia dixital.

Algúns exemplos desta nova forma de achegar a tecnoloxía á cidadanía son as aulas de A Coruña, Beariz, Betanzos, Campo Lameiro, Cerceda, Cuntis, Moaña, Pontevedra, San Sadurniño, Tomiño e Xunqueira de Ambia, que continúan ou están preparando a súa programación de actividades a través de sistemas de videoconferencia, chats, videotitoriais e, incluso, enviando contido formativo e resolvendo dúbidas a través do móbil.

Cada axente TIC está adaptando as actividades en función das capacidades dos seus usuarios/as e medios dispoñibles e nalgúns casos están a realizar formacións a través de ferramentas tecnolóxicas de software libre como Jitsi Meet, aplicación coa que fan videoconferencias, ou mesmo empregando a videochamada ou chat do Whatsapp ou o Facebook en función dos coñecementos dos alumnos/as. Tamén están a xerar o seu propio contido formativo a través da creación de blogs ou repositorios web onde ofrecer aos seus alumnos/as diferentes alternativas e recursos accesibles a través de Internet.

No caso da aula CeMIT de Cuntis, tamén está a experimentar coa impresora 3D da aula a fabricación de viseiras sinxelas por se fosen de utilidade para utilizar como protección en casos de emerxencia. E neste mesmo ámbito, tamén é salientable o labor da aula CeMIT da Molinera (Ourense) #COVID19_MakersOurense que participa de maneira activa na iniciativa nacional #coronavirusmakers, ofrecendo o seu centro e impresoras 3D. Deste xeito, actúa como lugar de coordinación de recepción e entrega de EPIS e viseiras 3D a través de Protección Civil. Así mesmo teñen habilitado un formulario de solicitude para a cidadanía, co fin de axilizar a loxística de fabricación e entrega, coa optimización de prazos para dar resposta á enorme demanda.

Para coñecer as aulas que están a desenvolver este tipo de actividades, aconséllase contactar directamente cos responsables dos centros CeMIT. En todo caso, está dispoñible a plataforma de teleformación EMA que conta cun amplo catálogo de cursos para poder continuar formándose no eido dixital sen saír da casa.

O labor dos responsables das aulas CeMIT é sen dúbida un claro exemplo do espírito colaborador e de rede.

#XuntosConseguirémolo!

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

03/04/202007:59
Faite Pequeno.
Madrid

Faite Pequeno, a app de xogos gratuíta para gozar en familia durante o confinamento

  • O coronavirus encerrounos a todos en casa. Non podemos (nin debemos) saír nin a pasear. Estamos todos xuntos e revoltos, moitas veces en familia, e as ideas de que facer con tanto tempo extra convivindo vanse esgotando día a día.

A plataforma Faite Pequeno quere achegar o seu gran de area axudando ás familias para transformar este tempo no que nos vemos forzados a estar recluídos na casa nunha oportunidade para pasar tempo de calidade e diversión. Con este fin Faite Pequeno pon ao alcance de todos, completamente gratis e para sempre, a súa APP de xogos, na que se poden atopar entretidas e orixinais ideas para xogar e divertirse en familia.

Esta APP con máis de 60 xogos está dispoñible para a Apple Store para iOS e en Google Play para Android, e ofrece novas e creativas ideas para xogar cos nosos fillos durante estes días de confinamento. O obxectivo é conseguir tempo de calidade cos máis pequenos, grazas aos divertidos xogos que ofrece. Estes xogos en familia permiten desenvolver habilidades como a psicomotricidade, relacións en familia, coordinación, memoria e concentración, entre outras. Ademais, incorpora filtros para localizar o xogo que mellor se adapte a cada familia.

Faite Pequeno é unha iniciativa altruísta impulsada por dúas mozas emprendedoras, a escritora Olga del Ama (Dirección) e a ilustradora Elena Villar (Deseño). A idea xorde dunha iniciativa persoal: apoiar aos seus respectivos irmáns como co-educadoras de cada un dos seus sobriños. Tan en serio se tomarons este labor que o converteron neste gran proxecto, Faite Pequeno. Xogar con Faite Pequeno facilítanos reconectar co noso neno interior e sentir, relacionarnos e ver o mundo con novos ollos: os dos nenos.

03/04/202007:49
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O Goberno impulsa campañas online de loita contra a violencia de xénero en tempos de confinamento

delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, presentou este xoves varios recursos tecnolóxicos para dar resposta a un dos principais problemas derivados da reclusión das familias nos seus fogares motivada pola situación do Estado de Alarma: o potencial incremento dos casos de violencia de xénero no fogar. Trátase, ante todo, de dúas iniciativas online que botan man das redes sociais para chegar a todos os recantos do ámbito galego e estatal. A primeira é a campaña Estamos contigo, a violencia machista parámola unidas, que, segundo lembrou, inclúe apoio psicolóxico ás vítimas a través de WhatsApp.

“Trátase dunha iniciativa específica deseñada para previr a violencia machista durante o actual Estado de Alarma”, dixo, engadindo que vén da man da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero e a Secretaría de Estado de Igualdade e que inclúe material para locais públicos, para comunidades de veciños, para o transporte público e para as redes sociais. Losada lembrou que está plenamente operativo o 016, o número de información gratuíto, que “non deixa rexistro na factura aínda que hai que borralo da listaxe de chamadas do teléfono, e o 112 como número para emerxencias”. Ao devandito cómpre engadir os números 682916136 (como teléfono de apoio psicolóxico telefónico) e o 682508507 (como número para o mesmo fin), ao que se suma o respaldo psicolóxico a través de WhatsApp. Polo que respecta á segunda das iniciativas, trátase de propor a todos os perfís de redes sociais Facebook e Twitter que agreguen unha imaxe de portada que aclare que “non se tolera a violencia machista”, ofrecendo axuda persoal das amizades, dos responsables dos transportes públicos e máis dos locais que se adhiran á medida presentada polo delegado do Goberno en Galicia.

02/04/202015:00
Mans tecleando nun portátil.
Santiago de Compostela

A Xunta comeza a distribuír os ordenadores e conexións a Internet para familias con menos recursos a través dos centros educativos

  • A medida está dirixida a alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional e as familias recibirán os equipos a través dos seus centros de ensino
  • Cada centro recibirá tres portátiles, que van equipados con conectividade 4G gratuíta, grazas á colaboración dos operadores R, Vodafone e Orange
  • A dotación deste equipamento, xunto co reforzo dos recursos dixitais, forma parte do paquete de medidas que puxo en marcha a Xunta para facilitar o seguimento en liña da actividade educativa
  • Desde a entrada en vigor do estado de alarma triplicouse o uso das plataformas e aplicacións dispoñibles e máis de 58.000 docentes e alumnos empregaron o servizo de videoconferencia habilitado para este período
  • O Ministerio vén de comunicar que Galicia recibirá 928 liñas de datos das 20.000 que anunciou para estudantes de Bacharelato e de FP Media e Superior de toda España

A Xunta comeza hoxe a distribución de 1.000 portátiles con conexións a internet gratuítas, destinados a familias con menos recursos e cuxos fillos cursen Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional. Esta medida, aprobada no último Consello da Xunta, realízase en colaboración cos operadores R, Vodafone e Orange. A familias recibirán os equipos e a conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa, mentres dure o estado de alarma.

Os portátiles entregaranse ás familias a través dos seus centros de ensino, grazas á colaboración dos equipos directivos, cos que se contacta previamente para pechar a entrega do equipamento. Cada centro recibirá tres equipos con conectividade, que distribuirá entre as familias atendendo á súa situación socioeconómica, priorizando o alumnado dos cursos de final de etapa que titulen (4º da ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP) e a aquelas familias que non dispoñan nos fogares de ordenador nin de conexión a internet.

Triplícase o uso das plataformas online

A dotación deste equipamento forma parte do paquete de medidas que puxo en marcha a Xunta para facilitar o seguimento en liña da actividade educativa. Entre as últimas actuacións está a posta a disposición dos docentes, esta mesma semana, dunha plataforma de videoconferencia que xa permitiu máis de 20.000 comunicacións, nas que participaron máis de 58.000 docentes e alumnos.

Ademais, desde o pasado luns os provedores de contidos da plataforma E-Dixgal: aulaPlaneta, Edebé, Netex e Pearson, permiten o acceso ao seus contidos aos centros que non están integrados na iniciativa, unha medida da que se poden beneficiar ata 95.000 rapaces.

Por outra banda, as plataformas coas que xa contaba a comunidade educativa galega incrementaron o seu uso desde a entrada en vigor da emerxencia sanitaria en Galicia. A aplicación abalarMóbil triplicou os usuarios diarios, e fronte aos 28.000 de media antes da crise, estes días rexistráronse nalgunha xornada máis de 86.000 usuarios. AbalarMobil ofrece distintas modalidades de comunicación entre profesores, centros e familias, e nesta semana é especialmente relevante porque permite ás familias consultar as cualificacións da segunda avaliación dos seus fillos, que se está a realizar estes días en boa parte dos centros.

Tamén as Aulas Virtuais dos centros triplicaron o número de usuarios, pasando duns 18.000 de media diarios antes da emerxencia sanitaria a rexistrar máis de 58.000, triplicando tamén o uso da plataforma, que pasou de 1 millón de interaccións diarias a máis de tres millóns. Na plataforma de E- Dixgal rexistráronse incrementos de accesos diarios de entre o 90% e o 110% máis dos habituais.

Para facilitar o acceso a todos os servizos e recursos dixitais dispoñibles para toda a comunidade educativa, habilitouse un espazo no portal educativo, onde se indica como acceder a eles e manuais de uso, que se están a completar con videotitoriais.

Liñas de datos de alta capacidade

Ademais da iniciativa de distribución de 1.000 portátiles con conexións a internet gratuítas, destinados a familias con menos recursos, xa en marcha na Comunidade, o Ministerio de Educación comunicou que remitirá ás CCAA 20.000 liñas de datos de alta capacidade para estudantes de Bacharelato e de FP Media e Superior, das que Galicia recibirá 928 unidades. Segundo indica o Ministerio, a distribución fíxose atendendo á Enquisa de Condicións de Vida 2018 do Instituto Nacional de Estatística. As tarxetas están dispoñibles grazas á colaboración do operador Telefónica.

Deste xeito, o Ministerio atende á demanda feita a pasada semana por Galicia na Conferencia Sectorial para complementar a iniciativa xa posta en marcha por Galicia, poñendo á disposición das CCAA recursos de conectividade, que faciliten a actividade educativa non presencial, especialmente en territorios de elevada dispersión poboacional. Á demanda sumáronse outras comunidades como Asturias, Cantabria ou Castela e León.

02/04/202010:01
Fundación Vodafone España.
Madrid

A Fundación Vodafone España lanza un hackathon online para desenvolver solucións á crise do COVID-19

  • Dentro do seu programa Youth 4 Good, a Fundación Vodafone pretende que os mozos presenten iniciativas para protexer á poboación máis vulnerable
  • Desenvolverase durante os días 1, 2 e 3 de abril

A Fundación Vodafone España, en resposta á actual crise sanitaria, lanza o Hackathon online COVID-19 á súa comunidade de mozos Youth 4 Good. Do mércores 1 de abril ás 18h ao venres 3 de abril ás 19h os mozos que pertencen a esta comunidade poderán idear unha solución para un reto relacionado coa problemática que está a vivir nestes momentos a sociedade.

Este Hackathon online COVID-19 busca atopar e premiar iniciativas para protexer á poboación máis vulnerable, as persoas maiores e as persoas con patoloxías. Para iso, os participantes centraranse en atopar solucións destinadas a cubrir as necesidades básicas desta poboación durante o confinamento, para así reducir ao mínimo a súa exposición ao virus.

A comunidade Youth 4 Good, formada por máis de mil douscentos mozos que xa participaron en iniciativas anteriores da Fundación Vodafone, será a encargada de asumir este reto. As dúas solucións máis efectivas e viables serán as gañadoras. A Fundación Vodafone España comprométese a poñelas en marcha de forma inmediata, asegurándose de que os recursos e solucións se poñen á súa disposición no menor tempo posible.

Project Lab

Despois de cinco semanas de traballo, 20 proxectos chegaron á deliberación final do xurado e foron catro, dous na categoría de Colexios e dous na categoría de Universidades, os que se alzaron co premio final.

Cada equipo gañador recibirá 5.000 € para poñer en marcha o seu proxecto de cambio social. Os catro gañadores presentaron proxectos diversos que van desde o compromiso climático e a redución de residuos, como é o caso de 'min(waste)', da Universidade Politécnica de Madrid ou 'Xunt@s polo clima', do colexio Jesuites Bellvitge; iniciativas centradas na integración das Tics na aula, como 'Os Matraka' do colexio SAFA Fuencadia; ou plataformas sociais enfocadas a promover o voluntariado, como 'Próximo' da Universidade Carlos III de Madrid.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS