
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A nosa terra pode presumir de contar cun auténtico batallón de voluntarios argalleiros contra o COVID-19. Estamos a falar dos integrantes anónimos de Coronavirus Makers, un movemento que a nivel estatal ten xa máis de 15.000 membros e cuxa vertente galega (Coronavirus Makers Galicia) aglutina xa unhas 1.800 persoas. O nexo común: o seu espírito solidario que os obriga a aplica o seu importante coñecemento en impresión 3D ou robótica ao servizo da fabricación de máscaras protectoras, respiradores e material variado (sanitario e preventivo) de primeira necesidade.
O movemento Coronovirus Makers Galicia é unha iniciativa sen ánimo de lucro, que seguindo a cultura argalleira do “faino coas túas mans” (e compárteo), busca darlle “un uso ético á tecnoloxía”, ao tempo se abre a diversas colaboracións (que son a base do seu ideario) de material, aínda que non de diñeiro. A orixe da irmandade argalleira fronte ao COVID-19 está precisamente no epicentro da pandemia a nivel estatal: Madrid. A partir da capital, foise estendendo a solidariedade dos nosos creativos tecnolóxicos a medida que se espallaba tamén o andazo. Nestes intres están a botar man de todo tipo de material, xeralmente doado por empresas e entidades, como por exemplo gomas e láminas de acetato, para dar forma a máscaras protectoras, lentes e outros elementos de protección. Os integrantes galegos do movemento manteñen unha colaboración constante cos centros sanitarios, aos que dotan do devandito equipamento. Axudando a que o fluxo de material sexa o máis eficaz posible atópanse empresas como a cooperativa COFANO, que o fai chegar directamente aos sanitarios e, tamén, aos corpos policiais e de Protección Civil dos nosos concellos. O material que deseñan e entregan recibiu o visto e prace do Ministerio de Sanidade.
Incorporacións recentes do Campus de Lugo
O movemento Coronavirus Makers está a recibir cada pouco importantes incorporacións. Á división galega adheríronse estes días dous estudantes de primeiro curso do grao de Enxeñaría Robótica na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo (USC), Yasmina Vázquez Penelo e Lucas Campillo de Andrés, amais do grupo de divulgación XuvenCiencia da USC. Contribúen coa achega do material necesario para a impresión en 3D de 250 viseiras de protección, dispositivos que contan con validación para o seu uso por parte de persoal sanitario.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe dúas guías para facilitar o teletraballo a empresas e autónomos e a cidadáns. Os documentos están dispoñibles xa nas webs do CDITC e Faite Dixital, e nelas poderán atopar información sobre ferramentas, necesidades e tecnoloxías que posibilitan o traballo en remoto.
A información das guías complementarase con post diarios que se publicarán tamén nestes portais, nos que empresas e cidadáns poderán realizar consultas online.
Guía para empresas
Pemes e autónomos poderán atopar na guía información sobre solucións e ferramentas dispoñibles para o almacenamento compartido na nube, a xestión de tarefas entre integrantes de equipos, a xestión de proxectos, suites ofimáticas ou transferencia de arquivos, ademais de consellos e orientación en materia de ciberseguridade.
O contido da guía complementarase con publicacións diarias para empresas e autónomos na web cdtic.xunta.gal e tamén cun espazo de consulta en colaboración co Clúster TIC. Pemes e autónomos poderán trasladar as súas dúbidas a través do correo teletraballo-peme@xunta.gal, que serán respostadas por profesionais do sector TIC.
A información resultante destas consultas estará a disposición de todas as empresas a través dunha sección de preguntas frecuentes na web do CDTIC.
Guías para cidadáns
Para os cidadáns a guía, cun enfoque sinxelo e divulgativo, afonda nun uso seguro da Rede e ofrece pautas e consellos para un uso que minimice os riscos do teletraballo dende os fogares.
Ao igual que para as pemes e autónomos, estes contidos terán continuidade a través da publicación diaria de novos artigos na web de Faite Dixital, onde tamén poderán realizar consultas online, a través do buzón cemit@xunta.gal.
Pílulas sobre solucións de Software libre
Como complemento a todo o anterior tamén estanse a publicar nas webs do CDTIC, Faite Dixital, Mancomún e no YouTube da Amtega pílulas informativas sobre ferramentas de software libre para o teletraballo.
A Xunta de Galicia pon en marcha esta semana na Cidade da Cultura o programa Aventuras no monte das artes, unha actividade en liña que achegará ás familias contidos para que a cativada explore as súas habilidades artísticas a través de xogos e divertidos desafíos. Trátase de ofrecer recursos culturais e de lecer neste momento de confinamento e no marco da campaña da Consellería de Cultura e Turismo #aculturasegue.
A través da personaxe a 'Raposa Fedella' iráselles presentado ás familias –no Facebook, Instagram ou Twitter da Cidade da Cultura- desafíos e retos vencellados coa pintura, coa arquitectura, coa fotografía ou con outras disciplinas artísticas. O Servizo de Educación, Mediación e Atención ao Visitante do Museo Centro Gaiás deseñou este programa adaptando os contidos dun xeito pedagóxico para rapaces e rapazas de Educación primaria.
O obxecto é que esta aproximación ás artes sexa unha experiencia dinámica, estimulante e divertida na que os máis pequenos e pequenas poñan en práctica o seu enxeño e habelencias, á vez que lles supoña unha aproximación desde o xogo e as tecnoloxías.
Aventuras no monte das artes arranca esta semana e os primeiros protagonistas dos desafíos que lanzará a 'Raposa Fedella' serán os ‘misterios’ do cadro El paraíso terrenal, de Pieter Brueghel 'O Novo' ou a Biblia Kennicott, entre outras pezas da exposición Galicia, un relato no mundo. Nestas propostas procurarase fomentar a pescuda e tamén a resolución por parte dos rapaces, pero sen apremiar nos tempos para que esta aproximación e interacción se adapte aos ritmos das familias nestas circunstancias excepcionais.
Máis contidos en liña na web do Gaiás
Aventuras no monte das artes súmase aos contidos en liña que a Cidade da Cultura puxo en marcha ante a imposiblidade de programación presencial polas medidas de confinamento. Deste xeito, o Gaiás incorpórase á programación nas redes sociais de #aculturasegue que están a levar a cabo museos, bibliotecas, teatros, arquivos e gran parte do sector cultural galego para tirar proveito destas ferramentas en liña co obxecto de achegarlles aos fogares arte, danza, literatura, etc. sempre desde o paraugas de lecer cultural dixital de calidade, que propicie a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais.
Segunda entrada da Guía para o teletraballo da cidadanía.
O feito de non encontrarse no centro de traballo pode supoñer un desafío á hora de xestionar de xeito correcto a xornada laboral, polo que se fai necesario o establecemento de certas pautas que nos axuden a asegurar un bo teletraballo, sobre todo, nesta situación de emerxencia e illamento social.
Hoxe, queremos compartir algúns consellos que facilitarán e mellorarán a realización da xornada laboral desde a túa casa:
En primeiro lugar, organízate!
Establece horarios e descansos!
Realiza o teu traballo de forma coordinada e eficiente!
Seguridade e protección de datos
Incorpora rutinas de benestar para mellorar o teu traballo!Estes son algúns consellos que creemos che axudarán a mellorar o teu rendemento laboral e persoal, e sobre todo, non perdas a motivación... Co paso dos días é probable que se perda a perspectiva, neste contexto de aillamento social, pero lembra, o teletraballo é unha nova forma de traballo e aínda que non nos atopemos nas mellores circunstancias, xuntos podemos acadar importantes logros e aprendizaxes.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da app Gohu, vén de activar unha canle de novas dirixida a empresas e autónomos a través da que poderán recibir toda a información de interese relacionada coas medidas que se están a adoptar desde a Xunta -especialmente no ámbito económico e laboral- con motivo do estado de alarma polo coronavirus.
As persoas interesadas deben descargar a aplicación desde Google Play Store ou Apple Store; crear un usuario; e introducir o enderezo postal. Deste xeito, a plataforma poderá enviar a información ao usuario e este recibila en tempo real directamente no seu teléfono móbil de xeito automático. Este servizo é totalmente gratuíto. Nestes momentos xa hai preto de 1000 usuarios rexistrados.
Con esta nova ferramenta, a Xunta busca estar máis preto dos autónomos e empresarios nestes momentos de dificultade, achegándolles información sobre as medidas das que se poden beneficiar para minimizar o impacto do coronavirus nos seus negocios. E súmase a outras medidas como a Liña Empresas posta en marcha nos últimos días: un teléfono gratuíto (900 815 600) para atender consultas sobre a tramitación dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE).
Así, desde a Xunta estanse impulsando accións para permitir que o tecido empresarial galego conte cos fondos necesarios para facer fronte ao seu día a día, como a liña de financiamento a través de préstamos, o aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados coa Xunta -a través do Igape e XesGalicia-, ou unha liña de financiamento para cubrir as necesidades de reestruturación produtiva e poder fabricar material sanitario. No eido da prevención, tamén se elaborou unha guía con especial atención aos traballadores, que foi editada polo Issga coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia e os principais sindicatos.