main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/03/202009:00
Cadeira de oficina diante dun escritorio cun ordenador persoal.
Santiago de Compostela

Que é o teletraballo e que preciso?

Primeira entrada da Guía para o teletraballo da cidadanía.

A situación actual de alerta sanitaria fixo que moitos galegos e galegas esteamos abordando o teletraballo por primeira vez, polo que hoxe gustaríanos falar de que é o teletraballo e o que precisamos para desenvolver a nosa actividade profesional desde as nosas casas.

Pois ben, a pesar de que non existe unha definición única de teletraballo, algúns dos aspectos comúns das diversas definicións son os seguintes:

  • É unha forma de organizar o traballo, e supón unha “nova forma de traballo”

  • A actividade profesional lévase a cabo sen estar fisicamente na empresa, “a distancia”

  • É preciso o uso das tecnoloxías da información e a comunicación e garantir a seguridade

  • Require compatibilizar a vida laboral e familiar, e un equilibrio entre a flexibilidade, a produtividade e a competitividade.

Tendo en conta todas estas características do teletraballo, a continuación identificaremos os elementos necesarios para garantir un bo teletraballo:

  • En primeiro lugar, será preciso preparar o espazo de traballo: un fogar non sempre está preparado para ser un lugar de traballo, por iso será imprescindible realizar unha serie de modificacións e tomar unha serie de medidas que eviten calquera tipo de risco:

    • Habilitar unha zona illada na vivenda: con suficiente espazo para conter o equipo e o material de traballo de maneira que ese espazo se dedique exclusivamente ao teletraballo. Sería conveniente que dispuxera de luz natural, e que o ruído, tanto externo como da casa fose o menor posible.

    • Ordenar o espazo da habitación para evitar caídas e golpes: desta maneira evitaranse accidentes innecesarios.

Igualmente como medida preventiva, é importante contar cun bo deseño do posto de traballo, tendo en conta as características do mobiliario e dos accesorios:

  • A mesa deberá contar con espazo suficiente para colocar a pantalla, o teclado, os documentos e o material accesorio, ademais debe ser regulable en altura. Os útiles de traballo deberán distribuirse, dependendo da frecuencia de uso, non máis lonxe de 35-45 cm.

  • A cadeira deberá ser estable e proporcionar liberdade de movementos, sendo regulable en altura e reclinable o respaldo, tamén deberá permitir a correcta transpiración tanto no asento como no respaldo e contar con apoia brazos, que reduzan a carga muscular na zona do pescozo e ombreiros e que permite máis facilmente o cambio de postura. O sistema mesa-cadeira debe permitir un espazo suficiente para aloxar as pernas con comodidade e permitir o cambio de postura.

  • O teclado deberá ser inclinable e independente da pantalla para permitir adoptar unha postura cómoda que evite o cansazo nos brazos e as mans e será preciso colocalo cun espazo suficiente para apoiar os brazos e as mans.

  • O atril, para evitar movementos incómodos da cabeza é convinte utilizar un atril estable e regulable.

  • O repousapés, recoméndase a súa utilización especialmente cando non se apoien ben os pés no chan e deberá ter unha superficie antiescorregadiza tanto na zona superior como nos seus apoios no chan.

Un bo traballo comeza por un espazo adecuado onde sentirnos cómodos e que favoreza a concentración. E non esquezas manter sempre unha boa posición! A continuación indicámosche algunas medidas de referencia para que as teñas en conta:

Distancias para unha postura ergonómica.

  • Por outra banda, necesitaremos unha conexión a Internet que conte cunha velocidade adecuada e suficiente para garantir o desenvolvemento das tarefas diarias e unha serie de ferramentas que nos permitan realizar o traballo e manter o contacto cos nosos equipos, provedores e clientes. Concretamente estas ferramentas orientaríanse a garantir a comunicación cos diferentes axentes, para organizar o traballo, así como para realizar as tarefas de xeito colaborativo e o acceso a formación entre outros. Sobre este tema realizaremos un post específico para propoñervos solucións de software libre que podería empregar calquera empresa, entidade ou organización que non conte con ferramentas propias.

Sabemos que o teletraballo non está sendo sinxelo dada a situación na que nos atopamos polo que proximamente achegarémosvos algunhas recomendacións e tamén falaremos de seguridade durante as xornadas de teletraballo.

27/03/202008:16
Cartel da iniciativa.
Madrid

A Fundación ONCE reedita e ofrece novos cursos MOOC de educación "online" na Uned aberta

A canle formativa de cursos 'online' da Fundación ONCE, posto en marcha en colaboración co Real Padroado sobre Discapacidade, reedita algúns dos seus Cursos MOOC (Massive Online Open Courses) e adianta outros nestes días de illamento.

 

Na actualidade mantéñense en activo distintos cursos; un deles impulsado pola Fundación ONCE e o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) sobre "Discapacidade e Defensa Legal Activa", no que se ofrecen coñecementos básicos sobre o activismo xurídico para a defensa legal dos dereitos das persoas con discapacidade. 

 

Outra das formacións que estará dispoñible este próximo luns na Canle da Fundación ONCE na UNED Aberta ensina a facer documentos dixitais accesibles, algo que beneficia a todos, non só ás persoas con discapacidade. Ofrece as claves para converter, paso a paso, un documento de word ou un PDF en accesible para todas as persoas.

 

A Fundación ONCE tamén adiantará outro dos cursos previstos para este 2020. Trátase da formación sobre Accesibilidade TIC en compras públicas. Todos eles estarán dispoñibles ata agosto.

 

Ademais, a Fundación ONCE decidiu reeditar de novo un bloque de cursos impartidos en 2019 que se manterán abertos igualmente ata agosto. Trátase do curso de Interacción Persoa-Computador. Deseño para Todos e Produtos de Apoio; a formación sobre Móbiles accesibles para todos; de Vivenda accesible, e de Accesibilidade na atención a clientes. 

 

Os cursos son todos gratuítos e calquera persoa pódese rexistrar como oínte, aínda que hai opcións de pagar para obter un certificado tras cubrir uns test.

 

Os interesados deben rexistrarse na Canle Fundación ONCE na UNED aberta, https://blogs.uned.es/unedabierta/canal-fundacion-once/.

Recoñecemento internacional

A canle formativa de cursos 'online' da Fundación ONCE estreouse hai dous anos e o seu obxectivo é abordar en primeira persoa o concepto de accesibilidade universal e a necesidade de incluír criterios de deseño para todos nos distintos proxectos. 

 

A través da UNED Aberta, a canle incorpora recursos educativos abertos, gratuítos, de calidade e accesibles para todos. O estudante obtén, ademais, o recoñecemento ou acreditación polos méritos conseguidos. 

 

Esta iniciativa foi recoñecida a nivel internacional na Conferencia Zero Project de 2020 celebrada o pasado mes de febreiro en Viena baixo o lema "Prácticas innovadoras e políticas en educación".

 

Os cursos que se publican seguen a metodoloxía MOOC (Massive Online Open Course), formato que se consolidou como un dos máis eficaces para chegar a un público que ten que compatibilizar formación e tarefas profesionais. En 2019, houbo un total de 2.440 alumnos e nos catro anos de vida da Canle Fundación ONCE superáronse os 8.000 rexistrados.

27/03/202007:58
Teleoperadora de Cruz Vermella.
Madrid

Fronte ao Coronavirus, 8.500 familias conectadas ao Programa de Promoción do Éxito Escolar da Cruz Vermella Mocidade grazas ao apoio de Vodafone

  • Cruz Vermella RESPONDE é a maior mobilización de recursos, capacidades e persoas da historia de Cruz Vermella fronte ao COVID-19 para persoas en situación de vulnerabilidade e poboación xeral.
  • Grazas a Vodafone e á Fundación Vodafone 8.500 familias terán conexión gratuíta para que os seus nenos e nenas continúen no Programa de Promoción do Éxito Escolar e o desenvolvemento de competencias dixitais a través de DigiCraft.
  • Este reforzo contribuirá a evitar o illamento ao que se están vendo sometidos moitos nenos e nenas do noso país, así como facilitar o que poidan manter o contacto cos seus titores e persoas de referencia, tan importantes nestes momentos, contribuíndo á diminución da fenda dixital.
  • A alianza entre Cruz Vermella, Vodafone e a Fundación Vodafone empezou hai máis de 25 anos co obxectivo de afrontar as necesidades e respostas sociais mediante a innovación tecnolóxica e en especial de reducir a fenda dixital nos colectivos en situación de vulnerabilidade.

Vodafone e Fundación Vodafone España reforzan a súa alianza con Cruz Vermella sumándose ao Plan Cruz Vermella RESPONDE, e fano nun ámbito no que xa colaboraban desde hai anos, a Educación.
Tras a declaración do Estado de Alarma e o peche de escolas e centros educativos, máis de 8 millóns de nenos e nenas no país quedaron en moitos casos sen acceso a educación ou apoio educativo. Por iso, Cruz Vermella Mocidade puxo en marcha a modalidade tele-presencial do programa de Promoción do Éxito Escolar, para que as nenas e nenos en situación de vulnerabilidade reciban un apoio por videoconferencia nas materias académicas desde as súas casas, garantindo desta forma unha maior equidade de oportunidades a nivel educativo.

Vodafone achegará de maneira gratuíta a conexión de datos necesaria para que os nenos e nenas de 8.500 familias poidan seguir conectados desde as súas casas ao programa. Ademais, a Fundación Vodafone ampliou os contidos de DigiCraft no formato on-line para que os nenos e nenas poidan seguir desenvolvendo as súas competencias dixitais a través do xogo e dunha maneira máis creativa.   

Este reforzo contribuirá a evitar o illamento ao que se están vendo sometidos moitos nenos e nenas do noso país, así como facilitar o que poidan manter o contacto cos seus titores e persoas de referencia, tan importantes nestes momentos, contribuíndo á diminución da fenda dixital.

Cruz Vermella e Cruz Vermella Mocidade coa infancia e as familias en dificultade social

O labor da Cruz Vermella coa infancia e as familias en dificultade social está enfocada a responder as situacións que xeran vulnerabilidade e alcanzan anualmente a máis de 326.000 nenos, nenas e adolescentes que reciben o apoio da organización no ámbito educativo, social e de lecer, desde programas específicos da Cruz Vermella para atender as necesidades da infancia e as familias en dificultade social e desde o programa de intervención e inclusión social da Cruz Vermella Mocidade

A Cruz Vermella Mocidade mantén un compromiso continuado coa infancia e a mocidade e atende anualmente a máis de 700.000 nenos, nenas, mozos e mozas co apoio de máis de 12.800 persoas voluntarias.
O Programa de Promoción do Éxito Escolar, promovido pola Cruz Vermella Mocidade, ofrece novas formas de entender as materias a máis de 12.500 nenos e nenas en 345 centros de todo o país en situación de vulnerabilidade. 

Plan Cruz Vermella RESPONDE fronte ao COVID-19

O Plan Cruz Vermella RESPONDE fronte ao COVID-19 para as persoas en situación de vulnerabilidade e a poboación xeral, en coordinación con todas as administracións públicas, define as liñas de actuación e resposta para os próximos dous meses e pretende alcanzar a máis de 1.350.000 persoas, cun orzamento estimado de 11.000.000 €.

Case un millón de persoas recibirán atención e acompañamento telefónico, 25.000 familias recibirán bens básicos, 16.000 persoas serán apoiadas en materia de emprego e 3.000 persoas sen fogar terán un lugar para durmir.

Un completo reforzo dos mecanismos da Cruz Vermella en Emerxencias, Saúde e Inclusión Social, que ofrece unha resposta integral en todas as súas áreas de Actuación : Socorros, Inclusión Social, Emprego, Saúde, Educación e Medio Ambiente.

Este plan xa se está materializando grazas aos recursos propios da organización, contribucións da Administración Pública, empresas e particulares, e máis de 8.000 novas persoas que se ofreceron como voluntarias ata a data. 

Sobre a Cruz Vermella

A Cruz Vermella representa o maior movemento humanitario, cidadán e independente do mundo que leva 155 anos colaborando con entidades públicas e privadas para que a humanidade e a dignidade chegue a todas as persoas en calquera lugar e en todo momento e circunstancias. Desde o comezo da crise do COVID-19, a Cruz Vermella está a actuar en todos os países do mundo afectados, representando a maior mobilización de recursos, capacidades e persoas na súa historia en favor das persoas máis vulnerables a poboación xeral.
 
En España, a Cruz Vermella conta con máis de 200.000 persoas voluntarias e máis de 1.400 puntos de atención en todo o territorio, que permiten atender anualmente a máis de 4 millóns de persoas a nivel nacional, das que máis de 1,7 millóns son atendidas desde programas sociais. Co apoio de 1.360.000 socios, empresas e aliados. 

A Cruz Vermella Española pertence ao Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Medialúa Vermella presente en 192 países. Actuando sempre baixo os seus sete Principios Fundamentais: Humanidade, Imparcialidade, Neutralidade, Independencia, Carácter Voluntario, Unidade e Universalidade.  

Recursos audiovisuais

Infancia e Mocidade

Plan Cruz Vermella RESPONDE

DigiCraft on-line

 

26/03/202013:23
Muller maior usando un smartphone.
Santiago de Compostela

"Necesito que alguén baixe á farmacia". Un mapa web conecta a persoas voluntarias e que piden axuda en confinamento

  • Queres botar unha man a alguén que non pode saír de casa polo coronavirus" Necesitas algo" Unha nova ferramenta de software  libre foi posta en marcha en tempo récord pola empresa Kaleidos e a plataforma social 'Frea a curva' co fin de coordinar ofertas e peticións de axuda en España. Institucións de países de Latinoamérica queren replicar a iniciativa.

Os momentos que estamos a vivir coa crise provocada polo coronavirus están a producir unha gran cantidade de iniciativas solidarias por parte da cidadanía española. A semana pasada contamos en SINC os detalles dun proxecto para desenvolver respiradores de baixo custo. E agora acaba de lanzarse un mapa en liña que busca tender unha ponte entre persoas con necesidades debidas ás medidas de confinamento e voluntarios, institucións e comercios que poidan solucionalas.

Este novo proxecto está a ser coordinado pola organización cidadá contra o coronavirus Frea a curva e conta co apoio tecnolóxico de Kaleidos. Segundo comenta a SINC Pablo Ruiz Múzquiz, CEO e cofundador desta empresa de software, "tan só 48 horas despois de ser lanzado rexistráronse 25.000 visitas e 1.000 puntos de atención".

"En Kaleidos encargarémonos da tecnoloxía da plataforma e do seu financiamento. Tamén axudaremos coa difusión. Pola súa banda, Frea a curva ocuparase de coordinar o equipo de voluntarios que moderarán todas as peticións e que se coordinarán con iniciativas de voluntariado ou apoio veciñal xa existente", detalla Ruiz Múzquiz.

Coordinar ofertas e peticións de axuda

A través do mapa pódense anunciar ofertas e peticións de axuda, "potenciando así a acción veciñal para chegar a persoas sen acceso a móbil ou computador", di este directivo.

"Estou de baixa por coronavirus, vivo soa e non podo saír, necesito que alguén me faga a compra semanal e de farmacia ", di unha das peticións. En canto aos ofrecementos dos voluntarios, van desde os que mostran a súa dispoñibilidade para ir ao supermercadocoidar nenos ou simplemente conversar. 

Ao mapa en liña pódese acceder a través de calquera navegador ou dunha app. Mediante un sinxelo formulario, pódense subir, de forma anónima, peticións ou ofrecementos de axuda.

Ademais, tamén se inclúe información sobre servizos públicos dispoñibles, como mercados ou farmacias con horarios modificados, clínicas veterinarias abertas, centros sociais que ofrezan comidas, estacións con aseo para transportistas, etc.

Outros servizos que se están engadindo son os os bancos de alimentos, "algo que nos próximos días pode ser moi importante", a posibilidade de asistencia domiciliaria a persoas maiores dos concellos, os centros de atención para mulleres, os servizos de asesoramento psicolóxicos, etc.

Con obxecto de chegar ás persoas que precisen axuda, pero non teñen acceso á tecnoloxía, a plataforma vai impulsar a figura do intermediario, é dicir, voluntarios que dunha maneira proactiva, localizan a estas persoas.

Para iso, danse varias ideas: desde chamar ao presidente da comunidade para "mapear" un edificio, a colgar unha mensaxe desde a xanela. Os intermediarios tamén poden ser familiares con persoas dependentes noutras provincias, persoas de colectivos de risco ou en corentena que non poidan saír, pero se poden facer outros labores como chamar por teléfono a veciños con necesidades ou avisar da existencia de persoas vulnerables.

En Frea a Curva Maps ademais do mapa, hai un curso para os moderadores voluntarios, pautas sobre como usar esta ferramenta e varias recomendacións para maximizar a seguridade dos usuarios.

Requisitos de seguridade

Tras o éxito obtido nas primeiras horas, "o equipo de moderadores está a traballar para asegurarse de que todos os puntos que aparecen no mapa cumpren cos requisitos de seguridade". Por exemplo, explica Ruiz Múzquiz, "non se dá información específica de direccións de domicilios".

O CEO sinala que, inicialmente viron como "foron aparecendo centos de chinchetas verdes, que é a cor que representa o ofrecemento de axuda, pero agora están a empezar a xurdir as vermellas e laranxas, que corresponden a peticións de axuda. A clave agora é organizarnos para facilitar a comunicación e facer partícipes ás ONG e asociacións con experiencia asistencial", recalca.

Adicionalmente, os impulsores do proxecto están a ter reunións con institucións de países de Latinoamérica que queren replicar a iniciativa. "Estamos axudándoos para que lles resulte fácil clonar a plataforma para os seus países e que así poidan aproveitar a vantaxe dunha semana de antelación, que, nesta crise, sabemos que é moi benvida", destaca.

A plataforma é facilmente replicable e exportable a outros países, cun custo baixo de mantemento, grazas a que está baseada en ferramentas de software  libre. Espérase que países como Colombia, México, Costa Rica, Arxentina e outros países lancen tamén os seus propios mapas en breve. 

A tecnoloxía na que está baseado o mapa en liña de colaboración e axuda cidadá baséase na plataforma Ushahidi, unha ferramenta open source pensada para mapear información vital en zonas de catástrofe. Esta aplicación utilizouse con éxito en varias crises humanitarias, como despois do terremoto de Haití ou o de Chile (ambos en 2010). A información visualízase cargando mapas de OpenStreetMap. As peticións que se soben son revisadas por moderadores voluntarios antes de que aparezan no mapa.

O CEO comenta que nos últimos días entraron en contacto con distintas iniciativas que querían axudar e están a coordinar esforzos, "así que esperamos ver moitísimos máis puntos no mapa pronto".

Conxélase o mapeo de casas de apostas

Doutra banda, Kaleidos, cuxa política empresarial é xerar un impacto positivo na sociedade con tecnoloxías libres, anunciou en SINC hai unhas semanas o desenvolvemento dunha "app" para vixiar as casas de apostas con colaboración cidadá.

Todo o labor de recompilación de datos a pé de rúa quedou interrompida. "Conxelamos a beta de BetOver. Non queremos animarvos a mapear as rúas, senón a quedarvos na casa. Entre todos podemos #FrenarACurva. Mentres, seguiremos traballando na app desde casa", din na súa conta de Twitter.

 

26/03/202011:08
O equipo Somos Opopona.
Vigo

Un equipo da Universidade de Vigo clasifícase para a final de Vodafone Campus Lab cunha aplicación para asistir a persoas con discapacidade visual en aeroportos

Por segundo ano consecutivo, o equipo que representa á Universidade de Vigo clasifícase para a final de Vodafone Campus Lab, un programa de formación online onde estudantes de diferentes disciplinas traballan en equipo para crear solucións a retos de innovación. O grupo, formado por alumnado dos graos de enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación e Organización Industrial, compite cun proxecto dunha aplicación de móbil para asistir a persoas con discapacidade visual en aeroportos.

Baixo o nome de Somos Opopona, collendo un termo que significa camiño no idioma yoruba, o equipo da Universidade de Vigo está formado por Sergio Arcay, Andrea Busto, Pablo Cachafeiro, Marcos Cordeiro, Roi Martínez e Javier Rey, estudantes do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Alfonso Castro, alumno do Grao de Enxeñaría en Organización Industrial, da Escola de Enxeñería Industrial. Como coordinador do equipo está Manuel Caeiro, docente e investigador do Departamento de Enxeñaría Telemática. Eles e elas decidiron presentarse a esta iniciativa tendo en conta como, explican, “a experiencia de traballar nun proxecto real, fóra do ámbito académico, non é algo que poidamos experimentar habitualmente”. Así, subliñan desde o equipo, o programa non só lles dá a oportunidade de “medirse cun proxecto real” senón tamén de “lanzar a nosa idea ao mercado coa axuda de Vodafone”.

Sobre o proxecto que desenvolven no marco de Vodafone Campus Lab, que nesta edición conta coa participación de 26 universidades españolas, desde Somos Opopona indican como a aplicación para móbil deseñada, chamada Optemis, pretende, empregando big data, tecnoloxías de xeolocalización en interiores e procesado de imaxe, guiar ao usuario con discapacidade visual á súa porta de embarque en aeroportos, empregando as rutas menos transitadas. Tamén, engaden, ofrece axuda para localizar a equipaxe e para atopar outros servizos dentro das instalacións. 

Metodoloxías innovadoras

Segundo explica Manuel Caeiro, o desenvolvemento do programa tivo dúas fases. Nunha primeira, que abarcou de outubro e decembro de 2019, os membros do equipo definiron o problema e propuxeron a súa idea. “Para iso seguiron principalmente a metodoloxía design thinking na que se prima a empatía coas persoas que teñen o problema para involucrarse nel, mellorar a motivación e identificar posibilidades de solucións innovadoras, tendo en conta os problemas específicos dun perfil de persoas”, detalla o titor do equipo da Universidade de Vigo. Na segunda fase, entre xaneiro e marzo o traballo centrouse principalmente no desenvolvemento dun prototipo que amosase a idea do equipo. “Para iso baseáronse na metodoloxía lean startup, que é unha metodoloxía para o desenvolvemento de ideas innovadoras”, apunta Manuel Caeiro, lembrando como para levar a cabo estas metodoloxías as e os estudantes tiveron formación no marco de Vodafone Campus Lab. 

Os membros do equipo sinalan como “esta experiencia permitiunos achegármonos a un proxecto real, nas súas fase de ideación, deseño, desenvolvemento e venta. Grazas aos coñecementos impartidos polos membros de Vodafone Campus Lab e aos expertos que nos axudaron en distintas etapas da experiencia, aprendemos como enfrontarnos a este tipo de retos, dende todos os puntos de vista necesarios”. Estas aprendizaxes, subliñan as e os estudantes, “non son individuais, senón que o esforzo colectivo de todo o equipo axudounos a pensar e traballar doutra forma, pasamos dun grupo de amigos e compañeiros a un equipo de alto rendemento preparado para afrontar retos e propor novas ideas como axentes de cambio”.

A final 

Unha vez alcanzada a final, desde Somos Opopona sinalan como chegar a ela “sempre supón unha grande inxección de autoestima e é unha recompensa ás horas de traballo que dedicamos na realización do proxecto, aínda máis cando estivemos compaxinando esta actividade coa actividade docente habitual dentro carreira”. Con este resultado, engaden, “tamén queremos inspirar e animar a toda a comunidade universitaria de cara a aventurarse na participación de novas experiencias á par das carreiras universitarias. Creemos que o feito en si de compaxinar outras formacións ou actividades durante o curso é unha experiencia enriquecedora para todos e non fai falla chegar a finalista para sacarlle proveito”. 

Na final, con data aínda por coñecer, os equipos finalistas farán unha presentación do seu proxecto, explicando en que consiste, cal é o seu fundamento técnico e o uso que fai das novas tecnoloxías das que dispón Vodafone, que efectos positivos agardan acadar na mellora da vida das persoas destinatarias e que comercialización se podería facer. “Coido que podemos mellorar o resultado do ano pasado no que finalmente quedamos en terceira posición”, indica Manuel Caeiro, lembrando como “agora xa coñecemos mellor cales son os obxectivos e os criterios do programa”. Pola súa banda, os membros do equipo da Universidade de Vigo sinalan como “de cara á final, as esixencias que nos propoñemos son elevadas” xa que, subliñan, “queremos facer saber que os enxeñeiros non só temos coñecementos técnicos dentro dos nosos sectores, senón que tamén somos capaces de xuntarnos para afrontar retos de diversa índole e así demostrar a nosa implicación e o elevado grado de calidade do noso traballo”. O xurado da final será persoal directivo de alto nivel de Vodafone e o premio para o equipo gañador será ata 10.000 euros para desenvolver o seu produto/servizo e tres meses de mentorización de profesionais de Vodafone.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS