
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Women in Games é unha asociación sen ánimo de lucro que axuda e dá visibilidade ás mulleres xogadoras e desenvolvedroas de videoxogos. Unha organización activa desde 2017 que debido á situación actual coa crise do Coronavirus creou "Corentena Women in Games". Un proxecto no que se realizan un conxunto de 19 actividades relacionadas co mundo dos videoxogos, con conferencias, talleres de modelado, deseño, podcasts, videoxogos en streaming e mesmo márketing de videoxogos desde o 18 ata o 29 de marzo.
Máis de 20 mulleres profesionais dos videoxogos que se uniron para retransmitir altruistamente todas estas actividades para axudar a pasar a corentena. "É a primeira vez que se unen tantas mulleres e agrúpanse en streaming en torno ao mundo dos videoxogos por unha causa común", indica Gisela Vaquero, Presidenta de Women in Games España.
Desde Woman In Games apostan pola difusión e a visibilidade das mulleres no mundo dos videoxogos e debido a esta situación de confinamento, este grupo de mulleres propúxose a facelo máis levadío. "Todo o mundo quere poñer o seu gran de area nestes momentos tan duros para todos. Hai moita xente que non está afeita a estar na casa e non poder saír. A idea saíu para formar, entreter e axudar aos amantes e seguidores dos videoxogos", apunta Gisela Vaquero.
As contas oficiais en redes sociais de Women in Games van avisando dos horarios e as actividades. "Facilitamos a ligazón aos perfís onde cada unha das mulleres que se ofreceu a participar neste proxecto colga a súa actividade".
Os amantes dos videoxogos, a golpe dun simple clic, van poder gozar dun abanico moi variado de posibilidades tanto de aprendizaxe como de entretemento.
Aínda que é apto para quen queira formar parte desta gran comunidade e gozar dos streaming, descoñecen o número exacto de participación, teñen expectativas con respecto ao éxito de Corentena Women in Games. "Ao ser en aberto, non temos datos exactos de canta xente vai participar ou o está xa facendo, pero confiamos en que sen dúbida terá éxito grazas á orixinalidade do proxecto e ás facilidades que damos para acceder", sinala Gisela.
Un proxecto destas características pode achegar moitos beneficios. "Todos aqueles que se convertan en espectadores poderán gozar de infinidade de actividades, por exemplo, como modelar en 3D ou deseñar. Poden aprender moitísimo, e sobre todo, entreterse participando en partidas online e de multiplayer", afirma Gisela Vaquero
Unha das participantes deste proxecto é Rita Fortuny, produtora en Team Ugly Games: "O meu obxectivo é dar visibilidade á produción feminina no desenvolvemento dos videoxogos indies".
Ademais de reivindicar o papel da presenza feminina no mundo dos videoxogos, a intención é facer máis amena esta corentena. "O meu gran de area é axudar a ter horas efectivas e a ter un enfoque produtivo no que fagas. Vou mostrar o videoxogo que estamos a crear, explicar as técnicas de produción, e mentres tanto, xogalo en streaming", sinala.
Ademais, participa tamén Ana Bolumar, disposta a ensinar en streaming a como modelar un personaxe en 3D: "Utilizo un programa que grava a pantalla e a webcam do computador, para que á vez poidan verme a min e como vou modelando. Así podo ir resolvendo dúbidas e contestando".
"Creo que se hai alguén que non sabe que facer, e lle interesa o mundo dos videoxogos, é unha iniciativa moi positiva para pasar un bo intre e desconectar desta situación", afirma Ana.
Desde Women in Games teñen claras as claves deste proxecto. "Ten dous puntos fortes, en primeiro lugar, o empoderamento feminino no que se unen máis de 20 mulleres para xerar un evento a nivel internacional de videoxogos en castelán. E en segundo lugar, o entretemento e o labor social. Unha reacción ante un acontecemento que nos tocou vivir como é esta crise do Coronavirus", indica Gisela Vaquero, Presidenta de Women in Games España.
Está claro que o mundo dos videoxogos abre unha xanela ao entretemento e ao aprendizaxe pero lembra, desde casa, con "Corentena Women in Games".
O enxeñeiro e graduado en Medicina pola Universidade de Córdoba, Manuel Jesús Cruz, ideou un prototipo de respirador automático facendo lixeiras modificacións á súa impresora 3D (unha das máis estendidas do mercado). Non se trata dunha impresión de modelos de respirador en tres dimensións, senón de adaptar a propia máquina e convertela nun ventilador artificial.
O investigador, que compartiu o exemplar, aínda en fase incipiente, nos seus perfís de redes sociais, propón programar a máquina para que simule a función dun ventilador e active o ambú, a bolsa autoinflable que proporciona osíxeno ao paciente mediante presión positiva.
Aproveitando a electrónica e os motores da impresora, a ponte horizontal da máquina baixa e exerce presión sobre o respirador artificial. "O ritmo e profundidade podería adaptarse a cada paciente mediante distintos programas de impresión", explicou o investigador.
Para ver o prototipo, visite este vídeo https://www.youtube.com/watch"v=oXiDyhe-lV8&feature=youtu.be
Cando pensamos nos científicos que están a buscar un tratamento para o coronavirus imaxinámonos investigadores enfundados en traxes de protección traballando en laboratorios. E é correcto. Pero hai moito máis detrás. A investigación farmacolóxica sería imposible sen o poder da supercomputación. E agora, cando se traballa contra o crono, estes grandes ordenadores convertéronse nun aliado indispensable dos científicos.
Nestas máquinas con enorme potencia de cálculo pódense facer simulacións que acurtan a semanas o prazos de investigacións que antes duraban meses. "Nós non imos curar o coronavirus, pero sen o noso labor a investigación sería moito máis lenta e complexa", resume Alfonso Valencia, director do Departamento de Ciencias da Vida do Barcelona Supercomputing Center. Aquí alóxase o MareNostrum, o maior destes computadores en España, cuxa potencia está ao servizo de varios proxectos enmarcados na batalla que se libra fronte ao coronavirus.
As novas tecnoloxías e as infraestruturas de conexión e capacitación permiten que a formación dixital siga adiante, aínda que, por mor do COVID-19, non de maneira presencial. Así o entenden dende a aula CeMIT do Concello de Boiro, que teñen entre mans varios cursos de teleformación para “todos aqueles usuarios que desexen unha formación alternativa online”. Estas actividades formativas a distancia vanse realizar desde a plataforma teleformación EMA (Espazo Multimedia de Aprendizaxe).
O Concello explica que para poder participar nestes cursos, as persoas usuarias deben estar rexistradas na Rede CeMIT e que as as actividades máis destacadas do catálogo son “os cursos de Administración Electrónica, de trámites electrónicos en Internet, de xogos de adestramento mental, de comercio electrónico, de mercadotecnia en redes ou de vendas no muro”. Desde a aula CeMIT do Concello de Boiro estase tamén a traballar por elaborar unha programación audiovisual-formativa vía streaming. Deste xeito, explican, “as usuarias e usuarios poderanse seguir formando en novas tecnoloxías desde as súas casas mediante as clases online”.
A Xunta de Galicia, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propón para o período que dure o estado de alarma por mor do coronavirus unha programación con abondosas actividades de lecer cultural a través de Internet. Propostas pensadas para toda a familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue en todas as redes sociais das súas dotacións. Trátase dunha etiqueta á que a Xunta convida a sumarse ás institucións culturais, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura.
A iniciativa pretende recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Ademais, prestarase atención individual ás próximas datas conmemorativas, comezando polo Día Mundial da Poesía, que se celebra hoxe mesmo, continuando polo Día do Teatro (27 de marzo) e seguindo polo Día das Artes Galegas (1 de abril) e o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril).
Máis de 4.500 títulos dispoñibles
As bibliotecas xestionadas pola Xunta desempeñan un papel de provedoras de servizos á sociedade en xeral, e coas limitacións obrigadas, continuará a facelo. Para isto está, entre outros servizos, GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, películas e audiolibros en formato electrónico da bibliotecas públicas galegas. A través desta pódense descargar e visionar obras en formato dixital de temáticas diversas nas que os intereses de todas as persoas lectoras teñen o seu espazo e o seu lugar.
En concreto, en GaliciaLe hai máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos. Ademais conta cun total de 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais. Para facilitar o acceso a esta plataforma só será necesario rexistrarse na mesma e non será preciso ter o carné de lector dalgunha biblioteca pública galega.
Un viaxe polo tempo, a arte e a historia
Os arquivos xestionados pola Xunta (Arquivo de Galicia; e históricos, do Reino de Galicia, Lugo, Ourense e Pontevedra) propoñen una viaxe polo tempo dentro da nosa Comunidade. Entre os diferentes recursos poden destacarse as exposicións virtuais en 3D e percorridos 360º ou as mostras do Arquivo do Reino, a última das cales foi publicado o pasado 8 de marzo, co gallo do Día internacional da Muller, e que leva por título Meigas, feitizos das menciñeiras: procesos xudiciais por bruxería.
Aínda que os museos xestionados pola Xunta non están abertos, podemos explorar as súas coleccións e as actividades que se realizan neles ao través do mundo dixital. Na maioría deles pódese facer un percorrido completo polas súas salas expositivas e contemplar as obras expostas como se se estivera no interior, con información complementaria.
Tres boas opcións de visitas virtuais para comezar, por ser centros afastados das cidades e a súa interesante proposta museográfica, son o Museo do Castro de Viladonga e ao propio Castro, o Massó e as Pallozas e conxunto etnográfico do Cebreiro. Ademais, pode facerse unha visita virtual polos espazos de todos os museos xestionados pola Xunta.
Estrea da Bibliografía Xacobea
Neste sentido, e como novidade para todas as persoas curiosas polo Camiño e a cultura da peregrinación, lánzase a Bibliografía Xacobea, que recompila os traballos realizados por historiadores, filólogos, antropólogos, xeógrafos, arqueólogos etc., de moitos países do mundo. Este traballo académico e investigador ofrécelle ao usuario desta web monografías, teses de doutoramento, catálogos de exposicións e actas de congresos xacobeos. Como exemplo, ponse ao dispor do público interesado as actas dos congresos celebrados desde o ano 1993 polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.
Visitar o noso patrimonio sobranceiro e coñecer a maxia dos nosos mosteiros e catedrais a través dunhas visitas virtuais 360º é tamén unha boa opción de lecer coa que desfrutar coñecendo un pouco mellor o noso legado. Un patrimonio cultural e natural que pode ser explorado tamén a través da canle de YouTube de Turismo de Galicia. E aínda que as Rutas Xacobeas non se poidan percorrer neste momento é posible recordar o gran valor cultural e os tesouros que gardan no seu seo desde as nosas casas con recursos como os presentes no web do Camiño de Santiago.
Pasado e futuro do audiovisual
Este é un momento propicio para coñecer o pasado e o futuro do audiovisual galego e visionar documentos que nos revelan aspectos pouco coñecidos de Galicia e a súa cultura, pero de gran interese. Son materiais audiovisuais históricos que foron recuperados polo CGAI como as imaxes de Castelao en Bos Aires de Eligio González (1972), o filme Un viaxe por Galicia de Manuel Aríns (1958) ou as vistas de Vigo e arredores gravadas por un afeccionado danés en 1926, entre outros.
E, do pasado, trasladámonos ao futuro do audiovisual visionando os traballos de Cinema en curso, un programa destinado a alumnos de entre 6 e 18 anos de pedagoxía do cine, que busca achegar a mocidade ao cine como arte, creación e cultura, e explorar as potencias didácticas da creación cinematográfica.
Medrar en galego
Para o espallamento, uso e perfeccionamento da lingua galega a Xunta conta con abondosos recursos no Portal da Lingua Galega. Entre estes, paga a pena chamar a atención daqueles dedicados aos máis novos da casa, como os audiovisuais infantís As miñas primeiras Letras Galegas ou Os Axóuxeres, entre outros; recursos musicais que achegan importantes ensinanzas sociais e comunitarias, como Nun mar azul ou No colo da fala, cancións de berce interpretadas por Xabier Díaz, e propostas de diferentes xogos para facer coa xente miúda, dende adiviñas e xogos de iniciación até materiais para imprimir e recursos interactivos
Así mesmo, hai abondosos audiovisuais e recursos dispoñibles no portal que se poden empregar para un mellor coñecemento e uso da lingua galega, como o Ben Falado, e canles como Galeguizar Galicia, onde podemos atopar múltiples historias interesantes e divulgadores da nosa lingua e cultura.
‘Galicia, un relato no mundo’
A Cidade da Cultura ofrece a posibilidade de coñecer dixitalmente e de xeito virtual a mostra Galicia un relato no mundo. Como novidade, ofreceranse oito novos clips de guías nos que se explicarán pezas da exposición e historias relacionadas coa mesma, afastadas das pezas estrela máis coñecidas. En concreto, as pezas audiovisuais estarán dedicadas ao Mapa de Sawley, a II Guerra Mundial en Galicia, a emigración galega a América: o Cap Norte, as conexións con Europa da Galicia da Idade do Bronce, o nacemento da bandeira galega, os indianos, as gravacións musicais da emigración e o aporte económico e cultural da emigración.
Ademais, a Cidade da Cultura pon ao dispor de todo o mundo outros materiais audiovisuais de gran interese na súa canle de YouTube, así como a través das súas distintas redes sociais.