
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Todo o ecosistema de empresas dixitais está a colaborar para que a actividade das empresas siga funcionando na medida do posible. Desde os operadores de telecomunicacións que ofreceron máis datos gratis para os seus clientes e a apertura de contidos de TV, ata fabricantes de equipamento, data centers, marketplaces, ou medios de pago electrónico.
As compañías de infraestruturas de comunicacións, como as de redes (Telefonica, Orange, Vodafone, MasMovil) e torres (Cellnex, Nokia, Ericsson, Huawei, Arca, etc) ata os servizos na nube (Cisco, VMWare, Juniper Networks, etc) ou os data centers (Interxion, Equinix, Global Swich...), están a garantir a capacidade e flexibilidade das redes neste pico de demanda que estamos a experimentar.
Pola súa banda, as consultoras e tecnolóxicas (IBM, Everis, Accenture, Deloitte, EY, HP, Fujitsu, NAE, etc) están a axudar aos seus clientes con plans de continxencia, trasladando todas as operacións que facían nas súas oficinas corporativas ás oficinas na casa dos seus empregados, e operando con VPNs para garantir o servizo a hospitais, banca, eléctricas, medios de comunicación, servizos loxísticos, etc. co fin de axudar a manter as comunicacións críticas.
Tamén se están mobilizando plataformas como InfoJobs, do grupo Adevinta, para axudar no recrutamento de persoal sanitario necesario nesta crise, así como ferramentas para favorecer o traballo en remoto.
Por exemplo, NAE ofreceuse a axudar a clientes e partners, sen custo, a implementar solucións de teletraballo. Cisco ofrece a súa plataforma de Colaboración Cisco Webex de forma gratuíta. A licenza persoal inclúe o seu uso sen restricións para reunións de ata 100 participantes e eliminouse temporalmente a restrición de 40 minutos. Ademais, en colaboración con IBM, están a ofrecer ferramentas de videoconferencia e voluntarios na Comunidade de Madrid.
Tamén a empresa VMWare achega ferramentas dixitais e programas para favorecer o traballo en remoto: Horizon Cloud con Microsoft Azure, dispoñible de forma gratuíta durante 45 días; e Workspace ONE, unha solución de xestión de mobilidade, de forma gratuíta durante 30 días.
Moitas empresas están a reforzar as súas plataformas gratuítas de educación dixital dirixidas a profesores, nenos, e profesionais, mentres que aquelas que teñen actividade de negocio en áreas sanitarias, están a poñer todos os seus esforzos para compartir a tecnoloxía cos organismos de saúde nos diferentes países onde operan.
Por exemplo, IBM está a axudar agora aos investigadores do Departamento de Enerxía dos Estados Unidos a identificar que fármacos poden desactivar o coronavirus. Ademais, a unidade de saúde desta empresa (Watson Health) puxo ao dispor dos organismos nacionais de saúde --de forma gratuíta-- a solución de desenvolvementos clínicos IBM Clinical Development, co fin de reducir o tempo e custo dos ensaios clínicos.
Pola súa banda Mastercard lanzou, xunto coa Fundación Gates e Wellcome Trust, un Acelerador Terapéutico para crear novos medicamentos que freen o Covid19. Trátase dun "mecanismo de coordinación" entre diferentes grupos de traballo de todo o mundo que están a buscar un tratamento efectivo contra o novo virus.
A Xunta de Galicia pon á disposición da cidadanía unha serie de accións formativas gratuítas en modalidade de teleformación para os profesionais do turismo así como consellos de alimentación a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG). O obxectivo desta nova iniciativa é mellorar as competencias de xestión dixital, a comunicación e o marketing en liña do sector e manter hábitos saudables neste período de confinamento.
Por unha banda, estas accións contarán con diversos relatorios interactivos, dos que catro xa teñen data e hora, no que un especialista impartirá formación específica e, ao realizarse en directo, responderá ás cuestións dos participantes. Así mesmo, ofrecerase material informativo e documental e realizaranse actividades de avaliación e ampliación dos coñecementos.
O primeiro webinar programado terá lugar mañá mércores, ás 11:00 h. Impartido por Víctor Salgado, socio director da firma referente en Galicia sobre dereito e novas tecnoloxías Pintos & Salgado, abordará a Actividade turística en internet: xestión de datos. A duración total da actividade será de catro horas, das que ata dous corresponderán a faladoiros en directo. O programa completo de accións formativas poderá consultarse no Espazo Profesional da web de Turismo de Galicia, onde os interesados acceden ao formulario de matrícula. Terán participación prioritaria nestes faladoiros os propietarios de pequenas e medianas empresas, traballadores de bares, cafeterías, restaurantes, aloxamentos e outros establecementos hostaleiros así como outros profesionais do sector turístico.
Ademais deste relatorio virtual hai outros tres xa programados para os que tamén xa está aberta a matrícula. Trátase do impartido tamén por Víctor Salgado sobre Actividade turística en internet: dúbidas frecuentes, o luns 30 de marzo ás 11:00 h; outro sobre Como comunica unha empresa turística nunha crise, o xoves 2 de abril ás 11:00 h. a cargo de Óscar Alfeirán, do departamento de márketing do CSHG; e o último programado polo momento, tamén impartido por Óscar Alfeirán, sobre Ferramentas TIC para mellorar a comunicación.
Estes catro primeiros webinares completaranse con outros catro que se coñecerán en vindeiras datas e que difundiranse no calendario nas últimas semanas previstas neste momento de confinamento.
Esta iniciativa enmárcanse no Plan de formación do sector turístico, cuxo obxectivo é proporcionar ferramentas prácticas de xestión para dirixir un establecemento de restauración coa finalidade de incrementar a calidade dos servizos prestados a turistas e cidadáns.
Hábitos saudables co CSHG
Por outra banda, a Xunta de Galicia, en colaboración co CSHG, porá en marcha desde mañá mércores outras iniciativas que teñen como obxectivo favorecer hábitos de consumo e alimentación saudables que redunden nunha mellor calidade de vida durante as semanas de confinamento.
Deste xeito, nas vindeiras datas, as redes sociais do CSHG ofrecerán receitas saudables dos seus docentes para que os galegos poidan realizar nos seus fogares. Tratarase de pratos sinxelos que poderán contar coa colaboración dos máis pequenos, económicos, equilibrados e que contarán con produtos locais. Estas receitas irán acompañadas de consellos para comer mellor e listas da compra saudables nas que se aportarán suxestións sobre os diferentes grupos de alimentos.
Así mesmo, o equipo do CSHG responderá dúbidas de cociña que os usuarios formulen a través das súas redes sociais e estas recolleranse no web do centro para facilitar a súa consulta. Cómpre destacar o labor divulgativo do CSHG, que a través da coordinación dos diferentes departamentos que o compoñen e do seu profesorado especializado, están a ofertar, non só nestes momentos, unha información fundamental para manter uns hábitos de alimentación saudables.
O Grupo de Enxeñaría Física da Universidade de Vigo ten en marcha unha páxina web na que se pode consultar a súa predición a dous días vista de casos de contaxio de Covid-19 tanto en Galicia como no conxunto de España baseándose nos datos proporcionados diariamente polo Ministerio de Sanidade. A través de sinxelos gráficos, as persoas interesadas poden coñecer cada día a evolución da cifra de persoas contaxiadas por coronavirus e a estimación da mesma para os seguintes días que fan os investigadores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.
“Decidín pór en marcha esta web ante a necesidade que hai de seguir a evolución da enfermidade”, explica Humberto Michinel, catedrático da Universidade de Vigo e responsable da iniciativa. Na ferramenta habilitada, indica, “cada día publicamos a previsión da acumulación de casos de Covid-19 para os dous días seguintes e vamos axustándoa a medida que vai evolucionando”. Axustándose a esta marxe temporal, comenta o director do Grupo de Enxeñaría Física, “a previsión ten unha fiabilidade de arredor do 95%. Obviamente, unha previsión a un período maior sería menos exacta”.
Actualización diaria
Respecto á metodoloxía empregada, Humbero Michinel detalla como cada día recollen “os datos consolidados de infectados por Covid-19 ás 21.00 h (e subministrados polo Ministerio de Sanidade ás 13.00 h do día seguinte) e se procede a facer un axuste non lineal baseado na denominada curva de Gompertz, usada habitualmente como modelo sinxelo para o estudo da propagación de epidemias, entre outros temas”. Este axuste, apunta, corríxese diariamente en función da evolución dos datos oficiais e faise a nova predición a dous días vista empregando a función de Gompertz. Esta información materialízase para as e os usuarios da páxina web creada en dous gráficos de barras, un referido a Galicia e outro a España, que se publican diariamente ás 14.00 h.
Como exemplo, a gráfica publicada o domingo 22 de marzo recolle a evolución de contaxios en Galicia e España ata a noite do 21 de marzo, 915 casos no primeiro ámbito xeográfico e 28.572 no segundo. Tamén indica as estimacións que fai o Grupo de Enxeñaría Física da Universidade de Vigo para o día seguinte (1113 casos en Galicia e 33.357 casos en España) e para dous días despois (1351 e 38.445 casos respectivamente).
A idea de pór en marcha esta ferramenta, indica Humberto Michinel, xurdiu tendo en conta que unha das liñas de investigación “desde hai anos” do Grupo de Enxeñaría Física da Universidade de Vigo, antes denominado Grupo de Óptica Física, “é a dinámica non lineal, que se dá en problemas moi variados, desde o estudo dos tsunamis ou as crises da bolsa ao caos ou a propagación de enfermidades, entre outros moitísimos fenómenos”. A páxina, sinala o catedrático, comezouse a desenvolver o día 17 de marzo, “cando o ministerio regularizou a publicación de informes e datos”, e “agardamos que pronto poida deixar de publicar resultados”, amosando o seu desexo de que esta crise se solucione o máis axiña e do mellor xeito posible.
Moitas veces falamos da importancia de tecnoloxía como os asistentes virtuais para as persoas con discapacidade e as persoas maiores, agora son os compañeiros de Orientatech, o proxecto da Fundación Tecsos, Cruz Vermella e a Fundación Vodafone España, os que analizaron en profundidade a accesibilidade e a experiencia de usuario de Google Assistant.
Esta análise destaca a importancia desta tecnoloxía para facilitar a interacción cos dispositivos, especialmente se utilizan o sistema operativo Android, xa que, a pesar de que Google Assistant tamén é compatible con iOS de Apple, Orientatech apunta a que a súa compatibilidade está moito máis limitada.
Os aspectos principais que destaca a análise de Orientatech son a interface sinxela de Google Assitant, que incorpore un teclado en pantalla como alternativa á introdución de texto mediante a voz e que estea dispoñible tanto para Android como iOS.
Polo lado negativo, os puntos que considera que se deberían de mellorar sería precisamente mellorar a compatibilidade coas aplicacións en iOS e a posibilidade de incorporar un menú de axustes máis visible.
Se queredes ler a análise completa realizada por Orientatech, aquí deixámosvos a ligazón.
O Grupo Social ONCE puxo ao dispor do movemento "Coronavirus Maker" un total de 8 impresoras 3-D, así como un equipo de profesionais que deseñen produtos e impriman aqueles elementos que poidan ser de utilidade aos servizos de saúde.
En concreto, o Grupo Social ONCE conta en Madrid coas dúas impresoras da Sala EspacIA da Fundación ONCE, catro do Servizo Bibliográfico da ONCE e dous do Centro de Tiflotecnoloxía e Innovación da ONCE.
Ademais, hai unha decena de persoas que están a traballar nos distintos grupos de traballo postos en marcha polo movemento. O perfil dos mesmos é moi variado como poden ser expertos en ergonomía, deseñadores ou enxeñeiros.
Nun principio, o equipo do Grupo Social ONCE uniuse á tarefa de imprimir fixacións que posteriormente se utilizan para montar pantallas protectoras. Máis adiante, cando os deseños se vaian perfeccionando e vaian sendo aprobados polos equipos sanitarios, iranse imprimindo outras pezas como partes de máscaras e respiradores.