
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A excepcionalidade imposta polo coronavirus sacou a relucir o altruísmo de gran parte do sector tecnolóxico español. Grandes empresas, pemes e startups ofrecen gratuitamente o seu coñecemento e servizos para combater a pandemia na medida do posible. Xa sexa para reducir o colapso sanitario, mellorar a conectividade ou contribuír á alfabetización dixital. Cada un desde a súa posición dentro do sector. Estes son algúns exemplos do que xa está en marcha en España.
A Fundación ONCE quere que os videoxogos do futuro sexan máis accesibles para os xogadores que teñan discapacidade e por iso estase movendo, participando en eventos e charlas sobre tecnoloxía, para facer ver aos desenvolvedores a importancia de que as súas creacións sexan accesibles para todas as persoas.
O último evento desta lista foi na academia EVAD Formación de Málaga, un centro Playstation First que conta con acceso exclusivo a provedores, adestramento, documentación e hardware de desenvolvemento profesional para formar aos estudantes na videoconsola de Sony.
Neste encontro, representantes da fundación achegaron a importancia da accesibilidade aos alumnos co obxectivo de que inclúan a discapacidade nos seus traballos de fin de máster que están a comezar a preparar.
A fundación comezou xa o ano pasado esta campaña para eliminar as barreiras que aínda moitas persoas con discapacidade se atopan cando tratan de utilizar este tipo de tecnoloxía.
Neste sentido, a Fundación ONCE entregará dous premios de 700 e 300 euros aos dous grupos de traballo desta academia que fagan os traballos fin de máster que mellor inclúan a discapacidade nos seus proxectos.
Esta forma de integrar a discapacidade nos videoxogos pode ter moitas formas distintas, desde introducir a accesibilidade no código, incluír personaxes con discapacidade, crear plans de márketing e publicidade accesibles, ata engadir medidas de accesibilidade nalgunha das funcionalidades do videoxogo.
Dende a Consellaría de Sanidade están a facer un chamamento á cidadanía para que utilice de xeito responsable o teléfono de balde 900 400 116 como número exclusivo de atención a todas as consultas relacionados co coronavirus, o que inclúe tanto as solicitudes de información como as consultas das persoas que teñan síntomas leves e que estiveran nunha zona de risco ou tiveran contacto estreito cunha persoa que dera positivo en coronavirus. Para información xeral queremos lembrar que o SERGAS creou un apartado na súa páxina web no que recollen toda a información e as novas máis relevantes sobre o COVID-19, polo que aproveitar este recurso é o xeito máis responsable de informarse sen saturar as liñas de atención telefónica.
A Consellaría de Sanidade está a reforzar o número de liñas telefónicas destinadas ao 900 400 116 aumentando dende as 40 liñas coas que conta actualmente até as 100, así como tamén incrementaron o persoal de operación telefónica e o número de médicos da Central de Coordinación, favorecendo así unha mellor atención remota, xa que non podemos esquecer que ante as sospeitas dunha infección por coronavirus non debemos acudir a un centro de saúde ou hospital, xa que poderiamos propagar a enfermidade entre poboación de risco.
O número de teléfono 900 400 116 activouse para evitar que o 061 non poida cumprir a súa función primordial, que é a de atender ás urxencias e ás emerxencias sanitarias en Galicia.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de licitar a contratación de novos contidos curriculares para a iniciativa do libro dixital, E-Dixgal, enmarcada no Proxecto Abalar. Os pregos publicados hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia, recollen unha dotación de ata 2 millóns de euros para prover dúas alternativas de contidos curriculares completos dos cursos de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO, para os tres vindeiros anos.
Actualmente, os provedores destes contidos son Netex e Edebé, cuxo contrato remata a finais deste curso 2019/20, ademais de Pearson para os contidos da materia de Inglés e aulaPlaneta, ambos dispoñibles ata 2023.
Máis de 32.000 alumnos en E-Dixgal o vindeiro curso
A evolución de Abalar coa implantación da plataforma do libro dixital E-Dixgal permitiu que, a día de hoxe, 27.000 alumnos de 347 centros estuden con contidos dixitais.
Tras a convocatoria para adhesión de novos centros, publicada o pasado 20 de febreiro pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a previsión é incrementar en 75 os centros incorporados á iniciativa e superar os 32.000 alumnos estudando con libro dixital.
Máis contidos dixitais
Ademais dos contidos curriculares, a plataforma do libro dixital enriquécese cos contidos do repositorio Abalar, con máis de 3.500 recursos dispoñibles en 7 idiomas e cos da iniciativa Dixit, unha das últimas liñas da iniciativa do libro dixital, que une a creatividade do profesorado coas últimas tecnoloxías coa colaboración do ecosistema dixital. O vindeiro curso incrementaranse os contidos Dixit, que xa está a producir recursos innovadores para as materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeología, Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Física e Química e Idiomas.
Aplicacións, redes sociais e soporte
A aplicación abalarMóbil, que facilita a relación entre familias, profesorado e centros conta xa con máis de 197.000 usuarios rexistrados e preto de 400.000 descargas desde a súa posta en marcha. O profesorado conta tamén cunha rede profesional, Redeiras, na que máis de 11.000 docentes comparte un espazo de comunicación e colaboración para intercambiar ideas, propostas, recursos, actividades e iniciativas.
Un dos últimos servizos incorporados á iniciativa E-Dixgal foi o Soporte Premium 24x7 para familias, alumnos, centros e profesorado que poden resolver calquera incidencia ou dúbida a través de diferentes canles (teléfono, e-mail, canles de mensaxería, técnicos in-situ, e a través dunha rede de 69 puntos físicos).
A aula CeMIT de Ames presentou este luns a súa programación para este primeiro treito da primavera, os meses de marzo e abril, nos que se desenvolverá unha ducia de novos cursos sobre outras tantas vertentes tecnolóxico-dixitais ao servizo da cidadanía. Dentro da axenda de marzo, cómpre salientar un ciclo de introdución ao uso do computador, cuxo obxectivo é achegar á poboación adulta local ao uso deste equipamento “dende unha perspectiva ampla e introdutoria”.
O ciclo está composto por: un curso de iniciación á informática que se desenvolverá do 10 ao 18 de marzo (as prazas xa se encontran cubertas), un curso de iniciación a Internet do 24 de marzo ao 2 de abril, e outro de iniciación ás redes sociais do 14 ao 16 de abril. Outro dos ciclos que se seguirán desenvolvendo é o de ofimática, destinado a introducir á veciñanza nos usos e posibilidades da suite de LibreOffice. Este ciclo, se ben comezou en febreiro, seguirá ao longo destes meses coa posibilidade de poder presentarse aos exames CODIX. O primeiro dos cursos que se desenvolverá nese ciclo no mes de marzo é Follas de cálculo con LibreOffice Calc I, o cal xa conta coas prazas cubertas. Esta actividade formativa verase complementada con outra que se desenvolverá a finais de mes, Follas de cálculo con LibreOffice Calc II, e que tamén ten as prazas cubertas. Xa no mes de abril, comezarase con Presentacións con LibreOffice Impress, un curso centrado en entender a creación de presentacións. Está programado do 14 ao 17 de abril.
Actividades para adultos do mes de abril
Durante o mes de abril desenvolveranse dúas citas formativas para adultos: Aprende a manexar o teu teléfono móbil e Administración Electrónica: introdución as súas posibilidades. O primeiro deles é un curso de iniciación para aprender a sacarlle partido ao teléfono móbil, mentres que o segundo é un curso adicado ao descubrimento e familiarización coa Administración Electrónica.
Cursos para menores e obradoiros de Semana Santa
Con motivo das vacacións de Semana Santa, a Aula CeMIT ten programados para eses días tres obradoiros lúdicos e educativos para que a rapazada, en palabras do Concello, “aprenda cousas novas mentres está entretida”. O primeiro deles é Aprende a dominar o rato e o teclado, que está destinado a nenos de 8 anos e se desenvolverá durante a mañá do luns 6 de abril en horario de 10.00 a 12.00 horas.
O segundo obradoiro programado é Programación con Scratch, o martes 7 de abril para nenos/as de 8 a 10 anos e o mércores 8 para nenos/as de 10 a 12 anos. Ambos os dous tamén son en horario de 10.00 a 12.00 horas.
E xa fóra da programación de Semana Santa, do 13 ao 28 de abril, en horario de luns e mércores de 18.15 a 19.45 horas terá lugar un curso de informática para rapaces.
Videoconferencias
Nestes meses hai organizadas varias videoconferencias por FEGAUS que xirarán en torno ao turismo e o teléfono móbil. Desenvolveranse, en horario de 10.30 a 11.30 horas, Descobre a rede de actividades de lecer na túa cidade sen gastarte unha fortuna o venres 13 de marzo, Reserva as túas viaxes e actividades de ocio a través de Internet o luns 23 de marzo, Turismo cultural para vivir novas experiencias o venres 3 de abril, Funcionamento básico de dispositivos móbiles o venres 7 de abril e Configura o teu móbil o teu gusto o venres 24 de abril.