main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

10/03/202007:50
Cartel da iniciativa.
A Coruña

Chega unha nova edición dos Coruña Hacks, máis intensos e con premios

As comunidades técnicas GPUL, Coruña Developers e Árticos, todas elas con base de operacións na Coruña, celebran unha nova edición de Coruña Hacks este mes de marzo. A xuntanza será un laboratorio de experimentación coa forma de tres hackathons, a desenvolver o terceiro sábado de marzo, abril e maio.

Segundo informa Coruña Dixital, a iniciativa do Concello para propiciar e fortalecer o importante labor das comunidades abertas locais, nas tres xornadas de traballo organizaranse equipos para desenvolver proxectos baseados nas tecnoloxías libres.
No primeiro hackathon poranse en común as ideas das que sairán, mediante votación, as propostas nas que se traballará nas seguintes citas, e crearanse os equipos que farán evolucionar estes prototipos. No segundo farase que os proxectos collan impulso e forma (comezarán a verse os resultados finais) e no terceiro e último (o día máis intenso) presentarase cada contribución nos seus detalles, as mellores das cales obterán o seu recoñecemento.

“A nosa idea”, informan dende GPUL, “era darlle aos Coruña Hacks deste ano un algo máis de emoción, e durante tres sábados traballaremos en equipos para dar forma aos proxectos libres que competirán por ser o mellor ao remate das xornadas”. O obxectivo, engaden, “é crear un espazo de traballo periódico no que evolucionar os nosos proxectos a modo de hackathon recorrente no tempo pero sempre cun obxectivo claro, poñer o prototipo a funcionar antes do terceiro evento”.

10/03/202007:43
Mozos xogando nuns simuladores de conducción.
Ourense

Ourense convértese en abril, da man da ICC Week, na capital dos eSports

A Ourense ICC Week que organiza un ano máis a Deputación de Ourense, co obxectivo de achegarnos unha primavera ateigada de creatividade e innovación tecnolóxica, vai converter a cidade das Burgas na capital galega, estatal e mundial dos deportes en liña, os eSports. O obxectivo da ICC eSports 2020 (a vertente da Semana das Industriais Culturais e Creativas máis directamente envorcada no lecer dixital), que inclúe unha manchea de competicións, demostracións e torneos, é “ser un punto de encontro da comunidade gamer galega”.

Celebrarase entre o 3 e o 5 de abril e xuntará expertos na materia e, por suposto, unha nutrida comunidade de seareiros do lecer electrónico para, en palabras da Deputación, “gozaren coa experiencia única das competicións en directo”. Os protagonistas serán os cinco videoxogos máis exitosos na actualidade: FortniteFIFA e a super-competición de equipos de MundoGT con Gran Turismo SportF1 Codemasters e DiRT Rally 2.0. Así, ao abeiro da ICC eSports de Ourense daranse cita os mellores pilotos e equipos profesionais do panorama Simracing. Estas competicións serán ademais emitidas na canle de YouTube Movistar eSports.

Abertas as inscricións

Os certames de ICC eSports de Ourense desenvolveranse do 3 ao 5 de abril no Salón Nobel do Liceo de Ourense. A entrada é de balde para ver as competicións. A inscrición para participar nos diferentes torneos programados de Fortninet, FIFA e MundoGT xa está aberta, na páxina web da ICC Week https://ourenseiccweek.com/gl/e-sports/ desde o 2 de marzo ata completar as prazas.

O festival abrirá as súas portas coa charla de Erea Carbajales, licenciada en Etnomusicoloxía, que aportará a súa reflexión sobre A evolución da música nos videoxogos, un relatorio de entrada gratuíta, que se celebrará o venres 3 ás 12.00 horas no Liceo de Ourense.

Os mellores de Mundo GT en Ourense

MundoGT celebra o seu décimo aniversario en 2020 e traerá ao ourensán ICC eSports a fase final de dúas das súas competicións máis importantes: a SuperCompetición de Escudarías Gran Turismo Sport, a F1 2019 e o Rally DiRT 2.0. Nestas competicións participarán 20 equipos profesionais, nunha primeira fase en liña. Desta fase sairán os participantes das finais presenciais. No caso do #SCE, os cinco mellores equipos da competición profesional nacional de equipos GT Sport viaxarán por segundo ano consecutivo a Ourense para disputar a Gran Final de SCE, na que o defensor do título será o equipo Euromaster eSports. Segundo informa a Deputación, os afeccionados ás carreiras de automóbiles poderán gozar do resultado da competición en directo ao mellor de tres carreiras puntuables que comezarán o sábado 4 de abril coa primeira carreira ás 16.30 horas e a segunda carreira ás 18.00 horas. O domingo 5 de abril ás 15.00 horas terá lugar a terceira carreira, a derradeira. Pódense seguir de xeito presencial no Liceo ou desde calquera lugar a través de transmisións na canle oficial de Movistar eSports en YouTube. Na Gran Final SF1 loitarán en Ourense cinco dos mellores equipos deste deporte virtual de motor. Unha competición ao mellor de tres carreiras puntuables que terán lugar o sábado 4 de abril ás 19.30 horas a primeira carreira, o domingo 5 de abril ás 11.00 horas a segunda e ás 12.00 horas terá lugar a derradeira. Escudarías de SCE que participan na competición: Xogon Galicia Simracing, Williams JIM Esports, Euromaster Esports, Team Razinger Z, Team Mentalism, Cometa Team, Spanish Pro Racers SPR, Cyberspeed, NWS Esports, TENT Factory Simracers, CEAVI Carrillo German, R70 Team, x6tence esports club e ROAR Simracing. Escudarías de SF1 que participan na competición: Williams JIM Esports, S2V Esports, Cometa Team, World Series Online WSO, Team Mentalism, ECDF1, NWS Esports, Innovate SRT, Team Genious, e SimRacing Legends.

En directo

Todos os torneos SCE e SF1 de MundoGT retransmitiranse en directo, tanto as carreiras de cualificación en liña ao longo da tempada como as finais presenciais de Ourense. En total, haberá un total de 30 emisións en directo, que se poderán seguir a través da canle de YouTube Movistar eSports. Unhas retransmisións que o ano pasado alcanzaron 70.800 espectadores, “amosando así o crecemento e consolidación desta industria”, explica a Deputación, que engade que estas competicións “gañan espectacularidade e emoción grazas aos casters (a persoa que retransmite e comenta as partidas de videoxogos en liña) capaces de converter un xogo nunha experiencia inesquecible”. Este ano nas finais ourensás ICC eSports teremos a José Luis Montiel casteando #SCE e a Mario Arroyo en #SF1.

Toda a información e inscripcións na páxina web do evento.

10/03/202007:35
Cartel da iniciativa.
As Pontes

Amigus celebra nas Pontes o Arduino Day cun novo obradoiro para a rapazada

Este mes de marzo temos novamente unha cita cos novos xeitos (participativos, argalleiros, abertos, divulgativos, enriquecedores) de facer tecnoloxía. Dende As Pontes, a Asociación Amigus infórmanos de que o vindeiro 21 de marzo, ao abeiro dos seus obradoiros de Amigus Labs e da conmemoración do Día Mundial de Arduino (Arduino Day), celebrarase unha nova cita de divulgación tecnolóxica práctica, desta volta orientada ás novas xeracións. No obradoiro iniciarase á rapazada participante no uso da placa libre Ardunio para dar forma a enxeños de robótica. Farase dun xeito “práctico e divertido” e porase o foco no amplo abano de posibilidades que ofrece o devandito hardware-software libre.

Durante 6 horas, as nenas e nenos participantes aprenderán a programar en Arduino e a desenvolver os seus primeiros programas e proxectos, entre eles fabricarán robots e elementos dunha Cidade Intelixente (unha Smart City).

O obradoiro será de 10:30 a 14:00 h e de 16:00 a 19:00. A idade para participar no taller é de 6 a 16 anos. A actividade é de balde para os fillos dos socios de Amigus Labs e de 10€ para non socios. Unha vez cuberto o formulario de inscrición, enviarase un correo electrónico confirmando a reserva da praza así como o número de conta onde formalizar a inscrición. Temos toda a información precisa sobre a nova cita da Asociación Amigus na súa web.

Arduino

Arduino é unha plataforma de hardware e software libre, baseada nunha placa cun microcontrolador e unha contorna de desenvolvemento (IDE), deseñada para facilitar o uso da electrónica en proxectos multidisciplinares. Ao ser open-hardware, tanto o seu deseño como a súa distribución é libre: pode empregarse libremente para o desenvolvemento de calquera tipo de proxecto sen adquirir ningunha licenza.

09/03/202016:15
Home sostendo un aeroplano de modelismo.
As Rozas (Lugo)

Os desenvolvedores de drons das Rozas mostran as oportunidades do sector ante 180 estudantes

Polo Aeroespacial de Galicia con centro de operacións nas Rozas (Lugo) celebrou hoxe unha xornada coa vista posta na xuventude. Estamos a falar do Open Day celebrado na dita sede lucense de actividade aeroespacial, unha xornada na que participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e máis 180 mozas e mozos procedentes de todos os recantos da nosa xeografía para ter datos directos sobre a industria dos drons, a súas posibilidades e as oportunidades que lles abren (en materia de contratación, proxectos e empregabilidade) as nosas puxantes e prometedoras empresas do sector.

No transcurso da xornada de portas abertas, Conde salientou a importancia de achegar o Polo Aeroespacial de Galicia aos mozos e mozas galegos para espertar neles futuras vocacións STEM: “Queremos estar máis preto do talento da xente nova para sumar vocacións e que as rapazas e rapaces sexan quen de identificarse coas oportunidades de futuro que para o seu desenvolvemento profesional ofrece este sector”, asegurou. A xornada, na que participaron un total de 180 alumnos de 3º e 4º da ESO e na que colaboraron a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e as empresas Inta, Boeing, Indra e Babcock, incluíu o programa educativo Science Truck, que busca entreter e espertar o interese dos máis novos pola ciencia, así como unha demostración de proxectos que se están levando a cabo nas instalacións de Rozas.

Este Open Day enmárcase no programa Voando altosumando vocacións, que se dirixe a 2.350 estudantes de todos os niveis educativos e público xeral e do que abrollarán en das vindeiras as actividades Enxeñando futuro en colaboración con Indra e Fly the future con Babcock. “O obxectivo final é estimular nos nosos rapaces e rapazas o talento innovador”, destacou Conde, engadindo que o sector dos UAV “está en crecemento e que está previsto que no 2035 haxa en Europa máis de 400.000 usuarios e que se xeren 90.000 postos de traballo”.

06/03/202015:00
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O Plan DigiTalent da Xunta trae ao Gaiás hoxe e mañá o IV Hackathon Big Data & Analytics, organizado por DXC Technology

  • O reto do encontro é crear ferramentas de apoio para que diferentes perfís de usuarios, profesionais do mar ou afeccionados á pesca e aos deportes acuáticos poidan levar a cabo as súas actividades ao aire libre nas condicións máis favorables
  • A iniciativa forma parte das actividades que o Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC Technology realiza en colaboración coa Amtega dentro do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia
  • Os participantes asistirán a unha comida networking con persoal do CEIN e recibirán un diploma acreditativo de participación emitido por DXC

 

O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC Technology (CEIN) en colaboración coa Amtega, Intecmar e Meteogalicia, convoca a cuarta edición do Hackathon Big Data & Analytics, que se celebra hoxe e mañá na sede das súas oficinas na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.

Este Hackathon continúa co compromiso do CEIN de potenciar e desenvolver o sector TIC galego e englóbase dentro das iniciativas do plan DigiTalent da Amtega para promover as vocacións tecnolóxicas, involucrando a un equipo de analistas, investigadores, universitarios, emprendedores e todo tipo de persoas con inquietudes tecnolóxicas en Analytics & Big Data. O obxectivo é competir durante dous días no desenvolvemento de ferramentas de apoio aos afeccionados e profesionais do mar e dos deportes acuáticos, tendo en conta as variacións esperadas, nos parámetros atmosféricos e marítimos, debidas ao cambio climático.

Os integrantes dos equipos inscritos no IV Hackathon Big Data & Analytics DXC participarán nunha comida networking con persoal do CEIN o sábado 6 na cantina da Cidade da Cultura e recibirán un diploma acreditativo de participación emitido por DXC.

Ao peche do evento, cada equipo presentará a súa solución e un xurado experto avaliará e seleccionará aos gañadores nas categorías de mellor solución global e mellor proposta de valor

Os gañadores elixiranse por un xurado multidisciplinar formado por colaboradores do CEIN e profesionais doutros sectores afíns á finalidade da convocatoria. A entrega de premios e diplomas acreditativos realizarase no MyCOAST 3rd Regional Workshop, que terá lugar en Santiago de Compostela o 26 de marzo. O horario do Hackathon será de 17:00 a 20:00 horas o primeiro día e de 9:00 a 20:00 horas o segundo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS