
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Galicia contará desde mañá cun laboratorio 5G aberto ao ecosistema dixital, un espazo de teste de tecnoloxías destas comunicacións avanzadas sen fíos e sensorización para realizar probas e simulación, tanto de posibles solucións, servizos ou equipamento baseado nesta tecnoloxía avanzada sen fíos. Ese é o obxectivo do convenio de colaboración asinado esta mañá en Vigo entre a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o director xerente de Retegal, Miguel Rodríguez.
O laboratorio 5G, situado nas dependencias na Escola de Enxeñaría Técnica de Telecomunicacións de Vigo, ofrece por unha banda equipamento específico para este tipo de probas así como o asesoramento de expertos nesta tecnoloxía da Universidade de Vigo.
Esta iniciativa enmárcase nas actuacións do Nodo 5G, impulsado pola Xunta a través do Plan Galicia 5G, e ao que se adheriu a Universidade de Vigo en 2019, e do que tamén forman parte os operadores Telefónica, Vodafone e R e co que tamén colabora o Observatorio Nacional do 5G.
Con este convenio a universidade olívica e a Xunta danlle continuidade á colaboración iniciada coa posta en marcha do Curso de Especialista Universitario en 5G que celebrou a súa primeira edición en 2019.
O Nodo de Cooperación 5G concibiuse un punto de encontro entre desenvolvedores e demandantes de solucións desta tecnoloxía para actuar como concentrador dos retos derivados das demandas do mercado e as capacidades das empresas do ecosistema 5G de Galicia.
É unha das medidas do Plan5G Galicia para situar á Comunidade como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas en 5G e facilitar que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesarios para desenvolver posibles casos de uso localícese na Comunidade.
Este posicionamento de Galicia no 5G contribuíu a que na Comunidade se estean a desenvolver 17 pilotos de 5G repartidos nas sete grandes cidades en ámbitos de especial interese para a Comunidade como a sanidade, a loita contra os incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo, a educación e o audiovisual.
O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu este 2 de marzo a presentación da guía Conducir desde a diversidade. Potenciando a autonomía na comunidade, en palabras do centro “a única guía que existe a nivel nacional sobre condución adaptada para persoas con doenzas neuromusculares”. O traballo foi elaborado baixo a dirección da investigadora do CITIC Thais Pousada, coa participación de investigadoras da área de investigación de Intelixencia Artificial do CITIC xunto con alumnas do Grao de Terapia Ocupacional da UDC, e editada pola Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM).
O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, amosou a disposición do centro de acadar un convenio de colaboración con esta entidade para poder desenvolver outros proxectos semellantes no futuro e seguir traballando neste eido.
O reitor da UDC, Julio Abalde, presidiu a mesa de apertura do acto, e destacou que as “novas tecnoloxías deben ter alma”, e que se debe “transmitir o coñecemento a sectores que non teñen tanta facilidade para o seu acceso”. Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, María Jesús Movilla, quixo salientar que o equipo de traballo estivo formado por investigadoras, poñendo en valor a presencia de mulleres neste eido de acción, e que a Universidade debe “traballar de maneira conxunta para xerar recursos que podamos poñer á disposición da sociedade”.
A investigadora do CITIC Thais Pousada realizou a presentación da guía, cuxo obxectivo é mellorar as necesidades informativas das persoas con diversidade funcional, promover accións para mellorar a súa calidade de vida e fomentar a súa participación social. Segundo explicou, a guía responde a preguntas comúns respecto á obtención do permiso de conducir para persoas con enfermidades neuromusculares e ofrece información detallada sobre as posibilidades de adaptación do coche. Para finalizar, fíxose unha demostración de dous vehículos adaptados por parte de persoas usuarias de ASEM, amosando as adaptacións levadas a cabo para o acceso e condución dos mesmos.
Con motivo da celebración do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller Traballadora, o Colexio Profesional de Enxeñaría de Informática de Galicia (CPEIG) vai dar un novo e importante paso na súa continua reivindicación das contribucións femininas ao desenvolvemento das novas tecnoloxías tal e como as coñecementos hoxe en día. Estamos a falar do recoñecemento do colexio á inventora da Enciclopedia Mecánica e precursora do libro electrónico, Ángela Ruiz Robles, que se celebra este martes 3 de febreiro no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) de Santiago.
Os actos comezarán sobre as 11.00 horas e contarán coa presenza de Fernando Suárez, presidente do CPEIG, Julia González directora da ETSE Universidade de Santiago (USC), David Losada, subdirector da ETSE, e María Luisa, María del Carmen e María Elvira Souto Grandal, netas da profesora, inventora e enxeñeira dona Angelita.
A homenaxeada
A profesora e inventora Ángela Ruiz foi a responsable directa do aparello tecnolóxico considerado como “o libro electrónico dos anos cincuenta”, un prototipo que puidemos ver in situ no Museo de Tecnoloxía e Ciencia da Coruña e que malia non ter sido finalmente comercializado no seu tempo (sobre todo por mor dos escasos apoios orzamentarios que acadou a desenvolvedora) mostrou un importante potencial para o ensino interactivo e para ceibar aos nenos de ter que carrexar ás escolas inxentes cantidades de libros (o seu libro electrónico permitía ler diferentes volumes inseridos en carretes).
O dispositivo foi orixinalmente amosado ao mundo en 1949. Ángela Ruiz naceu o 28 de marzo de hai 121 anos. Malia ter a súa orixe en León, pasou na nosa terra a maior parte da súa vida, máis polo miúdo en Ferrol. Naceu na localidade de Villamanín o 28 de marzo de 1895 e morreu o 27 de outubro de 1975 en Ferrol. Foi nesta cidade onde dona Angelita exerceu como mestra e tamén como desenvolvedora pioneira de material tecnolóxico ao servizo do coñecemento.
Este mes de marzo comezará a pilotarse “Asiste”, un novo servizo en mobilidade da Historia Social Única Electrónica (HSUE), que están a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Política Social.
A directora da Axencia, Mar Pereira, e o director xeral de Maiores, Ildefonso de la Campa, participaron onte na xornada “O impacto das tecnoloxías dixitais no ámbito da atención social”, organizado por Minsait, filial de Indra, na cal se realizou unha demostración da ferramenta e se lanzou a convocatoria “Ventures4 Silver”, en colaboración coa Xunta, para impulsar a creación de novos produtos e servizos orientados a mellorar a calidade de vida das persoas.
HSUE no móbil
“Asiste” configúrase como o asistente social no móbil, unha canle telemática de comunicación coa rede familiar de coidadores, que poderán monitorizar en tempo real dende o seu dispositivo os parámetros da actividade, biomedidas e xeolocalizacion da persoa e establecer recordatorios de medicacións, visitas médicas, etc.
A medida que se vaia evolucionando a aplicación permitirá tamén recibir as avisos e notificacións de procedementos ou recordatorios de citas dos servizos sociais. Para facilitar o uso da aplicación por parte de persoas maiores, “Asiste” contará cun asistente virtual, que a través de pictogramas e ferramentas de recoñecemento de voz permitirá unha comunicación intuitiva.
A Xunta facilitará este servizo de xeito gratuíto a calquera persoa residente en Galicia, de xeito que, no momento que comece a usar o servizo, se lle abrirá unha Historia Social Única Electrónica. Toda a información e datos xerados e contidos na Historia, serán custodiados pola Administración autonómica coas debidas garantías de seguridade e confidencialidade. Nun futuro a plataforma permitirá a integración dos dispositivos cos que o prestador de servizos de teleasistencia da Xunta dote aos cidadáns que teñan esa prestación.
Evolución da plataforma
Con esta aplicación a Xunta incorpora novas solucións innovadoras á Plataforma da Historia Social Única Electrónica, que se implantou en 2016 como eixo central da estratexia de dixitalización dos servizos sociais. Actualmente preto de 700 profesionais dos servizos sociais locais e da Administración autonómica empregan HSUE, que lles permite un acceso único aos expedientes dixitais de 670.000 galegos. A día de hoxe un total de 308 concellos están adheridos á plataforma, que integra nun único sistema os datos relativos a historia social do individuo e facilita a coordinación de todos os axentes implicados na prestación dos servizos sociais.
Convocatoria Ventures4Silver
Durante a xornada lanzouse a convocatoria “Ventures4Silver”, aberta a todo o ecosistema innovador galego e mesmo nacional, desde emprendedores ou estudantes ata universidades, spinoffs e centros tecnolóxicos, para impulsar a xeración de ideas de negocio que teñan como base a tecnoloxía para crear novos produtos ou servizos que aínda non existen no mercado.
As propostas deberán ter viabilidade para desenvolverse como un produto comerciable nun prazo de entre un e dous anos e enmarcaranse na temática de asistentes persoais virtuais, wearables e domótica no fogar, estimulación cognitiva, robótica empática, intelixencia artificial e aprendizaxe automática.
Aceleración tecnolóxica, financeira e industrial
Os interesados en participar en “Ventures4Silver” poden presentar as súas propostas ata o 3 de abril de 2020 na plataforma iParticipa, accesible a través das webs www.indraVentures4Silver.gal, www.indraVentures4Silver.es e www.indraVentures4Silver.com.
Seleccionaranse 10 ideas finalistas e un xurado de expertos, formado por membros de Minsait e a Xunta de Galicia, elixirá ás 3 ideas gañadoras, ás que se sumará unha cuarta, que será a que obteña maior número de “gústame” ou “ likes” da Comunidade (usuarios da plataforma iParticipa).
A proposta gañadora recibirá 10.000 euros e a segunda 5.000 euros, mentres que a idea que logre o terceiro posto e a proposta elixida pola Comunidade recibirán 3.000 euros e 2.000 euros, respectivamente.
Ademais, as tres ideas gañadoras seleccionadas polo xurado recibirán un período de aceleración tecnolóxica, financeira e empresarial dunha duración máxima de 6 meses, que comezará inmediatamente despois do acto de clausura con, polo menos, 2 semanas presenciais en Galicia na fase inicial.
A iniciativa será canalizada a través do Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras Socio-sanitarias (CETISS) da filial de Indra, inaugurado o pasado mes de xuño, no marco do Pacto Dixital de Galicia, para concentrar coñecemento e actividades de innovación tecnolóxica en ámbitos como o envellecemento activo, o empoderamento do paciente, Fogar Dixital ou a historia socio-sanitaria, entre outros.
A Universidade de Vigo está a dar pasos nas posibilidades da Realidade Virtual para mellorar a nosa calidade de vida dende múltiples vertentes. Neste punto traballa o grupo HealthyFit (Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte), que ten entre mans un proxecto para espremer as tecnoloxías inmersivas e deseñar e desenvolver programas terapéuticos de actividade física dirixidos a persoas maiores. Os seus achados, froito dunha proba piloto con doentes de párkinson, poderían ser aplicados noutros colectivos e noutras patoloxías. O éxito do seu labor baséase na boa acollida que teñen entre as persoas as metodoloxías baseadas en RV e gamificación.
Tralo desenvolvemento deste proxecto (unha tese de doutoramento en orixe) atópase o investigador Pablo Campo, que conta coa dirección de José María Cancela, e do profesor da Facultade de Fisioterapia Gustavo Rodríguez. O obxectivo, sinala Cancela, é aproveitar a “capacidade de adherencia” dos xogos para “traballar de forma inconsciente determinados parámetros que doutro xeito sería moito máis complicado”. Nas súa palabras, este tipo de plataformas permitirían levar a cabo nunha “contorna segura” actividades nas que as e os maiores teñan que “responder a unha serie de estímulos”, á vez que posibilitarían o deseño de terapias individualizadas, xa que o propio programa permitiría unha avaliación en tempo real dos parámetros que se pretende traballar.
“Realmente sería intervención e avaliación ao mesmo tempo, o que permite ir adaptando a terapia en función dos resultados acadados nas sesións anteriores”, sinala Cancela. Respecto das probas, están a ser moi positivas, segundo apunta Campo, explicando que traballou tamén na adaptación ao castelán dunha escala que permitise identificar “os principais síntomas asociados á inmersión” que supón un dispositivo no que o usuario pode verse no medio de múltiples escenarios virtuais. Tras esta primeira análise, o seu seguinte obxectivo é desenvolver con persoas maiores “un programa de exercicio terapéutico, que poidamos adaptar ás características das persoas, como idade, patoloxías, sintomatoloxías ou, por exemplo, á farmacoloxía que teñan asociada”, e co que poder traballar desde aspectos de mellora da coordinación, equilibrio, reflexos ou mobilidade articular a cuestións específicas vinculados a determinadas patoloxías, como poderían ser as alteracións da marcha nos pacientes de párkinson.
O estudo piloto con estes colectivos constitúe o punto de partida dunha liña de traballo a longo prazo para o grupo HealthyFit, que asinou recentemente convenios de colaboración con dúas empresas especializadas en Realidade Virtual e desenvolvemento de software.
A primeira proba, con pacientes de párkinson
Coa colaboración da Asociación de Párkinson de Vigo, nas últimas semanas Campo puido levar a cabo un estudo piloto con persoas afectadas por esta enfermidade. “Buscamos un perfil de xogo que fose sinxelo de interpretar, coa idea de estimulalos cun tipo de exercicio terapéutico que lles resultase atractivo e que lograse que os seus mecanismos de atención funcionasen”, sinala, engadindo que estas probas buscaban comprobar se a proposta era “atractiva, factible e segura”, tendo en conta ademais o potencial da Realidade Virtual no tratamento dunha patoloxía na que os programas de exercicio físico producen maiores efectos cando engaden “estratexias cognitivas como as de captación da atención, que implican a execución de tarefas coa atención focalizada para adecuar as respostas aos estímulos presentados”, como serían neste caso os propostos a través dunha contorna virtual.