main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

21/02/202009:17
Unha moza con discapacidade utiliza un computador portátil.
Santiago de Compostela

Bolsas para axudar a formar en tecnoloxía a persoas con discapacidade

A Fundación ONCE puxo en marcha o programa de bolsas "Por Talento Dixital", co que quere facilitar a formación en tecnoloxía de persoas con discapacidade para mellorar as súas posibilidades de acceso a empregos cualificados.

Con este programa, a fundación quere preparar ás persoas con discapacidade aos empregos do futuro, nun mercado laboral que se está transformando da man da nova tecnoloxía.

Así, a entidade sinala que a revolución tecnolóxica e dixital favorece en moitos casos a accesibilidade de persoas con discapacidade, pero para poder acceder aos novos empregos é necesario que adquiran competencias tecnolóxicas.

Por resta razón, a Fundación ONCE puxo en marcha este programa de bolsas para axudar a que as persoas con discapacidade poidan encaixar nos perfís profesionais con maior demanda no mercado que están ligados á tecnoloxía.

Poderán acceder a estas axudas os estudantes maiores de 16 anos cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, os pensionistas da Seguridade Social cunha pensión de incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, e os pensionistas de clases pasivas con pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente.

O programa financiará ata o 80% do prezo de cursos ou accións formativas en áreas como a enxeñería informática, electrónica ou de telecomunicacións, a industria 4.0 e Internet of Things, a ciberseguridade, o big data, ou o data science, entre outros.

Para presentar a súa solicitude, os interesados poden entrar na web que a fundación creou para este programa: portalentodigital.es

21/02/202007:51
Competición de Robots.
Vigo

A VI Competición de Robots da EEI cubriu as 156 prazas ofertadas na primeira semana

A Competición de Robots da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, que vai directa cara a súa sexta convocatoria, segue a acadar fitos de participación e repercusión, tal e como quedou de manifesto hoxe co balance de actividade publicado pola organización, no que se fai saber que logo de cinco anos de edicións, conseguiu cubrir na primeira semana do prazo de inscrición para participar na vindeira entrega, a sexta, as 156 prazas ofertadas.

Isto motivou que “ante a gran demanda rexistrada” a organización da proba decidise incluír os máis 20 equipos que quedaran en lista de agarda, co que a cifra total de equipos ascende a 190, o que se traduce en máis de 1.000 estudantes, dos que un 40% son rapazas, de centros de ESO, Bacharelato e universidade, de toda Galicia. A competición celebrarase o 24 de abril e na súa sexta edición estreará novas categorías: Be-Robot para alumnado de ESO e Bacharelato, en substitución de Wall-e, e DeMo-Robot, para alumnado de graos e FP, que toma a remuda á categoría R2D2.

Ademais, a competición, organizada pola EEI en colaboración coa Rama de Estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) e a Sección de Estudantes da International Society of Automation (ISA), contará con novas probas e novo kit, se ben, os participantes que o desexen poderán competir co de edicións anteriores.

18/02/202020:30
Mesa redonda de "Tecnoloxías que rachan coas fendas sociais".
Santiago de Compostela

A Xunta aposta por dar a coñecer ás xeracións máis novas o traballo das mulleres no ámbito das TIC

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na mesa redonda “Tecnoloxías que rachan coas fendas sociais” da actividade “Tempo da Psicoloxía”
  • López Abella sinalou o papel das novas tecnoloxías para tomar conciencia fronte a desigualdade entre mulleres e homes ou para contribuír ao apoderamento das mulleres

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe a necesidade de que as nenas e mozas teñan referentes femininos no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para coñecer o traballo das mulleres tecnólogas e pioneiras no eido da programación, así como as que tratan de visibilizar o uso das TIC ou que as empregan de forma habitual nas súas vidas.

Así o explicou na súa intervención na mesa redonda Tecnoloxías que rachan coas fendas sociais da actividade Tempo da psicoloxía, organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e pola facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na que incidiu en que a fenda dixital de xénero segue presente a pesar de que o acceso á tecnoloxía é cada vez máis doado.

López Abella tamén resaltou a importancia de que as novas xeracións teñan referentes na ciencia e na tecnoloxía. Así, a Unidade de Muller e Ciencia fomenta a presenza das mulleres e sitúa nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica e tecnolóxica. Entre outras iniciativas, recoñece desde 2007 ás mulleres destacadas nestes dous ámbitos en Galicia co Premio María Josefa Wonenburguer.

A este obxectivo tamén contribúe o proxecto Nin+Nin-, Iguais que, desde o ano pasado, favorece o encontro de mulleres senlleiras líderes na súa actividade profesional para pechar a fenda de xénero nestes estudos entre o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria.

A secretaria xeral da Igualdade aclarou ademais que os medios dixitais funcionan como ferramentas relevantes para tomar conciencia fronte ás desigualdade entre mulleres e homes pero advertiu de que o seu mal uso podería afondar na difusión de estereotipos discriminatorios e agravar condutas de control, illamento ou abuso. Co obxectivo de fomentar a igualdade e a prevención da violencia de xénero a Xunta conta con aplicacións móbiles como Escapp para as vítimas ou Agresión OFF contra as agresións sexuais.

Por outra parte, López Abella explicou que o manexo das novas tecnoloxías contribúe ao apoderamento das mulleres, sobre todo nas zonas do rural. En concreto, o seu uso no eido bancario centra a temática dos talleres para o apoderamento de mulleres do rural sobre comercio e banca electrónica que a Xunta leva a cabo en varios concellos galegos.

18/02/202014:43
Entrega de premios da fase local da II Olimpíada de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos.
A Coruña

Máis de 120 rapazas e rapaces participan na fase local da II Olimpíada de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos

  • Os gañadores representarán a Galicia na final nacional desta competición

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na entrega dos premios da fase local da II Olimpíada de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, na que tomaron parte máis de 120 rapazas e rapaces de 2º de ESO de centros educativos de toda Galicia e que se celebrou na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade de Santiago de Compostela. No primeiro e segundo posto quedaron equipos procedentes do Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús (Pontevedra), mentres que no terceiro posto quedou un equipo do IES Terra de Trasancos (Narón). Os primeiros clasificados representarán a Galicia na final nacional desta competición.

Durante a súa intervención a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia felicitou os participantes por tomar parte nesta competición, na que “acabades de probar a vosa mentalidade científica, ordenada e crítica, clave non só neste concurso, senón para desenvolvervos como cidadáns nunha sociedade máis xusta, participativa e libre”. “Por iso apoiamos desde a Consellería este tipo de certames, porque nos permiten descubrir vocacións científicas e, a medio prazo, potencialas para seguir medrando como sociedade do coñecemento.”

Carmen Pomar destacou diante do alumnado que “ter formado parte deste reto é xa un premio” e agradeceu tamén o apoio dos docentes, “que vos acompañan hoxe, e que vos veñen guiando durante todo o camiño. Grazas, docentes, porque vós sodes o piar do sistema educativo”.

Esta Olimpíada, organizada por escolas de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos de diferentes puntos de España, avalía a capacidade de resposta rápida e intuición estrutural de diferentes grupos de estudantes de secundaria traballando en equipo, a súa actitudes diante dos problemas ou a adaptación a medios e ferramentas de traballo limitados.

Tanto a fase nacional como as locais están compostas por probas arredor da enxeñería de construción, de estruturas, hidráulica, gráfica, do transporte de mercancías e a loxística eficiente e dos proxectos asistidos por ordenador. Valórase o seu desenvolvemento no menor tempo posible.

18/02/202014:10
Xuntanza de traballo coas empresas asinantes do Pacto Dixital de Galicia.
Santiago de Compostela

A Xunta e o sector tecnolóxico colaboran para captar talento dixital entre os galegos do exterior

  • En marzo abrirase a canle Retorna Dixital, dentro do portal Retorna, para facilitar o encontro entre perfís dixitais interesados en voltar a Galicia e empresas TIC
  • A directora da Amtega e o secretario xeral de Emigración mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo coas empresas asinantes do Pacto Dixital de Galicia
  • Son as primeiras en adherirse á iniciativa co compromiso de publicar as ofertas de emprego ás que poderán subscribirse as persoas interesadas
  • A Oficina Retorna encargarase da coordinación entre empresas e profesionais
  • Esta iniciativa enmárcase no Plan DigiTalent, que a vindeira semana abrirá a convocatoria de bolsas para incorporar perfís non dixitais ao sector TIC
  • Ademais, celebrará 70 charlas sobre tendencias dixitais en centros educativos e lanzará unha nova convocatoria de “Tecnólogo por un día”

O vindeiro mes de marzo activarase a canle Retorna Dixital, un espazo dentro do portal Retorna da Xunta, que busca captar talento entre os galegos do exterior para o sector tecnolóxico. Así o explicaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o secretario de Emigración, Antonio Rodríguez, durante a xuntanza de traballo que mantiveron coas empresas asinantes do Pacto Dixital e o Clúster TIC galego para explicarlles os detalles da iniciativa.

A canle Retorna Dixital, que se xestionará dende a Oficina Retorna, permitirá que as empresas adheridas publiquen as súas ofertas de emprego tecnolóxico, ás que calquera galego ou galega do exterior poderán remitir a súa solicitude. A Oficina Retorna coordinará esta canle de contacto directo entre o sector dixital e os interesados en retornar a Galicia, e que complementará cos seus servizos de acompañamento ao retornado.

Ademais das empresas adheridas, que asumen o compromiso de publicar as súas ofertas laborais, o portal disporá dun directorio de empresas tecnolóxicas que os profesionais interesados en retornar a Galicia poderán consultar e contactar directamente. 

As empresas asinantes do Pacto Dixital Indra, Everis, Iecisa, Televés, R, Altia, Coremain, Telefónica, Vodafone, DXC e o Clúster TIC Galicia xa figuran como empresas adheridas e a iniciativa Retorna Dixital está aberta á incorporación de calquera outra empresa tecnolóxica que así o solicite.

Máis de 3.400 empresas no Hipersector TIC galego

Retorna Dixital, enmárcase no Plan DigiTalent da Xunta que se está a desenvolver en colaboración co sector tecnolóxico para impulsar as vocacións tecnolóxicas, fomentar os novos perfís dixitais e reforzar as capacidades dos profesionais que teñen que liderar a transformación dixital. 

Cómpre lembrar a elevada demanda de profesionais especializados por parte do sector tecnolóxico e as dificultades que atopa para cubrila. O Clúster TIC apunta a unhas 1.000 vacantes actualmente en Galicia. O hipersector TIC galego emprega a máis de 23.300 profesionais, a cifra máis alta dos últimos cinco anos e concentra máis de 3.400 empresas. 

Actividades 2020 Plan DigiTalent

No encontro abordouse, tamén, o calendario de actividades do Plan DigiTalent para o presente ano. Entre os primeiros fitos do 2020, está a convocatoria das Bolsas DigiTalent, que se lanzará a vindeira semana, e que oferta 32 prazas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura para realizar prácticas formativas en 21 empresas do sector tecnolóxico. 

Ademais, co obxectivo de promover as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos, impartiranse a partir de marzo máis de 70 charlas en centros educativos de Galicia vinculadas a novas tendencias dixitais como a Intelixencia Artificial, Blockchain, Ciencia do dato ou a Ciberseguridade, entre outras. Os encargados de impartir os relatorios serán profesionais de Altia, DXC Technology, everis, Iecisa, Indra, Orange e Vodafone, e os centros tecnolóxicos Gradiant e CiTius. 

Antes do remate do curso, lanzarase a cuarta edición do programa “Tecnólogo por un día”, que ofrece a máis de 50 estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar en primeira persoa como é un día de traballo no marco das profesións dixitais da man de Altia, Coremain, everis, Optare Solutions, Sixtema e Tecalis. 

A estas actividades súmanse as 21 iniciativas propias das empresas que colaboran no Plan. Toda a actualidade sobre as iniciativas incluídas no catálogo DigiTalent, está dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recollen as datas, localizacións e instrucións para a participación en cada unha delas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS