
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Finalmente a sexta edición da First Lego League Galicia foi un éxito de participación, repercusión e talento. E tamén de participación feminina. Así o fai saber a Universidade da Coruña no seu balance de fitos acadados no evento celebrado este sábado no Auditorio do Ferrol, onde competían 49 equipos (29 na categoría FLL, 14 na FLL Junior e 6 na FLL Junior Discovery) e preto de 370 mozos e mozas de Galicia e Asturias e onde se impuxo finalmente o equipo Las Acacias Bot (Vigo), que, como lembraremos, xa foi o gañador absoluto da anterior convocatoria, o que lle valeu pase para representar a Galicia na final estatal (onte acadou o Primeiro Premio GMV á Estratexia e Innovación).
Por certo que as integrantes de Las Acacias Bot tamén lograron, grazas aos seus éxitos galegos e estatais, a clasificación para a final mundial celebrada en Montevideo (Uruguai), onde acadaron o Terceiro Premio ao Deseño do Robot. Respecto do seu novo éxito, este que veñen de lograr, implica tamén a clasificación para o remate da competición estatal en Tenerife os días 28 e 29 de marzo deste mesmo ano, onde estarán acompañados do equipo Robotrafics, de Captioma Galicia, en Ourense, ao gañar o Segundo Premio Universidade da Coruña.
Volvendo ao evento deste sábado, sinalar que foi organizado pola Universidade da Coruña baixo a coordinación do profesor José Antonio Becerra Permuy, e que, ademais dos case medio cento de equipos participantes, contou coa asistencia de máis dun centenar de voluntarios (profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos do Campus de Ferrol.
O resto dos premios quedaron así:
Entidades participantes
Como cada ano, colaboran nesta iniciativa Santander Universidades, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Ademais, patrocinan a First Lego League Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Dragados, Gabadi, Naturgy, GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, apostou hoxe por fomentar o bo uso das novas tecnoloxías e das redes sociais para evitar discriminacións de xénero e para previr condutas de violencia contra a muller.
Así o destacou hoxe durante a súa participación na inauguración da segunda edición de "Tempo da Psicoloxía: unha ollada sobre a sociedade dixital", organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e pola facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
López Abella recordou que Internet, as redes sociais e os medios dixitais proporcionan ferramentas moi relevantes para o contacto humano pero que, ao mesmo tempo, supoñen riscos que antes non existían. De feito, o seu mal uso pode agravar situacións de violencia de xénero, como o control abusivo ou a difusión de estereotipos discriminatorios. A Xunta ten en marcha campañas neste sentido, como Pantallas Amigas, que alerta do risco do sexting.
Ademais, a secretaria xeral da Igualdade tamén fixo fincapé en que é necesario que as mulleres sexan parte activa na creación das tecnoloxías, e non só no seu consumo. Por iso, apostou por que as nenas teñan referentes femininos no ámbito das TIC. Neste ámbito, destacou iniciativas apoiadas polo Goberno galego como o programa Rapazas nas TIC, ou todas as iniciativas relacionadas coa visibilización das mulleres na ciencia.
Hoxe dá comezo a segunda edición de Tempo da Psicoloxía, un proxecto organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago e que levarase a cabo en Compostela ata o xoves 20. Nesta primeira xornada, as condutas aditivas a través da Rede, a prevención e o seu tratamento serán as temáticas protagonistas nunha mesa de acceso libre e de balde que comezará ás 19 horas no Teatro Principal.
A mesa de hoxe, que marcará a apertura das xornadas, contará coa presenza previa de Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade; Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural de Santiago de Compostela; María Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e Lourdes Mirón Redondo, decana da Facultade de Psicoloxía da USC. O primeiro dos coloquios leva por título Do smartphone ao Fortnite: adiccións e tecnoloxías, onde intervirán Antonio Rial Boubeta, profesor da Facultade de Psicoloxía da USC e investigador no eido das adiccións; José Manuel Recouso Ramos, psicólogo clínico de AGALURE; Olegaria Mosqueda Bueno, orientadora do IES Santa Irene de Vigo; e Rosa Cerqueiro Landín, voceira do Movemento Galego de Saúde Mental. Esta mesa estará moderada pola xornalista Belén Regueira. O obxectivo desta sesión é avaliar as consecuencias dun hábito que se estende preocupantemente entre as novas xeracións, impulsado por empresas e entidades que fan lucro desta actividade e os medios que lles dan acubillo: o xogo online. Do mesmo xeito tocaranse cuestións relacionadas co devandito e cun mal uso das novas tecnoloxías, como a adicción aos videoxogos ou o emprego abusivo dos teléfonos móbiles, tanto entre a adolescencia como nas persoas adultas.
O proxecto
En palabras das entidades organizadoras, Tempo da Psicoloxía é “unha actividade divulgativa deste ámbito científico e profesional na sociedade, que aborda unha temática concreta en cada edición desde o prisma da psicoloxía, pero en interacción con outros axentes sociais”. As actividades dos tres primeiros días serán de acceso libre e de balde ata completar o aforo, mentres que a xornada do xoves estará reservada para a comunidade académica, coincidindo coa celebración dos actos do Día da Psicoloxía Académica.
A actividade do martes
O martes 18 de febreiro ás 19:30h na sede Afundación (rúa do Vilar, 19), ofrecerase unha palestra na que se abordarán xeitos de reducir o impacto da exclusión (de xénero, rural ou de idade) a través das ferramentas dixitais, baixo o título Tecnoloxías que rachan coas fendas sociais. Participará Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia; Rosa Arcos Caamaño, presidenta de FADEMUR Galicia; María José Fares Varela, psicóloga experta en envellecemento e docente das Aulas Senior ATEGAL; así como Patricia Gómez Salgado, psicóloga de FEAFES Ourense. Esta conversa estará moderada pola xornalista Tamara Montero.
O mércores
A última das actividades de acceso libre será o mércores 19, tamén na sede Afundación e ás 19:30h, para abordar “como mudaron as nosas formas de relacionarnos, tanto de xeito interpersoal como coa propia administración ou a través da nosa identidade dixital”. A xornalista Alba Mancebo ocuparase de dirixir esta conversa, na que participará Marcus Fernández, webmaster de Código Cero; Julio González Morandeira, psicólogo e responsable de innovación do Concello de Lugo; Noa Díaz Varela, concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago; así como unha alumna do Grao de Psicoloxía, Lara Deza.
O peche desta edición de Tempo da Psicoloxía será na Facultade de Psicoloxía, con motivo dos actos de celebración do Día da Psicoloxía Académica, no que Cristina Botella, catedrática de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos da Universitat Jaume I, impartirá unha conferencia co título O uso das TIC na intervención psicolóxica.
#TempoDesconexión
Co gallo da temática escollida para esta edición, un grupo de alumnas e alumnos do Grao de Psicoloxía da USC participa nun reto para comprobar a incidencia desta sociedade dixital nas súas vidas, a través do reto de desconectarse das redes sociais e da mensaxería instantánea (WhatsApp e semellantes) ao longo dunha semana. Co cancelo #TempoDesconexión no Instagram do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia relatan a súa experiencia día a día a través de vídeos, as dificultades para cumprilo, sensacións e cambios nas súas vidas.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar no seu Facebook as obras seleccionadas como finalistas dos concursos de debuxo “Captura a sociedade dixital!” (https://bit.ly/EDG2030debuxos) e microrrelatos “Viaxe ao 2030” (http://bit.ly/EDG2030microrrelatos).
Estes certames, que teñen como obxectivo coñecer cal é a visión dos máis novos sobre o impacto da dixitalización na sociedade galega no 2030, están dirixidos a estudantes de Primaria e ESO ou Bacharelato respectivamente e enmárcanse no proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 (EDG2030).
Máis de 300 estudantes de toda Galicia
Un total de 213 alumnos e alumnas de Educación Primaria participaron no Concurso de debuxo “Captura a sociedade dixital!” combinando o seu talento creativo para o debuxo coa súa visión do futuro para plasmar nun debuxo distintas facetas do uso das TIC, novos hábitos e necesidades que xorden pola transformación dixital, as oportunidades derivadas da aplicación das novas tendencias dixitais, etc.
E, pola súa banda 120 alumnos e alumnas de ESO ou Bacharelato puxeron a proba o seu enxeño e capacidade imaxinativa para describir como imaxinan que a transformación dixital afectará a nosa Comunidade nos próximos 10 anos.
Os participantes proceden de 42 centros educativos das catro provincias galegas e contouse coa implicación de máis de 50 docentes que desenvolveron un papel fundamental para a participación do seu alumnado, entregando 333 traballos (213 debuxos e 120 microrrelatos).
As obras recibidas foron valorados por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Tecnoloxías Dixitais, formado por 2 representantes da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), 1 representante de la Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e 1 profesor de Secundaria e 1 profesor de Primaria, que preseleccionaron os cinco debuxos e os cinco microrrelatos finalistas.
Selección dos gañadores
As cinco obras finalistas de cada certame están xa dispoñibles no Facebook da Amtega para que calquera internauta que o desexe poida votar ata o vindeiro 21 de febreiro aqueles debuxos e microrrelatos que consideren que mellor representan a Galicia do 2030 a través das tecnoloxías dixitais.
Premiarase cunha tablet a cada un dos/as alumnos/as responsables dos 3 mellores debuxos (1º, 2º e 3º premio) e os 3 mellores microrrelatos (1º, 2º e 3º premio), que se corresponderán coas obras máis votadas mediante o sistema ‘gústame’ do Facebook da Amtega de entre os finalistas seleccionados.
Participación na elaboración da EDG2030
Ámbolos concursos forman parte do proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 que arrincou no mes de xullo coa celebración do I Foro de debate profesional, no que participaron arredor de 200 axentes sociais e económicos da Comunidade, implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación.
Ademais, nos últimos meses implicouse tamén a través de distintas actividades a representantes das EELL, do sector TIC de empresas tractoras ou o Comité de expertos académicos da EDG2030.
O Concello de Rianxo vén de abrir o prazo de inscrición para o segundo cuadrimestre do proxecto 2019-2020 da UNED Senior, que, novamente vén cunha serie de cursos de gran potencial para fomentar a autonomía, o coñecemento, os hábitos saudables e a calidade de vida das persoas maiores do concello. O prazo para formalizar as inscricións nestas actividades, que se desenvolven de marzo a xuño, remata o 26 de febreiro.
As materias a impartir, un total de cinco cursos, serán Canto tradicional e canto coral (venres ás 10.00 e 12.00 horas), módulo II de Iniciación aos teléfonos intelixentes e tabletas (os mércores de 18.30 a 20.30 horas), módulo II de Iniciación á informática e a Internet (mércores de 16.00 a 18.00 horas), módulo II de Cociñando para alimentarse ben (os martes de 18.00 a 20.00) e Práctica instrumental (os sábados de 11.00 a 13.00 horas).
Esta formación contará con dúas horas semanais e un prezo establecido en 50 euros. Ademais, as persoas maiores de 50 anos e o alumnado de nova incorporación teñen preferencia na realización destas actividades. As persoas interesadas poden solicitar máis información e formalizar a súa matrícula no Auditorio municipal, no teléfono 981 100 688 ou no enderezo electrónico unedsenior@concelloderianxo.gal. Trátase dun programa formativo impulsado pola Concellería de Educación e Normalización.