
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o labor de institucións como Cruz Vermella e a súa disposición a colaborar sempre coas administracións públicas para garantir, por exemplo, que as persoas de máis idade gocen da máxima autonomía, con servizos como a Teleasistencia avanzada.
Durante un encontro con persoas usuarias deste programa, na sede da Cruz Vermella en Santiago, Feijóo coñeceu as vantaxes deste dispositivo móbil en formato pulseira ou teléfono para que calquera usuario –sexa maior ou non- poida levalo sempre consigo. Un dispositivo que, na súa modalidade avanzada, conta cun servizo de axendas de saúde, para xestión de citas médicas, recordatorios de campañas de vacinación ou consellos para vagas de frío ou de calor; e cun servizo de apoio a coidadores e de atención persoal de consultas para os familiares, a través dunha liña telefónica gratuíta e un correo exclusivo.
Así mesmo, e para aquelas persoas cunha situación de potencial vulnerabilidade por vivir sós e carecer dun contorno de apoio, conta cun servizo de prevención da soidade, que inclúe chamadas de acompañamento e un seguimento específico.
Ao longo da visita, o titular da Xunta valorou a desenvolvemento desta nova realidade que pon a última tecnoloxía ao servizo do envellecemento activo. E resaltou que con capacidade para que cada ano se incorporen ao sistema unhas 3000 persoas usuarias, ofrece as máximas facilidades para que os maiores poidan participar na sociedade en pé de igualdade e con todo o apoio no seu lugar de sempre.
“Estamos a falar dunha gran oportunidade para que os nosos maiores sexan cada vez máis libres e poidan levar unha vida chea de independencia e seguridade”, dixo, incidindo na utilidade da Teleasistencia avanzada para que os usuarios poidan desenvolver unha vida autónoma, na súa casa e no súa contorna. Non en van, o botón de teleasistencia, na súa modalidade básica, xa permite que en caso de emerxencia as persoas maiores poidan ser atendidas con axilidade, as 24 horas do día e os 365 días do ano, vivan onde vivan.
Feijóo concluíu facendo fincapé na importancia do traballo conxunto entre as entidades sociais e as administracións para desenvolver as políticas de envellecemento activo que garantan a autonomía.
As nosas universidades celebraron este 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e fixérono cun máis que completo programa de actividades nunha manchea de facultades e centros de investigación. No caso da Universidade de Vigo, festexouno con obradoiros de robótica, de programación, de videoxogos e experimentos variados no Centro de Investigación Biomédica, na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla e nas escolas de Telecomunicación e Minas. Todo compartiu o mesmo nexo común: fai falta botar abaixo os atrancos, sexan os que sexan, que impiden ás mozas ter máis presenza nas carreiras STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñaría e Matemáticas).
A Universidade de Vigo abriu este martes 11 de febreiro as portas dos seus laboratorios a máis de 250 alumnas de ensino secundario e bacharelato e celebrou con elas o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Baixo o título xenérico Elas fan CienTec 2020, xuntáronse coas científicas e coas enxeñeiras dos campus vigueses (Vigo, Pontevedra, Ourense) para compartir experiencias e coñecemento. E, tamén, para pór de manifesto o importante que é deixarse levar pola paixón pola investigación.
Houbo actividades nas tres escolas de enxeñaría do campus, no CINBIO e tamén na ECIMAT e, en cada un destes lugares, organizáronse para as mozas diferentes actos de benvida, nos que participaron as coordinadoras dos obradoiros e diferentes responsables universitarias como a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez; a directora da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, Elena Alonso, ou a responsable da Área de Investigación, Ana Bernabeu. Na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación recibiunas a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, e a profesora Soledad Torres, coordinadora dos obradoiros neste centro. “Trátase de que vexan como se traballa nos nosos laboratorios, tanto nos científicos como nos tecnolóxicos, para animalas a que opten por orientar a súa formación a todo o ámbito das STEM, xa que no futuro caso o 90% dos traballos van a pertencer a estes ámbitos e, se as mulleres non estamos, a fenda económica e salarial vaise seguir incrementando cada vez máis”, explicou Gómez, poñendo o foco na necesidade de botar abaixo os estereotipos de xénero, “moi presentes tanto nos medios de comunicación como nas redes”.
Na cita na Escola tamén interveu Soledad Torres, enxeñeira de Telecomunicación, quen dixo que “o problema que temos agora mesmo é que as rapazas non lle gustan estas carreiras, non lles apetece involucrarse en profesións que teñen que ver con ciencia e tecnoloxía”. Na súa presentación ante un grupo de 35 alumnas do IES Castelao de Vigo, Torres subliñou a relevancia dunha situación que, de non solucionarse, seguirá a provocar que vivamos nunha sociedade cada vez menos igualitaria. Como dixemos ao comezo, o encontro celebrado na EE de Telecomunicación complementouse cun obradoiro de robótica con enxeños Lego. Esta actividade enriqueceuse cos obradoiros celebrados na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, nos que participaron 52 alumnas do IES Alexandre Bóveda de Vigo e na Escola de Enxeñería Industrial 48 do IES Pedro Floriani de Redondela. Entre os dous centros organizaron outros seis obradoiros cos que as alumnas tiveron a oportunidade de facerse unha idea do tipo de traballos que se levan a cabo nestes centros e que inclúen dende identificación de minerais e materiais, ata cuestións relacionadas con termografía infravermella, deseño e impresión 3D ou robótica colaborativa.
As actividades do ámbito científico concentráronse no Centro de Investigacións Biomédicas, CINBIO, e na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, pertencente ao Centro de Investigación Mariña (CIM). No primeiro celebráronse seis obradoiros nos que se abordaron cuestións como a preparación de nanopartículas de ouro, a comprobacións das propiedades ópticas, os cromosomas sexuais e a herdanza ligada ao sexo... Participaron medio cento de alumnas do IES Val do Tea de Ponteareas e, antes de arrancar cos obradoiros, asistiron a unha pequena charla inaugural a cargo da profesora Amelia Verdejo. No caso da ECIMAT, organizouse unha pequena conferencia de Alba Sousa, psicóloga especializada en sensibilización e formación en igualdade e violencia de xénero, e unha visita guiada á que asistiron 40 alumnos e alumnas de 1º de bacharelato de Bioloxía e Cultura Científica do IES Vilalonga.
O Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia desenvolveuse na Universidade de Santiago a través de distintas mesas redondas nas que se abordaron as diferentes pero complementarias maneiras de visualizar o importante labor das mulleres nos ámbitos STEM. O punto de partida das celebracións deste 11 de febreiro na USC foi unha clase maxistral sobre física de partículas, organizada polo Instituto de Física de Altas Enerxías (IGFAE) co obxectivo de achegar ás alumnas de bacharelato o traballo das investigadoras do instituto.
O Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) acolleu, pola súa banda, a mesa redonda Muller de ciencia, na que as investigadoras e profesoras da USC Mabel Loza e María José Alonso; a xestora do Centro, Ruth González; a presidenta da Agrupación industrial de Saúde de Galicia, Rocío Mosquera; a representante de Executivas de Galicia, Sara Campos; e o catedrático da USC, Anxo Carracedo, falaron do desenvolvemento das carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) con perspectiva de xénero. Ao acto tamén quixeron sumarse a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey. Experiencias persoais no desenvolvemento profesional, anécdotas e pluralidade foron os eixos que centraron as exposicións das investigadoras e tecnólogas.
Campus de Lugo
A Facultade de Ciencias do campus de Lugo foi sede da II Xornada Mulleres Ciencia e Tecnoloxía na que se desenvolveu unha mesa redonda sobre emprendemento feminino con base científico-tecnolóxica. Maruxa García Quiroga de TasteLab, empresa de tecnoloxía en análise sensorial; Carme Cillero Castro de 3Edata, empresa de enxeñaría ambiental; Tamara Arango López de BeWell, empresa de certificación de benestar animal; e Mª Ángeles Novo Martínez de Ángeles Novo Nutrición, tomaron parte nesta iniciativa que contou coa moderación de Carla Reyes Uschinsky, periodista e presidenta de Executivas de Galicia.
Campus de Santiago
A V Xornada Mulleres na Ciencia desenvolveuse esta tarde na Facultade de Ciencias da Comunicación. Contou coa presenza da xornalista Iolanda Casal, quen moderou unha mesa redonda integrada por Pablo Francescutti da Universidade Rey Juan Carlos, Leonor Parcero de DivulgAcción, e Tamara Montero da asociación Xornalistas Galegas. O foro serviu para debater sobre a visibilidade das mulleres científicas e no marco do mesmo, celebrouse a asemblea xeral ordinaria de Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-Gal).
A Vicepresidenta Terceira do Goberno e Ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, presentou esta mañá o 017, un novo número curto de teléfono de axuda en ciberseguridade que o Goberno pon en marcha a través do Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE). "Hoxe damos un paso máis coa posta en marcha do 017. Trátase dun número gratuíto e confidencial no que os cidadáns poderán facer todas as súas consultas no ámbito da ciberseguridade" sinalou a vicepresidenta. Así mesmo, destacou "a importancia do desenvolvemento de competencias en ciberseguridade, non só desde a perspectiva diaria senón de cara ao futuro polo desenvolvemento de oportunidades profesionais".
O 017 centraliza os servizos de atención telefónica que ofrece INCIBE relativos a dúbidas ou consultas sobre ciberseguridade, privacidade, confianza dixital, uso seguro e responsable da internet e da tecnoloxía.
O servizo está dispoñible todos os días do ano, en horario de 9 a 21 horas, ten alcance nacional e está dirixido aos menores e a súa contorna (pais, educadores e profesionais que traballen no ámbito do menor ou a protección online ligada a este público), aos cidadáns usuarios da internet en xeral e ao colectivo de empresas e aos profesionais que utilizan Internet e as tecnoloxías no desempeño da súa actividade e deben protexer os seus activos e o seu negocio.
A presentación contou ademais coa intervención da secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, Carme Artigas, quen destacou que "a través do 017 calquera persoa que teña dúbidas respecto ao uso da internet e as novas tecnoloxías poderá resolvelas grazas a un equipo de profesionais que atenderán a súa chamada. Queremos que este número se converta en referencia para todos os usuarios e que a ciberseguridade forme parte das súas vidas como algo cotián".
Os usuarios do 017 recibirán atención e orientación en temáticas relativas a:
Día da internet Segura 2020
A presentación do 017 tivo lugar durante a celebración do Día da internet Segura (SID 2020), organizado en España polo INCIBE, no Museo Reina Sofía de Madrid, coa presenza da súa Maxestade a Raíña dona Letizia.
Pola súa banda, Rosa Díaz, directora xeral do INCIBE, lembrou o papel que xoga o organismo en materia de concienciación en ciberseguridade: "todos utilizamos Internet na nosa vida cotiá, pero o reto principal é facelo de forma responsable, segura e con respecto cara aos demais para que Internet sexa cada vez unha ferramenta mellor e máis útil para todos. Un dos alicerces de INCIBE consiste na prestación de servizos de ciberseguridade orientados a cidadáns, empresas e a contorna do menor, que inclúe a pais e educadores".
"Unha Internet mellor comeza contigo: xuntos aprendemos ciberseguridade" é o lema deste ano no Día da internet Segura 2020 (SID) que, promovido pola Comisión Europea a través da Rede INSAFE, conmemórase hoxe en máis de 100 países do mundo. Máis de 200 escolares, xunto aos seus pais e educadores, participan durante toda a xornada nun completo programa de conferencias e actividades lúdicas co obxectivo de promover o uso seguro e positivo da tecnoloxía e Internet.
Toda a información do programa está dispoñible en https://www.incibe.es/sid.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Rede CeMIT súmanse un ano máis á celebración do o Día de Internet Segura, con preto dun centenar de actividades durante o mes de febreiro cunha duración de máis de 500 horas.
Este ano a data celébrase baixo o lema “Unha Internet mellor comeza contigo: xuntos aprenderemos ciberseguridade”. A conmemoración desta xornada, que conta co apoio da Comisión Europea, ten a súa orixe no ano 2004 e, desde ese momento, mobiliza a millóns de persoas en todo o mundo para promover e debater sobre o correcto uso de Internet.
Algunha das actividades ofertadas durante este mes de febreiro en colaboración cos aliados dixitais son as seguintes:
As persoas interesadas en asistir a algunha das formacións propostas poden consultar os cursos e actividades das aulas CeMIT na seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/buscador e poñerse en contacto coa aula que máis lle interese. Así mesmo, tamén pode contactar coa Oficina CeMIT enviado un correo a cemit@xunta.gal.
A Rede de aulas CeMIT leva traballando sobre o uso seguro de Internet desde a súa posta en marcha no ano 2011 e, concretamente, durante o ano pasado realizáronse máis de 500 actividades e máis de 6.000 horas de formación que trataron directamente a temática da seguridade e privacidade en Internet e outras nas que este aspecto é clave como coma as compras por Internet, uso de dispositivos móbiles, xestión de redes sociais, contratación de viaxes, trámites online e sinatura dixital, certificados dixitais, etc.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos. Está presente nas 53 comarcas e integrada por 98 aulas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital.
A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer á cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.