
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Os Campus de Santiago e Lugo conmemoran este 11 de febreiro o Día da Muller e da Nena na Ciencia. O obxectivo das actividades é impulsar a visibilidade das científicas (V Xornada Mulleres na Ciencia, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela a partir das 16.00 horas), así como o empredemento feminino (a II Xornada Mulleres Ciencia e Tecnoloxía que se celebra a partir das 12.00 na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, cunha mesa redonda sobre as importantes contribucións femininas ao mercado científico-tecnolóxico).
Amais, o CiTIUS acolleu hoxe unha xornada de Amelia Verdejo, moi concorrida, que xirou arredor das grandes tecnólogas da historia: a longa listaxe de mulleres que contribuíron a crear as novas ferramentas tal e como as coñecemos. A cita con Verdejo marcou o punto de partida as actividades conmemorativas das mozas e das mulleres tecnológas e científicas. Quen queira recuperala e vela, pode facelo a través de YouTube.
Outras actividades
Ao longo do mes
Cita con Amelia Verdejo
O relatorio Ada Lovelace e as pioneiras informáticas a cargo da profesora universitaria (USC e UVigo) Amelia Verdejo Rodríguez, conformou este luns 10 pola mañá, no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o punto de partida para este programa de actividades. O relatorio foi un percorrido polos inicios da informática, poñendo de manifesto as importantes achegas de Ada Lovelace e de figuras fundamentais como Joan Clarke, quen descifrou o código Enigma xunto a Alan Turing utilizando as primeiras versións de computadores como o Colossus británico, ou o ENIAC estadounidense, que eran manexados totalmente por mulleres.
A relatora tamén nos levou da man polos fitos históricos de Dorothy Vaughan ou Grace Hopper, que desenvolveron as primeiras linguaxes de programación como o FORTRAN ou o COBOL; ou aos traballos da científica e actriz Hedy Lamarr, cuxos sistemas usáronse para protexer as comunicacións cos mísiles durante a Segunda Guerra mundial, que son a base da actual Wi-Fi; ou ás achegas de Evelyn Berezin, quen creou en 1953 o que é considerado o primeiro ordenador de oficina. Sen todas estas tecnólogas, dixo a relatora, “moitos dos avances dos que hoxe desfrutamos quizais non se terían dado”.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convocan o IV Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos, dirixido a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnos e alumnos de 1º a 4º de ESO.
Ámbalas dúas institucións consideran de moita importancia que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade. Sinalan que actualmente cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.
Os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos deberán responder a preguntas como “Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día?, como podo protexer os meus datos?”. Os textos de referencia serán o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal/portal/Educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos (www.agpd.es).
Os traballos deberán presentarse en formato dixital en PDF, cunha extensión de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO, e de entre 800 e 1.000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe. O prazo para presentalos estará aberto ata as 15:00 horas do 28 de febreiro.
Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.
O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, daranse a coñecer no mes de marzo. Pódense consultar as bases da convocatoria nas páxinas web das institucións convocantes (http://www.cpeig.gal e http://www.edu.xunta.gal/portal/).
Na primeira edición os gañadores foron Eva Riveiro Formoso co traballo “oinc”, que cursaba naquel momento segundo da ESO no Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela, na categoría de 1º- 2º da ESO; e na categoría 3º- 4º ESO resultou premiado Gustavo López Leyenda co traballo “PISOTE”, cursando o pasado ano 4º da ESO no CPI de Cova Terreña de Baiona. Ademais, recibiu o recoñecemento especial o Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela. Na segunda edición, celebrada en 2018, recibiron os premios Paula Ledo de 6º de Primaria do CEIP Virxe da Pena da Sela de O Irixo (Ourense) co traballo “O perigo das redes sociais; na categoría do primeiro ciclo de Secundaria gañou o premio Sara Álvarez, alumna de 2º da ESO do IES O Couto de Ourense, co traballo “Peket”; e na categoría do segundo ciclo de Secundaria fíxose coa vitoria Carlos López, alumno de 4º da ESO do CPI de Cova Terreña en Baiona, co traballo “Xosé Manuel Agudo”. E na terceira edición, resultaron gañadores unha alumna do colexio Virxe da Pena da Sela en O Irixo, Elia Casares Nogueira, na categoría de Primaria, co traballo “Malas experiencias”; e na modalidade de Secundaria, con “O mellor trobador do mundo”.
A Universidade da Coruña organiza por sexto ano consecutivo a competición de robótica creativa First Lego League Galicia, coordinada polo profesor José Antonio Becerra Permuy. A cita será o vindeiro sábado 15 de febreiro, no Auditorio Municipal de Ferrol, entre as 08:30 e as 15:00 horas. Nesta edición participan un total de 49 equipos (29 na categoría FLL, 14 na FLL Junior e 6 na FLL Junior Discovery) e preto de 370 mozos e mozas de Galicia e Asturias. A gran novidade é a inclusión dunha nova modalidade: a FLL Junior Discovery dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 6 anos.
Como cada ano, colaboran nesta iniciativa Santander Universidades, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Ademais, patrocinan a First Lego League Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.
A liga, informa a UDC, é “un programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables”. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía ao mesmo tempo que aprenden habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación. Este reto está conformado por tres ámbitos de traballo:
Os equipos teñen que resolver o desafío en tres áreas de traballo: un proxecto científico (que explique e detalle a súa solución innovadora como opción de mellora ao problema proposto), un xogo de robot (deseño, construción e programación dun enxeño Lego MindStorms Education que terá que superar divertidas misións nun taboleiro de xogo relacionado co desafío) e unha integración dos valores First Lego League (descubrimento, innovación, impacto, inclusión, colaboración e diversión).
Fitos da nosa terra
Na última edición da liga galega o equipo Las Acacias BOT do Colexio Fomento Las Acacias de Vigo gañou o campionato e viaxou até Tenerife para disputar a final nacional. Fíxoo acompañado do equipo Emotional Tricks do CPI A Xunqueira de Fene como segundo clasificado. Na Gran Final First Lego League España, Las Acacias BOT conseguiu o Primeiro Premio GMV á Estratexia e Innovación, feito que clasificou o equipo galego para participar nunha das finais internacionais que organizan en distintas partes do mundo. Pola súa banda, o grupo Emotional Tricks acadou o segundo premio á inspiración neste certame. Na final internacional de Montevideo (Uruguai), o equipo do Colexio Fomento Las Acacias de Vigo acadou o terceiro premio ao deseño de robot.
Na edición 2018/19, o equipo Waterbot do IES de Fene (A Coruña) conseguiu o Premio Fundación Scientia ao gañador e clasificouse para a gran final First Lego League España que tivo lugar en Logroño en marzo de 2018. O equipo dos Fire Detectors do CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña) resultou gañador do Desafío Animal Allies na edición 2016/17. Os Tecnorois do CPI Dos Dices (Rois, A Coruña) acadaron este mesmo galardón no Desafío Trash Trek en 2015/16. Por último, os gañadores da primeira edición foron os Xunqueirobot do CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña) co Desafío World Class. Para máis información podemos consultar o Facebook da liga galega.
Este martes 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, unha celebración para visualizar e reivindicar as contribucións femininas na investigación e na tecnoloxía e, tamén, para tirar abaixo os muros que lles impiden ás mozas acceder ás carreiras STEM. Segundo informa a Universidade de Vigo, a xornada vivirase dun “xeito moi especial nos laboratorios das tres escolas de enxeñaría do Campus de Vigo, do CINBIO e máis da ECIMAT”. Nestes espazos, as investigadoras que alí traballan compartirán con máis de 250 alumnas de ESO de diferentes centros da provincia de Pontevedra os moitos motivos para elixiren estudos científicos e tecnolóxicos.
Todas as actividades (obradoiros, conferencias, charlas...) agrúpanse nunhas xornadas bautizadas como Elas fan CienTec 2020 e todas teñen como obxectivo mostrar o traballo das mulleres nestes eidos, crear roles femininos no eido da ciencia e da enxeñaría e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero.
Amais, as celebracións continuarán o día 12 no Campus de Ourense coa III Xornada Exxperimenta en Feminino, que vén con 14 obradoiros prácticos nos que participarán 300 escolares. A maiores de todas estas actividades nos Campus de Vigo e Ourense, ao longo de todo o mes, 26 investigadoras e un investigador da UVigo acudirán a 29 centros educativos de toda Galicia para ofrecer 41 charlas sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. As actividades do ámbito científico vanse concentrar no Centro de Investigacións Biomédicas, CINBIO, e na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, pertencente ao Centro de Investigación Mariña (CIM). No primeiro celebraranse seis obradoiros nos que se abordarán cuestións como a preparación de nanopartículas de ouro, a comprobacións das propiedades ópticas, os cromosomas sexuais e a herdanza ligada ao sexo... Contarase coa presenza de Amelia Verdejo, profesora de Matemáticas na Universidade de Vigo.
No caso do CIM, celebrarase a devandita data cunha conferencia de Alba Sousa, psicóloga especializada en sensibilización e formación en igualdade e violencia de xénero, e cunha visita ás instalacións da ECIMAT guiada polas técnicas que traballan alí. No ámbito tecnolóxico cada unha das escolas de enxeñaría do campus organizou os seus propios obradoiros. Na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación ás actividades xirarán entorno aos videoxogos, o funcionamento de internet e os robots Lego Mindstorm. “Imos repetir os mesmos obradoiros que en edicións pasadas porque a valoración que recibimos dos institutos despois da xornada é moi positiva”, explica a profesora Soledad Torres, coordinadora das actividades neste centro, quen fai fincapé en que o principal é que as rapazas regresen á casa vendo a tecnoloxía “como algo útil para a sociedade, divertido e ao alcance das súas posibilidades”. Na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía os obradoiros vanse centrar na identificación dos minerais máis comúns; na presentación dos distintos materiais (cerámicos, metálicos, polímeros...) e nunha serie de experiencias prácticas sobre combustión. En Enxeñería Industrial celebraranse outros tres obradoiros: un sobre termografía infravermella; outro sobre deseño e prototipado e, un terceiro, sobre Open Lab, no que se mostrarán diferentes proxectos de aplicación desta tecnoloxía, entre eles, o monopraza deseñado por UVigoMotorsport.
A aula CeMIT de Ames vén de anunciar a programación de novos cursos para os meses de febreiro e marzo. A axenda formativa inclúe cursos para adultos e menores. En canto aos primeiros, a listaxe de actividades inclúe unha de mecanografía e outra de manexo de aplicacións para o móbil. En marzo, comezaran dous ciclos de introdución ao uso do ordenador: un de iniciación á informática, no que se aprenderá a usar o rato e teclado, o sistema operativo e a súa interface; e outro de iniciación á Internet, onde se mostrará como manexar Internet e os seus buscadores para acceder a toda clase de páxinas e servizos.
Ademais, en febreiro proseguirase cos cursos destinados a introducir á veciñanza na suite ofimática LibreOffice, con dúas actividades formativas sobre o procesador de textos LibreOffice Writer (un de iniciación e outro máis avanzado, para os cales só pode apuntarse en lista de agarda) e outros dous de follas de cálculo que xa se desenvolverán en marzo. En canto ás accións destinadas a menores, programouse un curso de informática para nenos/as de nivel básico, e dous de mecanografía, un para menores de 10 anos e outro para maiores desa idade (ambos coas prazas cubertas). Asemade, con motivo da celebración das festas de Entroido desenvolverase varios obradoiros lúdicos e educativos para que as nenas e nenos avancen na súa formación mentres se divirten e desenvolven actividades de carácter máis lúdico. Entre eles, un obradoiro sobre como dominar o rato no Paint, un de programación con Scratch e outro de fotomontaxes sinxelas.
Cursos de teleformación para a preparación exame CODIX
Dende o martes 4 de febreiro abrirase o prazo para o curso de teleformación para a preparación do exame CODIX. Este curso dunhas 200 horas será en modalidade online na plataforma EMA e só ten como requisito ser maior de 16 anos e estar rexistrado nunha aula CeMIT.
Charlas FEGAUS
As charlas FEGAUS (Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors), xirarán en marzo en torno ao tema do turismo e a tecnoloxía. As tres que están programadas son: O kit online de viaxe, Descobre a través a rede de actividades de lecer na túa cidade sen gastarse unha fortuna e Reserva as túas viaxes e actividades de ocio a través de Internet.
Exames EMA
A programación da aula CeMIT de Ames tamén inclúe a realización de dous exames EMA, que consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. Serán o venres, 14 de de febreiro, de 17:30 a 18:30 horas, e o venres, 13 de marzo, en horario de 12.00 a 13.00 horas.