
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O certificado de acreditación da lingua galega (CELGA) universalízase coa posta en marcha do nivel de aprendizaxe 2 (B1) na modalidade de teleformación, tal e como anunciou o Goberno galego hai un ano, cando avanzou que antes do remate da lexislatura estarían implementados e en funcionamento todos os cursos preparatorios das probas de acreditación dos catro primeiros niveis Celga (ao Celga 5 só se pode acceder mediante a validación de estudos universitarios de especialidade en galego). O vindeiro 16 de marzo arrancan os primeiros cursos en liña preparatorios das probas do Celga 2, que ofrecen un total de 150 prazas distribuídas en cinco aulas virtuais e que requiren matrícula previa gratuíta desde a Sede Electrónica da Administración autonómica ata o 19 de febreiro.
Así o deron a coñecer hoxe pola mañá en rolda de prensa os secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración, Valentín García, e Antonio Rodríguez Miranda, respectivamente, e mais a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, acompañados do responsable da empresa encargada de desenvolver este proxecto, imaxin l software, Diego Vázquez Rey, e da subdirectora xeral de Política Lingüística, Mª Lourdes Batán.
“Galicia, tanto a territorial como a da diáspora, estrea o curso Celga 2 en liña e dá un paso importante completando a oferta formativa en liña destinada ao Celga”, sinalou Valentín García durante a súa intervención. O secretario xeral avanzou tamén que os próximos traballos destinados á formación e aprendizaxe do galego mediante o sistema Celga “van centrar esforzos na inclusión para adaptar materiais, recursos e metodoloxías ás diferentes necesidades especiais da cidadanía”.
A directora da Amtega sinalou que destacou que a tecnoloxía elimina os límites temporais e espaciais e as fronteiras, facilitando o acceso a formación desde calquera lugar do mundo. Pereira enmarcou esta iniciativa nas medidas para incrementar os servizos en liña aos galegos, entre eles a teleformación, e tamén nas actuacións para facilitar o acceso universal e a difusión da cultura e a lingua galegas como o portal da lingua, o tradutor Gaio e todas as liñas da Memoria Dixital de Galicia, na que se enmarca a recente posta en marcha do portal de toponimia e a aplicación que permite a colaboración da cidadanía para recompilar e xeorrefenciar os topónimos galegos.
Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou a importancia dunha iniciativa que “pon a disposición de toda a colectividade a aprendizaxe da nosa lingua”. “A partir de hoxe, calquera galego en calquera lugar do mundo pode acceder a este curso”, incidiu.
Celga 2 en liña
O novo curso Celga 2 en liña completa a oferta formativa en liña do sistema Celga nos catro niveis que se poden acreditar mediante exame, para facilitar o acceso á formación en lingua galega da poboación adulta sexa cal for o lugar onde viva e a ocupación e horario que teña.
Os obxectivos e contidos do curso Celga 2 en liña correspóndense cos do nivel B1 do Marco europeo común de referencia para as linguas (MECRL). Para alcanzar este nivel, o curso emprega textos, vídeos e audios en diferentes tipos de actividades prácticas, de acordo coa pedagoxía construtivista social que o guía e que implica a colaboración, o papel activo do discente e a reflexión crítica. Así, través dunha interface de navegación sinxela, lixeira, eficiente e intuitiva, o alumnado accede a unha das oito unidades do curso, organizadas arredor dunha tarefa principal e divididas en catro bloques: comprender, explorar e reflectir, practicar e comunicar e viaxar. Neles, o alumnado atopará actividades tipo consulta, tarefa, diálogo, chat, foro, glosario, wiki, cuestionario ou reunión, entre outras posibilidades.
O curso Celga 2 en liña axústase aos obxectivos, ao programa e ao contido curricular establecidos para cada un dos niveis sinalados na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga). Foron elaborados por un grupo de expertos docentes partindo do manual Aula 2 pero cunha ampla actualización tanto nos textos, nos vídeos como nos audios, adaptados para os deseños de novas actividades máis actualizadas.
Estes curso vanse desenvolver entre o 16/03/2020 e o 08/05/2020, segundo o recollido na resolución do 17 de xaneiro de 2020, DOG do mércores 29 de xaneiro de 2020.Toda a información en http://www.lingua.gal/curso-celga-2-lina.
Sistema Celga
Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao MECRL e está configurado mediante cinco niveis de coñecemento do idioma, que recollen as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas.
Estes certificados permiten acreditar o coñecemento que unha persoa ten do galego para os efectos de xustificar méritos ou requisitos laborais e académicos, e obtéñense mediante un exame convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, aínda que tamén é posible obter a validación Celga dos estudos previos de galego.
A Facultade de Informática da Universidade da Coruña organiza este sábado, 8 de febreiro, unha xornada de portas abertas dirixida a estudantes, nais, pais e educadores que queiran coñecer este centro. Os actos comezarán ás 11:00 horas con exhibicións de proxectos informáticos para todas as idades. A xornada incluirá charlas divulgativas sobre temas de máxima actualidade, por exemplo a ciberseguridade (xeitos de conseguir unha Rede segura), as posibilidades da analítica da información a gran escala (Big Data) ou as potencialidades das novas ferramentas para acadar a máxima sustentabilidade nos combustibles. Amais, a partir das 12:00 horas e dentro do devandito programa de divulgación, a FIC organiza na súa sede a Hora do Código.
A Hora do Código é un evento de carácter internacional que pretende achegar a programación de computadoras de maneira sinxela e divertida. Segundo lembra a facultade, esta iniciativa enmárcase no proxecto internacional organizado por Code.org, unha organización pública sen fins de lucro dedicada a promover as Ciencias da Computación en escolas e institutos, cunha especial atención en incrementar o número de mulleres e estudantes de colectivos minoritarios que aprenden a programar. A Hora do Código está destinada a nenas e nenos de 8 a 12 anos, previamente inscritos.
Os actos rematarán cunha visita ás instalacións do centro ás 13:00 horas e coa entrega de diplomas aos participantes na Hora do Código.
O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) vén de informar da materialización definitiva dun proxecto de inclusión impulsado pola entidade a raíz do caso concreto dun seareiro do Deportivo da Coruña, Jesús Suárez. Estamos a falar do proxecto #Escoita, dirixido a solucionar a problemática do retardo nas retransmisións deportivas que dificulta o seguimento dos encontros no campo de fútbol por parte de persoas con dificultades visuais. Ademais, é quen de ceibar a retransmisión dun encontro de anuncios nin interrupcións. O sábado, no campo de fútbol de Riazor, o sistema #Escoita foi quen de emendar a dita eiva comunicativa.
Segundo nos conta o Colexio, o sistema entrou en funcionamento por primeira vez para os usuarios que así o solicitaron no partido disputado este fin de semana na Coruña e a súa estrea tivo “moi boa acollida e repercusión nos medios de comunicación”, destaca o COETG, poñendo o foco na pegada deixada nas emisoras de radio implicadas na iniciativa e no seu desenvolvemento, que reflectiron a súa estrea con todo luxo de detalles. O COETG lembra que #Escoita é un proxecto pioneiro para que as persoas con problemas visuais teñan acceso en tempo real á narración dos encontros deportivos. A contribución do COETG á súa materialización veu da man do enxeñeiro de Telecomunicación, Javier Fernández Fraga, quen realizou labores de asesoramento técnico para que a iniciativa fose finalmente levada á práctica. A conversión de #Escoita nunha realidade foi posible grazas ao Concello da Coruña, a Universidade da Coruña, a ONCE, o Deportivo e varias Emisoras Radiofónicas, ademais do COETG.
A Casa da Mocidade de Allariz vén de presentar a súa axenda de divulgación, formación e participación que vai desenvolver ao longo deste primeiro trimestre: unha serie de obradoiros e charlas sobre as máis diversas temáticas convocados co obxectivo de ampliar o abano de actividades de lecer da xente nova ao tempo que melloran as súas capacidades e a súa futura empregabilidade. Estes obradoiros veñen da man da Concellería de Mocidade do Concello para seren desenvolvidos durante os sábados de febreiro, marzo e abril. Haberá divulgación sobre maxia e ilusionismo, deporte urbano e fotografía a través do móbil.
O Concelleiro de Mocidade, Iago Santás explicou que o programa foi concibido para “ofertar un ocio alternativo para os mozos e as mozas do concello, no que se realizarán actividades para todos os gustos e intereses”. Respecto do obradoiro de imaxe con dispositivos, desenvolverase os días 15 e 22 de marzo. O curso Descubrir a fotografía co teu móbil, dirixido a estudantes e parados, será unha boa oportunidade de formación para quen queira achegarse á fotografía dende un enfoque creativo e expresivo, “e todo a través dun trebello tan popular e estendido como teléfono móbil”, explica a Concellería, engadindo que ao longo do obradoiro botarase luz sobre as técnicas básicas da fotografía, “unha linguaxe e cultura visual coa que sacarlles partido ás novas tecnoloxías dun xeito ameno e práctico”.
Para máis información ou para ir coñecendo a programación de Sábados na mocidade, poderanse consultar calquera dúbida na Casa da Mocidade, no correo mocidade@allariz.com ou no 988 680 434.
O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) da USC vai acoller este 10 de febreiro unha xornada de divulgación tecnolóxica para reivindicar as importantes contribucións das mulleres ao desenvolvemento histórico da informática. A conferencia Ada Lovelace e as pioneiras informáticas será impartida na sede do CiTIUS a partir das 12.00 horas, da man da profesora universitaria Amelia Verdejo (USC e UVigo).
O relatorio, unha nova oportunidade para derrubar estereotipos de xénero e facer medrar a presenza de rapazas nos estudos tecnolóxicos, transmitirase en directo aos centros docentes da nosa terra, e poderase visualizar a través da web do centro singular compostelán.
Na charla, Verdejo fará un percorrido polos inicios da informática, contrapoñendo a preocupante existencia da actual fenda de xénero STEM (estudos de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) co feito de que a informática fora iniciada por unha muller, Ada Lovelace, que tivo como posteriores colegas de profesión outras importantes personalidades femininas como por exemplo Joan Clarke, que descifrou o código Enigma xunto a Alan Turing utilizando as primeiras versións de computadores como o Colossus británico, ou as integrantes do ENIAC estadounidense. A relatora tamén nos levará da man ás relevantes contribucións de Dorothy Vaughan ou Grace Hopper, que desenvolveron as primeiras linguaxes de programación como o FORTRAN ou o COBOL; ou aos traballos da científica e actriz Hedy Lamarr, cuxos sistemas usáronse para protexer as comunicacións cos mísiles durante a Segunda Guerra mundial, que son a base da actual Wi-Fi; ou ás achegas de Evelyn Berezin, quen creou en 1953 o que é considerado o primeiro ordenador de oficina.