main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

03/02/202016:18
Logo Codix.
Santiago de Compostela

A Amtega abre mañá o prazo de inscrición no curso para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática

  • Ofértanse 180 prazas neste curso de teleformación que comezará en marzo e rematará a finais de maio, mes no que terá lugar o exame presencial
  • Os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como persoa usuaria da rede CeMIT
  • No mes de marzo abriranse novas convocatorias de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios adquiridos por calquera outra vía ou por autoformación
  • O certificado, que emite a Amtega, acredita a capacitación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá martes o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no DOG con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio que comezará o día 2 de marzo e rematará o 24 de maio, previo ao exame presencial que terá lugar na última semana dese mes.

Para acceder a esta actividade formativa os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT. A inscrición pode realizarse a través da web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), durante os cinco días hábiles seguintes á publicación da convocatoria no DOG. 

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número de reservas. As persoas admitidas provisionalmente deberán aboar unha taxa de 10,63 euros correspondente aos dereitos de exame –ou presentar a documentación xustificativa da súa exención-, sendo excluídas aquelas persoas aspirantes que non formalicen a súa matriculación.

O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade e baseado na suite Libreoffice de oficina libre e código aberto:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.es/ema), baixo a modalidade de autoformación.

Próximas convocatorias de exames presenciais

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2020, que terá a súa continuación cunha nova edición de exames presenciais libres para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios – ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa-, prevista para o primeiro semestre deste ano (no mes de marzo).

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 8.300 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (2.290 en cursos de teleformación titorizada e 6.050 en probas presenciais de acceso libre) e 3.812 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia despois de superar as probas convocadas nas aulas da rede CeMIT.

A Rede CeMIT

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, CeMIT, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e facilitar a dixitalización de pemes e micropemes.

03/02/202012:58
Momento do acto “Mulleres referentes na ciencia en Galicia”.
Ourense

A Xunta avoga por rachar cos estereotipos de xénero nos ámbitos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe en Ourense no acto “Mulleres referentes na ciencia en Galicia”

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avogou hoxe por rachar cos estereotipos de xénero en todos os ámbitos e, nomeadamente, naqueles relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, onde aínda persiste a fenda de xénero.

Así o destacou hoxe durante a súa participación no acto Mulleres referentes na ciencia en Galicia, que tivo lugar no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, e no que tamén participaron a catedrática en farmacoloxía e premio María Josefa Wonenburger, Mabel Loza; e a catedrática de inmunoloxía e directora do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, África González. No acto tamén participou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

A Xunta ten posto en marcha diversas iniciativas para integrar a perspectiva de xénero na educación en xeral, e de forma específica no ámbito da ciencia. Así, por exemplo, conta coa Unidade de Muller e Ciencia e anualmente entrega os Premios María Josefa Wonenburger para recoñecer a traxectoria de mulleres destacadas no eido científico.

Outras iniciativas a destacar son o proxecto Donas de si, a través do que se elaboran unidades didácticas de mulleres pioneiras como a propia María Wonenburger, Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal; e o programa Nin + nin -, iguais, que levou a varios centros educativos a mulleres referentes en distintos sectores.

Ademais, xa no eido laboral, cómpre lembrar que a Xunta reserva unha liña específica dentro do programa Emega para apoiar empresas de base científica ou tecnolóxica lideradas por mulleres.

03/02/202010:24
Imaxe que representa a saúde e a tecnoloxía.
Santiago de Compostela

Microsoft pon a súa tecnoloxía de Intelixencia artificial ao servizo da saúde

Microsoft lanzou a quinta pata do seu programa AI for Good co que a compañía aproveita a súa tecnoloxía de intelixencia artificial para axudar á sociedade en diferentes aspectos. Neste caso, o programa céntrase en acelerar e facilitar a investigación na área da saúde.

"AI for Health" é o nome deste novo programa ao que Microsoft destinará un total de 40 millóns de dólares en cinco anos co obxectivo de mellorar a investigación e o avance en saúde, mellorando os tratamentos e a calidade de vida de todas as persoas, especialmente aquelas máis propensas a ter problemas de saúde como as persoas maiores ou algunhas persoas con discapacidade.

"AI for Health" súmase aos programas de Microsoft sobre accesibilidade, patrimonio cultural, medio ambiente e acción humanitaria para completar o proxecto "AI for Good" co que a compañía se comprometeu a investir 165 millóns de euros en dotar a investigadores, organizacións sen fins de lucro e outros organismos de tecnoloxías avanzadas baseadas en intelixencia artificial.

No caso da saúde, o obxectivo é axudar a resolver os problemas de saúde máis apremiantes a través da intelixencia artificial, un programa no que xa participan entidades como BRAC, Fred Hutchinson Cancer Research Center, Intelligent Retinal Imaging Systems (IRIS), Novartis Foundation, PATH e Seattle Children's Research Institute.

A través deste programa, a compañía garante ás entidades participantes o acceso ás últimas tecnoloxías, recursos e expertos técnicos para, así, axudar á implementación de tecnoloxía de Intelixencia artificial co fin de acelerar a investigación, xerar información e mellorar o acceso ao coidado sanitario.

Así mesmo, "AI for Health" quere potenciar a compartición de coñecemento entre as entidades relacionadas coa investigación en saúde de todo o mundo, sobre todo en aspectos como a mortalidade e a lonxevidade e tamén para mellorar a protección fronte a crises sanitarias mundiais.

Ademais, o programa busca facilitar o acceso aos últimos avances sanitarios ás poboacións desatendidas, mellorando o acceso á información e a tecnoloxía.

31/01/202010:43
Persoa xove comprobando unha placa electrónica.
A Coruña

A Biblioteca Durán Loriga ofrece formación TIC para escolares a través de BiblioTECH

Biblioteca Durán Loriga vai ofrecer formación tecnolóxica para os escolares nunha nova edición do seu programa BiblioTech, abeirado ao amplo programa de divulgación para persoas de todas as idades que se están a desenvolver dende unha manchea de recantos da cidade baixo o selo Coruña Dixital. Polo que respecta a BiblioTECH, é un programa formado por unha serie de accións informativas, formativas e eminentemente prácticas que se desenvolven na Biblioteca Infantil e Xuvenil Durán Loriga e que se centran no uso creativo, crítico e seguro das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).

A nova tempada de BiblioTECH ofrece varios obradoiros entre febreiro e abril para diferentes franxas de idade. Trátase das seguintes actividades formativas: 

  • Realidade Aumentada nos contos. Para nenos e nenas de 4 a 7 anos
  • Hologramas e experiencias coa luz. Para rapazada de 7 a 12 anos.
  • Taller de Música Electrónica: Hackeando Música. De 8 a 14 anos.
  • TECH4girls. Obradoiro especial para nenas de 9 a 14 anos centrado en programación e robótica con motivo do Día Internacional das Nenas nas TIC.
30/01/202020:23
Presentación do Draft Coder Bootcamp.
A Coruña

HUB presenta un programa de formación intensiva de programadores

A escola de negocios dixitais HUB presentou hoxe nas súas instalacións na Coruña o Draft Coder Bootcamp, un programa formativo que busca responder á demanda de talento programador por parte do mercado laboral, moi concretamente das empresas tecnolóxicas galegas, que ven limitada a súa capacidade de medrar e competir pola falta de profesionais cualificados.

HUB desenvolve o Draft Coder Bootcamp da man de cinco empresas tecnolóxicas galegas (Aldaba, Balidea, Auren, Premium Leads e Webphone) que buscan captar a boa parte dos participantes deste programa de formación intensivo e financiarán bolsas para facilitar o acceso a esta formación (que serán proporcionais ao rendemento dos alumnos). O Draft Coder Bootcamp desenvolverase a partires do 16 de marzo ao longo de 18 semanas de formación (cun total de 640 horas) e outras 8 semanas en prácticas nas 5 empresas colaboradoras que comprométense a cubrir 9 postos de traballo con algúns dos 12 alumnos que poderán acceder a este Bootcamp.

Poderán ser alumnos desta iniciativa persoas con pensamento lóxico, actitude positiva e capacidade de esforzo, non esixíndose experiencia, coñecementos previos nin titulación superior (aínda que esta última valorarase no proceso de selección), e o investimento económico que terán que realizar parte dos 2.600 euros, que é a primeira cota que deberán asumir os alumnos, mentres que a segunda cota de 1.900 euros poderá verse reducida a través das 9 bolsas patrocinadas polas empresas participantes. Existe unha terceira cota que será do 10% do salario bruto do primeiro ano de traballo tras o Bootcamp (estimado entre os 17.000 e 20.000 euros), ou sexa, que se un alumno non consegue a integración laboral non tería que satisfacer esta cantidade, deixando claro que os responsables desta iniciativa confían no seu éxito. Este programa de formación intensiva quere que o alumnado asimile os fundamentos do HTML e do CSS, que aprenda a deseñar interfaces responsive, que coñeza o funcionamento das API REST e pase a afondar na programación en JavaScript (ES6, Node.js, ReactJS), para rematar sendo capaz de deseñar e implementar aplicacións reais utilizando técnicas e ferramentas aprendidas durante xornadas de formación cunha grande compoñente práctica.

Encargaranse da formación do Draft Coder Bootcamp profesionais con grande experiencia: Carlos González (fullstack developer en HUB), David García Fernández (consultor de Shopify, AWS e Serverless en MelodyVR), Diego Pérez Martínez (desenvolvedor en Salesforce Commerce Cloud) e Rafael Vizcaíno González (fullstack developer).

Dende HUB animan a participar no Bootcamp a persoas dispostas a dedicar 4 meses da súa vida a formarse para converterse en profesionais cotizados e en permanente demanda laboral.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS