main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

28/01/202014:53
Recollida do premio no Senado.
Madrid

O CPEIG recibe o premio ás boas prácticas educativas para un uso seguro de internet da AEPD nun acto celebrado hoxe no Senado

  • No Día Internacional da Protección de Datos, ofrece unha serie de “ciberconsellos” para un emprego correcto da tecnoloxía
  • Protexer as redes sociais, utilizar sempre versións actualizadas, non conectarse a redes públicas, non interaccionar con arquivos adxuntos procedentes de correos descoñecidos ou usar contrasinais complexas e únicas son algúns das principais recomendacións

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) foi distinguido co Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Protección de Datos Persoais para un Uso Seguro de Internet polos Menores da Agencia Española de Protección de Datos (AEPD), galardón que recolleu hoxe o seu presidente, Fernando Suárez, no acto de entrega de premios que se celebrou no Senado en Madrid no propio Día Internacional da Protección de Datos [28 de xaneiro].

No seu discurso, Fernando Suárez asegurou que formar parte do grupo de gañadores é unha “honra e un privilexio que reafirma aínda máis o compromiso do CPEIG para continuar nesta senda”. Agradeceu sinceramente a distinción á AEPD e deu os seus parabéns ao resto de premiados polo seu gran labor na promoción do coñecemento, investigación e difusión do dereito fundamental á protección de datos.  “Internet representa un mundo enorme de posibilidades para o ocio, as relacións persoais e a aprendizaxe dos máis novos, pero tamén presenta unha serie de riscos respecto á protección de datos persoais, a privacidade e a autoprotección, como son os contidos inapropiados ou a facilidade de contacto con persoas que non son sempre quen din ser” –sinalou–.

Ademais, o presidente destacou que a informática é decisiva á hora de dar forma ao modo en que se vive e se traballa, polo que se debe atopar a maneira de dotar á mocidade dos medios para dar forma a ese futuro, convencido de que a colaboración entre entidades é a maneira más axeitada para conseguilo. “É hora de educar a unha nova xeración e preparar aos líderes do mañá para ser bilingües en informática”– indicou–.

A estratexia de sensibilización do CPEIG, para o uso responsable de internet por parte dos estudantes de Primaria e Secundaria, abarca distintas iniciativas ou programas, sempre en alianza con institucións educativas e tecnolóxicas axeitadas para sumar forzas a favor dunha Sociedade da Información na que a mocidade sexa a protagonista e teña os instrumentos necesarios para evitar riscos e non ser vítimas. 

“Estas iniciativas están baseadas en concienciar directamente ao alumnado, desenvolvendo os programas nos propios centros escolares e de forma indirecta a través de proxenitores e profesorado, mediante formación impartida por colexiados e colexiadas do CPEIG” –explica o presidente–.

Estas accións do CPEIG articúlanse a través de catro iniciativas principais, que contan cunha longa traxectoria: Navega con Rumbo polo Ciberespazo, Día da Protección de Datos, Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos, e charlas en concellos sobre internet segura e de datos persoais para menores, ademais doutras iniciativas de apoio coas que se pretende implicar a máis axentes políticos e sociais.

12.000 menores participaron desde 2010 en “Navega con Rumbo”

O programa “Navega con Rumbo polo Ciberespazo” é a actividade formativa principal e con máis traxectoria das desenvoltas polo CPEIG no ámbito da divulgación, implantada hai nove anos en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia (http://www.edu.xunta.es/navegaconrumbo/).

Ademais de ser un mundo de posibilidades para o ocio e a aprendizaxe, internet pode supoñer para os máis novos un risco, polo que “Navega con Rumbo” é unha iniciativa encamiñada a que os escolares fagan un uso responsable da rede, evitando o ciberacoso e outros perigos e dotándoos de ferramentas que lles permitan saber como actuar. Dispón de material didáctico, tres “Guías de Navegación” dirixidas a pais e nais, alumnado e profesorado, ideadas polo CPEIG.

No curso 2018-2019 impartíronse 241 sesións formativas sobre privacidade e protección de datos persoais para un uso seguro de internet polos menores en 177 centros educativos de toda Galicia. No que respecta ao número de alumnos e alumnas asistentes, o cómputo global ascende a 12.000 menores formados desde 2010 aproximadamente.

Concienciación para incorporarse á cultura da protección de datos

Seguindo o seu compromiso de promover a concienciación e adopción de boas prácticas en ciberseguridade, o CPEIG ofrece á cidadanía, no Día Internacional da Protección de Datos que se conmemora hoxe martes 28 de xaneiro, unha serie de “ciberconsellos” para facer un uso seguro da tecnoloxía. Fernando Suárez considera “de vital importancia” que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos. 

Estas recomendacións pretenden axudar a todos os usuarios a crear unha primeira e esencial barreira de protección fronte a ciberameazas, con consellos xerais sobre como evitar riscos cando se empregan as tecnoloxías:

  • Non interaccionar con arquivos adxuntos procedentes de correos sospeitosos.
  • Manter o sistema operativo actualizado (software, antivirus...) e non descargar aplicacións estrañas.
  • Non conectarse a redes públicas e, no seu lugar, empregar unha rede privada virtual (VPN). 
  • Axustar a privacidade dos perfís en redes sociais.
  • Ser cauto á hora de conectar dispositivos extraíbles a un equipo cando proveñen de terceiros.
  • Avisar dos incidentes de seguridade.
  • Saber que ata os smartphones apagados poden ser rastreados.
  • Manter todos os plugins e extensións do navegador actualizados.
  • Usar contrasinais complexas e únicas.
  • Eliminar documentación sensible dos dispositivos mediante ferramentas de borrado seguro. 
26/01/202014:10
Portada do informe.
Santiago de Compostela

A mocidade galega compra en internet o dobre que os maiores de 35 anos

  • Case tres de cada catro galegos de 16 a 34 anos mercan bens ou servizos na Rede
  • Máis do 97% dos menores de 34 anos empregan as redes sociais, superando en case 27 puntos ás persoas de 35 anos a 74 anos
  • A práctica totalidade dos fogares galegos onde residen nenos en idade escolar ten contratado Internet, máis de 17 puntos que os fogares sen nenos de 3 a 16 anos
  • Os mozos e mozas son máis confiados na Rede, pero tamén adoptan máis precaucións
  • Un 77% dos galegos de menos de 34 anos proporcionou información de contacto ou datos persoais na Rede, 20 puntos máis que os maiores de 35
  • Preto do 59% da mocidade galega de 16 a 34 anos fai regularmente copias de seguridade da súa información persoal ou garda os contidos na nube
  • Máis dun 45% limita a información que mostra nas súas redes sociais, superando en máis de 15 puntos aos maiores de 35 anos

O uso do comercio electrónico entre os galegos de 16 a 34 anos é practicamente o dobre que o que fan dos maiores de 35 (73,8% fronte a 38,4%). É un dos datos que se recolle no estudo “A Mocidade e as TIC. Edición 2019” que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Amtega.

 

O informe sinala que o 93,7% dos mozos e mozas de 16 a 34 anos navegan diariamente pola rede fronte ao 80,4% dos galegos de 35 a 74 anos. Entre os indicadores que analiza esta nova edición do estudo destaca, tamén, que máis do 97% dos mozos e mozas galegos empregan as redes sociais, case 27 puntos máis que os maiores de 35 anos. 

 

As actividades realizadas nas redes sociais difiren xeracionalmente e a mocidade galega supera aos maiores de 35 anos en todos os usos analizados, destacando o seguimento de contas de influencers ou marcas comerciais (realizan esta actividade o 46,3% dos mozos e mozas fronte ao 19,2% dos máis maiores) ou compartir e visionar vídeos e música, cunha diferencia de aproximadamente 26 puntos respecto aos de maior idade.

 

O uso de apps non marca demasiadas diferencias en función da idade, agás no uso de apps de xogos (sen opción a ganancia monetaria), que empregan o 33,2% dos mozos e só o 13% dos maiores de 35 anos. 

 

Fogares con nenos

A convivencia con nenos en idade escolar (de 3 a 16 anos) anos aumenta o acceso a tecnoloxía, dende o uso de dispositivos electrónicos, de Internet ou do comercio electrónico. O 99% dos fogares galegos onde conviven nenos e nenas en idade escolar dispón de acceso a Internet de banda larga. Este indicador crece máis de dous puntos respecto a ano 2017 e supera en máis de 17 puntos porcentuais á contratación de fogares onde non residen nenos en idade escolar.

 

Nos fogares onde residen nenos en idade escolar obrigatoria, obsérvase tamén unha maior presenza de dispositivos electrónicos de acceso a Internet. Destaca a diferencia coa media no que se refere á dispoñibilidade de Tablet, Pda ou similares (19,8 puntos máis), a Smart TV (18,9 puntos) e a Consola de xogos (15,6 puntos).

 

Os menores de 35, máis confiados na Rede

Accións como subministrar datos persoais ou información de contacto, incluso información de pagos a través de tarxeta de crédito ou conta bancaria, son moito máis frecuentes entre os mozos e mozas de 16 a 34 anos. Un 77% dos galegos desa franxa de idade proporcionou información de contacto ou datos persoais na Rede, 20 puntos máis que os maiores de 35 anos.

 

Sen embargo os galegos das franxas de idade máis nova tamén adoptan máis precaucións que os maiores de 35 anos. O 58,7% dos galegos máis novos fai regularmente copias de seguridade da súa información persoal ou garda os contidos na nube fronte ao 40,9% dos maiores e limita a información que mostra nas súas redes sociais, como declara facer o 45,1% dos mozos e mozas fronte ao 49,5 dos maiores de 35 anos.

 

O PIN ou patrón de desbloqueo é a medida de seguridade máis empregada en xeral polos mozos e mozas, aínda que a diferenza salientable é que a pegada dixital ou outros datos biométricos é usada por un 34%, fronte o 19,3% dos maiores de 35 anos. 

 

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal

24/01/202014:08
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O CDTIC da Amtega acolle en febreiro unha nova edición do programa #MesD centrado na mellora de competencias dixitais

  • Ao longo do vindeiro mes, terán lugar no Centro Demostrador TIC as catro sesións formativas dedicadas a diferentes competencias para a transformación dixital enmarcadas dentro do programa Crear Futuro de Red.es.
  • Estas actividades conformarán unha nova entrega do programa #MesD, que chega así á súa quinta edición
  • A asistencia é de balde, previa inscrición a través da web ou correo electrónico do programa Crear Futuro de Red.es

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza xunto a Red.es a quinta edición de #MesD, unha iniciativa que concentra durante un mes diferentes sesións formativas dedicadas a un tema concreto. En febreiro, #MesD centrarase na adquisición de competencias persoais para a transformación dixital con catro actividades: ”Creatividade e innovación” (4 de febreiro); “Pensamento crítico” (11 de febreiro); “Resolución de problemas complexos” (18 de febreiro); e “Xestión de persoas” (26 de febreiro).

Todas estas actividades desenvolveranse nas instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela en horario de 16.15 a 20.15 horas e terán como destinatarios principais o persoal directivo, xefas/es de proxecto, responsables de equipos ou coordinadoras/es; e profesionais que teñen que tomar con frecuencia decisións ou que queiran mellorar as súas competencias dixitais, así como persoas emprendedoras con negocios en liña, así como persoas desempregadas que queiran aumentar as súas posibilidades de atopar un traballo.

Impartirá estas sesións Red.es, entidade dependente do Ministerio de Economía e Empresa que puxo en marcha o programa Crear Futuro como parte da iniciativa Profesionais Dixitais, enmarcada dentro das liñas de actuación da Axenda Dixital para España, cuxa finalidade é mellorar a empregabilidade impulsando e favorecendo a adquisición de competencias para a transformación dixital grazas ao manexo das novas tecnoloxías.

Para participar nestas actividades cómpre inscribirse a través da web do proxecto Crear Futuro de Red.es ou mandando un correo electrónico ao enderezo crearfuturo@focyl.com. A inscrición é de balde ata que se cubran todas as prazas.

Programa #MesD

O programa #MesD é unha iniciativa impulsada desde o CDTIC que consiste nun ciclo de sesións formativas sobre un tema concreto concentradas ao longo dun mes.

Ata o momento organizáronse catro edicións do programa. A primeira delas, celebrada no mes de marzo de 2018, dedicouse ao marketing dixital; a segunda, no mes de xuño do mesmo ano, ao comercio electrónico; a de marzo de 2019 centrouse nas redes sociais; e a última delas, de novembro de 2019, tratou o manexo de ferramentas audiovisuais.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

20/01/202007:40
Muller de costas traballando nun portátil.
Santiago de Compostela

As vendas por Internet das empresas galegas en 2019 superan a media estatal

  • Preto do 23% das empresas de 10 ou máis traballadores da Comunidade venderon na rede fronte ao 20,4% do mesmo tramo empresarial do conxunto do Estado
  • Máis do 44% destas empresas galegas venden en países da Unión Europea
  • As empresas galegas superan a media estatal no uso de redes sociais
  • O gasto en TIC do tecido empresarial galego foi de 408 millóns de euros, 44 millóns máis con respecto ao exercicio anterior
  • As velocidades de acceso a Internet de 100 Mbps ou superiores aumentaron máis de 12 puntos porcentuais, tanto entre as microempresas (28,1%) como nas empresas de 10 ou máis traballadores (45,1%)
  • No 2019 aumenta o uso das empresas de medidas de seguridade TIC e máis da metade de microempresas (51,5%) e un 93,2% de empresas de máis de 10 asalariados emprega algún tipo de medida.

 

O comercio electrónico creceu en Galicia no último ano en todos os tramos empresariais. Tanto as empresas de máis de 10 traballadores como as microempresas realizaron vendas online por riba da media estatal en 2019. Tamén no uso das redes sociais o tecido empresarial galego supera a media do conxunto do Estado

Son datos recollidos no informe A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2019, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito a´Amtega. O estudo analiza a transformación dixital das empresas galegas, un total de 200.972, nas que o 96,3% son microempresas, de 0 a 9 traballadores.

Comercio electrónico e presenza en Internet

En 2019 o 22,9% das empresas de 10 ou máis traballadores da Comunidade venderon na rede, 4,7 puntos máis que o ano anterior e 2,5 puntos por riba da media estatal. Cómpre destacar que máis do 44% destas empresas galegas venden en países da Unión Europea. No caso das microempresas as vendas online creceron 2,5 puntos, situándose nun 6,1% fronte ao 5,8% da media do Estado.

Tamén se incrementan as compras das empresas a través de Internet ao longo do último ano, producíndose unha subida no caso das empresas de 10 ou máis empregados de 8,4 puntos.

No 2019 aumentou tamén a presenza de páxina web nas empresas de 10 ou máis asalariados, do 77,1% ao 81,6%, superando ademais aos datos de empresas españolas que posúen web empresarial (78,2%).

En canto ás redes sociais, máis do 98% das microempresas e máis do 96% da empresas galegas empregan algunha rede social, en ámbolos casos por riba da media estatal.

Gasto en TIC

O gasto total en TIC das empresas galegas acadou os 408 millóns de euros, o que implica un incremento de 44 millóns de euros, especialmente no referente a servizos e consultas relacionadas coas TIC, seguido do gasto en software e do investimento en bens TIC.

Aumento da banda larga móbil e da velocidade de conexión

No 2019 a banda larga móbil experimenta un crecemento significativo en todas as empresas galegas, pero especialmente nas de 0 a 9 empregados, onde aumenta 5 puntos porcentuais (chegando ao 77,2%). Nas de máis persoal supérase o dato nacional nas empresas que teñen 10 ou máis traballadores/as con sede ou actividade en Galicia, con un 86,7% das galegas fronte a un indicador da banda larga móbil en España do 84,1%.

As contratacións de velocidades de acceso á Internet de 100 Mbps ou superiores aumentaron 12,8 puntos porcentuais entre as microempresas (28,1%), e 12,4 puntos nas empresas de 10 ou máis traballadores/as (45,1%).

Big Data e formación

Durante o último ano o uso de Big Data nas empresas galegas de 10 ou máis empregados (10,3%), foi superior ao das empresas españolas (8,3%). Un 75,8% das microempresas emprega software libre para esta análise de Big Data.

Xestións coas Administracións Públicas e Política de seguridade

A interacción das empresas galegas coas Administracións Públicas a través de Internet durante o último ano, supera, á marxe do tamaño da empresa, aos datos a nivel estatal.

No 2019 incrementáronse as medidas de seguridade TIC utilizadas nas empresas, cun crecemento de 9,9 puntos nas de 0 a 9 traballadores e de 7,9 puntos nas empresas de 10 ou máis asalariados/as con sede ou actividade en Galicia.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.

16/01/202012:45
Mesas con ordenadores dunha aula CeMIT.
Brión

Brión levará a alfabetización dixital á veciñanza durante todo o ano

Concello de Brión vén de anunciar que vai desenvolver, durante todo o ano, cursos de informática básica para contribuír á alfabetización dixital da veciñanza e tirar abaixo fendas tecnolóxicas formativas. Segundo indicou o Goberno local, estes obradoiros levaranse a cabo en canto haxa un mínimo de 8 persoas inscritas e na data que concreten os propios participantes.

A inscrición, polo tanto, estará aberta durante todo o ano na Casa da Cultura, no teléfono 981 50 99 08 ou en empregobrion@gmail.com. O prezo será de 30 euros, cun 50% de desconto para persoas en situación de desemprego. O obxectivo destes cursos é “que o alumnado adquira coñecementos básicos de informática de cara a mellorar a súa empregabilidade”. Así, as persoas que participen aprenderán nocións básicas do manexo dun ordenador e do sistema operativo Windows, dende manexar un procesador de textos ata crear e manexar contas de correo electrónico e navegar por Internet. As clases terán lugar na aula CeMIT de Brión os martes e xoves, en horario de 10:30 a 12:30 horas. A admisión realizarase por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas en Brión.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS