
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Consorcio da Zona Franca de Vigo segue apostando polo talento innovador galego e, de feito, comezou o ano habilitando unha nova lanzadeira que ten todos os seus puntos de mira nas contornas xeográficas que non son a nosa: o mundo, en definitiva. A aceleradora CulturaExterior, segundo informou a Zona Franca, porá todos os seus recursos en xogo para que as nosas empresas do sector cultural e de contidos accedan a novos mercados.
As firmas que participen (15 en cada edición) contarán cun equipo de expertos que as asesoren na súa andaina exterior. Grazas á aceleradora, poderán desenvolver o seu plan de internacionalización, acceder ás principais feiras mundiais e ás misións comerciais que organice a Zona Franca. Poderán concorrer estudios de videoxogos, editoriais ou produtoras musicais e escénicas, amais de firmas de comunicación, publicidade e e eventos, entre outras. O programa pretende “reducir os tempos e aumentar as posibilidades de éxito no proceso de internacionalización”. Para iso, un equipo de expertos, especializados no sector cultural e creativo, ofrecerá asesoramento personalizado ás 15 PEME seleccionadas durante un período de 3 meses. O enfoque da aceleradora será “de carácter práctico” e permitirá fomentar o networking con outras empresas do sector. O programa formativo desenvolverase en horario de tarde un día á semana desde principios de febreiro até abril.
A aula CeMIT de Boiro, o punto referente de alfabetización dixital para a veciñanza do municipio, comeza o ano poñendo o punto de mira na nenez e achegando formación e actividade lúdica a partes iguais. Estamos a falar do curso de Ofirmática Divertida, dirixido a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos, entre os meses de febreiro e os de xuño. A aula CeMIT, que está emprazada no Centro Social de Boiro, abre o prazo de inscrición o 15 deste mes, manténdoo aberto até o día 23. Este procedemento pode ir preparándose a través da web do Concello de Boiro, onde está habilitada a ficha.
Para quen non o saiba a estas alturas, a ofimática é un concepto que abrangue as ferramentas informáticas que se empregan para os labores propios da oficina. Os programas informáticos asociados a estas tarefas poden ser libres (por exemplo LibreOffice) ou propietarios (Microsoft Office). Todos eles teñen o nexo común de achegar recursos completos para o procesamento de textos, a creación e mantemento de bases de datos, as follas de cálculo ou as presentacións.
A iniciativa DIXIT, que impulsa a creación de contidos educativos dixitais innovadores coa implicación do profesorado e os sectores TIC e audiovisual, vén de incrementar a súa oferta incorporando novos recursos para as materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, que xa están dispoñibles no Repositorio de Contidos de espazoAbalar e na plataforma do libro dixital.
No caso de Matemáticas, incorpóranse novas regletas dixitais, orientadas á aprendizaxe de conceptos matemáticos abstractos a través da manipulación e de figuras 3D, o que facilita a interiorización de algoritmos e conceptos matemáticos complexos.
Alumnos e profesores contan con dous novos bloques de contidos, un de sumas e restas con unidades, decenas e centenas, a través dun taboleiro dinámico, que mellora a visualización para traballar o cálculo. E outro de multiplicación, dedicado á comprensión e práctica de múltiplos dun número, conceptos como dobre e triplo, multiplicacións de varios números, mínimo común múltiplo etc.
Ademais, engádese o Laboratorio de xeometría 3D, orientado ao estudo da xeometría no espazo cun enfoque dinámico de visualización e manipulación de figuras en tres dimensións.
A materia de Bioloxía e Xeoloxía conta cun novo Snack Experiment dedicado á unidade de xeoloxía, na que os alumnos aprenden de forma sinxela un experimento e aplican de forma guiada o método científico que lles permite sacar conclusións por eles mesmos.
Neste snack aprenderán a preparar un medidor de ph para diferenciar entre unha substancia aceda ou básica a primeira ollada, cun cambio de cor. A diferenza dos cinco anteriores, este snack experiment ofrece unha experiencia adaptativa coa posibilidade de elixir entre distintos camiños que axustan o contido segundo a decisión do alumno.
Complétase a unidade de ecosistemas cun novo contido que ofrece unha alternativa interactiva para a aprendizaxe dos ecosistemas e as relacións das especies nunha rede trófica.
En breve estará dispoñible, tamén, o primeiro material dedicado ao ecosistema “charcas intermareales” que integra unha fase final na que o alumno, aplicando o método científico á observación de variables dependentes e independentes que afectan o ecosistema, así como á interpretación de gráficos, poderá extraer conclusións e verificar as súas hipóteses previas.
Novos contidos en máis materias
O obxectivo de DIXIT, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Educación, é aproveitar as capacidades técnicas e innovadoras dos sectores tecnolóxico e audiovisual e os coñecementos pedagóxicos do profesorado galego, tendo en conta as súas necesidades, para incrementar a oferta de recursos dixitais dispoñibles para a comunidade educativa galega.
Xa están en marcha novos grupo de traballo para crear novos contidos para estas e outras materias como linguas estranxeiras, Xeografía e Historia e Física e Química, que empregarán as tecnoloxías máis avanzadas como a realidade aumentada, a gamificación ou a intelixencia artificial.
O capítulo galego de ISMS Forum celebra unha xornada de innovación e emprendemento en ciberseguridade o vindeiro 22 de xaneiro na sede de Abanca en Vigo (Avenida de García Barbón, 1-3), de 9:00 a 12:00 horas. Co obxecto de promover as iniciativas de emprendedores en ciberseguridade, ISMS Forum Galicia aposta pola creación dun modelo de relación entre empresas, profesionais e emprendedores co fin de apoiar e fortalecer o sector da ciberseguridade.
A presentación correrá a cargo de Roberto Baratta, Director of Loss Prevention, Business Continuity and Security, e DPO (Abanca), así como Board member de Global ISMS Forum; e Susana Rey, DPO en R y Board member de ISMS Forum Galicia. Durante a xornada, exporanse algunhas das iniciativas máis relevantes no sector e coñeceranse os proxectos da man de startups como AuthUSB, DirectDump, ImprOTech, Redbee, DooingIT ou Blackarrow.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse no seguinte ENLACE. E se aínda non eres socio de ISMS Forum, podes inscribirte gratis aquí co código de invitación: ISMSVIGO
O Concello de Ponteceso iniciou 2020 apostando por combater a fenda dixital: o espazo que separa as vantaxes das novas tecnoloxías das persoas que aínda non teñen os coñecementos nin as infraestruturas precisas para tirarlles proveito. Estamos a falar do curso de informática para maiores que comezou esta mesma semana na Biblioteca Municipal de Ponteceso e o luns 13 de xaneiro na Casa do Mar de Corme. A actividade vén da man do departamento local de Servizos Sociais, que recunca coa formación tecnolóxica logo do éxito de participación dos obradoiros previos para familiarizar á veciñanza no uso dos teléfonos móbiles.
O obxectivo da nova andaina formativa é “seguir achegando aos nosos maiores ás novas tecnoloxías e ofrecer así atractivas propostas para encher de diversión e aprendizaxe o seu tempo de lecer”, en palabras do departamento que dirixe Noelia Varela. Na nova actividade porase ao alcance dos asistentes unha oportunidade para “poñerse ao día no uso e manexo dunha das ferramentas máis útiles e imprescindibles no desenvolvemento da nosa vida cotiá”. As persoas interesadas en participar deben achegarse ao departamento de Servizos Sociais ou chamar ao 881 983 045 (Ponteceso) e 981 738 428 (Corme).