main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

08/01/202015:11
Participantes no terceiro dos encontros ‘Mulleres Protagonistas’.
Vigo

Conde destaca en Vigo a necesidade de estimular e desenvolver a figura da muller profesional 4.0 para anticiparse aos retos do futuro

  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Vigo no terceiro dos encontros ‘Mulleres Protagonistas’, que reúnen a mulleres de distintos sectores para facer unha posta en común sobre os retos e oportunidades para avanzar cara a igualdade profesional plena
  • Nesta ocasión foron diferentes profesionais do mundo da enxeñaría as que compartiron as súas propostas e inquedanzas sobre a Industria 4.0, o fomento das vocacións STEM entre as mozas e os retos da Galicia de 2030
  • Conde incidiu na necesidade da implicación de toda a sociedade no desenvolvemento integral da muller para avanzar en eidos como a conciliación, a flexibilidade laboral ou a transparencia salarial

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a necesidade de estimular e desenvolver a figura da profesional 4.0 para anticiparse aos retos do futuro. Durante o encontro Mulleres Protagonistas, que se celebrou en Vigo, o conselleiro sinalou que este tipo de xuntanzas ofrecen unha oportunidade para reflexionar sobre os desafíos que se presentan para mellorar a situación das mulleres no mundo laboral e empresarial e avanzar cara a igualdade profesional plena.

Mulleres protagonistas é unha iniciativa que, de xeito periódico, reúne a mulleres de distintos sectores -neste caso do mundo da enxeñaría con representantes do eido empresarial, asociacións, centros tecnolóxicos e da Universidade- co obxectivo de establecer un diálogo aberto entre a Xunta e este colectivo para escoitar as súas propostas, explicar as medidas do Goberno galego e, deste xeito, realizar unha posta en común sobre os retos e dificultades que afrontan no seu día a día.

En concreto, a xuntanza de hoxe, abordou temas como o papel das mulleres no impulso da Industria 4.0, o fomento das vocacións STEM entre as mozas ou os retos da Galicia de 2030. Así, Conde subliñou que é indispensable contar cun entorno laboral onde a desigualdade non pode nin debe ter lugar e, deste xeito, reducir a fenda que existe, na actualidade, entre os homes e mulleres incorporados á canteira do talento 4.0.

Francisco Conde incidiu en que toda a sociedade se debe implicar no desenvolvemento integral da muller, para avanzar entre todas e todos cara a unha Galicia máis feminina, ofrecendo oportunidades en eidos como a conciliación familiar, a transparencia salarial, a promoción profesional ou a flexibilidade laboral.

Aínda que queda moito traballo por facer, Galicia está demostrando unha evolución favorable e, así, o paro feminino cae un 2,37% no último ano, a mellor ritmo que o desemprego masculino.

Entre outras iniciativas, este ano a Xunta aumentará nun 67% as axudas á contratación e á formación de desempregadas, ata os 4,3 millóns de euros a través do programa Emprega Muller -cuxo prazo de solicitude abre hoxe-, e tamén as axudas ás pemes para facilitar medidas de igualdade, conciliación e flexibilidade medrarán nun 14% (ata os 2,8 millóns de euros). Ademais poñerase en marcha un novo programa, TécnicAs para fomentar unha maior presenza de mulleres na industria e nas TIC.

08/01/202008:07
Cartel dos cursos.
Ames

Ames comeza o ano con 13 cursos tecnolóxicos para todas as idades

Concello de Ames vén de presentar o programa de formación tecnolóxica da rede CeMIT local para este arranque de 2020. Serán, segundo confirmou, trece novos cursos para estes meses de xaneiro e febreiro. Para comezar, hai programados obradoiros sobre o manexo do correo electrónico, o manexo da nube (para o cal xa están cubertas as prazas pero admítense inscricións na lista de agarda) e outro sobre como buscar na Rede. Asemade, durante o mes de febreiro iniciarase un curso de mecanografía para adultos e outro sobre o manexo de aplicacións no móbil.

Asemade, iniciarase un novo ciclo de empregabilidade, con actividades formativas sobre creación de currículos e a busca de ofertas de emprego a través de Internet. O primeiro, o dos CV, será o martes 28 e mércores 29 de xaneiro de 18.00 a 20.00 horas. O segundo, que afondará na busca de emprego a través de Internet, será o 30 de xaneiro no mesmo horario. Por outra banda, en 2020 continuarase coas sesións para introducir á veciñanza na suite ofimática de LibreOffice. Desenvolveranse dous cursos no mes de febreiro sobre o uso do procesador de textos LibreOffice Writer. O primeiro será dun nivel básico e o segundo realizará un maior afondamento.

Accións para menores

Para a rapazada, a aula CeMIT que xestionan o Concello e axencia autonómica AMTEGA achegará un curso de presentacións para estudantes ao abeiro do cal coñeceranse programas como o PowerPoint e o Impress. Ademais, a partir de febreiro desenvolveranse un curso de informática para nenas/os nivel básico e dous de mecanografía, un para menores de 10 anos e outro para os maiores desta idade.

Videoconferencias

O luns 13 de xaneiro, de 12.00 a 13.00 horas, levarase a cabo unha videoconferencia sobre obradoiros de reparación de vehículos, na que se darán a coñecer os dereitos e deberes dos cidadáns usuarios destes servizos así como unha serie de recomendacións a ter en conta.

Exames EMA

Os exames EMA son un tipo de exame presencial necesario para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe do CeMIT. Haberá dúas quendas, unha o 17 de xaneiro de 12.00 a 13.00 horas e outra o 14 de febreiro de 17.30 a 18.30 horas.

Tramitación das inscricións

Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web da CeMIT, achegándose á aula da Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 682 373 753, ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

08/01/202008:02
Monitor amosando a páxina de YouTube.
A Coruña

A Biblioteca Ágora achega en febreiro un curso para iniciarnos nas vantaxes da informática

Quen queira comezar o ano de maneira tecnolóxica, dando os primeiros (pero firmes) pasos en materia de navegación, uso de computadores e comunicación dixital, vai poder facelo na coruña a partir do 10 de febreiro, na Biblioteca do Centro Ágora da Coruña. Segundo informa o Concello, até o día 21 desenvolverase no dito emprazamento o Curso de iniciación á informática, Internet e correo electrónico, aberto a todo tipo de público (maiores de 14 anos) en horario de mañá (de 9.00 a 12.00 horas). O prazo para inscribirnos comeza o día 3 do vindeiro mes e remata o día 8. Serán 30 horas de formación.

Trátase dunha actividade de alfabetización e dinamización dixital destinada a combater a falta de oportunidades formativas para introducir nas tecnoloxías a quen non tivo aínda unha oportunidade para facelo, ben sexa por razóns de idade, por falta de tempo ou por desconfianza con respecto ás TIC. Segundo informou o Concello, “neste curso adquiriremos as habilidades básicas para o manexo do teclado e do rato, para a administración e uso de arquivos e cartafoles, para a procura de información na Internet, para o acceso a servizos e trámites en liña e para a creación e xestión dunha conta de correo electrónico”. O programa inclúe unha introdución á Rede e aos conceptos básicos da mesma, aos elementos dun computador, aos diferentes tipos de arquivos, ás páxinas web de meirande interese ou a como converternos en expertas e expertos no envío e recepción de e-mails.

07/01/202012:15
Persoa artersá tomando notas nunha libreta.
Santiago de Compostela

A Xunta abre o prazo do programa Galicia Emprega para impulsar a formación e contratación de máis de 1100 mulleres, parados de longa duración, mozos e persoas discapacitadas

  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 10.542.956 euros, un 12% máis que en 2019, para fomentar o emprego na Comunidade
  • Inclúe catro liñas de axudas nas que cada contrato se asocia á posibilidade de mellorar a formación impulsando, deste xeito, a contratación dual en catro dos colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado laboral
  • Desde 2015, máis de 7300 traballadores destes colectivos prioritarios se teñen beneficiado das axudas para o fomento da contratación, grazas a un investimento total de 29,3 millóns de euros

 

A Xunta de Galicia abre mañá o prazo de solicitude para as catro liñas do programa Galicia Emprega, tras a publicación hoxe das convocatorias no Diario Oficial de Galicia (DOG). O obxectivo é favorecer a formación e a contratación de máis de 1100 mulleres, parados de longa duración, mozos e mozas, e persoas discapacitadas ou en risco de exclusión, para impulsar, deste xeito, o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego.

Galicia Emprega conta cun orzamento global de 10,5 millóns de euros -un 12% máis que na convocatoria de 2019- para fomentar o traballo na Comunidade. Trátase de favorecer os contratos asociados á posibilidade de mellorar a formación. Inclúe catro liñas de axudas
-Emprega Muller, Emprega Persoas con Discapacidade ou en Risco de Exclusión Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude-. Impúlsase, deste xeito, a contratación dual en catro dos colectivos prioritarios da Xunta á hora de acceder ao mercado laboral.

Por unha banda, apóiase cun bono formación aos traballadores e traballadoras para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa.

Con respecto ao bono formación, nos catro programas incentívase con 2000 euros a cualificación dos traballadores que son contratados de xeito inicial por 12 meses para que reciban unha formación mínima de 50 horas. Se o contrato é indefinido, o bono increméntase ata os 4000 euros e a formación mínima terá que acadar as 70 horas.

En canto aos incentivos á contratación, as contías varían segundo o programa e poden alcanzar os 16.000 euros. Ademais, aumentan nun 25%, segundo a liña, para aquelas empresas de máis de 50 traballadores e traballadoras pertencentes a sectores estratéxicos que teñan unha taxa de estabilidade nos seus cadros de persoal do 70%; no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural; ou se as persoas incorporadas son mulleres; maiores de 45 anos; ou emigrantes retornados.

Catro liñas

Emprega Muller é a liña dotada cun maior orzamento dentro do Galicia Emprega, con 4,3 millóns de euros -un millón máis que na pasada edición- para impulsar a formación e a contratación de 405 persoas. As axudas mínimas para os contratos indefinidos son de 12.000 euros.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria activará Emprega Persoas con Discapacidade ou en Risco de Exclusión Social con incentivos de 8000 euros para a contratación inicial deste colectivo e de 16.000 euros para os contratos indefinidos. A previsión de beneficiarios é de 185 persoas. O orzamento deste programa ascende a máis de 2,2 millóns de euros.

No caso de Emprega Parados de Longa Duración (2M€), as axudas para a contratación de 12 meses suman como mínimo 5000 euros, incrementándose ata os 10.000 euros se se trata dun contrato indefinido. O obxectivo é contratar a 175 persoas.

En Emprega Xuventude (2M€), as contías para os contratos dun ano de duración serán de 3000 euros e acadarán o dobre (6000€) no caso de contratos indefinidos. Estímase un número de beneficiarios de 365 menores de 30 anos.

Os incentivos á contratación constitúen un dos mecanismos da Administración autonómica para estimular a incorporación de novas persoas traballadoras aos cadros de persoal das empresas galegas. Galicia Emprega enmárcase dentro da Axenda 20, a folla de ruta que está impulsando na Comunidade o emprego estable e de calidade con medidas, como este programa, que favorecen o incremento das oportunidades laborais e a redución do desemprego. Desde o ano 2015, este tipo de medidas permitiron apoiar a contratación de máis de 7300 traballadores destes catro colectivos prioritarios cun investimento de 29,3M€.

07/01/202011:56
Muller de costas usando un programa de deseño nun ordenador.
Santiago de Compostela

A Consellería de Educación convoca os Premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación na FP

  • Destínase un orzamento de 800.000 euros para estes galardóns
  • O prazo de presentación de iniciativas está aberto ata o 31 de xaneiro de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de convocar os premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da formación profesional. O obxectivo destes galardóns, que teñen unha dotación económica de 800.000 euros, é potenciar as iniciativas innovadoras, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, procurando a calidade e a excelencia na formación profesional, e o fomento do emprendemento.

O departamento educativo da Xunta aposta nas súas políticas de FP a transformar os ciclos en ensinanzas que se adapten ao contorno produtivo e ao novo modelo económico baseado no coñecemento como forza impulsora. Deste xeito estase a camiñar cara a un sistema de formación profesional máis áxil, flexible e eficiente, estreitamente vinculado ás demandas formativas da poboación e ao impulso de valores como a creatividade, a innovación e o traballo en equipo, así como á estimulación do espírito emprendedor.

A convocatoria segue as directrices marcadas pola Estratexia Europa 2020, que incorpora como obxectivo o impulso dunha formación profesional que propicie novas experiencias nos campos da innovación, da calidade, da creatividade e do emprendemento.

Modalidades

Os proxectos poden presentarse a dúas modalidades. A primeira delas, de Innovación tecnolóxica ou científica, está dirixida ás iniciativas que teñan como obxectivo a xeración de innovación tecnolóxica ou científica que redunde na mellora de procesos de produción ou de prestación de servizos e que estean orientadas a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o contorno produtivo. Ademais, estes proxectos deben ter unha incidencia significativa na futura inserción laboral do alumnado e na súa empregabilidade, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais.

A segunda modalidade, de Innovación Didáctica, céntrase nas iniciativas que teñen como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais. Estarán orientadas á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas, e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, potenciando o deseño de materiais didácticos, deseño de prototipos ou simuladores, laboratorios para prácticas ou maquetas, aplicacións informáticas, etc. Ademais, eses materiais deben ser doadamente trasladables a outros centros onde se impartan as ensinanzas para as que foron deseñados.

Criterios de valoración

Entre os criterios para escoller os proxectos premiados valoraranse, en especial, aqueles nos que se fomente a colaboración do profesorado e do alumnado de formación profesional con empresas e institucións do seu contorno, e con outros centros educativos; así como os que fomenten a aparición de novas iniciativas empresariais, especialmente aquelas que sexan susceptibles de pórse en marcha na Rede galega de viveiros de empresa.

Tamén se terá en conta que impliquen unha mellora na calidade da formación e na empregabilidade e a inserción laboral do alumnado, o nivel de impacto do proxecto no contorno produtivo desde o punto de vista tecnolóxico e ambiental ou o grao de transferencia e resposta a un reto empresarial.

Así mesmo darase prioridade ás iniciativas que favorezan o acceso da muller aos perfís relacionados con profesións STEAM e actividades industriais, así como o acceso dos homes a sectores que contan con escasa representación masculina.

Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes, que deberá facer un centro educativo de formación profesional dependente da Consellería, está aberto ata o 31 de xaneiro de 2020. O proxecto ten que ser colaborativo e contar cun mínimo de dous participantes. Deberán figurar como socios outros centros educativos de formación profesional, entidades ou empresas, a nivel autonómico.

O centro solicitante actuará como coordinador da iniciativa e un dos seus docentes asumirá as funcións de coordinación do proxecto, co fin de asegurar o contacto e a comunicación regulares entre os participantes, promover unha colaboración eficaz e facilitar a distribución e a realización do traballo en equipo.

As solicitudes poderanse presentar no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, nos rexistros provinciais dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia ou en calquera dos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS