main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/12/201911:46
Man sostendo un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta aumentará a capacidade da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia e incrementará as súas funcionalidades

  • Actualizará a plataforma e permitirá o acceso de smartphones autorizados á rede TETRA con todas as garantías de seguridade
  • O operador público Retegal vén de licitar o contrato para o mantemento e mellora da Rede
  • RESGAL integra nun mesmo sistema a todos os colectivos de emerxencias e seguridade da Xunta, os consorcios de Bombeiros e a 116 concellos galegos
  • O radio de acción desta rede acada o 90% do territorio e o 96,5% da poboación

A Xunta de Galicia aumentará a capacidade da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia (RESGAL) e incrementará as súas funcionalidades. Son os obxectivos principais, xunto co mantemento da Rede, que se recollen na licitación que vén de publicar o operador público Retegal, dependente da Amtega, e responsable da xestión de RESGAL.

O contrato, que ten unha duración estimada de 48 meses por un importe de 2,27 millóns de euros, garante o mantemento de RESGAL nas condicións de esixencia e continuidade que require unha rede deste tipo. Ademais, contempla a actualización do sistema de xestión da plataforma, o que permitirá aumentar a súa capacidade e incorporar novas funcionalidades como a integración de smartphones.

Esta posibilidade permitirá aos profesionais usuarios da Rede poder conectarse a RESGAL, a través dunha aplicación instalada nos seus móbiles en caso de atoparse fóra dunha zona de cobertura da Rede ou non dispoñer do terminal adaptado que empregan para conectarse a ela. En todo caso, as comunicacións serían tamén encriptadas e coas mesmas garantías que se o fixesen desde o terminal adaptado.

Unha rede única con máis de 5.500 terminais

A día de hoxe empregan RESGAL profesionais do 061, SERGAS, AXEGA, 112, UPA, Axentes de Medio Ambiente, Axentes Forestais, Consorcios de Bombeiros, Policías Locais e Protección Civil de 116 Concellos de Galicia.

Estes efectivos empregan dispositivos móbiles adaptados a condicións extremas e están dados de alta máis de 5.500 terminais.

Máis cobertura

Entre os anos 2016 e 2017 incrementouse a cobertura poboacional e territorial de Resgal, facendo especial fincapé nas zonas con máis risco de incendio. A instalación de 25 novas estacións radio base, 4 repetidores e unha nova estación transportable permitiron reducir nun 34% as zonas de sombra no conxunto da Comunidade e en máis dun 44% nas 565 parroquias identificadas como de alto risco de incendio.

O reforzo das infraestruturas de RESGAL ampliou o seu radio de acción acadando o 90% do territorio e o 96,5% da poboación. Con esta medida, ademais da mellora en zonas rurais, incrementouse a cobertura da Rede en núcleos de poboación de máis de 1.000 habitantes e nos Hospitais de Barbanza e Burela. Resgal conta con cobertura plena nas 7 grandes cidades e garante unha cobertura moi alta nas principais vías de comunicación, portos, aeroportos e zonas industriais de especial risco.

Tecnoloxía de última xeración

RESGAL emprega tecnoloxía TETRA, a máis punteira para este tipo de comunicacións, que garante a súa dispoñibilidade cando o resto de redes de telefonía móbil se colapsa. Este sistema caracterízase pola súa fiabilidade incluso en situacións extremas ou de saturación.

A diferenza dos sistemas convencionais posibilita a realización de chamadas en grupo, tanto dentro dunha mesma organización, como entre dispositivos de distintas organizacións que nun momento dado poidan estar traballando conxuntamente nunha mesma emerxencia.

Este sistema posibilita a incorporación de diversos servizos como a xeolocalización en tempo real da posición de todos os dispositivos de emerxencia vía GPS. Ademais, permite a consulta de bases de datos, a gravación de conversas e o encriptado das comunicacións, garantindo a súa confidencialidade.

RESGAL, froito dun convenio de colaboración entre a Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería do Medio Rural, a Amtega e a entidade pública estatal Red.es, entrou en funcionamento en 2015 para posibilitar a interconexión segura entre todos os colectivos de emerxencias, mellorando a súa coordinación, empregando a tecnoloxía máis avanzada neste tipo de redes.

25/12/201910:28
Man sostendo un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta e a FEGAMP colaboran para que os concellos do rural poidan adherirse á iniciativa autonómica de mellora da cobertura móbil

  • As entidades locais poderán presentar a súa solicitude de adhesión desde a primeira semana de xaneiro e ata mediados de febreiro
  • A Amtega e Federación Galega de Municipios veñen de asinar un convenio marco para facilitarlles as xestións aos municipios
  • As entidades locais presentarán un proxecto que inclúa cesión dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación
  • A previsión é a adxudicar o proxecto a operadores no verán de 2020, tras unha convocatoria pública en concorrencia competitiva
  • O obxectivo é completar a construción dos emprazamentos en dous anos
  • Desta actuación poderán beneficiarse núcleos de ata 118 concellos do ámbito rural nos que se ten detectado algún problema coa cobertura móbil
  • A Administración autonómica investirá ata 5 millóns de euros públicos nesta iniciativa

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e a Federación Galega de Municipios (FEGAMP) veñen de asinar o acordo marco que permitirá ás entidades locais adherirse á iniciativa autonómica para mellorar as comunicacións móbiles no rural. Desde principios de xaneiro e ata mediados de febreiro os municipios do rural interesados poderán realizar a solicitude de adhesión a través da FEGAMP. 

As entidades locais interesadas en adherirse deberán presentar un proxecto, que inclúa información de zonas nas que teñen constancia de deficiencias de cobertura así como a posta a disposición dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación e o compromiso de abordar a acometida eléctrica, para o que poderán solicitar unha axuda máxima de 30.000€. 

Aqueles concellos que cumpran cos requisitos (ter deficiencias en comunicacións móbiles, en base ao mapa de cobertura elaborado pola Amtega en colaboración co Colexio de Enxeñaría de Telecomunicacións de Galicia) integraranse nun proxecto, que se desenvolverá a través dunha encomenda ao operador publico Retegal para a construción das torres e unha convocatoria publica a operadores en concorrencia competitiva. 

O seguinte paso será a adxudicación do proxecto, prevista para finais do primeiro semestre do 2020 co obxectivos de completar a construción da totalidade das torres nun prazo de dous anos.

Desta actuación, que conta cun investimento público de 5 millóns de euros, poderán beneficiarse núcleos de ata 118 concellos do ámbito rural nos que se ten detectado algún problema coa cobertura móbil. A maioría destes núcleos teñen menos de 10 habitantes pero algúns deles rexistran gran circulación de persoas ao tratarse de destinos turísticos ou zonas situadas no Camiño de Santiago. 

Cómpre lembrar que mentres para conexión a internet existen diferentes tecnoloxías alternativas (fibra, wimax, satélite...) no caso da cobertura móbil non hai alternativa ás redes móbiles, que permitan realizar chamadas de voz en mobilidade. 

Tras consultar coa Comisión Europea a adecuación desta actuación a normativa europea, ponse en marcha esta iniciativa, semellante á outras que están a levar a cabo en Italia e que tamén están a analizar en Alemaña.

O 90% dos galegos con acceso a internet de 100Mbps en 2021

A mellora da cobertura de internet foi una das prioridades do Goberno galego que entre 2010 e 2020 terá investidos 185 millóns de euros de fondos públicos nos dous Plans de banda larga que se puxeron en marcha nesta década.

A finais de 2018 e segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Economía e Empresa, máis do 99% dos galegos dispoñen de acceso a internet a través de redes fixas e sen fíos. Ademais, o 61,5% dos galegos poden acceder a redes de máis de 100Mbps.

Actualmente, o obxectivo da Xunta é incrementar a porcentaxe de galegos con acceso a redes ultrarrápidas. Para conseguilo puxo en marcha varias actuacións, que sumadas ás do Estado permitirán que o 90% dos galegos teñan acceso a internet de 100Mbps en 2021.

Ademais, o Plan dotou de acceso a internet de ata 350 Mbps a 81 e polígonos que contan con máis de 1.750 empresas e outras 80 de zonas illadas se beneficiaron de axudas directas para poder acceder a redes ultrarrápidas.

20/12/201908:02
Díptico de Navega con Rumbo.
Santiago de Compostela

O CPEIG recibe o premio ás boas prácticas educativas para un uso seguro de internet da Agencia Española de Protección de Datos

  • Foi distinguido pola súa estratexia de sensibilización cos menores de Galicia a través de programas como “Navega con Rumbo”, posto en marcha hai nove anos coa Consellería de Educación

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) foi distinguido co Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Potección de Datos Persoais para un Uso Seguro de Internet polos Menores da Agencia Española de Protección de Datos (AEPD), na modalidade de persoas ou organizacións que promoven e difunden o dereito fundamental á protección de datos persoais entre o alumnado de Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, e contribúen a conciencialo sobre o valor da privacidade e o uso responsable da información de carácter persoal, tanto propia como de terceiras persoas, en internet.

A estratexia de sensibilización do CPEIG, para o uso responsable de internet por parte dos estudantes de Primaria e Secundaria, abarca distintas iniciativas ou programas, sempre en alianza con institucións educativas e tecnolóxicas axeitadas para sumar forzas a favor dunha Sociedade da Información na que a mocidade sexa a protagonista e teña os instrumentos necesarios para evitar riscos e non ser vítimas. “Estas iniciativas están baseadas en concienciar directamente ao alumnado, desenvolvendo os programas nos propios centros escolares e de forma indirecta a través de proxenitores e profesorado, mediante formación impartida por colexiados e colexiadas do CPEIG” –explica o presidente, Fernando Suárez–.

Estas accións do CPEIG articúlanse a través de catro iniciativas principais, que contan cunha longa traxectoria: Navega con Rumbo polo Ciberespazo, Día da Protección de Datos, Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos, e charlas en concellos sobre internet segura e de datos persoais para menores, ademais doutras iniciativas de apoio coas que se pretende implicar a máis axentes políticos e sociais.

12.000 menores participaron desde 2010 en “Navega con Rumbo”

O programa “Navega con Rumbo polo Ciberespazo” é a actividade formativa principal e con máis traxectoria das desenvoltas polo CPEIG no ámbito da divulgación, implantada hai nove anos en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia (http://www.edu.xunta.es/navegaconrumbo/). 

Ademais de ser un mundo de posibilidades para o ocio e a aprendizaxe, internet pode supoñer para os máis novos un risco, polo que “Navega con Rumbo” é unha iniciativa encamiñada a que os escolares fagan un uso responsable da rede, evitando o ciberacoso e outros perigos e dotándoos de ferramentas que lles permitan saber como actuar. Dispón de material didáctico, tres “Guías de Navegación” dirixidas a pais e nais, alumnado e profesorado, ideadas polo CPEIG.

No curso 2018-2019 impartíronse 241 sesións formativas sobre privacidade e protección de datos persoais para un uso seguro de internet polos menores en 177 centros educativos de toda Galicia. No que respecta ao número de alumnos e alumnas asistentes, o cómputo global ascende a 12.000 menores formados desde 2010 aproximadamente.

Actividades en relación á protección de datos

Cada ano o CPEIG conmemora o 28 de xaneiro o Día da Protección de Datos, difundindo unha serie de recomendacións para a poboación en xeral e os escolares en particular. O Colexio considera fundamental que a sociedade galega, así como a comunidade educativa, tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos de carácter persoal e da privacidade, e sexan conscientes das oportunidades e riscos de internet.

Nesta liña, o CPEIG tamén convoca, xunto á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o “Concurso literario infantil e xuvenil sobre protección de datos” o mesmo día da efeméride. Con xa tres edicións ás costas, o certame está dirixido a alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria e de toda a Secundaria.

Tamén o CPEIG aposta por impartir charlas itinerantes en diferentes concellos de Galicia sobre a internet segura e protección de datos persoais para menores. En concreto, en 2019 ofreceu conferencias en concellos da área metropolitana de Vigo, e outras con motivo do “Día da Internet Segura” en varias aulas CeMIT de concellos eminentemente rurais, como mostra de compromiso do CPEIG para colaborar na eliminación da brecha dixital e na igualdade de oportunidade no ámbito dixital. Asistiron un centenar de menores, proxenitores, docentes e responsables públicos. 

19/12/201911:51
Uso da app #AccesibilidadAPP en Silleda.
Silleda

A comunidade de COGAMI tira proveito dos móbiles para compartir incidencias de accesibilidade

Estes días estase a estender pola nosa terra unha aplicación de participación cidadá directamente encamiñada a facilitar a accesibilidade nos espazos urbanos: permítenos xeolocalizar atrancos para o tránsito de persoas con mobilidade reducida, compartilos, ingresalos nunha base de datos e, polo tanto, contribuír ao seu arranxo. A ferramenta #AccesibilidadAPP, está a ser empregada polas usuarias e usuarios da confederación COGAMI, en primeira instancia a través de obradoiros formativos e, tamén, mediante traballos prácticos de campo (por exemplo o que se levou a cabo estes días en Silleda, vila onde se recolleron e visualizaron, grazas á ferramenta, até 30 incidencias de accesibilidade).

Un dos obradoiros nos que se mostra como tirar proveito da aplicación móbil

Estas xeiras de traballo de COGAMI están destinadas a familiarizar á súa comunidade cos usos e vantaxes da aplicación, co fin de recoller e rexistrar os atrancos que poidan existir en rúas, edificios, infraestruturas e transporte.
Financiada por COCEMFE a través dos fondos que chegan do IRPF (marcando o recadro de “Fins Sociais”), esta aplicación é unha das ferramentas que está dentro do programa Crea Autonomía.

Como dixemos, os días pasados levouse a cabo unha sesión práctica en Silleda co fin de familiarizar aos usuarios coas potencialidades da app. Na dita xeira de traballo as persoas usuarias do centro de recursos que COGAMI ten en Medelo estiveron percorrendo as rúas do concello pontevedrés para comprobar o funcionamento de #AccesibilidadAPP. No tempo en que se activou a ferramenta, aproximadamente unha hora, recolléronse máis de 30 puntos inaccesibles para as persoas con mobilidade reducida (rebaixes mal feitos, carencia de ramplas, beirarrúas en mal estado, etc), unhas incidencias que se subiron á app para deixar constancia das mesmas.

Esta aplicación, que forma parte dun proxecto que financia COCEMFE en colaboración con Fundación Vodafone España, pode descargarse de balde para móbiles con sistemas Android.

18/12/201917:11
Xuntanza de traballo con representantes da FEGAMP.
Santiago de Compostela

A Xunta busca a colaboración das entidades locais para que Galicia se beneficie dunha Estratexia Dixital única cara a vindeira década

  • A directora da Amtega mantivo hoxe unha xuntanza de traballo con representantes da Fegamp, das deputacións provinciais e das principais cidades galegas
  • O obxectivo da colaboración entre as distintas administracións é o establecemento dun marco común de desenvolvemento dixital como rexión, que será un elemento diferencial de competitividade no novo marco europeo
  • A incorporación das entidades locais ao proceso de elaboración da EDG2030, súmase á do comité de expertos académicos creado este mes e a dos axentes económicos e sociais que participaron nos foros de debate deste verán

A Xunta incorpora aos representantes das entidades locais ao proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 (EDG2030) co obxectivo de avanzar na colaboración entre diferentes niveis administrativos para configurar un única folla de ruta dixital cara a vindeira década.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo con representantes da Federación Galega de Municipios (FEGAMP), das deputacións provinciais e das principais cidades galegas para articular súa participación na elaboración da futura estratexia dixital.

A coordinación das políticas públicas das diferentes administracións é un elemento esencial para á construción da Galicia Dixital. O obxectivo desta colaboración é o establecemento dun marco común de desenvolvemento dixital como rexión, que será un elemento diferencial de competitividade no novo marco europeo.

Desde a Xunta búscase traballar cos representantes das entidades locais para sumar esforzos en eixos prioritarios como infraestruturas e plataformas intelixentes no territorio, as competencias e o talento dixital na Comunidade, a garantía de confianza e seguridade nun contexto dixital para cidadáns, empresas e administracións públicas.

Proceso de elaboración

Esta xuntanza supón un novo fito no proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030, que arrancaba o pasado mes de xullo coa celebración dos foros de debate profesional, nos que participaron arredor de 200 axentes sociais e económicos da Comunidade, implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación. 

Representantes das principais empresas da Comunidade, do Hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil abordaron nestes encontros posibles liñas de actuación da futura Estratexia en torno a catro áreas temáticas: Territorio Verde e Conectado, Vida Dixital Economía Aberta, e Especialización Tecnolóxica.

A principios deste mes constituíuse un comité de expertos, integrado por 22 académicos do ámbito tecnolóxico, industrial, económico, xurídico, sociolóxico, educativo e sanitario das tres universidades galegas, que sumará as súas achegas á futura estratexia dixital galega

EDG2030

A Estratexia Dixital de Galicia 2030 quere contribuír a un desenvolvemento sostible da Comunidade tanto a nivel económico, como social e medioambiental. Esta nova folla de ruta para a vindeira década enmárcase na políticas europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.

Metodoloxía

Para a elaboración da EDG2030 establécese a metodoloxía de elaboración derivada do Centro Común de Investigacións da UE, contando con paneis de profesionais non soamente tecnolóxicos, senón tamén do ámbito do dereito, a economía e as humanidades. 

Estas achegas multidisciplinares serán de especial relevancia á hora de facer fronte ás cuestións éticas, xurídicas, e económicas derivadas dos novos modelos sociais e económicos vinculados á Intelixencia artificial, ao tratamento dos datos, ás adiccións, aos ciberdelitos ou o futuro do emprego... entre outras.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS