main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

17/12/201907:56
Mans de muller tecleando nun portátil.
Santiago de Compostela

A Xunta universalizará a posibilidade de pagar on line todas as xestións coa ATRIGA cun aforro anual de 42 millóns para os contribuíntes

  • Implantarase un método de pago rápido, sinxelo e seguro que aforre tempo aos cidadáns, que xa que non terán que desprazarse ás oficinas bancarias
  • Esta medida aforrará de media 75 euros ao contribuínte, ao evitarlle custos derivados de xestión, de desprazamento e de tempo de falta no seu traballo
  • Garantiralle autenticidade, confidencialidade e integridade con conexións seguras
  • A ATRIGA tamén implantará a obriga de que as persoas xurídicas e os colaboradores sociais presenten de maneira telemática os modelos de ITP-AXD
  • Os cidadáns que o desexen poderán seguir presentado estes modelos de forma presencial e a Administración dixitalizaralle a documentación e autoliquidacións

 

A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) universalizará a posibilidade de que calquera cidadán poida pagar on line, a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito, todos os ingresos xestionados pola mesma, polo que non terán que desprazarse ás oficinas bancarias, co conseguinte aforro de tempo e diñeiro. A estimación de aforro anual é de algo máis de 42 millóns de euros, grazas a que máis de 567.000 operacións pasarán a tramitarse con tarxeta.

Así se recollerá na próxima modificación do Decreto 104/2006, do 22 de xuño, polo que se regula a colaboración das entidades de crédito na recadación dos ingresos xestionados pola ATRIGA para implantar este sistema de pago por tarxeta mediante TPV.

Esta medida enmárcase nun dos obxectivos prioritarios do Plan Estratéxico 2015-2020, de fomentar unha Administración eficiente, moderna e próxima ao cidadán, pois supón unha aposta polo impulso das novas tecnoloxías como un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e facilitar ao máximo o cumprimento das obrigas por parte dos cidadáns.

Trátase dun método rápido, sinxelo e seguro, e cun evidente aforro de custos, en concreto 75 euros de media por cada xestión tributaria, no caso de empregar un solicitante a modalidade telemática fronte á presencial, segundo a ‘Guía para a análise do impacto normativo’, do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas. Neste aforro compútanse posibles custos derivados de xestión, desprazamento e de tempo de ausencia na súa actividade laboral.

Ademais, este instrumento presenta como vantaxes a autenticidade, confidencialidade e integridade mediante o establecemento de conexións seguras cos servidores web das entidades financeiras para realizar os pagos, ademais da plena dispoñibilidade para o seu acceso para todos os contribuíntes.

Presentación de modelos de ITP-AXD

Por outra banda, en liña co previsto na Lei 39/2015, unha nova orde establecerá a presentación telemática obrigatoria dos modelos do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) para as persoas xurídicas, que tamén se ampliará para os colabores sociais, é dicir, aqueles que teñen subscrito un convenio de colaboración coa ATRIGA para a aplicación das novas tecnoloxías da información nos procedementos de xestión tributaria.

Non obstante, os cidadáns que así o desexen poderán facer este trámite presencialmente e, como novidade, a Administración tributaria galega dixitalizaralle toda a documentación que achegue xunto coas autoliquidacións.

16/12/201913:42
Drons do proxecto Primare. Foto de XOAN A. SOLER.
Santiago de Compostela

A Xunta porá en marcha a segunda fase do proxecto Primare para facilitar a xestión dixital das explotacións agrogandeiras de Galicia

  • A directora da Amtega e o director xeral de Defensa do Monte inauguraron hoxe a xornada de presentación de resultados da primeira fase do Programa
  • Tras completar o período de pilotaxe valídase a plataforma como unha solución complementaria para as inspeccións da PAC, que proporciona datos xeorreferenciados das parcelas a través de drons, ofrece información procesada e permite executar a inspección de xeito automatizado
  • Os avances conseguidos poderán aplicarse nunha segunda fase de Primare para ofrecer servizos de valor engadido a través de aplicacións web e móbiles para facilitar a xestión das explotacións agrarias
  • Con esta iniciativa Galicia convértese na primeira Comunidade do Estado en poñer en marcha un proxecto de compra pública de tecnoloxía innovadora (CPTi) no ámbito do sector primario

A Xunta desenvolverá a segunda fase do Programa Primare tras validar a plataforma desenvolta para as inspeccións intelixentes avanzadas, cuxos resultados se presentaron hoxe nunha xornada celebrada na Cidade da Cultura. O encontro foi inaugurado pola directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director xeral da Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto.

Ambos representantes autonómicos expresaron o interese de que Galicia siga sendo un referente no desenvolvemento de solucións innovadoras aplicadas ao sector agrogandeiro e avanzaron, que á vista dos resultados positivos obtidos nesta primeira fase, o programa Primare terá continuidade afondando na aplicabilidade da tecnoloxía, non só no ámbito da política agraria común, senón tamén na xestión das explotación agrarias e das parcelas agro forestais de Galicia.

Esta continuidade materializarase no desenvolvemento dunha segunda fase da iniciativa, Primare - agricultura 4.0, que facilitará aos axentes do sector agrogandeiro dispoñer de ferramentas e servicios para simplificar, automatizar e facilitar a xestión asociadas das parcelas e das explotacións agrarias, e simplificar e dinamizar a súa relación coa administración.

Primare – agricultura 4.0 aproveitará os avances tecnolóxicos obtidos no desenvolvemento da primeira fase da iniciativa, que acadou importantes fitos tanto na obtención de datos a través de medios non tripulados, como na automatización dos procesos de posicionamento desta información e na análise e explotación das imaxes para obter información de valor, tanto para os produtores como para a administración. Esta plataforma senta as bases de sistemas expertos aplicables noutros eidos relacionados coa xestión do sector primario.

Preto de 100 participantes

Durante a xornada expertos no ámbito da política agraria común (PAC), representantes da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea e do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), así como dos medios aéreos non tripulados expuxeron as vantaxes do uso da tecnoloxía na simplificación dos procesos relacionados co ámbito agrogandeiro e da vindeira Política Agraria Común. A xornada contou coa participación de preto de 100 profesionais dos sectores tecnolóxico e agrario e representantes doutras comunidades autónomas interesadas no proxecto.

Cómpre destacar que Primare foi presentado recentemente na conferencia MARS, organizada en novembro pasado en Praga por parte dos grupos expertos da Comisión Europea (JRC), e na que se deu conta dos avances no eido de tecnoloxías e monitorización agrarias por participantes de toda Europa, así como das liñas a impulsar pola Comisión Europea para o novo período da política agraria común (2021-2027)

Primeiro Proxecto CPTI no sector primario

O proxecto, liderado polo Fondo de Garantía Agraria (Fogga) dependente da Consellería do Medio Rural, e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, desenvolveuse por un consorcio de empresas e centros de innovación (Seresco, Proyestegal, Insitu e o Centro Tecnolóxico Gradiant), que expuxeron o caso práctico de aplicación da tecnoloxía aos controis de campo da política agraria común, detallando os resultados conseguidos tanto dende o eido de innovación tecnolóxica, como no da simplificación, automatización e soporte ao desenvolvemento dos controis da PAC.

O Proxecto Primare é o primeiro proxecto de compra pública de tecnoloxía innovadora (CPTI) no ámbito do sector primario posto en marcha a nivel estatal, cun orzamento de 4millóns de euros cofinanciado nun 80% con Fondos Feder do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE) procedentes do convenio de colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Gain e a Amtega dentro da iniciativa "Civil Uavs Initiative“.

16/12/201910:28
Banner videoxogo.
Madrid

PlayStation e Autismo España presentan hoxe a medios o videoxogo Treasure Rangers

  • Hoxe luns, 16 de decembro, PlayStation presentará na sede de Autismo España o videoxogo.

Hoxe luns, 16 de decembro, PlayStation presentará aos medios de comunicación na sede de Autismo España o videoxogo Treasure Rangers, un divertido xogo de plataformas e aventuras no que unha cuadrilla de amigos deberá resolver, cada un coas súas destrezas, diferentes quebracabezas e misterios.

De que vai o videoxogo?

O xogador poñerase na pel de cada un dos protagonistas, en función do tipo de quebracabezas ou obstáculo: Lucy, a intelixente e deportista líder do grupo; Eric, un mozo con poderes relacionados coas plantas e a natureza; Roxy, unha inconformista de corazón rebelde e Randy, un mozo con autismo ao que lle encantan a música e os videoxogos e que demostrará que tamén é fundamental para superar as aventuras da simpática cuadrilla.

Treasure Rangers foi desenvolvido polo estudo vasco RELEVO e forma parte do programa PlayStation®Alianzas, unha área que engloba os proxectos desenvolvidos por estudos nacionais xa consolidados e que, en moitas ocasións, ven a luz tanto dentro como fóra das nosas fronteiras grazas ao apoio da compañía.

O evento de presentación a medios contará coa presenza de Amparo Rey, responsable de Comunicación e Relacións Institucionais de Autismo España; Jon Cortázar, director do estudo desarrollador RELEVO, e Roberto Yeste, director de Comunicación de SIE Iberia e responsable do programa PS Talents.

Treasure Rangers sairá mañá martes 17 de decembro, aínda que os asistentes poderán probar o xogo en primicia tras a presentación de hoxe.

Pódese ver o tráiler do videoxogo nesta ligazón de Youtube.

 

16/12/201908:14
Varias persoas traballando ao redor dunha mesa nunha startup.
Madrid

A ONCE premia a tecnoloxía innovadora que axuda a persoas con discapacidade visual

A ONCE puxo en marcha o programa Innova Emprendedores cuxo obxectivo é captar novo talento emprendedor en proxectos, moitos ligados á tecnoloxía, que busquen mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade visual.

Este programa, dirixido tanto a startups como a emprendedores particulares, quere premiar proxectos que se centren a mellorar a calidade de vida destas persoas desde unha perspectiva global, xa sexa a través da mellora do acceso ao emprego, ao lecer, á educación ou á cultura.

O programa elixirá un total de seis proxectos finalistas e dous gañadores, que terán o compromiso da ONCE para a súa implementación e para que se convertan nunha realidade.

Os emprendedores que estean interesados en participar neste novo programa teñen de prazo ata o próximo 31 de xaneiro para presentar as súas propostas.

A convocatoria está aberta tanto a empresas e particulares que xa teñan o seu produto no mercado, como aquelas que estean preto do lanzamento e que prevexan poder chegar ao público nun prazo inferior a un ano.

15/12/201911:38
Cartel edg2030.
Santiago de Compostela

A Xunta lanza dous concursos para que os máis novos participen na estratexia dixital de galicia 2030

  • Os certames porán a proba a creatividade de rapaces e rapazas de 5 a 18 anos, que deberán plasmar nun debuxo ou nun microrrelato a súa visión da transformación dixital na sociedade galega no 2030
  • Os docentes poderán inscribir aos alumnos que desexen participar desde mañá, 16 de decembro e ata o 17 de xaneiro
  • Os traballos poderán enviarse ata o día 24 de xaneiro e valoraranse por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Tecnoloxías Dixitais
  • As obras preseleccionadas como finalistas publicaranse no Facebook da Amtega para que os internautas elixan cos seus “gústame” aos 3 gañadores de cada concurso

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) quere contar coas achegas dos máis novos na elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 (EDG2030). Con este obxectivo a Axencia autonómica lanza dous concursos, un de debuxo para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos, e outro de microrrelatos, dirixido a mozos e mozas de entre 11 e 18 anos, cuxas bases se publicarán mañá no espazo web amtega.xunta.gal/edg2030/concursos.

Os obxectivos dos certames son explorar a creatividade dos máis novos a través do debuxo ou a narración, estimular a reflexión sobre como a transformación dixital afectará a nosa Comunidade nos próximos 10 anos, así como sensibilizar sobre o impacto da dixitalización na nosa Comunidade e dar a coñecer o proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030.

Concurso de debuxo

Baixo o nome “Captura a sociedade dixital!”, este concurso está orientado a que alumnos e alumnas de Educación Primaria, cunha idade comprendida entre os 5 e os 12 anos (ambas as dúas inclusive), combinen o seu talento creativo para o debuxo coa súa visión do futuro.

En concreto, os participantes deberán plasmar nun debuxo o impacto que consideran terá a dixitalización na sociedade galega no 2030: o uso das TIC, novos hábitos e necesidades que xorden pola transformación dixital, as oportunidades derivadas da aplicación das novas tendencias dixitais, etc.

Concurso de microrrelatos

“Viaxe ao 2030” é o título do concurso de microrrelatos para estudantes de ESO ou Bacharelato, cunha idade comprendida entre os 11 e os 18 anos (ambas as dúas inclusive), que deberán agudizar o seu enxeño e capacidade imaxinativa para describir o futuro.

A misión dos participantes neste certame será reflexionar sobre como esperan que a transformación dixital impacte na nosa vida diaria nos 10 próximos anos e expresalo a través dun microrrelato, describindo así a Galicia do 2030.

Posta en marcha e desenvolvemento dos certames

O persoal docente será o responsable de inscribir aos alumnos e alumnas interesados/as en participar a través dos formularios web correspondentes a cada concurso accesibles desde a web da Amtega. O período de inscrición estará aberto desde o día 16 de decembro ata o próximo 17 de xaneiro.

Os traballos, que poderán entregarse desde a apertura das inscricións ata o día 24 de xaneiro do 2020, enviaranse seguindo as instrucións recollidas nas bases e deberán cumprir coas características detalladas para cada un dos concursos.

Un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Tecnoloxías Dixitais será o encargado de preseleccionar as cinco obras finalistas por cada certame. Posteriormente, publicaranse no Facebook da Amtega para que calquera internauta que o desexe poida votar aqueles que consideren que mellor representan a Galicia do 2030 a través das tecnoloxías dixitais. Premiarase ás obras gañadoras que serán os 3 debuxos e os 3 microrrelatos que máis “gústame” obteñan.

Participación na elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030

Ambos concursos forman parte do proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030, que arrincou no mes de xullo coa celebración do I Foro de debate profesional, no que participaron arredor de 200 axentes sociais e económicos da Comunidade, implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación.

Ademais, este mes de decembro constituíuse o Comité de expertos, integrado por 22 académicos de diferentes disciplinas das tres universidades galegas, que complementará a visión dos centros tecnolóxicos e empresas, e axentes económicos e sociais que están a participar no proceso de elaboración da EDG2030.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS