
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O #LAIC, o laboratorio de experimentación cidadá tecnolóxico-audiovisual impulsado por Coruña Dixital (Concello da Coruña) vén con importantes novidades co arranque de 2020. Sen ir máis lonxe, este mes de febreiro dará acollida a un taller de innovación narrativa para ciberactivistas da man de Ciberespect, o programa da organización non gobernamental Ecos do Sur, dirixido a “combater o discurso de odio (xenófobo, racista, islamófobo, misóxino, aporofóbico, etc,…) en Internet”.
Segundo engade Coruña Dixital, traballarase sobre a base de asumir a dupla vertente das redes sociais: por unha banda son unha canle de difusión, pero, pola outra, poden ser ferramentas para desactivar a información negativa, da crispación e da xenreira. “A cuestión”, explican, “é como aproveitar as potencialidades do entorno dixital para evitar que este discurso excluínte, e mesmo agresivo, se apropie dos espazos dixitais”. Neste laboratorio, que se vai desenvolver os martes 4, 11 e 18 de febreiro no Centro Ágora da Coruña, abordarase esta cuestión desde “unha perspectiva conceptual con desenvolvementos prácticos, nos que as participantes construirán colectivamente novos relatos e deseñarán accións concretas para a comunicación de causas sociais”. O programa a seguir será o seguinte:
O laboratorio de Ciberespect inclúe ademais unha aula virtual para o acompañamento en liña do alumnado nas intervencións de ciberactivismo que desenvolva. Esta actividade, que pode ser de especial interese para persoas relacionadas co ámbito da comunicación e das entidades sociais, ten prazas limitadas.
A Universidade de Vigo deu a coñecer estes días novidades relativas á competición de robots da Escola de Enxeñaría Industrial, que cada ano desde hai seis congrega centos de estudantes. Segundo fixo saber, este 2020 remodelarase a denominación das categorías e incorporaranse outras novas. Desta maneira, a sección WAAL-e (para alumnado de ESO e Bacharelato) pasará a ser BE-ROBOT e a modalidade R2D2 (para estudantes de graos e FP), DeMo-ROBOT. O concurso celebrarase o 24 de abril a partir das 10.30 da mañá en varias recantos da escola do Campus de Vigo. Segundo explicou Juan Pardo, director do centro, nas cinco anteriores edicións participaron máis de 4.000 estudantes da ESO, Bacharelato, FP e universidade de toda Galicia.
Este ano agárdanse cifras semellantes aos dos dous últimos anos, nos que se acadaron os 1.000 participantes e os 171 equipos, o tope permitido, determinado polas limitacións físicas da Escola. O prazo para realizar a inscrición na competición remata o 30 de xaneiro. Xunto ao cambio nas denominacións das categorías de competición, a edición deste ano do concurso introducirá pequenas variacións coas que “se pretende estimular ás e aos concursantes”, como a de “ter que superar cos robots unha pequena rampla, un velódromo mareante no caso da categoría BE-ROBOT ou unha proba de triplo ensaio con illote”, explica o director da escola.
A competición de robots mantén vixente o obxectivo para o que foi creada, que é “espertar o interese dos rapaces e das rapazas polas disciplinas STEM”. En palabras de Juan Pardo, “estamos a vivir nun mundo onde a tecnoloxía é unha realidade que está a cambiar os nosos modos de vida e a transformar os empregos do futuro e isto hai que cultivalo desde as bases do concurso, fomentando o interese pola tecnoloxía”.
O proxecto D3Mobile, promovido no Campus de Lugo (Grupo Cigeo), é unha das catro Iniciativas Educativas apoiadas este ano pola Sociedade Internacional de Fotogrametría e Sensores Remotos (ISPRS). En virtude disto, a devandita entidade patrocinará este ano que vén de comezar o campionato científico escolar impulsado pola USC, que consiste, como lembraremos, nun programa para facer que abrolle e se fortaleza o talento das e dos estudantes de ensino medio a través do escaneado 3D de precisión. O certame galego é un dos catro proxectos incluídos na convocatoria máis recente de iniciativas educativas da ISPRS.
Segundo recorda a Universidade de Santiago, a devandita entidade é a sociedade internacional máis antiga no seu eido de actividade, e adícase en boa medida a desenvolver a cooperación entre países para o avance da fotogrametría, a teledetección e as ciencias da información espacial e as súas aplicacións. Está constituída por máis dun centenar de organizacións dun cento de países e conta con financiamento de entidades referenciais do sector como a NASA, Airbus ou Leica Geosystems. O proxecto D3Mobile, que na súa oitava edición (a actual, xa en marcha) conta coa colaboración da Universidade de Florencia, foi seleccionado para o seu financiamento por parte da ISPRS xunto a outras tres iniciativas promovidas polo Instituto Universitario Politécnico de Turín, a francesa Universidade de Aix-Marsella e a Universidade de Enxeñaría Civil e Arquitectura de Beijing. Segundo destaca a Universidade de Santiago, “a inclusión de D3Mobile entre as catro propostas seleccionadas como Iniciativas Educativas da ISPRS converte á USC na primeira universidade española que acada financiamento nesta convocatoria internacional”.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, durante a toma de posesión do novo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a publicación no vindeiro mes de febreiro, no Diario Oficial de Galicia, da primeira convocatoria de investigadores distinguidos, que permitirá que 15 investigadores de alto nivel -5 na categoría de retención e 10 na categoría de retorno- se incorporen ás universidades galegas este mesmo ano, cunha axuda adicional para desenvolver os seus proxectos de investigación.
Logo de precisar ademais que este número incrementarase progresivamente nas vindeiras convocatorias, en función dos resultados obtidos nesta convocatoria piloto, Feijóo quixo durante a súa intervención reeditar o compromiso da Administración autonómica coa investigación, cuns investimentos directos nas tres universidades en 2019 que superaron os 61 millóns de euros, sendo esta a partida incluída no plan de financiamento cun crecemento maior cada ano.
Máis polo miúdo, o titular da Xunta subliñou que estes investimentos soportan 500 contratos activos de investigadores en formación dos programas propios, que son un dos activos máis importantes da Comunidade, así como o cofinanciamento do traballo doutros 70 investigadores dos máis prestixiosos programas nacionais. E recordou tamén que 235 grupos de investigación de referencia competitiva ou de potencial crecemento teñen un financiamento estrutural estable a 3 e 4 anos, traballando neles máis de 1.000 investigadores estables.
Nesta mesma liña, aseverou que a Cidade das TIC na que se está a traballar é a proba de que a Universidade da Coruña camiña pola ruta de máis unión da Universidade coa súa contorna, “e desde logo, a Xunta estará aí para apoiala porque é o noso compromiso e porque pensamos que será útil para o sector da tecnoloxía, para a cidade e para Galicia”.
Galicia referente no apoio aos centros de investigación
Así mesmo, resaltou que Galicia é referente no Estado no apoio aos centros de investigación universitarios, e lembrou que o DOG de onte recolle a concesión das axudas da última convocatoria pola que se concederon 18 millóns de euros a 8 deses centros, situándoos nun contexto de alta competitividade en Europa. Esta axuda, que garante o seu funcionamento ata 2022, incrementa a súa contía un 75% con respecto ao período 2016-2019.
Para darse de conta da magnitude da convocatoria, Feijóo lembrou que a maior certificación que se obtén en España, ser centro Severo Ochoa, outorga un financiamento anual dun millón de euros, e a certificación María de Maeztu, a segunda en importancia, outorga medio millón anual. “Pois ben, un centro galego obtivo un millón de euros, dous máis recibirán máis de 900.000 euros/ano e outros catro superan con amplitude os 500.000 euros”, precisou, constatando que, en total, sete centros de investigación universitaria galega recibirán un financiamento base superior ao da maioría dos centros de investigación punteiros recoñecidos en España.
As transferencias do Plan de financiamento do SUG marcarán un novo teito: 443M€
A mellor mostra de que a Universidade é prioritaria ponse de manifesto, segundo o presidente da Xunta, no feito de que esta xa recuperou hai dous anos os niveis de orzamento precrise. Así, mentres os orzamentos de Galicia aínda non recuperaron neste 2020 o nivel de 2009, a universidade galega xa o recuperou en 2018.
Ao respecto, reiterou que as transferencias do Plan de financiamento ás tres universidades galegas marcarán un novo teito, ao recibir 443 millóns de euros. Unha proba máis do compromiso innegable da Comunidade coas súas universidades, que fai posible que cada día se dediquen a ela máis de 1,2 millóns de euros.
“Unha cantidade que debe seguir crecendo e que tentaremos conseguilo a través do novo Plan de financiamento 2021-2025, que comezaremos a deseñar xa en febreiro”, avanzou, ao que engadiu que ese compromiso reflíctese tamén en termos relativos, é dicir, en comparación co resto de comunidades autónomas de España, xa que segundo o estudo realizado polo Observatorio do Sistema Universitario, Galicia ocupa a terceira posición no conxunto de España no tocante á porcentaxe do PIB dedicada á financiación universitaria.
Especialización dos campus, un reto do futuro
Durante a súa intervención, o responsable do Goberno galego referiuse tamén á especialización dos campus e animou ás universidades galegas a seguir por ese camiño, xa que do seu éxito depende a xeración de profesionais cos perfís adecuados para responder en cada momento ás necesidades e demandas da sociedade e do mercado laboral.
Logo de resaltar que Galicia é a primeira Comunidade Autónoma que vai regular un procedemento desta natureza, cun plan único en España que xa frutificou en oito campus especializados, dos que tres corresponden á UDC, Feijóo lembrou que o investimento realizado e comprometido nos campus no período 2013-2020 supera os 17 millóns de euros e, dado que nalgún caso xa está nunha fase moi madura, avogou por iniciar o procedemento de acreditación formal dos campus de especialización.
A orde que regula este procedemento publicouse no pasado outono e os campus que superen o proceso recibirán a acreditación, que leva asociada a aprobación dun plan de investimentos a catro anos, para acometer as accións previstas na súa estratexia docente, investigadora e de transferencia.
Co novo ano colleu impulso a terceira edición do programa Tecnólog@ por un día, que brinda a estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar “en primeira persoa” unha xornada laboral con profesionais de empresas do sector TIC en Galicia (desta volta ofrécense 74 prazas). Ao abeiro da iniciativa, unha das accións de DigiTalent da axencia autonómica AMTEGA, xa se están a organizar visitas a 12 empresas galegas ou con importante presenza en Galicia. Entre elas atópase Coremain, que vén de achegarnos á realidade da súa experiencia cos vindeiros profesionais tecnolóxicos da nosa terra, unha experiencia na que recunca Coremain logo da súa participación nas anteriores edicións de Tecnólog@ por un día.
Segundo informa a empresa con sede principal en Santiago, no Polígono de Costa Vella, as visitas están a permitir aos profesionais da área de BPO compartir e resolver as inquietudes dos estudantes dos centros educativos de Santiago (Colexio Manuel Peleteiro e IES Rosalía de Castro), Pontevedra (Frei Martín Sarmiento), Cambre (IES David Buján) e A Estrada (IES Manuel García Barros), que visitaron nas últimas semanas as dependencias da empresa, compartindo un interese común por descubrir o funcionamento interno dunha compañía tecnolóxica como é Coremain. Ao longo das visitas os profesionais da empresa tiveron a oportunidade de facer abrollar, moitos por vez primeira, cadansúas facetas docentes.
Polo que se refire aos estudantes, mostraron especial interese en comprender a aplicación da programación nunha contorna real, os usos prácticos de linguaxes como Java ou Python ou as metodoloxías para a creación de macros Macrotest. Tamén quixeron afondar no proceso de concepción dun robot, que puideron experimentar en primeira persoa a través dalgúns dos proxectos en marcha de Coremain e dunha actividade práctica e moi dinámica na que se lles propuxo desenvolver un automatismo desde cero. Os estudantes participantes na experiencia aproximáronse ademais ao desenvolvemento de software e as distintas fases que implica este proceso, así como as metodoloxías máis empregadas nesta área.