main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

11/02/202012:15
A conselleira participou no congreso da Axencia Espacial Escolar Galega NOSA.
Santiago de Compostela

Carmen Pomar salienta a aposta de Educación por fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o estudantado galego

  • Subliñou a importancia de aprender a investigar, a deseñar proxectos, a expoñer ideas e a divulgar contidos, unha metodoloxía de aprendizaxe que lle servirá ao alumnado para toda a súa vida

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe no IV Congreso MarumaSat, onde destacou a aposta do seu departamento por fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre o estudantado galego, “unha vontade compartida” coa Axencia Escolar Galega, NOSA, organizadora deste encontro.

NOSA é proxecto educativo do que forman parte seis centros públicos, o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Miraflores (Oleiros), o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), o IES Arzobispo Xelmírez II (Santiago de Compostela), o CPI O Cruce (Cerceda) e IES Ferrol Vello (Ferrol). En marcha desde o curso 2014/2015 , ten como obxectivo principal levar ás aulas un modelo de traballo colaborativo a través do deseño e construción dunha cápsula estratosférica (MarumaSat) que, no terceiro trimestre de cada curso, realiza un voo suborbital.

Carmen Pomar subliñou a importancia de NOSA na medida en que se realiza un traballo en equipo, onde os alumnos aprenden a investigar e a deseñar proxectos aplicando o método científico, a expoñer ideas e argumentos e a divulgar os logros obtidos. “Estades adquirindo unhas habilidades que vos serán útiles durante toda a vosa vida” sinalou a conselleira dirixíndose aos rapaces asistentes ao Congreso, a quen felicitou pola súa capacidade de traballo e creatividade. Así mesmo a conselleira loou a implicación dos docentes impulsores de NOSA, que desde distintas áreas sexan a tecnolóxica, as matemáticas ou a lingua e a literatura, “comparten valores educativos, pedagóxicos e metodolóxicos”.

Misión MarumaSat

Desde o primeiro lanzamento, e coa progresiva incorporación ao proxecto dos diferentes centros, a misión MarumaSat ten incorporado moitas melloras e un gran contido científico. De feito, as últimas cápsulas contaban con elementos como radiosonda atmosférica, placa Arduino con sensores de ozono, presión, humidade, temperatura e altitude e varios experimentos biolóxicos cos que se pretendían avaliar as condicións de habitabilidade do artefacto.

Neste momento os centros integrantes de NOSA están a traballar na misión Marumasat IV, con ambiciosos obxectivos como o de acadar un novo récord de altitude, incluír novos módulos de xeoposicionamento e, como obxectivo estrela, enviar un detector de muóns para facer unha nova comprobación experimental da relatividade especial de Einstein.

O espírito do programa, compartido por todos os docentes implicados, é concienciar o alumnado da utilidade dos coñecementos que adquire para dar resposta a retos tan complexos como desenvolver esta cápsula estratosférica. A iniciativa afonda, ademais, na cooperación entre alumnado dos distintos centros e diferentes idades.

Estratexia STEM

A Xunta de Galicia conta cunha estratexia específica, Edudixital, para impulsar entre as alumnas e os alumnos o interese polas competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), necesarias para executar iniciativas como a Axencia Escolar Galega NOSA. O obxectivo é que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, co fin de que ao finalizar os estudos acade un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica.

Entre as accións desenvolvidas ao abeiro desta estratexia está a oferta de materias como a de Programación e a de Robótica, a dotación de kits de robótica a centros de primaria e de secundaria, a creación de Espazos Maker –tamén dotados de materiais específicos– ou o impulso de Clubs de Ciencia nos centros de ensino. Asemade, anualmente convócase a Semana STEM e a STEMWeek, estadías onde a rapazada pode poñer en práctica os diferentes coñecementos adquiridos na aula.

Así mesmo, no curso 2018/19 implantouse por primeira vez en Galicia o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach), que este curso imparten xa 31 centros.

11/02/202008:10
Unha nena utiliza unha tableta ás escuras tombada sobre unha cama.
Santiago de Compostela

Unha ferramenta para protexer aos pequenos dos perigos da internet

A tecnoloxía ofrécenos moitas posibilidades para mellorar a nosa calidade de vida, pero tamén nos expón a novos perigos que nos afectan a todos, pero especialmente aos colectivos máis vulnerables, como as persoas maiores ou os nenos, cunha especial atención para persoas con discapacidade que poidan ter maiores dificultades para detectar esas ameazas.

Para evitar que esta cara negativa do avance da tecnoloxía supoña un verdadeiro prexuízo para a nosa vida, as compañías de telecomunicación empezaron a poñer foco en ofrecer ferramentas e solucións que melloren a protección fronte a este tipo de ataques e ameazas.

Unha das solucións máis avanzadas é a que acaba de presentar Movistar. Chámase Qustodio Premium e ofrece un conxunto de ferramentas para aumentar o coñecemento e a prevención fronte a posibles comportamentos inadecuados ou inseguros dos máis pequenos.

Este novo produto está dispoñible para os clientes da compañía e pódese instalar en ata 5 dispositivos, sendo compatible con Android, iPhone, iPad, Windows e Kindle. Tamén integra o Portal Familiar a través da web.

Este servizo protexe os dispositivos fronte a contidos inapropiados, permite establecer límites de tempo, facer un seguimento en tempo real do uso de Youtube ou medir o tempo total que dedican ás redes sociais.

Ademais, os pais poderán localizar en calquera momento aos seus fillos nun mapa, e recibir notificacións cando entran ou saen dos sitios habituais predefinidos.

A ferramenta está pensada para nenos, pero é tamén moi útil para o coidado de persoas maiores que necesitan este tipo de atención ou de persoas con discapacidade que tamén deban recibir esta axuda.

11/02/202007:59
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O CPEIG promove un uso seguro e positivo da tecnoloxía entre a mocidade no Día da Internet Segura

  • Fernando Suárez, presidente: “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, indicándolles a importancia da seguridade online e actuando como referentes de comportamento dixital”
  • Aconsella aplicar o sentido común para evitar software malicioso, actualizar o sistema operativo, instalar un bo antivirus, realizar copias de seguridade, ter precaución coas redes Wi-Fi públicas e usar controis parentais

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) súmase ao Día da Internet Segura, “Safer Internet Day” (SID, polas súas siglas en inglés), un evento promovido pola rede INSAFE/INHOPE co apoio da Comisión Europea e organizado en España polo Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), que se celebra mañá martes, 11 de febreiro.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, destaca que a xornada de mañá está destinada a promover un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, especialmente entre nenos e mozos, e concienciar sobre a seguridade en internet. Co obxecto de destacar o carácter positivo de internet, o lema de 2020 é "Unha internet mellor comeza contigo: xuntos aprendemos ciberseguridade", que invita a sumarse ao movemento global, participar e aproveitar o mellor da internet para unir ás persoas, facendo un uso da tecnoloxía “responsable, respectuoso, crítico y creativo”. Aínda que está dirixida especialmente a nenos e mozos, tamén os pais e titores, profesores, educadores e traballadores sociais, así como empresas e responsables políticos, deben participar para procurar de forma activa a creación dunha internet mellor.

En concreto o presidente do CPEIG destaca que se debe facer fincapé na importancia da ciberseguridade, privacidade e o uso seguro das TIC na contorna dos menores, co obxecto de protexer a súa reputación e a dos demais. “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, indicándolles a importancia da seguridade online e actuando como referentes de comportamento dixital” –sinala–.

Consellos para unha Internet Segura

Ademais das características propias de seguridade dos equipos tecnolóxicos, é fundamental que os usuarios tomen conciencia da importancia de reforzar a súa ciberseguridade. O CPEIG recorda algunhas medidas básicas de protección para mitigar os riscos e protexer os datos persoais e profesionais: 

  • Sentido común. A prudencia é a mellor barreira contra o malware (software malicioso). Coida especialmente o apartado de descargas e instalación de aplicacións de sitios non seguros; a navegación por determinadas páxinas de internet; a apertura de correos electrónicos ou arquivos engadidos non solicitados ou que chegan de remitentes descoñecidos, ou os que chegan de redes sociais ou aplicacións de mensaxería que conteñen vulnerabilidades explotables polos ciberdelincuentes para as campañas de malware.
  • Actualiza o sistema operativo e aplicacións. Todos os sistemas operativos contan con ferramentas para manter actualizados os seus equipos. Son de uso obrigado porque inclúen actualizacións de seguridade contra ameazas coñecidas. Tan importante, ou mesmo máis que a anterior, é a actualización de aplicacións instaladas ás últimas versións, xa que soen incluír parches de seguridade. Cando as versións son máis antigas, teñen maior risco de ser atacadas por ciberdelincuentes que atopan vulnerabilidades no programa.
  •  Instala un bo antivirus. É unha ferramenta imprescindible para un correcto funcionamento dos equipos cando estean conectados a Internet. E na era dos móbiles, as solucións de antivirus tamén deben exportarse a estes dispositivos para facer fronte ás continuas ameazas dirixidas aos usurarios.
  • Protexe os navegadores. Todos os navegadores web inclúen características avanzadas de seguridade, pero débese revisar e configurar a súa activación porque son as aplicacións coas que se accede a internet e os seus servizos. Tamén se debe prestar atención aos avisos sobre sitios inseguros que mostran os navegadores, e revisar as extensións instaladas porque algunhas son fonte frecuente de introdución de malware. Outra posibilidade interesante para mellorar a privacidade é utilizar unha sesión en «Modo Invitado», totalmente desligado do perfil orixinal do usuario, incluíndo configuración ou historial.
  • Coida os contrasinais. A regra de ouro para estar seguro en liña é contar cun contrasinal aleatoria forte e distinta para cada sitio web, especialmente para uso nos destinados a banca en liña e comercio electrónico. Os contrasinais longos e complexos (combinando números, maiúsculas e símbolos) preveñen os ataques. O uso dun contrasinal diferente para cada conta evita ter todas elas comprometidas a vez cando se produce unha violación de datos. Pódense utilizar xestores de contrasinais que as crean e as recordan.
  • Realiza copias de seguridade. A realización de copias de seguridade é altamente recomendable para un usuario ou profesional que pretenda protexer a información persoal e corporativa dun equipo informático, ademais de ser una tarefa de mantemento que contribúe á saúde do hardware. As copias de seguridade deben almacenarse nun dispositivo de almacenamento externo ao do equipo ou nun servizo de almacenamento na nube.
  • Precaución coas redes Wi-Fi públicas. Os puntos de acceso a internet sen fíos e gratuítos estendéronse por múltiples espazos en poboacións, zonas de restauración, aeroportos, estacións de tren ou metro, hoteis e en todo tipo de negocios. Demostradas altamente inseguras, pódense utilizar para unha navegación intrascendental, gardando as debidas precaucións, pero non para accesos que requiran mostrar os teus datos, accesos e contrasinais. 
  • Activa a restauración do sistema. A restauración dos sistemas operativos é unha ferramenta que pode “salvarnos a vida” ante un erro do software, instalación de drivers ou dalgunha aplicación que non funciona correctamente, e tamén ante a entrada dun virus no equipo.
  • Engade controis parentais. Os máis pequenos tamén se conectan a internet. Así que deben estar advertidos sobre as ameazas que poden atoparse en liña. É importante axudalos a distinguir entre páxinas e ofertas enganosas, das que non o son. Os controis parentais poden resultar moi útiles para impedir que nenos e adolescentes accedan a sitios web inapropiados. Tamén están indicados para limitar o tempo que pasan conectados á rede.
  • Usa as redes sociais con cabeza. Os usuarios de redes sociais deben ter coidado co que comparten nelas, xa que non é conveniente compartir información persoal, incluíndo imaxes privadas, direccións postais ou números de teléfono, levando un control exhaustivo das amizades e en redes sociais.

 

11/02/202007:43
Mesas e cadeiras dun colexio.
Santiago

O alumnado de ESO, FP e Bacharelato poderá visitar empresas e centros tecnolóxicos galegos

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de lanzar o novo programa EduTecEmprende, a través do que alumnado de FP e Bacharelato poderá visitar empresas e centros tecnolóxicos da nosa comunidade. O obxectivo desta iniciativa, que se enmarca no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo (Eduemprende), é motivar e sensibilizar os estudantes de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como a promover a súa achega ás áreas STEM.

As empresas e centros tecnolóxicos colaboradores, que os estudantes visitarán en función do curso no que estean, serán os concesionarios de automoción Pérez Rumbao, a Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, as centrais de enerxía de NATURGY, as instalacións de Aluminios Cortizo (Padrón), o centro tecnolóxico de ANFACO-CECOPESCA (Pontevedra), o de AIMEN (O Porriño), o Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (Ferrol), e as empresas GRADIANT (Vigo) e ENERGYLAB (Vigo). Durante as visitas, as alumnas e alumnos terá a oportunidade de entrar en contacto con novas técnicas de produción, tecnoloxías intelixentes no seo da industria 4.0 e diversas profesións, a través das experiencias dos traballadores e das traballadoras, e coñecer o funcionamento dun centro tecnolóxico. Previamente á visita, o centro traballará a actividade propia da empresa ou do centro tecnolóxico que se lle asigne, así como a súa implicación no sector produtivo correspondente, incorporando as actitudes e os valores propios do emprendemento. Rematado o programa, o profesorado coordinador enviará unha memoria, na que se recolla o traballo realizado e as conclusións das persoas participantes. O labor realizado polo profesorado coordinador deste programa será recoñecido pola Administración como actividade de innovación educativa, cunha equivalencia de 12 horas de formación permanente do profesorado.

Solicitudes e financiamento

O programa vai dirixido ao alumnado de 3º e 4º de ESO, bacharelato e formación profesional e poderán solicitalo os centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de febreiro de 2020. Os detalles da convocatoria poden consultarse na convocatoria no Portal de FP.

Os centros recibirán unha achega económica para o desenvolvemento do programa, que deberá ser específica para cada empresa ou centro tecnolóxico solicitado, ata un máximo de 300€. Cada centro poderá enviar unha única solicitude, na que poderá demandar máis dunha visita, coa orde de prioridade.

11/02/202007:39
Momento da formación.
Oleiros

O CITIC impartiu un obradoiro de análise de datos no IES Miraflores de Oleiros

Un equipo de investigadoras e investigadores do Centro de Investigación TIC da UDC participaron os días pasados nunha actividade divulgativa para mostrar, diante do alumnado pre-universitario, o potencial e as posibilidades (de investigación científica e tecnolóxica, de emprendemento, de empregabilidade) que se abren co estudo dos datos a gran escala, para moitos especialistas o ouro da era dixital. A experiencia, na que participaron Ricardo Cao Abad, Ana López Cheda, Inés Barbeito Cal e Rebeca Peláez Suárez, levouse a cabo no IES Miraflores de Oleiros, o pasado martes, ante estudantes de primeiro de Bacharelato. A actividade continuará este martes 11.

Segundo informa o CITIC, o alumnado do centro docente que participou na experiencia tivo a oportunidade de realizar un caso práctico cos investigadores. Ademais, recibiron orientación sobre a oferta académica da FIC (Facultade de Informática da Coruña), especialmente en relación co ámbito da ciencia e enxeñaría de datos.

A actividade abeirouse ao programa STEMbach, Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, creado ao amparo da estratexia Edudixital 2020.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS