
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A comunidade de MeLiSA, a asociación de software libre de Melide, informou do comezo da sexta edición do programa para formar en programas libres aos reclusos dos centros penitenciarios da nosa terra. Segundo lembraron os voluntarios do colectivo, a iniciativa arrancou en 2013 como parte das actividades que leva a cabo a entidade para a difusión das tecnoloxías sen cancelas a diferentes sectores sociais da nosa Comunidade. Nestes últimos anos foron realizadas diferentes obradoiros en cada un dos centros penitenciarios de Galicia, así como nos centros CIS de Vigo e A Coruña.
Na presente edición, que comeza este venres 14 de febreiro no Centro Penitenciario de Monterroso, vanse impartir aqueles contidos necesarios para os exames da certificación galega de competencias dixitais (CODIX) que se promove dende a axencia AMTEGA. Ao abeiro da cita que comeza hoxe, un grupo reducido de internos vai recibir formación no manexo dos aplicativos LibreOffice Writer e LibreOffice Calc. Nesta ocasión, o responsable desta formación será o voluntario de MeLiSA, Rafael Rodríguez Gayoso, que se vai apoiar nos recursos que se puxeron en marcha en anos anteriores, tales como a Aula de Informática da UTE, ou a plataforma de teleformación (Moodle) que nesa mesma aula está dispoñible. O programa de MeLiSA forma parte das actividades que a asociación realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2020 da Xunta de Galicia.
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) nun dos obradoiros Fly the future, unha iniciativa organizada pola multinacional Babcock en colaboración coa Xunta no marco das actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia.
A actividade Fly the future amosa o lado práctico das carreiras vinculadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (STEM) aos mozos e mozas a través da explicación, interacción e visión das solucións tecnolóxicas desenvoltas pola compañía Babcock no Polo Aeroespacial de Galicia.
Os estudantes do IES O Perdouro de Burela que participaron hoxe na iniciativa realizaron unha visita ás instalacións do CIAR, infraestrutura de referencia a nivel europeo para a realización de ensaios con vehículos non tripulados, e tiveron tamén a oportunidade de ver demostracións de voo con drons e simulacións de realidade virtual con lentes 3D. Desde hoxe e ata o 4 de xuño un total de 145 alumnos de cinco centros educativos participarán neste iniciativa. Ademais do instituto burelense, asistirán estudantes do IES de Ortigueira, do IES Punta Candieira de Cedeira, do IES de Foz e do IES María Sarmiento de Viveiro.
Fly the future inclúese no programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia, que inclúe diferentes actividades para o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas e que ten como obxectivo espertar o interese polas carreiras STEM entre a mocidade. Está dirixido a estudantes de educación primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos e educación especial, así como á comunidade universitaria. Tamén contempla accións abertas a todo tipo de público.
Neste contexto, onte comezou tamén a iniciativa Enxeñando futuro, en colaboración con Indra, na que participarán ata xuño 132 alumnos do IES Manuel García Barros da Estrada, do CPI Dr. López Suárez do Saviñao, do IES Urbano Lugrís de Malpica de Bergantiños, do IES Monte das Moas da Coruña e do IES Ricardo Carballo Calero de Ferrol.
O programa de fomento de vocacións científico-tecnolóxicas conta coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas e das empresas Boeing, Indra e Babcock.
O vindeiro 9 de marzo levarase a cabo un Open Day ou xornada de portas abertas en Rozas para presentar á comunidade educativa as actividades e proxectos que se están a levar a cabo no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL lanzan a segunda edición do concurso #ApuntasTech?, o certame destinado a promover vocacións tecnolóxicas femininas e impulsar, deste xeito, a presenza das mulleres nas carreiras STEM, hoxe en día en retroceso.
Máis polo miúdo, o obxecto principal do concurso é “xerar un catálogo de propostas concretas que axuden a espertar o entusiasmo pola tecnoloxía e alentar as vocacións tecnolóxicas temperás, principalmente entre as nenas de 10 a 15 anos (5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de Secundaria)”. Este concurso enmárcase dentro das actividades do oitavo Día das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day), que se celebrará o vindeiro 23 de abril, día no que se fará pública a decisión do xurado do concurso. Este acto celebrarase no CESGA e será retransmitido en directo a través de Internet.
Toda a información e instrucións para participar no evento está publicada na web da devandita iniciativa conmemorativa.
Gozar as novas tecnoloxías
O certame trata de escoitar e recoller as ideas das e dos protagonistas para gozar das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) na aula de “forma transversal, variada e inclusiva”. Este catálogo de ideas, informan as entidades convocantes, “será un recurso de gran utilidade para poder traballar as tecnoloxías de forma amena, principalmente na aula, pero tamén fóra dela, en actividades extraescolares, en familia, etc”. Logo farase unha escolma das mellores propostas e publicarase con licencia aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes acubillos de materiais educativos online.
O obxectivo é achar “propostas divertidas, apaixonantes e innovadoras”, informan as entidades, engadindo que as contribucións deberán ter en común “facer uso das TIC de forma creativa, tanto con software como hardware, onde o uso da tecnoloxía non sexa unicamente o seu obxectivo final, senón un medio, e sexa posible levalas a cabo no contexto escolar (en tempo, orzamento…)”
Bases e máis información
O concurso conta con catro categorías, dúas para estudantes (Primaria –equipos de 2 a 6 nenos e nenas de 5º ou 6º, cun mínimo do 50% de nenas–, Secundaria –equipos de 2 a 6 rapaces e rapazas de 1º a 4º da ESO ou Bacharelato, cun mínimo do 50% de rapazas– e dúas para adultos (centros educativos e outros centros/institucións). Cada categoría conta cun premio principal e dous accésits. A convocatoria estará aberta para recibir propostas até o 15 de abril. As propostas deben enviarse a concurso.apuntastech@cesga.gal.
Comeza na Cidade da Cultura a quinta edición do coworking de Santiago de Compostela, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e o Centro de Emprendemento Creativo do Gaiás, onde os promotores de 22 iniciativas de emprendemento recibirán formación, asesoramento e titoría durante os próximos cinco meses na posta en marcha das súas iniciativas empresariais.
As actividades dos 22 emprendedores -17 mulleres e 5 homes- que participan na aceleradora compostelá centraranse no sector cultural e as TIC, nos que está especializado este espazo. Así, entre as iniciativas, inclúense proxectos de deseño e produción de produtos artesanais, deseño de xoiería creativa, fotografía e dirección creativas, ilustración, posta en valor do patrimonio galego, turismo e ensino e asesoramento en distintos ámbitos.
Durante a súa estancia no Centro de Emprendemento Creativo do Gaiás (CEM), poderán tamén acceder aos recursos técnicos e formativos deste espazo e da programación anual da Cidade da Cultura en torno ao emprendemento, ademais de aproveitar para crear redes de contactos con preto dun centenar de emprendedores residentes no CEM, na procura de sinerxías e oportunidades de negocio.
Nos próximos días darán comezo tamén as accións de formación e asesoramento no resto de espazos coworking da rede impulsada pola Xunta, que nesta edición contará con tres novas aceleradoras relacionadas con actividades específicas. Así, a do Ribeiro, situada no concello ourensán de Cenlle, promoverá a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular, mentres que a aceleradora de Palas de Rei (Lugo) se centrará no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea. O espazo que se abrirá no Morrazo, en Moaña, impulsará a procura de novas oportunidades a emprendedores e empresarios relacionados co sector naval.
As novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña lucense (con sede en Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); Terras da Limia (Celanova); A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños); Santiago de Compostela; Ferrolterra (CIS Galicia en Ferrol) e O Salnés (Vilanova de Arousa).
A rede de espazos coworking promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.
Ademais desta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición dos emprendedores instrumentos de apoio que inclúen axudas directas habilitadas a través de programas como Galicia Emprende ou Galicia Rural Emprende, préstamos directos no marco do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, ou o financiamento a través de fondos de capital risco como Galicia Iniciativas Emprendedoras que coordina XesGalicia.
O programa ‘DigiCraft non teu cole’, impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Amtega e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, e a Fundación Vodafone España celebran hoxe unha xornada de formación do segundo itinerario do programa na que participan os 100 docentes implicados. DigiCraft é un innovador programa formativo que desenvolve as competencias dixitais a través do xogo e a experimentación dos nenos e nenas galegos de 6 a 12 anos e que comezou a súa andaina a finais de outubro.
A xornada de hoxe, de oito horas de duración, ofrece aos docentes a capacitación necesaria para impartir as 14 actividades incluídas neste itinerario e que se centran en Intelixencia artificial e Robótica. Unha das actividades é ‘Indiana…bot’, no que descubrirán algúns dos compoñentes habituais nun robot e, posteriormente, crearán e percorrerán un circuíto, utilizando distintos materiais reutilizables a modo de obstáculos que deberán sortear controlando o seu robot. Neste caso desenvólvense, entre outras, aptitudes de programación, toma de decisións e creatividade.
Na primeira avaliación do proxecto, levada a cabo a finais de xaneiro, os 50 centros participantes destacaron o seu carácter innovador, a calidade dos materiais que forman parte do kit de DigiCraft, as aptitudes que se traballan, e, sobre todo, a gran motivación que provoca nos nenos e nenas, que acaban cada actividade con ganas de seguir ampliando as súas competencias dixitais.
Visita
Para facer un seguimento do programa, representantes de ambas as institucións visitaron na xornada de onte o CEIP da Cruz e o CEIP Antonio Palacios, ambos colexios situados na provincia de Pontevedra, onde puideron comprobar de primeira man os resultados do primeiro itinerario de DigiCraft, centrado en Realidade Aumentada e Videoxogos.
Esta visita permitiu pulsar a opinión dos docentes e alumnado participante no primeiro itinerario, que lles trasladaron a boa acollida de DigiCraft. Entre as actividades con mellor aceptación entre os nenos atópase ‘Creamos un videoxogo!’, onde os nenos e nenas debuxan nun papel o seu propio videoxogo e dixitalízano para poder xogar despois sobre el. Desta maneira, algunhas das competencias dixitais que traballan son a creación de contido dixital e a resolución de problemas.
Plan Digitalent
“DigiCraft no teu cole” enmarcase nas iniciativas do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais. O Plan, que se puxo en marcha este curso está a desenvolver 15 iniciativas en colaboración cos axentes do ecosistema dixital
Toda a información sobre as novas actividades e as que están en curso están dispoñibles no portal do Plan DigiTalent https://digitalent.xunta.gal/.