main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/03/202008:18
Nenos montando un robot.
Santiago de Compostela

A Amtega abre en marzo o prazo de tres das iniciativas do plan Digitalent para promover as vocacións tecnolóxicas

  • Os centros educativos poden solicitar ata o 6 de marzo unha das máis de 70 charlas sobre as novas tendencias dixitais impartidas por expertos
  • O 16 de marzo abrirase o prazo para participar no Programa “Tecnólogo por un día”, con máis de 50 prazas para estudantes de 12 a 17 anos
  • Na primeira quincena de marzo os estudantes de carreiras non TIC poderán presentar a súa candidatura ao Programa de Bolsas DigiTalent
  • A estas iniciativas súmanse outras oito orientadas á infancia, adolescencia e á xuventude que están a desenvolver as empresas do Pacto Dixital no marco do Plan

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) comeza o mes de marzo coa apertura de tres das liñas de actuación do Plan Digitalent: o programa de charlas en centros educativos galegos vinculadas ás novas tendencias dixitais, unha nova edición do Programa Tecnólogo por un día e a convocatoria das Bolsas DigiTalent. 

 

Estas iniciativas forman parte do catálogo de actuacións do Plan DigiTalent para este curso 2019/2020, impulsado pola Amtega para potenciar as vocacións STEM desde idades temperás, promover a adaptación de estudantes, titulados e profesionais á demanda de novos perfís dixitais e maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional na economía dixital.

 

Charlas DigiTalent

Para achegar aos máis novos o interese polos estudos científico-tecnolóxicos e mellorar a visión que teñen das profesións dixitais a Amtega, en colaboración con outros axentes do ecosistema dixital galego, activa a iniciativa de Charlas DigiTalent. Ata o 6 de marzo os centros educativos interesados poderán realizar as súas solicitudes de inscrición a través da web: https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/charlas-digitalent

 

Cunha oferta de máis de 70 charlas que serán impartidas por profesionais das empresas Altia, DXC Technology, everis, Iecisa, Indra, Orange e Vodafone, e os centros tecnolóxicos Gradiant e CiTius, achegaranse aos centros educativos relatorios vinculados a novas tendencias dixitais como a Intelixencia Artificial, Blockchain, Ciencia do dato ou a Ciberseguridade, entre outras.

 

Nova edición de Tecnólog@ por un día

En marzo comeza tamén unha nova edición do Programa Técnólogo por un día que ofrece a estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar en primeira persoa como é un día de traballo no marco das profesións dixitais. 

 

Entre o 16 e 26 de marzo estará aberto o período de inscrición para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar, cumprimentando o formulario que estará dispoñible no espazo web DigiTalent https://digitalent.xunta.gal/gl, onde poderán consultar as prazas ofertadas por cada empresa colaboradora. Esta nova edición conta con máis de 50 prazas ofertadas polas empresas Altia, Coremain, everis, Optare Solutions, Sixtema e Tecalis que recibirán aos participantes.

 

Selección dos 32 bolseiros DigiTalent

Durante os primeiros días de marzo, tras a súa publicación no DOG, abrirase a convocatoria a estudantes no marco das Bolsas DigiTalent, dirixida a alumnado matriculado nos últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura de calquera das tres universidades galegas, menores de 31 anos e que teñan superado o 75% dos créditos e menos do 100%, para que poidan presentar as súas candidaturas para participar no programa. 

 

Ofrécense en total 32 prazas para a realización de prácticas formativas en empresas do sector TIC, co obxectivo de contribuír a dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.

 

Iniciativas empresas colaboradoras

A estas actuacións súmanse as lideradas polas empresas do Pacto Dixital de Galicia, que unen esforzos coa Amtega para continuar avanzando no desenvolvemento dos eixos estratéxicos do Plan DigiTalent. 

 

Durante o mes de marzo estaranse a realizar seis iniciativas vinculadas ao fomento das vocacións STEM: Crea R e Nativos R da man do operador R; as iniciativas Acerca-T e Mentoring Day impulsadas por Televés, GenTech da man de Altia e DixiXogo liderada por Iecisa. Ademais, no tocante ao impulso dos novos perfís dixitais realizaranse dúas actuacións: AltiaTech impulsada por Altia e o Hackathon CEIN Big Data e Analytics impulsado pola Amtega e a empresa DXC.

 

Catálogo de actuacións DigiTalent

Toda a información sobre estas iniciativas así como do resto do catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se irá publicando a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.

02/03/202008:12
Mans sobre un teclado.
Santiago de Compostela

A Xunta presenta a entidades públicas e privadas sen fins de lucro a nova liña de axudas para a dixitalización dos seus fondos documentais

  • Será o vindeiro xoves, 5 de marzo, nunha xornada técnica na Cidade da Cultura, na que responsables da Amtega e da dirección xeral de Cultura explicarán os requisitos para solicitar esta subvención
  • Dotada con 750.000 euros esta iniciativa enmárcanse nas actuacións en marcha da Memoria Dixital de Galicia
  • Todos estes recursos estarán accesibles o vindeiro ano a través de portal Galiciana, a porta de entrada a todos os fondos da Memoria Dixital

O vindeiro xoves, 5 de marzo, a Cidade da Cultura acollerá unha xornada técnica, na que responsables da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e da dirección xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo, presentarán a nova liña de axudas para que entidades públicas e privadas sen fins de lucro dixitalicen os seus fondos documentais. É unha das medidas da Memoria Dixital de Galicia para avanzar na conservación e universalización do patrimonio galego.

 

Trátase da segunda liña de axudas, que se pon en marcha e conta cun importe total de 750.000 euros para a dixitalización de fondos documentais en soporte papel (publicacións seriadas, manuscritos, mapas, material gráfico como fotografías, gravados, carteis, debuxos, monografías e folletos, e partituras, partituras anotadas ou manuscritos de música). Con esta nova convocatoria son xa máis de 1,4 millóns de euros públicos os destinados a facilitar a dixitalización de fondos patrimoniais.

 

Subvencións de ata 90.000 euros

A convocatoria, que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días, subvencionará proxectos cun importe mínimo de 10.000 euros e máximo de 90.000 euros. As entidades beneficiarias recibirán un anticipo do 80% da subvención concedida este ano e o 20% restante en 2021, unha vez acreditado o remate dos traballos de dixitalización. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á súa publicación no DOG. 

 

As axudas están dirixidas aos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma, entidades locais, e entidades delas dependentes, universidades públicas e o Consello Galego de Universidades, entidades privadas sen fins de lucro que dispoñan de activos do patrimonio cultural de Galicia, Reais Academias e as Academias de Galicia, oficialmente establecidas e recoñecidas.

 

Vinte proxectos de dixitalización en 2019

Da primeira liña de axudas beneficiáronse unha vintena de entidades cun importe total de 712.000 euros. Todos estes recursos, unha vez dixitalizados, estarán accesibles este ano desde o portal Galiciana, a porta de entrada a todos os fondos dixitais das bibliotecas, arquivos e museos de Galicia cuxos contidos irán aumentando a medida que se desenvolvan as actuacións previstas na Memoria Dixital de Galicia.

24/02/202007:57
Cartel da iniciativa.
Madrid

A Fundación ONCE lanza o programa de bolsas "Por Talento Dixital"

A Fundación ONCE lanzou o programa de bolsas "Por Talento Dixital", unha iniciativa de axudas á formación tecnolóxica que pretende mellorar o acceso a empregos cualificados de persoas con discapacidade.

Segundo argumenta a entidade na convocatoria do programa Por Talento Dixital"a revolución tecnolóxica e dixital está a transformar o mercado de traballo e favorecendo en moitos casos a accesibilidade de persoas con discapacidade a novos empregos".  Pero, engade, estes empregos requiren da adquisición de novas competencias tecnolóxicas para o seu bo desempeño.

Desde esta perspectiva, a Fundación ONCE proponse con estas bolsas que as persoas con discapacidade adquiran as competencias e habilidades tecnolóxicas necesarias para encaixar nos perfís profesionais que teñen maior demanda no mercado, á vez que quere tamén "reducir a fenda dixital de xénero".

Poderán solicitar as axudas os estudantes maiores de 16 anos que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%; os pensionistas da Seguridade Social cunha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez, e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo (sempre que esta incapacidade sexa compatible co traballo que vai desempeñar o emprendedor).

Todos eles deberán ter nacionalidade española ou ser cidadáns da Unión Europea ou dos Estados parte do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo ou Suíza e estar en España en exercicio da libre circulación e residencia. Tamén poderán pedir as bolsas os estranxeiros titulares dunha autorización para residir en territorio español que lles habilite para traballar.

En función das bases da convocatoria, a axuda económica do programa Por Talento Dixital  solicitarase para sufragar cursos ou accións formativas presenciais, online ou mixtas, nalgunha das seguintes áreas de coñecemento: másteres e posgraos nos ámbitos de Enxeñería Informática, Electrónica ou de Telecomunicacións; Industria 4.0 e Internet of Things; Ciberseguridade; Big Data, Data Science; Intelixencia artificial/Aprendizaxe automática; Computación na nube; CRM e ERP (Software de xestión de clientes e empresarial); Marketing Dixital; Deseño e UX/UI (Experiencia de Usuario e Interacción de Usuario);  Lean e Agile Project Management;  Desenvolvemento de webs e apps, e Informática de xestión.

Igualmente, poderán ser obxecto destas axudas as taxas daquelas certificacións en softwares, linguaxes de programación, frameworks, etcétera, específicos relacionados con calquera destas áreas, sempre que a dita certificación a expida a entidade/fabricante oficial.

Contías

O programa das bolsas "Por Talento Dixital", que conta cun orzamento inicial de 500.000 euros, financiará ata un 80% da contía total da acción formativa por alumno e ata un máximo de 10.000 euros por estudante.

Permite a solicitude de varias bolsas a un mesmo alumno a condición de que se vaian a destinar a accións formativas diferentes, o seu desenvolvemento sexa compatible en tempo e lugar e respondan a un itinerario formativo que supoña a adquisición de coñecementos e competencias destinadas a configurar un perfil profesional específico. En calquera caso, a axuda total concedida a unha mesma persoa durante esta convocatoria non poderá exceder de 10.000 euros.

Os interesados en solicitar a bolsa poderán informarse, descargar a convocatoria e presentar a solicitude a través do formulario dispoñible na páxina web de "Por Talento Dixital":

O prazo de presentación de solicitudes pecharase cando se esgote a totalidade da dotación orzamentaria prevista nesta convocatoria, o que a Fundación ONCE comunicará publicamente nese momento. Tras o estudo e análise de cada solicitude, a Fundación ONCE emitirá unha resolución sobre a adxudicación ou rexeitamento da axuda, que comunicará por correo electrónico ao solicitante nun prazo inferior aos 60 días naturais desde a recepción da solicitude de bolsa e a documentación completa.

Máis información:

24/02/202007:42
As e os participantes na Hash Code Ourense 2020.
Ourense

Os nosos futuros talentos informáticos xuntáronse en Ourense

Ourense foi este xoves 20 de febreiro un fervedoiro de traballo informático. Por unha banda, deu acubillo á nova edición da Hash Code Ourense 2020, edición local da competición mundial Hash Code, na que programadoras e programadores de todo o mundo tenta resolver un desafío de desenvolvemento informático lanzado por Google. A edición ourensá contou coa participación de preto de medio cento de estudantes. Por outra banda, celebrouse a final galega de Global Management Challenge de simulación empresarial, quedando un equipo do Campus de Vigo no sexto posto.

Hash Code 2020

Desde 2015, Google convoca anualmente o concurso de programación Hash Code, no que convida a resolver en pequenos equipos, de estudantes e/ou profesionais, un desafío de enxeñaría que se celebra no mundo de xeito simultáneo. Nesta edición, a Escola Superior de Enxeñaría Informática foi, por segundo ano consecutivo, un dos Hash Code Hubs habilitados en Galicia polo que as persoas inscritas podían acudir de balde ás súas instalacións para participar desde alí no certame. Durante as catro horas de actividade, as e os 42 participantes que se achegaron ao campus, na gran maioría alumnado do centro, traballaron nas súas propostas ante o reto lanzado. O reto estivo centrado en Google Books, no sistema que ten Google de escaneo de libros, propondo solucións baseadas en algoritmos de teoría de colas de programación e ordenación para a optimización dos tempos e dos procesos que van desde o envío do libro desde a biblioteca ata o seu escaneo final. O equipo que mellor puntuación acadou na Escola Superior de Enxeñaría Informática quedou de número 192 en España, un posto que o director do centro destaca positivamente lembrando como “participaron arredor de 10.000 equipos a nivel mundial”.

Global Management Challenge Galicia

Tamén este xoves pola tarde celebrouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel en Ourense a final da primeira edición de Global Management Challenge Galicia. Catro equipos da Universidade de Vigo e un total de 14 estudantes dos graos de Administración e Dirección de Empresas (ADE) dos Campus de Ourense e Vigo participaron nesta iniciativa de simulación empresarial por ordenador que ten como obxectivo principal contribuír á formación en tarefas directivas das e dos participantes. Tras meses de competición, da Universidade de Vigo chegou á final o equipo formado por Alejandro Viéitez e Pablo Casas, de terceiro curso do Grao de Administración e Dirección de Empresas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Vigo. O equipo gañador da final foi Alcasa, composto por Carolina Teijeiro e Alejandro Fernández, estudantes da Universidade da Coruña. A edición galega de GMC tivo o apoio da Deputación de Ourense e enmárcase na fase nacional desta iniciativa, desenvolvida pola Cámara de Comercio de España e que contou na súa 40 edición coa participación de máis de 2500 universitarios e universitarias. Na cita galega competiron 28 equipos das tres universidades galegas.

21/02/202013:20
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A AMTEGA e o CPEIG centran a súa colaboración deste ano no fomento das vocacións tecnolóxicas e na formación especializada para profesionais TIC

  • A terceira edición do Programa Tech Kids achegará a rapaces e rapazas de 10 a 16 anos á creación de videoxogos, apps, programación de drons ou robótica
  • Ata 300 profesionais do ámbito TIC poderán acceder a cursos de especialización semipresenciais e de teleformación
     

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernándo Suárez, renovaron recentemente a cooperación que veñen mantendo nos últimos anos coa sinatura dun acordo con tres liñas de actuación para desenvolver ao longo deste ano, centradas na realización de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da información en Galicia.

O convenio, enmarcado dentro da Axenda Dixital de Galicia 2020, recolle a realización de actividades e accións de difusión da Sociedade Dixital de Galicia, a celebración da terceira edición do Programa Tech Kids e xornadas formativas para traballadores dos sectores TIC e de administración e servizos.

Desafíos científicos para os máis pequenos

Para fomentar as vocacións STEM entre a mocidade galega, o CPEIG organizará en 2020 un mínimo de 40 xornadas Tech Kids, programa que forma parte do Plan Digitalent da Amtega. As sesións terán lugar en diferentes localidades da xeografía galega con diversos talleres temáticos dirixidos á franxa de idade de 10 a 16 anos. Os rapaces e rapazas que participen poderán achegarse dun xeito lúdico ao desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, ao deseño de videoxogos, á creación de contidos dixitais, á programación de drons ou á robótica.

A través destas actividades, rapazas e rapaces investigarán e resolverán desafíos científicos da actualidade, aplicarán conceptos de matemáticas, ciencia e tecnoloxía na vida real e potenciarán habilidades e competencias como o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación, e participarán en torneos e celebracións en formato deportivo.

Actividades de difusión

O CPEIG realizará tamén ata seis cursos de distintas temáticas orientados a especialización de ata 300 profesionais do ámbito TIC, que combinarán a modalidade semipresencial e de teleformación para facilitar a participación.

As actuacións previstas polo CPEIG completaranse con actividades de difusión para profesionais, organismos e empresas do sector TIC galego en temas de investigación, tendencias de mercado e innovación para poñer en valor o papel fundamental das TIC no camiño cara á mellora económica de Galicia. A Amtega achegará ao CPEIG 65.000 euros para o desenvolvemento destas actividades.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS