
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
SmartPEME, a rede da Deputación de Pontevedra para a capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da provincia, vén este mes de marzo cun completo programa de actividades formativas para impulsar a dixitalización e a competitividade, e tamén, coa novidade da nova sede SmartPEME de Vigo: as novas dependencias da institución provincial no Casco Vello, xa a pleno rendemento. Para a comarca de Vigo, achéganse en marzo 13 novas accións a desenvolver nas oficinas de SmartPEME en Ponteareas (catro), Vigo (cinco) e Porriño (catro). A estas citas cómpre sumar as catro previstas para a oficina de Pontevedra (sede Deputación) e outras tantas (catro, tamén) en Cambados, ás que hai que engadir cinco obradoiros máis en Lalín. A maiores, haberá plena actividade SmartPEME no Viveiro de Empresas de Barro: catro citas formativas.
En total, 30 obradoiros programados sobre as máis diversas materias TIC (visualización en buscadores, turismo dixital, ofimática avanzada, mercadotecnia online, creación de webs e aplicacións, etc). As inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
Todas estas citas teñen o nexo común de facilitar “a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade”.
Máis datos que cómpre saber sobre SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de bolsas para a realización de prácticas formativas en empresas do sector TIC (Bolsas DigiTalent), dirixidas a estudantes do Sistema universitario de Galicia no curso 2019/20 no marco do Plan DigiTalent.
Estas prácticas formativas están orientadas a estudantes universitarios menores de 31 anos, matriculados en Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura de calquera das tres universidades galegas e que teñan máis do 75% e menos do 100% de créditos aprobados.
Selección dos bolseiros
Ata o 6 de abril os estudantes poden presentar as súas candidaturas e solicitar algunha das 32 prazas ofertadas polas empresas TIC, seleccionadas como entidades colaboradoras, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento PR607A). Ademais, os interesados deberán estar rexistrados no portal de becas Feuga na seguinte ligazón: http://www.becasfeuga.es/ofertas/listar/etiqueta/amtega.
As candidaturas dos bolseiros valoraranse en función da nota media do expediente académico e unha memoria explicativa sobre a motivación dos solicitantes para realizar a práctica formativa e os resultados que pretende acadar.
Unha vez realizada a selección dos estudantes beneficiarios das bolsas, os participantes realizarán as prácticas formativas nas empresas do sector TIC seleccionadas como entidades colaboradoras por un período de 3 meses. Contarán cun plan de formación e recibirán asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas TIC, as bolsas teñen unha duración de 20 horas semanais e son remuneradas.
Entidades colaboradoras do programa
O pasado mes de novembro a Amtega lanzou a convocatoria para que as empresas tecnolóxicas presentasen as súas solicitudes de adhesión ao programa así como as súas preferencias en canto ás áreas de coñecemento ou titulacións dos bolseiros en función das necesidades que presenten.
As 21 entidades colaboradoras seleccionadas teñen experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, wearables, entre outras. A listaxe completa de entidades que participan no programa está dispoñible na web: https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent.
Colaboración institucional
As bolsas DigiTalent articúlanse a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); e contribuirá a dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar os gañadores dos concursos de debuxo e microrrelatos lanzados o pasado mes de decembro para contar coas achegas dos máis novos no proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030.
Estes certames congregaron a participación de 42 centros educativos das catro provincias galegas e contouse coa implicación de máis de 50 docentes que desenvolveron un papel fundamental para a participación do seu alumnado, entregando 333 traballos (213 debuxos e 120 microrrelatos).
Na fase de votacións os internautas podía darlle o seu “gústame” ás composicións preseleccionadas polo xurado e publicadas nos albumes “Concurso de debuxo Captura a sociedade dixital!” e “Concurso de microrrelatos “Viaxe ao 2030”, que recibiron un total de 1633 e 1054 votacións, respectivamente.
Como resultado dos oito días de votacións, que remataron o día 21 de febreiro ás 23:59, resultaron gañadores os 3 debuxos e os 3 microrrelatos que máis “gústame” obtiveron tal e como se pode acreditar no seguinte vídeo: https://youtu.be/mc9znEhxV-U. Cada un dos gañadores (1º, 2º e 3º premio) recibirá unha tablet nun acto, que terá lugar a finais do mes de marzo.
Concurso de debuxo “Captura a sociedade Dixital!”
Neste certame resultaron gañadoras tres composicións que representan as necesidades, novos hábitos e solucións que as novas tendencias dixitais poden proporcionar a nosa sociedade.
“O robot do monte”, de Iago Álvarez do CEIP As Nogais, mostra o pensamento do autor sobre o futuro próximo ligado a como a robótica pode axudar a defender os montes galegos e preservalos.
“A cura contra o cancro” de Noa Digón do CEIP San Xoán, describe o desexo de que aquí a 10 anos exista unha máquina que cure completamente esta enfermidade.
“Galicia en Marte” de Naiara Veiga do CEIP As Nogais, reflicte o viaxe dun robot no seu foguete Nagala10, que plantará a bandeira de Galicia en Marte.
Concurso de microrrelatos “Viaxe ao 2030”
No concurso de microrrelatos o alumnado puxo a proba o seu enxeño para describir o futuro e como a transformación dixital impactará nas nosas vidas. As obras gañadoras mostran como os avances tecnolóxicos e o uso das TIC poden mellorar o noso día a día.
“Bo día Uxía” de Antía Otero do IES Antonio Fraguas Fraguas, describe como unha rapaza interactúa cun obxecto inanimado que lle fai a vida máis sinxela, indicándolle o clima en tempo real, preparándolle a comida ou reservando unha viaxe de forma inmediata.
“Corazón Robot” de Iria Araújo do CPR Sagrado Corazón Celanova, mostra como unha muller cun transplante experimenta unha mestura de medo e alegría por poder continuar a súa vida gracias ao seu novo corazón de metal.
“Tan lonxe, tan preto” de Breixo Antelo do IES Campo de San Alberto, trata sobre un enxeñeiro que describe as vantaxes dos avances tecnolóxicos para a sociedade no ano 2030 como a diminución da contaminación ou a mellora no sistema sanitario, por exemplo.
Participación na elaboración da EDG2030
Ambos concursos forman parte do proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 que arrincou no mes de xullo coa celebración do I Foro de debate profesional, no que participaron arredor de 200 axentes sociais e económicos da Comunidade, implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación.
Ademais, nos últimos meses implicouse tamén a través de distintas actividades a representantes das EELL, do sector TIC de empresas tractoras ou o Comité de expertos académicos da EDG2030.
A Asociación Compostela Monumental inicia este mércores pola tarde a súa nova actividade formativa envorcado no empoderamento tecnolóxico feminino. Trátase do curso Alfabetización Dixital de Informática Avanzada, que conforma o seu programa integrado de emprego. A través desta iniciativa, as mulleres aspirantes a traballar no sector servizos recibirán unha formación de nivel 2 sobre o manexo de distintos programas ofimáticos e a súa aplicación ao mundo laboral.
A acción formativa ten unha duración de 25 horas e desenvolverase até o día 17de marzo na aula formativa que a asociación de comerciantes e empresarios ten na súa sede da Algalia de Arriba 31. Colabora co programa integrado de emprego de Compostela Monumental a Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, por medio da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral (Servizo de Programas Mixtos). A persoa encargada de impartir contidos é o formador Alberto Fandiño. As sesións desenvolveranse en horario de 16:45 a 19:45 horas.
Medio cento de mozas e mozos menores de 30 anos participan xa nos cursos tecnolóxicos que vén de pór en marcha o Concello de Santiago. Trátase, por unha banda, dun curso de mercadotecnia dixital e, pola outra, dunha actividade formativa destinada a mostrar ao alumnado os segredos do desenvolvemento de videoxogos. As sesións lévanse a acabo ao abeiro da colaboración entre o Concello e a Cámara de Comercio compostelá, xestionado a través do Departamento de Promoción Económica.
Segundo informa o Goberno local, en ambas actividades deseñouse unha estrutura compartida de programa formativo a modo de itinerarios, “conformado por sesións de grupo, titorías individualizadas e formación online complementaria”. Ademais, cada unha das accións reserva un paquete de entre 50 e 100 horas de acompañamento para o grupo, a distribuír entre os participantes máis avanzados na creación do seu negocio. Estas dúas actividades impártense no Viveiro de Empresas de Costa Vella.
No que respecta ao Programa de Márketing Dixital e Emprendemento, que comezou onte pola tarde ás 16.00 horas, ten como obxectivo “proporcionar unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa, para poder determinar as oportunidades de mercado e desenvolver o plan de empresa ou plan de mellora”. O programa axudará ao alumnado a definir a súa propia estratexia de comunicación nos novos medios (redes sociais, blogs, buscadores, etc.), e executar accións para mellorar a reputación e a visualización dos seus produtos ou servizos en internet. Finalizará o 17 de abril e nel inscribíronse 25 persoas. Está organizado pola Cámara de Comercio de Santiago, en colaboración coa Fundación INCYDE, e conta co co-financiamento do Concello a través do Fondo Social Europeo.
No que se refire ao Programa de Videoxogos e Emprendemento, arrancou este martes 3 de marzo con dúas ducias de participantes. Abrangue as principais disciplinas vencelladas coa creatividade dentro do mundo do videoxogo, baseando os seus obxectivos na formación e na empregabilidade, xa que, segundo informa o Concello, “existe unha demanda de persoal cualificado para as áreas de 3D, produción, arte, deseño visual, deseño de personaxes e contornas, desenvolvemento visual, modelado, construción de contornas no motor, efectos visuais, etc”. O curso rematará o 17 de abril e enmárcase dentro do programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado polo Fondo Social Europeo para o período 2014-2020. Está organizado pola Cámara de Comercio de Santiago, en colaboración coa Fundación INCYDE, e conta co co-financiamento do Concello a través do FSE.