main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

23/04/202008:01
Día Internacional das Rapazas nas TIC.
Santiago de Compostela

O Día das Rapazas nas TIC chega este xoves 23 á súa edición máis virtual

Día Internacional das Rapazas nas TIC de 2020 pasará á historia como o Día das Rapazas nas TIC máis decididamente “TIC”. Por que motivo? Pois basicamente polo Estado de Alarma que estamos a vivir e que obrigou ás entidades organizadoras a adaptar a celebración da xornada en formato cen por cen por virtual, un formato que xa estaba presente na actividade dende a súa primeira edición e que se ten materializado en múltiples conexións en streaming cos nosos centros docentes. A cita é este 23 de abril, entre as 11.00 e as 12.00 horas, con xanelas directas ás casas dos escolares de toda a nosa xeografía. Organizan o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade, a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL.

Participarán catro tecnólogas galegas mostrando o seu día a día e a importancia de seguir preparando o terreo para a incorporación de novas profesionais do coñecemento e a innovación. Na cita, escolares de toda Galicia están convidadas e convidados a coñecer, da man das catro relatoras, importantes achados en materia de Intelixencia Artificial, videoxogos, comunicacións de radio e tecnoloxías de arqueoloxía moderna. A cita deste 23 de abril é a oitava convocatoria galega do Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day).

Fórmula virtual

Este ano, debido á situación de Estado de Alarma pola pandemia do COVID-19, a xornada organizarase dunha maneira diferente mediante multiconferencia web. Será, en palabras da organización, “unha gran oportunidade para coñecer a catro protagonistas que contarán, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todos e todas”. A través destes catro relatorios, o alumnado terá a oportunidade de preguntar e consultar calquera dúbida sobre o seu traballo. Participarán catro mulleres galegas excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: 

  • Amparo Alonso Betanzos é catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) e presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial (AEPIA). Dirixe o grupo LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) que obtivo recoñecemento e premios internacionais polo seu traballo en IA aplicada a diferentes ámbitos. É investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC.
  • María Fernández Hermida é unha artista dixital galega da industria dos videoxogos. Traballou no Estudio Gato Salvaje na creación de contornas 3D e guións para xogos. Desde hai tres anos é Women in Games Ambasssador (embaixadora das mulleres no videoxogo), ou sexa, integrante dunha organización internacional (Women in Games) que promove este ámbito do lecer tecnolóxico como “unha carreira para mulleres, que organiza charlas e apoia ás mulleres nesta industria”.
  • Isabel Expósito Pérez é enxeñeira en Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo), na especialidade de Comunicacións de Radio. Traballa como técnica do laboratorio Antelia, que forma parte do grupo de investigación Sistemas Radio, recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia. O grupo Sistemas Radio é un dos que conforman o centro AtlantTIC, centro de referencia a nivel internacional de investigación en Telecomunicacións da Uvigo.
  • Patricia Mañana Borrazás é arqueóloga, coordinadora do proxecto DIMENSO e profesora no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Ten máis de 20 anos de experiencia en escavacións arqueolóxicas, nas que estivo aplicando durante máis dez anos novas tecnoloxías á documentación patrimonial, como fotogrametría e escáneres de múltiples tipos, 3D, estacións totais, GPS, escáner de luz estruturada, láser de curto alcance e terrestre, etc.

Pódese seguir e difundir toda a información do evento e das actividades na web de eLearning do CESGA e no seu Twitter @ICTGoGirls

Día Internacional das Rapazas nas TIC

O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar positivamente as novas tecnoloxías para o desenvolvemento académico, investigador e profesional. O evento está organizado e promovido polo CPEIG, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA, AMIT e a Asociación.GAL. Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica, Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVIGO), a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), GalsTech, Hello Sisters! e MujeresTech. A Secretaría Xeral de Igualdade e o CESGA, promotor e coordinador do proxecto europeo ICT-Go-Girls!: Promoting Entrepreneurship through ICT for Secondary School Girls (Promoción do emprendemento a través das TIC entre rapazas de educación secundaria), considerado como referente pola propia Unión Europea, levan desde 2013 impulsando e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción das Tecnoloxías da Comunicación e Información (TIC), especialmente para conseguir que as mulleres alcancen unha presenza igualitaria no sector dixital, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 a 15 anos, franxa de idade que se considera chave para cambiar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre as rapazas.

22/04/202013:04
Establece rutinas e hábitos diarios en familia e coa tecnoloxía.
Santiago de Compostela

Establece rutinas e hábitos diarios en familia e coa tecnoloxía

Primeira entrada da "Guía para entreterte na casa con nen@s".

A situación de confinamento actual na que nos atopamos debido á crise do coronavirus está a incrementar a nosa preocupación sobre como seguir coa formación dos nosos fill@s ademais de buscar alternativas para enriquecer e ocupar o tempo de lecer en familia.

A tecnoloxía e o uso das TIC convértese así nunha ferramenta fundamental para o deseño e planificación do noso día a día en familia, achegando recursos tanto educativos como para desfrutar do tempo libre sen necesidade de saír da casa.

Así pois, para a planificación de ambas cousas debemos ter en conta, nun primeiro intre, o tempo de atención que os nosos nen@s nos van a proporcionar dependendo da súa idade. A continuación amosámosvos unha táboa que vos servirá como referencia á hora de distribuír o tempo para cada tarefa:

 

Tempo de atención media segundo a idade

Idade     

Tempo atención

1 ano    

3-5 minutos

2 anos 

4 a 10 minutos

3 anos

6 a 15 minutos

4 anos

8 a 20 minutos

5 anos

10 a 25 minutos

6 anos

Ata 30 minutos

7 anos

Ata 35 minutos

8 anos

Ata 40 minutos

9 anos

Ata 45 minutos

10 anos

Ata 50 minutos

 

Pode que neste intre, algúns esteades a pensar que o día se vos vai facer moi longo se tedes que deseñar actividades que duren poucos minutos pero, aínda que non está demais ter pensadas varias para realizar ao longo do día, non pasa nada porque cada certo tempo se repita algunha.

Ademais é incluso recomendable que tamén aprendan a aburrirse, posto que isto estimula a creatividade e o autocontrol.

Establece rutinas e hábitos diarios

Será de vital importancia ter claro que o noso presente e esta situación excepcional de confinamento fai necesariamente que as nosas rutinas de vida muden e isto pode afectar a todos os membros da familia. Por esta razón unha das opcións que vos propoñemos é a realización dunha xuntanza familiar que nos axude a tomar decisións e acordos conxuntos que faciliten o transcurso dos días.

Nesta reunión falaremos das novas rutinas que imos a formular, podemos incluso propoñer entre todas cales son as mellores, incluso establecer un horario para poder ser conscientes de que toca en cada momento evitando así o descontrol, pero a flexibilidade en todo é fundamental!

A continuación, facilitamos unha listaxe de tarefas a realizar compartido por Unicef, que debería estar presente no noso planning diario:

Rutina diaria.

Ante esta situación na que moitos rapaces e as súas familias pasan máis tempo do habitual na casa é fundamental ir adaptando as rutinas de aprendizaxe, traballo, ocio, tempo libre e descanso.

Así pois, neste contexto é posible que dediquen máis tempo fronte as pantallas polo que a continuación vos propoñemos unhas pautas sinxelas pero eficaces que recolle Unicef, para adaptarnos ao entorno dixital de forma sa e respectuosa:

  • Fomenta un ambiente de confianza e empatía no fogar para que os nenos, nenas e adolescentes poidan expresar as súas inquietudes e expor o seu punto de vista. Entender as súas necesidades e acompañalos segundo o seu nivel de madurez, para que poidan acceder a contidos seguros e aptos para a súa idade.
  • Evita unha actitude inflexible fronte ao uso de pantallas: No seu lugar, podemos transmitirlles que non é saudable conectarse acotío e que cambiar de actividade fará moito máis levadío o día.
  • Dá prioridade ás actividades diarias básicas: Débense respectar os horarios para durmir e comer así como para realizar as obrigacións domésticas. Aínda que a situación sexa excepcional, non debe servir de escusa para esquecer estas rutinas e deixarse levar polo impulso non xustificado de uso da internet e dispositivos.
  • Evita distraccións e fixa obxectivos: Cando se empregue Internet para tarefas escolares, é preferible que non usen as aplicacións de mensaxería nin as redes sociais para evitar distraccións e concentrarse no seu obxectivo.
  • Dá exemplo: Os menores tenden a imitar os comportamentos que ven nos seus pais e outras persoas de referencia.
  • Xestiona adecuadamente o tempo do uso de dispositivos electrónicos: Por exemplo usando ferramentas de www.is4k.es/de-utilidad/recursos/pactos-familiares-para-el-buen-uso-de-d...">https://www.is4k.es/de-utilidad/recursos/pactos-familiares-para-el-buen-...">control parental ou pactos familiares, que permiten establecer normas e límites de uso, e facilitan o diálogo, permitindo expor dúbidas, preocupacións e intereses. 
  • Entende: É importante fixar un tempo de uso, pero é aínda máis importante asegurarse de que o que están a ver, xogando e lendo sexa contido de calidade, adecuado para a idade e implicarnos como adultos o máis posible no consumo de contidos online. 
  • Infórmate: Coñece as pautas do uso saudable das tecnoloxías, descobre as ferramentas que facilitan esta tarefa, úsaas e pon en práctica os consellos de expertos.

Algunhas organizacións teñen unha longa experiencia na educación das TIC e ofrecen recursos que vos poden resultar de axuda:

Esperamos que coa información recollida nesta publicación, poidades afrontar esta nova rutina cos vosos fill@s tentando en todo momento transmitir calma e seguridade, así como controlar a exposición á información e ás “fake news” e aproveitar o tempo con eles.

22/04/202008:16
Cartel da iniciativa.
Madrid

A Fundación Telefónica lanza #desafioSTEAM para mozos que pensan que a tecnoloxía pode cambiar o mundo

Enfrontámonos como sociedade a un momento crítico que está a demandar o mellor de cada un de nós. A Fundación Telefónica, desde o comezo da crise da COVID-19, sumou forzas uníndose a administracións públicas e ONGs para loitar xuntas contra a pandemia axudando aos que máis están a sufrir. Pero tamén é momento de reflexionar e buscar ideas para reconstruír o novo mundo ao que nos enfrontamos.

Que solucións se poden crear tras a COVID-19 e que papel xoga a tecnoloxía nas necesidades social do "día D+1"? Estas son algunhas das preguntas que a Fundación Telefónica lanza aos mozos a través do #desafíoSTEAM animándoos a repensar o mañá con retos educativos e tecnolóxicos.

Dirixido a persoas desde os 14 aos 25 anos, trátase dunha chamada á acción a todos aqueles que queiran crear e poñer en práctica ideas, solucións e startups de carácter social capaces de resolver o reto ao que nos enfronta a pandemia da COVID-19 e buscar solucións para un mundo mellor agora e no futuro.

Baixo a temática, "Desafía ao virus con STEAM", o reto está orientado a desenvolver as competencias STEAM (Science, Technology, Arts, Engineering e Mathematics) de forma lúdica e reflexiva para achegar solucións a esta nova contorna social na que nos atopamos. Así, poderanse presentar candidaturas en equipo ou individualmente desenvolvendo proxectos dixitais de programación, robótica e ciencias mentres reflexionan sobre o momento actual e afianzan actitudes como o traballo cooperativo, a utilización critica da información, a creatividade, o emprendemento e a autoaprendizaxe

Os premios incluirán unha impresora 3D para o equipo ou participante gañador, e unha tablet para cada membro do equipo/participante que obtivesen o segundo premio.

O prazo de inscrición xa está aberto ata o 5 de xuño de 2020 na web https://www.stembyme.com/web/desafio-steam.
 

Un reto englobado dentro de Creating for Humanity

O reto #desafioSTEAM englóbase na plataforma Creating for Humanity, que pretende impulsar unha mobilización masiva de mozos e implicalos na procura de solucións eficaces e rápidas contra a crise sanitaria e social actual.

O proxecto está formato por nove entidades impulsoras da innovación social que unen forzas para lanzar, e fomentar unha mobilización masiva dos mozos na procura de solucións eficaces e rápidas contra a crise do coronavirus. Nesta iniciativa participan Danone, Fundación Telefónica, Ashoka, Bridge for Billions, Ship2B, Mondragon, MTA-LEINN, EduCaixa e IrsiCaixa: empresas e organizacións sociais con experiencia en fomentar, impulsar e acompañar ata a súa culminación proxectos de impacto social.

A Fundación Telefónica, ademais do #desafioSTEAM, lanzou a mozos o #RetoEducativoFulller dando visibilidade a proxectos desenvolvidos por mozos que melloren a contorna na que vivimos inspirados na figura do deseñador, inventor e creador estadounidense Buckminster Fuller.

21/04/202013:39
Varios mozos de pé diante de cadanseu portátil que están enriba dunha mesa.
Santiago de Compostela

O Plan DigiTalent da Xunta suma ao seu catálogo de actuacións a edición especial de Campus Dual, impulsada polo Clúster TIC

  • Trátase dun programa de formación 100% gratuíto sobre programación para o desenvolvemento de aplicacións
  • O prazo de inscrición termina este xoves e o curso comezará o vindeiro luns, 27 de abril
  • Campus Dual é unha iniciativa de Formación Dual Universitaria, promovida polo Clúster TIC Galicia e a Universidade de Vigo para cubrir a demanda de programadores e perfís dixitais
  • Ante a situación derivada do COVID-19 lanzan esta edición destinada a estudantes de FP e de Universidade que están a acabar os seus estudos e persoas con experiencia profesional en situación de desemprego

O Plan de Promoción do Talento Dixital da Xunta (DigiTalent) suma unha nova iniciativa ao seu catálogo de actuacións, coa incorporación da edición especial de Campus Dual, unha iniciativa impulsada polo Clúster TIC Galicia, asinante do Pacto Dixital e adherido ao Plan, que ofrece capacitación no ámbito tecnolóxico.

Ante a situación creada polo COVID-19, Campus Dual ofrece formación gratuíta e online, sobre programación para o desenvolvemento de aplicacións dirixido a estudantes de FP e de Universidade que están a acabar os seus estudos e non contan cunha empresa onde realizar as prácticas; e, doutra banda, a persoas con experiencia profesional en situación de desemprego por mor da crise sanitaria. En ambos os casos, as prazas son limitadas e efectuarase un proceso de selección. O prazo de inscrición termina este xoves e o curso comezará o luns, 27 de abril.

Os cursos terán unha duración de 12 semanas e organizaranse en grupos de 9 alumnos e equipos de 3. Trátase dunha formación empírica 100% similar á que poida atopar un usuario nun posto de traballo, combinando sesións en grupo, aprendizaxe individual e traballo en equipo. Todo o traballo realizarase en remoto, aplicando metodoloxías áxiles e apoiándose nas plataformas de colaboración dixital e de formación online máis utilizadas nas empresas. Máis información en https://www.campusdual.com/curso-full-stack/.

Campus Dual

Campus Dual é unha iniciativa innovadora para a capacitación, empregabilidade e inserción laboral que puxeron en marcha o Clúster TIC Galicia, Universidade de Vigo e Imatia Innovation, para contribuir a consolidar unha canteira de talento TIC na Comunidade.

Desde o pasado mes de setembro as tres entidades promotoras estiveron colaborando nun Posgrao de Desenvolvemento de Software e Negocio Dixital, impartido na Escola de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo, no cal titulados de ADE, Dereito e outras carreiras, sen coñecementos previos en programación, están a formarse en empresas TIC de maneira remunerada e desenvolvendo proxectos reais.

Plan DigiTalent

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, impulsado pola Amtega en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, ofrece actividades, formación e especialización no ámbito dixital ao longo de todo o ciclo vital da persoa co fin de impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas, os novos perfís dixitais e maximizar as oportunidades do desenvolvemento profesional na economía dixital.

20/04/202009:35
Libro electrónico nunha estantería.
Santiago de Compostela

As bibliotecas públicas da Xunta celebran o Día do Libro cunha programación online para o fomento e dinamización da lectura

  • A Consellería de Cultura e Turismo programa actividades arredor do 23 de abril que abranguen un ‘bookcrossing’ virtual, concursos en redes sociais, exposicións, proxectos colectivos desde a casa ou unha serie de videorecomendacións
  • A plataforma GaliciaLe, cuxa demanda increméntase notablemente estas semanas, permite acceder a máis de 4.500 préstamos electrónicos de xeito gratuíto
  • As propostas enmárcanse na iniciativa #aculturasegue promovida polo Goberno autonómico en redes sociais con lecer e formación durante o confinamento

 

As bibliotecas públicas da Xunta de Galicia celebran o Día do Libro cun amplo abano de actividades online abertas a toda a cidadanía co obxectivo de fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, con especial énfase neste contexto de confinamento. Entre as accións que se levan a cabo a través das distintas dotacións da Comunidade figuran concursos en redes sociais, exposicións virtuais, publicación de catálogos ou recomendacións por parte do persoal das mesmas.

Unha das principais actividades na que todos os anos toman parte os museos xestionados pola Consellería de Cultura e Turismo é a do bookcrossing, unha iniciativa conxunta con bibliotecas de museos e centros de arte de toda España que consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que despois farán o mesmo.

Aínda que as especiais circunstancias que afectan este ano á mobilidade por mor da pandemia non permiten este formato, nesta ocasión proponse un bookcrossing virtual, no que cada biblioteca ou centro participante compartirá en liña un libro da súa colección ou do seu catálogo de publicacións, para consultar ou descargar. Desde a Biblioteca do Artium de Vitoria elaborarán un vídeo con todas as bibliotecas participantes, que difundirán polas redes.

‘Encriptados’ en emoticonos na Coruña

Desde A Coruña, a Biblioteca Miguel González Garcés pon en marcha nas súas redes sociais o concurso Encriptados de ida e volta, mediante o cal os participantes deben enviar, ata o 21 de abril, unha mensaxe a través do seu perfil de Facebook co título do libro que están a ler durante o confinamento descrito en emoticonos. Unha vez recompiladas todas as mensaxes, publicarase unha listaxe o día 23 con todos os títulos e os participantes deberán adiviñar o título deses libros.

‘Balcóns de lectura’ en Lugo

A Biblioteca Pública de Lugo está a desenvolver o programa Balcóns de lectura. Trátase dun roteiro dixital por librerías, escritores e mediadores culturais que desde os seus balcóns deixan as súas suxestións lectoras e os seus textos. Estas son recollidas e publicadas nas súas redes sociais.

Recomendacións en Ourense

Ourense tamén está a impulsar accións a través das redes sociais da súa biblioteca. Os interesados dispoñen de recomendacións de libros por parte do seu persoal así como imaxes ou opinións sobre libros que están acompañando aos usuarios da biblioteca durante este período excepcional.

‘Libros prohibidos’ en Pontevedra

A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola ofrecerá desde o 23 de abril ata o 15 de maio unha exposición virtual na súa páxina web arredor dos Libros prohibidos, unha mostra sobre a censura literaria ao longo dos séculos.

Relato colectivo en Santiago

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal creará, a partir do 20 de abril, unha historia colaborativa a través de Twitter baixo o título Conto a moitas mans. Este conto comezará cunha pequena frase de arranque que estará seguido das instrucións para poder participar e que consisten en “copia, continúa a historia e comparte como comentario”. Ao remate, publicarase o relato completo e en función da extensión final realizarase un cartel ou unha publicación. Ademais, o Día do Libro publicarán unha serie de videorecomendacións de lecturas de amigos deste Biblioteca.

Viaxar sen saír da casa en Vigo

Viaxar sen saír da casa é unha das propostas da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, que invita aos seus usuarios a encher nas súas redes sociais unha guía de viaxe e unha guía de lectura cos seus lugares e libros destacados. O mapa e listaxe resultantes publicaranse o Día do Libro. Ese mesmo día, a súa web acollerá a exposición virtual Libros e cidades: rúas e relatos, camiños converxentes, na que se repasan obras significativas da literatura galega e internacional, destacando fragmentos que describen as cidades ou vilas nas que transcorren.

Exemplares únicos na Comunidade

Pola súa banda, a Biblioteca de Galicia, desde a Cidade da Cultura, destacará algúns títulos con exemplares únicos que se atopan na rede de bibliotecas da nosa comunidade autónoma. Tomando como referencia o Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico Galego, visibilizaranse algunhas obras estudadas polos técnicos da biblioteca dos que só unha biblioteca galega conserva un único exemplar.

Igualmente, a Libraría Institucional da Xunta destacará publicacións como o catálogo de libros infantís e xuvenísBiblioterapia. Lecturas saudables: Guía de libros recomendadosa guía de literatura infantil e xuvenil non discriminatoria II, os Cadernos Ramón Piñeiro XXIII. Epistolario Ricardo Carballo Calero, as Cartas a Fermín Penzol e Libros e lectura en Galicia. Séculos XVI-XIX.

Bibliotecas abertas en GaliciaLe

As bibliotecas autonómicas seguen tamén abertas a través de GaliciaLe, a plataforma de préstamo electrónico desde a que é posible acceder a máis de 4.500 títulos. Con motivo do confinamento, a Xunta vén de mellorar as condicións de acceso, para o que só é necesario rexistrarse online. Estase revelando como un servizo moi demandado nestas semanas, pois a súa utilización incrementouse de maneira exponencial.

Iniciativa #aculturasegue

Todas estas actividades inclúense na iniciativa #aculturasegue da Xunta, etiqueta baixo a que se presentan propostas pensadas para toda a familia nas redes sociais das súas dotacións culturais. Así mesmo, esta acción busca recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Ademais de seguirse nas redes sociais, pode consultarse en cultura.gal/aculturasegue.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS