main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

28/04/202012:03
Pais xogando co seu neno no fogar.
Santiago de Compostela

Xoga e fai exercicio en familia coas TIC

Terceira entrada da "Guía para entreterte na casa con nen@s".

As TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) son as tecnoloxías que nos ofrecen a posibilidade de acceder e compartir información e que nos permiten unha maior interacción e comunicación entre as persoas; pero estas tecnoloxías van máis aló e facilítannos, entre outras moitas cousas, o entretemento. Algunhas das ferramentas máis utilizadas son: os móbiles, as tablets, Internet, as redes sociais, os videoxogos, etc.

Non debemos esquecer que este uso debe ser supervisado sempre por adultos, tentando non abusar do tempo que se lle dedica para non incorrer na promoción de malos hábitos de uso ou distraccións inapropiadas. Así mesmo, debemos ter especial coidado na exposición a riscos dixitais como o ciberacoso ou a vulnerabilidade de datos entre outros.

Aínda que, se seguimos estas consideracións previas, o uso das TIC como ocio dixital pode ser moi beneficioso, axudándonos a xerar capacidades de comunicación, fomento das relacións sociais, creación de novos hobbies e hábitos de exercicio saudable, xunto coa promoción de actividades de recreo e lecer.

Xoga en familia 

introdución da gamificación nas aulas propiciou que os xogos pasaran de ser algo lúdico a utilizarse para ensinar determinadas materias. Son numerosos os estudos que recollen o feito de que, utilizados segundo criterios pedagóxicos, os videoxogos poden achegar interesantes beneficios ao mundo da educación.  

Así pois, son moitos os recursos que podemos atopar para continuar educando aos nosos fillos a través da realización de xogos en familia desde as nosas casas. A continuación facilitámosvos algunhas alternativas que vos resultarán de axuda á hora de planificar estas sesións no voso día a día: 

  • Programa en liña da Cidade da Cultura “Aventuras no Monte das artes” para estimular a creatividade da cativada a través de xogos artísticos en familia: dentro da campaña a #aculturasegue da Xunta de Galicia, este programa pretende achegar as artes e a tecnoloxía aos menores a través de experiencias dinámicas, estimulantes e divertidas na que todos os membros da familia poidan participar. 
  • Os programas educativos en competencias dixitais tamén son unha alternativa moi interesante xa que teñen a finalidade de ensinar competencias dixitais a través do xogo e a experimentación. 
  • Os videoxogos educativos estanse a converter nunha fantástica ferramenta para a formación dos nosos fillos. Trátase dunha boa forma de aprender a través do xogo, xa que facilitan a capacidade de retención, a motivación, incentivan a participación, fomentan o traballo en equipo, alimentan a imaxinación e a lóxica e melloran a autoestima, melloran o desenvolvemento psicomotriz e desenvolven novas habilidades. 
  • Recursos en liña como páxinas web, redes sociais como Facebook ou Instagram tamén son fonte de recursos onde atopar un amplo catálogo de actividades (manualidades, xogos de mesa, debuxos para colorear, actividades, contos infantís, experimentos caseiros, receitas sinxelas, etc.) 

Aínda que tamén existen alternativas que reúnen tecnoloxía e xogo, a través dunha orientación STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) sen necesidade de pantallas, sendo unha boa forma de combinar educación, curiosidade e entretemento xogando. Algúns exemplos son: as construcións mediante legos, experimentos como os de magnetismo ou a robótica.

Fai exercicio en familia 

Como diciamos ao comezo desta puiblicación, os nosos cativ@s precisan facer exercicio para manterse activos e en boa forma tanto física como mentalmente. E tamén os pais e nais para poder acadar un equilibrio saudable nesta situación de confinamento e manter un bo estado de ánimo.  

Son moitas as alternativas que nos brinda Internet para poder ocupar este tempo de lecer coa planificación de rutinas deportivas ou actividades que manteñan entretida a toda a familia. 

Todas elas dispoñibles a través de clases online ou videotutoriais e, incluso, en canles especializadas a través de canais como YouTube ou de aplicacións para o móbil ou tablet.

Algúns exemplos son: 

  • Zumba para nen@s: cada vez son máis os pequen@s que se suman a este exercicio que conxuga movementos aeróbicos con baile.  
  • Ioga para nen@s: exercicios que reforzan as habilidades motoras e fortalece os músculos e favorece o equilibrio emocional. 
  • Bailar coreografías: como mencionabamos anteriormente, hai multitude de recursos e cancións aptas para os máis pequen@s da casa cos que mover o corpo ao ritmo da música que máis lles guste.
  • Xogos para exercitar o corpo: DAME 10 (Descanso Activo Mediante o Exercicio Físico), do ministerio de Sanidade, propón actividades moi sinxelas pero ben estruturadas e diferenciando segundo o nivel dos vosos peques, que podedes facer na casa.
  • Exercicios funcionais: sentadas, flexións de brazos e pernas, saltar, abdominais... son ideais para manter a flexibilidade e o crecemento óseo.  
  • Exercicios de equilibrio: este tipo de exercicio pode servir de quentamento antes de practicar deporte ou despois como sistema de estiramentos.
  • Exercicios de teatralidade: este tipo de exercicios permitirán a grandes e a pequenos estimular o seu lado máis creativo á vez que divertido. Heroes/heroínas, guerreiros/as, animais... o límite é a imaxinación. Ademais podemos reutilizar cousas que teñamos na casa como disfraces, cubos, pelotas, coxíns, etc.
  • Exercicios para estimular os sentidos: a estimulación sensorial é moi importante sobre todo en idades temperás. Apagouse a luz, pinzas da roupa polo corpo, ler os beizos, adiviña o ruído ou animal, etc.
  • Circuíto de obstáculos: en Internet existen moitas ideas para a realización deste tipo de actividade podendo adaptala en cada caso á idade dos cativ@s e do espazo dispoñible.

Aínda que como para todo, debemos ter en conta a idade dos nen@s, posto que nos primeiros anos de vida foméntase o xogo libre e o movemento. Durante o comezo da etapa escolar prevalece a actividade que involucra a coordinación, a habilidade e o equilibrio e nos seguintes anos desenvólvense progresivamente habilidades específicas como a flexibilidade, a forza, a resistencia; momentos nos que se potencia o dominio do corpo. 

A pesar de que o confinamento sexa duro, tamén pode ser unha grande oportunidade para entreterse en familia e desfrutar grazas á tecnoloxía!

28/04/202008:41
Mans tecleando nun portátil.
Pontevedra

SmartPEME pon en marcha sete obradoiros en liña para seguir formándonos en tempos de pandemia

SmartPEME, o programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación de Pontevedra, comezou esta semana ofrecendo sete novas accións formativas impartidas, co obxectivo de sortear as circunstancias do Decreto de Alarma, de xeito telemático. Os cursos, que contan con 10 prazas cada un, versan sobre xestión de redes sociais ou blogs, ferramentas para a mellora de páxinas web, ciberseguridade, redacción publicitaria, ferramentas para empresas turísticas, promoción de empresas ou técnicas de mercadotecnia (marketing).

O programa comezou este luns con Promociona o teu Negocio con Google My Business, con Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona, e Optimización de Imaxes: Mellora a Velocidade da túa Web, con Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico e profesora. Pola súa banda, o martes 27 Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, impartirá Como Vender en Vinted.

O mércores 29 de abril celebraranse dous novos obradoiros: Como Vender os teus Produtos nun Marketplace, impartido por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, e Como Mellorar a Reputación en Liña do teu Establecemento Turístico, por Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas pola Universidade da Coruña.

Por último, o xoves 30 de abril impartiranse os obradoiros Vende os teus Produtos en Facebook e Instagram con Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, e Intelixencia Artificial: Que É e Como Funciona, impartido por Manuel Freire, experto universitario en Robótica.

28/04/202008:34
Mans tecleando nun portátil.
Santiago de Compostela

Máis de 1500 persoas aprenden galego no marco do Plan de Teleformación de Política Lingüística para 2020

  • Inclúe cursos preparatorios para as probas Celga e formación para traballadores ao servizo da Administración
  • Os prazos da convocatoria para probas de obtención dos certificados de lingua galega no ano 2020 permanecen interrompidos

Máis de 1500 persoas aprenden galego durante estas semanas a través do cursos en liña que ofrece a Xunta de Galicia no marco do Plan de Teleformación en Lingua Galega para o ano 2020 para residentes tanto na Comunidade como noutras zonas.

Un total de 1080 alumnos seguen, ata o 8 de maio e baixo a titorización de profesorado específico, un total de 34 cursos preparatorios das probas de acreditación do Certificado en Lingua Galega (Celga) en catro dos seus niveis. Así, desenvólvense desde o 16 de marzo tres cursos do Celga 1, oito cursos do Celga 2, oito cursos do Celga 3 e 15 cursos do Celga 4, todos eles, incluso os previstos inicialmente como formación presencial, na modalidade de teleformación debido ás circunstancias motivadas pola crise do COVID-19.

Un total de 300 traballadores ao servizo da Administración seguiron ata onte 12 cursos de formación en linguaxes específicas do galego, linguaxes administrativa e xurídica nos seus niveis medio e superior, dos 34 que a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten previsto desenvolver ao longo deste ano en colaboración con outros organismos, como a Escola Galega de Administración Pública, ou con outras administracións públicas. Os 22 restantes ofrecerán outras 550 prazas destinadas ao persoal das diferentes administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma Galega, así como da administración de xustiza e persoal de administración e servizos (PAS) das tres universidades galegas, co obxectivo de mellorar a capacitación en lingua galega dos devanditos traballadores.

Esta oferta formativa compleméntase coa das escolas oficiais de idiomas das sete cidades galegas, dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que desenvolven ata maio cinco cursos de linguaxe administrativa galega media e superior, con 125 persoas matriculadas, logo dos seis que desenvolveron durante o primeiro cuadrimestre deste curso 2019-2020. Nos devanditos centros de formación tamén se desenvolven arestora 17 cursos preparatorios das probas de acreditación do Celga, dos 34 que ofrecen dentro da súa programación formativa do ano escolar en curso, no que 225 alumnos preparan o Celga 2, 225 o Celga 3 e 400 o Celga 4.

Interrompidos os prazos de inscrición nas probas Celga 2020

No caso do Celga, cómpre recordar que os prazos de inscrición na convocatoria oficial de probas de acreditación para o ano 2020 –previstas para os meses de maio e xuño- publicada no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega, se atopan interrompidos e que os devanditos prazos se reiniciarán unha vez superado o estado de alarma.

A Consellería de Cultura e Turismo comunicará polas súas canles habituais os novos prazos de inscrición e as datas de realización dos exames no momento no que poidan retormarse con plena seguridade.

28/04/202008:27
Sección de empregos dun xornal.
Lugo

Os principais recursos tecnolóxicos para a empregabilidade, ao detalle nun seminario virtual do Campus de Lugo

A Universidade de Santiago vai achegar estes días formación virtual sobre como elaborar un currículo, como facer unha carta de presentación ou como crear un perfil profesional a través do servizo LinkedIn. Trátase de sesións directamente encamiñadas a tirar o máximo proveito deste tempo de confinamento para mellorar a empregabilidade e o adestramento tecnolóxico das e dos estudantes e titulados. As sesións, incluídas nun seminario virtual sobre ferramentas de inserción no mercado organizado pola Área de Orientación Laboral e Emprego da USC no Campus de Lugo, recibiron a semana pasada máis de 40 solicitudes de inscrición.

A técnico deste servizo universitario, Gloria Cruz Amil, comentou que o seminario virtual permitirá ás persoas que o completen adquirir coñecementos e competencias para a elaboración do seu currículo e mesmo tamén do chamado currículo europeo ou Europass. A redacción e os contidos que debe incluír unha carta de presentación e a creación dun perfil propio na rede social LinkedIn completan o programa desta acción formativa en liña. Segundo engadiu Cruz Amil, a metodoloxía do seminario “é sinxela” e porá o foco, tamén, na base dos coñecementos, participando as persoas inscritas (distribuídas en grupos de entre 10 e 15) nunha sesión inicial na que se explicará o cometido e a utilidade destas ferramentas de inserción laboral, trala que logo se achegará material ao alumnado para que completen e desenvolvan de xeito individual estes recursos tecnolóxicos. A supervisión e corrección destas tarefas e a posibilidade de participar en sesións e titorías individuais coa técnico da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC no Campus de Lugo é outra das posibilidades que ofrece este módulo virtual. As persoas interesadas en participar neste programa poden solicitar a súa inscrición de balde a través dos enderezos de correo electrónico emprego.lugo@usc.es ou gloria.cruz@usc.es. As primeiras sesións deste módulo de inserción laboral desenvolveranse os días 27, 28 e 29 de abril, pero estas accións formativas virtuais terán continuidade no tempo de existir demanda.

27/04/202008:27
Mans usando un smartphone.
Santiago de Compostela

A Cidade da Cultura pon en marcha 'Clic Xanela', un curso en liña con técnicas para mellorar as fotografías desde o móbil

  • Os participantes poderán compartir os seus resultados en rede e ter a posibilidade de ser titorizados nos seus avances dun xeito personalizado
  • Enxírese dentro da campaña #aculturasegue da Consellería de Cultura para ofrecer contidos de calidade e lecer durante o confinamento polo COVID-19

A Xunta de Galicia, dentro da súa campaña de lecer e formación #aculturasegue, pon en marcha polas redes sociais e páxina web da Cidade da Cultura o curso Clic Xanela, unha actividade en liña con técnicas para mellorar a calidade das fotografías que se sacan desde o móbil.

Pensado para un público adulto sen necesidade de coñecementos previos, Clic Xanela ten o obxecto de facilitar os recursos e habilidades para tirarlle un mellor partido as posibilidades que nos dan os dispositivos móbiles. Do mesmo xeito, trátase de compartir ferramentas que permitan aproveitar esta época de obrigado confinamento pola crise do COVID-19 con actividades culturais e de lecer de calidade online, tal e como persegue a campaña da Consellería de Cultura e Turismo.

Cada semana, o fotógrafo Óscar Corral impartirá nas redes sociais e na páxina web da Cidade da Cultura técnicas que facilitarán de modo sinxelo e a calquera tipo de usuario realizar mellores fotografías instando a levalas a cabo desde a fiestra. Deste xeito, convídase á xente a deixar de velas coma lindes do que quedou fóra nesta época de confinamento, senón como ponte da vida que continúa a pertencerlles e que sigue a formar parte das súas cotidianidades.

Entre os consellos, os participantes atoparán desde os máis básicos de iniciación –nos que se empraza á descuberta polo miúdo do dispositivo móbil para ver todas as opcións de fotografía que facilita cada aparato– ata ao dominio da luz, a harmonía cromática, a composición e disposición dos elementos a fotografar ata chegar a contidos máis elaborados sobre o discurso que podemos inserir nunha imaxe, aínda que sexa feita desde o móbil e a través da xanela.

Todas a persoas que participen poden compartir as súas fotografías tras aplicar o consello práctico tanto polas redes sociais da Cidade da Cultura, como facéndoas chegar ao enderezo electrónico onlinecidadedacultura@gmail.com para un grande álbum en liña compartido. Igualmente, se o desexan poden recibir de xeito persoal e individual valoracións, apreciacións ou comentarios de mellora por parte do titor, quen lles pode precisar ou aclarar dúbidas xurdidas no proceso ou no resultado.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS